Archives

“Coas novas instalacións buscamos maior comodidade para o gando e poder medrar empresarialmente”

Víctor e Tino, no novo establo de produción construído en Señoráns (Vimianzo)

O Grupo Lence

Grupo Lence, grupo familiar dedicado á alimentación desde 1975, é a única empresa galega entre as 10 produtoras lácteas máis grandes de España. Este é un dato moi relevante tendo en conta que Galicia produce máis do 40% do leite que se produce no país. A través das súas marcas Río de Galicia e Leyma, Grupo Lence só recolle leite en Galicia. É a segunda empresa que máis recolle en Galicia e a única entre as catro primeiras que recolle o 100% na comunidade. Ademais, é a única compañía entre as catro primeiras lácteas españolas que é galega.

O activismo polo rural de Grupo Lence coas ganderías, a economía rural e a loita por manter a soberanía alimentaria é total e, por ese motivo, funciona como empresa tractora impulsando diferentes proxectos dirixidos a fomentar a innovación en toda a cadea de valor. Por exemplo, a compañía encabezou a proposta do PERTE Agroalimentario do sector en Galicia.

Apoio á modernización do sector

En Señoráns, no concello de Vimianzo, unha espectacular nave metálica de cor negro sobresae polo seu deseño vangardista. É o novo establo da gandería Os Loureiros, que está ultimando os derradeiros detalles para trasladar o gando para ela.

Víctor Lavandeira Pereira e Celestino Pose Velasco, os dous socios desta explotación, decantáronse por este modelo de construción logo dunha viaxe por Holanda. Buscaban unha instalación aberta e ventilada que ofrecera o maior confort ás súas vacas e comodidade tamén no traballo diario para eles e os seus empregados.

A nova edificación destaca pola súa estética diferente, pero tamén representa unha aposta por unha gandería moderna onde a tecnoloxía sexa a protagonista xunto co coidado do medio ambiente, a eficiencia enerxética e a integración no entorno no que se ubica.

A integración na paisaxe, a eficiencia enerxética e a sustentabilidade ambiental foron aspectos que tiveron en conta, pero tamén a funcionalidade da granxa

Un dos aspectos que tiveron en conta á hora de construír o novo establo foi precisamente a sustentabilidade desde o punto de vista ambiental, pero tamén a funcionalidade da granxa desde un punto de vista práctico, creando un ambiente confortable tanto para os animais como para as persoas que traballan nela, un total de 13 neste momento contando aos dous socios.

Visión empresarial

“Coas novas instalacións buscamos maior comodidade para o gando e poder medrar empresarialmente”, destaca Tino. A nova nave ten capacidade para 617 vacas adultas, contando as que están en produción e as secas, o dobre das que están a muxir hoxe en día.

Os obxectivos de Tino e Víctor son claros: mellorar a eficiencia da produción, o benestar animal, as condicións de traballo, así como a rendibilidade da explotación

Logo de máis de 40 anos no lugar de Reparada, optaron por cambiar de ubicación, a unha finca situada a uns dous quilómetros e medio do antigo establo. Na nova nave construíron instalacións para as vacas en produción e para as secas, ademais de silos e unha vez efectivicen o traslado pretenden reformar a nave vella para acoller a recría.

“Empezamos co proceso burocrático no 2020 e estamos rematando a obra e de instalar os distintos sistemas para facer o cambio este ano”, avanzan. Na última campaña xa fixeron o ensilado na nova ubicación en previsión precisamente de mudarse para Señoráns.

Unha granxa coma esta non ten por que ser máis contaminante que outra máis pequena pero máis antiga, máis ben o contrario

A súa intención de seguir incrementando o volume de produción de leite de cara ao futuro vese sen embargo limitado trala aprobación do tope de 850 UGM fixado no Real Decreto de Ordenación de Granxas de Vacún.

“Cando nós comezamos con este proxecto non se aprobara esa normativa e o establo está disposto na finca para o día de mañá poder facer ao lado outro establo exactamente igual a este, pero iso neste momento xa non é posible desde o punto de vista lexislativo, algo que para min non é lóxico, porque unha granxa coma esta non ten por que ser máis contaminante que outra máis pequena pero máis antiga, ao contrario”, asegura Tino.

Apoiarse na tecnoloxía para ser máis eficientes

Zona para vacas secas no novo establo

Xunto coa modernización do establo, outro dos obxectivos que perseguen coa nova granxa é a dixitalización dos procesos. Van cambiar os actuais podómetros por colares de monitorización das actividades do gando, como apoio na toma de decisións para a mellora reprodutiva e a prevención de enfermidades, grazas a parámetros como a detección de celos ou as alertas de caídas de rumia. “Queremos pasar de pensar no rabaño a facer un control máis individual de cada animal”, indica.

Contan con portas selectoras á saída da sala de muxido para separar animais para inseminar ou tratar

Este tipo de tecnoloxías tamén lles van permitir facer máis doado o manexo do gando, mediante por exemplo a instalación de portas selectoras á saída da sala de muxido, o que lles vai facilitar as tarefas de separación de animais para realizar inseminacións, revisións de xestación ou aplicación de tratamentos.

A nivel agrícola, dispoñen de maquinaria de precisión, con autoguiado por GPS e dosificación variable para a aplicación de fitosanitarios e fertilizantes, o que lles permite reducir o uso de insumos e de combustible e protexer o medio ambiente ao tempo que manteñen unha boa produción forraxeira.

Sala rotativa de 50 puntos de muxido

Sala rotativa de 50 puntos, coa que buscan reducir os tempos de muxido

Na actualidade moxen 330 animais tres veces ao día nunha sala de 16 puntos pero a nova nave conta cunha sala rotativa de 50 puntos, coa que pretenden axilizar esta tarefa malia o aumento no número de animais en produción.

Decidimos facer o novo establo porque a densidade animal que tiñamos xa era desmesurada

“Cando fixemos a sociedade Víctor e máis eu, fai agora 17 anos, estreamos unha sala de muxido traseira oito dobre. Tiñamos daquela 72 vacas e desde entón fomos medrando paso a paso até chegar a estar muxindo máis de 250 vacas e foi cando nos decidimos a facer o novo establo, porque a densidade animal que tiñamos xa era desmesurada”, recoñece Tino.

Co deseño da nova granxa buscabamos unha instalación aberta e ventilada que ofrecera maior confort ás vacas

Xunto coa ampliación do número de prazas, tanto de comedeiro como de camas, unha maior anchura dos pasillos e un maior tamaño dos cubículos, a ventilación será outro dos aspectos da nova nave que vai redundar nun maior benestar do gando.

As camas de descanso dos animais serán de area no novo establo, unha decisión que tomaron pensando no que é mellor para as vacas. “Somos conscientes dos problemas que acarrea a xestión da area no pozo do purín e o maior desgaste que provoca nas instalacións pero a nivel hixiénico e de saúde de ubre e patas nas vacas non hai nada mellor neste momento”, asegura Tino.

Organización do persoal

Os Loureiros dá emprego a 13 persoas para cubrir os turnos necesarios para facer tres muxiduras diarias

Na nova nave seguirán mantendo as tres muxiduras diarias, algo ao que Tino lle ve vantaxes: “Xa non só é polo aumento de produción, que tamén, ou por aspectos sanitarios relacionados coa redución da presión sobre o ubre das vacas, que tamén, senón sobre todo por organización do traballo”, di.

“Muxir tres veces permíteche compaxinar mellor as quendas do persoal, xa que podes facer turnos continuos rotativos, algo que muxindo dúas veces ao día é máis difícil de facer”, asegura. “Os nosos empregados traballan de media 4 días e medio á semana, porque unha semana traballan 3 días, outra 5 días e outra 6 días e despois volta empezar e os grupos vanse intercambiando nos horarios, ou ben están de mañá ou ben de tarde”, explica.

A tecnoloxía non aforra persoal e obriga incluso a que estea máis formado, pero permite focalizar máis os esforzos

Diante das dificultades para atopar man de obra, habitual na maioría das granxas que precisan un volume importante de empregados, como é o seu caso, Tino non pensa que a tecnoloxía sirva para aforrar persoal, obrigando ademais a que estea máis formado, pero considera que permite “focalizar máis os esforzos naqueles aspectos relevantes nos que o factor humano é clave”.

Defende ademais que a modernización das explotacións pasa por introducir a robotización en determinadas tarefas. Por exemplo, a alimentación das becerras de recría realízana neste momento mediante taximilk pero teñen intención de instalar amamantadoras cando realicen a reforma do establo vello para a recría.

Un cuarto de século entregando o leite ao Grupo Lence

O benestar animal é unha das prioridades desta explotación

A estrutura actual de Gandería Os Loureiros xorde no ano 2006 da fusión das granxas que mantiñan as familias de Tino e de Víctor. “A historia da explotación arrinca ano 1979, cando os meus pais empezaron a producir leite con 12 vacas”, lembra Tino. No ano 1988 fíxose un novo establo e partir do 2004 empeza a traballar xa Víctor na granxa, primeiro como obreiro, para dous anos despois pasar a ser socio.

Desde fai 25 anos o leite que producen é entregado ao Grupo Lence para a súa transformación. A media de produción é de 42-43 litros e o seu obxectivo é mellorar os niveis actuais de sólidos, tanto de graxa como de proteína, un aspecto cara ao que están enfocando a selección xenética da granxa.

Os socios iniciais da granxa eran os pais de Tino e os de Víctor

Ganderia Os Loureiros destaca sobre todo pola produción vitalicia das súas vacas. A lonxevidade dos animais, sumado a unha taxa de reposición baixa, permitiulles medrar en número de cabezas en base á recría propia todos este anos.

“A recría facémola nós tamén, pero hai dous anos, cando empezamos a empregar moito seme sexado para incrementar o número de xatas, pensando en encher a nave nova, tivemos que tomar a decisión de externalizar unha parte da recría enviar becerras a centros de recría por non contar con instalacións dabondo para todas elas, enviando becerras a centros de recría como o de Cowvet en Valencia, onde neste momento temos 66 animais”, explica.

Coa selección xenética buscamos calidades, lonxevidade e produción e desde hai catro anos estamos afinando máis o tiro neses obxectivos

Outra das claves da rendibilidade da explotación é a súa autosuficiencia na alimentación do gando. Traballan 180 hectáreas de terreo, das que labraron a millo o ano pasado 160. Realizan a maioría dos traballos agrícolas con maquinaria propia, agás a picadora e o transporte da forraxe até os silos, que é unha contratación externa. En canto aos concentrados para a alimentación dos animais, subminístrallelos Agrosoneira, a empresa propiedade da familia de Tino, que conta con fábrica de pensos propia.

Reportaxe elaborada coa colaboración do Grupo Lence

“O gando para as mulleres e o campo para os homes; vexo eses roles na maioría das explotacións”

O Grupo Lence xuntou este martes en Lugo a gandeiras que entregan o leite a Río e a Leyma O 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, serve todos os anos para visibilizar a contribución feminina nos distintos eidos da sociedade. Nas explotacións leiteiras, e no rural galego en xeral, as mulleres sempre xogaron un papel fundamental pero non sempre recoñecido. O Grupo Lence organiza desde fai tres anos, baixo o lema Gandeiras con Actitude Río, xuntanzas nas que participan mulleres que forman parte das súas explotacións provedoras. Pretenden fomentar a relación entre elas e contribuír a que adquiran ferramentas de liderado e autoestima para que pouco a pouco poidan ir gañando peso na toma de decisións nas súas ganderías. 
Leite Río inicia esta semana, con motivo do 8-M, unha campaña publicitaria nas principais cadeas de televisión onde as gandeiras son as protagonistas
“Está moi ben estar con xente que comparte as mesmas vivencias ca ti e que está pasando polo mesmo. Cada unha temos a nosa situación persoal, pero deste xeito sentímonos máis apoiadas e arroupadas”, aseguran algunhas das participantes. Aproveitamos a última destas xornadas, que tivo lugar este martes en Lugo, para falar con tres destas mulleres, que representan nalgúns casos un cambio xeracional e de mentalidade no sector.

