María del Carmen Lence Ferreiro (Lugo, 1970) asumiu fai un ano, trala morte do seu pai, Jesús Lence, a presidencia de Leche Río, a principal empresa láctea de capital galego, que recolle na actualidade unhas 300.000 toneladas anuais, algo máis do 10% do leite que se produce na comunidade. Falamos con ela das súas intencións e dos cambios no mercado que trouxo consigo o coronavirus.
Tras unha dilatada experiencia profesional dentro e fóra da empresa familiar, onde no pasado fora directora de vendas, Carmen Lence regresou de EEUU, onde residía coa súa familia, para facerse cargo das compañías do holding Lence Torres, que inclúe ademais de Leche Río e Leyma, Transleche (dedicada á recollida, transporte e distribución de leite e a través da que se canalizan tamén investimentos noutras empresas do sector agroalimentario, como Ebro Foods ou Deoleo) e Complejo San Cristóbal (con actividade no ámbito das gasolineiras, o inmobiliario, o sanitario e a restauración).
Asegura facelo por “responsabilidade”. O seu marido, que é un alto executivo dunha multinacional farmacéutica, e os seus dous fillos, un neno de 13 anos e unha nena de 11, seguen vivindo en Boston. Pero Carmen quería ter información de primeira man sobre as empresas, igual que facía o seu pai, aínda que cun estilo de liderado menos personalista que xa se intúe da súa relación cos seus colaboradores máis próximos, como Jesús García, director técnico das plantas, ou Aida Canto, responsable financeira, que se atopaban na empresa cando ela chegou e dos que se rodeou para impulsar marcas como Río ou Leyma. Na súa estancia en EEUU a filla menor de Lence foi profesora na prestixiosa Universidade de Berkeley, en California, onde impartiu cursos de formación a directivos de empresas punteiras como Google ou Facebook, un estilo de xestión á americana, onde prime o traballo en equipo, que pretende implantar en Leche Río para convertela nos próximos anos nunha das principais empresas lácteas de España.
– Leva vostede máis ou menos un ano á fronte de Leche Río. Que balance fai destes 12 meses?
– Foi un ano difícil, a verdade é que foi moi duro a nivel profesional e a nivel persoal tamén. A nivel persoal porque aínda que sabiamos que o meu pai estaba enfermo, realmente ninguén esperaba que fose morrer tan pronto. Eu estivera con el unha semana antes de que falecese e cando me fun o domingo díxenlle aos meus fillos que o avó tiña aínda corda para longo. Pero o martes cando o chamei acababa de ingresar no hospital e ese mesmo venres faleceu. Iso foi unha sorpresa, un shock, e despois todo o que veu detrás, porque a miña vida cambiou por completo, como do día á noite. De súpeto, por circunstancias, tal e como el deixara as cousas, decidín poñerme á fronte da empresa porque nese momento pensei que era mellor poñerme eu á fronte, aínda que aquí hai xente que leva moitos anos e ten moita experiencia, pero eu necesitaba estar ao tanto do que está a pasar e antes de deixar nada nas mans doutros dunha maneira cómoda un ten que ver que é o que está a deixar e como o está a deixar. E iso supuxo, de súpeto, pasar de estar coa miña familia para estar viaxando entre dous países.
– E a nivel de empresa?
– Pois houbo sorpresas agradables e sorpresas desagradables tamén. Tivemos un par de crises fortes pero superámolas e estou moi contenta porque considero que, a pesar de que foi un ano duro e difícil, conseguimos facer equipo.
– Fala de dúas crises superadas. Pódese saber cales foron?
– Pois unha foi máis a nivel persoal, a aterraxe na empresa, e a outra foi cando entrou Inleit, que empezaron a subir os prezos do leite e perdemos uns cuantos gandeiros. Esa foi unha crise bastante gorda. Tivemos que reaccionar e ir buscar a outros gandeiros.
Cando entrou Inleit empezaron a subir os prezos do leite e perdemos uns cantos gandeiros. Tivemos que reaccionar e ir buscar a outros gandeiros. Esa foi unha crise bastante gorda
– Eses contratos con novos gandeiros que Leche Río asinou nese momento, xusto antes da pandemia do coronavirus, pagando prezos por encima da media, corren agora algún tipo de perigo?
– O coronavirus cambiou o escenario en moitos sentidos e para moitas cousas, pero eu creo que afortunadamente no campo non se está notando. Leche Río está a pagar nestes momentos por encima da media de Galicia en prezos e xa o estaba facendo co meu pai nos últimos anos. No novo brick de Leyma destácase iso, que os nosos gandeiros reciben contratos estables e prezos xustos que contribúen a manter o campo vivo. De todos os xeitos, todos tivemos que subir o prezo coa entrada de Inleit, non só Leite Río.
