Archives

Pradeiras e cultivos forraxeiros máis resistentes á seca: alternativas en Galicia

Praderías secas este pasado mes de agosto no interior de Galicia Con escasas precipitacións desde o mes de xuño, a calor do verán fixo mella nos pastos e pradeiras de moitas zonas do interior de Galicia, que se ven totalmente secas. É o momento de facer actuacións de resementeira, pero tamén de “lanzar ideas e busca de alternativas para non estar a expensas do tempo”, afirma Juan Valladares, do CIAM. “Os raigrases ingleses non aguantan a seca do verán. Hai que empezar a investigar outras solucións. Cando se fai pastoreo, o manexo do gando pode influir no estado da pradeira, pero cando ven unha seca forte as gramíneas estánse comprometendo”, recoñece. Por iso, di, é necesario buscar alternativas ás combinacións habituais de raigrás inglés e trevo branco.  “O raigrás inglés aguanta mal. Hai que irse a recuperar as antigas variedades de gramíneas, como pode ser o dactilo”, propón.
O raigrás inglés aguanta mal a seca; hai que recuperar antigas variedades de gramíneas como o dactilo
En canto ás leguminosas, recomenda a combinación con trevo violeta. “Ten raíz máis profunda e aguanta máis a seca que o trevo branco. O problema do violeta é que dura dous anos e no terceiro ano xa se vén abaixo”, aclara. Resementeiras                          Unha consecuencia da alteración das condicións climatolóxicas é que para manter a pradeira e a súa produción forraxeira, ben sexa para pasto ou para ensilar, é preciso realizar actuacións de mantemento no outono. “Cando o raigrás se vén abaixo, obríganos a facer resementeiras de raigrás nesta época, ben mediante sementeira directa ou ben en superficie, para poder volver ter produción de raigrás na primavera. E coa introdución de trevo violeta tamén pasa un pouco o mesmo, xa que hai que botalo case todos os anos para que non nos desapareza da pradeira. Iso ao final é un gasto”, evidencia.
O trevo violeta ten raíz máis profunda e aguanta mellor a seca que o trevo branco pero obriga a resementar cada tres anos
A estratexia de rexenerar pradeiras secas mediante a técnica tradicional de repartir semente e logo botar xurro por enriba para garantir o grao de humidade mínimo que permita a súa xerminación pode servir para recuperar as variedades de herba perdidas pola seca no verán, pero non soluciona o problema de fondo. “Garantes ter pradeira para a primavera, pero sabendo que no verán seguinte vas a ter o mesmo problema”, insiste Juan. Para dispoñer de algo de herba cando o raigrás desaparece pola seca, o técnico do CIAM recomenda sementar o raigrás en combinación con trevo violeta, porque “o raigrás aguanta na primavera e o trevo violeta resiste máis no verán. A miña recomendación sería buscar variedades de raíz profunda, que aguantan máis a seca”, reitera. Menor dixestibilidade e produción de leite Con todo, hai que saber que “as plantas resistentes á seca son plantas que tardan en ceder a auga ao ambiente, polo tanto son plantas fibrosas e menos dixestibles”, aclara. Esta perda de dixestibilidade, sexa vía pastoreo, inxesta en verde no pesebre, ou vía silo na ración, leva aparellada inevitablemente unha perda na produción de leite por parte da vaca.  
As plantas resistentes á seca son plantas fibrosas que tardan en ceder a auga ao ambiente
