“Hai 20 anos os nosos obxectivos na granxa eran outros, críase que aumentar e dimensionar a gandería era a vía para lograr unha maior rendibilidade. Hoxe vémolo doutro xeito, estamos nun mundo global, que evoluciona moi rápido e non podemos vivir de costas a iso, nin atoados nos conceptos que se manexaban daquela en xestión ou produción ”, reivindica José Taboada á fronte, xunto con seu pai, da Gandería Os Taboada.
Nesta granxa familiar asentada na aldea lucense de Soengas de Arriba, en Portomarín, levan máis de 40 anos centrados na produción leiteira e tamén tiveron épocas nas que ademais cebaban xatos. “Sempre fomos unha gandería con inquedanzas e un carácter innovador”, apunta José. De feito, foi a gandería na que se logrou o primeiro xato dunha fecundación in vitro, un feito punteiro no que contaron coa colaboración de Xenética Fontao e que convertía a esta granxa en pioneira non só a nivel galego senón estatal.
“Debemos ser moi conscientes de que somos produtores de alimentos de primeira necesidade e por iso coidamos ó máximo os nosos animais, xa que somos o que comemos”
Hai pouco máis de 5 anos deron un cambio de rumbo, comezaron a priorizar outros criterios cos que lograr animais máis sans e deixar de usar antibióticos e desparasitantes convencionais. Buscan a eficiencia e optimizar os recursos cos que conta a gandería para producir leite dun xeito sostible. “Os gandeiros debemos ser moi conscientes de que somos produtores de alimentos de primeira necesidade e por iso coidamos ó máximo os nosos animais, xa que somos o que comemos”, reafirma.
José Taboada ademais de gandeiro é veterinario e compaxina o traballo na granxa, cos labores de asesoramento noutras granxas de vacún de leite e carne en colaboración coa firma comercial GAV-Allfeed, de Jordi Tost. Tanto a súa formación como a experiencia comercial están moi vinculados a este xiro na súa propia granxa.
Un rabaño de Frisoas e Fleckvieh
Un dos primeiros cambios que introduciron na gandería nesta aposta por un modelo máis sostible foi contar con outras razas, xa que tiñan un rabaño puro de Holsteins. “Acordamos meter outras razas non só por unha cuestión de eficiencia senón polas necesidades de mercado tanto a nivel nacional como mundial”, explica. Apostaron polas vacas Fleckvieh élite de leite, en colaboración con Genetic Austria, e polo cruzamento de Fleckvieh-frisoa.
Así, entre o branco e negro predominante das frisoas noutros tempos fóronse abrindo paso os tons pardos das vacas Fleckvieh. Hoxe, na gandería en pleno proceso aínda de transición, teñen unhas 70 vacas en muxido.
“Ó introducir outras razas na granxa foi cando vimos claro que tamén tiñamos que cambiar o modelo empresarial da gandería”
Unha viaxe do gandeiro a granxas austríacas acabara de convencelo non só do potencial da raza Fleckvieh, coñecida pola súa rusticidade, rendementos e lonxevidade, senón tamén da necesidade de seguir afianzando un modelo de produción no que xa están centrados países como Austria ou Alemaña. “Ó introducir outras razas na granxa foi cando vimos claro que tamén tiñamos que cambiar o modelo empresarial da gandería”, indica.
Na gandería optaron por un sistema mixto, onde combinan o pastoreo co aporte dunha ración a base de silo de herba, penso e herba seca que lle proporcionan cada día co carro mesturador. Así, o lote de vacas en lactación sae ó pasto sempre que é posible. “Temos moitas fincas que boa parte do ano están anegadas ou con moito caudal de auga, polo que non podemos levar as vacas para elas tanto como nos gustaría”, explica. Mentres, tanto as xovencas como as vacas secas pasan fóra boa parte do ano.
“En Galicia hai cabida para todo tipo de granxas: ganderías intensivas, de pastoreo, mixtas,en ecolóxico,ou rexenerativas, xa que cada unha delas produce para un determinado nicho de mercado e consumidor. Do mesmo xeito, hai espazo para granxas grandes e para pequenas ganderías familiares, pero cada unha ten que ver o modelo de xestión que mellor se lle axusta, posto que queiramos ou non recoñecelo a granxa é unha empresa. Nós optamos polo sistema mixto porque é o que mellor se nos axusta”, valora.
