Archives

Gandeiros galegos fórmanse en Dinamarca sobre tecnoloxía para granxas de vacún leiteiro

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, vén de organizar unha visita a explotacións de vacún de leite danesas no marco do curso “Gandeiros 20-30”. Trátase dunha actividade formativa complementaria a estas xornadas organizadas pola Axencia, na que participaron unha decena de gandeiros e gandeiras que asistiron previamente a estas formacións. Esta acción, sinala Medio Rural, está enmarcada na aposta da Xunta pola formación neste sector, na que se seguirá afondando proximamente con novas iniciativas. No referido á visita a Dinamarca, o obxectivo principal foi o intercambio de coñecemento con produtores e a aprendizaxe de novas tecnoloxías aplicadas a este eido. Os asistentes puideron coñecer o funcionamento das explotacións neste país que, ao igual que Galicia, é un referente na produción de leite. A viaxe a Dinamarca dividiuse en dúas xornadas, nas que os gandeiros asistiron a un faladoiro de introdución ao sector lácteo danés e fixeron unha visita polas instalacións de cinco explotacións de vacún de leite. Aposta pola formación A Axencia Galega da Calidade Alimentaria ten as competencias vencelladas coa formación referentes ao Medio Rural. Por iso mesmo, é a encargada de xestionar o intercambio de coñecementos e información do sistema AKIS, que ten como obxectivo principal seguir avanzando na modernización do sector a través do fomento e a posta en común do coñecemento, a innovación e a dixitalización en zonas agrícolas e rurais, así como promover a súa adopción por parte dos agricultores, mediante un mellor acceso á investigación, a innovación, o intercambio de coñecementos e a formación. Neste contexto desenvólvense os cursos “Gandeiros 20-30”, co obxectivo de que os empresarios gandeiros teñan unha visión mais ampla do potencial da súa actividade gandeira, de cara a espertar a innovación nas súas actividades e a procura dun maior valor engadido. Búscase tamén aportar coñecementos e ferramentas, especialmente no ámbito de control e a xestión dos custos, co fin último de mellorar a eficiencia das explotacións. Nestas xornadas trabállanse contidos como a xestión integral do negocio na explotación gandeira, o control de custos, a elaboración de orzamentos e a optimización da xestión fiscal. Ao mesmo tempo, este tipo de actuacións enmárcanse dentro da Estratexia do sector lácteo elaborada pola Consellería do Medio Rural.

Unha aldea modelo de Carballeda de Avia será o primeiro Espazo Agrario de Experimentación

O acto de presentación dos traballos elaborados por alumnos de 5º curso da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade de Navarra, enmarcados no plan de dinamización da aldea modelo de Muimenta (Carballeda de Avia, Ourense), foi a cita na que se presentou o primeiro Espazo Agrario de Experimentación desta aldea modelo. O obxectivo desta iniciativa, explica Medio Rural, é que as persoas emprendedoras poidan probar o seu negocio nunha contorna favorable, con terra e instalacións necesarias para o desenvolvemento dunha actividade. “A instalación proxectada está destinada á formación hortícola, a través de tres parcelas de traballo nas que se situará un invernadoiro de ata 600 metros cadrados en cada unha delas, cun sistema de regadío e cinco hortas de 400 a 500 metros cadrados na súa contorna”, explicou o titular da Consellería do Medio Rural, José González. No caso de Muimenta, 15 hectáreas están dedicadas a agricultura ecolóxica, especialmente a cultivos de horta, e a súa instalación está a ser elaborada en colaboración con expertos do Colexio de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia.  maxe do acto no que tiveron presenza os alumnos da Universidade de Navarra. / Fonte: Consellería do Medio Rural

“Grazas aos colares, detectamos rápido un posible caso de EHE, o que nos permitiu tratar o animal a tempo”

José Manuel Santín, coas súas vacas na parroquia de Pacios, en Baralla

Josmar Ganadería situada na parroquia de Pacios, no concello de Baralla, instalou os colares RUMI ao seu rabaño fai ano e medio. Fan un manexo en extensivo dos animais e buscaban telos controlados, “Buscabamos ter controlados os animais, porque temos preto unha estrada nacional e pasa tamén a autovía A-6 e poder ter xeolocalizadas as vacas en todo momento danos tranquilidade”, explica José Manuel Santín.  

Pero a monitorización ten outras vantaxes e estalles a permitir tamén gañar en produtividade, grazas á mellora reprodutiva, e mesmo detectar enfermidades no gando de maneira temperá, minimizando deste xeito as súas consecuencias e abaratando os tratamentos.

“No mes de outubro a aplicación enviounos unha alerta dun posible caso de EHE nunha xovenca. Grazas a iso puidemos separala e chamar ao veterinario para tratala a tempo. O aviso permitiunos anticipar o tratamento e en poucos días estaba xa recuperada e puido volver xa ao lote no que estaba”, explica José Manuel.

