Archives

Sintomatoloxía, tratamentos e secuelas da EHE en granxas de vacún

Alberto Díez Guerrier, veterinario clínico especialista en ruminantes e profesor asociado do departamento de Sanidade Animal da Facultade de Veterinaria da Universidade Complutense de Madrid, interviu nunha xornada da ADS de Aira, en Chantada, para falar sobre como as ganderías afrontan o reto de casos de EHE (Enfermidade Hemorráxica Epizoótica) entre os seus animais. O veterinario empezou facendo un repaso por como chegou a enfermidade, "que é antiga en moitas zonas como China ou Estados Unidos, e nova para nós". Explicou que a EHE chegou a España á vez que en Italia, con todo a maneira de propagación "foi totalmente diferente". Foi no ano 2022 cando en Cádiz e Sevilla apareceron os primeiros casos alarmantes: "Irrompeu no noso país cunha mortalidade bastante alta, con todo, cando chegou a Galicia e á cornixa, no 2023, a incidencia foi menor", valora. Sintomatoloxía e diagnóstico Díez salienta que "o virus non actúa igual en todas as vacas" e a sintomatoloxía que presenta é moi diversa, se ben cuns síntomas máis habituais ou comúns. "O virus cando entra na vaca, multiplícase ao grande e provoca lesións en diversos tecidos", puntualiza. Un dos primeiros síntomas é a febre, que normalmente desaparece, ademais de que os animais que teñen EHE deixan de comer e "quedan no chasis". Outro síntoma común é a coxeira que presentan, chegando a ter iagas. Xa non tan común, segundo o veterinario, son os abortos. Aclara que ao principio detectaron abortos ao final da xestación, no límite entre aborto e morinato (vacas que lles quedan unhas dúas ou tres semanas para parir e abortan). "O certo é que as mostras que temos deses becerros deron positivo ao virus". Outro caso, que xa é máis habitual, son as vacas afectadas aos tres ou catro meses. Neste caso, segundo as investigacións, o aborto era negativo e por tanto, determinaron que non se producía directamente polo virus, "podía ser polo estado de saúde que presenta a vaca ao enfrontarse á enfermidade, polo que sería unha causa indirecta do virus". Un cadro que apareceu ao principio bastante forte foron as hemorraxias. Empezáronse a detectar en Estremadura e "logo percibímolo moito". Débese, segundo indica Díez, a que o virus machuca as mucosas dixestivas.
"En calquera enfermidade vírica é importante notificar calquera sospeita, non só pola vosa explotación senón polo sector en xeral"
En canto ao diagnóstico, clinicamente "eu creo que é importante facer unha confirmación en laboratorio, se cadra non en todos os casos, pero si na maioría". Desta maneira, sábese seguro que é a enfermidade, xa que algúns síntomas pódense confundir con outras enfermidades, como a lingua azul. O que hai que facer é en vacas vivas análises de sangue, en animais mortos do bazo. "Sempre en animais mortos recentemente, porque se leva algúns días xa non nos serve a mostra", aclara o veterinario.
"É importante facer unha confirmación en laboratorio de todos os casos, tanto en animais vivos como mortos"
Recalca a importancia de notificar calquera sospeita, porque para os investigadores coñecer o estado da enfermidade e como se desenvolve é fundamental. "De forma xeral, coas enfermidades infecciosas, non teñades medo en notificalo. Non pensedes só en vós senón no sector en xeral". O veterinario Alberto Díez durante a súa charla no auditorio de Chantada Tratamento: a prevención Contra este virus, neste momento, non existen tratamentos eficaces. O que buscan os veterinarios é que o sistema inmune do animal actúe ante o virus e o elimine do seu organismo canto antes. En canto ao uso de medicamentos, estúdanos en cada caso con dúas finalidades, unha evitar as inflamacións e outra quitar dor. "Levo 30 anos en clínico e non vin tanta dor en vacas como con esta enfermidade. É unha cousa, que hai días que se nos caía a alma aos pés", recalca Díez. A resposta aos tratamentos é moi diferente, recalca o profesional e lembra un caso no que tiñan dous animais nas mesmas condicións e aplicaron o mesmo tratamento. "Nun deles convertémonos en Deus, xa que se salvou de maneira asombrosa, no outro faleceu". Díez incide en que o máis importante é previr a enfermidade. "Desde o punto de vista oficial hai que ter unha vixilancia da enfermidade, detectala canto antes para evitar a súa propagación. Evitar os movementos, porque o vector é un mosquito, e estar pendente constantemente de todos os animais ante calquera síntoma ou cambio de actitude".
"As secuelas aínda precisan de máis investigación para determinar cales son derivadas da EHE"
En canto ás vacinas, lembra que actualmente non hai ningunha oficial en Europa. Indica que en España se está traballando niso, pero polo momento ningunha é oficial. "É importante que non confíen no que reciben por móbiles e demais, xa que non hai cura". Secuelas A morte dos animais nunha granxa é a principal secuela na gandería, pero aínda así, os animais que conseguen pasar a EHE quedan con secuelas múltiples. Unha das máis habituais é unha mamite severa que perdura no tempo e provoca que o animal teña que ser levado a matadoiro. Outra común é que, aínda que volven comer ben, non conseguen recuperar o seu peso anterior á enfermidade e por tanto non valen nin para matadoiro. Tamén é habitual que queden con problemas respiratorios, como pneumonías agudas. Hai secuelas, como a baixa fertilidade, que aínda non se determinou se veñen provocadas por pasar a enfermidade ou non. "A miña impresión é que, por sorte, non está a ser tan grave como parece. Si pode haber abortos, pero non é nada alarmante". Aclara que para facer unha mellor investigación necesitan máis resultados, avaliar como estaban os animais previamente á enfermidade e que secuelas quedaron posteriormente. Enfermidades emerxentes En paralelo á EHE e a outros problemas que apareceron nos últimos anos, como a língua azul, no sector vacún preocupa tamén a situación que se está a vivir en Estados Unidos, coa transmisión da gripe aviar a granxas de vacún de leite.

Experiencias de veterinarios e gandeiros coa EHE: “Somos conscientes de que esta enfermidade vai causar estragos”

Emilio Buenadicha, Javier Sabín e José Taboada, xunto a Roberto López, portavoz de Agromuralla A enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) é a gran espada de Damocles sobre as cabezas de gando vacún das explotacións galegas para este 2024. Coa chegada da primavera e o aumento das temperaturas, os insectos culicoides que actúan de vectores do virus comezan a multiplicarse e con eles aumenta o risco de contaxio do gando. Como cando foi da pandemia da covid-19 en humanos, o ano pasado déronse moitos paus de cego no tratamento dos animais afectados por EHE. Desa experiencia previa é necesario aprender para enfrontar a ameaza este ano. Tres veterinarios que loitaron contra a enfermidade en Galicia e Castela e León no 2023 contaron nunha recente xornada organizada pola asociación Agromuralla algunhas das claves para entender como se comporta o virus e deron algúns consellos para enfrontar as súas consecuencias nas granxas tanto de leite como de carne.  
Emilio Buenadicha, veterinario clínico en Salamanca

“Non é certo que a EHE afecte só a animais inmunodeprimidos”

Emilio Buenadicha é veterinario clínico en Salamanca, onde a EHE tivo unha importante afectación o ano pasado. En Castela e León, ao igual que na veciña Estremadura, a maioría das ganderías son explotacións de carne que teñen as súas vacas en extensivo. “Cando vai moita calor, as vacas vanse ás zonas máis húmidas e sombrías, que é precisamente onde se atopa o insecto”, explica. Estar desinfectando cando o gando está fóra non é unha labor doada e leva tempo, pero Emilio propono como unha primeira barreira de contención. “Os repelentes non son a panacea, pero algo axudan. Non é unha guerra perdida, pero incluso desinfectando moito, bañando ás vacas incluso a diario, en moitos casos non conseguimos frear a enfermidade e evitar que a EHE chegase a esa explotación”, relata.
O uso de repelentes non é a panacea, pero algo axuda
Outra das confusións existentes en relación á enfermidade é a que animais afecta. “Os animais máis débiles son máis propensos a sufrir casos clínicos como consecuencia da enfermidade, porque se o virus entra nunha vaca que xa está nun estado de carnes complicado vai ser máis difícil que saia adiante, porque vai estar un tempo sen comer, pero hai contaxios tamén en animais que están sans e fortes”, asegura Emilio. “Nun primeiro momento o Ministerio a nós díxonos que a enfermidade ía afectar só a eses casos de animais inmunodeprimidos, pero non é certo, afecta a todo tipo de animais, aínda que un animal forte deféndese mellor e resiste mellor a enfermidade e moitas veces pásaa sen sintomatoloxía (casos subclínicos) ou con sintomatoloxía máis leve”, conta. Non alongar o tratamento con antiinflamatorios En base á súa experiencia no tratamento da EHE o ano pasado, o veterinario salmantino recomendou “poñer antiinflamatorios en canto vexamos os primeiros síntomas clínicos”, aínda que advertiu tamén sobre as consecuencias de estender eses tratamentos no tempo. “Penso que é un problema, porque se unha vaca bota unha semana sen comer non sabemos se morren por non comer ou polo tratamento. Por iso o que nós empezamos a facer era se viamos que levaba 3 días sen comer deixabamos de pinchalas con antiinflamatorios e algunhas viamos que saían adiante, pero nos primeiros días si que os recomendo”, insiste. Garantir que o animal enfermo coma e beba Para Emilio, “é importante manterlles a comida e a inxesta de auga aos animais infectados”. “Se manteñen a rumia teñen menor problema para superar a enfermidade e tamén é vital que beban auga, que é case máis importante que a comida, porque se deshidratan moi rápido”, explica.
Vimos que os animais que eran capaces de beber e comer algo eran capaces de saír adiante; mentres que a vaca que se negaba era difícil recuperala, aínda que a sondaras
Para asegurarse de que comen e beben, recomendou en determinados casos separar os animais enfermos dos sans, para deste xeito telos máis vixiados e controlados. “Un dos problemas en réximes en extensivo que tiñamos nós era garantir que eses animais enfermos tiñan acceso á auga e estaban hidratados. Hai que vixiar aos animais infectados e unha das cousas que vimos que axuda bastante é o illamento dos animais positivos para facilitarlles o acceso á auga e á comida, porque os animais que eran capaces de beber e comer algo durante o proceso da enfermidade viamos que normalmente eran capaces de saír adiante, mentres que as vacas que se negaban a comer e beber era moi difícil recuperala, aínda que a sondaras”, aclara. Consecuencias na fertilidade do rabaño Máis alá de provocar caídas na produción e mesmo a morte ou danos irreversibles nos casos máis graves, unha das secuelas habituais da EHE dáse no ámbito reprodutivo. “Moitos gandeiros que pensaban que tiñan as vacas preñadas ven agora que saen en celo e moitos touros quedaron totalmente infértiles”, explica.
Moitos gandeiros que pensaban que tiñan as vacas preñadas ven agora que saen en celo
“No forte da enfermidade viamos abortos a término e tenreiros que nacían sen gañas de mamar. Agora estamos tendo problemas de malformacións en feto en vacas que estaban no último terzo da xestación”, detalla Emilio. Preocupación polo serotipo 6, que circula por Marrocos En comunidades como Estremadura ou Castela e León, moi afectadas polo serotipo 8 do virus, chegado dende Túnez no 2023, temen agora a entrada este ano do serotipo 6 procedente de Marrocos. “Hai case tanta preocupación por iso como polo que tivemos o ano pasado. Porque compañeiros da zona de Cádiz, que xa tiveran algún caso o ano anterior, comentan que o segundo ano a afectación baixa moito. Pero se vén un serotipo novo o cadro clínico pode variar”, alerta este veterinario salmantino.
Javier Sabín, veterinario e gandeiro da Capela

