A revolución dixital chega ás ganderías galegas. A empresa Innogando, afincada no Arneiro, entre os concellos lucenses de Abadín e Cospeito, vén de lanzar ao mercado Rumi, un colar GPS que monitoriza en tempo real ao gando vacún mediante o recoñecimento de todas as súas actividades (alimentación, descanso, rumia, movemento, etc) e que facilita ao gandeiro a xestión do rabaño e a toma de decisións na granxa.
Rumi é a única solución que permite a monitorización completa da gandería e dos seus animais, xa que cada vaca conta cun perfil no que se pode consultar toda a súa información relevante e engadir alertas concretas como celos, partos, diagnósticos de xestación ou patoloxías, a través dunha sinxela aplicación móbil. É dicir, Rumi permite tanto a xestión de cada animal de xeito individual como tamén do conxunto do rabaño dende a palma da man.
Rumi é o único sistema de localización GPS que existe no mercado con recoñecimento de actividade en tempo real
O dispositivo, deseñado e fabricado íntegramente en Galicia, é perfectamente válido para calquera sistema de producción, podendo empregarse tanto en interiores como en exteriores, onde conta cunha rede propia de cobertura a través da instalación dunha antena que lle proporciona alcance e autonomía en calquera circunstancia, mesmo en lugares remotos onde non existe cobertura de telefonía móbil.
Versatilidade: ganderías de leite e de carne
A versatilidade deste colar intelixente a respecto doutros existentes no mercado fai que sirva tanto para vacas estabuladas como para gando en pastoreo, o que o fai válido tanto para explotacións leiteiras en intensivo como para ganderías de carne en extensivo.
Unha mesma aplicación permite o control do gando que está estabulado e da recría ou as vacas secas que están no pasto
“Deseñamos o sistema pensando no modelo de granxas que temos en Galicia, onde hai explotacións de leite que teñen as vacas en produción estabuladas pero a recría ou as vacas secas fóra. Nestes casos serviríalles para monitorizar tanto a actividade das vacas do establo como das xatas e xovencas que están na pradeira, detectando celos ou proximidade ao parto. O mesmo pasa coas explotacións de vacún de carne”, explica Elio López, veterinario e fundador de Innogando.
Facilita o manexo e incrementa a rendibilidade das granxas
Este colar intelixente fabricado en Galicia está pensado para explotacións de carne e de leite, tanto en extensivo como en intensivo. En intensivo unha das principais informacións que Rumi facilita ao gandeiro é a detección de celos, mentres que en extensivo ou semiextensivo a esta función engádese a localización do gando en todo momento, a xestión de partos e a detección precoz de coxeiras e enfermidades metabólicas.
Ademais do posicionamento GPS do gando, Rumi proporciona monitorización de actividades, algo que non fai ningún outro dispositivo para extensivo
“No gando que está fóra con este dispositivo tes un control absoluto do seu estado en tempo real, o que dá tranquilidade ao gandeiro e benestar aos animais, xa que che permite en todo momento a detección de celos e partos complicados ou outros problemas e anomalías que poida sufrir o teu gando”, insiste Elio.
Funcionamento autónomo e sen necesidade de cobertura móbil
Outra das vantaxes que aporta Rumi a respecto doutros dispositivos similares existentes no mercado é a súa autonomía. “Non é necesario cambiarlle a batería, xa que se autorrecarga con enerxía solar grazas a unha pequena placa fotovoltaica que leva incorporada”, explican os seus creadores.
Non é necesario cambiar a batería porque se autorrecarga mediante unha pequena placa solar que leva incorporada
Ademais non precisa de cobertura de telefonía móbil para o seu funcionamento, o que o fai apto para lugares con orografía complicada. “Colocamos unha pequena antena na gandería e con iso logramos unha cobertura de entre 10 e 15 km desde o punto no que se coloca, o que fai que non necesites cobertura de telefonía móbil no lugar onde está o gando. Deste xeito salvamos unha problemática existente en moitas zonas rurais de Galicia”, indica Elio.
