Arrinca o momento clave da renovación de contratos do leite en Galicia. A un mes para a finalización dos acordos de compra vixentes entre industrias e gandeiros, estanse a producir xa os primeiros movementos. A entrada en vigor do cambio normativo que obriga a subir os contratos ao rexistro creado pola AICA con carácter previo ao inicio da recollida obrigará a axilizar as negociacións e impedirá que a sinatura se alongue até os primeiros días de agosto, unha práctica que até agora era habitual nos momentos de renovación.
A negociación verase acelerada nas vindeiras dúas semanas pero hai algunhas industrias en Galicia que xa están comezando a asinar os primeiros contratos, con baixadas de 2 e 3 céntimos sobre as producidas no mes de maio, o que augura un prezo para os vindeiros meses de entre 45 e 50 céntimos en función da empresa.
A asturiana ILAS (Reny Picot) está a ser das primeiras en asinar novos contratos coas súas granxas provedoras, unhas 450 ganderías en Galicia. Sen oferta previa, o novo contrato ten unha vixencia de dous meses (agosto e setembro) cun prezo base de 44 céntimos, máis primas por volume e calidade.
Reny Picot sitúase de novo como unha das industrias que menos paga o leite en Galicia
O grupo catalán TGT, propietario das queixerías Ferrado Verde en Santa Comba e Ruta Xacobea no Pino, tamén está a ser das primeiras en asinar contratos, con baixadas de prezo de ente 2 e 3 céntimos. As 25 ganderías ás que recolle nas comarcas de Arzúa e o Xallas recibiron un contrato para os meses de agosto e setembro a 47 céntimos máis prima por cantidade.
Contratos de 2, 3 e 4 meses
Para non collerse os dedos do que poida acontecer tralo verán, as empresas que están a asinar contratos de renovación están a facelo a moi curto prazo, unha das características que se repite con respecto á renovación efectuada en maio.
De feito, aínda que a maioría de ofertas presentadas até o de agora cumprían co prazo mínimo legal establecido de vixencia (1 ano), agárdase que ao final os contratos que se asinen durante este mes se prolonguen, como moito, até decembro, que sería cando tocaría de novo renegociar.
As industrias prefiren negociar coas ganderías todas ao mesmo tempo e foron acompasando neste ano tanto os prazos como os prezos de renovación
As industrias prefiren facelo, ademais, todas ao mesmo tempo e foron equiparando neste ano prazos e prezos para que iso sexa así. A disparidade nas datas de renovación, en función da empresa que se tratara, deron paso a unha situación de renovación acompasada nos meses de maio e agosto por parte de todos os compradores.
Tan só Nestlé segue manténdose un mes por diante da competencia, con contrato en vigor até o 31 de agosto, pero Leche Celta e Naturleite, que renovaban tradicionalmente un mes máis tarde que o resto de industrias asentadas en Galicia, foron converxendo nas datas de renovación, tocándolles tamén facelo agora en agosto, logo dun contrato actual de tan só 3 meses de duración (maio, xuño e xullo).
Terceira baixada neste ano
En canto aos prezos, malia que as distintas empresas negan ningún tipo de acordo entre elas, unhas e outras míranse de reollo á hora de ofertar as súas propostas, baixo o argumento de “non quedar fóra de mercado”.
Todas as ofertas feitas até o da agora sitúanse por baixo dos 50 céntimos, 10 menos dos acadados no mes de decembro, o que augura unha sinatura de contratos na horquilla dos 45-50 céntimos para a segunda metade do 2023, logo de varias correccións á baixa consecutivas sufridas polas granxas: marzo, maio e agora agosto.
O prezo do leite en orixe baixou 10 céntimos desde decembro
En principio, non se agardan movementos de prezos á alza de cara aos vindeiros meses, a non ser que a produción caia no norte de Europa, o que tiraría de novo dos prezos cara arriba (de feito o leite spot en Italia xa comezou a subir), como aconteceu o ano pasado, cando en outono se deu unha situación de escaseza de oferta; pero polo momento as industrias apostan por achicar as marxes de beneficio actuais das explotacións co argumento de que hai dispoñibilidade de leite noutros países, unha situación que podería cambiar tralo verán debido, entre outros factores, á caída de prezos producida tamén a nivel europeo.
Nestlé e Inleit ceden explotacións a favor do grupo Lence
A falta de ver que movementos se producen trala sinatura de contratos deste mes, o resultado da renovación producida en maio deixa un panorama en canto á recollida de leite en Galicia no que o Grupo Lence gaña peso, adiantando a Larsa e converténdose neste momento na segunda empresa en volume, só por detrás de Lactalis.
A multinacional francesa segue a ser a empresa que máis leite recolle en Galicia, 1,5 millóns de litros diarios (uns 550 millóns ao ano), o que representa cerca do 20% da produción total da comunidade.
Lactalis precisa manter neste momento a súa recollida en Galicia para compensar a perda de 90 millóns de litros anuais da súa planta de Puleva en Granada trala marcha da cooperativa Alba Ganaderos a COVAP.
Lactalis precisa manter a súa recollida en Galicia para compensar a perda de 90 millóns de litros anuais na súa planta de Granada trala rotura coa cooperativa Alba Ganaderos
Trala compañía propiedade da familia Besnier, o grupo galego Lence, propietario das marcas Río e Leyma, sería a industria con máis capacidade de recollida, cun 11% do volume total de leite producido en Galicia, movéndose neste momento en case 900.000 litros diarios (uns 330 millóns ao ano), logo de incorporar na primavera granxas que deixou Inleit e Nestlé.
No ránking de recollida en Galicia, a continuación situaríase Larsa, propiedade da cooperativa asturiana CAPSA, cuns 800.000 litros diarios, e Reny Picot, con arredor de 700.000. Leche Celta estaría en 670.000 litros , Entrepinares en 600.000 e Naturleite en 350.000.