“Houbo moitos máis casos dos declarados”

Javier Sabín é veterinario en A Capela, onde traballa sobre todo en granxas de carne. Ademais, el mesmo é gandeiro e sufriu no seu rabaño a enfermidade, que se cebou nesta zona de Ferrolterra, unha das máis afectadas de Galicia o ano pasado. “Houbo moitos máis caos dos declarados. Moita xente non deu avisos por medo a peche e bloqueo das explotacións”, asegura Javier, que pide avanzar nun mapa epidemiolóxico para coñecer cal é a situación real da enfermidade en Galicia. “Gustaríame que se fixeran máis sangrados para tranquilizar aos donos dos animais, porque nas zonas onde houbo casos o ano pasado a inmunidade seguramente será maior, porque boa parte dos animais estiveron en contacto co virus”, argumenta.   Momento de estrés na granxa Ademais de veterinario, Javier é tamén gandeiro e lembra como un momento de preocupación e incerteza a entrada da EHE na súa explotación e o incremento da carga de traballo que supón facer fronte á enfermidade. “Teño vacas en extensivo en varios lotes e é un momento estresante porque tes que separar vacas; é un trastorno a nivel manexo”, asegura. Recomenda controlar ao día aos animais, ver que comen e beben e, se iso é así, “nunha semana por si sos superan a enfermidade”, di.
Nas explotacións que contan con sistemas de monitorización pode detectarse antes a EHE; vese unha caída de rumia antes de que aparezan os primeiros síntomas visibles na vaca
No seu rabaño conta con colares de monitorización do gando, o que permite unha detección precoz da enfermidade. Ista vantaxe, di, dáse sobre todo nas explotacións de leite, moito máis dixitalizadas polo xeral que as de carne. “Nas granxas de leite temos maior capacidade de reaccionar ante un cadro clínico. Moitas granxas xa teñen sistemas de monitorización e neles vese unha caída de rumia antes de que aparezan os primeiros síntomas visibles na vaca”, explica. Tanto en explotacións de leite como en ganderías de vacún de carne, Javier recomendou adiantarse á enfermidade e tomar certas decisións prevendo a posible afección da EHE en Galicia este ano. “Se estás cebando vacas para mandar a matadoiro, eu aconsello adiantar a súa saída antes de que cheguen os meses de calor, para previr que poidan coller a enfermidade e baixar, xa que logo non vai ser doado que recuperen eses quilos”, argumenta. “É necesario que se controle o transporte do gando” Á hora de previr a enfermidade e minimizar as súas consecuencias, Javier considera que “non por máis desinfectar van aparecer menos casos”. “Eu penso que a solución vai máis pola inmunidade do rabaño”, di en relación á vacinación, pois “cantos máis animais teñamos inmunizados menos circulación vai haber do virus e menor incidencia vai ter”.
O primeiro caso en Galicia foi en Abegondo, moi cerca dun matadoiro; branco e en botella
Pide ademais “que se extreme o control e a desinfección no transporte do gando”, como un dos factores de risco que estarían detrás, na súa opinión, da chegada da enfermidade a Galicia. “O primeiro caso que houbo en Galicia foi en Abegondo e moi cerca de alí está un matadoiro: branco e en botella”, afirma. Os movementos de animais poderían estar tamén detrás da entrada da EHE en España, dado que o serotipo 8 que circulou o ano pasado pola península procede de Túnez, un país ao que se exporta gando vacún en barco desde portos de Andalucía e o Mediterráneo.
José Taboada, veterinario e gandeiro de Portomarín

“En canto apagamos os ventiladores, a EHE empezou a afectar a vacas leiteiras estabuladas”

José Taboada ten unha explotación de leite en Portomarín e traballa tamén como veterinario noutras granxas, tanto na provincia de Lugo como na da Coruña. “Os casos que atendín eu foron sobre todo en granxas leiteiras, nalgún caso con máis da metade dos animais infectados”, explica. José observa un patrón claro nos contaxios en explotacións lácteas: “Nos meses de xullo e agosto a enfermidade afectaba sobre todo a vacas secas e xovencas que estaban fóra, máis que ás de produción que estaban dentro, porque tiñamos os ventiladores funcionando. Pero en canto apagabamos os ventiladores, en setembro, outubro e novembro, empezou a afectar sobre todo aos animais que estaban nos establos. Daba igual que fose unha granxa antiga ou moderna; as instalacións inflúen relativamente”, asegura.
No outono, en canto baixan as temperaturas, os mosquitos buscan refuxio nos establos; dá igual que sexa unha granxa antiga ou moderna; as instalacións inflúen relativamente pouco
Este cambio de incidencia débese, afirma, a que “o insecto transmisor busca tamén calor dentro a medida que baixan as temperaturas fóra. En pleno mes de decembro houbo un caso en Touro”, lembra.  Os efectos da entrada da enfermidade nas explotacións nótanse aínda varios meses despois de sufrir a EHE. “Estoume atopando agora moitos fallos en reprodución; houbo granxas que subiron unha dose ou dúas por vaca tranquilamente como consecuencia da enfermidade”, afirma. Problemas diagnósticos “Somos conscientes de que esta enfermidade vai causar estragos”, asegura José, que aposta por mellorar o diagnóstico. “Temos que ser cautos e sangrar para estar seguros, porque hai outras enfermidades con cadros hemorráxicos e respiratorios que se poden confundir coa EHE, como casos de clostridium”, exemplificou.
Hai máis control nas granxas de leite que nas de carne
Á hora de detectar a EHE este veterinario considera que “as granxas de leite xogan cunha vantaxe de 2 días na detección, o que implica coller a enfermidade moito antes”. “Hai máis control nas granxas de leite que nas de carne”, defende.   Anima ademais aos gandeiros afectados a notificar os casos, “porque senón a Administración segue no seu 1-2% de prevalencia e non sae de aí”, di. “Pasa o mesmo que coa vacina da lingua azul, que non se notifican os casos de abortos ou os shocks anafilácticos por choque con penicilina e para a Xunta non se producen”, comparou. Tratamentos alternativos José é certificador do selo ELUA, que obteñen aquelas explotacións que producen leite A2 e non empregan antibióticos e produtos desparasitantes no gando. “Eu son máis partidario de poñer antiistamínicos que antiinflamatorios no gando enfermo con EHE e gústame moito traballar con levaduras vivas e probióticos para volver a poñer a rumia a andar”, explica. Con todo, recoñece que non se acadan os mesmos resultados en todos os animais infectados. “Tiven casos de vacas que quedaron a cero litros e nunha semana estaban producindo no mesmo nivel ca antes e outras coa mesma pauta de tratamento que non se acabaron de recuperar e seguen con altibaixos”, admite.
Eu son máis partidario de poñer antiistamínicos que antiinflamatorios
En canto ás medidas de control, José remarca a necesidade de reducir os desprazamentos do gando. “Non poden vir sacrificarse vacas desde Cádiz a Galicia, porque iso está xerando transmisión. Non fomos eficaces na prevención, en frear o avance da enfermidade”, asegura.  A nivel de explotación, remarca que “se estamos todas as semanas sulfatando aos animais non nos queda un euro no peto”. “Hai que valorar as medidas desde o punto de vista custo-beneficio; iso supón outro protocolo máis nunha granxa que normalmente xa está chea de protocolos e saturada de traballo. Temos que xerar pautas e protocolos cómodos para os gandeiros”, defende.
Temos que xerar pautas e protocolos de desinfección cómodos para os gandeiros
Por iso, di, “nalgunhas granxas estamos metendo repelentes vía oral, de maneira que os animais os eliminan no suor e nos ouriños e existen tamén pedras de lamber específicas con plantas repelentes”, explica. Tamén funciona a plantación de determinadas especies de plantas no entorno dos establos, como a citronela, que actúa como repelente natural para os mosquitos. A loita biolóxica é outra das posibilidades, como a solta de moscas caníbales que comen as larvas dos culicoides. “Antes de que saltara a pandemia da covid-19 estabamos traballando nun proxecto en granxas de Castela introducindo morcegos, xa que un morcego pode comer até uns 10.000 mosquitos nunha noite”, di.  

“Calculamos que este ano os primeiros casos de EHE en Galicia empecen a detectarse nos meses de xullo e agosto”

Alberto Prieto Lago, profesor do departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo

A enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) é unha enfermidade producida por un virus ARN da familia Reoviridae (xénero Orbivirus) e transmitida por un culicoide, un insecto moi parecido a un mosquito responsable tamén da transmisión da lingua azul.

Alberto Prieto Lago, profesor do departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo, leva máis dun ano estudando esta enfermidade emerxente que se ve favorecida na súa expansión polo cambio climático e que o ano pasado apareceu por primeira vez en Galicia.

Este ano non ten por que ser peor que o anterior, polo menos naqueles lugares onde xa se detectaron bastantes casos o ano pasado porque seguramente a inmunidade de rabaño nesas zonas sexa elevada

Alberto participou recentemente nunhas xornadas organizadas por Agromuralla, onde defendeu a necesidade de axilizar a confirmación de casos e de realizar un estudo de seroprevalencia por comarcas para coñecer o estado real de inmunización actual acadado polo rabaño bovino nas distintas zonas produtoras trala aparición e avance da enfermidade o verán pasado.

O vector transmisor empeza a circular cando a temperatura mínima sobe de 10-12 grados

Os culicoides empezan a circular cando a temperatura mínima sobe de 10-12 grados, polo que co incremento de temperatura destes últimos días poderían comezar a saír do seu letargo invernal.

Se unha vez que empeza a circular o insecto vén unha semana de chuvia ou frío, o mal tempo non corta o seu ciclo, tan só o ralentiza. Pola contra, se soben as temperaturas acelérase o proceso de posta de ovos e eclosión de novos individuos.

Pero para transmitir o virus da EHE o insecto primeiro ten que cumprir o seu ciclo e logo atopar un animal infectado para poder transmitir a enfermidade. Por iso Alberto prevé que os primeiros casos deste ano empecen a producirse en Galicia nos meses de xullo e agosto.

Nos meses de calor a EHE afecta máis a explotacións en extensivo que a granxas que teñen sempre aos animais no establo

Con todo, considera que o 2024 non ten que ser peor que o anterior en canto ao número de casos e a evolución da enfermidade, polo menos naquelas zonas onde en 2023 houbo xa un número significativo de animais infectados.

“Nalgunhas zonas de Galicia, onde houbo unha alta incidencia e se detectaron moitos casos clínicos no outono pasado, como a zona de Guitiriz, Xermade, Muras, A Capela ou tamén a zona de Chantada, eu creo que a inmunidade de rabaño ten que ser moito maior da que se pensa, porque se se detectaron un número elevado de casos clínicos tivo que haber moitos máis casos subclínicos”, argumenta.

Sería convinte facer estudos de prevalencia por provincias ou comunidades para saber o estado no que se atopa a enfermidade

Para coñecer esa realidade, considera que sería necesario facer un estudo de prevalencia usando para iso as mostras de soros que toman por exemplo as ADSG, para ter información por zonas e saber cal é a situación da enfermidade neste momento e prever a súa evolución.

