"A nosa premisa é deixar que a natureza funcione"A cría dos animais para esta Cooperativa, ademais de complementar a súa actividade económica, representa unha das fontes principais de fertilizantes para os cultivos. “Controlamos a compostaxe do esterco, controlamos que non teña sementes, e botamos o que realmente lle fai falta á planta. Isto tamén nos permite un control das pragas porque se utilizamos a cantidade de materia orgánica axeitada, cunha trazabilidade desde o propio orixe na Cooperativa, reduce a aparición de problemas”, detalla o socio cooperativista Aitor Lata. Desta maneira, o coidado dos solos é unha das claves da horta en ecolóxico de Labrecos, posto que “a base é ter unha terra sa, cunha riqueza en materia orgánica e en microbioloxía e a partir de aí, a planta é unha consecuencia”, agrega outro dos socios, Iván Lata. Nestes momentos, a pesar de que a maior parte da produción está en invernadoiro, a Cooperativa tamén ten unha pequena parte de horta exterior na cal están implementando técnicas concretas de agricultura rexenerativa, como a coberteira con herba cortada, que evita a solarización do solo, para así manter o solo húmido e capaz de desenvolver a aparición de microorganismos. “Tan só hai que mirar o que pasa no monte, o solo está cuberto por varias capas de follas, dando lugar a unha compostaxe en superficie que favorece a proliferación de biodiversidade”, compara Aitor Lata.
"A idea de que a horta en ecolóxico non é produtiva é un gran bulo. Só sucede iso se segues aplicando os esquemas da produción convencional"En canto á planta certificada en ecolóxico, Labrecos fai a súa propia planta a través de sementeira, na medida do posible. Aínda así, “sempre hai algunha planta que che sae mal, e a relativa incipiencia do mercado en ecolóxico fai que algunhas veces sexa complicado conseguir planta en Galicia, sobre todo antes. Agora coñecemos a un compañeiro asentado en Cerceda co que colaboramos e nos vai moi ben”, sinala Iván Lata. Con todo isto, os rendementos da produción de Labrecos vense afectados polo seu xeito de traballar? A resposta pola parte dos seus socios é un rotundo non. “Iso de que a agricultura en ecolóxico non é productiva é un gran bulo, é incorrecto, tan só é menos productiva se continúas aplicando o sistema de produción convencional. Se continúas coas mesmas prácticas de maltratar o solo, arar co tractor, etc. si que é menos productiva porque non tes o salvavidas do saco de abono. Tan só hai que ser máis coidadoso”, afirma. A comercialización da producción A producción en ecolóxico de Labrecos ten diferentes vías de chegar ao consumidor final. Unha delas é a través da venda directa a particulares, pola cal, unha vez á semana, e en función da súa produción, os socios de Labrecos achegan unha cesta a cada cliente. “Esta fórmula permítenos ter unha proximidade co consumidor, para obter un feedback sobre a nosa colleita”, amplía Raquel García. Sobre a adaptación das cestas ós produtos de tempada, desde Labreco inciden na adaptación do consumidor. “O que observamos é que a nosa gama de clientes foise adaptando á temporalidade dos cultivos cada vez con menor inconveniencia, e se unha semana, por calquera fenómeno non podemos entregarlles a cesta, van entendelo”, concreta. Outro dos puntos de venda para a producción da Cooperativa é a iniciativa Ecocomedores, isto é, o suministro ós comedores escolares, que “xa estaba na nosa mente antes de iniciar o proxecto”, avanza Iván Lata. “Esta iniciativa é moi importante porque non só estamos alimentando aos nenos e nenas dun xeito saludable, senón porque estamos dándolle de comer aos nosos clientes de futuro”, comenta. “Aínda así, nun primeiro momento non nos vimos con forza para xerar os alimentos necesarios para abastecer un comedor escolar cun número de alumnos elevado, pero a raíz dun proxecto piloto do Grupo de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, que recadou a varios productores de proximidade, contactou de novo co grupo unha escola infantil de Novo Mesoiro, comezamos por aí, e fomos chegando a máis centros ata a situación actual”, explica Iván Lata. Proxectos de futuro de Labrecos Nestes momentos os socios da Cooperativa van continuar pola formación en sistemas agroforestais. “O ideal sería que no momento da plantación do apartado de horta tamén se poñan unha serie de liña de árbores, para que, co tempo, as árbores colonicen ese terreo e formen un monte. Unha vez suceda iso, levarase a horta a outra superficie para facer o mesmo”, detalla Iván Lata. Esta orientación está motivada pola problemática da auga, posto que “desde Labrecos vemos que a seca do verán está en certo modo alimentada pola falta de árbores, é dicir, non hai materia orgánica nos solos e polo tanto non hai retención, da igual o que chova", conclúe.
