Galicia recibe menos do 4% das hectáreas da Reserva Nacional con novos dereitos da PAC

A repartición efectuada polo FEGA, correspondente á campaña de 2023, beneficiará a 229 agricultores e gandeiros galegos, cun importe de 618.000 euros

Ganaderia Xuiz racion vacas producion relevo xeracional

Un total de 229 agricultores e gandeiros galegos recibirán novos dereitos de axuda básica á renda dentro da PAC, trala repartición realizada polo Ministerio de Agricultura de dereitos da Reserva Nacional correspondentes á campaña de 2023. Representan unicamente o 6,8% dos produtores beneficiados no conxunto do Estado.

En canto ás hectáreas con novos dereitos, as asignadas a Galicia son 3.977, o 3,75% do total repartido entre agricultores e gandeiros de todas as comunidades autónomas. O montante económico de axudas aparellado é de 618.069 euros, o 5,16% dos case 12 millóns de euros distribuídos en axudas.

As comunidades de Castela-A Mancha (35.117 hectáreas e 2,6 millóns de euros), Castela e León (28.999 hectáreas e 2,8 millóns de euros), Cataluña (9.215 hectáreas e 1,4 millóns de euros) e Estremadura (5.200 hectáreas e 1,4 millóns de euros) acaparan o groso dos dereitos asignados.

reparto derechos reserva nacional PAC por CCAA

Estes dereitos, asignados polo Ministerio de Agricultura a través do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), corresponden á campaña 2023, por un importe total de 11.957.619 euros, que van beneficiar a 3.378 agricultores, o que supón unha asignación media de 3.540 euros por beneficiario.

No apartado de consulta pública de dereitos de axuda básica á renda da páxina web do FEGA atópase dispoñible desde o resultado do cálculo da asignación dos dereitos de axuda básica á renda da Reserva Nacional 2023, segundo a información remitida ao FEGA, ata a data actual, polas autoridades competentes das comunidades autónomas. Os resultados consideraranse como definitivos cando a comunidade autónoma correspondente comunique a resolución estimatoria da asignación.

De igual forma, neste apartado pódese acceder ao resultado da conversión cos dereitos definitivos de axuda básica á renda para a sustentabilidade asignados a cada produtor. Pode consultarse máis información sobre o proceso de conversión no seguinte documento do FEGA: Nota explicativa sobre conversión dos dereitos ABRS e pago redistributivo V2 (18/10/2022)

Criterios de reparto

O proceso de asignación levouse a cabo conforme ao previsto na normativa nacional sobre a asignación de dereitos de axuda básica á renda para a sustentabilidade da Política Agraria Común (PAC).

Para levar a cabo esta asignación tivéronse en conta as peticións recibidas e as dispoñibilidades da reserva nacional. O valor dos dereitos novos asignados correspóndese co valor medio rexional dos dereitos da rexión de axuda básica á renda na que estean localizadas as parcelas dos solicitantes de reserva nacional.

Reciben dereitos por primeira vez aqueles produtores que exercen a actividade desde 2015 e non recibiron nunca dereitos de pago básico e os que participan en programas oficiais de restructuración de terras

No caso de que o agricultor que solicitou dereitos á reserva nacional xa dispoña de dereitos, e o seu valor sexa inferior ao valor medio rexional, os valores unitarios anuais dos devanditos dereitos increméntanse ata o valor medio rexional.

Prioridade para mozos e mozas

reparto dereitos reserva nacional PAC

Os mozos e mozas son os principais beneficiarios destes dereitos, cunha asignación media de 4.538 euros. Ademais, poderán beneficiarse da axuda complementaria á renda para novos agricultores e agricultoras que, a partir da campaña 2023, supón un importe por hectárea igual ao valor medio rexional da rexión onde estea situada a explotación (ata un máximo de 100 hectáreas e sen estar condicionado ao número de dereitos que posúa). No caso de novas agricultoras con control efectivo sobre a explotación, o importe desta axuda será un 15% superior ao valor medio rexional que corresponda.

Os novos agricultores son os principais beneficiarios, con 63.880 dereitos asignados e unha asignación media de 4.538 euros

Os agricultores en desvantaxe, que supoñen un novo caso de reserva nacional a partir de 2023, contan cunha asignación media de 2.048 euros. Este apartado está destinado a aqueles agricultores que exercen a actividade agraria polo menos desde 2015 e non participaron nunca do sistema de dereitos de pago básico.

A asignación media para os novos agricultores é de 5.242 euros por beneficiario, mentres que a correspondente aos responsables de explotación que participen en programas de reestruturación (outro novo caso de reserva nacional a partir de 2023) é de 1.766 euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información