Axilizar a confirmación de casos positivos

O profesor de Patoloxía Animal da USC tamén recomenda axilizar os protocolos por parte da Administración para a confirmación dos casos. “O resultado dunha PCR pode terse no día, non hai que esperar 3 meses”, di.

A EHE estendeuse con rapidez o ano pasado pola península e Alberto considera que seguirá avanzando até converterse nun problema sanitario a nivel de toda a UE. “A enfermidade non vai parar nos Pirineos, seguirá subindo e vai chegar até Alemaña”, prognostica.

A enfermidade non vai parar nos Pirineos, seguirá subindo e vai chegar até Alemaña

En Europa a enfermidade entrou a finais de 2022. O 10 de novembro dese ano describiuse en Sicilia e Cerdeña, procedente do serotipo 8 de Túnez. Uns días despois, sobre o 18 de novembro xa se describen os primeiros casos en Andalucía, co mesmo serotipo 8 tunecino. “O transporte marítimo de animais eu creo que foi a causa máis probable da chegada a España”, considera o profesor de Veterinaria.

A finais de setembro de 2023 detectáronse os primeiros casos nos municipios coruñeses da Capela e As Pontes e o 22 de novembro deixaron de comunicarse casos, coincidindo coa chegada do frío e a baixada de actividade do insecto transmisor.

De febreiro-marzo até novembro temos presenza destes insectos en España

“De febreiro-marzo até novembro temos presenza destes insectos en España e en condicións favorables son posibles entre 3 e 4 xeracións de insectos no mesmo ano en función das condicións de humidade e temperatura”, indica.  

Distintos serotipos sen inmunización cruzada entre eles

O virus que provoca a EHE ten unha particularidade que dificulta o seu control. “Xa se coñecen 7 serotipos da enfermidade e non hai protección cruzada entre eles. O serotipo 8 é o que está circulando agora en España”, explica Alberto.

A súa procedencia é Túnez, pero está xa constatada a presenza do serotipo 6 en Marrocos, que podería dar lugar á entrada en España doutra variante da enfermidade.

O orbivirus causante da EHE ten similitudes co virus causante da peste equina africana e co da lingua azul

A enfermidade da EHE foi detectada por primeira vez en EEUU en 1955 en venados salvaxes. Neste momento o serotipo 1 do virus é endémico en EEUU, mentres que en Xapón está presente o serotipo 2. Aínda que na conca mediterránea os máis estendidos son o serotipo 6 e 8, a cepa israelí, sen embargo, é do serotipo 7 e causou importantes perdas na súa cabana leiteira no ano 2006.

Como se comporta a enfermidade?

A evolución dos animais infectados que desenvolven a enfermidade da EHE é moi variable, asegura Alberto, pois poden darse desde formas subclínicas sen signos aparentes da enfermidade, que son os casos máis frecuentes, a casos agudos como consecuencia dos danos provocados nos vasos sanguíneos do pulmón e que poden levar mesmo á morte do animal.

É discutible que se diga que a mortalidade é baixa, pois vemos porcentaxes de até un 10% de mortalidade entre os animais que desenvolven cadros clínicos

En canto aos síntomas, o profesor de Patoloxía Animal do Campus Terra enumera os seguintes: “os animais deixan de comer porque se atopan mal; pode haber edemas ou teren a lingua inchada e inflamada, o que lles dificulta comer e tamén beber;  ás vacas infectadas ás veces cústalles mesmo manter a lingua dentro da boca; apréciase caída de saliva e úlceras orais ou nasales, tamén con secreción nasal e ocular; úlceras no fociño; edemas oculares con conxuntivite e párpados moi inchados; en algunhas razas detéctanse problemas de patas e coxeiras, xa que se producen necroses de cascos, que ás veces acaban mesmo desprendéndose; e están aparecendo tamén diarreas hemorráxicas”, indica.

O problema é que cando entra nun establo e baixa a inmunidade do rabaño, aparecen enfermidades concomitantes bacterianas

Pero a maiores das propias consecuencias do virus, a EHE é tamén un desencadeante ou un potenciador de outro tipo de patoloxías. “O problema é que cando entra nun establo e baixa a inmunidade do rabaño, aparecen enfermidades concomitantes bacterianas que empeoran as consecuencias da propia enfermidade”, explica.

“É discutible que se diga que a mortalidade é baixa, pois vemos porcentaxes de até un 10% de mortalidade entre os animais que desenvolven cadros clínicos”, afirma o profesor de Veterinaria.

En EEUU ou Israel esta enfermidade xa se considera endémica

Pero a medida que a inmunidade de rabaño sobe, os efectos da EHE van diminuíndo. “Cando a porcentaxe de animais inmunizados aumenta non temos tanta mortalidade. É unha enfermidade moi complicada de erradicar que tende a volverse endémica, como acontece xa en EEUU ou Israel”, aclara.

“O problema dáse sobre todo co contacto con poboacións de animais virxes, como está pasando neste momento”, engade Alberto, que bota man dun símil para entender o que está sucedendo a día de hoxe nas explotacións de vacún: “cando os españois chegaron a América mataron a más indíxenas coa viruela que cos fusís”.

Tratamento e factores de risco

A adquisición de animais ou ter outras granxas a menos de 200 metros de distancia son factores de risco que incrementan as probabilidades de sufrir a enfermidade no rabaño.  

Pola experiencia adquirida, pénsase que existe tamén un factor xenético como condicionante. “Hai razas más azotadas pola enfermidade, como a limusín ou a frisona, fronte a outras como a angus, que parece que resiste más, pero non está de todo demostrado”, aclara Alberto.

É fundamental manter a inxesta de auga e comida por parte do animal enfermo

Non existe un tratamento específico para a EHE e os seus efectos clínicos son tratados habitualmente con antiinflamatorios. “Só debemos dar un antibiótico se sospeitamos que hai unha inflamación bacteriana a maiores”, insiste o profesor da Facultade de Veterinaria. É tamén imprescindible manter a rehidratación do animal enfermo e a inxesta de alimento, para o que é recomendable a súa separación e vixiancia. Para as curas locais de úlceras e outros danos na pel pode empregarse clorhexidina como desinfectante de acción antiséptica.

Medidas preventivas a nivel de granxa

Aumentar a inmunidade do rabaño para que deste modo os animais da explotación resistan moito mellor a enfermidade é a principal recomendación que fai este experto para previr as consecuencias da EHE sobre a cabana gandeira.

Unha das características fundamentais dos insectos culicoides que transmiten a EHE é o seu pequeno tamaño, o que condiciona a posible colocación de mallas ou outro tipo de barreiras físicas para impedir a súa entrada aos establos. “Son moi pequenos e difíciles de ver, normalmente entéraste cando che pica”, asegura Alberto.

Non serven as mallas antimosquitos, porque os culicoides son máis pequenos

“As mallas teñen que ser finas, non serven as antimosquito, e se se impregnan con piretroides son un bon sistema de protección, pero ten un custo e ás veces non é doado instalalas, en función do deseño das instalacións”, recoñece.

Pero o feito de seren insectos moi pequenos tamén limita a súa mobilidade e a súa capacidade de desprazamento entre unha granxa infectada e outra que non o está. “É moi lixeiro e mal volador, polo que non percorre grandes distancias entre unha granxa e outra. Ademais, se temos correntes de aire cústalles máis pousarse sobre o gando porque é un insecto moi lixeiro”, remarca.

Se temos correntes de aire cústalles pousarse sobre o gando porque son insectos moi lixeiros

Outra diferenza a respecto dos mosquitos é que mentres que estes se reproducen na auga, os culicoides necesitan tamén de materia orgánica para o desenvolvemento das súas larvas, xa que as femias depositan os ovos na materia orgánica (marxes de fosas de purín, restos de silos, pilas de esterco, zonas de sombra con presenza de animais en extensivo onde hai restos de feces, comedeiros, etc).

Por iso, manter limpas estas zonas onde pode haber restos orgánicos é unha medida imprescindible para que o vector transmisor da EHE non se poida reproducir. “Eu recomendo extremar a limpeza e eliminar a materia orgánica que teñamos ao redor da granxa para reducir os lugares de cría. Nestas zonas podemos empregar tortas de sementes de Neem como larvicidas”, engade.

Uso de insecticidas

Para reducir a transmisión da enfermidade existen dúas estratexias: podemos reducir o contacto dos nosos animais co vector ou reducir o número de vectores. “Mediante o uso de tratamentos insecticidas, teremos menos risco, pero non existe o risco cero”, aclara Alberto.

En animais de produción non se poden usar repelentes sintéticos, só algúns de orixe natural. “Os insecticidas con piretroides son máis efectivos sobre o animal que no ambiente. Teñen unha duración de 21 a 35 días, aínda que se chove ou os animais se mollan os seus efectos desaparecen antes. E é necesario pulverizar ao animal por completo, porque aos culicoides gústalles picar no baixo ventre e na zona do ubre porque a pel é máis fina”, explica.

Por iso, di, meter os repelentes nos sistemas de nebulización non funciona, “porque unicamente mollamos o lombo e as costelas, pero non a zona baixa da barriga ou o ubre”, indica.

Para cando unha vacina?

Aínda que hai xa varias empresas farmacéuticas traballando no desenvolvemento dunha vacina para o serotipo 8 presente en España, Alberto é pouco optimista. “Non creo que teñamos vacina para este ano”, di, porque “o desenvolvemento dunha vacina require uns prazos e aínda que existe vacina xa para a lingua azul e comparte similitudes vexo pouco factible que estea lista no 2024.  Pero se a enfermidade sigue subindo cara Francia e Alemaña eu penso que haberá máis presión a nivel europeo cara á industria farmacéutica para que se desenvolva unha vacina”, razoa.

Non creo que teñamos vacina para este ano pero se a enfermidade sigue subindo cara Francia e Alemaña eu penso que haberá máis presión cara á industria farmacéutica para que se desenvolva unha vacina

Nos Estados Unidos teñen empregado vacinas autóxenas para fauna salvaxe a partir de patóxenos e antíxenos, algo que na UE non está permitido. En Japón existen tamén dúas vacinas comerciais, pero son para o serotipo 2 e non protexen contra o resto de variantes pola reducida protección cruzada existente.

En EEUU desenvolveron autovacinas para a fauna silvestre, pero en España están prohibidas

“A peste porcina africana conseguimos erradicala en España grazas á vacinación”, lembra Alberto, que explica que “a experiencia coa lingua azul indícanos que cando temos un 80% da poboación vacinada ou inmunizada desaparece a circulación do virus e os casos clínicos da enfermidade desaparecen”. Coa EHE está por ver cal dos dous remedios (vacinación ou inmunización natural) se produce antes.

Por que no verán as vacas máis afectadas son as que están en pastoreo e no outono as das explotacións intensivas?

Gandeiros, veterinarios e público asistente ás xornadas organizadas por Agromuralla na Politécnica de Lugo

Aínda que a mellor maneira que teñen de pasaren o inverno os culicoides é en estado larvario, tamén son capaces de sobrevivir ao frío algúns individuos adultos, un feito favorecido sobre todo pola suavización das temperaturas invernais debido ao cambio climático.

Para resgardarse da invernada, moitas veces os insectos buscan acubillo no interior das naves das explotacións. “Os culicoides que temos aquí en Galicia son máis propensos a entrar nos establos que os que hai no sur de España”, asegura Alberto.

Na zona norte de España conviven distintos tipos de culicoide, entre os que están os do xénero Obsoletus e os do xénero Pulicaris. “O Obsoletus é o que máis nos debe preocupar aquí en Galicia”, asegura o profesor da USC. “Prefire estar fóra dos establos, aínda que tamén entra cando as temperaturas descenden”, explica.