Por este motivo, nos cultivos de inverno en rotación co millo considera que “hai que manter o raigrás mesturado con leguminosas, vén sexan trevos ou vezas”. Neses casos, como no verán se faría cultivo de millo, poderían manterse no cultivo de inverno as pradeiras anuais actuais, cun grande aporte proteico á ración. Dactilo Sen embargo, nas pradeiras permanentes que padecen a seca no verán, habería que estudar outras posibilidades. Á hora de valorar a introdución de especies de pradeira máis resistentes ao estrés hídrico en substitución do raigrás, Juan di que “das que coñecemos agora aquí, o dáctilo sería unha das alternativas”.  
O dactilo baixa a dixestibilidade un 20 ou 30% con respecto ao raigrás, e polo tanto, tamén a produción de leite
“O dactilo é unha gramínea que funciona ben no verán pero ten pouca dixestibilidade. Séguese usando algo en carne pero os gandeiros de leite xa a descartaron fai tempo por este motivo, porque o dactilo baixa a dixestibilidade un 20 ou 30%, e polo tanto, tamén a produción de leite”, di. Achicoria e chantaxe Na procura de pradeiras máis resistentes o CIAM vai facer durante os próximos dous anos un ensaio liderado por Cesar Resch con distintos tipo de mesturas que levan achicoria, chantaxe, e dáctilo para comparar os seus resultados coa mestura tradicional de raigrás inglés con trevo branco. “Queremos ver como se comportan agronomicamente, como se dan e que rendementos obtemos, e tamén como aguantan a nova climatoloxía dos veráns en Galicia, con altas temperaturas e baixas precipitacións e que cando veñen as chuvias son torrenciais”, describe Juan. A intención do CIAM é sementar estas pradeiras de proba este outono para dar a comer ás vacas esa herba a partir de marzo e abril do ano que vén e ver non só as posibilidades agronómicas, senón tamén o efecto na vaca. “A priori, son especies con menos dixestibilidade e, polo tanto, menor produción de leite”, avanzan. Alfalfa Outra posibilidade a valorar en función da zona sería a alfalfa. Probáronse fai 10 anos en Mabegondo con bos resultados e hai ganderías na provincia da Coruña, como Ugasma SL ou Agrociocende SC, situadas no concello de Boimorto, que levan anos botándoa como cultivo proteico de produción na propia explotación, como alternativa á compra de soia ou colza.   Alfalfa é unha leguminosa perenne de raíz profunda que require terreos neutros, con pH por enriba de 6. “Iso obrígache a encalar”, recoñece Juan. “Na zona costeira tes que estar encalando cada dous anos para controlar a acidez do chan, pero no interior de Lugo dáse perfectamente. É un cultivo interesante para ensilado ”, afirma.
Os ecotipos de alfalfa procedentes de Aragón e Tierra de Campos danse ben en Galicia
E mesmo como pasto tamén é interesante, di. “Aquí o tema é que sementas alfalfa pero vanche saír tamén outras cousas. En Castela sementas alfalfa e sáeche só alfalfa. Para pastoreo iso non é malo, porque non interesa que sexa un alfalfar puro, así non tes problemas metabólicos na vaca por exceso de proteína”, explica. A alfalfa permite facer entre 3 e 5 cortes ao ano e aguanta sen desaparecer 4 ou 5 anos. Hai distintos ecotipos de alfalfa, que son as que se cultivan no norte de España (en zonas de Valladolid, Aragón e Lleida principalmente).