Se chegan novos operadores e son serios, estupendo, porque creo que vén ben para todos e, sobre todo, é bo para Galicia, pero se son como algúns que tivemos no pasado, que chegan aquí, pegan o pelotazo e vanse, entón non, porque non é bo para ninguén e menos para o propio gandeiro
– Ademais de Inleit, nos últimos anos chegaron a Galicia novos operadores, como Entrepinares ou Covap. Aumentou iso a competencia no mercado lácteo galego?
– Ao meu modo de ver, se hai novos operadores que se van quedar, se son operadores serios e bos, para min estupendo, porque creo que vén ben para todos e sobre todo vén ben para Galicia. Pero se son operadores como tivemos no pasado, que veñen, pegan o pelotazo e vanse, entón non, porque non é bo para ninguén, e menos para o propio gandeiro. Eu entendo que houbo antes aquí empresas que chegaron, subiron o prezo, prometeron o ouro e o mouro e despois fóronse e nin sequera pagaron. E iso desestabiliza, e desestabilízanos a todos. A min paréceme que Inleit é un operador serio, que ten moito apoio por detrás e creo que están para quedar. Sería un desastre que agora se fosen.
Recollemos nestes momentos uns 800.000 litros diarios en 450 explotacións pero se as cousas van como esperamos tentaremos coller máis leite a próxima primavera
– Canto leite está a recoller nestes momentos Leche Río? Aumentaron volume de recollida ou teñen previsións neste sentido?
– Agora estamos a recoller entre 800.000 e 850.000 litros ao día, depende un pouco da época do ano, dunhas 450 explotacións, basicamente nas provincias de Lugo e A Coruña. A min encantaríame poder aumentar a recollida, agora no verán non imos aumentar, pero se as cousas van como esperamos co relanzamento de Leyma e de Río tentaremos na próxima primavera coller máis leite. Pero polo momento estamos ben así, eu creo que hoxe en día hai que ser un pouco precavidos.
– É hoxe Leche Río unha empresa máis forte e saneada ca cando recollía un 20% do leite producido en Galicia?
– A empresa é unha boa empresa, é unha empresa sólida e ten moitas cousas boas, pero tamén ten moitas cousas que hai que mellorar. Eu digo que é unha empresa saneada no sentido de que non ten débedas e o ano pasado facturou 140 millóns de euros, un 10% máis, e tivo preto duns catro millóns de euros de beneficio.
O meu pai non era unha persoa interesada en ter iates nin nada polo estilo, a el o que lle gustaba era traballar e divertíase traballando. Entón o que o meu pai sempre fixo é reinvestir na propia empresa. A empresa sempre se financiou con recursos propios porque ao final todo o que xerou quedouse aquí. Pero é unha empresa que tamén come moito. Porque soamente o ano pasado, seguindo o plan de investimentos do meu pai, foron 12 millóns de euros os investidos.
A empresa xera beneficios, uns 4 millóns o último ano, pero é un animal que come moito, só nestes meses investimos 12 millóns
En Leyma investimos unha parte importante, alí puxemos dúas máquinas novas, unha máquina de leite pasteurizado nova da marca Serac que envasa 9.000 litros cada hora en botellas de diferentes formatos, de tres cuartos, un litro e litro e medio, que custou 1,2 millóns de euros e outra Elopak que envasa 12.000 litros á hora nos novos bricks procedentes de bosques sostibles con certificación FSC, que supuxo un investimento de 3,5 millóns. E aquí no Ceao imos investir en distintas fases un total de 9 millóns, xa puxemos unha envasadora Krones, que é unha máquina de botella con capacidade para 8.000 botellas/hora, que emprega botella PET reciclable que xa non leva aluminio, para que sexa un pouco máis ecolóxico o envase. Imos tamén nesa dirección. É certo que a empresa xera, pero é tamén un animal que come moito.
Por cuestións de eficiencia estamos pensando pechar a planta máis vella, que é a de Veiga de Anzós, en Láncara, que é a de menor produción e onde envasamos as marcas máis económicas
– Cal é a situación das catro plantas de produción a día de hoxe? Seguen funcionando moi por baixo da súa capacidade? Contempla a posibilidade de pechar ou desprenderse dalgunha delas e concentrar a produción nas demais?
