A maioría de granxas galegas comerán o turrón sen sufrir baixadas importantes no prezo do leite. Malia as ameazas iniciais aos produtores dun novo descenso de entre 2 e 3 céntimos (sería o terceiro este ano tralos sufridos en marzo e agosto), semella que en moitos casos esta baixada no prezo do leite en orixe non se vai chegar a producir de momento ou será mínima.
Empresas cun importante volume de recollida en Galicia, como Lactalis, Grupo Lence e Naturleite, dan marcha atrás da súa intención inicial (explicitada hai un mes na presentación das ofertas de renovación enviadas ás explotacións) e manterán os contratos até final de ano.
Celta e Río renovaron contratos o 1 de novembro e Lactalis, Larsa, Entrepinares, Naturleite ou Reny Picot farano o mes que vén
O prezo para novembro e decembro resiste deste xeito no entorno dos 48 céntimos, o que fai que a media de todo o ano sexa superior á do 2022, cando o leite no campo chegou aos 60 céntimos unicamente no último trimestre pero acadou prezos sensiblemente inferiores no primeiro treito da campaña.
Empresas ás que lle sobra leite
A actual espiral inflacionaria e de suba de tipos de interese está provocando cambios nos hábitos de consumo das familias, que dispoñen dun menor poder adquisitivo e estanse a mover cara a produtos de marca branca e menor prezo.
Isto está a afectar negativamente a empresas como Pascual ou Nestlé que se viron obrigadas a reducir o seu volumen de recollida en Galicia pola caída na demanda de produtos de gama alta.
Pascual deixou dúas rutas e Nestlé outras dúas. As ganderías prexudicadas excedían o volumen de entregas por estaren medrando
No caso de Pascual, a empresa con sede en Aranda de Duero (Burgos) deixou dúas rutas en Galicia, cun volume próximo aos 30.000 litros diarios, mentres que a multinacional suíza Nestlé comunicou a distintas explotacións a súa intención de abandonar a partir do 1 de xaneiro outras dúas rutas en Galicia (uns 25.000 litros diarios).
Trataríase dunha nova perda de materia prima por parte da planta de Pontecesures, que deixou de recoller esta primavera outros 25.000 litros diarios á cooperativa de Ordes e que foron parar a Río e Lactalis.
As ganderías afectadas serían sobre todo granxas que están a medrar moito en volume, nalgúns casos por contar con relevo xeracional e estar facendo investimentos en ampliar as súas instalacións.
Lactalis e Naturleite manteñen prezos
No outro lado da balanza están empresas como Naturleite, que envasa para a cadea Mercadona e que se está a ver beneficiada polo incremento de consumo de leite de marca branca. De feito, a planta de Meira xa colleu a tres das granxas que soltou Pascual.
A cooperativa andaluza COVAP, propietaria de Naturleite, é unha das industrias que está a pagar máis o leite fóra de Galicia, en concreto en Castela e León a través de Lactiber, ao igual que fai CAPSA con Central Lechera Asturiana e Larsa. Esta diferenza, que acostumaba ser de 2-3 céntimos, medrou até os 4-5 céntimos, o que levou á Xunta a dar un toque de atención ás empresas que operan na comunidade. Algunhas delas, como a propia Naturleite, comprometéronse a reducir ese diferencial e a primeira decisión da planta de Meira nesta liña foi a de manter o prezo do leite en Galicia para decembro e xaneiro en 48 céntimos.
Naturleite aguanta o prezo base para decembro e xaneiro en 48 céntimos
Lactalis tamén está buscando leite (esta primavera perdeu un volumen importante en Andalucía) e visitou a todas as granxas que deixou Pascual e Nestlé en Galicia facéndolles propostas de captación. A compañía propiedade da familia Besnier, con plantas en Nadela e Vilalba, ofrece un prezo base de 44 céntimos, máis 2,5 céntimos de prima de volume ás explotacións máis grandes e 1 céntimo de dobre AA e outro de certificación de benestar animal (1,2 no caso de nivel excelente). É dicir, unha granxa que entregue a Lactalis cobraría un prezo final de 48,5 céntimos no mellor dos casos.
