Incertidume cos novos contratos do leite, ante as fintas de baixadas para agosto

As industrias están obrigadas por lei a presentar unha proposta dous meses antes do vencemento dos acordos coas granxas, o que levou a que estean a presentar no campo ofertas con baixadas de arredor de 4-5 céntimos, pero as granxas esperan as ofertas reais para a segunda quincena de xullo

SOUTO FRADE SC (Taboada) vacas producion

Como vai evolucionar o prezo do leite na segunda metade do ano?. A día de hoxe, non se sabe. É un interrogante para as propias industrias lácteas, que están atentas á evolución do mercado e do consumo, e para as granxas. En primavera, a maioría de granxas e industrias asinaron acordos por 4 meses, á espera de que no verán se clarificase o escenario. Pero a cousa continúa sen estar clara.

A produción de leite en Europa remontou desde inicios do 2023 e pechou o primeiro trimestre do ano cun 0,7% de produción máis que no primeiro trimestre do 2022. En liña con esa maior oferta, os prezos do leite no campo baixaron en Europa, ata unha media de 47,5 céntimos en abril. O mesmo sucedeu coa maioría de produtos industriais (leite en po, manteiga, queixos), que evolucionan á baixa desde comezos de ano.

Coa chegada da primavera e os aumentos estacionais de produción, a dispoñibilidade de leite foi alta en toda Europa, o que levou a unha maior entrada de importacións cara a España, tanto de leite líquido como de queixos. Pasada a primavera, queda por ver como afectan as secas estivais á produción de leite a nivel europeo. Se se reducen as entregas e o consumo se mantén alto, o escenario podería ser positivo para as granxas, pero se pola contra seguen aumentando as entregas e o tirón do consumo é insuficiente, pintan bastos.

Se a seca causa unha redución de entregas a nivel europeo e o consumo aguanta, o escenario podería ser positivo para as granxas

En España a produción mensual de leite mantense desde hai tempo por baixo da mesma produción do ano anterior, unha tendencia que se rompeu lixeiramente en abril polo aumento da produción en Galicia (+1,7%). Os aumentos de entregas en Galicia, que coinciden ademais cos picos de produción na primavera, deixaron a algunhas industrias con certos excedentes estacionais, que nalgún caso mesmo se tiveron que derivar a leite en po, coas conseguintes perdas.

Este escenario primaveral leva ás industrias a afrontar os novos contratos con precaución. Obrigadas por lei a presentar un contrato anual dous meses antes da caducidade do anterior, a maioría de empresas optaron por presentar acordos anuais con baixadas de arredor de 4-5 céntimos, se ben no sector dáse por seguro que estes contratos son simbólicos, pois as ofertas reais negociaranse na segunda quincena de xullo, cando a situación estea máis clara.

“Como mínimo, o que esperamos é que se manteñan os contratos actuais, nalgún caso con lixeiras subidas” -sinala Óscar Pose, responsable de Ulega, a organización de produtores de Unións Agrarias-. “Os contratos que están a presentar as industrias teñen a única función de cumprir coas obrigas legais, pero os contratos verdadeiros negociaranse nas próximas semanas”, valora.

Na mesma liña exprésanse en Agromuralla, que critican as “ofertas ficticias fóra de mercado” que están a trasladar as industrias.

De cara ó novo acordo, espérase que as industrias queiran asinar compromisos anuais ou, polo menos, ata marzo, para defenderse de posibles picos de prezo do leite no outono – inverno.

Ofertas iniciais xa presentadas
As ofertas iniciais que están a presentar as industrias chegan na maioría dos casos co aviso de que haberá unha segunda proposta posterior. Segundo estas primeiras propostas, o prezo do leite quedaría por debaixo dos 50 céntimos a partir de agosto, perdendo deste xeito boa parte da revalorización lograda na segunda metade do ano pasado.

Ás baixadas de entre 5 e 8 céntimos aplicadas pola maioría das industrias no mes de abril, sumaríase agora un novo descenso de entre 4 e 5 céntimos, segundo trasladan os borradores dos contratos achegados por empresas como Lactalis, Entrepinares ou Naturleite.

