O Grupo Lence medra grazas á marca branca e prevé facturar este ano 260 millóns

A compañía láctea lucense rematará 2023 cunha facturación un 25% superior á de 2022 e o dobre que fai 5 anos, cando Carmen Lence asumiu a dirección da empresa

Un momento da visita de Alfonso Rueda ás instalacións de Leite Río no polígono industrial do Ceao, en Lugo

Un momento da visita de Alfonso Rueda ás instalacións de Leite Río no polígono industrial do Ceao, en Lugo

A marca branca está a facer medrar ao Grupo Lence, convertido xa na segunda industria que máis leite recolle en Galicia, despois da multinacional francesa Lactalis. Os perto de 900.000 litros diarios recollidos nunhas 300 ganderías, principalmente das provincias de Lugo e A Coruña, e transformados nas súas plantas de envasado de Lugo e Arteixo, fan da empresa galega a oitava láctea no ránking estatal. 

A compañía luguesa agarda rematar este ano cun volume de facturación próximo aos 260 millóns de euros, un 25% máis con respecto ao ano pasado, no que a empresa fundada por Jesús Lence e que hoxe dirixe a súa filla Carmen acadou os 208,4 millóns de euros facturados e os 9,5 millóns de euros de beneficio. 

“Conseguimos o noso obxectivo de dobrar a empresa en 5 anos”, fardou a presidenta do Grupo Lence, que destacou o “espíritu de superación” como “fundamental para seguir triunfando como o estamos facendo”.

Leite Río pasou de facturar 133 millóns de euros no 2018, antes da chegada de Carmen Lence, aos 260 previstos para este ano

No transcurso dunha visita do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ás instalacións da empresa no Ceao, Carmen Lence presumiu de ser “unha empresa de tamaño medio que compite nun mundo de multinacionais”. 

O presidente da Xunta, pola súa parte, destacou “a potencia das empresas familiares en Galicia”. “As grandes empresas en Galicia son empresas familiares”, louvou. O Grupo Lence ten 233 empregados directos logo de crear 30 postos de traballo este ano. 

Aposta pola marca branca

A forte inflación e a caída na renda dispoñible das familias está a impulsar o consumo de marcas de distribución fronte ás marcas propias dos fabricantes e a empresa lucense soubo adaptarse a ese cambio de tendencia, poñendo as súas máquinas a envasar para outros.

De feito, as marcas emblema da compañía lucense, como Río de Galicia ou Leyma, perden peso na carteira comercial do Grupo Lence fronte aos bricks envasados con marca branca para as cadeas de supermercados, que representan xa máis do 60% do volume de leite transformado nas fábricas da empresa.  

Seis de cada 10 litros envasados levan a marca da distribución

En canto ao consumo, segundo reflicte o último barómetro do sector lácteo presentado pola Federación Nacional de Industrias Lácteas (FENIL), o consumo de leite líquido medrou este ano un 1,1%, fronte á forte caída do 4,7% no consumo de iogures e ao descenso do 0,4% dos queixos, rachándose así unha tendencia decrecente no consumo de leite mantida nos últimos anos. 

Envasar leite, máis rendible que facer derivados

Sen case produtos de valor engadido (nata, batidos e leite ultrafiltrado son os seus máximos logros neste eido), o Grupo Lence sigue tendo no leite líquido o seu produto estrela. Logo de anos de prezos de venda baixos, debido á utilización do leite como produto reclamo nos supermercados, a escaseza de subministro vivida nos últimos meses do 2022 impulsou unha forte suba do prezo do leite nos liñais, que, con leves correccións, segue a manterse alto.

A forte suba experimentada polo prezo do brick nos supermercados está a beneficiar ao Grupo Lence fronte a industrias que fan queixos ou outros derivados

Iso fai que fronte aos anos nos que as empresas lácteas centradas no envasado de leite líquido se arruinaban, neste momento sexan as máis rendibles, máis que as que apostaron por produtos derivados de maior valor engadido, como por exemplo Inleit, prexudicada pola caída na demanda china e na cotización dos produtos lácteos industriais nos mercados internacionais.  

Pero as tornas poden volver cambiar, polo que Carmen Lence pretende aproveitar a época de vacas gordas actual para seguir modernizando os procesos produtivos, a través de inxeccións económicas como as do proxecto SmarTZ4Milk, e tratar de innovar, da man da Aula de Produtos Lácteos da USC, en novos lanzamentos que impacten nun perfil de consumidor cun poder adquisitivo máis elevado. 

Utilización da imaxe da muller rural galega para vender leite en Madrid

visita Alfonso Rueda a Leite Río Carmen Lence3A visita de Alfonso Rueda a Leite Río comezou cunha pequena tourné pola planta de envasado, onde o director de operacións do Grupo Lence, Jesús García explicou ao presidente da Xunta o proceso, comezando pola máquina que fabrica as botellas, adquirida en Alemaña e con capacidade para facer 15.000 botellas á hora, ou o funcionamento do almacén, onde cada 2 semanas se renovan os 9 millóns de litros de leite que hai acumulados.

A continuación pasouse un vídeo propagandístico onde Leite Río utiliza a imaxe de mulleres que traballan en explotacións ás que lles compran o leite para destacar a “coraxe” da compañía. “As mulleres son o motor de moitas explotacións e as que aportan o sentidiño á hora de facer investimentos”, asegurou Alfonso Rueda.

Os camións de Leite Río camiño de Madrid son balados publicitarios de Galicia en movemento

O presidente da Xunta quixo destacar tamén que “cando un vai a Madrid por estrada, cruzarte con camións de Leite Río é cruzarse con balados publicitarios de Galicia en movemento”, afirmou. O Grupo Lence vende o seu leite fundamentalmente fóra de Galicia, xa que na comunidade mantén unicamente unha cota de mercado do 10%. 

Sen posibilidade de preguntar

O acto, nun auditorio frouxo de público, con dúas ducias de traballadores da empresa e outros tantos medios de comunicación e acompañantes do presidente da Xunta, serviu para que Alfonso Rueda mostrase a súa vontade de apoiar con axudas á empresa (“contade co noso apoio”, díxolle a Carmen Lence), pero non para aclarar, por exemplo, se as ganderías galegas afectadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) van contar con axudas como as que xa se habilitaron noutras comunidades autónomas; ou se a Xunta ten pensado cortar o grifo a aquelas industrias lácteas que están a discriminar aos produtores galegos, pagando até 4 e 5 céntimos máis polo leite noutras comunidades. 

Tampouco Leite Río está precisamente entre as empresas que máis pagan o leite en Galicia, malia as continuas apelacións de Carmen Lence no seu discurso ao seu compromiso co rural galego. Dado que non se permitiu facer preguntas no acto, non aclarou se os 43,7 céntimos de prezo base dos contratos que o Grupo Lence asinou para os meses de novembro e decembro, 10 céntimos menos que o que a empresa pagaba fai un ano, se van incrementar, ou tan sequera manter, de cara ao vindeiro ano. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información