“Está volvendo a entrar o queixo barato de Centroeuropa, desprazando aos queixos en barra galegos”

A caída nas cotizacións dos produtos industriais está a derivar os excedentes de produción de Alemaña e os Países Baixos cara a fabricación de Gouda e Edam para a exportación. Analizamos como lles está a afectar ás queixerías galegas

Línea de quesos de barra.

Larsa é unha das empresas que fabrica queixo en barra en Galicia, ao igual que Prado, Hoxe, Farelo ou Lorán

Practicamente desapareceran dos liñais no último ano pero están a voltar con forza. Nas últimas semanas estanse a volver a ver nos supermercados queixos de importación, con prezos de venda ao público de 7 euros o quilo, que están a desprazar aos queixos en barra fabricados en Galicia, con prezos entre 2 e 5 euros máis caros e que non son capaces de competir cos de procedencia europea.

Os prezos de compra de queixo de importación por parte das cadeas de distribución móvense neste momento arredor dos 4 euros, cando a simple compra da materia prima cos prezos actuais en Galicia xa excedería ese nivel.

Fabricar un quilo de queixo de barra a nós sáenos a 6,5 euros e agora mesmo está vindo de Alemaña e Holanda a 4 euros

“O prezo do leite aquí non está para competir. O aprovisionamento da materia prima e o transporte á fábrica suporía xa 5,5 euros, ao que habería que sumar outro euro do proceso de elaboración. Fabricar un quilo de queixo de barra a nós sáenos a 6,5 euros”, explican nunha queixería galega.

Problema recorrente

A entrada de queixo barato procedente de Europa é unha circunstancia coa que están acostumadas a ter que lidiar as queixerías galegas. Non é algo novo que as grandes industrias lácteas de Alemaña, Holanda ou Dinamarca utilicen as exportacións de queixo Edam ou Gouda a baixo custo para regular os seus excedentes mentres manteñen prezos elevados no seu mercado interno.

Pero a competencia que supón esta práctica para os fabricantes galegos de queixo en barra e queixo loncheado case desaparecera no último ano e medio, sobre todo trala guerra de Ucraína, que levou a unha caída xeralizada da produción láctea en Europa por mor dos elevados custos de produción e ao repunte das cotizacións dos produtos industriais como a nata, a manteiga ou o leite en po, que monopolizaron durante meses a transformación láctea.  

Mentres a manteiga e o leite en po mantiveron prezos altos monopolizaron a transformación industrial en detrimento dos queixos

Pero o descenso que están a sufrir desde hai algúns meses estes produtos nos mercados internacionais están a volver a derivar os excedentes de produción dos países do centro e norte de Europa de novo cara aqueles tipos de queixo considerados comodities e que non están a sufrir caídas tan acusadas nas súas cotizacións.

Aumento da produción no norte de Europa e falta de leite no sur

A isto engádese o incremento de produción que se está a dar nos países do norte de Europa, con aumentos superiores ao 4% en Holanda e ao 3% en Alemaña, en contraposición co que acontece nos países do sur, como España, Italia ou Portugal, que non foron capaces de recuperar a súa produción e manteñen aínda niveis en negativo.

O incremento de produción en Alemaña, Holanda e Polonia estaría empurrando a exportación de queixos cara a países deficitarios coma España

“Aquí non está habendo tanta abundancia de leite e non priva que no outono teñamos falta del outra vez”, admite Benigno Pereira, de Queizuar, que lembra o que pasou no 2022. “Faltou leite case todo o ano, xa a partir de febreiro ou marzo, pero a caída máis forte foi de xullo a outubro. Andaba todo o mundo desesperado pelexándose por un litro de leite”, admite.

A situación chegou a ser crítica no verán e os supermercados chegaron a notar a ausencia de produtos lácteos nos seus liñais. “Fomos esgotando os stocks porque en febreiro recolliamos medio millón de litros de leite á semana e en agosto só 300.000”, recoñece.

Aquí non está habendo tanta abundancia de leite e non priva que no outono teñamos falta del outra vez. Hai que buscar o punto de coherencia e de equilibrio nos prezos, mantendo o diálogo co produtor

A empresa que fabrica os queixos Bama mantén un acordo estable coa cooperativa Pico Sacro, coa que leva traballando 30 anos. Benigno defende que a industria e os produtores vaian da man e poidan manter as súas marxes de beneficio.

“Nós non necesitamos un leite barato porque se os gandeiros non gañan cartos non producen. Eu son partidario de que os alimentos teñan un prezo digno. Todo o mundo está pendente da cadea de valor, pero ninguén está pendente da cadea de subministro; ninguén se preocupou de asegurar o aprovisionamento e as industrias imos pasalo mal. O que non pode ser é que unha granxa viable peche. Se non ten sucesión hai que buscar unha maneira para que esa explotación siga producindo”, afirma.

Efecto en cadea

Queizuar transforma neste momento 18 millóns de litros de leite ao ano, poñendo no mercado 2 millóns e medio de quilos de queixo, pero en 5 anos queren medrar até os 30 millóns de litros de leite transformados, logo dun investimento de 10 millóns de euros para incrementar a capacidade produtiva da súa factoría de Touro.

A súa produción está centrada en queixos con denominación de orixe, polo que a entrada de queixo barato de Europa non lles afectaría directamente, aínda que si de xeito máis indirecto. “Afectar aféctanos a todos porque se dá un movemento acordeón. Xa nos están a chamar para preguntarnos cando imos baixar o queixo e canto”, recoñece Benigno.  

