Josmar Gandería SC: Unha granxa rendible, sustentable e con calidade de vida

Esta explotación de leite de Baralla mudou por completo o manexo do seu gando pasando do modelo intensivo ao ecolóxico, muxindo unha soa vez ao día e mimando o chan como estratexia para obter pasto continuo para as súas vacas

José Manuel, xunto ás súas vacas nunha das fincas nas que pacen na parroquia de Pacios

José Manuel, xunto ás súas vacas nunha das fincas da gandería na parroquia de Pacios, en Baralla 

“No seu momento tiña moi boas producións de leite, vendía embrións e tiña xatos en centros de inseminación. Pero dedicaba moitas horas á granxa e parecíame que todo ese tempo non estaba dabondo recompensado e que esa forma de producir non era a mellor maneira de deixar a terra aos meus fillos. Logo veu a crise do 2015 e esas ideas que me rondaban na cabeza saíron con máis forza”, conta José Manuel Santín.

A súa explotación, Josmar Gandería SC, localizada no lugar de Espiña, na parroquia de Pacios, pertencente ao concello de Baralla, deu desde entón un xiro de 180º cara a “unha forma de producir máis acorde ao medio”, resume. “A idea antes do 2015, seguindo a tendencia habitual do sector, era ampliar cunha nave nova. Xa mercara unha finca con boa comunicación, ao lado do enlace da autovía e cun transformador de Fenosa ao lado. O emprazamento era ideal, pero por sorte recapacitei a tempo”, razoa hoxe José Manuel.

Os baixos prezos do leite que por aquela época padecía o sector fixérono dubidar daquel investimento e buscar maneiras de sacar máis rendemento ao que xa tiña. “Pasei por unha situación no 2015 de cobrar o leite a 20 céntimos. Ves que iso pon en perigo a viabilidade da granxa na que tanto esforzo puxeche e pensei, eu agora fago a nave nova, e se me vén outra crise de prezos a 20 céntimos?”, lembra. “No sistema no que estou hoxe a 30 céntimos sería viable, con 50 fanse cartos”, asegura.

Pasei por unha situación no 2015 de cobrar o leite a 20 céntimos. Ves que iso pon en perigo a viabilidade da granxa na que tanto esforzo puxeche e faiche reflexionar

José Manuel produce en ecolóxico e ten contrato con Leche Celta até outubro de 2022. Asinou 5 anos de contrato, os dous de conversión e tres máis producindo xa en ecolóxico, a un prezo de 50 céntimos máis calidades, que lle reportan case outros dous céntimos en litro. “Non teño as axudas agroambientais, pero coa forma de traballar que teño hoxe a miña explotación é viable igual”, di.

“Moitas veces hai gandeiros que me preguntan que hai que facer para estar en ecolóxico. Eu cambiei a miña maneira de producir, pero non buscando estar en produción ecolóxica, senón buscando un xeito de que a miña granxa tivera unha certa rendibilidade e mellorando a miña calidade de vida. Unha vez que eu empecei a traballar desa outra maneira foi cando optei pola certificación ecolóxica porque a miña maneira de traballar é totalmente compatible coa certificación e iso dame un mellor prezo e unha garantía de recollida do produto. Se eu polo motivo que fora deixara de estar certificado en ecolóxico seguiría traballando exactamente do mesmo xeito que estou traballando agora, non condiciona a certificación ecolóxica o meu xeito de traballar, porque é 100% compatible”, conclúe.

Calidade de vida

José Manuel, que hoxe ten 43 anos, incorporouse á actividade agraria na explotación familiar ao cumprir os 18, tras estudar capataz forestal no CFEA de Becerreá. Dous anos despois constituíu unha sociedade cun veciño que durou só 3 anos e, ao desfacerse, quedou coas xovencas, coas que comezou de cero xunto á súa muller, Marta Fernández, creando Josmar Ganadería.

Tratamos de concentrar o traballo o máximo posible na mañá e ter as tardes máis libres. Se non hai que recoller forraxe non temos que traballar

No 2015, cos prezos do leite polo chan, decidiu botar a recría fóra para aforrar. “Vin que as xatas estaban mellor e que os prados producían máis e no mes de marzo do 2017 comecei a botar tamén as vacas de leite e vin que o sistema funcionaba tamén con elas, que as vacas non morrían”, ri. “É certo que as vacas daban menos, pero os cartos no peto eran os mesmos porque aforraba o penso, así que en outubro dese ano rexistrámonos no Craega e desde outubro de 2019, pasados os dous anos de período de adaptación, estamos certificados en ecolóxico”, relata.