“En zonas como Lalín, Sarria ou Chantada van ter que sementar algunhas parcelas a millo e outras a xirasol”

Cultivo de xirasol en Granxa Xustás SL, en Cospeito O cambio climático obriga a buscar pradeiras permanentes para pastoreo ou ensilado máis resistentes á seca, pero tamén a adaptar os cultivos de verán en función da zona e o tipo de solo. “Sobre iso pouco se leva feito e pouco se está a facer en Galicia”, recoñece Juan Valladares. A estratexia xeralizada das explotacións leiteiras segue a pasar polo cultivo de millo, este ano con escasos rendementos e baixa calidade nutricional nalgunhas zonas. “Este ano funcionaron ben as sementeiras tardías. O problema é o mes de xullo e este ano non choveu nada. Pero iso non o sabes, normalmente tes máis garantías cando sementas cedo porque garantes a humidade necesaria para unha boa nascencia”, razoa.
Nas zonas límite onde o millo non vai xa ben hai que probar novos cultivos
Como alternativa ao millo forraxeiro xorden outros cultivos como o sorgo, o xirasol, o pasto de Sudán ou os híbridos de sorgo con pasto de Sudán, pero practicamente inexistentes ou moi minoritarios a día de hoxe en Galicia.  “Nas zonas límite onde o millo non vai xa ben hai que probar estes novos cultivos e estase probando pouco. En comarcas coma o Deza, Chantada ou Sarria van ter que mirar de botar algunhas parcelas de millo e outras de xirasol”, di Juan.
As variedades actuais no mercado de xirasol ou sorgo non están traballadas xeneticamente para vacún de leite
Pero moitas destas novas alternativas de cultivos de verán non están especificamente dirixidas á produción forraxeira. “Cando empezamos cos ensaios de xirasol e sorgo vimos que as variedades actuais no mercado de xirasol ou sorgo non están traballadas xeneticamente para vacún de leite, no caso do xirasol porque se traballa o aceite oleico e no caso do sorgo porque e un cultivo que se dirixe a porcos e avicultura pero non a rumiantes”, aclara. Variedades de millo tolerantes ao estrés hídrico Como primeira opción, antes do cambio de cultivo, Juan recomenda buscar millos resistes á seca para estas zonas onde a climatoloxía compromete o stay green da planta. “Hai novas variedades de millo que toleran ben o estrés hídrico; cada ano están máis presentes nos catálogos de sementes das casas comerciais”, di.
Onde vai ben o millo, a preferencia é sempre botar millo
Ao igual que acontece no caso do dactilo comparado co raigrás, “calquera planta que sexa resistente ao estrés hídrico é menos dixestible; pásalle ao sorgo, ao xirasol ou ao pasto de Sudán”, advirte. Regos estratéxicos                                    Unha segunda recomendación tralo cambio de variedade de millo por unha resistente á seca, sería contar con infraestruturas de rega capaces de salvar un ano complicado coma este. Son os chamados regos estratéxicos para millo. “Levamos moitos anos recomendando iso desde o CIAM. En caso de que non chovera o necesario, habería que facer unha rega 10 días antes da floración para asegurar a floración e outro durante a floración para asegurar o cuallado do froito. E en caso de seca na primavera, un ao inicio para asegurar a nascencia se fose necesario”, detalla Juan.
Conséguense incrementos de 2 toneladas por hectárea regando antes da floración e no cuallado da espiga
Mabegondo fixo durante dous anos ensaio comparando o resultado de realizar un e dous regos estratéxicos (un 10 días antes da floración e outro para o enchido do gran) en comparación con parcelas nas que non se regaba. Nas fincas nas que se aplicaba 1 rego incrementábase o rendemento por hectárea en 0,7 toneladas e con 2 regos chegábase a melloras de 2 toneladas por hectárea. “Os resultados son interesantes e significativos, a pesar de que os anos nos que se fixo o ensaio foran normais, non faron anos secos. É dicir, isto nun ano bo de precipitacións, nun ano complicado a diferenza sería moito maior”, defende.
Habería que valorar o custo de facer unha balsa para auga comparado co custo de ter que mercar forraxe