– Por cuestións de eficiencia estamos pensando pechar a planta máis vella, que é a de Veiga de Anzós, en Láncara. Estamos niso, estamos estudándoo, porque sinxelamente tendo tres plantas novas parece o máis lóxico, e de prescindir dalgunha, prescindir desa. Alí o que facemos nestes momentos son varias marcas pero é a de menor produción das catro e a que ten as marcas máis económicas.
O meu pai puido vender a empresa tantas veces e por moito diñeiro e nunca quixo. Eu tampouco o farei
– Non lle faltarán seguramente neste ano ofertas para vender Leche Río.
– O meu pai xa tivo ofertas para vender e sempre as rexeitou. E debe ser algo de familia, quizais sexamos algo masoquistas, porque a verdade a miña intención tampouco é esa. O meu pai puido vender a empresa tantas veces, e por moito diñeiro ademais, e nunca a quixo vender. Entón, se el non o fixo é porque realmente quería que a empresa quedase para os seus fillos e para os seus netos e eu mentres poida seguir ese soño, que agora tamén é o meu soño, pois fareino. E a ver o que podemos aguantar, e esperemos que non só podamos aguantar senón mesmo aumentar. Como eu digo sempre, non soamente resistir senón triunfar.
Somos ambiciosos. Queremos seguir medrando e aumentar a nosa marxe para non estar nese efecto sándwich entre o prezo do gandeiro e o prezo da distribución
– Cales son os seus obxectivos nese sentido? Onde ve a Leche Río a curto, medio e longo prazo?
– Somos moi ambiciosos e a nosa idea é en cinco anos estar entre as primeiras empresas lácteas de España, xa estamos entre as 10 primeiras pero non nos conformamos, queremos seguir medrando e crecer en produtos de máis valor engadido. É dicir, aumentar a nosa rendibilidade para vivir un pouco máis cómodos, por dicilo así, porque agora estamos sempre un pouco neste efecto sándwich entre o prezo do gandeiro e o prezo da distribución. Estar máis tranquilos, con produtos de máis valor que nos dean máis marxe para tamén así, se podemos, seguir pagando un pouco máis ao gandeiro.
A nosa principal debilidade é que somos unha empresa moi dependente de vender leite UHT, iso ponnos nunha posición comprometida
– Ata o de agora Leche Río centrouse fundamentalmente en envasar leite. Prevén diversificar? Que novos produtos queren sacar ao mercado?
– Leche Río é unha empresa que ten moitas fortalezas pero tamén ten unhas debilidades claras. Eu diría que a fortaleza principal é que é unha empresa solvente e cunha boa reputación no mercado, tanto cos nosos clientes como cos nosos provedores, que son os gandeiros. A principal debilidade que ten é que hoxe en día é unha empresa moi dependente do que é sinxelamente vender leite UHT, de produtos con pouco valor engadido porque temos poucos produtos con algo máis de valor engadido, que serían o leite fresco pasteurizado e o leite sen lactosa, a nata ou algúns batidos. Iso ponnos nunha postura comprometida, fainos ser débiles.
Queremos relanzar as nosas marcas principais, Leyma e Río, e empezar a sacar produtos novos de valor engadido como un leite por ultrafiltración con máis proteína e vitamina D, que sairá a final de ano
A nosa idea é potenciar as nosas marcas principais, que son a marca Leyma e a marca Río, que é o que xa estamos a facer, a marca Leyma acaba de saír cun novo packaging en formato Elopak, e en Río xa estamos a traballar tamén nun packaging novo para lanzar a nova imaxe de Río no mes de outubro, que será con certificación de benestar animal e cun envase ecolóxico e un pouco diferente. A nova marca Río vai ser realmente unha homenaxe ao meu pai, vai contar un pouco a historia de como empezou Río e un pouco a idea do que é o ADN desta empresa, ese espírito de superación que tiña o meu pai porque realmente Leche Río naceu como consecuencia do primeiro fracaso empresarial do meu pai, cuns camións para transportar leite que caeron nas súas mans en pago a unha débeda que tiñan con el cando se dedicaba a vender gasóleo, pero el contaba esa historia como un momento de absoluta desesperación, porque pensaba que realmente se ía á ruína. Ese espírito de mañá é outro día, volvemos empezar e saímos adiante é algo que a min sempre me marcou, toda a vida.
A nova imaxe da marca Río sairá no mes de outubro e será unha homenaxe ao meu pai. Terá certificación de benestar animal e un envase ecolóxico un pouco diferente
Ao meu pai apaixoábao o tema industrial e as plantas están, nese sentido, á última, porque nunca se deixou de investir en maquinaria e tecnoloxía e nós agora, sobre esa base, estamos a prestar máis atención á imaxe e ao desenvolvemento do produto. Acabamos de lanzar Leyma cunha imaxe nova, creamos a páxina web de Leyma e xa estamos nas redes sociais e facendo unha campaña de lanzamento co lema Nunca choveu que non escampara para acompañar a saída do coronavirus.