“Eu véxolle ao sector moito futuro”

Leticia Míguez ten 23 anos e acaba de incorporarse á gandería familiar, Gandería Míguez, ubicada en Valadares, na parroquia de Meavía, pertencente ao concello pontevedrés de Forcarei. É unha explotación familiar con relevo que está a medrar. O seu pai, José, marchou traballar fóra moi novo pero sempre tivo a ilusión de volver. “Cando volveu o meu avó tiña 7 vacas e hoxe estamos en camiño das 300 cabezas”, conta Leticia. A gandería aténdena os seus pais, ela e os seus dous irmáns, e contan neste momento con dous empregados. O seu pai está ás portas da xubilación (ten 65 anos) e tiveron unha oferta para mercarlles a granxa, pero Leticia non quixo. Esa decisión levouna a tomar as rendas da explotación. “Eu véxolle futuro ao sector”, di.
Tivemos unha oferta de compra, pero fun eu a que non quixo vender
Malia a súa idade, fala coa naturalidade de quen sempre estivo aí, coa mesma coa que decidiu dar continuidade á gandería familiar. “A fin de contas sempre estiven involucrada na granxa, aínda que agora se oficializara”, evidencia. Seguir medrando e modernizando as instalacións Entre Leticia e o seu pai hai 42 anos de diferenza e un gran salto xeracional que ela percibe. “Parecémonos moito, pero ao mesmo tempo temos visións xa moi diferentes. A súa é unha visión máis conservadora en relación aos avances que están vindo. Eu tamén procuro ser cauta, porque ás veces non se sabe moi ben que é o que vén”, matiza.
Son neste momento a maior explotación leiteira do concello de Forcarei pero queren seguir medrando “con calma e con cabeza”
Están muxindo a día de hoxe 128 vacas e son xa a maior gandería de leite do concello de Forcarei pero tanto Leticia como os seus irmáns queren seguir medrando. “Queremos seguir aumentando ás vacas, non nos marcamos límites, pero queremos medrar con calma e con cabeza”, asegura. Ao mesmo tempo que aumentan o seu tamaño para gañar volume, están tratando tamén de modernizar a explotación. Leticia estudou enxeñería mecánica e trata de aplicar a súa formación á gandería. “Pedimos un Plan de Mellora para meter un segundo robot de muxido e imos pór unha amamantadora para a recría”, conta. Recoñece que a súa presenza, pola súa idade pero tamén por ser muller, aporta unha nova visión á granxa familiar. “Quero introducir novos métodos de traballo e tratar de innovar”, avanza. Até agora axudaba sobre todo co papeleo, pero a raíz dun accidente que tivo a súa nai involucrouse máis no traballo diario da explotación, onde aínda ve diferenzas entre homes e mulleres.
Din que a dixitalización é para acabar co papeleo pero cada vez temos máis. O único cambio é que chos mandan por email pero despois ti telos que imprimir
“Relégase moito ás mulleres ao coidado do gando, mentres que o campo é para os homes. Iso está como moi diferenciado; vexo na maioría das granxas eses roles. De feito, cando eu me incorporei foi porque a miña nai rompera un pé e tiven que dar eu un paso á fronte e pórme a atender ás becerras e ao coidado dos animais. Esa labor de vixiancia nas explotacións eu penso que a fan sobre todo as mulleres”, afirma Leticia.

“Sempre tiven claro que dun xeito ou doutro quería quedar no rural”

Nerea Aneiros ten 25 anos e incorporouse o ano pasado, xunto ao seu irmán Alejandro, á explotación familiar, Granxa O Caxigo, de Cerdido, na provincia da Coruña. Neste momento están a acometer un importante proxecto de ampliación en Moeche que os converterá nunha das explotacións de referencia na comarca de Ferrolterra. “A nosa era unha explotación familiar pequena. Estaban os meus pais sos e muxían unhas 40 vacas. O establo era moi vello e non daba xa para máis. Eles aínda son relativamente novos pero sen facer establo novo non podían avanzar moito máis. Por iso estabamos nunha situación na que ou faciamos unha nave nova e tirabamos os catro para diante ou senón terían que mirar de pechar a porta e adicarse a otra cousa porque tiñan unha carga de traballo moi elevada polas instalacións que tiñamos”, explica Nerea.
Eu e o meu irmán medramos no medio das vacas e sempre nos gustou isto; eu tiña moi claro que fose dun xeito ou doutro quedaría no rural
Logo dalgún momento de dúbida, Nerea e Alejandro decidiron meterse de cheo no proxecto, para o que contaron co apoio entusiasta dos seus pais, Francisco Javier e Ana Belén, que sempre incentivaron que os seus fillos continuaran na explotación. Tradición e formación Xunto a esa procedencia de familia gandeira, tanto Nerea como o seu irmán representan unha nova xeración con formación técnica. Alejandro é enxeñeiro agrónomo e Nerea estudou en Fonteboa e agora está a facer Veterinaria en Lugo. Despois dunha etapa "rebelde" na que dicía non querer saber nada da granxa, Nerea decidiu estudar o ciclo superior de FP da rama agraria na EFA Fonteboa de Coristanco, que lle devolveu "a ilusión e as gañas". A súa formación en Fonteboa deulle ademais a oportunidade de visitar outros países, cunha estancia en Irlanda onde aprendeu que "en Galicia facemos as cousas igual ou mellor que noutros sitios pero noutros países ser gandeiro ten un prestixio e unha consideración social que non temos aínda aquí", afirma. Pasar de 40 a 200 vacas O ambicioso proxecto que están a levar a cabo, cun investimento próximo ao millón de euros, permitiralles pasar das 40 vacas actuais a case 200, e tamén dar un salto tecnolóxico coa incorporación de catro robots de muxido. “Aínda estamos coa obra pero non falta moito e contamos poder cambiar as vacas xa no verán”, explica Nerea. É consciente de que o cambio para a nova nave vai supoñer mudar por completo o xeito de traballar e tamén vai incrementar as necesidades de superficie agraria.
Cun forte investimento, de arredor dun millón de euros, están a construír un novo establo en Moeche con dous robots dobres para perto de 200 vacas en produción
Na zona na que se atopan, a gandería de leite foi esmorecendo nos últimos anos. Iso é tamén unha vantaxe, pois facilítalles o acceso a base territorial. “Estamos preto de Ortigueira, que era unha zona gandeira moi importante pero a día de hoxe quedan poucas granxas e as que quedan non están a medrar porque non teñen relevo, así que o día de mañá vai haber menos aínda”, asegura. “Sen xente nova non hai futuro no sector”, di, e aínda que recoñece que a situación e a consideración da muller nas explotacións está a mellorar, é consciente de que aínda están en minoría na toma de decisións en moitas granxas. Non acontece así na súa, pois os seus pais teñen en conta a opinión tanto dela como do seu irmán Alejandro. “Eles teñen a voz da experiencia e nós a formación técnica. Facemos moi bo equipo”, conclúe.

“Queriamos xuntarnos varias granxas pero as trabas burocráticas foron tales que tivemos que desistir”

Rosa Neira ten 47 anos e é a titular dunha gandería en pastoreo de 55 cabezas en Santiago de Saa, no municipio de Lugo. “A granxa era dos meus pais e agora lévoa eu soa”, explica. Está muxindo neste momento 37 vacas e considera que “as granxas pequenas como a miña teñen pouco futuro, pero tampouco non ofrecen moitas posibilidades para podernos xuntar”, lamenta.   “Fai un ano estivemos mirando de xuntarnos entre varios veciños e facer unha explotación entre todos pero as trabas burocráticas foron tales que tivemos que desistir. A Administración, en vez de animarnos a unirnos o que facía era poñérnolo todo negro, de maneira que tivemos que aparcar ese proxecto e cada un tivo que seguir coa súa granxa en solitario”, conta. Iso, no seu caso, supuxo “cortarlle as ás”, di, porque ela soa non pode afrontar un proxecto ambicioso para modernizar a explotación, algo que en conxunto si que vía factible. “Eramos 5 granxas e reuniamos máis de 300 cabezas, con perspectivas de seguir medrando”, destaca.
O proxecto consistía na unión de 5 granxas; xuntabamos máis de 300 cabezas
Rosa defende que só as granxas viables e dun certo tamaño poderán atopar relevo xeracional. Por iso, a súa decisión de sumarse a unha iniciativa conxunta dese tipo respondía ao obxectivo de dar continuidade á gandería que antes tiveran os seus pais. “Eu non o facía só coa idea de labrarme un futuro para min, senón tamén para a miña filla, que ten agora 12 anos”, asegura. “A min non me dá medo seguir adiante eu soa, pero mellor íamos os 5 veciños xuntos. Seriamos de inicio 6 ou 7 traballadores e, aínda que despois algún se fora xubilando, era unha boa maneira de seguir”, defende. Atrancos legais Das 5 explotacións que estaban de acordo en fusionarse, tres delas eran granxas pequenas, coma a súa, e dúas ganderías un pouco máis grandes. Pero o feito de que algunha delas fora xa unha sociedade complicaba as cousas, xa que os obrigaban á disolución previa de todas a fórmulas xurídicas existentes para poderen xuntarse de novo.  
Obrigábannos á disolución previa de todas as sociedades para poder xuntarnos
“As gañas tiñámolas todas, pero desde a Xunta non nos axudaron nada; foron tantas as trabas que nos puxeron que ao final eles mesmos botaron para atrás o proxecto”, quéixase. “Para min era unha meta importante e non entendo como cada vez que nos reuniamos cos funcionarios da Consellería todo eran problemas”, reitera.   Era un proxecto no que ela estaba moi ilusionada e que non dá aínda por perdido, pero polo que non pode agardar moito máis tempo. “Teño 47 anos e se tardamos moito igual daquela xa non me interesa meterme como socia e me compensa máis traballar de empregada e alugarlles as fincas”, razoa.

Leite Río e o Sindicato Labrego Galego achegan posturas

Imagen da visita de representantes do SLG este martes a Leite Río Tralos momentos de tensión e os cruces de acusacións mutuas vividos durante a última renovación de contratos lácteos, Carmen Lence trata de reconducir a súa relación coas organizacións agrarias. Nun ton conciliador, a CEO de Grupo Lence, segunda empresa que máis leite recolle en Galicia e a única galega entre as catro primeiras lácteas que operan en España, recibiu este martes na sede de Leite Río en Lugo a representantes do Sindicato Labrego Galego. Carmen Lence encabezou a delegación da compañía que recibiu e acompañou durante o encontro aos representantes do SLG, entre os que se atopaba a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba.
É de vital importancia que os diferentes axentes do sector lácteo teñamos unha relación próxima. Se queremos que o rural de Galicia e as ganderías galegas teñan futuro, debemos colaborar e tratarnos con respecto (Carmen Lence)
A visita celebrouse nun ambiente cordial e co obxectivo de establecer unha canle de comunicación frutífera e bidireccional entre Grupo Lence e o Sindicato Labrego, destacan desde a empresa láctea. Carmen Lence agradeceu "de forma sincera" a visita e sinalou que "é de vital importancia que os diferentes axentes do sector lácteo teñamos unha relación próxima que revirta en cousas positivas para todas as persoas que viven del". Ademais, a CEO de Grupo Lence, empresa familiar 100% galega, engadiu que "a colaboración é un dos nosos valores e defínenos como compañía". "Se queremos que o rural de Galicia e as ganderías galegas teñan futuro, debemos colaborar e tratarnos con respecto. É por iso polo que é importante tratar con responsabilidade a información do sector e sobre os diferentes actores que o compoñemos. Somos máis fortes se estamos unidos e pensamos en como contribuír xuntos a que lle vaia ben ao sector lácteo e ao rural. Construamos en positivo", pediu.
O encontro celebrouse nun ambiente cordial e co obxectivo de establecer unha canle de comunicación frutífera e bidireccional entre ambos
O punto de partida da visita foi un percorrido pola planta de produción Ceao II. Jesús García, director de operacións de Grupo Lence, foi a persoa encargada de explicar como é o proceso de elaboración dos produtos da compañía. Tamén estivo presente a responsable do departamento de campo e das compras de leite da empresa, Cristina Dopico. Ao finalizar a visita á planta, a comitiva mantivo unha reunión na que ambas as partes expuxeron o seu punto de vista sobre cuestións como o actual momento do sector lácteo, as ganderías, o rural e os principais retos globais que están por chegar. O encontro finalizou co compromiso de continuar traballando en cuestións que fortalezan ao sector e repercutan no ben común.