Para poder levar a cabo este tipo de regas de emerxencia, que garanten ter produción de millo asegurada nun ano especialmente difícil climatoloxicamente coma este, o  primeiro é dispoñer de auga. “Hai que acumulala do inverno, en balsas que recollan a auga das baixantes do establo, por exemplo das baixantes. É máis rápido e doado facer unha balsa de auga na propia explotación que empezar con permisos de Augas de Galicia ou da Confederación Hidrográfica para captacións de pozos, fontes ou regatos. E logo habería que bombeala, mediante aspersión ou mediante goteo ás parcelas do millo”, explica. “Un ano coma este habería que facer contas, porque moitas explotacións van ter que mercar millo e habería que valorar o custo desa forraxe comparado co custo de ter unha balsa, unha bomba e as mangueiras. Facer unha balsa na propia explotación é a solución máis doada. Non parece unha solución moi cara e garánteche ter unha produción asegurada”, conclúe.   Xirasol En canto aos cultivos alternativos en substitución do millo para zonas límite e terreos difíciles (solos lixeiros e areosos que perden con rapidez a humidade), o xirasol é un dos que Juan defende como “máis interesante”.   “Fai anos falábase de que o xirasol tiña unha proteína moi alta, do 18%, pero non é así, a proteína do xirasol anda entre o 8 e o 9%, algo por enriba da do millo, pero non moito máis. A diferenza está en que o millo equivale a 8 UFL e o xirasol pode chegar a 1 UFL se agardas que o gran estea formado, porque ten aceite, entre o 15 e o 18% de aceite. Iso tamén obriga a que teña que ir mesturado con algo na ración para diluílo, porque a vaca máis do 6% de aceite non o tolera”, advirte. Mesturado na ración con silo de millo, a proporción idónea para a mestura sería dúas partes de millo por unha de xirasol.
O xirasol é máis resistente ao estrés hídrico que o millo; é unha alternativa interesante
Un dos hándicaps do xirasol é que existen poucos xirasois forraxeiros e a maioría das variedades comerciais actuais están xeneticamente modificadas para producir aceite oleico. “Para alimentación de gando vacún non nos interesa o aceite oleico, senón o linoleico, que a vaca transforma en ácido linoleico conxugado (CLA), que é cardiosaudable, igual que no liño”, aclara.
Para alimentación de gando vacún non nos interesa o aceite oleico, senón o linoleico
O xirasol é máis resistente ao estrés hídrico, pero menos produtivo que o millo. “O millo produce 14 toneladas de materia seca por hectárea, mentres que o xirasol produce 10, é dicir, un terzo menos. Pero como leva aceite, produce un terzo menos pero ten un 20% máis de UFL, polo que en rendemento leiteiro podería ser máis ou menos equiparable”, matiza. Para que acade o 15-18% de aceite habería que agardar 4-5 semanas despois da floración para recollelo. Ese seria o momento idóneo para o ensilado. Se se pasa a pipa endurece e perde dixestibilidade.
O momento ideal para o ensilado sería entre 4 e 5 semanas despois da floración
O xirasol require ademais duns coñecementos agronómicos específicos e dun manexo no silo diferente ao do millo. “A cabeza do xirasol en terras con pouca fertilidade queda pequena, pero se ten moita fertilidade a cabeza é moi grande e iso é un problema para as colleitadoras porque tende a caer cara fóra á hora da recollida. E para pisar no silo tamén é máis difícil porque patina a maquinaria”, explica. Unha solución sería ensilalo mesturado co millo, como fai a gandería Granxa Xustás SL, de Cospeito. Para ensílalo solo habería que embutilo como cando se fai o pastone, porque resulta moi difícil de manexar nun silo convencional de trincheira. Sorgo No caso do sorgo existe aínda menos experiencia en Galicia que no caso do xirasol. “Noutros países europeos estase traballando moito o sorgo en gran para animais monogástricos (porcos, aves) pero para forraxe en rumiantes moi pouco”, lamenta Juan. “Podería ser un cultivo interesante pero os sorgos que hai no mercado hoxe son menos dixestibles e teñen unha cantidade enerxética semellante ao millo, polo tanto en UFL están por debaixo do millo”, aclara. Pero en determinadas zonas pode resultar mellor deixar de plantar millo e apostar por unha alternativa de cultivo máis adaptada á climatoloxía da zona. “En Sandiás, na comarca da Limia, levamos 3 anos sementando sorgo, xirasol e millo. O xirasol é o que mellor responde, o millo por detrás e o sorgo é o que peor resulta. En cambio, en Mabegondo dáse ben, pero onde vai o millo, a preferencia sempre é botar millo”, defende.

