Continúa o cruzamento de acusacións entre Leite Río e as organizacións agrarias polo prezo do leite. Se este xoves Unións Agrarias denunciaba que o Grupo Lence efectúa unha baixada dun céntimo no contrato de compra asinado coas ganderías de decembro a marzo, a empresa contesta que “é falso que estea dicindo unha cousa e facendo a contraria”, como sinalaba a organización agraria, porque “en ningún momento se comunicou ningunha subida nin baixada do prezo do leite” nin fixo “ningunha comunicación oficial nin declaración a este respecto”.
O grupo galego, ao que pertencen as marcas Río e Leyma, asegura que paga o leite “por enriba da media de Galicia”. “Isto tradúcese en que as ganderías familiares que traballan con Lence leváronse á súa casa ata o mes de outubro, en conxunto, máis de 2 millóns de euros máis que as que traballan con empresas que pagan como máximo a media de Galicia”, argumenta.
Grupo Lence depende totalmente dos produtores galegos; polo tanto, o compromiso coas ganderías é total e palpable, aseguran
A empresa lucense lembra que “só compra leite en Galicia” e acusa a “outras compañías” de “pagar o leite máis caro fóra de Galicia mentres manteñen prezos baixos nas ganderías galegas”.
“O Grupo Lence é a segunda empresa que máis leite compra en Galicia e depende totalmente dos produtores galegos. Por tanto, o compromiso coas ganderías é total e palpable”, asegura.
A relación entre Carmen Lence e as organizacións agrarias ténsase
A tensión entre Carmen Lence, CEO de Leite Río, e as organizacións agrarias foi en aumento nas últimas semanas, despois de que o SLG lle afease que diga defender ás mulleres do rural de Galicia ao mesmo tempo que lles baixe o prezo do leite nos contratos e de que Unións Agrarias emitira unha nota sinalando que lograra parar a baixada dos prezos do leite no campo.
A estas acusacións, Carmen Lence contestou o pasado día 9 de novembro cunha “carta aberta” no seu perfil na rede social Linkedin na que, baixo o título Quen son os “galegos de conveniencia”? A verdade tralas medias verdades e as mentiras completas, negaba ter negociado nada con ningún sindicato e defendía a súa galeguidade e a da súa empresa.
Dicía o meu pai que como deixes que os demais che leven a empresa, en dous días non tes empresa (Carmen Lence)
Para o Sindicato Labrego Galego argumentaba: “Que levemos máis de 40 anos creando emprego e riqueza en Galicia, que compremos só a ganderías galegas, que transformemos todo en Galicia deixando todo o valor engadido na nosa comunidade, que paguemos os nosos impostos en Galicia… segundo estes señores, non é suficiente para chamarnos galegos”.
En tanto, sobre Unións, dicía: “Pregúntome con quen negociarían estes señores, que ata o de agora non se molestaron nin en chamarnos por teléfono e moito menos en vir negociar nada. Imaxínome que despois de falar coas empresas de fóra que mencionan, non consideraron importante falar coa única empresa galega entre as catro que máis leite recollen en Galicia”, lanzaba a Unións Agrarias.
Unións sinala que Río é unha industria que “nin tan sequera contesta ás reiteradas solicitudes de reunión”
Consultados sobre esta cuestión, desde Unións Agrarias sinalan que lle solicitaron a mediados de ano unha reunión a Río a través da súa organización de produtores (Ulega), “á que a día de hoxe segue sen contestar”. “Temos reunións cotiás coa maioría das industrias, logo poderemos chegar a acordos ou non, pero Río nin tan sequera contesta ás reiteradas solicitudes de reunión”, sinala Óscar Pose, que insiste en que a industria se comprometeu coas granxas a non baixar o prezo en decembro, en relación ó de outubro. “Maior compromiso que ese non pode haber”, conclúe.