Marta traballa hoxe fóra da casa, aínda que bota unha man, pero a explotación aténdena José Manuel e José, un empregado portugués que leva xa 2 anos traballando nesta granxa. “O sistema que temos na actualidade xera calidade de vida, non só para min, senón tamén para a xente que traballa na gandería”, asegura José Manuel. “Tratamos de concentrar o traballo o máximo posible na mañá e ter as tardes máis libres. Se non hai que recoller forraxe non temos que traballar”, di.

56 vacas en produción en 65 hectáreas de pradeiras

Fai uns 450 rolos ao ano nas fincas que non dá pacido e que lle serven para complementar o pasto no inverno

Fan uns 450 rolos ao ano nas fincas que non dán pacido e que lles serven para complementar o pasto no inverno

O manexo diario e o xeito de traballar nesta explotación mudou por completo desde que José Manuel se decantou, fai agora tres anos e medio, polo pastoreo como base da alimentación das súas vacas. “Estamos muxindo 56 vacas e temos 65 hectáreas de terreo. Antes cheguei a ter 120 vacas en 38 hectáreas. Daquela menos do 50% da ración das vacas era forraxe, agora é máis do 90%. Agora trato de maximizar a forraxe ao máximo. O 70% do que comen as vacas todo o ano é pasto que pacen directamente elas e o restante 30% inclúe o silo de herba e o penso, que non chega ao 5%. As becerras e as xovencas non comen nada de concentrado, e ás vacas repártolles un quilo e medio para cada dúas vacas e dóullelo por un tema de manexo, para que vaian máis doado ao establo, para que teñan esa ilusión por muxirse. É coma unha golosina”, conta.

A maior parte do traballo diario fágoo agora co cuad, unhas varillas e un rolo de fío de pastor

José Manuel fai uns 450 rolos ao ano, a maioría de silo e algún de herba seca que dá á recría e a algunha vaca que quere secar. Con eles complementa nos meses de inverno a alimentación a base de pasto das súas vacas. “A maior parte do traballo diario fágoo hoxe co cuad, unhas varillas e un rolo de fío de pastor”, asegura.

Antes contrataba os traballos agrarios cunha empresa de servizos, pero agora fan os rolos eles porque lles é moito máis operativo. “Co noso sistema é máis difícil poder encargarllo a unha empresa externa, porque non reservas nada para ensilar, só vas facendo o silo nas fincas que non das pacido, polo que non é doado programar para segar e enrolar, tes que ir facendo sobre a marcha a medida que che van quedando parcelas que non das comido”, explica. “Teño silos de trincheira que deixei de facer porque con este sistema non é posible usar e quero cubrilos para almacén”, engade.

Moxe só unha vez ao día

Josmar Gandería contaba cun establo preso que adaptara ao sistema canadense e cama de goma pero agora as vacas só o pisan unha vez ao día cando van muxirse. “Os seis últimos meses da conversión son os peores, porque tes que dar xa o penso ecolóxico e non cobras aínda o leite como ecolóxico e coincidiu que tiña moitas vacas para secar, así que aproveitei para probar co monoordeño”, conta José Manuel.

“Empecei a muxir só unha vez en xaneiro do 2019 e inicialmente fíxeno por un tema de organización do traballo e por gañar calidade de vida eu e máis o empregado, pero ao final as que gañaron foron as vacas. Empreñan mellor e os problemas de patas desapareceron”, engade.

Co monoordeño pasou do 3,70% de graxa ao 4,10% e do 3,10% de proteína ao 3,35%

Así que desde entón José Manuel só moxe polas mañás. A súa media de produción está entre 15 e 16 litros por vaca e día, pero a diminución na cantidade de leite compensouna co aumento nas calidades. “Antes andaba sempre moi xusto, cunha media do ano do 3,70% de graxa e o 3,10% de proteína, agora co monoordeño subín a 4,10% de graxa e 3,35% de proteína”, di.

Adquisición dun sistema móbil de muxido

As fincas máis alonxadas atópanse a dous quilómetros do establo

As fincas máis alonxadas atópanse a dous quilómetros do establo

José Manuel e o seu empregado traen a primeira hora ás vacas a muxirse á sala que ten no establo e logo volven ao prado, onde están día e noite. “Co monoordeño empecei a levar as vacas a fincas máis lonxe”, explica. As 65 hectáreas que manexa están nun radio duns 2 quilómetros da granxa pero José Manuel quere meter unha sala de muxido móbil para poder aproveitar máis a superficie e poder ter máis animais.