“Grass Go, máis importante que nunca: unha boa pradeira será clave ante unha mala colleita de millo”

Nunha explotación gandeira cada decisión conta, e este ano a sementeira das pradeiras cobra aínda máis importancia. A seca está a afectar de forma importante ao desenvolvemento e á produción do millo, reducindo as previsións de forraxe dispoñible para os próximos meses. Ante este escenario, contar cunha pradería produtiva e ben implantada pode ser clave para compensar parte desa perda, asegurar alimento suficiente para o gando e manter a estabilidade da ración. Unha boa sementeira permite aumentar a autonomía forraxeira da explotación, reducir a dependencia de compras externas e dispoñer dunha forraxe de calidade producida na explotación. Pola contra, unha mala implantación pode agravar a falta de alimento e traducirse en maiores custos nun ano especialmente complicado.

“Unha pradeira ben implantada non é só un recurso máis: é a base da sustentabilidade da explotación”, explica Laura Vázquez, Técnica de Produción Vexetal de Delagro. “O noso traballo no campo demóstranos que cando se aplican prácticas sinxelas, pero ben planificadas, a diferenza en produción e rendibilidade é enorme”.

Preparar ben o terreo: a base de todo

O primeiro erro que cometen moitas explotacións é non darlle ao solo a importancia que merece. De pouco serve investir en boa semente se o terreo non está ben preparado. En Galicia, un dos problemas máis habituais é a acidez. Se non corrixes o pH a tempo, esquécete de que os trevos se implanten e persistan. E iso non é un detalle menor: sen trevo perdes proteína na dieta do gando.

Unha análise do solo é barata e dáche a información clave: pH, niveis de fósforo, potasio e a necesidade real de encalar. “É un paso que algúns gandeiros aínda pasan por alto, pero é clave”, apunta Laura Vázquez. “Se o solo non está equilibrado, todo o esforzo posterior pérdese. Corrixir o pH un ano antes da sementeira é un seguro de vida para a pradeira”.

Neste sentido, contar con produtos como Blue Land, a calcaria con bacterias desenvolvida por Delagro, supón unha vantaxe. Non só corrixe a acidez do chan, senón que mellora a actividade biolóxica e acelera a recuperación da fertilidade. “Con Blue Land conseguimos unha corrección máis eficaz e un solo vivo, preparado para que a semente exprese todo o seu potencial”, engade Laura Vázquez.

A semente: non todo vale

En demasiadas zonas de Galicia segue sendo habitual recorrer á chamada “semente de casa”, gardada de colleitas anteriores e sen certificar. A primeira ollada pode parecer un aforro, pero na práctica adoita saír moi caro. Esa semente non garante nin pureza, nin xerminación, nin sanidade. A miúdo, ademais de gramíneas, introduces malas herbas ou pragas que comprometen a pradería desde o primeiro día.

“Cando un gandeiro dime que usou semente de casa, sei que probablemente terá que gastar máis despois en corrixir problemas”, explica Laura Vázquez. “Por iso insistimos na importancia de utilizar mesturas certificadas como Grass Go de Delagro. Están deseñadas para asegurar xerminación, persistencia e adaptación ao noso clima. É pagar por tranquilidade e por quilos de forraxe asegurados”.

O calendario manda

Outro aspecto que non se pode deixar ao azar é a data de sementeira. Atrasarse unha soa semana no outono pode supoñer ata un 15% menos de produción total. E se falamos de sementeiras en novembro ou decembro, as perdas poden chegar ao 50%.

Isto ten consecuencias moi claras: menos forraxe na primavera, menos cortes de calidade e máis necesidade de comprar insumos. A clave está en organizarse con tempo: revisar a maquinaria, planificar o abonado e o xurro, e definir que mestura é máis adecuada segundo a data real de sementeira.

“O calendario é un factor decisivo”, subliña Laura Vázquez. “Un erro de poucos días tradúcese en semanas de atraso no aproveitamento. Vémolo cada campaña: quen se adianta e planifican, conseguen máis quilos e mellor calidade de forraxe”.

O xurro: un valioso recurso

Durante anos o xurro viuse máis como un problema que como un aliado. Con todo, ben xestionado é un fertilizante natural de gran valor. Aplicado xusto antes do labor de bancada ou fresado, achega nitróxeno, potasio e materia orgánica, reducindo a necesidade de fertilizantes minerais.

Hoxe existen produtos como Blue Cycle, que melloran o poder fertilizante do xurro, reducen os cheiros e aumentan a eficacia da súa aplicación. “O xurro é un recurso estratéxico que temos na granxa”, comenta Laura Vázquez. “Con tecnoloxías como Blue Cycle conseguimos que non só sexa máis fácil de aplicar, senón que realmente achegue máis valor á pradeira. Nun contexto de fertilizantes caros, esta é unha oportunidade que non se pode deixar pasar”.

Erros que custan produción

Na práctica do día a día, hai erros que se repiten e que acaban saíndo moi caros. Sementar en seco ou demasiado profundo é un deles. Outro, non calibrar ben a sementadora ou non dar un pase de rolo tras a sementeira. Tamén é frecuente ver como a maquinaria pesada compacta o chan, limitando o desenvolvemento radicular da pradeira desde o inicio.