O leite líquido gaña rendibilidade
Aínda que as circunstancias de cada empresa son diferentes en función da súa orientación de produto, as industrias enfocadas aos produtos industriais son as que peor o están a pasar neste momento, fronte ás que se adican ao leite líquido, tradicionalmente con menor marxe no mercado.
O consumo e os prezos do leite e o queixo mantéñense sen apenas oscilacións nos supermercados, mentres os produtos industriais seguen sen remontar
Inleit baixou de maneira importante a súa recollida directa, na que chegou a contar con 200 explotacións, e moito do leite que a compañía hispanoamericana procesa actualmente na súa planta de Teixeiro é leite de oportunidade, ben sexan excedentes doutras empresas galegas como tamén cisternas importadas.
Inleit reduciu a recollida directa para procesar máis leite de oportunidade
No caso de Nestlé, a multinacional suíza deixou de recoller esta primavera 25.000 litros diarios á cooperativa de Ordes, que foron parar a Río e Lactalis. Eses 9 millóns de litros ao ano que mingua Nestlé supoñen arredor do 10% dos 90 millóns de litros que procesa ao ano na planta de Pontecesures.
Nestlé deixou de recoller á cooperativa de Ordes uns 25.000 litros diarios, reducindo nun 10% a capacidade produtiva da súa planta de Pontecesures
Tamén houbo cambios na cadea de aprovisionamento de Danone, que recolle o leite a unhas 60 ganderías en Galicia. A multinacional francesa non conta con planta de transformación en Galicia e o transbordo que facía en Monforte, na planta propiedade agora da chinesa Yeeper Dairy, está a facelo agora nas instalacións de Leite Río no Ceao, tras un acordo co Grupo Lence.
Repaso ás distintas ofertas presentadas, que se moven entre os 42 e os 49 céntimos
Co obxectivo de cumprir cos prazos legais establecidos no Paquete Lácteo e a normativa de contratos do sector, as distintas empresas fixeron chegar ás ganderías nas últimas semanas ofertas de renovación que se moven entre os 42 e os 49 céntimos de prezo base.
É necesario matizar que se trata de ofertas, non de contratos, e que as propias industrias se encargaron de restar importancia aos documentos presentados, explicando nas explotacións que se trataba dun mero formalismo, non da proposta definitiva, que chegará nos vindeiros días.
Moitas das empresas optan nestas ofertas cun ano de duración por prezos variable, mentres que finalmente o acordo de compravenda que se asine entre granxas e industrias poderían ter cláusulas distintas. Con todo, son útiles para facerse unha composición de lugar, polo que facemos a continuación un repaso por cada unha delas:
– Lactalis: oferta a un ano co 75% do leite a prezo fixo de 47 céntimos e o 25% restante ligado ao prezo do leite en po enteiro (prezo de leite equivalente), o que deixaría a media no entorno dos 45 céntimos, entre 4 e 5 menos que no contrato vixente ata o 31 de xullo.
– Entrepinares: prezo base 49 céntimos (no contrato actual é de 53 céntimos) durante un ano indexado ao índice A3 da Inlac, que encadea tres meses de forte caída, sobre todo polo descenso nos 5 países europeos que se toman como referencia (Francia, Portugal, Alemaña, Países Baixos e Dinamarca).
– Inleit: fixo unha proposta de renovación a un ano en maio que moitos dos seus gandeiros aceptaron, cun prezo base de 48 céntimos máis 1 céntimo por dobre AA hixiénico-sanitaria e prima por volume (1€ por cada 10.000 litros producidos ata un máximo de 3 céntimos/litro). Aínda que o contrato está tamén indexado ao índice A3, o que suporía unha baixada de 3 céntimos en maio, a empresa comunicou que non aplicará baixada algunha. Aos gandeiros que non asinaron a un ano e preferiron facelo a curto prazo, uns 70, teñen agora sobre a mesa a mesma oferta, propoñéndolles a empresa sumarse ao acordo asinando ata marzo de 2024 nesas mesmas condicións.
– Larsa: oferta a 11 meses co 70% do leite a prezo fixo pero distinto en función dos meses, empezando en agosto e setembro a 47 céntimos, subindo a 48 en outubro e novembro e a 49 en decembro, xaneiro e febreiro para volver logo baixar en marzo a 48 e de abril a xuño a 47. O 30% restante iría vinculado ao valor de mercado dos derivados lácteos (manteiga e leite desnatado en po), segundo o prezo do Observatorio europeo do mes en curso, que neste momento colocaría o prezo para ese 30% do leite en 35 céntimos. A maiores, habería unha prima por volume de ata 4,5 céntimos para granxas de máis de 3 millóns de litros.
– Celta: oferta a 12 meses con dous prezos diferentes, de agosto a outubro a 45 céntimos e o resto de meses a 40 céntimos.
– Naturleite: oferta a 12 meses a 45 céntimos de base e 2 céntimos de primas (0,5 por benestar, 0,5 por boas prácticas medioambientais e 1 por calidade hixiénico-sanitaria AA).
– Nestlé: ten contrato en vigor até o 31 de agosto (58 céntimos en abril, 53 en maio e 51 en xuño, xullo e agosto) e presentou xa oferta de renovación de cara a setembro cun contrato a un ano no que o prezo base varía en función dos meses, cun descenso até os 38 céntimos na primavera de 2024, quedando a media de todo o ano en 41,42 céntimos.
– Pascual: prezo base de 47 céntimos para as 80 ganderías que recolle en Galicia, máis prima por volume.
– Lence: distintos baremos de prezo en función da produción da granxa, que van desde os 42,7 aos 46,5 céntimos.