Os custos de alimentación das granxas de vacún de leite e de carne seguen a incrementarse. Esta semana producíronse subas considerables da palla e a alfalfa na Lonxa de León, unha das de referencia xunto coa de Salamanca e Binéfar. A revalorización foi de 30€ en tonelada na palla e 20 na alfalfa.
A seca que viven amplas zonas produtoras de cereal en España fai prever unha menor colleita este ano na campaña que comeza dentro dun mes e está a disparar os prezos da palla que hai almacenada do ano pasado.
Coa suba producida na sesión deste mércores, a paca grande de palla enteira de cebada de categoría 1ª pasou de valer 90€ a 120. A ese custo habería que engadir entre 30 e 35€ do proceso de picado e outros 25€ máis de portes, polo que a tonelada de palla posta nunha explotación galega sitúase agora mesmo nos 175-180€.
O prezo da palla triplicouse no último ano
Con eses prezos, traer un camión de palla, que en setembro roldaba os 2.500€, pasa agora dos 4.000. A escalada de prezos, que se viña producindo nos últimos meses (desde hai un ano o prezo da palla multiplicouse por tres, pasando dos 40€ en maio de 2022 a 120 na actualidade), fíxose máis evidente nas últimas sesións (a palla de cebada de 1ª calidade duplicou o seu prezo no último mes, pasando de 60 euros en León na sesión celebrada o pasado 5 de abril aos 120€ co que pechou este mércores).
Non hai oferta no mercado e a colleita será ínfima
“Non hai oferta no mercado e a colleita será ínfima”, xustifican os responsables da Lonxa de León. A seca, que está a reducir os pastos e a mermar as colleitas de forraxe, está a provocar unha maior demanda por parte das ganderías e tamén unhas malas previsións de colleita de cereal para a campaña que comeza a finais de xuño coa cebada e segue en xullo co trigo.
Nerviosismo e especulación
“Hai moito nerviosismo tanto por parte dos gandeiros que mercan como por parte dos agricultores que venden, o que está a provocar especulación no mercado”, asegura José Antonio González, nutrólogo de CLUN responsable da formulación da ración húmida que elabora o CAVI de Irmandiños.
Na súa opinión, “o propio gandeiro é o que está xerando en boa medida a especulación e provocando a suba dos prezos ao acaparar o produto”. “Se nunha explotación se consumían ao ano 10 camións de palla e ata agora os ía mercando escalonadamente, a medida que lle ían facendo falta, pero agora de repente os quere mercar todos xuntos e almacenalos, por medo a que siga subindo o prezo, iso inevitablemente provoca esa suba”, razoa.
Palla de peor calidade
Ademais de ser unha das razóns da escalada de prezos, “acumular palla é un erro”, asegura, porque “até dentro dun mes non se inicia a nova campaña nin se comeza a colleitar, polo que a palla que está vindo agora é palla vella, da campaña pasada, que pasou o inverno fóra, porque a capacidade de almacenamento en orixe é limitada”, di.
“É certo que hai unha grande incertidume e ninguén sabe neste momento que vai pasar dentro dun mes ou dous, pero a incertidume o que non te pode levar é a facer toleadas”, afirma José Antonio, que teme un empeoramento na calidade da palla que está a chegar ás explotacións.
Acumular palla é un erro, porque a que hai agora é palla vella que pasou o inverno fóra
“Vai depender do provedor, pero eu penso que o que vai acontecer é que ante a escaseza vaise meter para picar palla de peor calidade, que noutras circunstancias non se usaría para a alimentación do gando”, indica.
Por iso, recomenda “tranquilidade” ás explotacións á hora de pechar acordos de compra e non teme que se produza desabastecemento. “Aínda que a produción de cara á colleita deste ano será menor, as dúas campañas anteriores foron boas e hai palla antiga acumulada á que se lle dará saída este ano ao haber bos prezos”, razoa.