Non era habitual até este ano que tocase renovación de contratos en Galicia nos meses do verán pero as reticencias das empresas a asinar por un ano no mes de abril levounas a facer contratos de curta duración que rematan a súa vixencia en xullo.

Moitos dos contratos de curta duración asinados en abril finalizan a súa vixencia en xullo

As ofertas que están a chegar son meramente simbólicas, co obxectivo de cumprir cos prazos de presentación establecidos no Real Decreto 95/2019 polo que se regulan as condicións de contratación no sector lácteo, que fixa que as ofertas aos produtores deben chegar cunha antelación mínima de dous meses á finalización do contrato en vigor e o comezo das entregas, pero as propias industrias están deixar claro que haberá unha nova proposta o mes que vén, tratando como é habitual de non desvelar as súas cartas até o último momento.

Empresas como Lactalis, Larsa, Entrepinares ou Naturleite xa fixeron chegar estas primeiras ofertas aos gandeiros, con baixadas xeralizadas e propostas de un ano de duración a prezo variable, pouco habitual en Galicia, agás no caso de Larsa, que vincula o 30% do prezo pagado polo leite aos produtos industriais.

Lactalis
Lactalis fixo unha proposta de contrato cun 75% do leite a un prezo fixo de 47 céntimos e un 25% ligado ó prezo do leite en po enteiro (prezo do leite equivalente), o que deixaría nestes momentos o prezo do leite no entorno dos 45 – 46 céntimos.

Na actualidade, en función do tamaño da granxa, os contratos asinados na primavera pagan o leite no arco dos 48,60 – 51,60 céntimos.

Entrepinares

Entrepinares mandou unha oferta ás 170 ganderías que subministran á súa planta de Vilalba cun prezo base de 49 céntimos indexado ao índice A3 da Inlac. Os contratos actuais, asinados en abril, non seguen esta fórmula variable, senón que son a prezo fixo.

Esta oferta, que ten carácter preliminar, co obxectivo de cumprir co prazo normativo de remisión ao gandeiro con 2 meses de antelación á sinatura, suporía unha baixada de 4 céntimos con respecto aos contratos vixentes, cun prezo base de 53 céntimos máis calidades (0,5 céntimos o valor da décima de graxa a partir de 3,80% e 0,8 o da proteína a partir de 3,20%).

Entrepinares baixara 5 céntimos en abril, até deixar o prezo base en 53 céntimos

A oferta enviada ás explotacións é por un ano, aínda que non se sabe cal vai ser a duración dos novos contratos que se acaben asinando finalmente. O actual contrato, que entrou en vigor o 1 de abril, foi asinado por 4 meses, e finaliza a súa vixencia o 31 de xullo.

Naturleite

No caso de Naturleite, a oferta enviada as súas 210 ganderías galegas establece un prezo base de 46 céntimos, que se incrementaría até os 47 céntimos coa máxima puntuación na certificación de benestar animal e coa dobre AA en calidade hixiénico-sanitaria.

Naturleite baixou 4 céntimos en abril, até os 55 céntimos, e 2 máis a partir de maio

O novo prezo supón unha baixada de 6 céntimos a respecto do percibido neste momento polas granxas proveedoras da planta de Meira, que renovou contratos esta primavera tamén por 4 meses, cun prezo de 55 céntimos en abril e 53 en maio, xuño e xullo.

Alta produción en Europa

As circunstancias no mercado, a nivel de oferta, mudaron por completo a respecto de fai un ano, cando a escaseza de leite que se deu o verán pasado fixo elevar os prezos até máximos históricos debido á pugna entre industrias por garantir a súa cadea de subministro.

Pero este ano a produción nos países do norte de Europa segue alta, liderada polos incrementos en Alemaña, Países Baixos, Dinamarca, Suecia, Polonia ou República Checa; mentres no sur Francia, España, Portugal ou Italia están a sufrir descensos.

Galicia mantén a produción, mentres descende no resto de España

No caso español, mentres Galicia mantén os litros de leite que moxe, o resto de comunidades, como Castela e León, Andalucía ou Cataluña están a sufrir os efectos da seca e unha merma na produción de leite.