A plantación incorporou cítricos menos comúns en Galicia, como o caviar cítrico, que pode chegar ós 100 euros cada Kg.“Na finca herdada non houbo problemas, pero na finca onde plantamos a lima e as outras variedades de cítricos, si que tivemos bastantes problemas, porque isto é todo minifundio, parcelas moi pequenas. Queremos aumentar o tamaño da finca pero é difícil, porque para chegar a esa hectárea houbo que comprar case a 10 propietarios", explica. Sobre as novas variedades de cítricos, destaca o seu interese: "As variedades menos comúns aquí, como o caviar cítrico, empregado principalmente en alta cociña, pode chegar a un prezo de 100 euros/kilo”, sinala. “Temos tres liñas de comercialización: hostelería, froiterías e un maiorista. Non hai ningún problema para a venda, xa que existe unha forte demanda de produto galego, vendemos todo o que producimos. Os cítricos son un potencial para Galicia. Temos unhas condicións moi boas, o único que hai que modificar un pouco son as terras, pero cun pequeno coñecemento si que se pode facer unha boa produción” asegura Óscar.
"Para aumentar unha hectárea, tivemos que chegar a acordos con 10 propietarios"En ecolóxico desde o 2018 Di Óscar que ainda que actualmente non se asocie a Galicia cos cítricos, se buscamos na historia, si que houbo cítricos en Galicia desde hai moito tempo. “Para nós, os primeiros anos foron dificiles, pois existe un forte descoñecemento sobre o cultivo do cítrico en Galicia, e non foi doado dar cun técnico agrónomo que soubese, o que fixo que as primeiras plantacións foran con retraso, algo que xa non está acontecendo coas novas plantacións nin cos aumentos que estamos facendo”.
"Os cítricos foron un cultivo histórico en Galicia, pero cando comezamos nós, faltaba coñecemento na materia"“Ao principio comecei con produción convencional -sinala Óscar-, pero no 2018 pasámonos á produción ecolóxica e no 2021 comezamos a empregar técnicas de agricultura rexenerativa. Toda esta evolución foi grazas á incorporación de Víctor, técnico especialista nestas técnicas. Despois de facer varias analíticas e distintas probas con abonos, fomos chegando ao punto no que estamos agora, cun nivel de acidez e auga na terra óptimos. Estamos nun punto moi bo pero sempre hai posibles melloras” di Óscar. Víctor, o técnico agrónomo formado na Escola Forestal de Lourizán que se incorporou no 2018 ao proxecto, cóntanos un pouco máis sobre a evolución da plantación: “No tema da agricultura ecolóxica pecamos un pouco de inexperiencia, pero fomos probando e a verdade é que nos deu moi bo resultado. Conseguimos pór a terra moi ben, cambiar a estrutura da terra, para que os cítricos se adaptaran mellor a esta zona. Aquí axúdanos moitísimo o microclima que temos nas Rías Baixas, e tamén as orientacións Sur das terras, cun arco solar moi amplio e aproveitando practicamente todas as horas de sol”.