Leite Río sostén que nunca dixo que mantería o prezo no actual contrato

Foto publicada por Carmen Lence no seu perfil de Linkedin o pasado 9 de novembro para defender a súa galeguidade Continúa o cruzamento de acusacións entre Leite Río e as organizacións agrarias polo prezo do leite. Se este xoves Unións Agrarias denunciaba que o Grupo Lence efectúa unha baixada dun céntimo no contrato de compra asinado coas ganderías de decembro a marzo, a empresa contesta que “é falso que estea dicindo unha cousa e facendo a contraria”, como sinalaba a organización agraria, porque “en ningún momento se comunicou ningunha subida nin baixada do prezo do leite” nin fixo “ningunha comunicación oficial nin declaración a este respecto”. O grupo galego, ao que pertencen as marcas Río e Leyma, asegura que paga o leite “por enriba da media de Galicia”. “Isto tradúcese en que as ganderías familiares que traballan con Lence leváronse á súa casa ata o mes de outubro, en conxunto, máis de 2 millóns de euros máis que as que traballan con empresas que pagan como máximo a media de Galicia”, argumenta.
Grupo Lence depende totalmente dos produtores galegos; polo tanto, o compromiso coas ganderías é total e palpable, aseguran
A empresa lucense lembra que “só compra leite en Galicia” e acusa a “outras compañías” de “pagar o leite máis caro fóra de Galicia mentres manteñen prezos baixos nas ganderías galegas”. “O Grupo Lence é a segunda empresa que máis leite compra en Galicia e depende totalmente dos produtores galegos. Por tanto, o compromiso coas ganderías é total e palpable”, asegura.

A relación entre Carmen Lence e as organizacións agrarias ténsase

A tensión entre Carmen Lence, CEO de Leite Río, e as organizacións agrarias foi en aumento nas últimas semanas, despois de que o SLG lle afease que diga defender ás mulleres do rural de Galicia ao mesmo tempo que lles baixe o prezo do leite nos contratos e de que Unións Agrarias emitira unha nota sinalando que lograra parar a baixada dos prezos do leite no campo. A estas acusacións, Carmen Lence contestou o pasado día 9 de novembro cunha “carta aberta” no seu perfil na rede social Linkedin na que, baixo o título Quen son os “galegos de conveniencia”? A verdade tralas medias verdades e as mentiras completas, negaba ter negociado nada con ningún sindicato e defendía a súa galeguidade e a da súa empresa.
Dicía o meu pai que como deixes que os demais che leven a empresa, en dous días non tes empresa (Carmen Lence)
Para o Sindicato Labrego Galego argumentaba: “Que levemos máis de 40 anos creando emprego e riqueza en Galicia, que compremos só a ganderías galegas, que transformemos todo en Galicia deixando todo o valor engadido na nosa comunidade, que paguemos os nosos impostos en Galicia… segundo estes señores, non é suficiente para chamarnos galegos”. En tanto, sobre Unións, dicía: “Pregúntome con quen negociarían estes señores, que ata o de agora non se molestaron nin en chamarnos por teléfono e moito menos en vir negociar nada. Imaxínome que despois de falar coas empresas de fóra que mencionan, non consideraron importante falar coa única empresa galega entre as catro que máis leite recollen en Galicia”, lanzaba a Unións Agrarias.
Unións sinala que Río é unha industria que "nin tan sequera contesta ás reiteradas solicitudes de reunión"
Consultados sobre esta cuestión, desde Unións Agrarias sinalan que lle solicitaron a mediados de ano unha reunión a Río a través da súa organización de produtores (Ulega), "á que a día de hoxe segue sen contestar". "Temos reunións cotiás coa maioría das industrias, logo poderemos chegar a acordos ou non, pero Río nin tan sequera contesta ás reiteradas solicitudes de reunión", sinala Óscar Pose, que insiste en que a industria se comprometeu coas granxas a non baixar o prezo en decembro, en relación ó de outubro. "Maior compromiso que ese non pode haber", conclúe.

O Grupo Lence medra grazas á marca branca e prevé facturar este ano 260 millóns

Un momento da visita de Alfonso Rueda ás instalacións de Leite Río no polígono industrial do Ceao, en Lugo A marca branca está a facer medrar ao Grupo Lence, convertido xa na segunda industria que máis leite recolle en Galicia, despois da multinacional francesa Lactalis. Os perto de 900.000 litros diarios recollidos nunhas 300 ganderías, principalmente das provincias de Lugo e A Coruña, e transformados nas súas plantas de envasado de Lugo e Arteixo, fan da empresa galega a oitava láctea no ránking estatal.  A compañía luguesa agarda rematar este ano cun volume de facturación próximo aos 260 millóns de euros, un 25% máis con respecto ao ano pasado, no que a empresa fundada por Jesús Lence e que hoxe dirixe a súa filla Carmen acadou os 208,4 millóns de euros facturados e os 9,5 millóns de euros de beneficio.  "Conseguimos o noso obxectivo de dobrar a empresa en 5 anos", fardou a presidenta do Grupo Lence, que destacou o "espíritu de superación" como "fundamental para seguir triunfando como o estamos facendo".
Leite Río pasou de facturar 133 millóns de euros no 2018, antes da chegada de Carmen Lence, aos 260 previstos para este ano
No transcurso dunha visita do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ás instalacións da empresa no Ceao, Carmen Lence presumiu de ser "unha empresa de tamaño medio que compite nun mundo de multinacionais".  O presidente da Xunta, pola súa parte, destacou "a potencia das empresas familiares en Galicia". "As grandes empresas en Galicia son empresas familiares", louvou. O Grupo Lence ten 233 empregados directos logo de crear 30 postos de traballo este ano.  Aposta pola marca branca A forte inflación e a caída na renda dispoñible das familias está a impulsar o consumo de marcas de distribución fronte ás marcas propias dos fabricantes e a empresa lucense soubo adaptarse a ese cambio de tendencia, poñendo as súas máquinas a envasar para outros. De feito, as marcas emblema da compañía lucense, como Río de Galicia ou Leyma, perden peso na carteira comercial do Grupo Lence fronte aos bricks envasados con marca branca para as cadeas de supermercados, que representan xa máis do 60% do volume de leite transformado nas fábricas da empresa.  
Seis de cada 10 litros envasados levan a marca da distribución
En canto ao consumo, segundo reflicte o último barómetro do sector lácteo presentado pola Federación Nacional de Industrias Lácteas (FENIL), o consumo de leite líquido medrou este ano un 1,1%, fronte á forte caída do 4,7% no consumo de iogures e ao descenso do 0,4% dos queixos, rachándose así unha tendencia decrecente no consumo de leite mantida nos últimos anos.  Envasar leite, máis rendible que facer derivados Sen case produtos de valor engadido (nata, batidos e leite ultrafiltrado son os seus máximos logros neste eido), o Grupo Lence sigue tendo no leite líquido o seu produto estrela. Logo de anos de prezos de venda baixos, debido á utilización do leite como produto reclamo nos supermercados, a escaseza de subministro vivida nos últimos meses do 2022 impulsou unha forte suba do prezo do leite nos liñais, que, con leves correccións, segue a manterse alto.
A forte suba experimentada polo prezo do brick nos supermercados está a beneficiar ao Grupo Lence fronte a industrias que fan queixos ou outros derivados
Iso fai que fronte aos anos nos que as empresas lácteas centradas no envasado de leite líquido se arruinaban, neste momento sexan as máis rendibles, máis que as que apostaron por produtos derivados de maior valor engadido, como por exemplo Inleit, prexudicada pola caída na demanda china e na cotización dos produtos lácteos industriais nos mercados internacionais.   Pero as tornas poden volver cambiar, polo que Carmen Lence pretende aproveitar a época de vacas gordas actual para seguir modernizando os procesos produtivos, a través de inxeccións económicas como as do proxecto SmarTZ4Milk, e tratar de innovar, da man da Aula de Produtos Lácteos da USC, en novos lanzamentos que impacten nun perfil de consumidor cun poder adquisitivo máis elevado. 

Utilización da imaxe da muller rural galega para vender leite en Madrid

A visita de Alfonso Rueda a Leite Río comezou cunha pequena tourné pola planta de envasado, onde o director de operacións do Grupo Lence, Jesús García explicou ao presidente da Xunta o proceso, comezando pola máquina que fabrica as botellas, adquirida en Alemaña e con capacidade para facer 15.000 botellas á hora, ou o funcionamento do almacén, onde cada 2 semanas se renovan os 9 millóns de litros de leite que hai acumulados. A continuación pasouse un vídeo propagandístico onde Leite Río utiliza a imaxe de mulleres que traballan en explotacións ás que lles compran o leite para destacar a "coraxe" da compañía. "As mulleres son o motor de moitas explotacións e as que aportan o sentidiño á hora de facer investimentos", asegurou Alfonso Rueda.
Os camións de Leite Río camiño de Madrid son balados publicitarios de Galicia en movemento
O presidente da Xunta quixo destacar tamén que "cando un vai a Madrid por estrada, cruzarte con camións de Leite Río é cruzarse con balados publicitarios de Galicia en movemento", afirmou. O Grupo Lence vende o seu leite fundamentalmente fóra de Galicia, xa que na comunidade mantén unicamente unha cota de mercado do 10%.  Sen posibilidade de preguntar O acto, nun auditorio frouxo de público, con dúas ducias de traballadores da empresa e outros tantos medios de comunicación e acompañantes do presidente da Xunta, serviu para que Alfonso Rueda mostrase a súa vontade de apoiar con axudas á empresa ("contade co noso apoio", díxolle a Carmen Lence), pero non para aclarar, por exemplo, se as ganderías galegas afectadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) van contar con axudas como as que xa se habilitaron noutras comunidades autónomas; ou se a Xunta ten pensado cortar o grifo a aquelas industrias lácteas que están a discriminar aos produtores galegos, pagando até 4 e 5 céntimos máis polo leite noutras comunidades.  Tampouco Leite Río está precisamente entre as empresas que máis pagan o leite en Galicia, malia as continuas apelacións de Carmen Lence no seu discurso ao seu compromiso co rural galego. Dado que non se permitiu facer preguntas no acto, non aclarou se os 43,7 céntimos de prezo base dos contratos que o Grupo Lence asinou para os meses de novembro e decembro, 10 céntimos menos que o que a empresa pagaba fai un ano, se van incrementar, ou tan sequera manter, de cara ao vindeiro ano. 