Ter xeolocalizados os animais en todo momento danos tranquilidade, porque estamos preto da autovía e da estrada nacional

O control da rumia e a monitorización de actividades de xeito individualizado, como pode ser o número de pasos ou as horas de pastoreo de cada animal, permiten detectar anomalías e enfermidades do gando incluso antes de que a simple vista puidera haber sintomatoloxía clínica, unha funcionalidade que converte a Rumi no dispositivo máis completo do mercado.

Cubrir o caderno de pastoreo de xeito doado para cumprir coa PAC

Josmar Ganadería é unha explotación ecolóxica que complementa a produción e venda de leite coa de carne. Contan cun rabaño de 60 vacas en produción, pero tan só moxen as vacas que están paridas de menos tempo, e as outras empréganas para criar os tenreiros cruzados con angus que despois venden para carne con 10 meses.   

A granxa está certificada en produción ecolóxica desde o ano 2017

Todo o gando está fóra e a base da alimentación é o pastoreo. “Facemos un pastoreo rotacional racional para maximizar a produción de forraxe e aproveitar mellor a herba que producen as fincas”, explica José Manuel.

“Os animais vanse movendo polas distintas parcelas e empregamos as cercas eléctricas para abrirlles pasto fresco todos os días”, explica. Por iso, nesta gandería buscaban unha ferramenta que lles permitira non só ter controladas as vacas en todo momento, senón tamén que lles facilitase a xestión do rabaño.

Rumi permite gañar eficiencia, tanto a nivel de mellora reprodutiva como de aproveitamento do pasto

“Na aplicación temos o historial de cada vaca e apuntamos partos, celos, inseminacións e diagnósticos de xestación”, explica. Tamén lles facilita a tarefa de cubrir o caderno de pastoreo, un dos requisitos esixidos para o cobro dos ecorreximes da PAC, ao ter un rexistro dos lugares nos que estivo pacendo o rabaño.

Colocación dunha antena que garante cobertura propia

Unha das vantaxes que ten Rumi a respecto doutros sistemas é o seu funcionamento autónomo, a través da colocación dunha antena na granxa que garante a cobertura aos colares aínda que non haxa cobertura móbil na totalidade do territorio que abrangue a explotación, o que permite tamén o seu uso en zonas remotas, de difícil acceso ou de sombra a nivel de telefonía.

Este tipo de ferramentas axúdannos no día a día ás ganderías con sistemas de manexo en extensivo; facilítanos moito o traballo

“Nós manexamos unhas 70 hectáreas de superficie e temos o gando repartido en distintos lotes por toda a parroquia. Colocamos a antena nunha finca situada na zona máis alta e desde alí temos cubertas todas as parcelas”, explican en Josmar Ganadería.

A antena non necesita de conexión á rede eléctrica para funcionar, xa que está alimentada por medio dunha placa solar. Tamén os colares están provistos dunha pequena placa solar que permiten que se recarguen sós, o que evita ter que cambiar baterías ou que os dispositivos deixen de funcionar cando estas se esgotan.

Os dispositivos Rumi, fabricados pola empresa Innogando, teñen unha grande versatilidade, tanto en ganderías de leite como de carne, e tanto para aquelas que producen en intensivo como para as que fan un manexo en extensivo, permitindo ter á man a información do rabaño en todo momento grazas a unha sinxela aplicación e ao envío de alertas ao teléfono móbil do gandeiro. 

“O feito de ter controlados os animais até agora parecía que era algo que só podían facer as explotacións intensivas pero este tipo de ferramentas axúdannos no día a día ás ganderías con sistemas de manexo en extensivo, facilítanos moito o traballo”, di José Manuel.

Queres instalar Rumi na túa gandería?

  • Teléfono e whatsapp: 644 586 245
  • Email: hola@innogando.com

O IV Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario de Galicia presenta os resultados de vinte proxectos

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou hoxe no IV Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario celebrado ao longo desta xornada no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón. Neste foro, organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria e no que participaron uns 150 representantes do sector e da administración, expuxéronse os resultados de vinte proxectos que se desenvolvemento nos últimos tres anos ao abeiro das axudas do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR) 2014-2020, en concreto, a través das axudas para o apoio a proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías. Os 20 proxectos innovadores están relacionados con diversos eidos do sector agrario, dende o lácteo ao vitivinícola, pasando polas razas autóctonas ou os produtos ecolóxicos. Foron estes. Por outra parte, dende a AGACAL tamén lembraron que até finais deste mes está aberta a convocatoria das axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), que contarán en 2024 cun orzamento de 2,5 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC (PEPAC) 2023-2027.  Por último, no IV Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario presentouse o o proxecto europeo AgrifoodTEF (Testing and Experimenting Facilities), co que se traballa para incorporar intelixencia artificial e tecnoloxía robótica ao sector da gandería de vacún de leite . A Xunta forma parte dunha iniciativa que, en total, mobilizará 60 millóns de euros nos próximos catro anos. Este orzamento está repartido entre nove Estados membro da Unión Europea (Alemaña, Austria, Bélxica, España, Francia, Holanda, Italia, Polonia e Suecia) cun total de 30 entidades participantes. O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo -que pertence á Axencia- integrarase no núcleo da parte galega -que conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros- dun proxecto orientado ao ámbito da produción láctea, con especial atención á alimentación de precisión e á mitigación dos gases de efecto invernadoiro. Neste sentido, a Axencia contará con 888.100 euros para desenvolver a iniciativa. O 50% desta cantidade procede da Unión Europea; mentres que a metade restante está cofinanciada polo Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación. Esta iniciativa, na que tamén participa a empresa de tecnoloxía Gradiant e colabora o centro galego de innovación dixital DIH Datalife, busca acelerar a transformación dixital e favorecer a competitividade de pequenas e medianas empresas que conforman o sector de vacún de leite.

