Mantense a actual perspectiva de estabilidade nos prezos de compra do leite para os vindeiros meses, cando menos até a renovación de primavera. As empresas con recollida en Galicia estiran os seus contratos actuais até o 31 de marzo sen reducións significativas no prezo base e nos demais complementos.
O mantemento dos prezos máis aló do mes de decembro permite ás ganderías pechar un bo ano, no que o prezo medio dos 12 meses se sitúa por enriba do de 2022 e no que insumos como o penso ou os fertilizantes reduciron o seu custo. Encárase así o comezo de 2024 sen ameazas de baixadas inminentes no prezo do leite e despois de que as anunciadas para este outono non se teñan consumado.
As dúas industrias con maior volume de entregas neste momento na comunidade, a multinacional francesa Lactalis e a compañía lucense Leite Río, están a competir entre si por contratos de subministro a grandes superficies e míranse de reollo tamén á hora de comprar a materia prima.
Lactalis e Leite Río míranse de reollo nas ofertas ás grandes superficies e ás ganderías
As dúas buscan incrementar os litros comprados e envasados, o que está a tirar dos prezos no campo. No caso do Grupo Lence, ten previsto poñer en marcha de cara ao vindeiro ano unha nova liña de envasado na súa planta Ceao II, que estaría destinada a brick e que se sumaría ás xa existentes para leite, nata e batidos.
Lactalis mantén prezos e arrastra ás demais
Lactalis mantén o prezo actual (o establecido no contrato do mes de agosto) até marzo, cun novo contrato continuista de catro meses. A multinacional francesa prescinde do complemento empresarial e mantén o prezo base en 44 céntimos, ao que se engadirían as primas de benestar (de 1 a 1,2 céntimos), pastoreo (1 céntimo) e dobre AA (1 céntimo con menos de 25.000 xermes e 240.000 células).
Lactalis paga máis os sólidos que Leite Río, a súa principal competidora neste momento, tras subir a 0,4 céntimos a décima de graxa no anterior contrato
En canto ás calidades, a multinacional francesa subiu a décima de graxa a 0,4 céntimos no anterior contrato e mantén en 0,3 a de proteína. A prima de volume inclúe 8 tramos, cun máximo de 3 céntimos: 3 céntimos no caso de granxas de máis de 200.000 litros; 2,7 entre 150.000 e 200.000; 2,5 entre 100.000 e 150.000; 2 entre 75.000 e 100.000; 1,7 entre 50.000 e 75.000; 1,2 entre 35.000 e 50.000 e 0,5 entre 20.000 e 35.000). Deste xeito, o prezo final, no mellor dos casos, quedaría no entorno dos 49 céntimos.
Lence e Celta reaccionan tras quedar descolgadas
O Grupo Lence, que asinara por dous meses (novembro e decembro) cunha baixada de entre 2 e 3 céntimos, reaccionou asinando un novo contrato nas explotacións, que entraría xa en vigor no mes de decembro e co que recúa na rebaixa aplicada (que se mantería, iso si, no leite entregado en novembro por estar xa o contrato rexistrado na AICA).
O descontento pola baixada aplicada é evidente nalgunha das súas granxas, o que levou á empresa propietaria de Río e Leyma a negociar os prezos do novo contrato de maneira máis individualizada e a recuperar de novo a prima de fidelidade para incrementar o prezo e compensar ás explotacións.
O Grupo Lence racha o contrato do mes de decembro e recupera a prima de fidelidade para subir o prezo ás explotacións
O prezo base mantense nos 43,7 céntimos de novembro, ao que habería que engadir as primas por calidades (0,3 céntimos a décima de graxa e proteína), certificación de benestar (0,01 céntimos), bacterioloxía (a super A de Lence sitúase en menos de 30.000 xermes e menos de 250.000 células e págase a 0,01 céntimos) e volume (de 40.000 a 60.000 litros 1 céntimo e máis de 60.000, 2 céntimos).
A prima de fidelidade, que a empresa volve recuperar no contrato, fai que o prezo final do Grupo Lence até marzo varíe, en función da granxa, entre os 46 céntimos no caso das ganderías máis pequenas e os 48,5 céntimos en casos de explotacións grandes ou grupos de ganderías que negocian en conxunto.
O prezo final de decembro a marzo inclúe medio céntimo para compensar a baixada aplicada en novembro, polo que no cómputo global dos 5 meses Lence estaría baixando o prezo do leite para as 356 explotacións que entregan a Leyma e Río medio céntimo.