O Grupo Lence pon en marcha visitas de escolares co inicio do novo curso

Interior dunha das tres plantas do Grupo Lence

O Grupo Lence, segunda empresa que máis leite recolle en Galicia e a única compañía galega entre as catro primeiras lácteas que operan en España, abriu o prazo de inscrición para que os colexios poidan visitar as súas plantas da Coruña e Lugo no novo curso escolar.

Nesta nova convocatoria, os centros escolares poderán elixir cal das dúas plantas do Grupo Lence queren visitar: a de Lugo, máis enfocada a marca Leite Río de Galicia, ou a de Arteixo, que está máis enfocada á marca Leyma.

Durante as visitas, que están dirixidas a nenos e nenas de primaria (de entre 6 e 12 anos), profesionais da empresa láctea explicarán o proceso produtivo do leite, desde que sae da vaca ata que chega ás casas dos consumidores. O ton das visitas será adaptado segundo a idade concreta do grupo, que poderán ser dun máximo de 50 escolares por quenda (con 1 profesor ou profesora por cada 10 escolares). As visitas realizaranse cunha periodicidade dunha vez por semana en cada unha das plantas e sempre serán en horario de mañá.

Durante as visitas, explicarán aos nenos e nenas o proceso produtivo do leite, desde que sae da vaca ata que chega ás casas dos consumidores

Os responsables de centros escolares que queiran visitar co seu alumnado una das dúas plantas poderán facer a súa reserva enviando un correo a marketing@lence.gal ou chamando a calquera destes dous teléfonos: 982302901 ou 607116780 (cunha antelación de 2 semanas antes da data da visita). Á hora de reservar, deberán indicar o centro, a localización elixida para a visita e o número de persoas que acudirán en total.

Facer pedagoxía sobre o rural

O Grupo Lence, empresa familiar 100% galega, asegura que o seu compromiso coa contorna rural pasa por ensinar ás novas xeracións como funciona e que oportunidades ofrece o sector lácteo para a súa vida persoal e profesional.

A alimentación e o sector primario son básicos para a sociedade e a economía, e, por ese motivo, o Grupo Lence aposta por facer pedagoxía, buscando que a realidade do rural e os seus retos sexan permeables a todas as capas da sociedade, tamén para os máis pequenos. Deste xeito, a poboación máis nova poderá ter unha imaxe real do rural e do sector lácteo, aínda que no seu día a día non manteñan relación directa con el, aseguran desde a empresa láctea.

Leyma entra en campaña electoral: se as vacas votasen, teriamos moito “ganado”

Leyma, empresa que forma parte do Grupo Lence e que compra e transforma toda a súa produción en Galicia, entra de cheo na campaña electoral. No contexto do 25 de xullo, Día de Galicia, a láctea galega pon de manifesto a importancia que o rural e, en concreto, as vacas teñen para a actividade económica, cultural e social da comunidade a través dunha campaña.

Actualmente, en Galicia hai 120 concellos que teñen máis vacas censadas que persoas. Aproveitando esta situación, Leyma desenvolve esta campaña, ideada pola axencia creativa coruñesa quattro idcp, e xoga coas palabras, lembrando que, se estes animais votasen, teriamos moito “gando”.

A campaña está formada por unha pegada simbólica de carteis nas principais cidades de Galicia, que se fixo coincidindo coa campaña electoral; varias pezas de vídeo recollendo esta acción; e publicidade en diferentes plataformas e medios de comunicación coincidindo con esta data tan sinalada para os galegos e galegas.

O rural galego: a “vaca sacra” de Leyma

Desde o ano 1962, Leyma é sinónimo de orixe e calidade para as familias galegas; é parte das súas vidas e da súa alimentación. A marca chegou en boa forma á actualidade, xa que, ao peche do ano 2022, Leyma tiña unha cota de mercado en Galicia do 10,6%, sendo o leite galego máis vendida e a única que creceu tanto en volume como en cota en 2022 en territorio galego.

Un dos piares básicos da filosofía de Leyma é devolverlle á terra parte do que recibe dela. Por este motivo, apostan 100% por Galicia e, en concreto, polo seu rural e as súas granxas lácteas, comprando e transformando todo o seu leite na súa terra.

Por ese motivo, esta campaña do Día de Galicia vira contorna ao rural galego e a unhas dos seus grandes protagonistas: as vacas, que son a base da materia prima da Leyma; unha fonte de ingresos vital para a comunidade; e unha peza crave para loitar contra o despoboamento do rural e manter a soberanía alimentaria. Alí onde hai vacas, hai actividade económica, hai alimento fresco e fíxase poboación.

Nese sentido, cabe destacar que todas as granxas provedoras de Leyma contan coa certificación Welfair de Benestar Animal, que emite Aenor. Ademais, o leite de Leyma conta co selo de Galicia Calidade e o selo Galega 100%. Para garantir a máxima calidade no seu leite, Leyma fai unhas 2.500 análises mensuais, recollendo mostras en cada explotación que posteriormente se analizan no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise de Leite.

O aumento do prezo do leite nos supermercados dispara os beneficios do Grupo Lence

O Grupo Lence, segunda empresa que máis leite recolle en Galicia (uns 900.000 litros diarios) e a única galega entre as catro primeiras lácteas que operan en España, facturou 208,4 millóns de euros en 2022, cun crecemento do volume de vendas de produto envasado dun 6,2%. O beneficio bruto de explotación (EBITDA) situouse en 9,5 millóns de euros. Carmen Lence, CEO do grupo Lence, valorou positivamente os resultados e subliñou que estas cifras son “o resultado das políticas de mellora continua iniciadas a finais o 2020, que inclúen a dixitalización dos procesos, a optimización de custos e a mellora da eficiencia”. Da mesma forma, subliñou a importancia de ter unha oferta de produtos aliñada coa demanda do mercado: "Temos unha ampla experiencia con clientes de distribución desenvolvéndolles as súas marcas, ao mesmo tempo que marcas propias como Leyma e Rio de Galicia, que atraen ao consumidor pola súa alta calidade a un prezo competitivo".
O volume de venda de produto elaborado incrementouse nun 6,23% ao peche do exercicio, incorporando novos clientes
Nun contexto complexo para o sector, onde o consumo de leite caeu un 2%, o crecemento da compañía sustentouse na optimización da carteira de clientes, coa entrada de novos clientes a nivel nacional e rexional, e o aumento de pedidos doutros cos que o grupo Lence leva traballando décadas.  Río de Galicia e Leyma, á alza O grupo Lence destina neste momento o 60% do seu produto a MDD (Marca de Distribuidor) e o 40% a marcas propias, "un mix que reflicte a evolución do consumo de leite en España, onde o consumo de marcas de distribución medra en detrimento das marcas de fabricante", asegura a compañía lucense.
A empresa envasa o 60% da súa produción como marca branca
No que se refire ás dúas marcas principais de grupo, as vendas totais de Leyma e Río de Galicia incrementáronse nun 5,6% en volume de litros vendidos. Leyma pechou o ano cunha cota de mercado en Galicia do 10,6%, sendo o leite galego máis vendido e o único que medrou tanto en volume como en cota de mercado en territorio galego en 2022, fronte ao aumento da marca branca.
Leyma pechou o ano cunha cota de mercado en Galicia do 10,6% e Río recupera a súa posición obtendo en decembro un 17% de distribución ponderada no total nacional
Pola súa banda, Río de Galicia continúa recuperando a súa posición no mercado español, crecendo en distribución en comunidades como Madrid, Asturias, Comunidade Valenciana e Cataluña e chegando en decembro de 2022 a obter un 17% de distribución ponderada no total nacional, segundo datos Nielsen. A marca pretende lograr o obxectivo de situarse como o leite galego de referencia a nivel nacional. Baixada no prezo de compra ás granxas O ano 2022 estivo marcado a partir do mes de setembro por un incremento considerable do prezo da materia prima, acompañado por unha revalorización importante do prezo de venda do leite nos supermercados. En 2023, o prezo dos bricks nos lineais mantense practicamente igual, pero o prezo de compra do leite en orixe caeu desde os 60 céntimos de finais de 2022 aos 42,7 de prezo base que ofrece o Grupo Lence para a renovación de contratos coas súas máis de 350 granxas provedoras.
A estratexia empresarial da compañía o pasado ano baseouse na axilidade á hora de tomar decisións nunha contorna volátil
"O prezo de compra do leite márcao o mercado, pero en Grupo Lence mostramos o noso compromiso pagando aos gandeiros e gandeiras por enriba da media de Galicia", asegura Carmen Lence. A CEO da empresa afirma que a compañía está "comprometida co sector e coas ganderías", debido a que "se a elas lles vai ben, a nós vainos ben. Nós compramos toda a nosa materia prima en Galicia e transformámola en Galicia. Dependemos totalmente dos produtores galegos, co que somos os primeiros interesados en que obteñan un prezo xusto e que se siga xerando riqueza no rural", asegura.

“Gustaríanos manter os prezos pero e imposible competir con leite que está entrando a 42 céntimos”