Convocadas as axudas a proxectos de innovación no agro galego

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución de convocatoria das axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), que contarán en 2024 cun orzamento de 2,5 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC (PEPAC) 2023-2027. O prazo de presentación de solicitudes por parte dos interesados será dun mes e contarase a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG. O obxectivo principal destas subvencións, xestionadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural, é fomentar a innovación no medio rural, en áreas prioritarias de actuación tales como a xestión sustentable dos recursos naturais, sistemas agrarios de produción, cadea agroalimentaria, bioeconomía ou aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ao sector. Desta forma, os grupos operativos -que deberán estar formados polo menos por dous membros- buscan poñer en marcha novas formas de cooperación para a execución de proxectos innovadores relacionados coa Asociación Europea de Innovación (AEI). A finalidade última é resolver un problema ou aproveitar unha oportunidade determinada nos sectores agroalimentario e forestal.

Beneficiarios

Os posibles beneficiarios destas axudas son os agricultores, gandeiros, silvicultores e organizacións representativas destes, centros de investigación ou persoas que desenvolvan por conta propia a súa actividade no eido do medio rural. Tamén se trata de empresas do sector agrícola, gandeiro ou forestal e as súas organizacións representativas, cooperativas agrarias e as súas asociacións e outras entidades que demostren intereses no fomento da competitividade da agricultura, na sustentabilidade dos recursos naturais e do clima ou desenvolvemento das economías e comunidades rurais.

Link á resolución no DOG

O IV Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario celebrarase o vindeiro 2 de febreiro en Sergude

O Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Sergude, situado no concello coruñés de Boqueixón, acollerá o vindeiro día 2 de febreiro o IV Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario, que organiza a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural. Neste evento presentaranse os principais resultados dos proxectos financiados ao abeiro da orde de axudas para o apoio a proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías da convocatoria 2021 e finalizados na anualidade 2023. Tamén haberá un avance da vindeira convocatoria para 2024 da orde de axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea para a Innovación (AEI). Ao longo da xornada, que dará comezo ás 09,30 horas, tamén será presentado o proxecto europeo AgriFoodTEF por parte do consorcio galego liderado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria e Gradiant, e que busca incorporar intelixencia artificial e tecnoloxía robótica ao sector agroalimentario, poñendo o foco no caso galego na produción láctea. Esta iniciativa comezou en 2023, logo de que a Comisión Europea fixera unha convocatoria para apoiar unha única rede paneuropea de espazos controlados de probas de intelixencia artificial para o sector agroalimentario e dende este ano conta coa participación galega a través do nodo español. Cabe sinalar que os proxectos tipo TEF están enmarcados no Programa de Traballo 2021-2022 do Programa Europa Dixital (DEP). En España -á parte de Galicia-, tamén participan as comunidades autónomas de Andalucía e Cataluña. Os interesados en asistir a este foro de innovación poderán inscribirse no seguinte enlace: https://forms.gle/ymBaRtuuGiqd8jGV8. Para máis información, pode consultarse a web da Axencia, na seguinte ligazón: https://agacal.xunta.gal/gl ou solicitala a través do correo electrónico forodeinnovacionagraria.agacal@xunta.gal.

Novos proxectos de innovación para impulsar a sustentabilidade e competitividade agroalimentaria e forestal en Galicia

Entre os novos grupos operativos aprobados a través das axudas para a execución de proxectos innovadores da Asociación Europea da Innovación (AEI), co fin de impulsar a innovación, a competitividade e a sustentabilidade nos sectores agroalimentario e forestal de Galicia, atópanse catro proxectos nos que a Fundación Empresa-Universidad Gallega (FEUGA) será a encargada de transferir o coñecemento e promover a implementación das solucións e resultados que se esperan deles.