Nas ganderías de carne existe maior risco en xullo e agosto e nas de leite en setembro e outubro

Esa sería a razón pola cal os casos detectados nos meses do verán se producen sobre todo no gando que está en extensivo e a medida que avanza o outono a maior parte das infeccións se trasladan a explotacións intensivas con gando estabulado, razoa.

O orbivirus responsable da EHE pode sobrevivir ao inverno dentro dun destes colicoides infectado que se refuxia dentro dun establo ou outra construción. “O mal de Schmallenberg en Alemaña tamén era transmitido por culicoides e viron que insectos infectados podían pasar o inverno dentro dos establos ou doutras construcións”, explica.

Para a reactivación da EHE este ano en Galicia tamén existe a posibilidade de que o seu vector (o insecto culicoide) volva entrar, infectado ou non, desde outras zonas, como aconteceu neste último verán.

Só pican e transmiten a enfermidade os insectos femia e acostuman facelo ao amencer e ao atardecer

Ovellas e cabras, así como rumiantes silvestres como os corzos poden actuar tamén de reservorios da enfermidade. Cando un insecto se infecta inicia un período de incubación que dura de 7 a 10 días, dependendo das condicións climáticas (con humidade e temperatura alta este período acúrtase).

Só pican e transmiten a enfermidade os insectos femia e prefire os momentos crepusculares, “No amencer e no atardecer é cando máis risco temos”, indica Alberto. “As femias para facer as postas necesitan sangue, e é nese momento no que van aos animais, pícanlles e inféctanos”, engade.

As vacas infectadas manteñen ata 50 e 60 días a enfermidade no sangue

No caso do gando, as vacas desenvolven a enfermidade entre 2 e 10 días despois de ser picadas e manteñen o virus no corpo durante uns dous meses. “Son virus con similitudes co da peste equina africana e a lingua azul”, indica.

Crystalyx Garlyx, un suplemento nutricional para o gando que axuda a repeler os insectos

A preocupación nas ganderías polo impacto da enfermidade hemorráxica epizóotica (EHE) levou a Crystalyx a potenciar o seu suplemento nutricional ‘Crystalyx Garlyx’, un penso complementario vitamínico – mineral que axuda a repeler os insectos voadores, como os mosquitos, causantes da transmisión da EHE e doutras enfermidades, como a lingua azul.

Crystalyx Garlyx, ademais de estimular a flora ruminal e proporcionar un paquete equilibrado de minerais e vitaminas, contén compoñentes de allo, o que fai que os animais exuden o olor sulfuroso dos allos. Ese cheiro na pel dos animais contribúe a repeler os insectos de xeito natural.

O produto, que tamén apoia as defensas do gando contra as enfermidades, reduce a inquietude que provoca no gañado a proliferación de mosquitos, mellorando o seu benestar.

Recomendacións de uso
Crystalyx Garlyx ofrécese en formato de cubos para lamber. Aconséllase a colocación de dous cubos por rabaño, para evitar a competencia. É un produto recomendado tanto para gando bovino como para ovellas e cabras. No caso das vacas, aconséllase a colocación de 2 cubos de 80 Kg. cada 50 animais, ou de 2 cubos de 22,5 Kg. para lotes de 20 vacas.

O consumo diario por vaca estímase en arredor de 150 – 250 gramos de media, en tanto nos tenreiros baixa a 100 – 150 gramos ao día e nas ovellas a 40 – 60 gramos ao día.

O produto é resistente á choiva e á intemperie, pero débese protexer dos raios do sol, pois ao quentarse, é menos apetecible para o gando.

O seu uso está recomendado para gando de carne e nas granxas de leite, para xovencas e vacas secas. Non se aconsella o seu uso prolongado en vacas en lactación.

Prevención de enfermidades
No actual contexto, marcado pola proliferación no gando vacún do virus da EHE, Crystalyx Garlyx posiciónase como unha ferramenta que pode contribuír á prevención da infección, tanto no caso da enfermidade epizóotica hemorráxica como noutras similares, como a lingua azul, tamén transmitida por mosquitos.

Os insectos, ademais, poden transmitir outros patóxenos, ligados coa mastite, e en xeral perturban o benestar dos animais e teñen un impacto negativo no seu rendemento.

Outros beneficios
A maiores do seu efecto na prevención de enfermidades, Crystalyx Garlyx é un suplemento vitamínico – mineral pensado para aumentar o rendemento dos animais, xa que contribúe a incrementar a inxesta da forraxe e mellora a súa dixestibilidade.

O obxectivo é proporcionarlle ao gando un penso complementario equilibrado que contribuirá ao seu aumento de peso e de produción.

Beneficios de CRYSTALYX® Garlyx*

1. Aumenta a inxesta de forraxe e a dixestibilidade.
2. Aumento de peso (GMD) ou a produción de leite.
3. Proporciona un paquete equilibrado de minerais e vitaminas
4. Reduce a inquietude e o nerviosismo causados por insectos voadores
5. Excelente palatabilidade e resistencia á intemperie
6. Apto para gando vacún, ovino e caprino

Para máis información:

A ADSG AIRA celebrou unha xornada formativa sobre a situación da EHE en España e Galicia

O equipo veterinario de ADSG AIRA organizou unha xornada formativa no Auditorio de Chantada. Estaba dirixida aos socios/as da ADS de Palas de Rei, Chantada, Carballedo e Taboada. A cita contou con diversos profesionais para abordar a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica. Alberto Díez Guerrier, veterinario clínico especialista en rumiantes e profesor asociado de Sanidade Animal da Facultade de Veterinaria da UCM, expuxo a súa charla titulada ‘EHE, un reto para a gandería’, na que abordou a historia da enfermidade, así como a evolución que tivo en España entre 2022 e 2023. Tamén tratou a morbilidade e a mortalidade, ademais das secuelas que deixa nas ganderías. Logo expuxo medidas para o control e prevención, que deben tomarse principalmente desde a administración. Finalmente, tratou os estudos de prevalencia que existen até o momento e reflexionou sobre se diminuirá o problema.
As investigacións que se están desenvolvendo facilitarannos no futuro o manexo da enfermidade con maiores certezas
O seguinte en intervir foi Víctor Collado Alcalá, técnico do departamento de Gandería en Cooperativas Agroalimentarias de España. O seu relatorio centrouse na actualización da situación da EHE en España. Lembrou que, desde a detección da enfermidade hemorráxica epizoótica en novembro do ano 2022, foi necesario pór en marcha unha serie de iniciativas e medidas encamiñadas, por unha banda, a controlar a enfermidade desde un punto de vista sanitario e, doutra banda, a manter a estrutura produtiva e comercial dos sectores afectados por esta enfermidade. Collado incidiu en que o sector, os veterinarios e a administración tiveron que afrontar con bastante descoñecemento o avance e desenvolvemento da enfermidade. Durante a súa charla expuxo algúns dos estudos que se están levando a cabo coa finalidade de abordar a enfermidade no presente e no futuro a curto prazo. “Estes estudos facilítannos o manexo da enfermidade con maior certeza, xa que ata agora hai demasiadas cuestións sen resolver, para os gandeiros son fundamentais”. Xosé Lois Arias Pérez, xefe da área de Servizos Veterinarios de Medio Rural de Monforte de Lemos, foi o encargado de pechar os relatorios con ‘EHE en Galicia’. Lois abordou as condicións para o movemento do gando, os datos que hai en Galicia sobre a enfermidade e as indemnizacións previstas pola Consellería, “que polo momento só cobran polos animais mortos, non os gastos que xeran os animais que sobreviven”. Tamén explicou as colaboracións que hai actualmente co Ministerio de Agricultura, que teñen como finalidade recompilar datos que axuden a coñecer a enfermidade. Finalmente, celebrouse unha mesa redonda na que os gandeiros e acodes asistentes tiveron a oportunidade de resolver as dúbidas que lles xurdiron contorna a esta enfermidade, que provoca gran preocupación no sector.

“Grazas aos colares, detectamos rápido un posible caso de EHE, o que nos permitiu tratar o animal a tempo”

José Manuel Santín, coas súas vacas na parroquia de Pacios, en Baralla

Josmar Ganadería situada na parroquia de Pacios, no concello de Baralla, instalou os colares RUMI ao seu rabaño fai ano e medio. Fan un manexo en extensivo dos animais e buscaban telos controlados, “Buscabamos ter controlados os animais, porque temos preto unha estrada nacional e pasa tamén a autovía A-6 e poder ter xeolocalizadas as vacas en todo momento danos tranquilidade”, explica José Manuel Santín.  

Pero a monitorización ten outras vantaxes e estalles a permitir tamén gañar en produtividade, grazas á mellora reprodutiva, e mesmo detectar enfermidades no gando de maneira temperá, minimizando deste xeito as súas consecuencias e abaratando os tratamentos.

“No mes de outubro a aplicación enviounos unha alerta dun posible caso de EHE nunha xovenca. Grazas a iso puidemos separala e chamar ao veterinario para tratala a tempo. O aviso permitiunos anticipar o tratamento e en poucos días estaba xa recuperada e puido volver xa ao lote no que estaba”, explica José Manuel.

Ter xeolocalizados os animais en todo momento danos tranquilidade, porque estamos preto da autovía e da estrada nacional

O control da rumia e a monitorización de actividades de xeito individualizado, como pode ser o número de pasos ou as horas de pastoreo de cada animal, permiten detectar anomalías e enfermidades do gando incluso antes de que a simple vista puidera haber sintomatoloxía clínica, unha funcionalidade que converte a Rumi no dispositivo máis completo do mercado.

Cubrir o caderno de pastoreo de xeito doado para cumprir coa PAC

Josmar Ganadería é unha explotación ecolóxica que complementa a produción e venda de leite coa de carne. Contan cun rabaño de 60 vacas en produción, pero tan só moxen as vacas que están paridas de menos tempo, e as outras empréganas para criar os tenreiros cruzados con angus que despois venden para carne con 10 meses.   

A granxa está certificada en produción ecolóxica desde o ano 2017

Todo o gando está fóra e a base da alimentación é o pastoreo. “Facemos un pastoreo rotacional racional para maximizar a produción de forraxe e aproveitar mellor a herba que producen as fincas”, explica José Manuel.

“Os animais vanse movendo polas distintas parcelas e empregamos as cercas eléctricas para abrirlles pasto fresco todos os días”, explica. Por iso, nesta gandería buscaban unha ferramenta que lles permitira non só ter controladas as vacas en todo momento, senón tamén que lles facilitase a xestión do rabaño.

Rumi permite gañar eficiencia, tanto a nivel de mellora reprodutiva como de aproveitamento do pasto

“Na aplicación temos o historial de cada vaca e apuntamos partos, celos, inseminacións e diagnósticos de xestación”, explica. Tamén lles facilita a tarefa de cubrir o caderno de pastoreo, un dos requisitos esixidos para o cobro dos ecorreximes da PAC, ao ter un rexistro dos lugares nos que estivo pacendo o rabaño.

Colocación dunha antena que garante cobertura propia

Unha das vantaxes que ten Rumi a respecto doutros sistemas é o seu funcionamento autónomo, a través da colocación dunha antena na granxa que garante a cobertura aos colares aínda que non haxa cobertura móbil na totalidade do territorio que abrangue a explotación, o que permite tamén o seu uso en zonas remotas, de difícil acceso ou de sombra a nivel de telefonía.

