Críticas ó novo contrato de Leite Río para as granxas a partir de decembro

Unións Agrarias pídelle explicacións á láctea lucense por manter unha baixada de 1 céntimo no prezo do leite, logo de que a empresa comprometera a rectificación do descenso de novembro

Críticas ó novo contrato de Leite Río para as granxas a partir de decembro

Planta de envasado de Río. / Arquivo.

A escasa estabilidade e alta incertidume coa que se moven os contratos do leite nos últimos meses deixan escenas como a que afecta a Leche Río e a Celta. Con contratos asinados para novembro e decembro con baixadas de prezo, ambas industrias tiveron que rectificar os acordos e presentarlle xa novos contratos ás granxas, con recuperación de prezos, para non quedar fóra de mercado. Só que no caso de Río, esa recuperación é incompleta, segundo advirte Unións Agrarias.

A organización agraria amósase molesta de que a industria lucense declare nos medios de comunicación que está a revalorizar os prezos no campo, “cando logo a realidade das liquidacións que lle pasa ás granxas é distinta”, cuestiona Unións.

“Río baixara 3 céntimos no contrato de novembro, pero nas últimas semanas comprometeuse coas granxas a non aplicar esa baixada. Despois comunicou que tiña que facela -ao estar os contratos na AICA-, pero que ía compensar a baixada de novembro coa recuperación do prezo (de outubro) a partir de decembro, ao que se lle sumarían 0,50 céntimos adicionais de decembro a marzo”, explica Óscar Pose, de Unións Agrarias.

“A realidade, en cambio, é que a partir de decembro só recupera 2 dos 3 céntimos de baixada, co que en realidade hai unha baixada dun céntimo” – cuestiona Unións Agrarias-. “Recupéranse só 2 céntimos e si que é certo que se engade un complemento de 0,50 céntimos para compensar a baixada de novembro, pero estariamos 1 céntimo por debaixo de outubro. Non se pode dicir nos medios e ante o presidente da Xunta que vas facer unha cousa, e logo coas granxas a contraria”, critica.

Desde Unións Agrarias valoran unha campaña de denuncia pública contra Río e felicitan ás industrias “que si se comprometeron de forma seria a manter as cotizacións”.

Os prezos do leite mantéñense ata marzo ante o medo aos efectos da EHE sobre a produción en 2024

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información