Estas iniciativas inclúen a obtención de plantacións de cultivos de calidade reforzadas fronte a estreses, a valorización integral dos montes galegos a través da Certificación da Cadea de Custodia, a mellora da fertilidade do solo mediante un sistema intelixente de aplicación de xurros e a revalorización do soro de queixerías para a elaboración dunha nova gama de produtos alimentarios. Un dos grandes desafíos na actualidade é conseguir unha produción agrícola sustentable para mitigar o cambio climático. Ante esta problemática nace o Grupo Operativo BIO_MARTERRA, cuxo obxectivo principal é demostrar o efecto beneficioso dos bioestimulantes, elaborados a partir de extractos de algas mariñas da costa galega, fronte a situacións de estrés abiótico e biótico en distintos cultivos de interese. No proxecto participan PORTOMUIÑOS SL, FEUGA, o grupo de investigación VIOR da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), a unidade de xestión de residuos e fertilización do grupo de Agronomía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Avelino Santana García, e como membros cooperaantes o Centro Investigacións Agrarias Mabegondo (CIAM-Agacal) e Horta da Lousa. O grupo conta cun orzamento total de 179.634,83 euros. No marco da mellora continua do monte galego sitúase o Grupo Operativo Multi-Forest. O proxecto busca promover a multifuncionalidade dos montes a través da diversificación e compatibilización dos seus aproveitamentos para revalorizar o sector rural galego, revitalizando zonas pouco produtivas e ofrecendo alternativas viables e diversas. O proxecto conta cun orzamento de 179.980,81 euros e impúlsano FEUGA, a Mancomunidade de Montes de Baroña, a Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal (PEFC Galicia) e a Universidade de Vigo. Deseñar e avaliar un sistema intelixente de control e documentación dixital de aplicación de xurros para o seu uso como fertilizantes será o obxectivo principal do Grupo Operativo PURINPRECISO. O proxecto vaise levar a cabo por un equipo multidisciplinar constituído por Talleres Carruxo SL, os grupos de I+D+i BioModem, Visión Artificial e Arquitectura de Computadores da USC, SAT As Pandas, FEUGA, e, como membro cooperante o Centro Investigacións Agrarias Mabegondo (CIAM-Agacal). O grupo operativo conta cun orzamento total de 180.000,00 euros. Por último, o Grupo Operativo SUEROVAL ten como finalidade deseñar unha nova gama de produtos alimentarios a partir da valorización de soro lácteo de queixerías, mediante o emprego dun deshidratador solar de pegada de carbono case nula, en combinación con fariña de castaña. O proxecto ten un orzamento de 179.340,00 euros e está integrado por Queixos Castelo de Brañas SL, FEUGA, o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), Trasdeza Natur S Coop Galega, Amarelante e o Grupo de Aplicacións Enerxéticas Sustentables da USC como entidade cooperante. Estes proxectos están financiados a través das axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da AEI, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027. A Consellería de Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal lle corresponde propor e executar as directrices xerais no ámbito rural e engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais.

Novidades nas axudas 2024 da Xunta a grupos operativos para a innovación no agro

O Consello da Xunta autorizou hoxe a convocatoria das axudas por parte da Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), que contarán en 2024 cun orzamento de 2,5 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC (PEPAC) 2023-2027. O orzamento correspondente ás últimas cinco convocatorias destas axudas supera os 19 millóns de euros. A finalidade principal destas subvencións é fomentar a innovación no medio rural, en áreas prioritarias de actuación tales como a xestión sustentable dos recursos naturais, sistemas agrarios de produción, cadea agroalimentaria, bioeconomía ou aplicación das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) ao sector. Así, os grupos operativos -que deberán estar formados polo menos por dous membros- buscan poñer en marcha novas formas de cooperación para a execución de proxectos innovadores relacionados coa Asociación Europea de Innovación (AEI). O obxectivo último é resolver un problema ou aproveitar unha oportunidade determinada nos sectores agroalimentario e forestal. Poderán beneficiarse destas achegas os agricultores, gandeiros, silvicultores e organizacións representativas destes, centros de investigación ou persoas que desenvolvan por conta propia a súa actividade no eido do medio rural. Tamén, empresas do sector agrícola, gandeiro ou forestal e as súas organizacións representativas, cooperativas agrarias e as súas asociacións e outras entidades que demostren intereses no fomento da competitividade da agricultura, na sustentabilidade dos recursos naturais e do clima ou desenvolvemento das economías e comunidades rurais.

Liberados de presentar avais

Para facilitar o acceso a estas axudas por parte destes beneficiarios, o Consello da Xunta acordou tamén hoxe exoneralos da obriga de constitución de garantías polas cantidades aboadas a conta. Deste xeito, quedan liberados da obrigación de presentar avais bancarios para poder cobrar pagamentos parciais. Esta medida adóptase porque os beneficiarios destas subvencións veñen sendo industrias, cooperativas e empresas galegas de pequena dimensión, que na actual situación económica teñen grandes dificultades para que as entidades financeiras lles concedan o aval que deben achegar coa xustificación e solicitude de pagamento parcial. Xa que logo, a decisión repercutirá positivamente sobre os beneficiarios en particular e, de modo xeral, sobre a aplicación efectiva da innovación dentro do sector agrogandeiro e forestal galego, coa conseguinte mellora para a sociedade no seu conxunto.