E quizá o fallo máis común: non vixiar a pradeira o primeiros vinte días. É nese momento cando se detectan problemas de xerminación, ataques de aves ou fungos. Non actuar rápido nesas primeiras semanas significa perder densidade, homoxeneidade e, en definitiva, quilos de forraxe.

Pradeira an primeiro corte. Fotgo: Agraria Comarcal de Ordes

“No noso traballo de campo comprobamos que moitos dos fracasos veñen de descoidos básicos”, comenta Laura Vázquez. “Son detalles que se poden corrixir cun pouco de planificación e seguimento, pero se se pasan por alto, pérdese moito diñeiro en produción”.

Delagro, un aliado no campo

Cada explotación é diferente, e cada parcela ten as súas particularidades. Por iso, contar cun socio de confianza é fundamental. En Delagro poñemos ao dispor das gandeiros ferramentas e produtos pensados para maximizar o rendemento das pradeiras.

As mesturas Grass Go son un exemplo claro: deseñadas para achegar persistencia, calidade e adaptación a distintos usos, xa sexa corte, pastoreo ou aproveitamento mixto. A isto súmase unha ampla gama de fertilizantes e emendas que permiten axustar o abonado ás necesidades reais de cada solo.

Ademais, a ferramenta dixital Ferplan axuda a planificar sementeiras, abonados e producións, achegando seguridade e anticipación ás decisións. “Con Ferplan os gandeiros poden simular diferentes escenarios e adiantarse aos problemas”, sinala Laura Vázquez. “É como ter un mapa que che guía na xestión da pradería”.

Detrás de todo iso está o asesoramento técnico próximo, con profesionais que coñecen a realidade do campo galego e acompañan ao gandeiro en cada paso. “O noso compromiso é estar no campo, á beira do socio, axudando a que cada decisión some produtividade e sustentabilidade”, conclúe Laura Vázquez.

Sementar con cabeza para cultivar con tranquilidade

Ao final, investir en praderías é investir na estabilidade da explotación. Unha pradería ben implantada achega máis leite, máis carne e máis marxe económica. Reduce a dependencia de insumos externos, fortalece a sustentabilidade e permite mirar ao futuro con maior tranquilidade.

Sementar con cabeza significa preparar o solo, elixir semente certificada, axustar o calendario, aproveitar o xurro e evitar erros que restan produción. Significa tamén apoiarse nun socio como Delagro, que achega sementes, fertilizantes, tecnoloxía e asesoramento.

Porque unha pradería non é só herba: é o piar da alimentación do gando e da rendibilidade da granxa. E cando se fai ben, os resultados nótanse no peto e na tranquilidade do día a día.

Pradera en segundo corte. Foto: Agraria Comarcal de Ordes

Calizas Calfensa, beneficios para as praderías

Cando o solo ten un pH ácido, como o habitual en Galicia, os cultivos atopan maior dificultade para aproveitar os nutrientes, o que supón un handicap para o seu desenvolvemento. “Con frecuencia, atopámonos con análises de solos que teñen unha presenza alta de nutrientes, ata o punto de estar sobreabonados, pero eses nutrientes están pouco dispoñibles para os cultivos por ter o solo un pH ácido”, explican desde o departamento técnico agrícola de Calfensa.- “Para lograr un abonado eficaz, é preciso coidar a corrección do pH do solo”, subliñan.

No caso das praderías, a aplicación das calizas agrícolas pode facerse tanto en labores de fondo, aproveitando os traballos de renovación dos cultivos, como en superficie, tralo último corte de herba ou fin do pastoreo da parcela. “Nos encalados de mantemento, o efecto é que as calizas contribúen a rexuvenecer o cultivo, co que aumenta a produción e a calidade do ensilado”, destacan en Calfensa.

Dado que a acción dos produtos encalantes é por contacto directo, deberemos facer un esparexido homoxéneo por toda a superficie, mirando de incorporalo de inmediato no caso de traballos de fondo, para que os seus beneficios afecten á superficie que colonizará o sistema radicular das plantas.