A idea é ir por fases, primeiro relanzar Leyma, que xa é unha marca forte en Galicia, e recuperar un pouco o que perdeu, porque é certo que nos últimos anos se que perdeu algo de cota de mercado, e empezar despois a sacar produtos de valor engadido. Xa estamos a traballar coa aula de Produtos Lácteos de Lugo para sacar novos produtos. A nosa idea é sacar a final de ano leite por ultrafiltración, é un produto con máis proteína e reforzado con vitamina D e está dirixido a persoas que queren coidarse, un leite pensado por exemplo para persoas de máis de 50 anos que poderiamos definir como adultos deportistas ou que lles interesa coidarse.
– Nos últimos anos Leche Río reduciu a marca branca para centrarse nas súas propias marcas. Seguirá por ese camiño ou volverán vostedes ao leite de marca branca? Teñen novos contratos con algunha empresa de distribución nestes momentos?
– Houbo unha época na que nós eramos moi competitivos á hora de facer marca de distribución, hoxe seguimos sendo moi competitivos niso, pero a nosa competencia pode poñer uns prezos máis baixos na marca de distribución porque obtén marxes maiores noutras das súas marcas, porque son máis fortes ou porque contan con produtos con valor engadido. Hoxe a marca branca en Leche Río rolda o 30%, temos máis ou menos un 70% de produción que son marcas propias e un 30% que son marcas de distribución. Non asinamos ningún acordo novo neste sentido, eran contratos que xa tiñamos. A marca branca eu creo que é interesante tela porque che axuda a ser máis eficiente e competitivo, porque as máquinas canto máis traballan máis eficientes son.
– Pero os gandeiros achacan habitualmente ás marcas brancas os baixos prezos en orixe e vostede mesma acaba de recoñecer que ás empresas tamén as afoga ese baixo prezo da distribución. Cre que debería prohibirse legalmente a venda de leite a perdas, por baixo dos custos de produción, nos supermercados?
– Esa é unha pelexa que tamén nós temos coa distribución de cando en vez. O leite segue sendo un produto reclamo, sempre o foi e ségueno utilizando. Nós cada vez que poñen un dos nosos produtos por baixo do que debe ser, chamámolos e protestamos, entre outros motivos porque iso desprestixia os nosos produtos tamén. Moitas veces son as grandes cadeas as que poñen o prezo.
Eu creo no leite pasteurizado e para min é o mellor leite. E tamén vexo futuro ao leite A2
– A estratexia de Leche Río orientouse nos últimos anos a potenciar a marca Leyma Natura e o leite fresco como referencia de calidade. O consumidor é hoxe máis esixente e demanda esa calidade?
– Eu creo no leite pasteurizado e para min é o mellor leite que temos. Eu vivín fóra, en moitos países, e é o que se toma en todos os lados porque é un produto vivo e moi bo para a saúde. Eu creo que o consumidor hoxe cada día está máis informado, le máis, e debería ser o tipo de leite que teña máis futuro. É leite fresco, do día, porque o recollemos nas ganderías, envásase e distribúese. É o que ten un sabor máis auténtico e natural. Tamén vexo futuro ao leite A2, que é outra opción que a min paréceme moi interesante, porque me parecen moi interesantes os produtos que sexan mellores sen ter que engadirlles nada, como pasa tamén co leite con máis proteína por ultrafiltración.
Agora pagamos a proteína. Antes non o faciamos, pero as demais empresas pagábana. Foi sinxelamente escoitar ao gandeiro
– A que se debeu a introdución desde este ano nos seus contratos do pago por calidade con primas que antes non se contemplaban? Buscaban máis calidade no leite ou simplemente fidelizar aos seus provedores cun incentivo no prezo?
– O principal cambio niso é que agora pagamos a proteína, que antes non pagabamos. Foi sinxelamente escoitar ao gandeiro, que nos dicía que os demais pagaban a proteína e nós non e era verdade. Empresas como Entrepinares ou outras queixarías pagan a proteína porque lles interesa. A nós dános un pouco igual nestes momentos pero estamos no mercado e temos que facer o mesmo que os demais nese sentido, e ademais se no futuro queremos facer produtos que se diferencien porque van levar máis proteína, pois tamén nos interesará que o leite en orixe teña tamén máis proteína.
