“O que vimos en granxas nestes últimos 3 meses non o viramos nunca antes”. Así de contundente se amosa o veterinario clínico Manuel Morales Gamazo á hora de abordar a incidencia da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) en Castela e León e máis concretamente en Zamora, a zona de traballo do colectivo Oceva, ao que pertence e que agrupa a profesionais de ovino e vacún desta provincia. O profesional participou recentemente nunha nova edición dos Encontros Gandeiros organizados pola ADS Xundeva en Lalín e alí compartiu con gandeiros, colegas de profesión e outros profesionais do sector as súas experiencias no tratamento desta enfermidade que tamén está a afectar a ganderías galegas.
Sen buscar crear alarma entre os gandeiros e veterinarios galegos, Morales recoméndalles manterse moi alerta ante esta enfermidade para evitar que tamén pille ás granxas galegas por sorpresa, sobre todo para a próxima campaña. Con altas temperaturas, o virus replícase de forma explosiva, polo que como apunta o veterinario o seu control é moi complicado.
Aínda que o virus e o mosquito portador non desaparecen no inverno, as baixas temperaturas non resultan condicións favorables para a súa propagación. “Por baixo de 12 graos, o virus non se replica no interior do mosquito, pero hiberna e mantense”, explica o veterinario. Hai apenas uns días detectábase en Suíza o primeiro caso desta enfermidade, e en Galicia seguen notificándose novos focos cada semana, o que fai valorar que aínda se poidan seguir dando casos nas granxas galegas pese ao frío.
Reclaman información veraz e actualizada ao MAPA sobre a enfermidade
“Non coñeciamos nin os síntomas desta enfermidade porque nunca tiveramos incidencia. Só nos chegaban rumores de zonas do sur de España onde estaba a provocar importantes danos”, explica Morales. O veterinario critica tamén que desde o Ministerio de Agricultura aínda sega sen proporcionarse información actualizada da incidencia real que está a ter esta enfermidade nas ganderías. “A principios de novembro, na web do Mapa seguía cualificándose a enfermidade en bovino de moderada, autolimitante por un tempo de 2 semanas e sen transmisión placentaria e comprobamos que nin foi banal, nin moderada, nin se pasou en 2 semanas e mesmo tivemos tenreiros acabados de nacer afectados”, apunta Morales.
Síntomas e afección das granxas
Un dos aspectos sobre os que Morais incide é a variedade de síntomas que detectaron nestes meses nos animais afectados, o que tamén dificulta o diagnóstico da enfermidade. Os principais síntomas descritos inicialmente para identificar a enfermidade son os eritemas e feridas nas ubres e morros dos animais e a hinchazón da lingua nos machos. Pero, nestes meses, nas granxas zamoranas, Morales atopouse con numerosos síntomas.
“O primeiro caso que vin, foi unha diarrea hemorráxica, e con todo non tiña nin eccemas no morro nin úlceras na lingua”, lembra. De feito, en granxas de leite, o 70% das vacas afectadas pola enfermidade tiveron diarreas hemorráxicas. Mentres, en zonas do Cantabria e País Vasco están a atoparse con moitos casos con edemas en pescozo e cabeza, de maneira que a vaca aparece coa cabeza moi inchada, segundo explica o veterinario.
O virus inoculado polo mosquito contaxiado, trasládase polo sistema circulatorio da vaca e termina afectando a todo o organismo, producindo un fallo multiorgánico, aínda que hai órganos máis afectados, como os pulmóns ou o bazo.
“Nestes meses vimos unha gran sintomatoloxía. Nas autopsias dos animais detectamos lesións en todos os órganos”, explica o veterinario. O propio comportamento do virus no organismo provoca que se alongue a viremia, de maneira que os síntomas poden durar incluso varios meses, como comprobaron xa en campo.
