As industrias lácteas anuncian novas baixadas dos prezos do leite para os contratos do outono

As propostas das industrias apuntan a baixadas de arredor de 2 a 3 céntimos, se ben as organizacións do agro defenden a necesidade de, “polo menos”, manter as actuais cotizacións

As industrias lácteas anuncian novas baixadas dos prezos do leite para os contratos do outono

Dada a incertidume do mercado lácteo nos últimos anos, industrias lácteas e granxas están apostando por asinar contratos a curto prazo, no entorno dos catro meses de duración, para evitar que os seus prezos queden fóra do mercado. O temor das industrias é o de comprometerse en prezos que o mercado non vaia permitir nuns meses, en tanto as granxas, que hai un ano viviron contratos de ata 60 céntimos, tampouco queren perder oportunidades que poidan xurdir. Este escenario leva á situación actual, na que tralos contratos asinados a inicios do verán, toca de novo renovar contratos este outono.

Como adoita ser habitual, unha das primeiras industrias en mover ficha, de cara ós contratos que se renovan en decembro, é Lactalis, o principal operador en Galicia. A láctea francesa, con fábricas en Vilalba e Lugo, aposta por unha baixada de arredor de 3 céntimos, mantendo a fórmula do 75% do leite a un prezo base de 44 céntimos e o outro 25% ligado ó leite en po. A fórmula, tendo en conta as primas de benestar animal, leite AA e volumes, pode deixar o prezo final no entorno dos 44-46 céntimos.

A proposta de Lactalis é a 12 meses, pois é algo ó que obriga a actual lexislación. Haberá que ver se as granxas optan por asinar esta oferta, pola estabilidade que ofrece a un ano vista, ou por esperar a decembro e asinar un contrato a curto prazo nunha situación de mercado que pode ser puntualmente mellor.

Nas ofertas que están chegando ás granxas, a tendencia a baixadas de 2-3 céntimos é similar na maioría de contratos que se están coñecendo. É o caso da lucense Leche Río, que está a presentar contratos no entorno dos 44 céntimos, cando ata agora tiña granxas que chegaban a cobrar ata 48 céntimos. Nos contratos de Río, con todo, hai que ter en conta que é unha empresa que se distinguiu nos últimos tempos por manter contratos nun amplo arco de prezos, sen unificar ata o de agora unha tarifa única para as súas granxas proveedoras.

Outras industrias que se viñan movendo nos prezos medios do sector, caso de Celta, presentaron unha proposta de baixada de 1 – 1,5 céntimos. Quedan todavía por coñecer propostas de contratos de firmas de referencia, como a asturiana Capsa (Larsa).

Entre as empresas que máis viñan pagando o leite no campo, caso de Pascual, que estaba a 51 céntimos, apostouse tamén por unha baixada de 3 céntimos para os novos contratos, que entran en vigor en outubro e novembro. Quedan por coñecer tamén os movementos doutras industrias que se moven na zona alta de prezos, como Entrepinares.

Ante esta situación, as organizacións do agro advirten de que a situación de mercado aconsella, “polo menos”, manter prezos. No sector chámase a atención ademais sobre o diferencial entre os contratos que están presentando as industrias en Galicia e nas comunidades veciñas. Á ‘sospeitosa habitual’, Capsa, sinalada polas organizacións agrarias por manter prezos superiores en Asturias ós ofrecidos en Galicia, únense outras industrias que operan en Castela, como Lactogal (Celta) ou Lactiber (Naturleite en Galicia), que están ofrecendo contratos na Meseta a prezos superiores dos que se pensa que van plantexar en Galicia.

Óscar Pose. Unións Agrarias

“Se as industrias queren que baixe a produción e ter menos oferta de leite, están no camiño correcto”

Óscar Pose, responsable de Ulega, a organización de produtores de Unións Agrarias, advirte de que a situación de mercado aconsella cando menos manter os prezos do leite no campo. “A primeira impresión que temos é que nos están facendo propostas á baixa para finalmente manter os prezos nos contratos que se asinen en decembro”, apunta Óscar Pose.

“Se atendemos ós prezos nos supermercados, vemos que o leite de marca branca baixou 3 céntimos no verán, pero as primeiras marcas non baixaron nada, a pesar das reducións de prezo que xa houbo no campo, e os produtos elaborados mesmo subiron, segundo os últimos datos que temos do Ministerio. Por tanto, hai que concluír que industrias e supermercados están mellorando marxes comerciais, en tanto apretan ás granxas”, lamenta.

Pose lembra que España é un país deficitario en leite, pouco dependente do mercado de produtos industriais (leite en po, manteiga), “que é certo que non está no seu mellor momento”, polo que chama ás industrias á reflexión. “En Francia é certo que está baixando o prezo do leite, pero en paralelo segue caendo a produción. Se as industrias o que queren é que baixe tamén a produción en Galicia, están escollendo o camiño correcto”, ironiza.

José Luis Pérez. Agromuralla

“Os custos de produción seguen altos, os contratos do leite deberían referenciarse ós custos das granxas”

A asociación de gandeiros Agromuralla critica á actitude das industrias e esixe ás Administracións públicas unha resposta. O seu presidente, José Luis Pérez Barreiro, considera que “non hai motivos xustificados para esta nova baixada”, sobre todo, di, cando os custos de produción das explotacións seguen altos.

“O prezo do gasóleo para a actual campaña de ensilado do millo disparouse até 1,30 euros o litro, a palla segue polas nubes, a electricidade está volvendo a subir”, enumera. Por iso, desde Agromuralla defenden que os contratos de compra do leite se referencien aos custos das granxas.

“Ten máis lóxica que referenciar os contratos ao mercado e ademais é o que di a Lei”, lembra Pérez Barreiro, que pregunta “que teñen pensado facer a Xunta e o Ministerio para facer cumprir a Lei da Cadea dunha vez por todas?”.

Tres baixadas consecutivas

“As empresas véñennos cunha nova baixada de 2-3 centimos. Pero o problema é que non se trata dunha baixada illada, senón encadeada a outras que xa sufrimos este ano. Levamos xa tres renovacións con contratos á baixa este ano, cunha perda total de máis de 10 céntimos”, calcula.

O presidente de Agromuralla asegura que coa nova baixada de prezos anunciada para os últimos meses do ano “as granxas van empezar a entrar en perdas”. “Estamos no límite da rendibilidade, porque xa perdemos toda a revalorización que se produciu no 2022 e o leite está volvendo aos prezos de hai ano e medio, previos á subida do verán pasado”, di.

Pérez Barreiro apela á responsabilidade das empresas compradoras para o mantemento do sector produtor, porque, asegura, “se volvemos outra vez aos números vermellos caerá a produción e pecharán máis explotacións”.

Aumentos de entregas no conxunto da UE

No periodo xaneiro – xullo, a produción medrou un 0,8% no conxunto da UE, se ben en países concretos como Francia ou Italia minguou. En paralelo ó aumento da produción, os prezos caeron arredor dun 25%, quedando en 43,7 céntimos no mes de xullo. A tendencia ó aumento de produción mantense tamén a nivel mundial, cun + 0,2 % no conxunto das grandes áreas produtoras, incluíndo Estados Unidos, Nova Zelanda, Australia, Arxentina e a propia Unión Europea.

Como elemento positivo para as granxas, un informe da Comisión Europea sinala que os custos de alimentación animal evolucionan á baixa desde abril do 2022.

No lado dos consumidores, a Comisión percibe unha tendencia ó aumento de consumo de marcas brancas e ofertas, pola inflación que sofre a cidadanía, e que vai en detrimento de primeiras marcas, produtos ecolóxicos e premium.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información