Leche Río está a pagar neste momento por enriba da media de Galicia en prezos, levamos anos facéndoo
– Que incidencia tivo a pandemia do coronavirus no mercado lácteo? Como lle afectou a Leche Río?
– Houbo un pouco de todo, a xente ve que se vendeu moito leite durante o confinamento. É certo relativamente, porque o que se aumentou de consumo no fogar non paliou a perda de venda en hostalería, que foi substancial. O leite pasteurizado de Leyma estaba a ir moi ben e por desgraza o tema do coronavirus e o peche da hostalería afectoulle, porque nós vendiamos moito leite pasteurizado en hostalería porque o noso Leyma pasteurizado funciona moi ben para facer capuchinos e este tipo de cafés porque fai moi boa escuma. E o consumo aí baixou, esperemos que cando a hostalería reabra volva subir. Realmente non está a cousa para lanzarse moito mentres non volva á normalidade a hostalería e o turismo, toda esa xente que vén de vacacións e que é coma se fose outra España.
Xa se están notando cambios de consumo cara a leites máis económicos e por iso creo que é un bo momento tamén para marcas como as nosas, que son un pouco marcas challenger con boa relación calidade-prezo
Coa Covid si que é verdade que xa se están notando os cambios de consumo cara a leites máis económicos e por iso creo que é un bo momento tamén para marcas como as nosas, que son un pouco marcas challenger, con boa relación calidade-prezo, porque a xente nestes momentos se cadra non está disposta a gastar tanto na marca de sempre e busca resgardo nunha marca que lle ofreza unha boa relación calidade-prezo e por iso quizais sexa un bo momento para nós para conseguir unha maior cota de mercado. Nun primeiro momento tralo coronavirus parece que o do benestar animal, o pastoreo, o ecolóxico xa non é tan importante, o que importa á xente é un produto dunha boa calidade-prezo pero que non sexa caro. Pero ao mesmo tempo, se poden pagalo, si que prefiren benestar animal e produto ecolóxico. O quid aí será poder ofrecer iso a un prezo interesante.
– Fai pouco vostede alertaba sobre a entrada masiva de leite procedente doutros países, principalmente de Francia. Está a haber problemas de sobreoferta de produtos lácteos no mercado? Que consecuencias ten esta entrada de leite a baixo prezo e que medidas habería que adoptar para evitalas?
– Niso definitivamente habería que ter moito coidado. Non sei se é a Xunta ou o Estado a quen compete ou que medidas concretas habería que tomar, pero habería que evitalo polo perigo que iso conleva para a nosa economía. Porque hai empresas como a nosa, que somos galegas 100%, que compramos aquí, transformamos aquí, que facemos todo aquí e que estamos para o longo prazo e ás que nos afecta moitísimo. Porque que entre o leite de fóra a ese prezo faiche non ser competitivo, pero o que fai ademais é destruír ao sector produtor.
Habería que evitar que entrase leite de fóra a baixo prezo porque destrúe ao sector produtor e ás empresas de aquí fainos non ser competitivas
Eu realmente non sei que medidas se poderían adoptar para evitar esa entrada de excedentes de leite, porque é certo que estamos na Unión Europea e existe libremercado e liberdade de movemento para as mercadorías, pero non sei por que ou como é que entra aquí leite de fóra pero non pasa ao revés, e na Unión Europea estamos todos. Outros mercados aínda estando tamén na Unión Europea son mercados moi proteccionistas, eu acórdome de ver cando era máis nova os camións de amorodos ou laranxas parados na fronteira francesa. É difícil que eles acepten que entre ningún dos nosos excedentes no seu país pero eu non sei por que aquí se consinte ou se fai a vista gorda cando pasan estas cousas.
Galicia é a zona de España que máis posibilidades ten de seguir medrando e aumentando a produción láctea, por iso é tan importante non permitir que veñan aquí a afundir o mercado e a prexudicar ao gandeiro. Ás novas xeracións de gandeiros que levan as explotacións coma se fosen empresas vailles ben e teñen futuro. A gandería de antes non ten sentido, pero as granxas profesionalizáronse e por iso cada vez hai menos explotacións pero prodúcese máis leite.
– Algunhas fontes a nivel internacional auguran unha baixada de prezos que podería acabar chegando tamén a Galicia. Que opina vostede?
