O aumento do prezo do leite nos supermercados dispara os beneficios do Grupo Lence

A compañía facturou 208,4 millóns de euros en 2022, un 36% máis que o ano anterior, aumentando a súa carteira de clientes e o volume de recollida. Convertiuse na segunda industria que máis leite compra en Galicia

Grupo Lence fabrica Leche Rio Ceao II

O Grupo Lence, segunda empresa que máis leite recolle en Galicia (uns 900.000 litros diarios) e a única galega entre as catro primeiras lácteas que operan en España, facturou 208,4 millóns de euros en 2022, cun crecemento do volume de vendas de produto envasado dun 6,2%. O beneficio bruto de explotación (EBITDA) situouse en 9,5 millóns de euros.

Carmen Lence, CEO do grupo Lence, valorou positivamente os resultados e subliñou que estas cifras son “o resultado das políticas de mellora continua iniciadas a finais o 2020, que inclúen a dixitalización dos procesos, a optimización de custos e a mellora da eficiencia”.

Da mesma forma, subliñou a importancia de ter unha oferta de produtos aliñada coa demanda do mercado: “Temos unha ampla experiencia con clientes de distribución desenvolvéndolles as súas marcas, ao mesmo tempo que marcas propias como Leyma e Rio de Galicia, que atraen ao consumidor pola súa alta calidade a un prezo competitivo”.

O volume de venda de produto elaborado incrementouse nun 6,23% ao peche do exercicio, incorporando novos clientes

Nun contexto complexo para o sector, onde o consumo de leite caeu un 2%, o crecemento da compañía sustentouse na optimización da carteira de clientes, coa entrada de novos clientes a nivel nacional e rexional, e o aumento de pedidos doutros cos que o grupo Lence leva traballando décadas. 

Río de Galicia e Leyma, á alza

O grupo Lence destina neste momento o 60% do seu produto a MDD (Marca de Distribuidor) e o 40% a marcas propias, “un mix que reflicte a evolución do consumo de leite en España, onde o consumo de marcas de distribución medra en detrimento das marcas de fabricante”, asegura a compañía lucense.

A empresa envasa o 60% da súa produción como marca branca

No que se refire ás dúas marcas principais de grupo, as vendas totais de Leyma e Río de Galicia incrementáronse nun 5,6% en volume de litros vendidos. Leyma pechou o ano cunha cota de mercado en Galicia do 10,6%, sendo o leite galego máis vendido e o único que medrou tanto en volume como en cota de mercado en territorio galego en 2022, fronte ao aumento da marca branca.

Leyma pechou o ano cunha cota de mercado en Galicia do 10,6% e Río recupera a súa posición obtendo en decembro un 17% de distribución ponderada no total nacional

Pola súa banda, Río de Galicia continúa recuperando a súa posición no mercado español, crecendo en distribución en comunidades como Madrid, Asturias, Comunidade Valenciana e Cataluña e chegando en decembro de 2022 a obter un 17% de distribución ponderada no total nacional, segundo datos Nielsen. A marca pretende lograr o obxectivo de situarse como o leite galego de referencia a nivel nacional.

Baixada no prezo de compra ás granxas

O ano 2022 estivo marcado a partir do mes de setembro por un incremento considerable do prezo da materia prima, acompañado por unha revalorización importante do prezo de venda do leite nos supermercados. En 2023, o prezo dos bricks nos lineais mantense practicamente igual, pero o prezo de compra do leite en orixe caeu desde os 60 céntimos de finais de 2022 aos 42,7 de prezo base que ofrece o Grupo Lence para a renovación de contratos coas súas máis de 350 granxas provedoras.

A estratexia empresarial da compañía o pasado ano baseouse na axilidade á hora de tomar decisións nunha contorna volátil

“O prezo de compra do leite márcao o mercado, pero en Grupo Lence mostramos o noso compromiso pagando aos gandeiros e gandeiras por enriba da media de Galicia”, asegura Carmen Lence.

A CEO da empresa afirma que a compañía está “comprometida co sector e coas ganderías”, debido a que “se a elas lles vai ben, a nós vainos ben. Nós compramos toda a nosa materia prima en Galicia e transformámola en Galicia. Dependemos totalmente dos produtores galegos, co que somos os primeiros interesados en que obteñan un prezo xusto e que se siga xerando riqueza no rural”, asegura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información