"Dá a impresión de que temos todo desmadrado de herba, pero é unha vía para que a natureza nos favoreza"Unha das bases do proxecto sitúase na agricultura rexenerativa. “Hai un par de anos que empezamos a aplicar técnicas de agricultura rexenerativa, intentando que a natureza nos favoreza e non ir en contra dela. Como podedes ver, temos todo con herba, que parece desmadrado, pero é o que nós queremos conseguir. Isto axúdanos a ter unha capa fértil no chan moito máis grande, reter moita máis auga e así ter que consumir menos, porque as plantas o que fan é que a terra reteña máis auga, e que os alimentos para as plantas se aproveiten mellor, con máis retencións de CO2, e así as plantas teñen moitos menos problemas de fungos e de insectos”, apunta. Víctor fálanos sobre o seu proceso de adaptación ós cítricos: “Tiña coñecementos de agricultura ecolóxica e de árbores frutais pero non específicamente de cítricos. Cada árbore necesita as súas cousas. Pero simplemente é dar co sistema e co que necesitan. Nós aquí conseguimos ter un ecosistema moi bo para os limoeiros, simplemente tratalos ben, facer as podas e abonados que necesitan, sempre con fertilizantes ecolóxicos”, subliña. “Se algunha vez as árbores teñen algún problema, sempre lles axudamos con produtos que nós mesmos facemos. Por exemplo, para o pulgón (‘Aphididae’), utilizamos a ortiga. Para abonar utilizamos abonos das granxas de aquí de cerca. Sempre utilizamos recursos locais para que a colleita vaia mellor”, conclúe. Dixitalización e mecanización a curto prazo Victor asegura que o maior problema que teñen agora mesmo é a falta de electricidade: “ O feito de que non chegue a corrente fai que teñamos que vir aquí todos os días, para regar, para controlar as plantas, para facer todo… Dentro dun tempo, esperamos que curto, teremos aquí corrente e poderemos dixitalizar os sistemas de rego por internet. Tamén instalaremos cámaras para controlar as plantas. Pasa o mesmo coa auga. Nós aquí regamos por gravidade pero cando poidamos dixitalizar a plantación, xa poderemos distribuir os regos desde a casa”.
O pasado xoves 14 de marzo a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) organizou un encontro online centrado na produción de leite ecolóxico en Galicia no que participaron diferentes especialistas.
Higinio Mougán, director de AGACA, foi o responsable de facer a introdución e as conclusións finais, así como ir presentando aos diferentes ponentes.
O primeiro en intervir foi Javier García, secretario de Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), o único organismo habilitado en Galicia para xestionar o certificado ecolóxico de recoñecemento internacional.
Javier fixo un pequeno resumo do contexto da produción ecolóxica en Galicia, destacando que ainda que non contan cos datos do 2023, esperan unha lixeira melloría respecto ao 2022. Comparando os datos do 2021 co 2022 vemos como o descenso do volume de facturación de leite ecolóxico en Galicia roza o 5%, baixando de 39 millóns de euros facturados a 37 millóns. Isto, segundo Javier, débese a que algunhas granxas pecharon ou pasaron a producir en convencional motivadas pola igualación dos prezos entre ambos leites.
Javier tamén sinalou como un factor limitante a ausencia de mercados dirixidos á exportación en España, comparándoo co caso irlandés e sinalando a comercialización como unha das patas máis febles da cadea. Outro problema que ve é o diferencial de custo de produción entre producir leite ecolóxico e leite convencial, que ainda é demasiado grande, polo que ve moi difícil que este mercado poda crecer en Galicia a curto prazo. Ademais se unha granxa convencial quere cambiar a ecolóxico, necesita un periodo de adaptación de 2 anos seguindo as normas do CRAEGA, o que relentiza máis o proceso.
Por último pediu que se tomen medidas contra a publicidade e etiquetado engañoso que confunde aos consumidores, sinalando o leite de pastoreo que moitos confunden co ecolóxico. Tamén invitou a visitar a páxina web de CRAEGA onde poderán atopar toda a información pertinente.
O segundo en intervir foi José L. González, consultor independente, que falou sobre os criterios medioambientais e indices empregados: biodiversidade, fitosanitarios e emisións. Centrouse no tema da biodiversidade destacando as bondades neste sentido do manexo do gando no noso territorio. “Deberíamos presumir da cantidade de biodiversidade que podemos xerar producindo comida, principalmente coas explotacións de vacún.”
“Esta é a gran fortaleza desta forma de producir, a súa capacidade de xerar biodiversidade, o que xera valor no produto pero que non é algo que os consumidores valoren a día de hoxe. É inevitable que o índice de biodiversidade acabe nos etiquetados dos produtos e acabe sendo valorado polo consumidor.”