– Pois non o sei, eses agoiros é certo que os hai. Pero dunha banda dise que vai baixar o prezo pero por outra que Alemaña e Francia terán menor produción, polo que estamos un pouco sen saber que vai pasar realmente. Isto móvese día a día. Un dos meus traballos cando estiven a vivir en Madrid era nunha empresa da internet e dicían que traballar un ano nunha empresa tecnolóxica dese tipo era como traballar cinco anos nunha empresa normal, pois en Leche Río pasa un pouco o mesmo. Este tamén é un mundo moi cambiante. Ao principio entraba leite de Francia e Portugal á metade de prezo, de súpeto deixa de entrar porque se ve que está a haber seca en Alemaña e que Francia decidiu reducir a produción. Primeiro China retiña os contedores, pero ao día seguinte reanímase outra vez. Mañá que vai pasar? Non o sabemos. Eu espero que quedemos como estamos e que o prezo non baixe. Ao final temos que vivir todos, eu enténdoo así con respecto ao gandeiro, e espero que a distribución tamén entenda que temos que vivir todos a respecto das empresas.
“O meu pai tiña a empresa na súa cabeza e tomaba el todas as decisións, eu quero apoiarme en xente máis lista ca min”
Carmen Lence non é unha recén chegada nin a Leche Río nin ao sector lácteo. Estaba na empresa na época na que se xestou a compra de Leyma, efectivizada finalmente en 2005, unha das marcas que agora pretende potenciar. Está orgullosa de que o seu pai pensase nela para dirixir a empresa trala súa morte pero recoñece estilos distintos á hora de levala. Carmen estivo vinculada ao mundo universitario en EEUU e empeza xa a colaborar co Campus Terra e a aula de Produtos Lácteos de Lugo e aposta tamén polas sinerxias e o traballo en equipo no seu día a día dentro da empresa, que dá traballo a 130 persoas nas súas catro plantas (220 no total do grupo Lence Torres, sumando Trasleche, que conta con 65 vehículos propios e acordos con outros 80 autónomos).
A filla pequena de Lence segue mantendo que a galeguidade de Leche Río é un dos seus sinais de identidade, pero quere demostrar que o sector lácteo galego é capaz de competir no mercado internacional, aumentando as exportacións da empresa, que nestes momentos representan o 10% das súas vendas.
– Pesa aínda a sombra do seu pai e a súa forma tan persoal de levar as empresas?
– Iso ten moito sentido, tiña unha razón e é que o meu pai creou a empresa, el construíuna desde a nada e por iso el era, de todas as persoas que hai aquí, a que mellor coñecía a empresa, ninguén podía competir con el en coñecemento e intuición, en parte por iso tomaba as decisións el só. El construíu a empresa así, contando basicamente coa súa opinión, el preguntaba, pero ao final sempre era el o que decidía. Nese sentido, o meu pai tiña unhas cousas moi boas e outras que non son tan boas, ao meu modo de ver, á hora de dirixir unha empresa. Ao meu pai moita xente recoñécelle as cousas boas que fixo pero ao mesmo tempo si que había un pouco de resentimento con el e coa empresa, mesmo nalgúns traballadores, porque había esa imaxe de que Lence era duro e dáse por feito que eu herdei iso. Eu o pasado non o podo cambiar, eu poderei facer as cousas diferentes de agora en diante, pero para iso é necesario un voto de confianza. Aínda que tamén é certo que agora me dou conta de que o meu pai levaba a culpa de moitas cousas sen tela e que ás veces era duro por unha razón, porque estar neste posto non é nada doado.
Para min persoalmente é unha honra que o meu pai confiase en min, pero sería unha arrogancia pola miña banda chegar aquí e dicirlle a todo o mundo o que ten que facer cando a maioría do persoal ten moita máis experiencia ca min
Pero a realidade é que a cultura da empresa era diferente á que é agora, cambiou bastante, a verdade, que se corresponde un pouco tamén cun estilo de liderado diferente, o cal ten lóxica, porque eu son polo menos 30 anos máis nova ca o meu pai e entón, só por esa razón, deberiamos de evolucionar un pouco. Non ten sentido para min e sería unha arrogancia pola miña banda chegar aquí e dicirlle a todo o mundo o que ten que facer cando a maioría do persoal ten moita máis experiencia ca min. Por iso eu tento escoitar para saber que é o que pasa, que é o que quere a xente e como podemos mellorar. Estamos nun proceso de mellora continua, esa é a idea, mellorar continuamente.
