O prezo do leite no campo atravesa nos últimos meses unha tendencia á baixa, se ben ese descenso a nivel europeo semella ralentizarse este outono. Con todo, de cara a decembro as industrias anuncian novas baixadas de 2-3 céntimos. Ante este escenario, Medio Rural vén de manter un encontro coas industrias no que lles trasladou a necesidade de apostar por unha estabilidade de prezos a longo prazo, unha liña que entende que beneficiará ó conxunto do sector, granxas e industrias.
O conselleiro do Medio Rural, José González, apelou á responsabilidade da industria para garantir unha estabilidade no sector lácteo que propicie a súa sustentabilidade e a remuda xeracional nas explotacións.
Segundo explicou o conselleiro, esta reunión forma parte da rolda de contactos que vén mantendo a Xunta con todos os axentes sectoriais. Neste caso, falou da necesidade de trasladar unha serie de mensaxes clave aos compradores de leite en Galicia. En primeiro lugar, José González dixo non compartir, “en absoluto”, as análises da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), que sinalaron aos prezos actuais do produto en orixe como un suposto lastre da competitividade da industria.
Fronte a isto, asegurou que o que verdadeiramente lastraría ao sector lácteo sería a escaseza de gandeiros e de produto. Un prezo do leite que cubra os custos de produción e a rendibilidade necesaria é fundamental, remarcou o conselleiro, “porque os gandeiros son como calquera outro empresario”.
González referiuse tamén á importancia dunha estabilidade dos prezos a longo prazo. Advertiu que dita estabilidade en prezos e beneficios é esencial para asegurar a sustentabilidade do lácteo e para garantir a remuda xeracional no agro galego. Algo que -dixo- se lle traslada unha vez máis á industria, para insistir en que só cun reparto equitativo dos beneficios entre todos os axentes é posible asegurar esa estabilidade.
Rendibilidade das explotacións
Por todo isto, o titular de Medio Rural fixo de novo unha chamada á responsabilidade e á unión de todos os axentes -gandeiros, distribución e industria-, definindo ese acordo de fondo como clave para garantir a sustentabilidade do sector. Neste mesmo sentido, invitou á Organización Interprofesional Láctea (Inlac) a elaborar unha campaña publicitaria para fomentar o consumo de leite con orixe español, “leite que defenda os intereses dos nosos gandeiros”.
O conselleiro puxo hoxe en valor o feito de que o lácteo galego non deixa de medrar en produción nos últimos anos, amosando unha extraordinaria profesionalidade e competitividade. Así, indicou, Galicia conta con explotacións cada vez máis competitivas, concentradas e de maior tamaño, sendo a CCAA española na que máis medrou a produción.