Pola súa parte, José Sáez, director de compras en Lactalis, á que definiu como unha empresa familiar que se convertiu no maior grupo leiteiro do mundo cuns 28 mil millóns de euros de facturación anual. Conta con 8 plantas de elaboración de lácteos en España, dúas delas en Galicia (Vilalba e Nadela) adicadas ao leite. Trátase dun grupo frances que foi o primeiro en comercializar leite ecolóxico en Galicia e controla o 45% deste mercado a nivel español. As súas principais representacións no mercado son marcas como Puleva, Ram, Gran Capitán, Flor de Esgueva...
José mostrou datos que confirman ese descenso paulatino nos últimos tres anos da produción de leite ecolóxico en España. “A pesar deste descenso, Galicia mantén ou incrementa a súa cota de mercado de produción, convertíndose no referente nacional, pero Cataluña é a que máis creceu nos últimos tempos.”
Insistiu na idea de que a evolución dos prezos foi moi positiva e que contrasta con ese descenso na produción, e que a diferencia de prezo e custo entre o ecolóxico e o convencional fixo que moitos ganadeiros pasaran de ecolóxico a convencional pero que isto é unha tendencia que agora comeza a correxirse.
“Concretamente foi en abril do 2022 e 2023 cando os prezos entre os dous tipos de leite practicamente se igualaron. Debemos democratizar o leite ecolóxico, é dicir, facela máis accesible á xente tanto a nivel de prezos como de presencia no mercado, pois moitos consumidores demandan o produto e se queixan do difícil que resulta atopar este leite, da diferenza de prezo ou da falta de oferta.”
Tamén destcaou que moitos consumidores declaran non saber distinguilo do convencional ou incluso non fiarse do etiquetado. Por último, mostrou entusiasmo na idea de que o consumidor cada vez demande máis este tipo de leite, que antes era cousa dun público ecoloxista ou moi concienciados, e agora o consumo de produtos ecolóxicos comeza a xeralizarse a nivel social, e que hai que seguir nesa liña de traballo. Tamén falou da importancia de gañar en visibilidade a partir de sacar novos productos, gastar máis en publicidade… E sobre todo dar a coñecer os beneficios que ten este leite para os consumidores, o medio ambiente, os gandeiros e os animais. Insiste na idea de que o leite ecolóxico aínda non é un mercado maduro, e que teñen que unir forzas para conseguir que madure máis.
O TESTEMUÑO DAS INDUSTRIAS LÁCTEAS E DOS PRODUCTORES
As Vacas da Ulloa SCG : A terceira ponente foi Ana Corredoira, bióloga e gandeira responsable da explotación de leite ecolóxico As Vacas da Ulloa SCG e da marca de leite fresco ecolóxico Sen Máis. Ana criouse entre vacas xunto co seu irmán na Cernada (Palas de Reis).
A granxa fundouse nos anos 80 como proxecto de vida dos seus pais, cun modelo de gandería familiar de autoconsumo e venta dun pequeno excedente. Xa no 2002-2004 os seus pais fixeran un pequeno obradoiro para transformación e comercialización directa do leite e outros produtos derivados, no contexto das vacas tolas. “Medrei nese caldo de cultivo onde se concebía o modelo de produción circular de aproveitamento e de control de todos os pasos da cadea desde a produción ata a comercialización directa. Rematei Bioloxía no 2013 e voltei á casa a traballar na granxa. Un ano máis tarde asumín a dirección da granxa no polo falecemento do meu pai”.
“Queríamos producir e vender leite na súa mellor versión, ese era o noso proxecto de vida. No 2015 demos de alta a SC e no 2021 saímos ao mercado coa marca Sen máis, leite fresco pasteurizado en vidro. Foi un momento épico e de celebración, pois sentira un fracaso cando tivera que paralizar a actidvidade da granxa. Estamos moi limitadas pola nosa infraestructura de distribución: unha furgoneta, coa que distribuimos un día por semana. Ainda así, en dous anos conseguimos ter 150 puntos de venta, ocupando unha área xeográficamente moi pequena, pois só podemos abrcar a nosa comarca e zona limítrofe. Realmente démonos conta de que temos o noso nicho de mercado e que podemos amplialo, pero manter esa infraestructura é moi difícil porque facemos todo nós. En calquera caso, no 2022 producimos uns 60 mil litros de leite e no 2023 uns 80 mil.”
Tamén recalcou que existen certos déficits no sector: a nivel de marketing, a falta de oferta, a falta de vías de comercialización e dificultade no acceso por parte dos consumidroes, ou o mal posicionamento nas superficies de ventas.