Celta ofrece un céntimo máis en xaneiro, febreiro e marzo para compensar a baixada de céntimo e medio de novembro e decembro
A mesma estratexia de compensar a baixada no leite do primeiro trimestre está a seguir Leche Celta, a outra empresa que quedou descolgada nos prezos por ter asinado tamén un mes antes cas demais. A planta de Pontedeume non variaría o contrato asinado, que recolle unha baixada de 1,5 céntimos para novembro e decembro, pero está a ofrecer ás súas ganderías recuperar estas cantidades nos meses de xaneiro, febreiro e marzo, nos que pagaría un céntimo por enriba do prezo de outubro, antes de ter aplicado a rebaixa, co que o prezo resultante para o primeiro trimestre de 2024 no caso das granxas de Lactogal moveríase no entorno dos 48 céntimos, quedando aínda medio céntimo máis baixo que Lence e un por debaixo de Lactalis.
Reny Picot segue sendo unha das empresas que mantén prezos máis desiguais no campo
Empresas como a catalana TGT, que aplicara unha baixada de 3 céntimos en novembro, ou Queserías Sarrianas, que baixou 2, poderían verse tamén obrigadas a dar marcha atrás de cara ao mes de xaneiro, mentres no caso de Reny Picot, segue sendo unha das empresas que mantén prezos máis desiguais no campo, con máis de 5 céntimos de diferenza entre unhas granxas e outras. O prezo base de renovación sitúase en 43 céntimos logo de ter baixado un céntimo o mes pasado á maioría de explotacións, pero a empresa asturiana aplica despois unha serie de pluses moi dispares que permiten recuperar o prezo final a algunhas delas.
Pugna entre as industrias do brick para captar clientes
Segue a ser un bo momento para as industrias centradas en envasar leite líquido, que son as que están a pugnar por novos clientes. Os prezos do leite nos supermercados seguen manténdose en niveis elevados e o anuncio do Goberno de prorrogar até xuño de 2024 a rebaixa ao 0% no tipo de IVE aplicado aos produtos lácteos podería contribuir a manter o consumo.
Pero a intención dalgunha cadea de distribución de volver ao sistema de poxa para as compras de leite ameaza con reducir as marxes das industrias envasadoras e tirar do prezo do leite en orixe cara abaixo.
O risco de volver ao sistema de poxas na distribución reduciría as marxes das industrias envasadoras e tiraría do prezo do leite en orixe cara abaixo
A cooperativa Clun, por exemplo, vese obrigada en ocasións a facer ofertas agresivas na súa marca branca para dar saída a excedentes, o que desestabiliza aos seus competidores: Iberleche (Celta), Lactalis e Grupo Lence, tres da industrias que máis marca branca envasan en Galicia neste momento.
No caso das empresas que traballan en exclusiva cunha única cadea, caso de Naturleite ou Entrepinares, non dependen tanto destas subastas puntuais, pero eses movementos á baixa acaban tamén producindo un efecto contaxio en todo o sector.
Entrepinares mantén o prezo en decembro e xaneiro e baixa un céntimo en febreiro e marzo
Entrepinares, que deixou algunha granxa por discrepancias, asinou por catro meses, mantendo o prezo base en 49 céntimos en decembro e xaneiro e baixando a 48 nos meses de febreiro e marzo, á espera de que as cotizacións do queixo e do soro en po melloren para recuperar o volumen de crecemento que mantivo a planta de Vilalba desde a súa creación.
Naturleite, proveedora tamén de Mercadona e que vén de mercar a fábrica de Meira de Cereais Rego, nunha estratexia de diversificación pola que leva anos apostando a súa matriz, a cooperativa cordobesa COVAP, asinou contrato de momento só por dous meses, decembro e xaneiro, a un prezo base de 46 céntimos, aos que se sumarían 0,5 céntimos por benestar, 0,5 por boas prácticas medioambientais y 1 por calidade hixiénico-sanitaria AA (aínda que Naturleite penaliza as células e a baterioloxía por mostra diaria en vez de facelo pola media mensual).
Cambios para 2024 na tendencia aos contratos a curto prazo
A totalidade das industrias, agás Inleit, que asinou por un ano en primavera, apostaron en 2023 por ir facendo contratos ponte de pouca duración, de 2, 3 e 4 meses, por medo ás incertas perspectivas futuras.
Esta estratexia obriga ás industrias a estar revisando e renegociando constantemente pero minimiza os riscos ante unha caída brusca, aínda que non evita quedar momentáneamente fóra de mercado, como lles aconteceu a Celta e Río na última sinatura de contratos en outubro.
Agárdase un alongamento da duración dos contratos de primavera para garantir os volumes de recollida ante o risco que supón a EHE
Agárdase que as industrias opten por alongar un pouco a duración dos contratos na primavera, para evitar o desgaste de estar cada poucas semanas renegociando coas súas granxas provedoras para manter os volumes de recollida, que se poderían ver comprometidos o vindeiro ano como consecuencia da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica.