A sala móbil de muxido permitirá a esta explotación aumentar o número de cabezas e pacer as fincas que se atopan máis alonxadas, que hoxe adican á recría ou a producir forraxe

Solicitouna cun plan de mellora e chegaralle nun par de meses. Mercouna en Lituania á empresa JSC Mototecha,  especializada en sistemas de muxido móbil en pastoreo. É unha sala tándem de 8 puntos na que cada vaca entra e sae individualmente, que leva comedeiros de penso semiautomáticos e lavado automático. Vai enganchada ao tractor e nun remolque á parte vai o tanque de leite refrixerado con capacidade para 2.000 litros, recuperador de calor do tanque e depósitos de auga quente e fría.

O custo total deste sistema, que lles vai permitir muxir nos prados onde se atopen as vacas sen necesidade de traelas e levalas a diario ao establo, non chega aos 32.000 euros co porte e a montaxe incluída, aínda que a raíz do coronavirus José Manuel terá que buscar quen lla poña en marcha en Galicia, xa que os técnicos que se desprazasen desde Lituania terían que facer corentena de volta ao seu país.

O problema do monoordeño son as células somáticas, pero as vacas con máis células úsoas de nodrizas para recriar as xatas, que maman ata os 6 meses e despois están a pasto. Desta maneira o custo da recría é moi baixo

“O problema do monoordeño son as células somáticas. Eu o que busco non é aumentar litros por vaca, é estabilizar a produción, quero estar en 15 litros de media todo o ano. Con moitos litros este sistema é problemático, porque aínda que hai menos problemas de mamites clínicas, cando tes unha é máis difícil de tratar, porque ese cuarterón só se moxe unha vez ao día”, explica José Manuel.

Por iso el o que fai é empregar os animais con peor calidade hixiénico sanitaria de leite para alimentar a recría. “As vacas con células máis altas úsoas como nodrizas para as xatas. Destétoas aos 6 meses e só lles dou o leite desas vacas e o pasto, desta maneira o custo da recría é moi baixo”, indica.

Cruces con jersey

“O máis importante para seleccionar os animais de recría é fixarte nas túas vacas, as que empreñan mellor e non che dan problemas”, razoa José Manuel. “Hai que adaptar as vacas ao manexo, buscando e seleccionando aquelas que mellor se adapten ao teu sistema e non ao revés, non buscar as mellores vacas e logo ter que adaptar o sistema de manexo da explotación a elas”, engade. Por iso, nesta gandería están comezando a inseminar con jersey. “Neste método de pastoreo buscas animais máis pequenos porque se desprazan mellor e aproveitan mellor o pasto”, xustifica.

Con todo, José Manuel fixo a transición a ecolóxico coas mesmas vacas que xa tiña en convencional e hoxe aínda se manteñen nesta explotación moitos animais procedentes da etapa anterior, como Lebon Deroles 306, que figura entre as 25 mellores vacas de Galicia por produción vitalicia no ránking de Fefriga do 2019, con 11 lactacións e 129.355 litros de leite producidos, ao 3,65% de graxa e ao 3,07% de proteína.

Hai que adaptar as vacas ao manexo, seleccionando aquelas que mellor se adapten ao teu sistema e non ao revés, non buscar as mellores vacas e logo ter que adaptar o sistema de manexo a elas

Co sistema actual co que traballa esta gandería as vacas teñen un menor nivel de esixencia, o que se traduce nunha maior lonxevidade e, polo tanto, unha taxa de reemprazo máis baixa. “Co monoordeño tamén gañei en reprodución e moitas vacas quedan preñadas ao mes de paridas. O ano pasado o 50% das vacas quedaron preñadas antes dos dous meses e están xa parindo ao ano a maioría delas. O intervalo entre partos do 2020 vai estar por debaixo de 400 días tendo en conta a media de todas as vacas”, explica.

Cebar os xatos

E dado que os requerimentos en materia de recría son menores –”recriei 7 ou 8 xatas o ano pasado e sobroume recría”, di José Manuel– pensa aproveitar os excedentes para a produción cárnica. “Merquei un xato de raza angus para touro, para facer cruzamentos”, conta. Co monoordeño, ademais, “sería bastante complicado detectar os celos”, recoñece, polo que deste xeito non ten que estar tan pendente.