Lactalis ofrece 4 meses, até o 31 de marzo, ao mesmo prezo que o actual contrato
As marcas de fabricante perderon moito mercado este ano. Pola contra, a marca branca segue mantendo un bo prezo no supermercado, o que está a impulsar ao Grupo Lence, que está a centrar a súa estratexia neste segmento, logrando novos clientes aos que envasar leite, o que lle fixo gañar volume de recollida e ser hoxe, tras Lactalis, a segunda industria que máis leite compra en Galicia.
O Grupo Lence recúa tras asinar baixadas de 2 e 3 céntimos
A propietaria de Leite Río e Leyma asinou contratos de renovación para as súas 300 granxas con data 1 de novembro, ofrecendo tan só dous meses a 43,70 céntimos de prezo base, coa pretensión de baixar dous céntimos á maioría de explotacións (3 no caso das máis grandes), aínda que recuou posteriormente unha vez que Lactalis e Naturleite anunciaron o mantemento de prezos nos seus contratos, chamando esta semana ás ganderías que xa tiñan asinada a rebaixa para anunciarles que daban marcha atrás.
A grande diferenza de prezos entre unhas granxas e outras é unha das lousas que está a pesar na empresa lucense, que reduciu de 3 a 2 os tramos da súa prima por volume (1 céntimo para producións entre 40.000 e 60.000 litros ao mes e 2 para as explotacións de máis de 60.000).
Malia o discurso oficial de defender ás pequenas granxas, Leite Río págalles o leite até 5 céntimos menos
O resto de incentivos do Grupo Lence son de inferior cuantía, pois a prima de dobre A equivale só a 1 euro a tonelada (0,001 céntimos por litro) e a certificación Welfare Quality outro tanto. En canto aos sólidos, a empresa paga a décima de proteína por enriba de 3,2% a 3 euros a tonelada, o mesmo que a graxa por enriba de 3,7%, coa salvedade que Río non penaliza a graxa ao mesmo nivel (non o ten en conta até que baixa de 3,5%).
A maiores, o Grupo Lence conta cunha prima de fidelización fóra de contrato, que pode chegar até os 4 céntimos, de reparto discrecional e coa que se está a fomentar certa especulación entre as súas granxas provedoras (as de máis volume aguantan até o último momento para asinar, presionando deste xeito á empresa na negociación).
Descenso de 1,5 céntimos en Celta
Ao igual que o Grupo Lence, Leche Celta tamén foi das primeiras en asinar as renovacións, ao rematar os seus contratos o 31 de outubro. O novo contrato é de dous meses, para novembro e decembro, no que a planta de Pontedeume, pertencente á cooperativa portuguesa Lactogal, baixa 1 céntimo e medio, 1 na base e 0,5 na prima por volume, deixando o prezo final, dependendo da granxa, entre os 44 e os 47 céntimos no mellor dos casos, cando viñan de prezos de 48,5 no anterior contrato.
Desde o sindicato UUAA pídese a Celta que manteña os prezos, igual que se comprometeron a facer Lactalis, Naturleite e Lence
O resto de industrias teñen aínda todo este mes para asinar as renovacións, ao finalizar contratos o 30 de novembro. É o caso de Reny Picot, que ten renovación escalonada, pero a maior parte agora. Ao igual que no Grupo Lence, a disparidade de prezos tamén é notable na empresa asturiana, que acostuma retrasar o máis posible a sinatura, até o punto de levar xa a oferta e o contrato xuntos.
Tamén Larsa mantén o sixilo na súa proposta aos gandeiros, que se agarda siga vinculada nun 30% ao valor de mercado dos derivados lácteos (manteiga e leite desnatado en po), pagando segundo o prezo do Observatorio europeo do mes en curso.
Inleit, en horas baixas
Ao igual que lles está a acontecer a Pascual ou a Nestlé, non é un bo momento para empresas como Entrepinares ou Inleit. A actual coxuntura en Europa, con prezos no campo máis baixos, e a situación do mercado internacional, coas cotizacións dos produtos lácteos industriais que non acaban de remontar, castiga ás empresas que elaboran produtos de maior valor engadido.
