“Traballamos tanto coma os homes, pero mandan eles”

A presenza feminina nas explotacións vai gañando peso paseniñamente, pero o poder de decisión das mulleres nos asuntos estratéxicos das granxas avanza máis lentamente. Vinte gandeiras de distintas ganderías de leite galegas expoñen cal é a realidade no sector

Mulleres pertencentes a distintas ganderías das provincias da Coruña e Lugo participantes na primeira das sesións do programa de empoderamento e liderado

Participantes na primeira das sesións do programa de empoderamento e liderado para gandeiras

O Grupo Lence vén de poñer en marcha un programa novidoso que busca fomentar o empoderamento e o liderado das mulleres á fronte das explotacións leiteiras, onde a presenza feminina é importante pero onde moitas veces o seu poder de decisión é aínda limitado.

Foi a radiografía debuxada por 20 mulleres de outras tantas ganderías galegas que participaron programa, que chega este venres ao seu remate e que lles serviu para poñer en común o seu día a día. A iniciativa, na que tamén participa a Cruz Vermella, consta de tres sesións para compartir experiencias e gañar en autoestima e confianza.

“A valoración social comeza pola autoestima e a valoración dunha mesma”, asegurou Alejandra Mosteiro, que traballou durante 11 anos no departamento de Recursos Humanos de Inditex e que foi a encargada de guiar a primeira das xornadas de posta en común.

A valoración social comeza pola autoestima e a valoración dunha mesma

Pero o camiño da igualdade non é doado. A maiores do traballo nas granxas, as mulleres cargan na maioría dos casos co traballo doméstico e coa responsabilidade do coidado dos fillos ou as persoas maiores  “Hai que saber pedir axuda e saber decir que non tamén”, recomendoulles Alejandra, coach da empresa Extend e presidenta de Aecop Galicia, unha entidade sen ánimo de lucro que traballa no eido do liderado e o emprendemento. 

Elsa, Genma, Mari, Ángeles, Nazaret, Sandra, Rosa, Vanesa, María, Maricarmen, Cristina e Adriana son todas gandeiras con inquedanzas comúns e problemas semellantes, pero con situacións tamén distintas. Algunhas levan soas as explotacións, outras son cotitulares xunto aos seus maridos ou outros familiares, e noutros casos son simples traballadoras dunhas sociedades das que non forman parte. Falamos con algunhas delas para poñer nome á situación real da igualdade de xénero no medio rural.

“O meu home é o 75% na toma de decisións”

Ángeles ten 44 anos e forma parte co marido e a sogra de Granxa Riveira SC, en Cambás (Aranga). Teñen 420 cabezas, das que 185 son vacas en produción. Aínda que comparten titularidade da explotación e traballo diario, Ángeles recoñece que o seu marido Alberto “é o 75% na toma de decisións”.

Temos dous fillos aos que non lles interesa moito a gandería, é algo que nos preocupa

Ángeles decidiu participar no programa de liderado e empoderamento de mulleres organizado polo Grupo Lence, ao que venden o leite, “para escoitar as inquedanzas doutras mulleres e sentirme acompañada, porque ás veces non sabes como afrontar situacións que che xorden e iso lévate á frustración porque tes sensación de soidade e de medo. Nós temos dous fillos, un de 18 anos e outro de 15, aos que non lles interesa moito a gandería, iso é algo que nos preocupa”, recoñece.

“A xestión da granxa recae sobre min”

Maricarmen forma parte da SAT Murado Portela, situada en Baltar (A Pastoriza) xunto a un irmán e unha irmá que non traballa na granxa. O de Maricarmen é un caso pouco frecuente aínda en Galicia, pois malia que os tres irmáns participan da sociedade a partes iguais, a xestión da explotación e a toma de decisións recae sobre ela.

“O meu irmán Toño leva o traballo máis físico e a maquinaria, pero a xestión do persoal e o papeleo lévoo eu, aínda que nas decisións sobre investimentos participamos os dous”, explica. A SAT constituiuse hai 12 anos con seis socios froito da unión de dúas casas da parroquia pero en abril do ano pasado separáronse.

Aínda que os tres irmáns participan da sociedade a partes iguais, a xestión da explotación levaa Maricarmen

“Ao desfacerse a sociedade quedamos con ela nós, os tres irmáns, mercámoslle a súa parte á outra familia e quedamos con todo, coas ganancias e coas débedas, e neste momento de custos de produción altos estamos tentando aguantar”, conta Maricarmen.

A explotación está formada por 405 cabezas totais e 240 animais en produción e atópase nunha das zonas leiteiras de Galicia por excelencia, onde non abundan as fincas nin os empregados para traballar nas granxas. “Temos un problema de base territorial, non nos chegan as fincas para nada, e tamén de man de obra. Nós temos catro empregados, todos de Senegal, porque de aquí non se atopa, pero facíanos falta outro traballador máis para poder sacar algo de traballo do lombo”, recoñece.

SAT Murado Portela moxe 240 vacas e ten 4 empregados a turnos de mañá e tarde

Maricarmen ten un fillo, Antón, de 18 anos, que está estudando o primeiro dos catro anos en Fonteboa coa intención de incorporarse á explotación. “Eu non lle privo de facelo, pero quero que se forme”, di.