Protocolos de saúde
O cambio de modelo tamén implicou marcarse novos obxectivos e xeitos de traballar. “Apostamos pola simplicidade nos protocolos e pautas de traballo, para que as tarefas poidan ser levadas a cabo sen complicación e tentar así ser máis eficientes”, detalla.
“Nós procuramos animais sans, con protocolos de saúde. A maioría das granxas seguen centrándose nos protocolos de enfermidade, para tratalas ou previlas”
Inciden en incorporar protocolos de saúde, máis alá da prevención, procuran animais fortes e sans que non enfermen e, no caso de facelo, que conten cun sistema inmunolóxico que responda de xeito rápido e contundente sen necesidade de tratar os animais con antibiótico. “Na maior parte das granxas séguense protocolos centrados na enfermidade e en tratar os animais para que non enfermen, nós queremos ir un paso máis aló e procuramos saúde”, explica Taboada, quen reivindica tamén o papel fundamental dos veterinarios na saúde pública, non soamente cos animais.
Para lograr un manexo áxil inclúen protocolos específicos en cuestións como a desparasitación do gando, na que optan por produtos como as pedras Gav-Allfeed Replyn, que comercializa a empresa coa que colabora José. Trátase dun bloque de minerais e aceites esenciais para o control das moscas, insectos e parasitos, xa que ten un efecto desparasitante interno e repelente externo. Deste xeito deixaron atrás os desparasitantes convencionais.
Ademais, na granxa apostan por optimizar os recursos propios para así conseguir unha maior rendibilidade da actividade e reducir a dependencia de insumos externos ó máximo. Contan con pradeiras, onde medran variedade de especies como os raigrases inglés e italiano, distintos trevos ou dáctilos. “Temos pradeiras permanentes e facemos segas tardías”, explica José.
Tamén é habitual ver nos seus prados especies como dentes de león ou as labazas, consideradas por moitos gandeiros de vacún de leite como ‘malas herbas’. “Non deixamos que invadan a pradeira, temos certo control sobre elas, pero cando as vacas entran no prado, as labazas son o primeiro que comen e iso débese a que tamén lle fan un aporte importante”, explica o veterinario, ó tempo que recorda que estas especies teñen propiedades diuréticas, son estimulantes do sistema inmunolóxico e aportan distintas vitaminas ademais de ter efectos antioxidantes.
En liña coas directivas europeas
Na Gandería OsTaboada teñen fixados obxectivos a curto e longo prazo cos que conseguir este cambio a un modelo mixto e sostible. A nivel de granxa, co cambio de raza e alimentación, queren lograr animais máis lonxevos. “Buscamos un maior número de partos por vaca, porque somos moi conscientes do custo da recría”, indica Taboada. Deste xeito, pretenden destinar a recría tanto á venda como a cruce industrial de cebo.
“Buscamos un maior número de partos por vaca, porque somos moi conscientes do custo da recría”
Ó centrarse en lograr animais que aguanten en pleno rendemento máis tempo na gandería buscan incrementar os rendementos netos por animal. “Con este plan na granxa tamén pretendemos lograr unha maior calidade de vida”, comenta José.
Nun marco máis global, nesta gandería lucense traballan dende hai tempo xa cos obxectivos que está marcando Europa nas súas últimas políticas verdes e nas que se encadran tamén os novos requisitos da PAC. Teñen moi presente a importancia de reducir a pegada de carbono da súa actividade gandeira e para iso tentan aproveitar ó máximo as forraxes que teñen dispoñibles.
Ademais, están empezando a facer prácticas rexenerativas. Grazas ás vacas en produción e en maior medida ós animais secos e ás xovencas conseguen manter limpas parcelas que doutro xeito ficaban abandonadas. A protección da biodiversidade, tanto de fauna como de flora nas súas pradeiras é outro dos eixes do seu día a día.
