Os contratos do leite a curto prazo gañan peso no campo pola incertidume do mercado

A inestabilidade leva a unha tendencia de contratos trimestrais, en lugar dos anuais que se viñan asinando nas últimas campañas. As industrias teñen que renovar os acordos coas granxas a inicios da primavera, pero están a atrasar as súas propostas formais

Os contratos do leite a curto prazo gañan peso no campo pola incertidume do mercado

Este mes, as industrias lácteas están dándolle unha volta ás propostas de contrato que lle van presentar ás granxas. A maioría das empresas ten que renovar os acordos de suministro de leite a inicios de abril, polo que, coa lexislación na man, xa lle terían que ter presentado a proposta ás granxas a finais de xaneiro, pois hai que facelo con dous meses de anticipación. Pero ante a incertidume do mercado, as industrias apuran os prazos.

A primeira en mover ficha foi Lactalis, a principal industria en volume de recollida en Galicia, que lle presentou ás granxas un contrato de prezo base a 47,5 céntimos + primas, o que daría un prezo final máximo de arredor de 51 céntimos. É unha proposta que suporía unha sensible baixada para a maioría das ganderías da industria, que nestes momentos están cobrando o leite no arco dos 54 – 59 céntimos, segundo os datos que manexa o sector.

Desde Unións Agrarias, o responsable da súa organización de produtores, Óscar Pose, califica a proposta de Lactalis de “globo sonda”. “É certo que estamos nunha situación de incertidume do mercado, pero nestes momentos non hai elementos que xustifiquen esa proposta de baixada de prezos. “Os prezos do leite mantéñense altos no supermercado e a manteiga segue en niveis altos de prezo, a pesar das baixadas das últimas semanas. Tamén hai que dicir que na primavera pasada, cando a manteiga estaba en récord histórico de cotización, aquí non se notou nos prezos no campo”, valora.

“O prezo medio do leite no 2023 probablemente será superior ó prezo medio do 2022. Haberá axustes, pero non existen motivos para grandes baixadas”, valora unha fonte ligada ás industrias lácteas

No sector, pénsase que a proposta de Lactalis ten máis que ver cun formulismo para cumprir co prazo legal de presentación dunha oferta, dous meses antes da renovación, que cunha proposta real. “As propostas en serio da maioría de industrias chegarán a inicios de marzo, pois agora hai moitas incógnitas no aire”, valora unha fonte ligada ás industrias lácteas.

A incertidume do mercado, con tendencia ó aumento da produción e a baixadas de prezo nos produtos lácteos industriais, preocupa nas industrias, que están a anticipar no campo perspectivas de baixadas de prezos. “Non vemos motivos para xustificar unha baixada de prezos. Falta leite no campo e se as industrias baixan prezos, máis que vai faltar”, subliña o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez.

“Falta leite no campo e os custos de produción seguen subindo” (José Luis Pérez, Agromuralla)

O mesmo escenario é recoñecido por unha fonte ligada ás industrias, que sinala que “falta leite no campo” e que, malia a incertidume de prezos para o 2023, “este ano rematará probablemente cuns prezos medios no global do ano superiores ós do 2022. Non son de esperar grandes baixadas”, conclúe.

O pasado exercicio destacou pola importante suba de prezos a partir da primavera, pero os primeiros meses do ano rexistráranse cotizacións baixas, polo que a previsión é que este 2023 traia un mellor balance para as granxas.

“Falta fan bos prezos do leite porque os custos de produción seguen subindo. Estes días aínda nos comunicaron unha suba do prezo da soia, co que probablemente teñamos que baixar o seu uso na ración”, sinala José Luis Pérez.

Contratos trimestrais
Así as cousas, coas incógnitas que hai a día de hoxe no mercado, a previsión do sector pasa por unha primavera con contratos trimestrais ou cuadrimestrais xeneralizados.

“Asinamos con Celta un contrato trimestral ós prezos actuais no campo. A perspectiva coa maioría das industrias é a de contratos a curto prazo” (Óscar Pose, Ulega)

“En febreiro, tivemos que renegociar contratos dun grupo de gandeiros con Celta, e fíxonos unha proposta anual dun contrato á baixa, polo que ó final optamos por chegar a un acordo de 3 meses ós prezos actuais no campo” -sinala Óscar Pose-. “A sensación que temos é que as industrias non queren comprometer contratos anuais pola incertidume do mercado. A Lactalis trasladámoslle unha proposta de contrato anual, referenciado a custos de produción e a outros indicadores, pois somos partidarios de darlle estabilidade ás granxas, pero é probable que finalmente haxa tamén que negociar con eles contrato a máis curto prazo”, valora o responsable de Ulega, a organización de produtores ligada a Unións Agrarias.

As industrias, por lei, teñen que ofrecer contratos anuais, pero as granxas poden renunciar a esas propostas e chegar a acordos a máis curto prazo, como os trimestrais que xa se veñen facendo nos últimos meses por parte de empresas como Celta, TGT e outras.

Últimos movementos á alza
As últimas subas de prezo do leite chegaron en decembro da man de Larsa e de Inleit, que se meses atrás estaban en cotizacións por baixo da media, optaron en decembro por equiparase a outras industrias e situarse mesmo en prezos de cabeza. Con todo, o cambio en Inleit durou pouco, pois a finais de xaneiro xa lle comunicou as súas granxas unha baixada de 2 céntimos no leite de xaneiro, no que semella un punto de inflexión para todo o sector.

Inleit xa anunciou unha baixada de 2 céntimos no leite de xaneiro, logo dunha suba de prezos previa en decembro

“O movemento de Inleit é discutible –valora Óscar Pose-, pois aínda que a suba de decembro situábase por riba do asinado no contrato entre Inleit e as granxas, había cando menos un acordo verbal para esa suba, algo que non existiu para aplicar agora a baixada a mes vencido”, cuestiona.

Outro tema que segue suscitando malestar no campo é o alto diferencial de prezos que existe mesmo entre granxas das mesmas industrias, caso por exemplo de ganderías de Reny Picot ou Río que asinaron un contrato anual na primavera pasada e que, nalgúns casos, aínda non viron actualizados os seus prezos ós valores de mercado actuais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información