As vantaxes de monitorizar o gando con Rumi: o exemplo da gandería O Neno

Javier Lombao incorporouse no ano 2019 á gandería de vacún de carne que tiña a súa sogra no lugar de Bocacarreira, no concello de Begonte. Hoxe conta con 19 reprodutoras e 32 hectáreas de terreo, nas que fai pastoreo co seu gando.

Javier non se adica a tempo completo a atender as súas vacas, xa que traballa como empregado noutra explotación de leite, polo que para el contar cun sistema de monitorización que lle permitira ter controlados aos seus animais en todo momento era algo imprescindible.

Ou estás todo o día mirando para as vacas ou se non fora por estes dispositivos habería problemas que non detectarías a tempo

Hai un ano decidiuse a instalar os dispositivos Rumi, que fabrica a empresa Innogando, e está moi satisfeito co resultado. Agora pode coñecer a distancia e en tempo real, a través do teléfono móbil, o que está a acontecer no prado, algo que lle dá “moita tranquilidade”.

Alertas ao móbil

A gandería O Neno ten o seu gando dividido en dous lotes e repartido polas distintas fincas coas que contan. Se acontece calquera imprevisto, por exemplo que unha vaca se bote (os colares están provistos de localización GPS), recibe unha alerta para avisalo.

Javier ten o gando en dous lotes e en distintas fincas

Pero a monitorización continua e individualizada de cada un dos seus animais permítelle ademais ter un coñecemento exhaustivo e pormenorizado do estado reprodutivo e de saúde de cada vaca. “Gracias á aplicación ves cousas que doutra maneira non verías, a non ser que pasases as 24 horas do día coas vacas mirando para elas”, di.

Avisador de partos

O control dos celos é un aspecto esencial para mellorar a rendibilidade dunha explotación de vacún de carne e cando se fai un manexo en extensivo, coas vacas sempre fóra, ás veces non é doado velos. Por iso Rumi é de gran axuda, asegura Javier, “porque non se che pasa un”.

Xunto coa detección de celos, outra das funcións que este gandeiro máis valora dos dispositivos de Innogando é o avisador de partos. “Colócasllo no rabo á vaca cando ves que está próxima e no momento en que se pon a parir chámante por teléfono para avisarte que a cría vai nacer. Chegas e normalmente xa está cos pés de fóra; é efectivo ao 100%”, describe.

É efectivo ao 100%; chegas e normalmente o xato xa ten os pés de fóra

Desta maneira, o gandeiro pode acudir ao lugar no que está a vaca no momento xusto para presenciar o proceso e supervisar que todo vai ben, podendo actuar en caso de ser necesario para salvar o xato ou axudar á vaca. “Todos os que temos vacas sabemos o que é ter que levantarte 4 ou 5 veces na noite para vixiar se se pon de parto; desta maneira evítaste todo iso”, asegura.  

A tecnoloxía, clave para que a xente moza siga no rural

Por iso, di convencido, “instalar os Rumis foi moi boa cousa”. “É un investimento que merece moito a pena facer, porque mellora o meu benestar e o do meu gando”, argumenta. “Facilitar as cousas ao gandeiro”, di, é clave para que a xente nova se incorpore ao sector e siga habendo explotacións no rural.

“Nesta parroquia, Bóveda, só quedamos dúas ganderías de carne e unha de leite e na parroquia do lado, O Castro, xa non queda ningunha, nin de leite nin de carne”, conta.

Contacto

  • Teléfono e whatsapp: 644 586 245
  • Email: hola@innogando.com

Listado de galardoados nos premios de Desenvolvemento Rural de Galicia

O conselleiro do Medio Rural, José González, vén de entregar os premios da Xunta ó Desenvolvemento Rural nas distintas categorías Mocidade Verónica Ledo e Natalia González, da Sociedade Cooperativa Galega Educalecrín, creadoras e directoras do proxecto “A educación como base para valorar a nosa terra”. Un proxecto no que participan dúas mozas, xunto cun equipo formado por educadoras sociais, psicólogas ou biólogas, entre outras, e que está orientado á formación ecosocial. Paisaxe rural O premio recaeu na adega 'A man de Prado', con Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que mantén o cultivo tradicional das cepas, dispostas en bancais sobre o Canón do Sil, preservando “o bo facer da zona”, asegurou José González. Neste sentido, o titular do Medio Rural puxo de relevo as axudas que se porán en marcha no vindeiro 2024 para investimentos non produtivos por valor de dous millóns de euros. Estes apoios centraranse na mellora da paisaxe rural tradicional e os seus elementos representativos, así como na conservación ou recuperación de especies relacionadas co medio agrario. Posta en valor da terra agraria Johnny Trigas, co proxecto “Terra de Boborás Apicultura”. Interese social No eido do interese social, a Asociación Centro de Desenvolvemento Rural O Viso foi a galardoada polo seu proxecto integral de intervención comunitaria na comarca da Limia, cuxo fin é facer do rural non só un medio visitable, senón tamén habitable e habitado. Turismo Na categoría de Turismo o premio recaeu na iniciativa Tirolinas da Minas, de Xesteco Consultoría. Neste senso, José González destacou que “poñer en marcha actividades” coma esta “é fundamental para dinamizar a economía rural”. Agrogandería No ámbito do sector agrogandeiro, o conselleiro agradeceu o labor de ProPlantae Sanidade Vexetal polo proxecto premiado “Provide”, pois este laboratorio biotecnolóxico de sanidade vexetal e I+D+i non só contribúe ao desenvolvemento sostible e á protección do medio ambiente, senón que tamén fomenta a sustentabilidade e a calidade do rural. Muller E no que atinxe á categoría de mulleres, resultou premiada Nuria Sotelo pola iniciativa “A Casa Vella”, unha veterinaria que abandonou a súa profesión para dedicarse á creación escénica como bailarina, a súa verdadeira paixón. A súa obra mestura a danza coa natureza e o desexo dun rural vivo que poña en valor o papel das mulleres. Innovación tecnolóxica Por último, na categoría de innovación tecnolóxica, o premio recaeu no proxecto “FRUTODS: Ecodeseño e innovación tecnolóxica no rural galego”, de Solucións Conceptuais e Innovación.