Jesús García Fernández, director de operacións do Grupo Lence Está a sobrar leite en Europa e os seus efectos nótanse en Galicia. Os excedentes que se están xerando nesta primavera en países como Alemaña, Holanda ou Polonia acaban inundando os mercados e desestabilizando os prezos. Pero esta situación non prexudica só aos gandeiros, senón tamén ás industrias galegas. O Grupo Lence é neste momento a segunda empresa que máis leite recolle na comunidade, só por detrás da multinacional francesa Lactalis. Os preto de 900.000 litros diarios (unhas 325.000 toneladas anuais) que se procesan nas dúas fábricas de Río de Galicia no polígono do Ceao, en Lugo, e na planta de Leyma, en Arteixo, supoñen o 17% da produción láctea galega. A empresa fai gala, desde a chegada de Carmen Lence, de comprar toda a súa materia prima en Galicia e de ser por iso unha compañía clave no panorama lácteo da comunidade. Pero esa decisión, nestes momentos, supón unha desvantaxe competitiva a respecto doutras industrias, debido ao diferencial de prezo existente con outras zonas produtoras.
Como empresa seguimos defendendo a orixe galega do leite e indicámolo na etiquetaxe
O director de operacións do grupo lucense, Jesús García, é claro: “Como empresa seguimos defendendo a orixe galega do leite, e indicámolo na etiquetaxe. Pero esta situación está a penalizarnos, porque compites con industrias que utilizan materia prima moito máis barata”, explica. “É distinto pagar o litro de leite a 53 céntimos que facelo 10 céntimos menos e nestes momentos pódenche poñer leite de Francia aquí a 42 céntimos, é un diferencial moi importante”, insiste. De Galega 100% a Orixe UE Desde o Grupo Lence sinalan ademais que algunhas empresas da competencia modificaron a súa etiquetaxe para aproveitar a actual conxuntura de excedentes de leite en Europa e prezos máis baixos que en España. “Hai industrias que están a cambiar o etiquetado a orixe UE”, afirma Jesús García. Desde xaneiro de 2019 en España é obrigatorio indicar a orixe do leite, sinalando o "país de muxidura" e o "país de transformación", e, se ambos coinciden, utilízase o termo "Orixe do leite" seguido do país de procedencia. Esta normativa, que inicialmente se aprobou para ser aplicada con carácter experimental durante dous anos, en liña con regulacións similares establecidas noutros Estados, fora ampliada ata xaneiro deste ano pola Comisión Nacional de Mercados e Competencia co fin de achegar máis información e garantías ao consumidor.
Desde 2019 é obrigatorio en España indicar a orixe do leite
Outra vía de identificación da orixe do leite é selo PLS. No 2013 o Ministerio de Agricultura creou o selo Produtos Lácteos Sostibles (PLS), ao que se sumaron 15 industrias lácteas e 9 empresas de distribución. O selo PLS acabou converténdose en garantía da orixe española do produto. A Xunta creou tamén o seu propio selo de garantía, Galega 100%, que xestiona o Laboratorio Interprofesional Galego de Analise do Leite (LIGAL), para aquelas empresas cuxo centro de procesamento estea situado en Galicia e utilizen materia prima exclusivamente de explotacións incluídas no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada. O leite máis caro de Europa Ata o ano pasado, en Galicia comprábase en orixe o leite máis barato, non só de España, senón de toda Europa. Pero o escenario mudou. Trala brusca subida producida na segunda metade de 2022, desencadeada pola escaseza de subministración en toda Europa, os prezos remontaron. E mentres no resto de países os prezos practicamente volveron xa aos niveis previos a ese repunte, en España seguen aguantando en niveis elevados, aínda que corrixidos á baixa nos contratos desta primavera.
Imos facer ofertas continuistas; gustaríanos manter o prezo
“Nas renovacións de abril nós baixamos unha media duns 6 céntimos, na liña ao que fixeron o resto de industrias no panorama nacional, pero seguimos moi desfasados con Europa, onde seguen baixando os prezos”, asegura Jesús García. O Grupo Lence renovará contratos en agosto, para o que está a empezar a preparar as propostas que enviará aos gandeiros. “Imos facer ofertas continuistas pero o prezo final vai depender do que fagan o resto de industrias porque non podemos quedarnos illados. Se ti pagas o leite 3 céntimos máis que o teu competidor, ao final sácante do mercado. Nós estamos un pouco á expectativa, pero gustaríanos manter o prezo”, avanza o director de operacións da compañía. Ampliación da recollida O Grupo Lence recolle nestes momentos leite nunhas 400 ganderías das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra. Nos últimos anos modificou a súa política de subministración, tratando de fidelizar ás súas explotacións provedoras, unha intención que manterán na próxima firma de contratos.
Estamos nunha senda de crecemento e querémonos achegar nos próximos anos ao millón de litros diarios
“A idea é renovar o mesmo volume ou mesmo medrar un pouco. Nós estamos actualmente nunha senda de crecemento e querémonos achegar nos próximos anos ao millón de litros diarios; estamos nestes momentos preto dos 900.000 litros”, detalla Jesús García. Problemas de subministración no outono O aumento na recollida é tamén unha garantía de subministración para as súas marcas ante o temor a un novo desabastecemento de materia prima como o vivido o ano pasado. “A curto prazo, as industrias non imos acusar tanto esa posible falta de leite no campo, porque agora é cando menos consumo hai, ao final da primavera e de cara ao verán, pero no próximo outono e inverno vaise volver ver”, avanza. O director de operacións do Grupo Lence non espera unha recuperación da produción española para este ano, debido a factores como a seca, e destaca as condicións privilexiadas de Galicia para a produción forraxeira. “A nivel español creo que se seguirá dando unha concentración da produción láctea en Galicia e un descenso noutras zonas, polo que somos optimistas de cara ao futuro”, afirma.
En Alemaña o prezo xa caeu e o leite está a 37 céntimos; iso vaise empezar a notar nos próximos meses
En canto á produción en Europa, Jesús García augura un descenso nos próximos meses, o que serviría para frear as importacións. “Debemos analizar os datos globais anuais e non os dun período concreto do ano, e aínda que neste momento se poida estar dando un pico de produción, non tanto en Francia pero si noutros países europeos, seguimos crendo que a tendencia a longo prazo é que o número de ganderías e volume total de leite a nivel europeo descenda”, prognostica. “É normal que nestes momentos no norte de Europa haxa máis produción porque o leite chegou a alcanzar tamén alí prezos de 60 céntimos, polo que aínda que teñan restricións ambientais e custos altos de produción, as ganderías puxéronse a producir. Pero hoxe o prezo en Alemaña xa caeu e o leite está a 37 céntimos. Iso vaise empezar a notar nos próximos meses e a produción volverá baixar alí”, argumenta. O consumo mantense a pesar da inflación O Grupo Lence está a tratar de diversificar os produtos transformados que saen das súas fábricas, por exemplo con batidos da gama OptiPRO, para lograr desta forma maiores marxes e valor engadido, pero o envasado de leite UHT e a nata son aínda a día de hoxe os principais produtos transformados que saen das factorías do grupo. A demanda destes produtos básicos mantívose estable malia á revalorización do prezo no supermercado e á conxuntura económica das familias. “A pesar da inflación, nós non notamos unha caída significativa no consumo. Tanto nas nosas marcas como nas marcas de distribución que envasamos a demanda está a manterse”, asegura Jesús García.

SmarTZ4milk, o proxecto que aspira a dixitalizar a industria láctea galega

Galo Gutiérrez, director da oficina do PERTE Agroalimentario, con Santiago Álvarez, do IGAPE, e Carmen Lence O director da Oficina Técnica do Comisionado para o Programa Estratéxico de Recuperación e Transformación Económica (PERTE) Agroalimentario, dependente do Ministerio de Industria, Galo Gutiérrez, acudiu este xoves á sede do Grupo Lence en Lugo, onde mantivo un encontro cos integrantes do consocio SmarTZ4milk, o proxecto que aspira a captar fondos europeos Next Generation para avanzar na rastrexabilidade produtiva e redución da pegada ambiental da industria láctea. Coordinado polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e liderado polo Grupo Lence, integra a outras 6 industrias lácteas asentadas na comunidade: Clun, Larsa, Leite Celta, Prestes, Queizuar (Bama) e Bico de Xeado. En total prevense case 26 millóns de euros en investimentos nos próximos 2 anos, con dous eixos fundamentais en materia de transición dixital (trazabilidade da produción) e ambiental (redución dun 5% do consumo hídrico no proceso industrial, dun 10% do consumo enerxético e de 95 tm/ano de emisións de CO2).
Trátase do proxecto conxunto entre industrias de maior investimento no sector agroalimentario galego
Ademais de proxectos conxuntos, como a mellora da trazabilidade e a investigación de métodos analíticos baseados en proteómica para o estudo de proteínas do leite, cada empresa levará a cabo investimentos específicos en función das súas necesidades produtivas. O maior volume corresponde a Leite Río, con case 7 millóns de euros. Influencia en toda a cadea láctea O reto de SmarTZ4milk é modernizar a actual cadea de produción, transformación e distribución da industria láctea para dotala de ferramentas de competitividade baseadas na tecnoloxía e a sustentabilidade. O principal obxectivo é dar un impulso esencial á transformación dixital da industria láctea a través da automatización de procesos, sensórica avanzada e xestión eficiente, así como desenvolver unha nova ferramenta de rastrexabilidade integral da produción desde a granxa ao consumidor.
A través de intelixencia artificial e big data poderá predicirse a oferta e a demanda: canto leite se vai producir e canto leite se vai demandar
Por iso, aínda que o foco investidor está posto na industria, SmarTZ4milk mira cara arriba e cara abaixo na cadea láctea. “A través de intelixencia artificial e big data poderemos predicir canto leite se vai producir nas ganderías e canto se vai a demandar na distribución”, explicou Hugo Criado, de Medrar Smart Solutions, un dos coordinadores técnicos desta candidatura ao PERTE Agroalimentario. Soberanía alimentaria Carmen Lence destacou que “nun mundo cada vez máis globalizado, é esencial que manteñamos e fortalezamos o noso sector agroalimentario”. “Desde Galicia, onde producimos o 40% do leite en España, contribuímos a manter a soberanía alimentaria do noso país. Coa pandemia pola covid e a guerra de Ucraína vimos as consecuencias de ser dependentes dos produtos doutros países. Nos alimentos é algo fundamental”, asegurou.
Este proxecto é unha oportunidade para transformar o sector lácteo galego
A responsable de Leite Río e Leyma asegurou que os fondos europeos Next Generation supoñen “unha oportunidade para transformar o sector lácteo galego”. “É vital fomentar a innovación e a adopción de novas tecnoloxías que melloren a eficiencia e a sustentabilidade da nosa operativa diaria para que o sector lácteo galego siga liderando a produción e transformación láctea en España e sendo unha potencia a nivel europeo”, insistiu.

Empresas competidoras únense para captar fondos

Público asistente á presentación do proxecto, este xoves na sede de Leite Río A obriga de presentar proxectos conxuntos que involucren a distintas empresas e institucións para poder optar á convocatoria do PERTE Agroalimentario fixo posible que empresas que compiten entre si no mercado unisen forzas para optar a estes fondos. Entre elas están representadas neste proxecto as distintas tipoloxías empresariais existentes no sector lácteo en Galicia, desde grandes compañías como Grupo Lence, cooperativas como Clun ou CAPSA e pemes como Prestes, Queizuar ou Bico de Xeado.
O sector lácteo galego articúlase ao redor de 113 industrias e xera perto do 2% do PIB da comunidade
As 7 industrias lácteas involucradas en SmarTZ4milk recollen diariamente o leite producido por 1.500 ganderías, polo que se espera que o proxecto teña “un impacto positivo en toda a sociedade”. “Chegaremos co diñeiro a toda a cornixa cantábrica e o 45% dos fondos irán parar a municipios de menos de 10.000 habitantes, cun impacto que chegará desde as ganderías ao consumidor”, aseguraron os coordinadores da candidatura presentada. Próxima convocatoria para proxectos individuais Galo Gutiérrez, director da Oficina Técnica do Comisionado para o PERTE Agroalimentario, destacou a aposta que desde o Ministerio de Industria se fixo nesta primeira convocatoria de fondos en favor dos proxectos conxuntos, pero anunciou que os proxectos individuais poderán optar a futuras convocatorias.
Estamos a ver que os proxectos conxuntos conlevan importantes complicacións de xestión e en futuras convocatorias seguramente se permitan proxectos individuais
“Estamos a ver que estes proxectos conxuntos son máis transformadores pero levan aparelladas complicacións importantes de xestión e posiblemente, en función do grao de execución do PERTE actual, haberá unha segunda convocatoria o ano que vén onde se poderán incluír proxectos individuais”, avanzou. Iniciativas no sector do viño e os doces Galo Gutiérrez tamén explicou que o cronograma previsto polo Ministerio inclúe a resolución provisional á volta do verán e o pago antes de que acabe o ano aos distintos proxectos que concorren ao PERTE Agroalimentario. "Nesta primeira convocatoria non houbo máis peticións ca diñeiro, polo que todos os proxectos que estean ben e cumpran coa convocatoria recibirán financiamento", aclarou.
Haberá diñeiro para todos os proxectos que cumpran coas bases da convocatoria
Entre as 22 iniciativas presentadas á actual convocatoria inclúense 7 vinculadas a Galicia. Ademais do proxecto da industria láctea hai 2 centrados no sector do viño (un deles liderado polo Grupo Torres) e outro no da repostería. En total, sumarían case 55 millóns de euros de investimento, dos que case a metade corresponderían a SmarTZ4milk. O encontro co director da Oficina Técnica do PERTE Agroalimentario complementouse con visitas ás instalacións do Grupo Lence e ás fábricas de Clun e Queixerías Bama, onde puido coñecer os procesos produtivos seguidos en cada caso.

