O Consello da Xunta declarou hoxe como iniciativa empresarial prioritaria o proxecto de Queserías Entrepinares para ampliar as súas instalacións en Vilalba. Cun investimento de 19 millóns de euros, a empresa busca instalar unha nova liña de fabricación de queixo no formato de tres quilogramos de peso, elaborado con leite de vaca, cabra e ovella, e nas variantes de tenro e semicurado, segundo informa a Xunta.
A nova planta multimolde, anexa á actual, dará resposta á crecente demanda dun produto xa elaborado pola empresa, pero nas plantas que ten fóra de Galicia. Ata o de agora, Entrepinares enviaba leite de vaca ás factorías de Castela e León, pero coa nova liña, iso xa non será necesario.
O que sí será preciso será a importación de Castela de leite de ovella e de cabra, xa que a actual produción galega é mínima, centrada sobre todo en queixerías artesanais, pero sen recollida industrial.
A planta de Vilalba aumentará a súa capacidade de produción un 32%. A Xunta remarca que esta iniciativa de Queserías Entrepinares encádrase nun sector que ten un carácter estratéxico para o rural de Galicia, como é o lácteo galego, que representa o 1,5 % do PIB da Comunidade. Ademais, complementa a cadea de valor do leite, xa que contribúe a aumentar o valor engadido deste produto mediante a elaboración de queixos.
O proxecto cumpre cos requisitos para recibir a declaración de iniciativa empresarial prioritaria, pois supera o volume de investimento mínimo fixado nun millón de euros (en concreto, serán 19.125.000 euros). A Xunta destaca ademais a creación de emprego mínimo (prevense 35 postos de traballo directo, indefinido e a xornada completa, o 57 % dirixido a mulleres) e a importancia estratéxica da iniciativa para a cadea láctea.
Coa declaración de iniciativa empresarial estratéxica, os trámites burocráticos do proxecto aceleraranse, permitíndolle a Entrepinares unha maior axilidade no lanzamento da ampliación.