Sae ao público “Innova Campo Galego”, un portal sobre innovación no sector agrogandeiro e forestal

Este xoves, 19 de outubro, sae o público Innova Campo Galego, un portal informativo adicado á innovación no sector agrogandeiro, forestal e agroalimentario de Galicia. O novo portal xurde nun momento clave, pois as políticas europeas obrigan a unha innovación tecnolóxica e ambiental contínua no agro. O reto marcado por Europa é producir as máximas cantidades e calidades co maior respeto ambiental, tendo en conta o coidado da biodiversidade e a mitigación do cambio climático. Neste contexto, Innova Campo Galego, creado por campogalego.com, -primeiro xornal dixital agrario de Galicia-, márcase os seguintes obxectivos: -Visibilizar e impulsar a cultura innovadora do sector primario galego vinculado ao agro. -Contribuir á necesaria transferencia da investigación e innovación no sector primario a produtores e empresas. -Divulgar e poñer en valor o traballo dos investigadores e investigadoras de Galicia nos sectores citados (gandería, forestal, agricultura e agroalimentación). -Ser un punto de encontro informativo da I+D+i que se realiza tanto dende o sector privado como público en Galicia. - Dar a coñecer as innovacións que se están a poñer en marcha en granxas e cultivos agrícolas e forestais en Galicia. Para elo, Innova Campo Galego ofrecerá diariamente información actualizada a través de artigos, entrevistas e pezas de divulgación, con versións en galego e en castelán.

A importancia da innovación no agro, un sector estratéxico para Galicia

A investigación e a innovación no sector agrogandeiro e forestal é de carácter estratéxico para Galicia, non só polo súa relevancia social, de vertebración do territorio e de coidado da paisaxe, senón tamén polo seu importante peso económico. Un sector con presente pero tamén con moito futuro, xa que Galicia polas súas boas condicións climáticas, polo seu capital humano e pola dispoñibilidade de base territorial ten un prometedor percorrido para xerar riqueza e postos de traballo. Pero para iso resulta clave o traballo de todas aquelas persoas que innovan e investigan para ser máis competitivos nun mercado esixente e cambiante.

Campo Galego, un xornal de referencia para o sector

Campo Galego é o primeiro xornal dixital agrario de Galicia. Naceu o 11 de febreiro do 2015 e desde o seu inicio convertiuse nunha referencia informativa para os sectores agrícola, gandeiro, agroalimentario e forestal de Galicia. O medio está conformado na actualidade por un equipo de sete persoas, que realiza coberturas en texto, fotografía e vídeo. O xornal ronda as 8.000 visitas diarias, cun perfil de lector moi específico do sector agrogandeiro e forestal (produtores, técnicos, investigadores, empresas do sector, comunidades de montes, etc.).

O Ministerio de Agricultura convoca axudas por 37,5 millóns de euros para proxectos de innovación suprautonómicos