GANDERÍA CASA CODESAL: O seguinte en intervir foi Ángel Rivas, especialista en manexo animal en Casa Codesal, unha gandería centenaria, familiar e ecolóxica, responsable dunhas 100 cabezas de gando (63 en muxido) e dunhas 68 ha de pastos. Producen uns 420 mil litros de leite anuais. A granxa está localizada en Vilapedre (Friol) e do 2018 ao 2023 gañou todos os anos o premio Exceleite de Ouro a mellor leite na categoría de ecolóxico, menos no 2019 que gañou o de prata.
Ángel destacou a historia familiar e a convicción da empresa de apostar polo ecolóxico desde 2005, sendo un dos primeiros en Galicia, así como da importancia de compartir experiencias e colaborar con outros gandeiros.
COOPERATIVA COBIDEZA: O seguinte turno foi para Román Santalla, presidente de Cobideza: “Somos unha queixería pequena pero coqueta, totalmente orientada á produción ecolóxica, comezamos e seguimos con 6 ganderías, que nos picos altos chega aos 80 mil litros mensuais e nos baixos, no inverno, 60-70 mil. Trasnsformamos todo o leite en queixo, tamén facemos queixo convencional pero con leite ecolóxico. O queixo ecolóxico ten outras características organolépticas e nutritivas, pero moitos consumidores e catadores non saben aprecialo por ser un sabor máis forte, pois ainda non hai moita cultura de queixo ecolóxico. Gañamos varios premios internacionais e queremos diferenciamos no queixo Arzúa-Ulloa e Tetilla en ecolóxico, pois pensamos que aí hai máis nicho de mercado e podemos diferenciarnos mellor. Penso que somos o primeiro queixo tipo tetilla ecolóxico a nivel de España, e un dos primeiros Arzúa-Ulloa. Tamén queremos comercfializar un queixo de barra de kilo e medio, pero non é o típico de sandwich.”
Román di que agora mesmo é un problema que ás veces as marxes de beneficio que marcan as tendas sexan demasiado altos, polo que intentan facer queixos de baixos pesos: “Os queixos ecolóxicos véndense máis en porcións pequenas, por iso estamos plantexando se vender esas dúas vertentes: queixos moi pesados, de máis de 3 kg para hostelería e tendas especializadas e logo porcións máis pequenas (100-300gr) para a maioría de consumidores. As distribuidoras cada vez mostran máis interese nos produtos ecolóxicos e hai que aproveitar este interese. Queremos ir ampliando a produción e colaborar con máis ganderías”
CASA GRANDE DE XANCEDA: Antes das conclusións finais de Higinio Mougán, foi a última intervención de Guillermo Martínez, xerente de Casa Grande de Xanceda: “Somos unha empresa centrada na elaboración de produtos lácteos de alta calidade en ecolóxico. Producimos leite e iogur e xestionamos unhas 200 hectáreas de pasto e 205 vacas en muxido, sendo un dos maiores produtores de lácteos ecolóxicos en España. Conseguimos o primeiro obxectivo que era sobrevivir estes 20 anos producindo en ecolóxico, que non é pouco. A noas orixe remóntase a un negocio familiar nos anos 60 con 20 vacas frisonas de Canadá e 30 hectáreas. Como traballaba nun sistema de pastoreo foi crecendo co tempo adquirindo máis fincas e vacas, e cando a explotación pasou a mans dos netos nos anos 2000, vimos que tiñamos moitos recursos pero as contas estaban en números vermellos, non se fixera unha boa xestión económica pero si gandeira. Básicamente era a búsqueda de rendibilidade a partir do que se estaba a facer. Foi fundamental a colaboración e asesoramento da Universidade de Santiago de Compostela coa que fixemos un deseño de produto, estudo de mercado, búsqueda da tecnoloxía axeitada. Ofreceron unha formación continua na procura da máxima calidade”
Destacou a importancia da colaboración con outros empresarios do sector incorporando outros produtos lácteos como queixos, xeados…
“Cando abrimos unha tenda na propia explotación pensamos que non viría moita xente a visitarnos pero ao final é unha tenda con moito movemento e xera moito cariño da xente local principalmente. O noso maior valor son os valores asociados a nosa marca e que axuda moito ao tema do marketing e a comercialización. Temos un forte compromiso social e ambiental e recibimos máis de 50 visitas anuais á nosa granxa, onde mostramos con orgullo todo o proceso de produción”.
