A gripe aviar está a afectar seriamente ás granxas de vacún de leite de Estados Unidos. Oficialmente, só hai 34 ganderías afectadas, pero unha análise representativa de leites comerciais detectou fragmentos do virus nun 20% das mostras. Explicamos a situación e cal é o grao de ameaza en Europa.
Que se sabe da gripe aviar en granxas de vacún de leite de Estados Unidos?
A finais de marzo, declarouse a presenza de gripe aviar en granxas de vacún de leite de Estados Unidos. Ata o de agora, a enfermidade afecta a 34 granxas de 9 estados. De tódolos xeitos, pénsase que a extensión da enfermidade é moito maior, xa que unha análise con mostras representativas realizada pola US Food and Drug Administration detectou trazas de partículas do virus en 1 de cada 5 mostras de leite comercial recollidas nos supermercados.
As análises xenómicas do virus apuntan a que a transmisión dunha ave a unha vaca produciuse a finais de decembro do 2023 ou a comezos de xaneiro do 2024. Desde aquela, o virus saltou entre distintas granxas de ata 9 estados. A maioría dos estados restrinxiron agora a entrada de animais e esíxense probas para o movemento de animais de recría.
É seguro para as persoas consumir leite comercial en Estados Unidos?
Totalmente, o virus queda eliminado polo procesamento térmico do leite (pasteurizado ou UHT). Non se atopou ningunha mostra de leite comercial no que houbese presenza do virus da gripe aviar con capacidade de infección.
Que se fai co leite das granxas onde se detecta a enfermidade?
Retírase da cadea alimentaria. As autoridades emprazan ás granxas a que pasteuricen o leite antes de desbotalo ou de empregalo como alimentación das xatas. Do contrario, pode ser un foco de infección.
Que impacto ten a gripe aviar nas vacas, nas granxas afectadas en Estados Unidos?
A infección polo virus provoca unha baixada da produción de leite, falta de apetito e outros síntomas variables (febre, deshidratación, leite máis espeso, mastite…).
Calcúlase que os animais afectados recupéranse nun prazo de 7 a 10 días e practicamente non hai mortalidade.
Hai transmisión do virus entre o rabaño?
Si, aínda que non está todavía claro como se propaga o virus dentro do rabaño. Entre un 5 e un 20% das vacas da granxa enferman pola gripe aviar. A bioseguridade das granxas, por tanto, é altamente importante, incluído o movemento de persoas, veículos e obxectos. A hipótese coa que se traballa é que o leite sexa un dos principais factores de contaxio.
Que se fai coas vacas diagnosticadas?
Neste momento, as vacas afectadas están sendo illadas dos outros animais, ata a súa recuperación.
A gripe aviar afecta tamén ás granxas de vacún de carne?
Ata o de agora, non se detectou a gripe aviar en granxas de vacún de carne. As autoridades sanitarias de Estados Unidos están inspeccionando tanto granxas como matadoiros, facendo probas da presenza do virus, sen éxito polo de agora. Considérase, por tanto, que o consumo de carne de vacún é totalmente seguro, se ben recoméndase sempre o seu cociñado a temperaturas internas suficientes, xa que iso elimina posibles virus.
Cal é o nivel de ameaza para as granxas de vacún de leite de Europa?
As infeccións de gando leiteiro en Estados Unidos son cunha cepa de H5N1 que non foi detectada en Europa, segundo declarou ó xornal ‘Politico’ un portavoz da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA). “Estamos seguindo de cerca a situación e posible evolución”, declararon na EFSA.
En granxas de vacún de carne non se detectou polo de agora a gripe aviar
Hai vacinas para a gripe aviar en granxas avícolas? E para granxas de vacún?
En Estados Unidos desenvolvéronse con éxito probas de vacinas da gripe aviar para granxas avícolas, se ben aínda non se están a aplicar, xa que hai distintos factores a ter en conta (cepas en circulación, impacto da vacinación na comercialización da carne, etc.). Existe a posibilidade tamén de desenvolver vacinas para granxas de vacún, pero aínda non existen.
É posible o contaxio a humanos da gripe aviar?
Ata o de agora, a gripe aviar saltou de xeito escaso ós humanos, se ben cando o fai hai risco de mortalidade. En relación cos brotes nas granxas, en España, detectouse un traballador dunha granxa avícola de Guadalajara afectado, e en Estados Unidos tamén houbo un traballador dunha granxa de vacún de Texas afectado, se ben só cunha conxuntivite.
En vista de que a gripe aviar está comezando a saltar a mamíferos, proba dunha posible mutación que facilita tal paso, nas autoridades sanitarias de Estados Unidos e Europa existe preocupación.
Máis información
A costa galega, foco de gripe aviar en aves mariñas
Que impacto ten a gripe aviar en granxas avícolas de España?
Desde o 2021 ó 2023 houbo un total de 32 focos en granxas avícolas en España, todos eles nas comunidades de Andalucía, Castilla y León e, en menor medida, Castilla La Mancha, con un caso. Desde o 1 de xullo do 2023 ata a actualidade, non houbo ningún novo caso detectado.
Estes focos son o motivo do rexistro de explotacións avícolas que se está acometendo en Galicia nos últimos meses.
Houbo algún caso de gripe aviar en granxas galegas?
O único caso coñecido produciuse en xaneiro do 2023 nunha granxa de visóns de Carral (A Coruña). A hipótese é que o contaxio procedeu de aves mariñas e foi un caso que tivo repercusión a nivel internacional, pois representou un salto da gripe aviar de aves a mamíferos, un escenario similar ó que está pasando agora nas granxas de leite de Estados Unidos.
Un foco de gripe aviar nunha granxa de visóns de Carral (A Coruña) levantou as alarmas en xaneiro do 2023, pois representou o paso da enfermidade das aves a mamíferos
Cal é a situación da gripe aviar en aves silvestres en Galicia?
As aves silvestres, nomeadamente as mariñas, están véndose afectadas pola gripe aviar. Desde o 1 de xullo do 2023 ó 1 de marzo do 2024, detectáronse 24 focos en aves silvestres en España, dos que 9 corresponden a Galicia (4 na Coruña, 3 en Lugo e 2 en Pontevedra).
A costa galega, habitual zona de paso de aves migratorias, é a zona de detección de tódolos focos detectados na comunidade. Nos 9 focos galegos identificouse a 12 aves mortas pola gripe aviar, das cales 11 eran gaivotas patiamarelas e a outra un mascato (alcatraz). Tódolos casos corresponden ó subtipo H5N1 da gripe aviar.
Noutras comunidades, tamén se detectou afección en charráns, grullas e mesmo nun falcón peregrino.