A aplicación de xestión desde o móbil é moi sinxela e doada de seguir e con ela tes todos os datos reprodutivos e de xestión na man
Esta vantaxe é de utilidade en ganderías de vacún de carne con fincas dispersas e distantes, así como para explotacións de leite que manteñen en pastoreo a recría. “A moitas granxas leiteiras o noso dispositivo vailles permitir ter controladas as xovencas que están lonxe da explotación. O resto de sistemas de monitorización de intensivo non valen para iso pero Rumi fai as dúas funcións”, conta.
Oferta de lanzamento en Galicia practicamente sen custo para os gandeiros e gandeiras
O ano 2022 arrinca con esta importante novidade tecnolóxica que vai permitir ás ganderías galegas mellorar a súa eficiencia produtiva nun momento de encarecemento dos custos de produción, que fai que as marxes das explotacións se reduzan.
“O noso obxectivo é a dixitalización do sector gandeiro para mellorar a rendibilidade das granxas, a calidade de vida dos gandeiros e o benestar dos animais”, asegura Elio López, que lidera un equipo de 10 persoas, entre as que hai veterinarios, informáticos e enxeñeiros electrónicos, e que leva dous anos traballando no desenvolvemento deste sistema novidoso.
Este colar intelixente fabricado en Galicia está pensado para explotacións de carne e de leite, tanto en extensivo como en intensivo
Para facilitar ás explotacións de Galicia o acceso a esta tecnoloxía, desde Innogando fan unha oferta limitada de lanzamento, prácticamente sen custo para o gandeiros galegos. Para poder beneficiarse destas vantaxes, é necesario chamar ao teléfono 644 586 245, pedir información a través do whatsapp ou mandar un email a hola@innogando.com.
Máis de 1.000 dispositivos xa en funcionamento
Rumi leva xa un ano funcionando en ganderías de leite ecolóxico e en pastoreo e en explotacións de carne, tanto de Galicia como de fóra da comunidade. “Xa temos instalados máis de 1.000 dispositivos por toda España, en Galicia, Extremadura, Navarra, Castela e León, Castela A Mancha e a Comunidade Valenciana. Moitos deles atópanse en centros de investigación como no CIAM ou na Granxa Experimental de Vacún de Leite da Universidade de Santiago ou en ganderías de referencia como as da cooperativa A Carqueixa”, detallan.
Rumi leva un ano testándose en centros de investigación como o CIAM ou a Granxa Experimental de Vacún de Leite da Universidade de Santiago
A grande versatilidade deste dispositivo, útil para a xestión e a localización do gando en pequenas fincas de minifundio de Galicia pero tamén en grandes extensións de terreo, fixo que teña chamado xa a atención de empresas de Andalucía ou Extremadura. “Imos poñelo nunha finca de touros de lidia de máis de 3.000 hectáreas de Andalucía e xa está instalado en Wagyu Ibérico en Extremadura. Rumi adáptase a todas as razas bobinas, desde explotacións de vacas frisonas a rubia galega, limusín, angus, wagyu ou outras razas”, explica Elio.
Unha start up galega
“A nosa empresa está afincada no Arneiro e é un dispositivo elaborado íntegramente en Galicia, onde ensamblamos e montamos os distintos componentes. Isto proporciona tamén unha maior garantía de servizo técnico á hora da instalación e posta a punto”, destacan en Innogando, unha start up galega que recibiu nos últimos anos numerosos premios e recoñecimentos pola súa capacidade de innovación.
O equipo que desenvolveu o dispositivo está formado por un grupo de mozos e mozas galegos entre os que hai veterinarios, informáticos e enxeñeiros electrónicos
“Rumi vén desenvolvéndose desde finais do 2018 e o ano pasado afectounos de cheo a crise dos microchips e a falta de compoñentes. Ese retraso permitiunos dispoñer hoxe dun sistema moi fiable que xa está moi testado e moi probado”, indican.