Pola súa parte, Rafael Pardo de Andrade, veterinario na cooperativa Campoastur, que elabora penso ecolóxico baixo a marca Ecofeed, foi o seguinte en intervir, analizando o mercado dos pensos ecolóxicos a nivel estatal, comentando os diferentes puntos das diferentes normativas reguladoras, certificacións e etiquetados.
“A normativa condiciona moito o xeito de traballar, ten que ser unha alimentación fundamentalmente forraxeira, limitando a cantidade de penso que poden comer os animais e sendo obrigatorio que eses pensos aparezan na lista dos produtos autorizados. Coa pandemia e a guerra de Ucraína houbo un aumento de prezos considerable. A produción de penso ecolóxico en España foi crecendo do 2015 ao 2019, ano no que alcanzou o seu tope, comezando a descender nos seguintes anos, mostrando moita máis estabilidade que no caso do penso convencional. No caso concreto de Campoastur, a produción de penso ecolóxico foi crecendo desde o 2018 (8 mil toneladas) ata alcanzar o tope no 2021 (18 mil toneladas), baixando lixeiramente no 2022 e 2023 (17 mil toneladas e 16 mil toneladas respectivamente), e agora no 2024 parece que se vai mellorar un pouco respecto ao 2022 e 2023 sen chegar aos valores do 2021. Penso que este ano 2024 a produción de leite ecolóxico vai ser lixeiramente mellor á do ano pasado. Os prezos do ecolóxico ás veces pódense tensionar máis que no convencional por ser un mercado moito máis pequeno.”
Ademais, Rafael destacou que o vacún de leite é o principal destino en Galicia dos pensos ecolóxicos de Campoastur, seguido pola avicultura e o vacún de carne.
Tamén comparou o número de produtores de penso ecolóxico por provincias. Galicia atópase no terceiro posto empatada con Castilla León (4), e só superada por Andalucía (7) e Cataluña (16). En España son un total de 46 productores.
En canto á comparativa por cereais, destaca a cebada (110 mil toneladas), seguida de cerca pola avea (85 mil toneladas) e o trigo (75 mil toneladas), e cunha grande diferencia coas seguintes (triticale, centeo, xirasol, guisante…).
De acordo coas estadísticas amosadas por Rafael do ano 2022, Galicia producía 26 mil toneladas de leite ecolóxico de vaca, o 52% do total estatal (50 mil toneladas) e contaba co 44% dos produtores, 122 de 273.
Josmar Ganadería situada na parroquia de Pacios, no concello de Baralla, instalou os colares RUMI ao seu rabaño fai ano e medio. Fan un manexo en extensivo dos animais e buscaban telos controlados, “Buscabamos ter controlados os animais, porque temos preto unha estrada nacional e pasa tamén a autovía A-6 e poder ter xeolocalizadas as vacas en todo momento danos tranquilidade”, explica José Manuel Santín.
Pero a monitorización ten outras vantaxes e estalles a permitir tamén gañar en produtividade, grazas á mellora reprodutiva, e mesmo detectar enfermidades no gando de maneira temperá, minimizando deste xeito as súas consecuencias e abaratando os tratamentos.
“No mes de outubro a aplicación enviounos unha alerta dun posible caso de EHE nunha xovenca. Grazas a iso puidemos separala e chamar ao veterinario para tratala a tempo. O aviso permitiunos anticipar o tratamento e en poucos días estaba xa recuperada e puido volver xa ao lote no que estaba”, explica José Manuel.
Ter xeolocalizados os animais en todo momento danos tranquilidade, porque estamos preto da autovía e da estrada nacional
O control da rumia e a monitorización de actividades de xeito individualizado, como pode ser o número de pasos ou as horas de pastoreo de cada animal, permiten detectar anomalías e enfermidades do gando incluso antes de que a simple vista puidera haber sintomatoloxía clínica, unha funcionalidade que converte a Rumi no dispositivo máis completo do mercado.
Josmar Ganadería é unha explotación ecolóxica que complementa a produción e venda de leite coa de carne. Contan cun rabaño de 60 vacas en produción, pero tan só moxen as vacas que están paridas de menos tempo, e as outras empréganas para criar os tenreiros cruzados con angus que despois venden para carne con 10 meses.