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), abriu a convocatoria, de forma anticipada para 2023, de axudas para a preparación e execución de proxectos de innovación de interese xeral por grupos operativos supraautonómicos da Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas (AEI-Agri). A convocatoria ten un orzamento de 37,5 millóns de euros. A resolución de convocatoria publicouse o pasado venres no Boletín Oficial do Estado (BOE) Estas axudas inscríbense no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) de España e están financiadas nun 80 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e nun 20 % con cargo ao orzamento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). Esta liña de financiamento conta cunha dotación de 75 millóns de euros no período de aplicación da nova PAC 2023-2027). Poderán solicitar estas axudas as agrupacións, cun máximo de 8 integrantes, de persoas físicas ou xurídicas que incorporen a un actor do sector agroalimentario e forestal e sumen outro tipo de entidades (do sector investigador ou do coñecemento, organizacións non gobernamentais, grupos de acción local, organizacións da sociedade civil). Deberán presentar un proxecto innovador con execución en varias comunidades autónomas conforme ás súas necesidades básicas e estratéxicas para abordar calquera dos obxectivos específicos da PAC. O límite máximo de axuda por agrupación beneficiaria será de 600.000 euros, e os proxectos poderanse executar até o 1 de maio do ano 2027. Os investimentos non produtivos terán unha intensidade de axuda do 100 % e os grupos operativos poderán solicitar un anticipo de até o 50 % da subvención, previa constitución de aval ou garantía. A intensidade de axuda para os investimentos produtivos será do 65 %. As agrupacións que resulten beneficiarias pasarán a denominarse grupo operativo supraautonómico. Con esta liña de financiamento da innovación, o ministerio pretende crear valor engadido a través dunha relación máis estreita entre a investigación e as prácticas agrícolas e forestais. Así mesmo foméntase un maior uso do coñecemento dispoñible, así como unha aplicación práctica máis rápida de solucións innovadoras. As solicitudes das axudas poderanse presentar até as 14.00 horas de o 28 de setembro de 2023, a través da sede electrónica do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Nas seguintes ligazóns pódese consultar máis información sobre as axudas aos proxectos innovadores:  Xornada informativa sobre as axudas a proxectos innovadores supra AEI-Agri  Preguntas frecuentes (FAQ) Así mesmo existe unha caixa de correos no que se poden realizar consultas e resolver dúbidas: idiagri@mapa.es

Convocadas axudas para grupos operativos de innovación

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar unha nova convocatoria de axudas da Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria- para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC (Pepac) 2023-2027. Estas subvencións terán unha dotación de 5.580.000 euros.

A finalidade é impulsar a creación e funcionamento de grupos operativos que contribúan á consecución do obxectivo de modernizar a agricultura e as zonas rurais, fomentando e poñendo en común o coñecemento, a innovación e a dixitalización mediante a mellora do acceso á investigación ou á innovación.

Os grupos operativos -que deberán estar formados polo menos por dous membros- teñen como finalidade promover novas formas de cooperación para a execución de proxectos innovadores. O obxectivo último é resolver un problema ou aproveitar unha oportunidade determinada nos sectores agroalimentario e forestal.

Os beneficiarios destes fondos poderán ser agricultores, gandeiros, silvicultores e organizacións representativas destes, investigadores ou persoas que desenvolvan por conta propia a súa actividade no eido do medio rural. Tamén, empresas do sector agrícola, gandeiro ou forestal e as súas organizacións representativas, cooperativas agrarias e as súas asociacións e outras entidades que demostren intereses no fomento da competitividade da agricultura, na sustentabilidade dos recursos naturais e do clima ou desenvolvemento das economías e comunidades rurais.

Tal como se establece na convocatoria, o prazo para solicitar estas achegas é dun mes, contado a partir de mañá, e as solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía telemática a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Innovación no viñedo: ferramentas para verificar variedades ou optimizar o uso dos fitosanitarios

Un robot con certo aspecto humanoide afánase por colleitar un acio de uvas. A imaxe inclúese na presentación do investigador e catedrático da Universidade Politécnica de Cataluña Emilio Gil, no I Foro Uva e Viño, celebrado recentemente no Pazo de Toubes, en Cenlle (Ourense). O robot vese aínda como unha ferramenta moi afastada para utilizar nos viñedos galegos de forma habitual, a tenor dos chascarrillos que suscita entre os asistentes, pero o investigador afánase en reivindicar que pode non estar tan lonxe como se cre. “Os meus colegas están a traballar xa para que este robot sexa un aliado na vendima da uva de mesa. Poida que o que agora se ve moi afastado nuns anos sexa unha realidade”, apuntou no Foro de Cenlle, organizado por Isagri. A innovación nos viñedos está moi ligada á eficiencia e numerosos estudos céntranse en achegar solucións directas e prácticas a problemas cos que se atopan os viticultores e adegas no seu día a día. “Os viticultores son receptivos a integrar novas tecnoloxías e innovacións nos seus viñedos unha vez que llas mostras, pero é difícil que eles a soliciten inicialmente, en parte pola elevada idade da maioría dos nosos viticultores socios”, explican desde a adega Viña Costeira, que en colaboración coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) levou a cabo distintas investigacións tanto en adega como nos seus viñedos.
“Investigación, formación e tecnoloxía deben ir da man. Ademais, temos que conseguir que os avances tecnolóxicos cheguen aos viticultores”
Á marxe dos avances que se van producindo, expertos como o investigador Emilio Gil inciden na importancia de que a investigación, formación e tecnoloxía vaian da man para asegurar unha transmisión do coñecemento e que os avances cheguen realmente ao campo ou a adega. “Ollo coa tecnoloxía, se non hai transmisión e formación. Temos que conseguir que os avances tecnolóxicos cheguen aos viticultores e ao sector. Podemos botar man de tecnoloxías desde os satélites, aos drons ou os móbiles que todos levamos encima”, insiste.

