Galega 100% nútrese do leite producido nas ganderías incorporadas ao Rexistro galego de explotacións de calidade diferenciada.
Este selo saía ao mercado o 7 de febreiro de 2011 como a única identificación que avala o leite galego de calidade diferenciada. Deste xeito, Galega 100% ofrece un produto da máxima calidade, suxeito aos controis dos servizos veterinarios oficiais da Xunta de Galicia, e garantido pola certificación de calidade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL).
A posta en marcha desta marca respondeu á aposta da Xunta pola valorización do leite galego, unha vella demanda do sector.
En menos dun ano, Galega 100% consolidouse como a referencia indiscutible do leite de calidade producido e envasado en Galicia. Arrancou con catro marcas comerciais (Leyma, Feiraco, Larsa e Deleite) ao que se foron sumando moitas outras, que se poden consultar neste enlace.
Sector estratéxico
O lácteo ten a condición de sector estratéxico para Galicia. Na nosa Comunidade prodúcese case o 40% do leite de España e localízase máis da metade do total nacional de explotacións lácteas. Así, Galicia é unha das primeiras rexións europeas produtoras de leite. O pulo deste sector ponse de manifesto tamén porque os máis de 7.000 gandeiros galegos facturan anualmente uns 800 millóns de euros e a produción de leite no 2019 chegou preto dos 2,8 millóns de toneladas, consolidando a Galicia como líder indiscutible no ámbito nacional.
Deste xeito, o selo Galega 100% ofrece hoxe un produto da máxima calidade, que permite ao consumidor unha identificación fácil e sinxela, o que contribúe a poñer en valor este produto nos mercados. O consumidor que escolla un produto no que aparece este distintivo, ten a seguridade de estar consumindo un produto de Galicia, e dunha calidade excepcional.
Para afianzar este selo de calidade entre os consumidores, vense desenvolvendo unha intensa actividade de promoción. O pasado ano, Galega 100% estivo presente en diversos eventos relacionados coa gastronomía ou co deporte, caso do Forum Gastronómico da Coruña, a feira Xantar de Ourense ou Expordes. Así mesmo, fíxose promoción do seu consumo nas carreiras pedestres de Santiago, Porto do Son e Frades e en varios partidos de baloncesto na cidade das Burgas.
Como parte desta actividade, repartíronse máis de 60.000 unidades de briks de leite amparado coa marca de calidade Galega 100%, xunto con folletos nos que se facilita ao consumidor información sobre como identificar este leite nos diferentes puntos de venta e coñecer as garantías e o significado da marca
Galicia Calidade
O selo de Galicia Calidade englobará, identificará e potenciará os produtos galegos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou que cumpran requisitos de excelencia en produción ou transformación. Galicia Calidade amparará tamén os produtos derivados das razas gandeiras autóctonas galegas, dándolle así un valor engadido a estas producións, así como o selo Galega 100%, que recoñece e distingue o leite de calidade diferenciada producido nas explotacións leiteiras da nosa comunidade e o selo pescadeRías.
O obxectivo para este ano 2020 é dar a coñecer este novo impulso, mediante un plan de acción estratéxico dirixido a prescriptores nacionais e internacionais, cun calendario que se estrutura en tres chanzos -galego, nacional e internacional-. Esta planificación culminará co “I Congreso Internacional de Galicia Calidade”, que permitirá aos expertos coñecer empresas galegas representativas do rural e afondar no concepto da Dieta Atlántica, que será a punta de lanza para transmitir e poñer en valor o carácter saudable da produción galega.
Ademais, cómpre resaltar que Galicia Calidade vai ser, ademais, unha aposta transversal que se enmarca na Galicia Verde, a Galicia Innovadora (formación e investigación), a Galicia Moza e a Galicia Familiar.