O conselleiro do Medio Rural, José González, avoga por unha estabilidade nos prezos do leite, que lle garanta aos gandeiros cubrir os custos de produción e obter unha marxe de beneficio. O titular de Medio Rural manifestou esta postura durante unha reunión con representantes da distribución alimentaria con presenza en Galicia. En dita reunión estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias,
Esta xuntanza forma parte da rolda de contactos que mantén periodicamente o Goberno galego con todos os axentes sectoriais. Segundo explicou González, trátase de impulsar este eido produtivo clave do rural galego, co fin de garantir o seu futuro e a remuda xeracional nas explotacións. Ademais, destacou que con este encontro péchase o ciclo de reunións sectoriais, tras as mantidas con representantes das organizacións profesionais agrarias e da industria.
Nesta liña, o conselleiro insistiu na idea de que sen gandeiros non hai industria nin distribución. Por iso, concluíu -tal e como sinalou este mesmo martes nunha visita a Carrefour- que é preciso apostar por un prezo axeitado para os consumidores finais, pero tamén cómpre traballar por un prezo adecuado para os gandeiros e para a industria. Engadiu que neste intre “non pode haber ningunha baixada de prezos do leite, para non entrar nunha situación de venda a perdas” por parte dos gandeiros, que ademais “legalmente non se pode consentir”, remarcou. E reiterou que a Xunta quere “ir da man” de toda a cadea de valor do leite (gandeiros, industria e distribución) para conseguir ese obxectivo de estabilidade nos prezos.