Este tipo de ferramentas axúdannos no día a día ás ganderías con sistemas de manexo en extensivo; facilítanos moito o traballo

“Nós manexamos unhas 70 hectáreas de superficie e temos o gando repartido en distintos lotes por toda a parroquia. Colocamos a antena nunha finca situada na zona máis alta e desde alí temos cubertas todas as parcelas”, explican en Josmar Ganadería.

A antena non necesita de conexión á rede eléctrica para funcionar, xa que está alimentada por medio dunha placa solar. Tamén os colares están provistos dunha pequena placa solar que permiten que se recarguen sós, o que evita ter que cambiar baterías ou que os dispositivos deixen de funcionar cando estas se esgotan.

Os dispositivos Rumi, fabricados pola empresa Innogando, teñen unha grande versatilidade, tanto en ganderías de leite como de carne, e tanto para aquelas que producen en intensivo como para as que fan un manexo en extensivo, permitindo ter á man a información do rabaño en todo momento grazas a unha sinxela aplicación e ao envío de alertas ao teléfono móbil do gandeiro. 

“O feito de ter controlados os animais até agora parecía que era algo que só podían facer as explotacións intensivas pero este tipo de ferramentas axúdannos no día a día ás ganderías con sistemas de manexo en extensivo, facilítanos moito o traballo”, di José Manuel.

Queres instalar Rumi na túa gandería?

  • Teléfono e whatsapp: 644 586 245
  • Email: hola@innogando.com

“Máis que pola mortalidade, as maiores perdas que ocasiona a EHE son os danos na saúde das vacas infectadas”

Andalucía foi en 2023 una das comunidades máis afectadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), unha patoloxía emerxente, contra a que aínda non hai vacina en España e que neste 2024 prevese que afecte con maior virulencia a Galicia e as comunidades da cornixa cantábrica. Para coñecer máis sobre a afectación real desta enfermidade falamos con Elvira Muñoz Cardador, veterinaria de SERVET PEDROCHES SL e responsable de vacún de leite na xunta diretiva do  Ilustre ColeGio Oficial de Veterinarios de Córdoba, unha provincia na que se concentra a maior parte da cabana de vacún de leite de Andalucía. -Andalucía foi a primeira Comunidade na que se detectou o virus da EHE en España. Como valoras a afectación á cabana bovina en Córdoba, a provincia con máis cabana de vacún de leite? O ser a primeira comunidade afectada, supuxo inicialmente un maior descoñecemento da enfermidade, pero agora podemos dicir que a afectación foi alta e xeneralizada, en especies cinexéticas, vacún de carne en extensivo e vacún de leite. Na nosa zona, norte de Córdoba, no Valle de Los Pedroches, os primeiros casos centralizáronse entre metade de xullo e agosto, principalmente. -Que che sorprende máis desta enfermidade? O multifactorial que é a enfermidade en canto á sintomatoloxía, e a rapidez no contaxio. -Cales son os principais síntomas clínicos dunha vaca ou tenreiro infectado por EHE que detectastes? En vacún de leite os cadros de tipo catarral foron os máis comúns e iniciais, conxuntivite, lesións en mucosa nasal e oral, edema lingual, inapetencia, febre e pneumonías asociadas. Tamén consecuencias directas como baixada de produción de leite e algúns abortos e en cadros máis graves como enterites hemorráxicas.  En vacún de carne observamos lesións de tipo catarral, principalmente. -Que medidas preventivas eficaces pode adoptar o gandeiro? Dado que a transmisión principal está ocasionada por un vector, o uso de repelentes de insectos e fumigación das zonas de máis risco como esterqueiras, fosas de xurro...etc. -E en canto ao tratamento do animal infectado, que pautas estivestes aplicando? Os tratamentos que aplicamos foron na súa maioría sintomáticos, antinflamatorios, ou específicos de tema dixestivo (coleréticos, ruminatorios..) ou respiratorio fronte a pneumonías secundarias. -A literatura científica fala de que a mortalidade provocada polo serotipo 8 rolda o 3% dos animais infectados. A vosa experiencia na loita contra esta enfermidade en Córdoba confirma esta cifra nas gandarías de vacún de leite? Si, a mortalidade sitúase entre o 2 e o 3%. Porén, a morbilidade; é dicir, o número de animais infectados, é outra cousa... e as súas consecuencias.
“Máis que pola mortalidade, as maiores perdas que ocasiona a EHE son os danos na saúde das vacas infectadas”
-Sen embargo, moitos gandeiros advirten dos abortos, mamites...etc nos animais infectados, moitos dos cales teñen que enviar a sacrificio. Confirmas a gravidade dos danos provocados pola EHE? En que porcentaxe de animais infectados estimas que provoca danos graves que obrigan a descartar o animal? A iso me refiro, existen consecuencias directas que veñen no momento, como perda de produción, abortos...etc. Pero a nivel de granxa as perdas económicas van supor moito máis,  como vacas que polos seus días en leite non recuperan o suficiente ou que abortan,  vacas recén paridas que non chegan ao pico de produción, reabsorcións, mamites,  baixada de fertilidade en machos (refírome a sementais de carne), que xa estamos a observar... etc -As esperanzas están postas no desenvolvemento e comercialización dunha vacina, pero parece que polo menos a curto prazo non se disporá dela en España. Por que? Entendo que no desenvolvemento dunha vacina inflúen moitas cousas, que tipo de vacina, fronte a que serotipo, o laboratorio,  o seu desenvolvemento (3-4  anos), a rendibilidade desta...
“Deberíase facilitar a comunicación de casos á administración”
-Coa EHE xa presente en todo o territorio español, existe moita preocupación entre os gandeiros, sobre como lle afectará ao gando bovino en 2024. Consideras que hai motivos fundados para esta gran inquietude? É unha enfermidade emerxente e descoñecida até agora, que provocou multitude de focos en todo o territorio, hai que darlle a súa importancia, claro. Non se sabe se virá igual o ano que vén, ou virá outro serotipo. -Como valoras a resposta das administracións públicas ante a chegada da EHE? En que considera que sería necesario mellorar? Entendo que se fixeron eco da problemática e están a estudar o tema. Como suxestión persoal, que se facilite a comunicación de casos á administración.

Exemplos de síntomas da EHE (Fotos de SERVET PEDROCHES):

 

Xornada sobre a EHE e os novos cambios lexislativos que afectan ás granxas leiteiras o venres 9 de febreiro en Lugo

Tractorada de Agromuralla no centro de Lugo en novembro do 2021 polos baixos prezos do leite A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla organiza o venres 9 de febreiro pola mañá no salón de actos da Escola Politécnica de Lugo unha xornada informativa sobre as últimas normativas que afectan ás granxas de produción de leite e sobre os perigos que supón a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) para o gando.  O programa inclúe como ponentes a técnicos da Administración que abordarán aspectos como os novos reais decretos sobre medicamentos, Plan Sanitario Integral e veterinario de explotación ou SIEX e Caderno Dixital. A segunda parte da xornada estará centrada na EHE, unha enfermidade emerxente que fixo notar os seus efectos en Galicia o pasado outono e que de cara a esta primavera ameaza gravemente ás explotacións de vacún, tanto de leite como de carne, debido ás súas graves consecuencias.
Agromuralla esixe axudas que cubran a totalidade dos gastos veterinarios pola EHE e o lucro cesante pola perda de produción, ademais da posible morte de animais
Para falar da EHE Agromuralla contará con especialistas como Alberto Prieto, investigador do departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo, e diversos veterinarios e gandeiros, tanto de Galicia como de Ávila ou Extremadura, lugares onde a enfermidade atacou de maneira moi importante en 2023. Novas esixencias en materia de abonado e benestar animal  O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, que será o encargado de abrir as xornadas, explica que "este 2024 é un ano de moitos cambios no sector como consecuencia da entrada en vigor de novas normas de abonado, benestar animal ou dixitalización que condicionan de maneira importante a rendibilidade das explotacións leiteiras, polo que resulta fundamental contar con información precisa e de primeira man sobre a súa aplicación". Do mesmo xeito, desde Agromuralla esíxese á Administración "que contemple unha liña de axudas específica para facer fronte ás consecuencias da enfermidade hemorráxica epizoótica nas explotacións que inclúa os custos veterinarios e de tratamentos, así como o lucro cesante por perda de produción, ademais da posible morte de animais". 

Solidariedade coas protestas de agricultores noutros países europeos, debido á "burocratización" da produción

José Luis Pérez Barreiro quixo mostrar tamén "a solidariedade dos gandeiros e gandeiras galegas" cos produtores de países como Francia ou Alemaña que estes días se manifestan cos seus tractores en demanda de melloras para o sector. Sobre a posible organización de protestas similares en Galicia, non as descartou e indicou que "neste momento estanse valorando todas as posibilidades". "O sector primario en toda Europa ten problemas comúns, como son unha excesiva burocratización e a falla de garantías dun prezo xusto para os alimentos que producimos", asegurou o presidente de Agromuralla.  "Todo o que vén de Bruxelas supón máis traballo e máis gasto para as explotacións; a día de hoxe xa pasamos máis tempo cubrindo papeis que atendendo aos animais ou ás terras", afirmou Pérez Barreiro, que acusou ás Administracións públicas, tanto europeas como estatais, de "lexislar en contra do sector".  En relación á viraxe ambientalista da UE, o presidente de Agromuralla dixo que "as políticas verdes non poden supoñer ir en contra da seguridade alimentaria da poboación". "Somos os primeiros que queremos coidar o medio ambiente e, de feito, os agricultores e gandeiros somos os xestores do territorio e os que coidamos da natureza", insistiu.

Publicadas as indemnizacións por saneamento gandeiro, que este ano inclúen a EHE

Vaca con síntomas de EHE. Foto: Alberto A. Díez Guerrier O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a orde de axudas para a indemnización de animais sacrificados no marco de programas oficiais de saneamento gandeiro, que inclúe desta volta a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE). As indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais establecidas nesta orde, tanto as xeradas durante o ano 2024 como as que non puideron ser tidas en conta durante o ano 2023, financiaranse con cargo á partida orzamentaria establecida, por un importe total de 975.000 euros. A Xunta opta deste xeito por incluír a EHE como unha enfermidade gandeira máis, sen establecer unha partida específica para ela. Como se esperaba, os pagos pola EHE non inclúen apoios ás explotacións polo lucro cesante causado pola enfermidade en animais que non morran. Era algo que se solicitara á Consellería por parte dos sindicatos agrarios e as distintas asociacións de gandeiros, pero a Xunta xa advertira de que non o faría. As indemnizacións por morte terán en conta a idade do animal e a súa vocación produtiva. Aplicaranse os seguintes criterios para establecer os baremos de indemnización das razas de animais de aptitude mixta (por exemplo, nas razas bovinas Parda alpina, Normanda, Fleckvieh, Montbeliarde, Conxunto mestizo, etc.): 
  • Se o animal sacrificado pertencía a unha subexplotación con clasificación zootécnica reprodución para produción de leite, indemnizarase como de aptitude leiteira.
  • Se o animal sacrificado pertencía a unha subexplotación con clasificación zootécnica reprodución para produción de carne, indemnizarase como de aptitude cárnica.
  • Se o animal sacrificado pertencía a unha subexplotación con clasificación zootécnica reprodución para produción mixta, será indemnizado como de aptitude leiteira.
As explotacións que se atopen incluídas nunha Agrupación de Defensa Sanitaria percibirán un incremento do 10% no importe da indemnización e deberán seguir pertencendo a unha ADSG unha vez que a persoa titular da explotación presente a solicitude de indemnización. As ganderías ecolóxicas terán un plus do 5%. O baremo oficial do Ministerio de Agricultura estipula que nas explotacións de carne, o valor dos animais adultos (24-48 meses) é de 707 euros. No caso das granxas de leite, as vacas de 24 a 48 meses teñen un baremo de 907 euros. Eses son os valores máximos por animal e van descendendo tanto en animais de maior idade como en xovencas e becerras. A normativa ministerial establece como estándar que se pague un 85% do baremo, se ben no caso de baleiro sanitario pagaríase o 100% e en casos de decomiso de animais, hai un pago adicional. Enfermidades incluídas O obxecto da orde publicada é establecer as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio ou morte de animais, ou pola destrución de produtos, no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades animais, e pola morte de animais no contexto das medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, ou como consecuencia directa de tratamentos, manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico, así como nos demais supostos recollidos na Lei de Sanidade Animal de 2003.
Inclúense os casos sospeitosos de lingua azul e os focos de peste porcina africana, caso de producirse
Poderán optar ás indemnizacións os titulares de explotacións con animais que se sacrifiquen ou morran por resultaren reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose, leucose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou por ter convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes. Tamén no caso de animais sacrificados por motivos de sospeita da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles ou por padecer EHE. No caso das explotacións avícolas, aquelas afectadas pola enfermidade de Newcastle, casos de salmonela ou outro tipo de focos de influenza aviaria. En granxas de porcos, os animais mortos ou sacrificados por mor da declaración dun foco de peste porcina clásica ou africana e en granxas de visións as que sexan sometidas a actuacións ou programas sanitarios oficiais.