Verificar as variedades

Un dos traballos de investigación nos que están inmersos na Evega é a autenticación varietal, polos beneficios que pode significar para os viticultores, xa que ás veces xorden dúbidas sobre as variedades que hai na parcela, tanto nas novas plantacións como nas antigas. Na Evega teñen unha ampla experiencia na identificación de variedades, de feito foi pioneira na creación dun banco de xermoplasma a finais da década dos 80 para ter rexistrado o potencial xenético da Vitis vinífera, no que se incluían 67 variedades, das que se contaba con 15 variedades exclusivas de Galicia, tal e como informou a investigadora Emilia Díaz, unha das expertas destacadas da Evega. No marco destas investigacións sobre variedades impulsaron e colaboraron en distintos proxectos para a recuperación de castes, algúns centrados en variedades galegas. “Esta recuperación buscaba tamén introducir estas variedades dentro da canle da comercialización, para iso debía estar rexistrada e deben realizarse unha serie de estudos para incluíla no potencial vitícola da comunidade autónoma”, explica Díaz. Neste sentido, incluíronse recentemente Albilla do Avia e Ratiño e están a traballar en incluír algunhas máis como Carabuñenta.
Desenvolveron unha tecnoloxía que lles permite identificar as variedades xa en campo cun sistema sinxelo de amplificación
No marco de traballo por identificar variedades e atendendo á demanda dos viticultores, na Evega buscan autenticar as variedades xa en campo, dunha forma rápida. “Un dos nosos retos era desenvolver unha tecnoloxía sinxela, de maneira que non fose necesario para a súa identificación nin o instrumental nin persoal tan cualificado como requiren as análises de ADN tradicionais”, explica Díaz. Así, están a traballar nun sistema que lembra aos test empregados para o diagnóstico de Covid-19. “É unha tecnoloxía que nos permitirá autenticar as nosas variedades en calquera sitio, en campo, en viveiro…” detalla a investigadora. Só se precisa un pequeno aparello, un sistema de amplificación, unido a un teléfono móbil. Débese tomar unha pequena mostra do talo ou da xema da planta que permite a súa identificación. “Nin sequera é necesario que a planta teña follas para a súa identificación”, concreta.
Empezaron a traballan na identificación de cepas de Albariño, pero esperan ampliar o modelo para que poidan incluírse todas as variedades identificadas
Nun primeiro momento comezaron a traballar na identificación de cepas de Albariño, pero esperan ampliar o modelo para que poidan incluírse todas as variedades identificadas. “No caso da vide temos un sistema de marcadores moleculares moi amplo que pode permitir identificalos”, indica. Tamén están a traballar sobre a selección de variedades comerciais que ofrezan unha maior resistencia fronte ao cambio climático. Seleccionaron un total de 25 variedades e contan coa participación de adegas galegas como Martín Códax que plantará 2 parcelas experimentais.

Optimizar a xestión

A innovación chega ás veces de man de ferramentas que permiten un mellor manexo dos apeiros e solucións que temos xa dispoñibles, buscando unha produción máis sostible. É o caso, por exemplo, da ferramenta móbil Dosaviña, desenvolta pola Unidade de Mecanización Agraria da Universidade Politécnica de Cataluña, que permite optimizar a aplicación de tratamentos fitosanitarios.
A aplicación Dosaviña indica a dose de fitosanitario a aplicar ao viñedo en función do estado da planta e o tipo de equipo empregado
“Dosaviña permite determinar o volume óptimo de aplicación en función das características estruturais da vexetación e o tipo de equipo empregado”, explican desde a Universidade. Así, Dosaviña permite seleccionar os parámetros adecuados para unha correcta aplicación: velocidade de avance, presión de traballo, tipo e número de embocaduras. “Non ten sentido estar a traballar con recomendacións xenéricas de cantidades de produto sen axustala ás características da parcela, a rexión ou sen ter en conta a maquinaria empregada”, detalla Emilio Gil, un dos impulsores da ferramenta. Ademais, para o desenvolvemento desta aplicación, do mesmo xeito que noutros proxectos que están a levar a cabo, realizaron probas en parcelas de distintas zonas de Galicia. A aplicación inclúe tamén viñedos en espaldeira, como os empregados en moitas parcelas galegas.
Utilizar a aplicación Dosaviña permitiu un aforro de entre un 15 e 40% de produto fitosanitario tanto en grandes adegas como nas de menor tamaño
“Comprobamos que utilizar esta ferramenta permite un aforro significativo nas adegas que pode ir desde un 15 a un 40% de produto fitosanitario e non só en grandes adegas, senón en adegas de diferentes tamaños”, explica o investigador. Esta ferramenta está dispoñible de forma gratuíta e aberta para os viticultores. Ademais acaba de ser recoñecida como unha das aplicacións máis innovadoras. Cabe destacar que esta APP está pensada non só para viñedo, senón tamén para outros cultivo arbóreos.