Xa nos están a chamar para preguntarnos cando imos baixar o queixo e canto

Larsa, Queixerías Pardo, ou a Cooperativa Hoxe estarían entre as máis prexudicadas pola competencia directa do queixo de importación. “O queixo barato desaparecera un pouco, pero está entrando outra vez. Iso aféctanos ás ventas. Estámolo notando desde principios de ano”, recoñece Lito Andión, xerente da queixería de Lalín.

Hoxe é unha das empresas que fan queixo barra en Galicia. Fai 20 anos supuña o 80% da súa produción, que foron derivando cara a outro tipo de queixos. Na actualidade, a produción da cooperativa repártese ao 50% entre o formato industrial e os queixos con DOP. “A barra é moi variable no mercado e dependes do exterior para defender o produto; os outros teñen prezos máis estables”, admite Lito.  

A barra é moi variable no mercado e dependes do exterior para defender o produto

Outras queixerías máis industriais, como Entrepinares ou TGT, non se verían tan afectadas. A empresa de Valladolid, con factoría en Vilalba, mantén acordos estables con Mercadona que lle garanten a venda do produto, mentres que a compañía catalá propietaria das queixerías Ruta Xacobea e Ferrado Verde conta tamén con importadora, polo que tería capacidade para comprar fóra o queixo industrial cando está barato e compensar a caída de produción nas fábricas do Pino e Santa Comba, máis enfocadas á produción de queixos de denominación de orixe Tetilla e Arzúa-Ulloa.

“Que veña queixo de importación é un atranco para poder retribuír como até agora o leite aos gandeiros”

Lito Andión, no interior da queixería.

Lito Andión, no interior da queixería da cooperativa Hoxe en Lalín

Países de centroeuropa, como Alemaña e Holanda son os grandes produtores de queixo barato en Europa. No caso de Alemaña, o leite procede en ocasións de Polonia, aínda que a empresa fabricante sexa alemá.

“Ata agora o leite que sobraba neses países ía para manteiga e nata, pero ao caer o prezo deses produtos inúndannos a nós con queixo”, explica Lito, que asegura que o feito de que veña queixo de importación é un atranco para poder retribuír como até agora o leite aos gandeiros.

Ofertas imposibles

Para poder manter o seu queixo barra nos supermercados e a restauración as empresas galegas vense obrigadas a facer promocións imposibles, posto que ese queixo que teñen almacenado e ao que queren dar saída foi fabricado con custos de produción elevados.

“É certo que o prezo agora baixou, pero non somos os queixeiros os que máis baixamos o leite. Nós tentamos aguantar os prezos”, indica o xerente de Hoxe, con prezos no campo que se achegan neste momento, trala renovación de contratos, aos 53 céntimos.

Tamén Queizuar está a producir neste momento con custos elevados, logo de pagar o leite de marzo a 60 céntimos. Cando o prezo comezou a dispararse, a empresa de Touro chegou a un acordo coas súas granxas provedoras para aplicar unha decalaxe dun mes tanto nas subidas como nas baixadas de prezo para poder retribuír deste xeito ao produtor acorde ao prezo de venda acadado polo produto elaborado no mercado.

O ano pasado sufrimos un aumento de custos do 55% e só logramos repercutir a metade diso no prezo de venda do queixo

“As cadeas de distribución empézanche a pedir que baixes pero nós aínda temos uns custos moi altos e un oco por cubrir do ano pasado que non recuperamos aínda porque non trasladamos ao prezo do queixo todo o incremento de custos que tivemos”, explica Benigno.  

Queizuar tivo o ano pasado un aumento de custos do 54,7% (incluída a suba do 60% no prezo do leite en orixe) pero só logrou subir o prezo de venda do queixo aos supermercados o 27%, un desfase que se deixou notar na conta de resultados da empresa.

O salvavidas das denominacións de orixe

Benigno Pereira, impulsor e propietario de Queixos Bama.

Benigno Pereira, nas instalacións de Queizuar en Touro

Benigno leva 34 anos no sector e é un claro defensor das denominacións de orixe, “aínda que teñan que ir evolucionando co mercado”, di. “Hai que seguir apoiando os produtos de calidade diferenciada porque son os que poden dar un pouco de estabilidade nos prezos. As denominacións de orixe son un paraugas defensivo”, asegura.

Francia fai outro tipo de queixos aos de Alemaña e Holanda, que non compiten cos galegos

O responsable de Bama é partidario de imitar o modelo italiano. “Alí o leite que producen méteno en queixos e produtos de valor e o brick impórtano de Alemaña e Austria”, explica.

O consumo de queixo no mes de marzo “portouse ben”, di, polo efecto da Semana Santa, pero pasado ese momento que supón unha maior saída de produto, abril pode ser máis complicado. “Seguimos estancados nun consumo medio de 7 quilos por habitante e ano cando o promedio en Francia é de 22 quilos e en Italia de 18”, compara Benigno.

Desde que os prezos do queixo aumentaron consúmese máis peza grande ao corte na charcutería en detrimento do queixo enteiro de tamaño estándar

Outra tendencia que se está a notar no consumo a raíz da suba de prezos motivada pola inflación e da perda de poder adquisitivo da poboación é a recuperación da venda de queixo ao corte en detrimento das pezas individuais. “Consúmese máis a peza grande que se compra en porcións na charcutería que a peza pequena enteira porque o queixo de tamaño estándar, de 750 gramos, pasou de custar 7€ a custar 9 ou 10 euros e a xente segue gastando os mesmos 7€ e levando menos cantidade”, explica Lito.  

As importacións lácteas a España dispáranse nun momento de mercado en fráxil equilibrio

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información