“Moitas das vacas que morreron non foi pola enfermidade en si, senón por infeccións secundarias. As secuelas da enfermidade van máis aló dos 15 días”: Manuel Morales, veterinario
Do mesmo xeito que ocorreu co Covid-19, de aí que tamén se coñeza a EHE como o Covid das vacas, en ocasións e debido ás lesións celulares que provoca, o virus desencadea unha tormenta de citoquinas, o que causa unha resposta inmunitaria esaxerada que moitas veces ocasiona mesmo maior mortandade. Esta presenza de citocinas diminúe o apetito do animal, co que deixa de alimentarse. Ademais, reduce o número de plaquetas e leucocitos, xerando unha inmunodepresión do animal.
“Moitas das vacas que morreron non foi pola enfermidade en si, senón por infeccións secundarias como a mamite ecoli ou metrite séptica. De feito, Morales apunta que están a operar moitas vacas con problemas de callar tras detectarlle os primeiros síntomas da enfermidade hai 2 meses. “As secuelas da enfermidade van moito máis alá dos 15 días que apuntaban desde o Mapa”, valora o veterinario.
Os machos están a verse moi afectados pola enfermidade, así como as vacas frisoas en produción
Na súa experiencia en campo, tamén destacaron que os machos se están vendo máis afectados pola enfermidade. “Hai moi poucas ganderías que teñan sementais que non se viron afectados”, indica. De feito, os machos quedan moi debilitados tras estar enfermos. “Preguntámonos cando poderán estar outra vez en boas condicións estes animais para a monta”, inquiere o veterinario.
Razas máis afectadas e tratamentos
Nestes meses e como apuntan tamén os expertos, comprobaron que este virus adoita ter unha maior incidencia en determinadas razas e tamén a resposta foi diferente. Constataron unha importante afección nas granxas de vacas Frisoas, onde afecta principalmente ós animais en produción, e apenas ás xatas e ó cebo.
“Tiven unha granxa con 300 vacas da raza Angus na que detectaron 70 casos e non morreu ningunha, mentres que en ganderías de Limusinas ou Frisoas morreu unha alta porcentaxe de animais”, detalla.
As vacas máis afectadas están a ser as Limusinas e Frisoas
En canto aos tratamentos, en base á súa experiencia en campo, Morales apunta a que a alternancia de antiinflamatorio e corticoides resultoulle en moitos casos de gran utilidade para que o animal mellore. Con todo, as limitacións de uso dos corticoides fan que non sexa unha solución adecuada para todos os animais. Tamén lles deron bos resultados as transfusións de sangue.
O impacto da enfermidade en Castela e León
Este verán produciuse un avance explosivo da enfermidade, escalando desde o sur da Península á cornixa cantábrica en apenas uns meses. Os primeiros casos déronse nas provincias andaluzas en xullo e localizábanse xa poucos días despois animais enfermos en Castela A Mancha e Estremadura. A finais dese mes detectábanse casos en Madrid e Ávila. “A principios de agosto chegounos xa a Salamanca e Zamora”, indica o veterinario. A variabilidade dos síntomas tamén foi un condicionante que retardou a súa detección. Morales lembra que o primeiro caso cuxos síntomas identifica coa EHE, detectouno o 15 de agosto, pero o diagnóstico resultou tamén complexo.
Entre profesionais, tamén se está constatando que canto máis cara a zonas do norte avanza máis agresividade mostra o virus e as súas consecuencias son máis graves. En Andalucía, as primeiras vacas afectadas detectáronse o ano pasado e esta campaña tiveron unha menor mortandade.
En Zamora a granxa máis afectada ata o momento tivo perdas de 60.000 euros e 28 vacas mortas
A principios de novembro, en Zamora contabilizaban máis de 400 ganderías tanto en extensivo como intensivo afectadas e elevábanse a máis de 8.000 os animais con síntomas. Rexistraron xa 800 mortes confirmadas por mor do virus. A prensa local destacou tamén as perdas que a enfermidade causou na granxa máis afectada ata o momento en Zamora, con 28 vacas mortas e perdas de 60.000 euros.
As cifras tamén están a ser moi dispares entre comunidades, principalmente porque houbo certa desconfianza á hora de declarar os animais afectados. “En Salamanca e a pesar de ser a provincia con maior censo vacún de España declaráronse moi poucos casos, aínda que todo nos indica que hai moitos máis”, apunta.