Moderación no consumo

No lado da demanda, a alta inflación e a suba das hipotecas por mor do Euríbor están a provocar unha menor renda dispoñible das familias e pode afectar ao consumo. No supermercado o brick aguanta en prezos elevados e o queixo tivo unicamente unha pequena corrección, a pesar da entrada masiva de queixo barato do norte de Europa, con consecuencias sobre as queixerías galegas.

Desde xaneiro reactivouse a entrada de cisternas de leite de Portugal e de queixo industrial de Alemaña 

No que vai de ano reactiváronse as importacións tanto de queixo industrial de países como Alemaña, Holanda ou Dinamarca, como de leite procedente de Francia e Portugal. Nos últimos días trascendía precisamente a entrada de cisternas de leite de Portugal con destino á planta de Inleit en Teixeiro, que perdeu ganderías subministradoras na renovación de contratos levada a cabo en abril.

As empresas que se adican a fabricar produtos industriais, caso de Reny Picot, están a ser neste momento das máis prexudicadas polo descenso das cotizacións do leite en pó nos últimos meses e, en menor medida, da manteiga, que segue a manter prezos medios aceptables.

Roberto García. Unións Agrarias

“Os contratos indexados son a mellor fórmula para granxas e industrias”

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, considera que o actual escenario de incertidume é prexudicial tanto para industrias como para as granxas: “Temos que facer unha reflexión e darnos de conta de que o que máis nos convén a todas as partes é a estabilidade, que se pode conseguir con contratos indexados a un índice da Interprofesional Láctea (Inlac), por exemplo o A3”, valora.

“Os contratos a poucos meses son mal negocio para a industria cando os prezos están altos, pois enfróntase a situacións de especulación e de batalla polo abastecemento. Tampouco son positivos para as granxas cando a tendencia é a contraria, de prezos á baixa. Por tanto, temos que volver á idea de lograr prezos estables, con contratos que evolucionen en función das circunstancias do mercado”, subliña.

Ao respecto dos contratos que indexan parte do leite ós produtos lácteos industriais, como o que emprega Larsa habitualmente ou o proposto por Lactalis, García rexéitaos de plano.

“Capsa está a pagar en Asturias un mínimo de 7 céntimos por riba do que paga en Galicia. A Xunta debería tomar cartas no asunto” (Roberto García)

“Larsa -propiedade da asturiana Capsa (Clas)- está indexando o leite ós produtos lácteos industriais en Galicia, prexudicando ás granxas, pero non fai iso mesmo en Asturias, onde o leite pagouse en abril por riba dos 60 céntimos, 7 céntimos maís que a media galega. A Xunta debería tomar cartas no asunto para que unha empresa que presume de cooperativa non se aproveite así das granxas galegas”, cuestiona o secretario xeral de Unións, que avoga polos índices da Inteprofesional Láctea, pactados entre todas as partes.

Agromuralla denuncia unha vulneración encuberta do Paquete Lácteo con “ofertas fictícias fóra de mercado”

A asociación de gandeiros Agromuralla denuncia unha vez máis a actitude das industrias no proceso de negociación dos contratos cos produtores. “Aínda que a lexislación protexe teoricamente a capacidade negociadora das explotacións, na práctica isto non se está a producir. En abril chegáronnos cos contratos o último día e agora mándannos unhas ofertas totalmente ficticias. As industrias cúbrense as costas enviando ás ganderías unha proposta pouco realista que non permite abrir unha negociación efectiva de prezos, duración e condicións do contrato. Son ofertas que están totalmente fóra de mercado e que non permiten unha negociación real ao gandeiro”, indican.

Non se está producindo unha negociación real, son ofertas meramente simbólicas para cumprir co trámite

Para Agromuralla estas ofertas teñen además consecuencias moi negativas no sector, por “meter medo ao gandeiro en relación a unha posible baixada de prezo”. Consideran, sen embargo, que “cada vez hai menos motivos para un descenso do valor do leite porque España sempre foi deficitaria en produción e deste xeito cada vez o será máis”.

Finalmente, reclaman “un maior control ás importacións e unha etiquetaxe clara”. “Antes viña leite de Francia, agora alí non o hai pero vén de Portugal, e seguen inundandonos con queixo barato de Alemaña”, describen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información