Contando as vacas en produción, as secas, a recría e os xatos, Josmar Gandería suma un total de 110 cabezas. “Desde marzo non vendín ningún xato porque a idea é cebalos. Levaba tempo dándolle voltas, non me convencía porque até agora eran frisóns, pero con isto do coronavirus caeulles o prezo e dinlle para diante. Van estar tres ou catro meses mamando cun pouco de penso e herba seca e logo do destete vai ir ao pasto co mesmo sistema de manexo das vacas e suplementando con algo de penso na propia finca. Farei dous lotes, o de finalización, previo á venda para sacrificio, que irán por diante no pasto e o resto, que irán por detrás aproveitando un pouco a herba que quede nas parcelas. Non teño pensado cebalos na corte, se non meto as vacas non vou meter tampouco os xatos, van estar na finca do lado de onde teño as xatas de recría”, explica.

“O importante non está nas vacas, está no chan”

Josmar Ganaderia (Baralla) vacas pastoreoConsciente da transformación radical que a súa explotación tivo en menos de 5 anos, José Manuel, réstalle importancia a aquela decisión. “O máis importante non é o proceso dos cambios, senón como fago agora as cousas”. Cando a raíz da crise de prezos do leite do ano 2015, comezou a cuestionarse o sistema de produción en intensivo no que estaba, interesouse por outras experiencias que lle axudaron a buscar o seu propio camiño. “A través das redes sociais vin outras formas de producir e lin un libro do ano 1968 que se titula La vaca y la hierba, de André Voisin, que é un francés que comezou a traballar co pastoreo en Francia antes da Segunda Guerra Mundial pero que logo marchou para Iberoamérica, onde acabou de implantar as súas teorías. Iso cambioume por completo a miña maneira de entender a gandería e a produción de leite”, admite.

Hoxe Josmar Gandería é unha das explotacións que asesora en Galicia Antonio Tucci, creador da asociación Naturaleza Holística, que conta xa cun grupo de gandeiros que están poñendo en práctica na nosa comunidade os métodos de traballo da chamada gandería rexenerativa, que recibe ese nome por aplicar prácticas ligadas á rexeneración e fertilidade do solo.

Entre o grupo de 11 ganderías rexenerativas que hai en Galicia atópanse explotacións de leite como a de José Manuel en Baralla ou Ecoleia en Allariz, de carne como Gandería A Carballosa de Pedrafita do Cebreiro e de ovino como Granxa A Ciruxana de Vilariño de Conso.

“O importante está no chan. Manexando ben o solo tes forraxe e pasto, que consomen as vacas, pero o importante non está nas vacas, senón no chan”, asegura José Manuel. “O sistema baséase nos documentais que saen en La 2 sobre a relación entre os carnívoros e os herbívoros, só que en vez dos carnívoros usamos o fío eléctrico do pastor”, compara. “Trátase de que o gando estea o máis apertado posible para que coma todo o que hai, mesmo as labazas, e que permaneza no sitio moi pouco tempo, igual que se comportan os rumiantes en estado natural, cando se sinten ameazados polos depredadores e cambian de lugar continuamente en busca de pasto novo”, engade.

Pasto fresco dúas veces ao día, pola mañá e pola noite

Por iso, José Manuel cambia as súas vacas de sitio dúas veces ao día, abríndolles pasto novo pola mañá e pola noite. “Fago dous cambios ao día no fío de diante e o ideal sería que non puideran volver para atrás cambiando tamén o fío na parte xa pacida”, di. Isto obrígao a mover os peches dúas veces ao día, pero xa viu un sistema automático inventado en Arxentina que está mirando de introducir. “Consiste nun poste alto cunha pinza programable que á hora que ti lle mandas levanta o aramio e deixa pasar ás vacas para a seguinte parcela”, explica.

Josmar Gandería ten o seu gando distribuído en catro lotes, que manexa seguindo esta filosofía de carga gandeira intensa e período curto de tempo de permanencia. Ademais do lote de produción, conta con outro grupo no que se atopan as becerras de menos de seis meses que están mamando xunto coas vacas en lactación con maiores índices de células somáticas, que usa de nodrizas; outro lote no que se atopan as xatas de máis de seis meses até o momento de se inseminaren, algo que non ocorre nunca antes dos 17 meses de vida; e un último grupo no que se atopan as xovencas xa cubertas xunto coas vacas secas.

Ás vacas en muxidura ábreselles pasto fresco dúas veces ao día, mentres que os tres lotes nos que se reparte a recría permanecen máis tempo nas fincas. “Pero nunca máis de tres días, porque a partir do segundo día comeza a rebrotar a herba e se está o gando pisa os brotes e cómeos e logo xa sae con menos forza e non se dá esa explosión de pasto”, di.