Á espera desa renovación xeral de contratos en marzo, en xaneiro volverá haber pequenos movementos no mercado do leite en Galicia, xa que a comezos de ano quedan libres algunhas das explotacións afectadas polas rutas que deixan de recoller Pascual e Nestlé na provincia da Coruña, polo que é probable que volva haber certa disputa entre Lactalis e Río por facerse con algunha delas, igual que pasou estes días no caso da que deixa Entrepinares.
Larsa deixará de recoller en xaneiro a varias pequenas ganderías na Mariña
Se o panorama actual de demanda de leite non cambia de cara á primavera, as explotacións que estean situadas en zonas onde operan o resto de empresas non terían dificultades para atopar novo comprador. O problema atópano granxas de pequeno tamaño situadas en zonas máis illadas ou alonxadas das principais rutas de recollida. É o caso de cando menos tres granxas de Larsa na Mariña, na zona de Foz e O Valadouro, que non teñen polo momento quen lles recolla o leite a partir do 1 de xaneiro. Este tipo de ganderías teñen cada vez menos opcións de entrega e un diferencial de prezo maior.
Prezo medio anual 8 céntimos superior a 2022 e aumento das diferenzas entre comunidades
O 2023 comportouse de xeito moi volátil, con redución de prezo na primeira metade do ano (de febreiro a agosto) e mantemento do prezo de compra sen apenas variacións a partir de entón.
O prezo medio final do ano estará en torno aos 54,5 céntimos en España e 52,3 en Galicia, uns 8 céntimos por enriba da media de todo o ano 2022: 46,6 céntimos no conxunto das 17 comunidades e 45,4 en Galicia.
España segue mantendo prezos medios superiores aos europeos: 6,5 céntimos máis en outubro
Dentro de España, Galicia segue a ter un diferencial negativo con respecto a outras comunidades veciñas: 5,3 céntimos en setembro con respecto a Asturias e 4,9 con respecto a Castela e León.
Algunhas das industrias que mercan tanto en Galicia como nesas outras comunidades (caso de COVAP ou CAPSA) comprometéronse a ir reducindo esa diferenza de prezo, que ao longo deste ano se foi incrementando.
A suba da manteiga reflota o contrato de Larsa
No caso da asturiana CAPSA, en Galicia ofrece aos gandeiros de Larsa manter as condicións actuais, as asinadas en agosto, cun novo contrato de catro meses de duración até marzo co 70% do leite a 50 céntimos de prezo base e o outro 30% vinculado á súa habitual fórmula de manteiga e leite en po, dous produtos industriais que están a repuntar nas últimas semanas, sobre todo a manteiga, o que eleva o prezo variable do 30% do leite dos 32 aos case 38 céntimos e deixa o prezo base medio total en 46,3 céntimos neste momento.
Larsa opta por alongar tamén o contrato de agosto até o 31 de marzo
No caso de contar con calidade hixiénico-sanitaria extra, que se move no caso de Larsa en parámetros esixentes por debaixo de 190.000 células e 25.000 xermes, difíciles de lograr durante os meses de verán, supón 1,5 céntimos a maiores (medio céntimo no tramo de menos de 50.000 xermes en bacterioloxía e 250.000 células somáticas).
En canto ás primas por volume, nas granxas de máis de 250.000 litros ao mes supoñen 4,5 céntimos, o que deixaría o prezo final en decembro rozando os 51 céntimos. No caso das ganderías máis pequenas, compensan normalmente unha prima por volume moito máis baixa coa prima de 1,5 céntimos de pastoreo. Os sólidos páganse a 0,3 céntimos a décima de graxa e proteína.
A suba da cotización internacional da manteiga nas últimas semanas permite a Larsa ofrecer prezos máis atractivos para os vindeiros meses
Mentres, a matriz do grupo pagou aos seus gandeiros socios en Asturias a 58,5 céntimos en setembro e a 57,5 en outubro, sempre que se consuman os distintos produtos e servizos que ofrece a cooperativa a través de ASA, como a compra do penso, os carros mesturadores para facer a ración ou os servizos veterinarios e de nutrición.
Central Lechera Asturiana conta en Asturias con pouco máis de 900 ganderías con entregas de leite e prevé o peche de máis de 150 granxas en 2024
O sobreprezo existente con respecto aos produtores non socios en Galicia trata de manter con vida un sector que agoniza, xa que Central Lechera Asturiana está a sufrir un goteo constante de peche de granxas (entre 8 e 10 ao mes) e prevé para o vindeiro ano uns 160 abandonos, debido á elevada media de idade dos seus socios.