Outro factor que vai provocar un aumento do valor da palla, ademais da menor produción, vai ser a caída nas cotizacións dos cereais. “O 70% da superficie de cereal de Castela é secano e aí o gran vai render moi pouco. Ademais, os cereais están baixando, desde os 380-400€/tonelada que valían o ano pasado aos 230€ actuais. Iso vai facer que o agricultor queira compensar esa diferenza no prezo da palla, aproveitando a escaseza”, explica.
Alimentación de vacas sexas e xovencas e cebo dos xatos de carne
Nas ganderías de vacún de leite galegas o uso da palla é habitual na alimentación de vacas secas e xovencas, así como na cama quente da recría. “Nas racións de produción case non se usa, pode botarse un quilo como moito para compensar o exceso de humidade do silo de primeiro corte de herba, pero as racións de xovencas levan normalmente de 2,5 a 4 quilos de palla e as das vacas secas entre 4 e 6 quilos”, explica José Antonio, que dentro do seu traballo leva a cabo tamén asesoramento nas explotacións.
As racións de secas levan normalmente entre 4 e 6 quilos de palla e as das xovencas entre 2,5 e 4
No caso das ganderías de vacún de carne, o consumo de palla concéntrase sobre todo no cebo dos xatos e en estralos. Ao igual que nas becerras de recría nas explotacións de leite, a palla que se emprega habitualmente na cama quente é de peor calidade e dun prezo menor.
A colleita de alfalfa redúcese a un 25% do que sería un ano normal debido á seca
A campaña de ensilado de herba deste ano en Galicia foi máis dispar, con baixadas de produción en determinadas zonas. Iso fai que as necesidades de compra de forraxe por parte das explotacións se incrementen, sobre todo naquelas que andan xustas de base territorial.
Pero a carestía trasladouse tamén a cultivos como a alfalfa ou a veza, empregados polas ganderías para suplir a falta de silo de herba. A alfalfa é pouco utilizada na actualidade polas explotacións leiteiras galegas, agás naquelas que teñen falta de forraxe, polo que o seu encarecemento vai ter unha escasa repercusión na conta de resultados das granxas.
A alfalfa e a soia son dous cultivos proteicos que perderon protagonismo nas racións do gando leiteiro en Galicia nos últimos anos
Esta semana a alfalfa subiu na Lonxa de León 20€ e cotiza a 420 euros a paca grande en rama. A ese prezo habería que engadir o deshidratado e o porte até unha granxa en Galicia. A suba a respecto do mes pasado é neste caso de 60€, pero con respecto a fai un ano practicamente se dobrou o prezo, pois en maio de 2022 cotizaba a 228€ en rama e 320€ deshidratada.
A razón da suba de prezos é dobre: por un lado unha menor colleita, debido á menor superficie labrada (na última campaña reduciuse a superficie adicada a alfalfa, que acada unhas 250.000 hectáreas no conxunto de España, pola competencia do trigo, a cebada ou a colza debido aos bos prezos) e á menor produción lograda por hectárea e, por outro lado, un incremento da demanda exterior, sobre todo de países como China ou Emiratos Árabes, que son os que están a marcar os prezos.
O 75% da produción española de alfalfa expórtanse, o que exerce unha grande presión sobre o mercado
Castela e León e Aragón son as dúas principais zonas produtoras de alfalfa en España e o comportamento do mercado nunha e na outra está a ser diferente. “Castela é unha bomba de reloxería este ano, porque hai unha peor colleita nas parcelas de secano e porque alí conviven agricultores e gandeiros, polo que se incrementa a demanda. Iso fai que estea máis cara a alfalfa en rama en Castela que a alfalfa xa deshidratada en Aragón, porque en Castela están competindo en prezo os deshidratadores e os gandeiros para facerse coa materia prima”, explica José Antonio. A alfalfa deshidratada procedente de Aragón sitúase sen embargo entre os 390 e os 400€/tonelada, máis cara se é dos primeiros cortes.
A seca segue empeorando e as segas son decepcionantes, con rendementos que non acadan un 25% do que sería un ano normal
No caso da veza, que comezou a cotizar esta semana, a tonelada sitúase en 320€. “A seca segue empeorando e as segas son decepcionantes, con rendementos que non acadan un 25% do que sería un ano normal”, explican desde a Lonxa de León.