Aclaracións do Ministerio sobre a EHE: Vacina, cobertura do seguro e a que animais afecta máis

O 2023 estivo marcado no sector vacún español pola chegada do virus da Enfermidade  Hemorráxica Epizoótica (EHE), unha doenza emerxente que xerou cuantiosos danos e unha gran preocupación entre os gandeiros pola falta de información, a ausencia de axudas e, o que é máis importante, a carencia dunha vacina para frear de forma efectiva os estragos desta patoloxía. Para aclarar estas e outras cuestións, Campo Galego solicitou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e A  Alimentación, información aclaratoria e actualizada sobre estas cuestións que preocupan ao sector. Estas son as respostas: -Cal foi o grao de afectación da EHE en España en 2023? A enfermidade estendeuse pola maior parte da península, manténdose libres tan só as Illas Baleares e Canarias. Pódese determinar que só resultou afectado clinicamente o gando vacún e certas especies de fauna silvestre, en particular o cervo, mentres que o gando ovino e caprino non mostrou afectación clínica algunha. Dentro do vacún, animais maiores de 2 anos de idade, de determinadas razas (limusina e blonde d´Aquitaine e os seus cruces industriais) e de determinados sistemas de produción (particularmente en extensivo) teñen resultado máis afectados.
Animais de razas limusina e blonde d´Aquitaine e os seus cruces industriais en extensivo resultaron máis afectados
-De que datos dispón o Ministerio sobre a porcentaxe de mortalidade en gando vacún infectado pola EHE? Con obxecto de obter datos obxectivos das taxas de mortalidade, o MAPA analizou na base de datos de SITRAN as cifras mensuais de mortalidade en todas as explotacións de gando vacún en España entre os meses de xullo e novembro de 2023, e comparounas cos datos obtidos no mesmo período entre os anos 2020 e 2022, cando a enfermidade aínda non se atopaba presente no noso país. Froito deste estudo púidose determinar o incremento nas taxas de mortalidade ao longo dos meses de xullo a novembro de 2023 respecto de anos anteriores, que teoricamente se deben á presenza da EHE, observándose variacións entre as distintas provincias en función do grao de diseminación da enfermidade entre as mesmas, pero en xeral as taxas de mortalidade atribuíbles á EHE son inferiores ao 1%. -Está previsto que AGROSEGURO, entidade dependente do Ministerio, subvencione en 2024 a cobertura dos animais mortos por EHE nas pólizas contratadas polos gandeiros? Nos seguros gandeiros hai enfermidades que están cubertas nas liñas de vida (as que cobren o dano sobre o animal) e outras que non o están. Entre as que non están incluídas atópase a EHE, de recente aparición e para a que se solicita desde o sector a súa inclusión no seguro agrario. Actualmente está en fase de estudo para ver se iso é viable, aínda que é posible que a enfermidade evolucione cara a unha situación endémica (como ocorre por exemplo coa enfermidade da lingua azul), nese caso non é posible a súa aseguramiento. Pero aínda está en estudo.
A EHE é posible que evolucione cara a unha enfermidade endémica, nese caso non é posible o seu aseguramento, pero aínda está en estudo
Por outra banda, cabe lembrar que hai unha liña de seguro que cobre o custo da retirada e destrución de cadáveres daqueles animais que por enfermidade ou por accidente morren na explotación. Neste caso non hai diferenciación algunha da causa da morte do animal, polo que se retiran sen problema os animais mortos por esta enfermidade cando o gandeiro contratou a póliza do seguro, nas mesmas condicións que para o resto dos casos. -Ten previsto o Ministerio establecer algunha axuda específica para os danos provocados pola EHE? O Ministerio nunca outorgou axudas por perdas causadas por enfermidades animais, coa excepción das indemnizacións por sacrificio obrigatorio dentro dun plan de erradicación dunha enfermidade. En calquera caso, o MAPA si que está a destinar os recursos necesarios para realizar os estudos de infeccións experimentais da infección en diferentes especies, así como os estudos de seroprevalencia e de monitorización da enfermidade que axuden a profundar no coñecemento da enfermidade e permitan a flexibilización dos movementos de animais coas adecuadas garantías sanitarias. -O colectivo veterinario asegura que a única solución eficaz para frear a  EHE é o desenvolvemento dunha vacina específica para a variante do virus da EHE presente en España, e que para iso é clave o apoio da administración pública. Que pasos deu e ten previsto tomar o Ministerio a este respecto? Pódese establecer algún  horizonte temporal para dispor dunha vacina en España? Sen dúbida, un dos problemas máis importantes que nos atopamos para reducir o impacto da enfermidade no noso sector é a ausencia dunha vacina autorizada fronte ao serotipo 8 do virus da EHE, non só en España ou na UE, senón en ningún outro país do mundo. Por este motivo, o Ministerio mantivo diversas reunións, tanto en 2022 como en 2023, cos laboratorios nacionais produtores de vacinas, instándolles a desenvolver unha vacina fronte a este novo axente patóxeno no noso país.
 “Na actualidade, son xa varios os laboratorios que están xa traballando en España no desenvolvemento dunha vacina fronte ao serotipo 8 do virus da EHE”
Desde o Ministerio cóntase coa estreita colaboración da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS), para reducir ao máximo os trámites necesarios para permitir a autorización de posibles novas vacinas fronte á EHE, e desde o Laboratorio Central de Veterinaria de Algete, pertencente ao MAPA, forneceuse material de referencia aos laboratorios produtores de vacinas que o solicitaron, así como a outros grupos de investigación, de forma que, na actualidade, son xa varios os laboratorios que están xa traballando no desenvolvemento dunha vacina, que sen dúbida será de gran axuda na loita contra a enfermidade, na redución do impacto da mesma na nosa gandaría e de cara a facilitar os movementos de animais coas garantías sanitarias adecuadas. Resulta difícil determinar para cando estarán dispoñibles estas novas vacinas, pero estamos en permanente contacto coas empresas que saben da urxencia do asunto.

O Sindicato Labrego critica a demora de máis de tres meses nas axudas destinadas á EHE

Hai tres meses que foron declarados os primeiros casos da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) en Galicia nas granxas de vacún. Dende entón, varias explotación sofren perdas económicas derivadas da enfermidade e dende o Sindicato Labrego Galego afirman que a Consellería de Medio Rural se negou a axudar a compensar os gastos (tratamentos, medicamentos e atención veterinaria, perda de produción durante varios meses e, en casos extremos, a morte do animal) derivados desta problemática e "só se limitou a prometer axudas polo sacrificio dos animais recoñecidos oficialmente". Lembran que foi a primeira comunidade en "destinar o maior número de axudas para facer fronte a EHE". Pero ante isto, indican que tres meses despois a Orde segue sen estar pública e as granxas sen poder solicitar ditas axudas nin cobrar por elas. Reivindican que "é agora cando as gandeiras e os gandeiros precisamos axuda económica" para tentar compensar as perdas. Ademais, din que é un insulto ás granxas o retardo na tramitación das axudas, así como a ausencia doutras medidas como a compensación dos gastos do tratamento de animais e mesmo as perdas económicas na produción ou para a reposición de animais mortos. O Sindicato sinala que xa trasladou "en varias ocasións" á Consellería as graves consecuencias da EHE en Galicia, pero "Medio Rural nunca estivo á altura das circunstancias". Por todo iso, solicitan que se fagan públicas as axudas de maneira inmediata para que as gandeiras e gandeiros poidan recorrer a elas agora, "que é cando máis o precisan".

Medio Rural reclama ao Goberno Central que lidere un Plan Nacional contra a EHE e que destine axudas para compensar os danos

Pola súa parte, dende a Consellería do Medio Rural lembran que "tal e como a Xunta sinalou dende o primeiro momento en que se anunciaron estas indemnizacións -coas que Galicia foi pioneira-, na convocatoria de subvencións do ano que vén destinada a indemnizar aos gandeiros pola morte de bovinos nas explotacións incluiranse achegas, con carácter retroactivo, para as mortes que se constaten causadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE)". "Estes fondos cubrirán, polo tanto, o 100 % das mortes das vacas que se constate que foron causadas pola EHE", engaden dende a Consellería.

“A enfermidade da EHE tras o varrido inicial tende a diminuír en gravidade e impacto”