SAT Casa Carballo, camiño das 450 vacas en produción

Iago e Jose, xunto a un dos lotes de vacas en produción da súa granxa Casa Carballo é unha SAT familiar ubicada nas Veigas, na parroquia de Torneiros, pertencente ao concello de Pol, que suma xa a terceira xeración de gandeiros. Á fronte están os irmáns Jose e Iago Villamide. Forman parte tamén da SAT os seus pais, José e María, aínda que xa están xubilados. Están a muxir neste momento 360 vacas e contan cunhas 700 cabezas totais, pero queren seguir medrando. “Imos ver como nos podemos adaptar á normativa, porque o novo Real Decreto limita o crecemento de granxas como a nosa”, recoñece Jose. Están a preparar unha ampliación para situarse en dous anos en 450 animais en produción. O proxecto inclúe facer outra nave con capacidade para 180 animais para aumentar ás vacas de leite e ter máis cómodas as vacas secas e as xovencas. “Queremos seguir mellorando tamén outras infraestruturas; imos facer outra fosa de xurro e un novo silo”, explica Jose. Biocélula para poder seguir medrando Cadro de mando do sistema de separación e hixienización do purín Jose incorporouse no ano 1999 e o seu irmán Iago no 2007. Desde entón non pararon de medrar, aínda que desde o 2014 a gandería estaba estabilizada entre 250 e 260 vacas en muxido.  “Ao pasar de 300 cabezas adultas non nos daban licenza por carga gandeira, estabamos limitados”, explica Jose. Para poder seguir medrando víronse obrigados a instalar unha biocélula para tratamento do purín. “Ao poñer o separador xa cumprimos co estudo ambiental e puidemos seguir incrementando o número de cabezas e nos últimos dous anos aumentamos en 80 vacas en produción”, conta.
O custo do sistema achégase ao medio millón de euros
O sistema, de fabricación alemá, achégase ao medio millón de euros de investimento para unha granxa do tamaño desta explotación e para a súa instalación recibiron unha subvención do 35% por tratarse dun modelo innovador. Incremento da recría Zona onde están os tres lotes de recría na amamantadora, con cama tamén de compost Casa Carballo está aumentando a recría coa intención de medrar sen ter que comprar animais. “Estamos poñendo seme sexado en todas as primeirizas e tamén en vacas de primeiro e segundo parto que nos interesan”, detallan. O resto das vacas levan seme convencional e a partir da cuarta inseminación pasan ao touro. “Temos dous, un coas vacas repetidoras e outro coas xovencas inseminadas. É unha boa cousa, porque sempre salvan algunha vaca”, asegura Jose, aínda que a día de hoxe están logrando un índice de fertilidade moi alto.
Teñen dous touros, un para as vacas repetidoras e outro para as xovencas que non quedan preñadas
“Neste momento estannos empreñando moi ben as vacas. Eu achácoo un pouco a todo, a unha suma de distintos factores que fomos mellorando: por un lado, as camas están funcionando moi ben; por outro lado, facemos ración de preparto, que antes non faciamos e as vacas están parindo ben; e no establo de arriba, que é o máis baixo, cortamos a parede e metemos unha lona perforada para que ventile máis no verán”, enumera. Zona exterior onde están as vacas secas, con cama fría de compost O seme que usan é tanto de Xenética Fontao como de ABS, que lles fai tamén os acoplamentos, mentres que os machos para sementais mércanllos de pequenos á gandería Mantoño Holstein.
Preferimos metelas un pouco máis tarde á amamantadora, non nos convence para xatas de 10 días
Contan con amamantadora pero os primeiros 20 días as becerras están en boxes individuais e aliméntanas cun taxi-milk pasteurizador. “Preferimos metelas máis tarde á amamantadora, non nos acaba de convencer para xatas pequenas, de 10 días”, di Jose. Tralo reagrupamento na amamantadora, permanecen no seu lote (teñen tres en función da idade) ata que cumpren coas condicións para ser destetadas. “Imos destetando por peso e condición corporal, se van moi ben e comen xa penso, que teñen dispoñible desde que nacen, destetámolas entre os 60 e os 70 días de vida pero se vemos que van retrasadas témolas un pouco máis, como máximo ata os 3 meses”, explican.   
Nótase moito no crecemento a diferenza de estar en cama quente ou en parrillas
Neste momento están logrando xatas de boa talla e estanas inseminando con 12 e 13 meses. “Nótase moito a diferenza de estar en parrillas a estar en cama quente, nas parrillas frean o crecemento”, asegura Jose. Teñen un establo alugado en Fonfría, pertencente á antiga SAT Os Picos, onde lles caben unhas 120 cabezas e que destinan á etapa intermedia de recría, a partir dos 7 meses. Unha vez preñadas e confirmadas, volven para as instalacións de Torneiros, onde teñen saída ao pasto. Man de obra e relevo xeracional A granxa conta con 4 empregados, que se centran nas tarefas de muxido e a atención do gando A granxa funciona habitualmente con  6 persoas, 4 empregados e eles dous, aínda que nalgún momento poden contar con algún reforzo puntual para cubrir libranzas ou vacacións. Jose e Iago encárganse de todo o traballo agrario, de facer as racións para o gando e da inseminación, mentres que o traballo dos empregados céntrase en muxir e atender as becerras de recría.
Se non tivesemos relevo por detrás seguramente non nos meteriamos a novos investimentos e ampliacións
Aínda que os dous irmáns son persoas aínda novas, están xa a pensar en dar entrada aos seus fillos na explotación para garantir a súa continuidade. “Eu penso que un dos problemas que se dá moitas veces para o relevo das granxas é que os pais non permiten que os seus fillos entren a tomar decisións mentres que están eles e iso é un erro, porque se os fillos acábanse apartando porque sinten que non son tidos en conta e acaban buscándose outra cousa na que traballar fóra da explotación, iso despois leva a que cando o pai se xubila xa non teña quen colla a granxa”, razoa José. Sala de 28 puntos A granxa conta con 4 empregados, que se centran nas tarefas de muxido e a atención do gando Moxen tres veces ao día, ás 6 e media da mañá, ás 2 e media da tarde e ás 9 e media da noite. Hai 10 anos que se pasaron aos tres muxidos para aumentar produción e mellorar o benestar do gando. Están a muxir neste momento unhas 360 vacas, con medias de produción de 39 litros por vaca e día, cun 3,90% de graxa e un 3,35% de proteína. Habitualmente hai tres persoas en cada turno de muxido, dúas na sala e unha máis metendo vacas e facendo camas. “Antes tiñamos só dúas persoas, unha na sala e outra metendo os lotes, pero facíase algo xusto para o que estaba muxindo, porque temos unha sala de 28 puntos”, detalla Jose.
Hai ano e medio substituíron os podómetros por colares en todos os animais para ter máis datos e mellorar a detección de celos
Os animais en produción están repartidos en 5 lotes: un de primeiro parto; outro de vacas adultas; un terceiro lote de vacas preñadas que están para secar e vacas retrasadas que non empreñaron, onde teñen un dos touros; o cuarto de vacas paridas de menos de 2 meses;  e o último de vacas que é necesario tratar. Secado selectivo Separan as vacas dous días antes de secalas e cámbianlles a alimentación pola ración das secas As limitacións crecentes ao uso de antibióticos leváronos a introducir o secado selectivo. “Antes poñiamos antibiótico e tapón a todas as vacas e agora só poñemos o selador interno. O antibiótico só o levan os casos problemáticos, que representan arredor do 1% das vacas”, explica Jose. Para favorecer a baixada no leite un par de días antes do secado sepáranas para unha zona aparte na que lles reducen a alimentación, pasándoas á ración de secas. Logo fan muxiduras alternas, unha si e unha non. “É algo máis complexo de levar a cabo e non tes tantas garantías. Nós antes, cando poñiamos antibiótico, nunca unha vaca perdemos por problemas no secado; agora hai veces que si, porque no cambio as vacas sufren estrés e se teñen unha pequena infección dalles mamite e fiebre e xa non logras recuperar a vaca”, din.
O Centro Veterinario de Meira é quen lles leva tanto a parte de calidade do leite como a parte de reprodución
Por iso Jose considera que as restricións no uso de medicamentos en moitas ocasións están a levar ás ganderías a mandar prematuramente ao matadoiro vacas que doutro xeito se tratarían para tentar curalas. “Como cada vez tes menos alternativas para darlles, moitas veces cando xorde un problema xa non te arriscas a gastar nelas. Cando nós podiamos ter un pequeno botiquín, nada máis detectar un caso xa o tratabamos, agora hai que agardar a facer un antibiograma e que veñan os resultados e pérdese un tempo que é fundamental para atallar a enfermidade, tanto no caso de mamites en vacas como no de diarreas en xatas pequenas”, afirma Jose. Baixada de 7 céntimos en abril As xovencas preñadas saen ao exterior nunha finca a carón do establo Casa Carballo entrega desde hai catro anos o leite ao Grupo Lence, despois de estar moitos anos en Lactalis e un ano en Reny Picot. Renovaron contrato coa empresa lucense en abril, por 3 meses, cunha baixada de 7 céntimos, e esperan que non se produzan novas baixadas en xullo. “A ver como se presenta a segunda metade do ano pero non hai razóns para que o leite siga baixando, porque no resto de España está habendo moi pouca produción pola seca. É necesario que o prezo suba algo porque as marxes son moi axustadas e non animan a facer investimentos. Para iso necesitamos tamén estabilidade, pero neste momento non hai garantía do que vai pasar”, di Jose. Compost nos cubículos, na recría e nas vacas secas Mesturan o compost con carbonato cálcico e bótano cunha encamadora cada 4 días Até fai tres anos utilizaban como material de recheo dos cubículos unha mestura de palla e carbonato pero neste momento usan o compost hixienizado que obteñen do separador e a biocélula. Inicialmente instalaron un sistema con capacidade para 400 cabezas pero non lles daba abasto e o material non saía coas condicións idóneas para botalo nos cubículos, o que lles xerou moitos problemas de mamites. “Perdemos unhas 150 vacas e o resto quedaron tocadas. Son animais aos que lles custa empreñar e xa non se recuperan de todo para as seguintes lactacións”, asegura Iago.
As camas de compost agora estannos funcionando moi ben, estamos entre 100.000 e 120.000 células, pero ao primeiro tivemos moitos problemas de mamites
Recoñece que os problemas iniciais fixéronlles dubidar do uso do compost como material para as camas do gando, pero substituíron a biocélula por unha de maior capacidade e neste momento están moi satisfeitos co resultado. Tanto que están a empregar o compost nos cubículos das vacas en produción e tamén na cama libre da recría ou das vacas secas. “O material bota entre 24 e 26 horas dentro do tambor a máis de 60 grados de temperatura e sae completamente hixienizado. Desta maneira logramos un produto inerte que non apelmaza e que fai moi boa cama”, afirma Iago. Da planta o compost sae a unha temperatura de 60 grados, cunha humidade do 40% e o que fan é estendelo para que acabe de secar. Despois mestúrano con carbonato de calcio para darlle un pouco máis de peso e que non tiren tanto cos pés as vacas. Ao botalo coa encamadora a mestura aínda se seca máis. “Recheamos os cubículos cada 4 días e xa non temos que facerlle máis nada, nin sequera hai que movelo, as vacas cos pés xa se encargan diso. A palla co carbonato tiñamos que mollala e apelmazaba moito máis”, contan. Vantaxes a nivel agronómico Zona de almacenaxe do compost que utilizan para rechear os cubículos e na cama das vacas secas e a recría O material compostado pode usarse como abono orgánico nas fincas, cun alto poder fertilizante e maior nivel de asimilación que o xurro sen tratar, pero o feito de que, por normativa medioambiental, non se poida almacenar ese material compostado sobrante ao aire libre nas fincas fai que neste momento non estean a empregar eses excedentes como abono. Pero Jose asegura que mesmo a parte líquida resultante do proceso de separación e compostado contén un poder fertilizante maior que o do purín en si. “Vémolo na herba, que medra moito máis, a planta asimila moito mellor ese nitróxeno unha vez que o xurro pasou varias veces pola biocélula”, di.
As plantas asimilan moito mellor o xurro tras pasar polo separador; a herba medra moito máis
A capacidade de almacenamento de xurro da gandería aproxímase aos 4 millóns de litros neste momento, pero teñen previsto a construción doutra fosa para ampliar en 2 millóns de litros máis para deste xeito poder gardar o purín para os momentos de demanda dos cultivos. Mesturarlle carbonato cálcico ao compost responde tamén ao interese de mellorar o pH das terras sen ter que encalar despois á hora de facer os cultivos. “Hai máis de 20 anos que non encalamos, antes porque usabamos carbonato nas camas e agora porque llo botamos ao compost. Usamos unha bañeira cada mes e medio e temos un pH do 7 nas terras”, explica Iago. Placas solares Ao non usar o compost como abono, neste momento teñen adaptado o funcionamento do sistema de tratamento do purín ás necesidades de compost da granxa, con paradas de 10 minutos cada 10 minutos. Deste xeito logran reducir tamén o consumo eléctrico do sistema, que está a metade do tempo en stand by. Para abaratar a factura da luz, Casa Carballo conta con 60 kilowatios de potencia instalada, que montaron en dúas fases. A primeira, de 25 Kwh, está destinada a venda de enerxía, mediante un contrato asinado no ano 2007 a prezo fixo e cunha vixencia de 25 anos. “Fanche falta uns 14 anos para amortizar o investimento e despois cada tres meses de facturación un vai para pagar impostos”, explica Jose. A outra instalación, de case 40 Kwh, foi montada hai 5 anos e está destinada a autoconsumo da granxa.