E debo dicir, por outra parte, que toda esta historia da Covid o bo que trouxo é que coa xente que está a traballar desde casa, con teletraballo, empezamos a facer reunións con eles tres veces á semana para manternos un pouco en contacto e ao día e que esas reunións lograron crear equipo, que era algo que non había antes. Grazas a iso coñecín á xente que traballa comigo máis agora que no resto do tempo que levaba aquí, e iso que moitos deles xa os coñecía das miñas estancias anteriores na empresa. E o mesmo coas plantas. Nestas semanas, para minimizar o risco de contaxio, deixamos de ir ás plantas pero empezamos a facer estas reunións cos xefes de planta, xefes de calidade, xefes de produción, xefes de mantemento e eu creo que esa comunicación constante e implicar a todo o mundo e que todo o mundo se sinta parte do que está a pasar axudou moito. Eu compároo un pouco con cando un se monta nun barco e non sabe onde vai o barco ou cand un se sube e ten idea de cara a onde vai. A implicación é distinta, e coñecer eses obxectivos comúns e compartilos axuda.
– Cal é a día de hoxe a estrutura de Leche Río? O seu cargo é actualmente o de presidenta, verdade?
– Si, Leche Río segue sendo unha empresa familiar cun Consello de Administración no que estamos eu e o meu irmán Luís e con dous conselleiros externos, que non son da familia pero que levan moitos anos na empresa, Jesús García, director de operacións, e Aida Canto, responsable financeira. As cousas están como as deixou o meu pai, xa veremos se no futuro se cambia algo, pero polo momento está así.
– Malia traballar con anterioridade na empresa, agora levaba xa 14 anos fóra. Seguía de preto o mercado lácteo ou tivo que poñerse ao día?
– Estaba ao tanto, en parte porque cada vez que falaba co meu pai falábase da empresa, porque o meu pai preguntábache pola familia dous minutos e despois contábache cousas da empresa. Era a súa vida, a empresa e os negocios eran a súa paixón realmente. O meu pai pódese dicir que non traballaba por diñeiro, traballaba porque lle gustaba, era a súa vida. Así que nese sentido estaba xa moi actualizada en todo porque falaba desas cousas con el e ademais xa estaba no Consello de Administración e viña ás reunións. Nese sentido non tiven que poñerme ao día nin era un mundo descoñecido para min, xa que seguía a actualidade do sector.
As empresas de fóra, que compran leite aquí e noutros lugares, non son tan dependentes do campo galego como o somos nós. Somos unha empresa galega e sentímonos orgullosos de selo e na miña humilde opinión Leche Río é unha empresa clave para o sector lácteo galego
– O sector lácteo galego está cada vez máis en mans foráneas. O seu pai sempre mantivo unha vinculación moi clara das súas empresas con Lugo e con Galicia. Oínlle a vostede nalgunha ocasión, e lin nalgunha entrevista, que a súa intención é tamén manter esa relación.
– Leche Río é a empresa galega que máis leite recolle en Galicia. Todas as demais, Reny Picot, Capsa, Lactogal ou Lactalis, recollen leite aquí pero non son de aquí. Non é por criticalos a eles, nin moito menos, pero a realidade é esa. Todas estas empresas que compran tamén fóra non son tan dependentes do campo galego como o somos nós. Que sería de nós se o campo galego se destrúe porque empeza a entrar leite de fóra á metade de prezo? Non imos ir comprar a Francia. A nosa vida está aquí. Somos unha empresa galega e sentímonos moi orgullosos de selo. Para min unha das motivacións para facerme cargo desta empresa é que Leche Río, na miña humilde opinión, é unha empresa clave para o sector lácteo galego. Porque se Leche Río desaparecese ou a comprase unha destoutras empresas, o sector lácteo galego quedaría en mans de empresas de fóra. E iso a medida que o sector se vai concentrando e os operadores son cada vez menos pois un perigo potencial para todos.
– Vostede estaba vivindo en EEUU. Alí algunhas das principais empresas lácteas, como Dean Foods e Borden Dairy, entraron en bancarrota. Que diferenza ao seu xuízo o sistema lácteo en EEUU e o de Europa?
– En Estados Unidos vivín en California e agora en Boston. Ata o de agora, antes das limitacións de movementos por culpa do coronavirus, estaba tres semanas aquí e unha en EEUU e a semana que estaba en Boston pasábaa unha boa parte dela nos supermercados vendo que é o que están a facer alí as empresas lácteas. Unha das diferenzas principais é que eles están moi enfocados na innovación, porque o leite é un mercado moi maduro, tanto alí en EEUU como aquí en Europa, e igual que aquí, alí as mal chamadas leites vexetais restaron moito mercado ao leite de vaca porque unha parte do consumo foise cara a esas bebidas vexetais e daquela as industrias lácteas están sempre tentando innovar para contrarestar iso.