Recentemente o Colexio de Veterinarios de Madrid impartiu un webinar sobre a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), un pesadelo este ano para miles de gandarías en España. Un dos relatores foi Alberto Díez Guerrier, veterinario especialista en bovino, vogal da Xunta de Goberno de Colvema, profesor asociado do Departamento de Sanidade Animal da Facultade de Veterinaria da Universidade Complutense de Madrid (UCM) e membro tamén do Laboratorio de Vixilancia Sanitaria Veterinaria (VISAVET). Com en coñecemos as claves sobre o que se sabe ata o de agora desta enfermidade emerxente. -Recentemente impartiches un webinar organizado polo Colexio de Veterinarios de Madrid sobre a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica. Como experto en veterinario en enfermidades infecciosas en gando bovino, que é o máis destacado do virus da EHE? Trátase dunha enfermidade vírica, nova en Europa, transmitida por vectores (non contaxiosa entre animais) e non transmisible ao ser humano, resaltando que non existe risco no consumo de produtos de orixe animal, tanto leite como carne. -O serotipo 8 presente en España é máis virulento que outras variantes? É un serotipo pouco estudado, do que descoñecemos bastantes aspectos. Si sabemos que hai variabilidade na patoxenicidade entre serotipos e mesmo dentro do mesmo serotipo. Como exemplo, o 8 é endémico en Australia onde non se describen problemas relevantes en gandaría. -Cales son os principais síntomas clínicos dunha vaca ou tenreiro infectado por EHE? A sintomatoloxía é moi variable, sendo as presentacións máis frecuentes febre, estomatite ulcerosas en cavidade oronasal (lesións en ollares, rodete dentario, lingua), disfaxia (dificultade para tragar) e consecuente perda de masa corporal, coxeiras ou diarreas hemorráxicas. Tamén vimos abortos e alteracións en neonatos. -Durante canto tempo o virus segue presente no animal? Este é un aspecto aínda en estudo, polo que sabemos o período medio sería de dúas semanas aínda que en mostras sanguíneas de bovino atopáronse PCR positivas até seis meses post infección (o que non implica infectividade).
“A prevención fronte á EHE é difícil, no que pode axudar o gandeiro é nun seguimento constante dos animais e na detección precoz de animais afectados”
-Que medidas preventivas eficaces pode adoptar o gandeiro? Por desgraza, nas enfermidades transmitidas por vectores (mosquitos) a prevención é difícil, máis cando existen reservorios en fauna silvestre. As restricións en movementos penalizan ao sector e os tratamentos con repelentes ou insecticidas mostraron unha relativa eficacia polo que o enfoque baséase esencialmente nun seguimento constante dos animais e a detección precoz de afectados. Síntomas de EHE. Foto: Alberto A. Díez Guerrier -E en canto ao tratamento do animal infectado, que pautas se recomendan? Trátase dunha enfermidade vírica para a que non temos tratamento eficaz, só podemos axudar ao animal a superar o proceso. É esencial controlar a hidratación cando non son capaces de beber, facilitar a alimentación e, desde o punto de vista medicamentoso, aplicamos terapias de apoio encaradas a minimizar a sintomatoloxía.
“É fundamental facilitar a alimentación e a hidratación ao animal enfermo”
-Fálase de que a mortalidade por EHE en gando bovino está ao redor do 3%, pero os gandeiros de comunidades como Castela e León alertan de que este ano foi moito maior, ademais das secuelas en forma de abortos, malformacións e vacas moi debilitadas que finalmente teñen que enviar ao sacrificio. De que datos dispón respecto diso? Espérase ter datos fiables o próximo ano tras os estudos epidemiolóxicos que levan a cabo en diversas Comunidades Autónomas, por agora temos visto que as taxas de morbilidade e mortalidade son variables entre rexións e mesmo gandarías. A mortalidade media até o momento sitúase en torno ao 1% (pode haber explotacións con índices maiores ou menores) e agora queda valorar as secuelas que, nalgúns animais, perduran longo tempo. -En Italia a EHE está presente desde 2022 e en Estados Unidos ou Australia é endémica. Dispón de información sobre como se combate a EHE neses países e se é así que leccións podemos aprender en España? A nivel europeo os primeiros focos apareceron de forma case simultánea en España e Italia e actualmente somos o país máis afectado. A enfermidade segue expandíndose en Francia e está amplamente distribuída noutros continentes, pero con incidencia moi diversa en vacún, sendo Xapón e países do Mediterráneo os máis afectados. O enfoque foi diferente en cada caso, de forma xeral tras o varrido inicial a enfermidade diminúe en gravidade e impacto.
“A mortalidade media por EHE até o momento sitúase en torno ao 1% , pero quedan por valorar as secuelas nos animais”
-As esperanzas están postas no desenvolvemento e comercialización dunha vacina, pero parece que polo menos a curto prazo non se disporá dela en España. Por que? Nestas enfermidades a vacinación é peza clave para o seu control e diminución da sintomatoloxía. Pero hai que ser conscientes que o desenvolvemento e posterior rexistro dunha vacina que garanta tanto eficacia como seguridade é un proceso longo e custoso. Por outra banda, actualmente temos o serotipo 8, con risco de recibir o 6 ou 7, o que complica o enfoque de programas vacunais. Por tanto, non parece probable contar cunha vacina en Europa a curto prazo.
“Non parece probable contar cunha vacina en Europa a curto prazo fronte a EHE”
-En Estados Unidos ou Xapón si que dispoñen de vacina contra a EHE. Ten coñecementos sobre a súa eficacia? Sería efectiva para tratar a variante presente agora en España? En Xapón existen dúas vacinas comercializadas (inactivada e atenuada) que demostraron ser eficaces pese algún efecto secundario, pero para unha variante do serotipo 2. En EEUU só desenvolveron vacúas autóxenas para emprego en cérvidos con eficacia discutida. Por tanto, en ambos os casos non son de utilidade en España. Existen diversas liñas de investigación en diferentes países (EEUU, Italia, UK, España, etc), pero ningunha en fase de comercialización. -O virus da lingua azul parece que é moi similar ao que provoca a EHE. Hai datos sobre se a vacina contra a lingua azul mellora a resposta dos animais contra unha infección por EHE? Efectivamente trátase de virus moi similares pero non existe inmunidade cruzada entre ambos , polo que a vacinación fronte a lingua azul non sería efectiva fronte a EHE.
“De forma xeral tras o varrido inicial a enfermidade diminúe en gravidade e impacto”
-Coa EHE xa presente en todo o territorio español, existe moita preocupación entre os gandeiros, sobre como lle afectará ao gando bovino en 2024. Considera que hai motivos fundados para esta gran inquietude? Sen dúbida é unha preocupación en todo o sector. Como comentaba, están a realizarse estudos epidemiolóxicos que, entre outros datos, facilitarannos a seroprevalencia nas diferentes rexións e, dada a potente inmunidade que se presupón, a evolución na próxima tempada. O máis probable é que rexións moi afectadas este ano teñan menos problemas que aquelas con afectación menor e máis tardía. Vaca con síntomas de EHE. Foto: Alberto A. Díez Guerrier
“O máis probable é que rexións moi afectadas este ano teñan menos problemas que aquelas con afectación menor e máis tardía”
-Como valora a resposta das administracións públicas ante a chegada da EHE? En que considera que sería necesario mellorar? Desde o meu punto de vista existiu unha resposta temperá polo Ministerio de Agricultura e Comunidades Autónomas nos procedementos diagnósticos e epidemiolóxicos con algunha carencia informativa inicial tendo en conta a dificultade en recompilar datos fiables. Por iso é esencial concienciar ao sector en facilitar toda a información relativa á morbilidade e mortalidade, así como seguimento nas posibles secuelas para permitir unha correcta avaliación do impacto e medidas a implementar. - Que supón esta enfermidade para os gandeiros? Baseándonos na nosa experiencia, nunha comarca fortemente afectada durante este ano, constituíu un forte desgaste non só polas perdas directas e dedicación requirida, tamén pola tensión que implica o goteo constante de novos casos, incerteza na evolución e secuelas. -Algo máis que queiras engadir? Esta enfermidade ten que servir para evidenciar o risco de enfermidades emerxentes ou reemerxentes en España e consecuentemente a necesidade de manter unhas eficaces redes de vixilancia e alerta temperá, incluíndo formación, xunto a medidas xerais de bioseguridade, tan esquecidas no noso sector. Danos provocados pola EHE. Foto: Alberto A. Díez Guerrier

A Xunta asegura que as axudas ás granxas pola EHE terán carácter retroactivo

A Xunta ratificou esta semana na comisión de Agricultura no Parlamento galego o seu compromiso de habilitar axudas para facer fronte ás mortes do gando causadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Dende o grupo parlamentario do Partido Popular reiterouse o compromiso acadado e anunciado xa en días pasados. “Non só se está a traballar nese dereito de indemnizacións senón en que estas sexan retroactivas, para poder abarcar os danos que a enfermidade xa causou en granxas galegas” explicou o parlamentario do PP, Ángel Rodríguez. Con todo, a petición do BNG de incluír nesta liña de axudas os abortos, as baixadas de produción ou os gastos veterinarios derivados do tratamento da EHE foi descartada. “Cando nunha gandería aínda que non lle morran as vacas, lles quedan coxas ou infértiles e ten que sacrificalas, deben contabilizarse eses gastos”, reclamou o parlamentario nacionalista Xosé Luis Rivas.
A EHE deixou en Galicia xa 245 vacas mortas e detectáronse 29 focos da enfermidade
A proposta foi apoiada polo PSdeG, pero o PP desestimou apoiar dita proposición debido á dificultade que supón incorporar e cuantificar eses danos derivados da enfermidade, polo que opta por contemplar só as mortes e o apoio a medidas preventivas. Así, recordou que xa adoptou medidas consensuadas co sector para informar sobre o avance da enfermidade e ofrecer charlas informativas sobre a mesma. Tamén apuntan que se publicará un protocolo de medidas preventivas e se realizarán novas accións dende as Oficinas Agrarias Comarcais. Tal e como indicaron dende a Xunta, na actualidade hai declarados 29 focos da enfermidade en Galicia que deixaron xa 245 vacas mortas. Cómpre precisar que cada foco territorial abarca normalmente casos en diversas granxas da mesma zona.

Plan nacional fronte a EHE

Dende a Xunta tamén reclaman ó Ministerio de Agricultura unha estratexia estatal conxunta e un plan nacional fronte á EHE. “É fundamental unha vacina e loitar pola súa homologación en Europa, polo que é fundamental o apoio do Goberno español e Europa”, reivindica Ángel Rodríguez. De feito, a Xunta trasladoulle xa ó ministro nunha carta esta petición, así como a de necesidade de crear un sistema de alertas sobre as novas enfermidades que están afectando ó sector primario para ter unha mellor resposta fronte a elas.

Os prezos do leite mantéñense ata marzo ante o medo aos efectos da EHE sobre a produción en 2024

