A Consellería de Medio Rural acaba de anunciar que dende este martes quedan prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia. Porén, quedan excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais debidamente planificadas e que dispoñen dos medios de extinción precisos. Isto implica que, dende este martes, non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir deste momento.
Como informan dende a Consellería, a decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tamén tendo en conta que a normativa –Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais– prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control.
Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde este momento e ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal para particulares. Ademais, a Consellería lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas destinadas a plans de mellora nas explotacións agrarias, á creación de empresas por parte de agricultores mozos e ao desenvolvemento de pequenas explotacións. A partida conta cun orzamento global de 37,5 millóns de euros. Os interesados teñen de prazo un mes, contado a partir de mañá, para presentar as solicitudes.
O reparto do orzamento total de 37,5 millóns de euros farase do seguinte xeito: 20 millóns irán destinados a plans de mellora, 15 millóns investiranse na incorporación de mozos á actividade agraria e 2,5 millóns de euros focalizaranse na creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Como novidade nesta convocatoria de axudas, resérvase un 10% do orzamento para as persoas solicitantes que estean incluídas no desenvolvemento dun proxecto de aldea modelo ou polígono agroforestal.
No que se refire ás achegas para a incorporación de mozos ao agro, poderán beneficiarse delas persoas con máis de 18 anos que non teñan cumpridos os 41 na data de presentación da solicitude. Deben comprometerse, ademais, a manter a actividade durante un mínimo de cinco anos. Subvencionaráselles a execución do plan empresarial cunha contía básica establecida en 25.000 euros, que poderá incrementarse en determinados casos dependendo, por exemplo, do volume de gasto dedicado á posta en marcha da nova explotación, da creación de emprego adicional a tempo completo ou do feito de instalarse nunha zona con limitacións naturais ou doutro tipo.
Os beneficiarios da liña de axudas a incorporación de mozos ao agro estarán exentos da achega de garantías. Deste xeito, os solicitantes que reciban axuda para incorporarse á actividade agraria non terán que presentar unha garantía do 100% do importe a aboar no pagamento a conta, nin verse sometidos a controis a posteriori, quedando só obrigados a verificar a conformidade do seu plan empresarial. Así, a axuda terá carácter de pago a tanto alzado e concederase pola execución do plan empresarial ou plan de negocio que terá unha duración de 24 meses.
O importe da axuda para os plans de mellora será do 30% dos custos elixibles, entre os que se atopan os investimentos para a creación ou reforma de instalacións, a compra de construcións en desuso ou a adquisición de maquinaria que contribúa a aumentar a competitividade da explotación. Esa porcentaxe do 30% poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios como o feito de ter entre 18 e 40 anos, en caso de investimentos de carácter colectivo, de actuacións en zonas con limitacións ou por executar accións relacionadas con medidas agroambientais e coa agricultura ecolóxica, entre outros.
No que respecta ó desenvolvemento de pequenas explotacións, a achega ascende a 15.000 euros e concederase pola execución do plan empresarial, que terá unha duración de 18 meses dende a aprobación da mesma.
Estas achegas, que están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, teñen como obxectivo garantir a continuidade do tecido agrario, así como incrementar a competitividade das explotacións mediante a súa modernización.