Moitas destas ideas destes produtos con máis proteína veñen realmente de alí, non é que esteamos a inventar nada, é un pouco seguir unha tendencia de mercado que hai, así como o leite A2, ao que eu lle vexo futuro, aínda que falei con algunha xente da distribución e eles non o ven o do leite A2 e é certo que en lugares como Estados Unidos segue sendo un consumo mínimo, igual que o leite grass fed, como eles lle chaman, que sería a de pastoreo, que tamén está moi de moda pero representa só o 5% do consumo alí. Pero eu véxolles futuro, eu creo realmente que o mercado vai cara aí.
Empezamos a mandar leite envasado a China, este mes serán 40 contedores, e xa estabamos presentes no norte de África e no Caribe
– Co descenso de consumo de leite en Europa ou EEUU, neses mercados maduros, como vostede di, é necesario mirar cara a países emerxentes onde está a aumentar o consumo de proteínas lácteas? Teñen previsto reforzar as exportacións a países de África, Asia ou o Caribe cos que xa están a traballar?
– Si. De feito, eu empecei aquí en abril e en setembro xa incorporaramos a unha persoa só para mercado exterior. Porque é evidente que en España o mercado é moi limitado e é difícil crecer, entre outras cousas porque até hai pouco o consumo de leite caía ano tras ano, aínda que agora parece que no último ano recuperou un pouco e co coronavirus gañouse en consumo na casa, pero iso non quere dicir que cando volva á normalidade non volvan as cousas ás andadas. Pero en España a tarta é o que é e as marcas fortes teñen un gran pedazo de tarta e sacarlle a tarta ao do lado é difícil.
Entón, non é que sexa máis doado, pero hai un mercado enorme aí fóra porque de súpeto estes países que non teñen produción de leite espertaron e demandan produtos lácteos e é unha oportunidade que hai que aproveitar. Estamos a centrarnos no norte de África, onde xa estabamos, en países como Mauritania, Marrocos ou Libia, igual que no Caribe, onde xa estabamos en República Dominicana, e empezamos a vender a China a través de Hong Kong, grazas a uns clientes que fixemos alí nunha feira celebrada en Shangai, á que fomos en novembro. De momento non é un volume moi importante pero todo suma, sobre todo de cara ao verán. Este mes de xuño enviaremos 40 contedores de leite, que enviamos envasado e van os contedores con flotadores polos lados para que non se mova a carga e cunha manta térmica envolvendo o leite. Os chineses non son fáciles como clientes, son moi pero que moi esixentes.
– En conxunto, que volume representan as vendas fóra para Leche Río?
Pois se contamos a nata que mandamos para Francia e Alemaña, principalmente, o noso volume de exportación pode roldar o 10%, que tampouco é tanto. Pero a idea é incrementalo e medrar por aí tamén.
– É vostede una das poucas mulleres á fronte dunha industria láctea en España. É este aínda un sector dominado por homes ou iso está a cambiar?
– Eu acórdome cando ía ás reunións da FENIL na miña anterior etapa na empresa hai 15 anos e aquilo era moi simpático, porque todos eran señores máis ou menos da idade do meu pai e as únicas mulleres mozas eramos eu e a secretaria. E eu sempre dicía, como pode ser que unha industria onde as clientas son mulleres, que son as que compran nos supermercados, e sen embargo os directivos das empresas sexan todos homes. Hoxe cambiou un pouco, aínda que realmente segue sendo un mundo fundamentalmente de homes.
Sempre me chamou a atención que á fronte da industria láctea, onde as clientas son fundamentalmente mulleres, que son as que compran o leite nos supermercados, os directivos das empresas sexan maioritariamente homes
Nesta empresa, desde que eu cheguei e por pura casualidade, porque pensabamos que eran as persoas idóneas, incorporáronse xa varias mulleres en postos relevantes. O meu pai tiña a empresa na súa cabeza, eu téñome que apoiar en xente máis lista ca min que me axude, e empezamos a contratar postos que antes non tiñamos, como a directora de recursos humanos, a directora financeira ou a directora de campo e as tres son mulleres. E na reorganización que tamén fixemos dos equipos de cada unha das plantas, moitas das persoas que promocionamos son mulleres, e temos dúas xefas de produción e unha xefa de calidade, e todas nais con fillos, e eu que tamén son nai e teño un fillo e unha filla realmente non creo que iso sexa un impedimento para nada e non debería selo. É máis, polo feito de que ás veces nos custa máis probar que merecemos o posto tamén o coidamos máis. Nese sentido, Leche Río está bastante feminizada.