Beneficios do encalado en solos ácidos
As condicións xeolóxicas e climáticas habituais en Galicia deparan solos ácidos nos que as plantas adoitan ter a disposición grandes concentracións de aluminio e manganeso, que en porcentaxes altos repercuten nun pobre desenvolvemento das plantas. O aluminio ten un impacto directo sobre as raíces, que aparecerán curtas e fráxiles, en tanto o manganeso causa un menor crecemento do talo.

A acidez do solo limita ademais a dispoñibilidade dos nutrientes principais, nitróxeno, fósforo e potasio. Así as cousas, o encalado aportaralle ós cultivos importantes beneficios:

• Bloquea parte dos ións de aluminio, ferro e manganeso, que poden estar en concentracións moi tóxicas para algúns cultivos.

• Evita o bloqueo e fixación dos fosfatos.

• No caso de que estea presente no solo, aumenta a accesibilidade do Molidbeno (Mo), un elemento fundamental.

• Mellora a estrutura do solo. Estabiliza os humatos e aporta calcio.

• Estimula a actividade dos microorganismos, o que repercute nunha mellor humificación e mineralización da materia orgánica.

• No caso das leguminosas en praderías polifitas, o encalado pode aumentar a cantidade de proteína da forraxe, ao incentivar o crecemento das leguminosas.

• Contribúe a un mellor desenvolvemento do sistema radicular das plantas, aumentando a superficie explorada por estas, sendo capaces de recoller mellor a auga e os nutrientes.

Contacto Calfensa

  • Teléfono: 982 30 59 02

Gama de produtos encalantes

Caliza agrícola
A caliza agrícola tradicional é un produto moi empregado e non caústico. O grao de finura do produto determinará o seu tempo de reacción no chan.

Outra cuestión a ter en conta é a capacidade da caliza para corrixir a acidez do chan, que se mide polo seu valor neutralizante. A caliza agrícola de Calfensa presenta un valor neutralizante de 50, polo que para a maioría de solos agrícolas galegos, caracterizados pola súa acidez, serán precisas doses de aplicación de 2.000 – 2.500 Kg. / hectárea.

Á hora de consultar o valor neutralizante dun produto, hai que ter tamén en conta que en Portugal teñen un sistema de medición diferente, polo que produtos portugueses cun valor neutralizante de 85 son equivalentes aos que en Galicia teñen 40.

Caliza magnesiana (Caliza agrícola + óxido de magnesio)
Os solos agrícolas galegos adoitan presentar carencias de magnesio, polo que Calfensa ofrece unha caliza agrícola que incorpora un 20% de óxido de magnesio. Así corríxense as deficiencias en calcio e magnesio, dous elementos importantes para mellorar a nutrición dos cultivos.

A incorporación do óxido de magnesio eleva o valor neutralizante do produto a 60, polo que a dose será lixeiramente inferior á da caliza agrícola tradicional. Nos últimos anos está medrando o consumo da caliza magnesiana, pois é unha necesidade en moitas zonas da comunidade.

“As analíticas de solo nas explotacións son cada vez máis habituais e con frecuencia adoitan revelar carencias de magnesio, que é un elemento importante para mellorar a nutrición dos cultivos”, explican no departamento técnico agrícola de Calfensa.

Caliza Magnesiana Granulada
De xeito complementario á caliza magnesiana en po, Calfensa lanzou unha caliza magnesiana granulada, coa mesma riqueza pero que pode ser aplicada directamente polo profesional, ao presentar un grao esférico como o do abono.

“Coa creación dun granulado de caliza magnesiana buscamos un produto de boa calidade que cubra as necesidades de clientes específicos, como pequenos produtores con hortas e xardíns, ou áreas verdes públicas”, explican en Calfensa.

É de destacar que o produto granulado precisa unha dose similár á da caliza en po.

“Con determinados produtos granulados, houbo mensaxes engañosas no mercado, pois recomendaban doses de aplicación moi inferiores ás aconselladas técnicamente, polo que carecían do efecto necesario en campo”, advirten.

Óxido de calcio e óxido de magnesio
Son os produtos que presentan unha maior velocidade de reacción, aínda que o seu custo tamén é máis alto.