No caso de Inleit, a planta de Teixeiro ten asinados contratos até marzo, xa que foi das poucas industrias que na pasada primavera pechou compras cos seus gandeiros por un ano, apostando por contratos a máis longo prazo pero indexando o prezo de compra do leite ao índice A3 publicado pola Inlac, que acumula neste momento unha caída interanual do 17,7%.
Inleit prometeu ás explotacións corrixir a final de ano en forma de atrasos o diferencial negativo que poida existir con respecto ao prezo medio do Observatorio
O contrato arrincaba en 48 céntimos de prezo base máis 1 céntimo por dobre AA hixiénico-sanitaria e prima por volume (1€ por cada 10.000 litros producidos ata un máximo de 3 céntimos/litro), pero debido aos fortes vaivéns dos produtos industriais e á caída do prezo do leite nos 5 países europeos de referencia, o prezo actual resultante de aplicar o índice A3 estaría por baixo dos 42 céntimos.
A compañía de capital español e americano optou por non trasladar esa baixada na súa totalidade ás explotacións que a subministran, malia permitirllo o contrato que ten asinado con elas, pero fixo unha corrección no leite de agosto e setembro de 2,5 céntimos, deixando o prezo base en 45,5.
Entrepinares, castigada pola entrada de queixo barato
Entrepinares, competencia directa de Inleit en Galicia na busca de leite con altas porcentaxes de sólidos, fixo chegar o mes pasado ás súas granxas unha oferta de renovación por un ano (do 1 de decembro de 2023 ao 1 de decembro do 2024) na que tamén vincula o prezo ao índice A3, cun prezo base de 45 céntimos, fronte aos 49 dos contratos actuais.
Na maior parte dos casos os gandeiros reciben estas ofertas pero non as aceptan, agardando un mellor prezo nun contrato cun horizonte máis curto. No caso da queixería de Vilalba serían contratos por 4 meses, até marzo e, á vista do prezo fixado por Naturleite, tamén provedora de Mercadona, non se agarda que o novo contrato estea por baixo dos 48 céntimos de prezo base.
O índice A3, que subira en 2022 un 30%, leva unha caída acumulada do 18% este ano
A coxuntura actual de mercado non está a ser de todo favorable para Entrepinares. Ao igual que a caída das vendas de derivados lácteos de proteína a China castigou nos últimos meses a Inleit, a entrada masiva de queixo barato procedente de países europeos como Alemaña, Dinamarca ou Holanda está a prexudicar a produción da planta de Vilalba, que se atopa inmersa nun novo proceso de ampliación para incrementar a súa capacidade prudutiva de queixo mezcla.
Entrepinares móvese nunha gama media de prezos para o seu queixo de formatos de 1 kg e cuñas, destinado a supermercado, polo que podería beneficiarse da caída de consumo de queixos de gama alta, como xa aconteceu o ano pasado, no que as súas vendas medraron un 25%, pero, sen embargo, non é capaz de competir neste momento na fabricación de queixo industrial.
Países como Holanda, Alemaña ou Dinamarca están regulando os seus excedentes a través da exportación de queixo barato
A fábrica de Vilalba ten unha parte que está especializada na fabricación de queixo en bloques e conta tamén cunha torre de secado do soro resultante do proceso de fabricación do queixo, pero ningún destes produtos, que se usan para regular os excedentes, é rendible neste momento, xa que o prezo do soro en po segue afundido e os prezos pagados polo leite non permiten competir na fabricación de queixo barato cos países do centro e norte de Europa.
Europa segue producindo máis leite que consome (cun incremento de produción dun 2% en Alemaña e dun 3% en Holanda), mentres a economía China non acaba de arrincar, lastrando as importacións.
Tanto é así que a neozelandesa Fonterra, unha das principais exportadoras ao país asiático, tivo que refuxiarse este verán no norte de África, con vendas de leite en po a baixo prezo a Alxeria, para cubrir o oco deixado por China, que está ao mesmo tempo a aumentar a súa produción, até alcanzar na actualidade un nivel de autoabastecemento superior ao 75%.