SmarTZ4milk, o proxecto que aspira a dixitalizar a industria láctea galega

O Grupo Lence, Clun, Larsa, Leite Celta, Prestes, Bama e Bico de Xeado esperan obter 26 millóns de euros de fondos europeos Next Generation para mellorar a trazabilidade dos seus produtos e a sustentabilidade ambiental das súas plantas de transformación

Galo Gutiérrez, director de la oficina técnica del PERTE Agroalimentario, junto a Santiago Álvarez, del IGAPE, y Carmen Lence

Galo Gutiérrez, director da oficina do PERTE Agroalimentario, con Santiago Álvarez, do IGAPE, e Carmen Lence

O director da Oficina Técnica do Comisionado para o Programa Estratéxico de Recuperación e Transformación Económica (PERTE) Agroalimentario, dependente do Ministerio de Industria, Galo Gutiérrez, acudiu este xoves á sede do Grupo Lence en Lugo, onde mantivo un encontro cos integrantes do consocio SmarTZ4milk, o proxecto que aspira a captar fondos europeos Next Generation para avanzar na rastrexabilidade produtiva e redución da pegada ambiental da industria láctea.

Coordinado polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e liderado polo Grupo Lence, integra a outras 6 industrias lácteas asentadas na comunidade: Clun, Larsa, Leite Celta, Prestes, Queizuar (Bama) e Bico de Xeado.

En total prevense case 26 millóns de euros en investimentos nos próximos 2 anos, con dous eixos fundamentais en materia de transición dixital (trazabilidade da produción) e ambiental (redución dun 5% do consumo hídrico no proceso industrial, dun 10% do consumo enerxético e de 95 tm/ano de emisións de CO2).

Trátase do proxecto conxunto entre industrias de maior investimento no sector agroalimentario galego

Ademais de proxectos conxuntos, como a mellora da trazabilidade e a investigación de métodos analíticos baseados en proteómica para o estudo de proteínas do leite, cada empresa levará a cabo investimentos específicos en función das súas necesidades produtivas. O maior volume corresponde a Leite Río, con case 7 millóns de euros.

Influencia en toda a cadea láctea

O reto de SmarTZ4milk é modernizar a actual cadea de produción, transformación e distribución da industria láctea para dotala de ferramentas de competitividade baseadas na tecnoloxía e a sustentabilidade.

O principal obxectivo é dar un impulso esencial á transformación dixital da industria láctea a través da automatización de procesos, sensórica avanzada e xestión eficiente, así como desenvolver unha nova ferramenta de rastrexabilidade integral da produción desde a granxa ao consumidor.

A través de intelixencia artificial e big data poderá predicirse a oferta e a demanda: canto leite se vai producir e canto leite se vai demandar

Por iso, aínda que o foco investidor está posto na industria, SmarTZ4milk mira cara arriba e cara abaixo na cadea láctea. “A través de intelixencia artificial e big data poderemos predicir canto leite se vai producir nas ganderías e canto se vai a demandar na distribución”, explicou Hugo Criado, de Medrar Smart Solutions, un dos coordinadores técnicos desta candidatura ao PERTE Agroalimentario.

Soberanía alimentaria

Carmen Lence destacou que “nun mundo cada vez máis globalizado, é esencial que manteñamos e fortalezamos o noso sector agroalimentario”. “Desde Galicia, onde producimos o 40% do leite en España, contribuímos a manter a soberanía alimentaria do noso país. Coa pandemia pola covid e a guerra de Ucraína vimos as consecuencias de ser dependentes dos produtos doutros países. Nos alimentos é algo fundamental”, asegurou.

Este proxecto é unha oportunidade para transformar o sector lácteo galego

A responsable de Leite Río e Leyma asegurou que os fondos europeos Next Generation supoñen “unha oportunidade para transformar o sector lácteo galego”. “É vital fomentar a innovación e a adopción de novas tecnoloxías que melloren a eficiencia e a sustentabilidade da nosa operativa diaria para que o sector lácteo galego siga liderando a produción e transformación láctea en España e sendo unha potencia a nivel europeo”, insistiu.

Empresas competidoras únense para captar fondos

Público asistente a la presentación del proyecto, este jueves en la sede de Leche Río

Público asistente á presentación do proxecto, este xoves na sede de Leite Río

A obriga de presentar proxectos conxuntos que involucren a distintas empresas e institucións para poder optar á convocatoria do PERTE Agroalimentario fixo posible que empresas que compiten entre si no mercado unisen forzas para optar a estes fondos.

Entre elas están representadas neste proxecto as distintas tipoloxías empresariais existentes no sector lácteo en Galicia, desde grandes compañías como Grupo Lence, cooperativas como Clun ou CAPSA e pemes como Prestes, Queizuar ou Bico de Xeado.

O sector lácteo galego articúlase ao redor de 113 industrias e xera perto do 2% do PIB da comunidade

As 7 industrias lácteas involucradas en SmarTZ4milk recollen diariamente o leite producido por 1.500 ganderías, polo que se espera que o proxecto teña “un impacto positivo en toda a sociedade”. “Chegaremos co diñeiro a toda a cornixa cantábrica e o 45% dos fondos irán parar a municipios de menos de 10.000 habitantes, cun impacto que chegará desde as ganderías ao consumidor”, aseguraron os coordinadores da candidatura presentada.

Próxima convocatoria para proxectos individuais

Galo Gutiérrez, director da Oficina Técnica do Comisionado para o PERTE Agroalimentario, destacou a aposta que desde o Ministerio de Industria se fixo nesta primeira convocatoria de fondos en favor dos proxectos conxuntos, pero anunciou que os proxectos individuais poderán optar a futuras convocatorias.

Estamos a ver que os proxectos conxuntos conlevan importantes complicacións de xestión e en futuras convocatorias seguramente se permitan proxectos individuais

“Estamos a ver que estes proxectos conxuntos son máis transformadores pero levan aparelladas complicacións importantes de xestión e posiblemente, en función do grao de execución do PERTE actual, haberá unha segunda convocatoria o ano que vén onde se poderán incluír proxectos individuais”, avanzou.

Iniciativas no sector do viño e os doces

Galo Gutiérrez tamén explicou que o cronograma previsto polo Ministerio inclúe a resolución provisional á volta do verán e o pago antes de que acabe o ano aos distintos proxectos que concorren ao PERTE Agroalimentario. “Nesta primeira convocatoria non houbo máis peticións ca diñeiro, polo que todos os proxectos que estean ben e cumpran coa convocatoria recibirán financiamento”, aclarou.

Haberá diñeiro para todos os proxectos que cumpran coas bases da convocatoria

Entre as 22 iniciativas presentadas á actual convocatoria inclúense 7 vinculadas a Galicia. Ademais do proxecto da industria láctea hai 2 centrados no sector do viño (un deles liderado polo Grupo Torres) e outro no da repostería. En total, sumarían case 55 millóns de euros de investimento, dos que case a metade corresponderían a SmarTZ4milk.

O encontro co director da Oficina Técnica do PERTE Agroalimentario complementouse con visitas ás instalacións do Grupo Lence e ás fábricas de Clun e Queixerías Bama, onde puido coñecer os procesos produtivos seguidos en cada caso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información