As industrias lácteas pechan contratos á baixa ata o outono

A maioría de empresas opta por presentar propostas finais no arco dos 44-48 céntimos, con casos nos que se chega ós 50 céntimos. Unións Agrarias anuncia unha denuncia ante o Tribunal de Defensa da Competencia por presunta concertación de prezos

As industrias lácteas pechan contratos á baixa ata o outono

Estes días estase a confirmar a xa anunciada volta de torca sobre os prezos do leite. Tralas baixadas da primavera, as industrias lácteas entregáronlle ás granxas as súas propostas finais de contratos a partir de agosto con novas caídas do prezo, que poden chegar ata os 5 céntimos. É unha situación para a que Unións Agrarias considera que non existen motivos de mercado suficientes, polo que anuncia unha denuncia ante o Tribunal de Defensa da Competencia por presunta concertación de prezos.

O mercado lácteo europeo está revolto nos últimos meses, con tendencia á baixa dos prezos no campo en toda Europa. O motivo principal, a baixada xeralizada nas cotizacións dos produtos lácteos industriais (leite en po, manteiga, queixos), que foi acompañada dun lixeiro aumento das entregas de leite, en comparación co ano anterior (+ 0,8% ata maio). É dicir, hai máis oferta de leite no mercado e o valor engadido que se obtén del é máis baixo.

É un escenario que Unións Agrarias recoñece, pero a organización advirte das singularidades do mercado español, no que, a diferenza doutros países de Europa, máis do 40% do leite se comercializa como leite líquido.

“Cando o leite se revalorizou no campo, as cadeas de supermercados subiron o prezo arredor de 30 céntimos. Pero cando baixou no campo na primavera, o leite no súper seguiu igual. Por tanto, alguén estase quedando cos cartos” (Roberto García, Unións Agrarias)

“Cando o leite se revalorizou no campo o pasado ano, as cadeas de distribución subiron os prezos do leite líquido nos liñais arredor de 30 céntimos. Trala baixada de prezos da primavera, que rondou os 6 céntimos no campo, o prezo do leite mantívose sen cambios no supermercado. Por tanto, alguén se estivo quedando con eses cartos nos últimos meses, ou industrias ou distribución”, advirte o secretario xeral de Unións, Roberto García, que ofreceu hoxe unha rolda de prensa.

A nova baixada de prezos no campo que están a pechar as industrias, aínda sen baixadas do leite nos liñais, suscita as críticas da organización agraria, que considera que as empresas están pegándose un tiro no pé.

“Levou moitos anos conseguir prezos do leite no supermercado que permitisen unha remuneración xusta en toda a cadea, tanto para granxas como para industrias. Se agora as industrias baixan o leite por iniciativa propia, dirixímonos cara a situación anterior, pois as cadeas de distribución, loxicamente, acabarán por reducir os prezos nos liñais”, advirte Óscar Pose, responsable da organización de produtores Ulega, de Unións Agrarias, que tamén compareceu na rolda de prensa de hoxe.

A organización agraria salienta que, a pesar da suba de prezos do leite, houbo un aumento no consumo de leite líquido no supermercado, segundo os últimos datos do Ministerio, se ben cun trasvase de entre un 2 e un 4% de cota de mercado das marcas de fabricante ás marcas brancas da distribución. No lado negativo do consumo, si que se apreciou unha baixada na compra de queixos e iogures.

Propostas de contratos
Unións considera “curioso” que a pesar de que as industrias lácteas son “moi diferentes en tipo de produto obtido, o que implica custos e marxes moi diferentes, todas lle impoñen ós gandeiros un prezo moi similar, con duracións similares e estratexias de presentación de ofertas similares”, cuestiona a organización agraria. Ese é un dos motivos polos que a organización agraria anuncia a presentación dunha denuncia no Tribunal de Defensa de la Competencia, por un presunto caso de “concertación de prezos”.
De forma paralela, a organización pedirá a intervención das axencias de control alimentario do Ministerio de Agricultura e da Xunta de Galicia.

Prezos finais
A maioría das granxas galegas está a asinar estes días contratos que se moven nun arco entre os 44 e os 48 céntimos, en función do volume de entregas. Na parte alta de prezos, como adoita ser habitual, quedarían as industrias que traballan en exclusiva con Mercadona, como Naturleite ou Entrepinares, que para agosto manteranse nos 50 céntimos, se ben Naturleite cunha baixada posterior de 2 céntimos a partir de setembro.

Acúrtanse as diferenzas entre as granxas con maiores volumes de entregas e as máis pequenas

Un novo elemento a ter en conta é que se acurtan as diferenzas de prezos entre as granxas de maior volume, con prezos máis altos, e as máis pequenas, con prezos máis baixos, pois agora o diferencial móvese no entorno dos 4 céntimos, cando o ano pasado chegara a ser de ata 12 céntimos.

Dos contratos que se están a mover no campo, Unións Agrarias critica en especial o contrato de Larsa, que propón unha fórmula na que o prezo do 70% do leite abónase a 50 céntimos e o restante 30%, ligado a produtos industriais, a pouco máis de 33,2 céntimos, segundo as cotizacións actuais, co que quedaría un prezo medio no entorno dos 45 céntimos máis primas.

“Existe un diferencial de 5,5 céntimos entre os prezos que paga en Asturias Capsa (Clas) -a empresa propietaria de Larsa- e o que abona en Galicia. Se facemos un cálculo desde xaneiro do 2021 ata maio deste ano, unha granxa galega media, de 400.000 litros, ingresou preto de 22.000 euros menos que unha similar de Asturias”, cuestiona Unións Agrarias.

“O diferencial de prezos entre o que paga Capsa (Clas) en Asturias e o que paga en Galicia, a través de Larsa, representa para unha granxa media unha perda de 22.000 euros desde xaneiro do 2021 ata a actualidade” (Roberto García)

A organización, como xa sinalara días atrás, pide que a Xunta evite as axudas a Larsa en tanto ese desequilibrio non se corrixa. Nos próximos días, Unións anuncia tamén o lanzamento dunha campaña de recollida de sinaturas para que este problema se aborde no Parlamento galego.

Capsa, pola súa parte, consultada sobre o caso recentemente por ‘Campo Galego’, preferiu non dar resposta ás acusacións da organización agraria, coa que mantén un desencontro marcado nos últimos anos.

Expectativas de mercado
De cara ó outono, as expectativas no prezo do leite deberían ser positivas, a entender de Unións Agrarias. O escenario de seca que atravesa a maior parte de España e boa parte de Europa, xunto co mantemento ou aumento dos custos de produción, “levarán a unha probable reducción da produción en Europa e, de xeito máis acusado, en España”.

Por ese motivo, Unións di non entender as propostas á baixa das industrias lácteas. A organización celebrará nos próximos días encontros abertos cos gandeiros para valorar a posibilidade de mobilizacións, ben ante industrias ou cadeas de distribución.

De cara á próxima renovación de contratos, a partir de outubro – novembro, o sector agarda ter maiores certezas das actuais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información