“Temos reservas extra de comida para 10 meses; iso danos moitísima tranquilidade”

Van facer un novo silo para meter nel en outubro a colleita de millo deste ano Casa Carballo traballa unha superficie de 170 hectáreas. Unha parte delas son en propiedade e outra parte arrendadas, de ganderías que van pechando. Deste xeito conseguiron ampliar nos últimos anos a superficie agraria a medida que ían medrando en número de cabezas mesmo a un ritmo superior ao que ían precisando. “Dispoñemos neste momento de comida extra para 10 meses. Acabamos de abrir o silo de millo do ano pasado e o que estamos gastando de herba é de hai dous anos. Esas reservas que temos almacenadas dannos moita tranquilidade para poder medrar e son unha garantía en caso de que veña unha colleita mala”, din. Nunhas 135-140 hectáreas fan rotación millo-raigrás e as restantes están centradas da produción de herba. “Hai fincas nas que non compensa botar millo porque igual che dan só trinta e pico mil quilos de millo e se as deixas a herba vanche dar outras dúas cortas e a esas dúas cortas vaslles sacar outros vinte e pico mil quilos de herba sen ter o gasto que ten o millo.
Hai fincas nas que non compensa botar millo porque se as deixas a herba vas ter case a mesma produción con moito menos gasto
Fan eles todo o traballo agrícola, agás colleitar e picar o millo para o silo. Dispoñen dun amplo parque de maquinaria completamente equipado. Teñen segadoras rotativas, xuntadores e remolques para recoller a herba; grada rotativa, grada rápida e sementadora para botar o millo; cisternas con inxectores para botar o purín, telescópicas, carro mesturador, etc. Están a apostar por máquinas de última xeración, como tractores con sistema de autoguiado ou unha sulfatadora equipada con sistema GPS que permite optimizar as pasadas e reducir o volume de fitosanitarios utilizado. Adiantar a sementeira por mor da seca Labran unhas 140 hectáreas a millo, que rotan con raigrás Dispoñer de parque de maquinaria propio permítelles recoller o raigrás no seu momento óptimo, mellorando deste xeito a calidade do silo. “O de herba estanos dando un 30% de materia seca e un 15% de proteína. O silo de millo saíunos o ano pasado bastante seco, cun 38% de materia seca e un 36% de amidón”, detalla Jose. A campaña de ensilado de herba deste ano foi “moi boa” nesta gandería, que fai 2 cortes nas fincas que rotan con millo, e mesmo 3 nas parcelas que son mellores. “Sempre faciamos tres cortes en todas, pero este ano preferimos botar o millo un pouco antes. Aquí nesta zona é bastante seco e hai pouco solo, polo que necesitamos que cando vén a calor no verán o millo estea xa ben criado”, explica Jose.
Este ano preferimos facer unha corta menos de herba e botar máis cedo o millo por se vén a seca
Comezaron a sementeira arredor do 20 de abril nas primeiras parcelas que labran e remataron un mes despois nas 30 hectáreas nas que fixeron unha terceira corta de herba, nas que acabaron de botalo na semana do 20 de maio. “O millo quere abono” O primeiro corte de herba fano a principios de marzo, aínda que este ano adiantárono a finais de febreiro. Despois cada 40 días fan outro. Para os primeiros cortes abonan só con purín e para o terceiro utilizan un NAC 27. O consumo de abono é, sen embargo, moito maior na sementeira do millo. “O millo necesita abono. A planta para dar 50.000 quilos ten un consumo para ese crecemento e hai que aportarlle esas necesidades. Como o prezo do abono está sendo moi alto, houbo moitas ganderías que este ano mercaron abonadoras para aplicación localizada para botar menos quilos, pero eu penso que iso non funciona de todo. Quizais para que arranque e enraice ao principio si, pero despois a raíz ten que buscar para que cando chegue a seca teña máis superficie”, razoa Jose.
Empregamos uns 600 quilos de abono por hectárea e logramos uns 50.000 quilos de produción
Casa Carballo o que fai antes de arar é abonar con purín e despois complementar cun abono químico nitroxenado de liberación lenta 25-9-9. Nas fincas que non levan purín botan un abono NPK 8-24-16 ou 8-24-8 e algo tamén de liberación lenta. “Até hai poucos anos botabamos entre 800 e 1.000 quilos de abono por hectárea, pero agora baixamos a uns 600 quilos e esa cantidade faille falta”, asegura. “Levabamos 4 anos moi bos de produción, logrando entre 48.000 e 50.000 quilos por hectárea, pero o ano pasado sacamos sobre 10.000 quilos menos por hectárea con respecto ao habitual. Aquí apertou moito a seca”, lembra Jose.   Pesan os rendementos para ter control da produción das fincas Báscula á entrada da explotación, pola que pasan todos os insumos que entran á granxa Casa Carballo ten instalada unha báscula á entrada da granxa pola que pasan todos os insumos que entran na gandería. Tamén as forraxes que eles mesmos producen. “É unha maneira de levar control da produtividade das terras. É algo que che axuda a tomar decisións porque ás veces lévaste sorpresas”, recoñece Jose. A báscula montárona xa fai bastantes anos despois dunha visita a varias explotacións en Cataluña. “Dixéronme este é o aparato máis rendible da granxa, pero só llo vas notar os tres primeiros meses. E aquí pasou iso”, di. Compra directa das materias primas en porto Silos para a colza e a soia, que mercan directamente no porto Esta gandería de Pol foi das primeiras en mercar directamente os cereais e elaborar os seus propios concentrados. “Comezamos tendo muíño hai máis de 20 anos pero dábanos algo de alerxia o po. Agora seguimos traendo directo do porto a soia e a colza, pero a fariña de millo traémola xa moída e mesturada cos correctores”, conta Jose. Sempre mercan cun ano de antelación, tratando de pechar prezos que lles permitan un aforro económico. Pero, ademais do abaratamento logrado, un dos principais aspectos que destacan é o de “saber o que estás metendo na ración”. Dispoñen de carro mesturador propio e elaboran ata 5 racións diferentes para o gando. Aínda que elaboran só unha para os distintos lotes de produción, fana dúas veces ao día para subministrala fresca aos animais. Leva 30 quilos de silo de millo, 15 de silo de herba, 6,5 kg de fariña de millo e correctores, 2,5 kg de colza e 3 kg de soia.  
Fan unha ración única para as vacas en muxidura dúas veces ao día
A maiores fan unha ración para vacas secas, outra de preparto, e dúas para a recría, unha para xatas ata 12 meses e outra para xovencas xa preñadas. Este ano van facer tamén herba seca nas fincas nas que non botan millo para substituír a palla nas racións das vacas secas e xovencas. “Na ración das secas agora mesmo xa estamos a un 50% de palla e outro 50% de herba seca e nas xovencas xa non estamos metendo palla. Nós mercamos a palla a 90€ pero xa subiu moito porque hai moita escaseza”, admite.

Entrepinares renova contratos por 4 meses a 53 céntimos

A renovación de contratos do leite avanza en Galicia. Até esta semana practicamente ningunha empresa moverá ficha, pero nos últimos días todas as industrias están a apurar a sinatura de acordos de subministro coas súas granxas provedoras. As ofertas da maior parte das industrias inclúen baixadas de entre 6 e 8 céntimos, o que está a facer que o prezo medio en Galicia pase de estar próximo aos 60 céntimos a finais de 2022 a practicamente non superar os 50 neste momento na maioría dos novos contratos. Na parte alta sitúase unha vez máis Entrepinares (a queixería subministradora de Mercadona está a asinar estes días ofertas cun prezo base de 53 céntimos e unha vixencia de 4 meses) e Pascual, que está a renovar contratos por dous meses que se moven entre os 51 e 53,5 céntimos en función do volume de entregas.  A estratexia que segue Entrepinares, sen embargo, é a de igualar o prezo base a todos os seus gandeiros, unhas 170 explotacións en Galicia, independentemente do seu volume de produción, de maneira que a única diferenza entre o prezo final a cobrar por uns e outros estaría nos niveis de sólidos, que se endureceron no anterior contrato até un mínimo do 3,80% de graxa e do 3,20% de proteína.
Entrepinares segue apostando polos sólidos, pagando a décima de graxa a partir de 3,80% a 0,5 céntimos e a de proteína a partir de 3,20% a 0,8 céntimos
Unha décima por enriba ou por debaixo dese baremo supón 5 euros máis ou menos en tonelada no caso da graxa e 8 no caso da proteína. Esa é outra das novidades nos novos contratos asinados pola queixería de Vilalba, que segue apostando polos sólidos e incrementa de 0,7 céntimos en litro a 0,8 o valor da décima de proteína. Crecemento en Galicia nos vindeiros anos Entrepinares proxecta ampliar nos vindeiros meses a súa planta de Vilalba, que incrementará nun terzo a súa capacidade produtiva. As obras comezarán de xeito inminente, unha vez foron declaradas iniciativa empresarial prioritaria por parte da Xunta, e a nova instalación estará operativa no 2024. É a terceira ampliación da factoría desde a súa creación no ano 2010, coa que a empresa busca poder fabricar a maior escala en Vilalba queixo con mestura de leite de vaca, ovella e cabra. Entrepinares produce actualmente na súa planta, ubicada no Polígono de Sete Pontes, 40 millóns de quilos de queixo, fundamentalmente de vaca, e 10 millóns de quilos de derivados lácteos  trala construción dunha planta de tratamento de soro, unha torre de secado que permite facer tamén leite en po. O aumento da produción de queixo da empresa de Valladolid en Galicia nos últimos anos levouna a ampliar tamén o número de ganderías provedoras, chegando a recoller o pasado ano 192 millóns de litros de leite. De cara á actual renovación de contratos esa tendencia mantense, prevendo chegar neste 2023 aos 200 millóns de litros de leite, froito tanto da captación dalgunha granxa máis como do aumento de produción das xa existentes. A ampliación da factoría auguraría un incremento deste volumen de recollida nos vindeiros anos.