Non deixar o solo desprotexido

A recría pasa máis días nas parcelas, pero nunca máis de tres, para non machacar o rebrote da herba

A recría pasa máis días nas parcelas, pero nunca máis de tres, para non machacar o rebrote da herba

“É moi importante que as vacas vaian no momento óptimo de repouso da planta. Mentras medra, a herba acumula reservas na raíz. Se ti a cortas nese momento o rebrote é moito mellor”, asegura. Por iso, o momento de entrada nas parcelas é diferente en función da época do ano da que se trate. “En primavera hai que meter as vacas no empece do espigado e no inverno cando as follas de abaixo comezan a amarelear”, di.

Os tempos de recuperación das fincas tamén son diferentes. “Eu descanso os prados 30 días na primavera e 90 no inverno. Cando non hai pasto suficiente sigo facendo igual a rotación coas vacas polas parcelas para que abonen, pero a maiores bótolles silo na finca”, conta.

“No inverno cando chove moito procuro metelas nas parcelas máis enxoitas para que non machaquen tanto a finca e a semana que vén boa lévoas ás fincas máis húmidas. Non hai problema con metelas un día e sacalas, deste xeito rebrota igual con forza, o problema de machacar é se as tes moito tempo no mesmo sitio”, asegura.

Cara o verán hai que pacer máis alto para que o chan non compacte e absorba a auga. Por contra, no outono, no inverno e a comezos da primavera hai que tentar que quede pacido máis raso

José Manuel xoga tamén coa altura de herba que queda no momento de saíren as vacas da parcela. “Trato de que o chan quede o menos desnudo posible tanto no inverno coma no verán. Cando o solo queda desprotexido o chan compáctase e non absorbe a auga, porque non se infiltra e escorre pola finca. Por iso os tallos que quedan mortos ou o pasto que queda pisado a medio pacer protexe o chan ao final da primavera, cando imos cara o verán e vén a calor. Sen embargo, no outono, no inverno e a comezos da primavera hai que tentar que quede pacido máis raso”, di.

“Con esta maneira de manexar o pasto márcase unha superficie diferente cada día en función da cantidade de herba que hai, pero o normal é media hectárea por día para as 56 vacas sumando os dous cambios”, relata José Manuel. “Hai quen lle chama gandería racional, porque consiste en usar a cabeza. Vas xogando con iso, se queres que che abonen máis unha finca, por exemplo, daslles menos superficie”, indica.

Non hai abonado engadido nin laboreo

“Este sistema funciona se vai a vaca e caga, se non vai non vas ter a produción que deberías porque como dormen fóra purín tes pouco, só a auga de lavar e pouco máis, que usamos para as parcelas que están máis lonxe, a onde non imos coas vacas e que son as que usamos tamén para ensilar. Pero a idea ao ter o muxemóbil é ter tamén máis vacas, sempre co límite de dúas vacas por hectárea que marca a produción ecolóxica. Hoxe sóbranos pasto pero no establo non podemos muxir máis de 56 vacas e o sistema portátil de muxido vainos permitir aumentar o número de cabezas e pacer tamén esas fincas que temos a 2 quilómetros e, polo tanto, canto máis gando máis pasto, porque con este sistema canto máis gando máis abonas”, argumenta.

Movendo o gando continuamente polas parcelas, non hai que mercar fertilizante, nin ecolóxico nin convencional, porque canto máis pastoreas máis abonas e máis producen as fincas

“Con este sistema, movendo o gando continuamente polas fincas, non hai que mercar abonos, nin do ecolóxico nin do convencional, porque canto máis pastoreas, sempre respectando os tempos de descanso, que en cada parcela son distintos, máis producen as fincas”, asegura. Ademais, entre as vantaxes deste xeito de coidar as pradeiras está a súa maior captura de carbono. “Os expertos din que se toda a gandería usara este método volveriamos aos niveis de emisións da época preindustrial”, indica.

Tampouco se roturan ou renovan as pradeiras. “Eu o que fago ás veces é tirarlles sementes ás fincas no outono antes de meterlles as vacas se teñen calvas”, explica José Manuel. “O laboreo non está contemplado. Se fas un bo manexo as malas herbas diminúen. Cando che aparecen moitas herbas non desexables é sempre por unha cuestión dun mal manexo. A terra cando a tratas ben acaba dándoche a herba que mellor se dá nese sitio. Eu paso a desbrozadora desde que saen as vacas e cada vez hai menos que rozar porque cada vez sae máis herba e comen máis as vacas”, di.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información