“Eliminar tanto antibióticos como desparasitantes convencionais fai que xa teñamos unha maior cantidade de diversidade de flora e fauna nas nosas pradeiras”
A redución de plásticos é outro dos obxectivos que teñen moi presente con pequenos xestos que van marcando diferenza. “Empregamos un selador dos tetos que ven nun bote dun litro e temos capacidade para diluílo a 50 litros, co que se reduce o plástico das garrafas”, sinala o gandeiro. Nesa mesma liña, tamén están involucrados nun proxecto para reducir os envases de plástico dos deterxentes. Ademais, levan xa máis de 4 anos traballando con deterxentes sen cloro, unha herdanza dunha das empresas coas que José colaborou como comercial.
Con todo, o maior cabalo de batalla de José na gandería é lograr eliminar tanto o uso de antibióticos como de desparasitantes convencionais. “Non é só un tema de seguridade e saúde pública senón tamén polo impacto que teñen no entorno. Eliminar tanto antibióticos como desparasitantes convencionais fai que xa teñamos unha maior cantidade de diversidade de flora e fauna nas nosas pradeiras”, reivindica o gandeiro.
A eliminación de uso antibióticos no gando ábrelle a porta a que o seu leite se destine á elaboración de produtos como o leite en po para bebés, máis esixentes en canto á presenza de residuos polo uso de medicamentos. O destino do leite que comercializa a gandería é a empresa Inleit situada en Curtis (A Coruña) e especializada na transformación do leite en produtos de alto valor engadido.
Granxa piloto e certificación pioneira
A gandería Os Taboada é ademais unha granxa piloto na que José está testando algúns dos produtos que van comercializar na firma coa que colabora. Os produtos que foron xa aprobados e cumpren coas normativas legais vixentes, atópanse na fase final, previa ó seu lanzamento ó mercado. Estas probas en granxa permítenlle coñecer de primeira man as propiedades e a resposta do gando e ofrecer un mellor asesoramento ás ganderías.
Nestes momentos na granxa teñen un lote de vacas ás que lle están proporcionando un aporte de nutracéuticos que lles axuden a reducir o estres por calor. Así, pese a que a granxa conta con sistema de ventiladores, nestes últimos días abafantes de calor tívoos apagados ó conseguir que o gando se mantivese deste xeito confortable. “Coa nutracéutica búscase que os animais estean sans e cando enferman teñan unha mellor capacidade de curación. Este tipo de tecnoloxía é presente e vai ser tamén o futuro”, concreta.
Nun segundo lote de gando están a comprobar a mellora da eficiencia alimentaria que proporciona un dos seus novos produtos. “Estase coidando moito a calidade das forraxes, polo que é tempo de ir un paso máis alá e conseguir mellorar a conversión que o animal fai dese alimento”, indica o gandeiro. Dita conversión, en función do animal en cuestión, pode traducirse en quilos de leite, en quilos de graxa e proteína ou en carne.
Xunto con estas probas, a granxa colabora con universidades nacionais e internacionais no desenvolvemento de estratexias de alimentación máis eficientes, con axustes na ración do gando.
A Gandería Os Taboada atópase agora en pleno proceso de avaliación para obter o novo selo de calidade ELUA
Ademais, a Gandería OsTaboada atópase en pleno proceso de avaliación para obter o novo selo de calidade ELUA: explotacións libres de uso de antibióticos e desparasitantes convencionais, con leite A2A2. Así, agardan que sexa unha das granxas pioneiras en lograr este selo europeo. Ademais de ter eliminado o uso de antibióticos e desparasitantes convencionais, boa parte do seu gando produce leite A2A2.
Esta acreditación de calidade, na que José Taboada está moi involucrado, establece tamén un amplo abano de protocolos que permitan traballar na redución do uso de antibióticos. Estas pautas inciden en cuestións como o desparasitado, secado do gando, o coidado e manexo da recría máis nova ou dos baños podais sostibles.
Lograr este selo de calidade supón o apoio a un modelo de gandería que procura unha produción máis sostible. “O consumidor está cada vez máis pendente da crianza que se fai dos animais e nós temos que ofrecerlle o que demanda. Nós queremos promover saúde tanto nos nosos animais como nos nosos consumidores finais, xa que realmente somos o que comemos”, conclúe José Taboada.