A granxa está certificada en produción ecolóxica desde o ano 2017
Todo o gando está fóra e a base da alimentación é o pastoreo. “Facemos un pastoreo rotacional racional para maximizar a produción de forraxe e aproveitar mellor a herba que producen as fincas”, explica José Manuel.
“Os animais vanse movendo polas distintas parcelas e empregamos as cercas eléctricas para abrirlles pasto fresco todos os días”, explica. Por iso, nesta gandería buscaban unha ferramenta que lles permitira non só ter controladas as vacas en todo momento, senón tamén que lles facilitase a xestión do rabaño.
Rumi permite gañar eficiencia, tanto a nivel de mellora reprodutiva como de aproveitamento do pasto
“Na aplicación temos o historial de cada vaca e apuntamos partos, celos, inseminacións e diagnósticos de xestación”, explica. Tamén lles facilita a tarefa de cubrir o caderno de pastoreo, un dos requisitos esixidos para o cobro dos ecorreximes da PAC, ao ter un rexistro dos lugares nos que estivo pacendo o rabaño.
Unha das vantaxes que ten Rumi a respecto doutros sistemas é o seu funcionamento autónomo, a través da colocación dunha antena na granxa que garante a cobertura aos colares aínda que non haxa cobertura móbil na totalidade do territorio que abrangue a explotación, o que permite tamén o seu uso en zonas remotas, de difícil acceso ou de sombra a nivel de telefonía.
Este tipo de ferramentas axúdannos no día a día ás ganderías con sistemas de manexo en extensivo; facilítanos moito o traballo
“Nós manexamos unhas 70 hectáreas de superficie e temos o gando repartido en distintos lotes por toda a parroquia. Colocamos a antena nunha finca situada na zona máis alta e desde alí temos cubertas todas as parcelas”, explican en Josmar Ganadería.
A antena non necesita de conexión á rede eléctrica para funcionar, xa que está alimentada por medio dunha placa solar. Tamén os colares están provistos dunha pequena placa solar que permiten que se recarguen sós, o que evita ter que cambiar baterías ou que os dispositivos deixen de funcionar cando estas se esgotan.
“O feito de ter controlados os animais até agora parecía que era algo que só podían facer as explotacións intensivas pero este tipo de ferramentas axúdannos no día a día ás ganderías con sistemas de manexo en extensivo, facilítanos moito o traballo”, di José Manuel.
Agronovo Ecoloxía SL., a primeira asesoría especializada en produción ecolóxica de Galicia, celebrou o seu XX aniversario o pasado día 20 en Lugo, nun acto que serviu para a posta en valor e análise do pasado e futuro do sector da agricultura ecolóxica en Galicia.
Estiveron arroupados por de máis de cen produtores de diferentes sectores. Tamén acudiron á cita persoas doutras entidades coma o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, a Consellaría do Medio Rural, a Escola Politécnica Superior de Lugo, o Clúster de Alimentación Ecolóxica de Galicia, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, Grupos de Desenvolvemento Rural e doutras empresas.
Agronovo analizou de forma resumida como viron evolucionar o sector agroalimentario e en especial o ecolóxico, nos últimos vinte anos, así como as potencialidades que segue a presentar, sen esquecer as carencias do sector, como a falta de relevo xeneracional.
Realizouse un debate sobre a produción ecolóxica actual e o seu futuro en contraste cos últimos 20 anos no que participaron representantes das industrias ecolóxicas Alibós Galicia e Casa Grande de Xanceda, así como o produtor José Manuel Fraga da explotación Parrugueiras de Xermade.
O acto finalizou cun coloquio sobre a visión da agricultura ecolóxica en Galicia para os vindeiros catro anos dos partidos políticos con representación no Parlamento, ao que foron convidados. Polo BNG asistiu Carlos Rodríguez Rodríguez, o enxeñeiro agrónomo e asesor na Área de Medio Rural e do Mar e Mocidade da Deputación de Lugo. Por parte do PP de Galicia, José Luis Cabarcos Corral, director do AGACAL, da Consellería do Medio Rural. O PSOE no participou por non ter ninguén dispoñible.