Mantense a actual perspectiva de estabilidade nos prezos de compra do leite para os vindeiros meses, cando menos até a renovación de primavera. As empresas con recollida en Galicia estiran os seus contratos actuais até o 31 de marzo sen reducións significativas no prezo base e nos demais complementos.  O mantemento dos prezos máis aló do mes de decembro permite ás ganderías pechar un bo ano, no que o prezo medio dos 12 meses se sitúa por enriba do de 2022 e no que insumos como o penso ou os fertilizantes reduciron o seu custo. Encárase así o comezo de 2024 sen ameazas de baixadas inminentes no prezo do leite e despois de que as anunciadas para este outono non se teñan consumado. As dúas industrias con maior volume de entregas neste momento na comunidade, a multinacional francesa Lactalis e a compañía lucense Leite Río, están a competir entre si por contratos de subministro a grandes superficies e míranse de reollo tamén á hora de comprar a materia prima.
Lactalis e Leite Río míranse de reollo nas ofertas ás grandes superficies e ás ganderías
As dúas buscan incrementar os litros comprados e envasados, o que está a tirar dos prezos no campo. No caso do Grupo Lence, ten previsto poñer en marcha de cara ao vindeiro ano unha nova liña de envasado na súa planta Ceao II, que estaría destinada a brick e que se sumaría ás xa existentes para leite, nata e batidos. Lactalis mantén prezos e arrastra ás demais Lactalis mantén o prezo actual (o establecido no contrato do mes de agosto) até marzo, cun novo contrato continuista de catro meses. A multinacional francesa prescinde do complemento empresarial e mantén o prezo base en 44 céntimos, ao que se engadirían as primas de benestar (de 1 a 1,2 céntimos), pastoreo (1 céntimo) e dobre AA (1 céntimo con menos de 25.000 xermes e 240.000 células).
Lactalis paga máis os sólidos que Leite Río, a súa principal competidora neste momento, tras subir a 0,4 céntimos a décima de graxa no anterior contrato
En canto ás calidades, a multinacional francesa subiu a décima de graxa a 0,4 céntimos no anterior contrato e mantén en 0,3 a de proteína. A prima de volume inclúe 8 tramos, cun máximo de 3 céntimos: 3 céntimos no caso de granxas de máis de 200.000 litros; 2,7 entre 150.000 e 200.000; 2,5 entre 100.000 e 150.000; 2 entre 75.000 e 100.000; 1,7 entre 50.000 e 75.000; 1,2 entre 35.000 e 50.000 e 0,5 entre 20.000 e 35.000). Deste xeito, o prezo final, no mellor dos casos, quedaría no entorno dos 49 céntimos. Lence e Celta reaccionan tras quedar descolgadas O Grupo Lence, que asinara por dous meses (novembro e decembro) cunha baixada de entre 2 e 3 céntimos, reaccionou asinando un novo contrato nas explotacións, que entraría xa en vigor no mes de decembro e co que recúa na rebaixa aplicada (que se mantería, iso si, no leite entregado en novembro por estar xa o contrato rexistrado na AICA). O descontento pola baixada aplicada é evidente nalgunha das súas granxas, o que levou á empresa propietaria de Río e Leyma a negociar os prezos do novo contrato de maneira máis individualizada e a recuperar de novo a prima de fidelidade para incrementar o prezo e compensar ás explotacións.
O Grupo Lence racha o contrato do mes de decembro e recupera a prima de fidelidade para subir o prezo ás explotacións
O prezo base mantense nos 43,7 céntimos de novembro,  ao que habería que engadir as primas por calidades (0,3 céntimos a décima de graxa e proteína), certificación de benestar (0,01 céntimos), bacterioloxía (a super A de Lence sitúase en menos de 30.000 xermes e menos de 250.000 células e págase a 0,01 céntimos) e volume (de 40.000 a 60.000 litros 1 céntimo e máis de 60.000, 2 céntimos). A prima de fidelidade, que a empresa volve recuperar no contrato, fai que o prezo final do Grupo Lence até marzo varíe, en función da granxa, entre os 46 céntimos no caso das ganderías máis pequenas e os 48,5 céntimos en casos de explotacións grandes ou grupos de ganderías que negocian en conxunto. O prezo final de decembro a marzo inclúe medio céntimo para compensar a baixada aplicada en novembro, polo que no cómputo global dos 5 meses Lence estaría baixando o prezo do leite para as 356 explotacións que entregan a Leyma e Río medio céntimo.
Celta ofrece un céntimo máis en xaneiro, febreiro e marzo para compensar a baixada de céntimo e medio de novembro e decembro
A mesma estratexia de compensar a baixada no leite do primeiro trimestre está a seguir Leche Celta, a outra empresa que quedou descolgada nos prezos por ter asinado tamén un mes antes cas demais. A planta de Pontedeume non variaría o contrato asinado, que recolle unha baixada de 1,5 céntimos para novembro e decembro, pero está a ofrecer ás súas ganderías recuperar estas cantidades nos meses de xaneiro, febreiro e marzo, nos que pagaría un céntimo por enriba do prezo de outubro, antes de ter aplicado a rebaixa, co que o prezo resultante para o primeiro trimestre de 2024 no caso das granxas de Lactogal moveríase no entorno dos 48 céntimos, quedando aínda medio céntimo máis baixo que Lence e un por debaixo de Lactalis.
Reny Picot segue sendo unha das empresas que mantén prezos máis desiguais no campo
Empresas como a catalana TGT, que aplicara unha baixada de 3 céntimos en novembro, ou Queserías Sarrianas, que baixou 2, poderían verse tamén obrigadas a dar marcha atrás de cara ao mes de xaneiro, mentres no caso de Reny Picot, segue sendo unha das empresas que mantén prezos máis desiguais no campo, con máis de 5 céntimos de diferenza entre unhas granxas e outras. O prezo base de renovación sitúase en 43 céntimos logo de ter baixado un céntimo o mes pasado á maioría de explotacións, pero a empresa asturiana aplica despois unha serie de pluses moi dispares que permiten recuperar o prezo final a algunhas delas.  Pugna entre as industrias do brick para captar clientes Segue a ser un bo momento para as industrias centradas en envasar leite líquido, que son as que están a pugnar por novos clientes. Os prezos do leite nos supermercados seguen manténdose en niveis elevados e o anuncio do Goberno de prorrogar até xuño de 2024 a rebaixa ao 0% no tipo de IVE aplicado aos produtos lácteos podería contribuir a manter o consumo. Pero a intención dalgunha cadea de distribución de volver ao sistema de poxa para as compras de leite ameaza con reducir as marxes das industrias envasadoras e tirar do prezo do leite en orixe cara abaixo.
O risco de volver ao sistema de poxas na distribución reduciría as marxes das industrias envasadoras e tiraría do prezo do leite en orixe cara abaixo
A cooperativa Clun, por exemplo, vese obrigada en ocasións a facer ofertas agresivas na súa marca branca para dar saída a excedentes, o que desestabiliza aos seus competidores: Iberleche (Celta), Lactalis e Grupo Lence, tres da industrias que máis marca branca envasan en Galicia neste momento. No caso das empresas que traballan en exclusiva cunha única cadea, caso de Naturleite ou Entrepinares, non dependen tanto destas subastas puntuais, pero eses movementos á baixa acaban tamén producindo un efecto contaxio en todo o sector.
Entrepinares mantén o prezo en decembro e xaneiro e baixa un céntimo en febreiro e marzo
Entrepinares, que deixou algunha granxa por discrepancias, asinou por catro meses, mantendo o prezo base en 49 céntimos en decembro e xaneiro e baixando a 48 nos meses de febreiro e marzo, á espera de que as cotizacións do queixo e do soro en po melloren para recuperar o volumen de crecemento que mantivo a planta de Vilalba desde a súa creación. Naturleite, proveedora tamén de Mercadona e que vén de mercar a fábrica de Meira de Cereais Rego, nunha estratexia de diversificación pola que leva anos apostando a súa matriz, a cooperativa cordobesa COVAP, asinou contrato de momento só por dous meses, decembro e xaneiro, a un prezo base de 46 céntimos, aos que se sumarían 0,5 céntimos por benestar, 0,5 por boas prácticas medioambientais y 1 por calidade hixiénico-sanitaria AA (aínda que Naturleite penaliza as células e a baterioloxía por mostra diaria en vez de facelo pola media mensual).  Cambios para 2024 na tendencia aos contratos a curto prazo A totalidade das industrias, agás Inleit, que asinou por un ano en primavera, apostaron en 2023 por ir facendo contratos ponte de pouca duración, de 2, 3 e 4 meses, por medo ás incertas perspectivas futuras. Esta estratexia obriga ás industrias a estar revisando e renegociando constantemente pero minimiza os riscos ante unha caída brusca, aínda que non evita quedar momentáneamente fóra de mercado, como lles aconteceu a Celta e Río na última sinatura de contratos en outubro.
Agárdase un alongamento da duración dos contratos de primavera para garantir os volumes de recollida ante o risco que supón a EHE
Agárdase que as industrias opten por alongar un pouco a duración dos contratos na primavera, para evitar o desgaste de estar cada poucas semanas renegociando coas súas granxas provedoras para manter os volumes de recollida, que se poderían ver comprometidos o vindeiro ano como consecuencia da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica. Á espera desa renovación xeral de contratos en marzo, en xaneiro volverá haber pequenos movementos no mercado do leite en Galicia, xa que a comezos de ano quedan libres algunhas das explotacións afectadas polas rutas que deixan de recoller Pascual e Nestlé na provincia da Coruña, polo que é probable que volva haber certa disputa entre Lactalis e Río por facerse con algunha delas, igual que pasou estes días no caso da que deixa Entrepinares.
Larsa deixará de recoller en xaneiro a varias pequenas ganderías na Mariña
Se o panorama actual de demanda de leite non cambia de cara á primavera, as explotacións que estean situadas en zonas onde operan o resto de empresas non terían dificultades para atopar novo comprador. O problema atópano granxas de pequeno tamaño situadas en zonas máis illadas ou alonxadas das principais rutas de recollida. É o caso de cando menos tres granxas de Larsa na Mariña, na zona de Foz e O Valadouro, que non teñen polo momento quen lles recolla o leite a partir do 1 de xaneiro. Este tipo de ganderías teñen cada vez menos opcións de entrega e un diferencial de prezo maior.

Prezo medio anual 8 céntimos superior a 2022 e aumento das diferenzas entre comunidades

O 2023 comportouse de xeito moi volátil, con redución de prezo na primeira metade do ano (de febreiro a agosto) e mantemento do prezo de compra sen apenas variacións a partir de entón. O prezo medio final do ano estará en torno aos 54,5 céntimos en España e 52,3 en Galicia, uns 8 céntimos por enriba da media de todo o ano 2022: 46,6 céntimos no conxunto das 17 comunidades e 45,4 en Galicia.
España segue mantendo prezos medios superiores aos europeos: 6,5 céntimos máis en outubro
Dentro de España, Galicia segue a ter un diferencial negativo con respecto a outras comunidades veciñas: 5,3 céntimos en setembro con respecto a Asturias e 4,9 con respecto a Castela e León. Algunhas das industrias que mercan tanto en Galicia como nesas outras comunidades (caso de COVAP ou CAPSA) comprometéronse a ir reducindo esa diferenza de prezo, que ao longo deste ano se foi incrementando. A suba da manteiga reflota o contrato de Larsa No caso da asturiana CAPSA, en Galicia ofrece aos gandeiros de Larsa manter as condicións actuais, as asinadas en agosto, cun novo contrato de catro meses de duración até marzo co 70% do leite a 50 céntimos de prezo base e o outro 30% vinculado á súa habitual fórmula de manteiga e leite en po, dous produtos industriais que están a repuntar nas últimas semanas, sobre todo a manteiga, o que eleva o prezo variable do 30% do leite dos 32 aos case 38 céntimos e deixa o prezo base medio total en 46,3 céntimos neste momento.  
Larsa opta por alongar tamén o contrato de agosto até o 31 de marzo
No caso de contar con calidade hixiénico-sanitaria extra, que se move no caso de Larsa en parámetros esixentes por debaixo de 190.000 células e 25.000 xermes, difíciles de lograr durante os meses de verán, supón 1,5 céntimos a maiores (medio céntimo no tramo de menos de 50.000 xermes en bacterioloxía e 250.000 células somáticas). En canto ás primas por volume, nas granxas de máis de 250.000 litros ao mes supoñen 4,5 céntimos, o que deixaría o prezo final en decembro rozando os 51 céntimos. No caso das ganderías máis pequenas, compensan normalmente unha prima por volume moito máis baixa coa prima de 1,5 céntimos de pastoreo. Os sólidos páganse a 0,3 céntimos a décima de graxa e proteína.
A suba da cotización internacional da manteiga nas últimas semanas permite a Larsa ofrecer prezos máis atractivos para os vindeiros meses
Mentres, a matriz do grupo pagou aos seus gandeiros socios en Asturias a 58,5 céntimos en setembro e a 57,5 en outubro, sempre que se consuman os distintos produtos e servizos que ofrece a cooperativa a través de ASA, como a compra do penso, os carros mesturadores para facer a ración ou os servizos veterinarios e de nutrición.
Central Lechera Asturiana conta en Asturias con pouco máis de 900 ganderías con entregas de leite e prevé o peche de máis de 150 granxas en 2024 
O sobreprezo existente con respecto aos produtores non socios en Galicia trata de manter con vida un sector que agoniza, xa que Central Lechera Asturiana está a sufrir un goteo constante de peche de granxas (entre 8 e 10 ao mes) e prevé para o vindeiro ano uns 160 abandonos, debido á elevada media de idade dos seus socios.