“Ás veces arrepíntome de ter seguido eu soa”

Rosa María Neira ten unha explotación ao seu nome en Santiago de Saa (Lugo) con 40 vacas en muxidura que atende ela soa. “Levo traballando na gandería desde os 15 anos e teño 44. A explotación estaba a nome do meu pai e desde hai 5 anos estou eu á fronte. Pero ás veces arrepíntome de ter seguido eu soa. Bótame unha man o meu home, pero traballa fóra, e ata agora aínda me axudan moito os meus pais, pero dentro de pouco non me van poder axudar”, razoa.

“Esa é unha preocupación que me vén todos os días: como vou facer eu soa na granxa. Non lle vou pedir ao meu marido que deixe o seu traballo para axudarme e o sector está moi mal agora como para meter un empregado, case non gaño para min como para contratar un traballador”, di.

Non teño empregados, fágoo eu todo, e estoume perdendo moitas cousas de facer coa miña filla porque non teño tempo libre

 “Estás en tensión todo o día porque te ves soa pelexando. Levo desde os 15 anos traballando nela e non quero deixar perder todas as instalacións que creamos nese tempo. Pero preocúpame o futuro da explotación e ás veces plantéxome se non foi unha decisión equivocada ter tomado o camiño de seguir coa explotación eu soa. Rumio moito con iso todo o día. Teño unha nena de 10 anos e non teño gaña ningunha de que se quede na explotación, de feito, estou feliz de que non queira saber nada e farei todo o posible para que non quede na gandería”, di.

“Traballo nela todos os días pero non formo parte da sociedade”

Mari Abelleira é autónoma e traballa na SAT Emilio do Jaime de Xustás (Cospeito), na que o seu marido, Emilio, é socio xunto ao seu irmán e os seus pais. “Empecei a traballar na granxa hai 12 anos, cando me casei. Ao principio traballaba menos, pero agora desde que atendo os cativos e fago o traballo da casa, o resto do tempo dedícollo á explotación”, explica.

Empecei a traballar na explotación hai 12 anos, cando me casei, pero sigo sendo autónoma, non estou de cotitular

Sen embargo, Mari segue estando dada de alta como autónoma e non forma parte oficialmente da SAT, aínda que traballa nela todos os días dando o leite aos becerros, facendo o traballo administrativo da granxa ou cubrindo os turnos de muxido cando falta un dos catro empregados cos que contan para atender as 326 vacas en produción que teñen. “Eu vou traballar pero non tomo decisións de investimentos ou dese tipo. Mantéñome á marxe porque xa son moitos a decidir e hai xa moitas opinións”, di.

 “É difícil que as normas que pos se cumpran e que che fagan caso”

Genma ten 47 anos e forma parte de Gandería Cordeiro SL, de Arcillá, en Cospeito, con dous robots de muxido e persoal externo contratado. “É difícil que as normas que pos se cumpran, que che fagan caso. Moitas veces acabas facendo as cousas ti porque non as fan os demais”, asegura.

As mulleres gandeiras sentímonos moitas veces pouco valoradas polo entorno que nos rodea

“Hai que lograr que as normas sexan consensuadas para que sexan aceptadas e se cumpran, buscando que o equipo de traballo se comprometa”. Foi o consello que lle deu Alejandra Mosteiro, acostumada a tratar con directivos de multinacionais e grandes empresas. Pero as mulleres do rural galego son moitas veces altas executivas con pouca autoridade.

“Cando vas a unha gandería cun contrato para recoller o leite, quen te atende sempre é un home”

Cristina Dopico é desde hai dous anos a responsable do departamento de campo do Grupo Lence (Leite Río e Leyma). Desde o seu posto é plenamente consciente da situación da muller nas explotacións galegas, pois coñécea de primeira man.

“A igualdade avanza moi lentamente. Das 450 ganderías ás que lles recollemos o leite, nin o 2% están dirixidas por mulleres. É unha mostra representativa a nivel galego, xa que temos explotacións grandes, pequenas e medianas. A maioría das incorporacións ao sector seguen sendo de homes e cando vas a unha gandería cun contrato para recoller o leite, quen te atende sempre é un home, esa é a realidade que temos e que queremos cambiar”, di.

Este proxecto novidoso, posto en marcha por Leite Río e Cruz Vermella, busca fomentar o empoderamento e o liderado das mulleres á fronte das explotacións

Ese é o obxectivo do programa de empoderamento posto en marcha, incentivar que as mulleres comecen a dirixir as explotacións en igualdade de condicións que os homes, e que a igualdade de xénero e de oportunidades vaia gañando terreo no sector agrogandeiro, igual que o fai noutros ámbitos da sociedade.

Moitas das mulleres gandeiras que participan non se coñecían de antes

A idea do programa é servir para que Adriana e Nazaret, de Castro de Rei; María, da Capela; Cristina, de Cospeito; Vanesa e Elsa, de Lugo ou Alejandra, de Portomarín, que en moitos casos non se coñecían de antes, poidan seguir xuntándose para compartir vivencias e darse apoio mutuo unhas ás outras.   

“Buscamos compartir experiencias e aprender das demais, saír da rutina e ver cousas novas, escoitar as inquedanzas doutras mulleres e sentirnos acompañadas. E tamén ter unha mañá para nós, algo que non nos podemos permitir habitualmente”, resumen.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información