A xornada rematou por parte dos socios e traballadores da empresa a todos os clientes e entidades pola súa colaboración nos vinte anos da empresa e cunha degustación de produtos ecolóxicos. Agronovo apostou polo impulso do medio rural, apoiando as explotacións agrícolas e industria agroalimentaria xa nos seus inicios mediante o crecemento sostible e a agricultura ecolóxica. Este coñecemento do medio lle permitiu, entre outros traballos, elaborar o Plan Estratéxico da Produción Ecolóxica 2018-2022 da Consellería do Medio Rural.
O próximo 1 de febreiro celebrarase en Curtis (A Coruña) a VI Xornada Técnica de Produción gandeira ecolóxica, organizada por Ecofeed, marca líder no mercado galego no segmento de pensos ecolóxicos para gando vacún.
A cita será a partir das 11:30 horas no Centro Etnográfico de Teixeiro, co seguinte programa:
-Presentación da Xornada. Representantes do Concello de Curtis e de Campoastur
-Uso eficiente dos pensos ecolóxicos en vacún. Rafael Pardo de Andrade (Veterinario – Campoatur)
-Pastos e pradarías para produción ecolóxica. Carlos Garrido (Veterinario – Fertiprado)
-Caderno dixital aplicación á produción ecolóxica. Xisela Fernández (Enxeñeira Agrónoma – Agronovo)
Ao finalizar celebrarase unha comida no restaurante Perla do Muiño
As inscricións poden realizarse escribindo a rafaelpardodeandrade@gmail.com ou campoastur@campoastur.es ou chamando ao 679410087.
Por cuestións de organización a data límite para inscricións é o luns 29 de xaneiro
Na celebración da xornada colaboran Fertiprado, Agronovo Ecoloxía SL e o Concello de Curtis.
Analizouse a biodiversidade en dúas ganderías ecolóxicas de produción de leite e dúas de carneOs datos obtidos durante a fase de investigación para a realización do estudo permiten concluír que “estes espazos produtores de alimentos son ao mesmo tempo grandes reservorios de biodiversidade”. Expresada en hectáreas de biodiversidade por hectárea de cultivo, as 4 explotacións superan o umbral mínimo de 0,5 ha de biodiversidade por ha de SAU.
Ser positivos coa biodiversidade non nos fai máis ineficientes desde o punto de vista da sustentabilidade económica ou socialO peso da superficie de pradeira nas explotacións de ecolóxico axuda a acadar estes niveis positivos. Con todo, existe marxe de mellora nas sebes e peches vexetais das parcelas. “A dimensión das sebes é moi inferior a outras zonas gandeiras de Europa. O reparto da terra en Galicia non admite esas dimensións de sebes, pero favorece a conexión dos espazos de biodiversidade entre sí”, aseguran sen embargo os autores do traballo. Sen competencia polos recursos entre o gando e o ser humano O estudo incide en varios aspectos clave que constitúen os piares básicos nos que se sustenta a gandería ecolóxica (calidade ambiental e desenvolvemento sustentable, saúde e benestar animal, e calidade de produtos) e en varias das normativas que inflúen directamente neste tipo de explotacións. Destaca que as catro explotacións analizadas “basean a alimentación do seu gando en fibras non asimilables polo ser humano”, polo que non se dá “competencia polos recursos entre gando e persoas”.
As explotacións analizadas reflicten o papel positivo que exerce o gando no territorio“O gando, cun manexo correcto, mantén a durabilidade do chan axudando á calidade das augas. As explotacións analizadas reflicten o papel positivo que exerce o gando no territorio. A actividade gandeira xera e preserva os hábitats e os recursos alimentarios para a fauna, ademais de ser imprescindible para moita flora”, conclúe o estudo encargado polo Craega. Pola súa banda, Francisco López Valladares, presidente do Craega, indicou que “a produción de gando ecolóxico representa unha alternativa á progresiva intensificación da produción animal convencional” e o director xeral da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, clausurou o evento destacando na súa intervención a evolución positiva da agricultura ecolóxica en Galicia nos últimos anos (na última década a superficie ecolóxica medrou en Galicia un 198%, pasando de 15.242 ha no ano 2012 a 45.626 ha no ano 2022), así como a importancia da Lei da Calidade Alimentaria para o futuro do sector.