Baixada de entre 5 e 6 céntimos do Grupo Lence

Outra das industrias que comezou este venres a asinar contratos de renovación é o Grupo Lence, propietario de marcas como Río de Galicia e Leyma. As ofertas da empresa lucense inclúen unha baixada do 10%, entre 5 e 6 céntimos, o que deixa o prezo final por debaixo dos 50 céntimos, agás algún caso puntual de explotacións de gran volume de entregas. O Grupo Lence, que recolle uns 850.000 litros ao día (310 millóns de litros ao ano) conta con tres escalas de prezos en función do tamaño das súas 350 ganderías, o que deixa diferenzas de prezo de até 4 e 5 céntimos entre unhas e outras. A maiores destas primas por volume, estarían as de calidade hixiénico-sanitaria (a super A págase por baixo das 250.000 células somáticas e 30.000 xermes) e a de composición físico-química (0,3 céntimos a décima de graxa e proteína a partir de 3,70% de graxa e 3,20% de proteína).
Non se coñece aínda a oferta de Naturleite, que finaliza contratos o 31 deste mes
Non se coñece de momento cal vai ser a oferta de Naturleite, que finaliza contratos o 31 deste mes, nin tampouco a de Leche Celta, que remata o 30 de abril. Pascual, pola súa banda, ten granxas que acaban en marzo e outras que o fan o mes que vén. As primeiras están xa tamén a renovar estes días cun prezo que se move entre os 51 e os 53,5 céntimos, en función das primas por volume, certificación de benestar animal e dobre A, pero cunha duración de contrato de tan só dous meses. A empresa con sede en Aranda de Duero, que recolle o leite a unhas 80 explotacións en Galicia, é nese momento das que se atopan pagando máis o leite, con prezos próximos aos 60 céntimos nas granxas que finalizan, por exemplo, os seus contratos en abril. 

“Vivo mellor ca se fose funcionaria; ogallá me tivera decidido antes a traballar na gandería”

A semana pasada, na que se celebraba o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, Río de Galicia, marca pertencente ao Grupo Lence, celebraba a segunda edición do seu programa Gandeiras con Actitude Río, na que xuntou a unha vintena de mulleres pertencentes a distintas ganderías galegas provedoras da empresa láctea lucense. Entre as asistentes a estas xornadas, que buscan contribuír ao empoderamento feminino e a que vaian gañando espazos de responsabilidade e decisión nas ganderías, había mulleres de distintas idades e procedentes de distintos tipos de explotacións, pero todas comparten un sentimento común: “somos imprescindibles nas explotacións”, aseguran. Falamos con tres delas, Quiara Pardiñas, socia de SAT O Palomar (Láncara); Julia Fernández, titular dunha gandería no Corgo; e Maite Vázquez, traballadora de SAT San Antonio (Palas de Rei). As tres están orgullosas de traballar no rural e valoran a independencia e a liberdade que lles aporta. Motivación e autoestima É a segunda edición deste programa de apoio ás mulleres que traballan nas explotacións lácteas galegas e que terá continuidade, segundo avanzan desde Río de Galicia. Ademais do seu carácter formativo, esta iniciativa pretende ser un lugar de intercambio de experiencias e de relación entre mulleres gandeiras.  Gandeiras con Actitude Río pretende contribuír deste xeito á valorización do traballo feminino no agro, un traballo sempre presente pero moitas veces silenciado. Esa realidade, sen embargo, agora está cambiando, como explica Cristina Dopico, responsable do Departamento de Campo da empresa lucense.
Recollemos leite en 350 explotacións de toda Galicia e poido dicir que no 100% delas traballa unha muller
“Recollemos leite en 350 explotacións de toda Galicia e poido dicir que no 100% delas traballa unha muller, xa sexa directa ou indirectamente. A súa labor é esencial e queremos axudarlles a que adquiran ferramentas útiles no seu día a día, contribuíndo á súa autoestima, á súa motivación e ao seu crecemento persoal”, indica. A posta en marcha deste programa é unha mostra, di, do compromiso do Grupo Lence coa igualdade. “A igualdade é un feito moi notorio na propia empresa, onde moitos dos departamentos clave están dirixidos por mulleres”, salienta. Quiara Pardiñas, socia de SAT O Palomar (Láncara)

“Para min cambiarme para o rural foron todo vantaxes; estou moi contenta de terme ido para a gandería”

Hai 4 anos que Quiara cambiou a profesión para a que estudara, perruqueira, pola gandería. Incorporouse á explotación na que o seu home, Odón, tomara o relevo dos seus pais, SAT O Palomar, de Láncara.    “Traballaba en Lugo de perruqueira pero cando me quedei embarazada decidimos que o mellor era que eu me fose traballar tamén á granxa, e a verdade é que estou moi contenta, non me arrepinto para nada desa decisión”, di.
Eu non tiña nada que ver co campo, nin sequera vivía no rural, só ía as fins de semana cando ía ver á miña avoa
Quiara non se criara no rural pero hoxe non o cambiaría por ningunha cidade. “Eu non tiña nada que ver co campo, nin sequera vivía no rural, só ía as fins de semana cando ía ver á miña avoa, pero para min o de cambiarme para o rural foron todo vantaxes. Estou moi contenta de terme ido para a gandería, porque teño outra independencia e poido criar ao meu fillo nun ambiente totalmente san”, afirma. O día a día de Quiara comeza deixando ao seu fillo Antón no colexio. Despois vai para a granxa, onde se ocupa de atender aos animais que están na enfermería. “Miro temperaturas e vexo se hai que poñer calcio, vitaminas ou algún outro tratamento. Levo ese control a primeira hora e despois ocúpome da parte administrativa. Esa parte non me gusta tanto como tratar cos animais, pero a día de hoxe as ganderías temos que botar moitas horas co papeleo”, quéixase.
A día de hoxe a muller ten un papel moi importante nas ganderías, somos imprescindibles e estamos logrando que nos valoren
Quiara considera que a día de hoxe “a muller ten un papel moi importante nas ganderías, penso que somos imprescindibles e estamos logrando que nos valoren como ten que ser, igual que a un home. Na nosa granxa sempre se contou moito coas nosas opinións, tanto a miña como a da miña sogra; sinceiramente creo que mandamos máis ca os homes a día de hoxe”, asegura. Por iso, di, “paréceme moi interesante que se organicen xornadas coma esta por parte da empresa que nos recolle o leite, onde se recoñece o papel tan importante que realizamos as mulleres nas ganderías”. Quiara é das gandeiras máis novas nestas xornadas de formación e faino co ánimo de "desconectar un pouco da rutina e aprender" porque, di, “sempre se aprende algo das demais e da súa experiencia”. Julia Fernández, titular dunha explotación no Corgo

“Hai mulleres que se defenden tan ben coma os homes e explotacións que quedaron nas mans de mulleres e van para arriba”

Julia Fernández leva toda a vida traballando na explotación familiar, ubicada no Corgo, pero as vacas non estiveron nunca ao seu nome, ata fai un ano, cando o seu home, Fermín, se tivo que xubilar por enfermidade. “Tivo un brote de artrite e a explotación pasou ao meu nome”, explica Julia. A súa situación era a habitual hai 30 anos en Galicia, unha realidade que está a mudar hoxe co avance da cotitularidade nas explotacións. “Os meus pais tiñan vacas de carne na casa, pero cando nos casamos decidimos pasarnos ao leite; xa levamos máis de 30 anos producindo leite”, conta.
Julia é hoxe a titular da explotación familiar despois da xubilación hai un ano do seu marido por enfermidade
Julia destaca as posibilidades de conciliación que ofrece o traballo agrario. “Eu criei aos meus fillos e coidei aos meus pais e á miña avoa. Atendía a casa e axudaba na gandería. Sempre levamos ben o traballo entre os dous”, di, aínda que ás veces sexa difícil atender a todo: “igual che é hora de recoller aos nenos ou de facer a comida e hai un parto, hai días complicados”, recoñece. Foi o propio Fermín o que a animou a apuntarse á segunda edición das xornadas Gandeiras con Actitude Río, que buscan incrementar a autoestima feminina no sector. “Hai mulleres que se defenden tan ben coma os homes e hai ganderías que quedaron nas mans das mulleres e van arriba igual, eu non vexo que un home teña máis importancia que unha muller nunha explotación”, afirma Julia.
Nunha explotación hai que traballar, é certo, pero podes obter unha rendibilidade coma en calquera outro sector
Para continuar producindo leite nos vindeiros anos e poder adaptarse ás actuais normativas, a súa granxa necesitaría de novas instalacións, recoñece, pero ao non ter o relevo asegurado prefiren non facer eses investimentos. “Temos dous fillos, pero teñen outros traballos. Eu estaría encantada de que algún continuara pero debe ser unha decisión deles. E é certo que as vacas hai que muxilas todos os días, é máis suxeito que outros traballos, pero podes obter uns ingresos igual que en calquera outro sector. Eu nunca tiven falta de nada, o que moitas veces teño é falta de tempo para ir gastar algo, iso si”, bromea.   Maite Vázquez, traballadora de SAT San Antonio (Palas de Rei)

“Libro unha semana completa ao mes; teño unhas condicións laborais que moitos envexan”

Maite Vázquez vivía no rural pero nunca traballara na gandería ata hai dous anos, os que leva como empregada en SAT San Antonio, de Vilar de Donas, en Palas de Rei. “Entereime de que buscaban xente, fun alí, probei e estou encantada”, di. Ela atopou no sector agrogandeiro unha saída laboral. “Para min é un traballo coma outro calquera. Son do rural pero non tiña ningunha experiencia nisto, porque non tiñamos vacas na casa. Ogallá me tivera decidido antes a traballar no sector”, afirma. A labor de Maite céntrase en muxir. “Vou polas mañás, lévanos arredor de tres horas, e cando acabamos marcho para a casa e despois volvo outra vez á hora de muxir pola tarde”, explica. Comparativamente con outros empregos que tivo antes, di, “foi unha mágoa que isto non se me tivera ocorrido antes, porque tes unha independencia e un horario que non tes en ningún outro traballo”, destaca.
Teño un horario que che dá unha liberdade total á hora de poder facer outras cousas
“Traballamos tres semanas, cun fin de semana polo medio, e despois libramos unha semana completa ao mes, con fin de semana incluído. Para min o horario está moi ben, porque unha semana de vacacións ao mes non a tes en ningún outro traballo, iso dache unha liberdade total á hora de poder facer cousas. A verdade é que realmente hoxe teño unha vida moi privilexiada e unhas condicións laborais que moitas persoas do meu entorno envexan; vivo mellor ca un funcionario”, recalca.   A falta de man de obra é un dos problemas máis acuciantes das explotacións a día de hoxe. Sen embargo, Maite non entende como a xente non quere traballar nunha granxa: “É un traballo no que non colles pesos, non é un traballo canso, e pasas frío ou calor coma noutro traballo calquera. As vacas dan olor si, e acabas de traballar e teste que duchar, pero igual que se traballaras nunha peixería”, argumenta.
Somos tres mulleres na explotación e o ambiente de traballo cos nosos compañeiros é moi bo
SAT San Antonio está formada por 5 socios, entre as que está tamén Pili, que acompañou a Maite ás xornadas organizadas por Río de Galicia. “Animámonos a vir as dúas e merece a pena, porque as ferramentas persoais que adquires neste tipo de cursos ábreche outras expectativas para o futuro en moitos ámbitos da vida. É interesante que outras mulleres veñan e as adquiran tamén”, di.   O ambiente de traballo na explotación é algo que tamén quere destacar Maite. “Somos tres mulleres, Pili, Ana e máis eu, e a relación cos nosos compañeiros é moi boa; eu estou como se estivera na miña casa”, salienta.
Reportaxe elaborada coa colaboración comercial do Grupo Lence