O valor neutralizante do óxido de calcio está en 92 e o do óxido magnesiano en 92,8. Eses valores determinan a aplicación de doses medias en Galicia de 1.200 – 1.600 kg. / hectárea. O produto comercializado por Calfensa preséntase granulado, a modo de gravilla, e pode ser esparexido polo propio gandeiro por medio de abonadoras.

“As pradeiras de mesturas biodiversas son máis produtivas e a herba ten mellor calidade nutricional”

Carlos Garrido Silva, técnico- comercial- veterinario de Fertiprado para a zona Norte de España. Foto: Cedida

Cales son as principais variedades de pratenses coas que traballades neste momento tanto en Galicia como na Cornixa Cantábrica?
En Fertiprado somos especialistas en mesturas con gramíneas e leguminosas. Multiplicamos as principais especies de trevos anuais para forraxe —persa, vesiculoso, esquarroso, alexandrino— e dispoñemos dun abano moi amplo de gramíneas de calidade. Buscamos sempre ciclos longos que atrasen ao máximo o espigado, tanto en raigrás italiano como híbrido e inglés. En cambio, na Cornixa Cantábrica evitamos as variedades de westerwold precisamente para non adiantar o espigado.

Notades nas vendas unha crecente demanda de leguminosas?
Afortunadamente si. En Fertiprado somos expertos en leguminosas e o produtor de vacún de leite cada vez valóraas máis porque permiten reducir a achega de abonos nitroxenados. Ademais, melloran a fertilidade e estrutura do solo e incrementan a proteína e a dixestibilidade das forraxes.

Todo iso contribúe a reducir a pegada de carbono, aliñándose coas políticas agrarias europeas, un camiño que Fertiprado iniciou hai máis de 30 anos.

Que variedades de pratenses recomendarías para unha gandería de vacún de leite, tanto para pradería temporal como permanente, que rota con millo forraxeiro?
En rotación con millo, o fundamental é coidar e mellorar o solo e, ao mesmo tempo, obter herba moi dixestible con fibras de alta calidade. As nosas mesturas de gramíneas e leguminosas, que xa se producen no norte de España, mostraron valores moi destacados en FND e FAD. Estes resultados axudan a previr problemas de saúde (patas, ubres etc.)/ etc.) e a aumentar a produtividade.

En rotación con millo, o fundamental é coidar e mellorar o solo e, ao mesmo tempo, obter herba moi dixestible con fibras de alta calidade

Coas mesturas biodiversas ricas en leguminosas contribuímos a mellorar a produción, a sanidade animal e a sustentabilidade do sector leiteiro. O gandeiro está a recoñecelo e isto impúlsanos a seguir investigando e innovando.

Imagen de las franjas de cultivo de ensayo de los campos de Mazaricos

E para vacún de carne?
O principio é o mesmo: boa forraxe e bos pastos. A diferenza é que as necesidades alimenticias son menores e aquí apostamos máis por praderías de longa duración, con mesturas adaptadas ao solo e ao clima da zona con elevada persistencia, sen comprometer a calidade nutricional.

Galicia e a Cornixa Cantábrica teñen moitos microclimas. Que recomendaría para zonas de montaña e para zonas mediterráneas con seca estival?
A nosa experiencia internacional (Europa, Sudamérica, toda a Península Ibérica) levounos a traballar en solos con pH de 4 a 9, en climas mediterráneos, oceánicos ou continentais, e con pluviometrías moi diversas. Por iso ofrecemos un catálogo amplo con mesturas adaptadas a cada rexión.

O técnico de Fertiprado sempre está no campo recollendo información de solos, pH e pluviometría antes de recomendar a mestura máis adecuada.

Praderías polifitas ou monofitas?
Case o 100 % dos nosos clientes son ganderías de autoconsumo. O que buscamos é biodiversidade, dixestibilidade, palatabilidade, bos niveis de fibra e proteína. Por iso nosa aposta é, sen dúbida, praderías polifitas.

Son inegables as vantaxes da biodiversidade das mesturas. Son mais produtivas, teñen mellora calidade nutricional e melloran todo o sistema agroecoloxico.

“As pradeiras de mesturas biodiversas producen máis herba e de mellor calidade nutricional”

Que aspectos clave destacarías para unha boa implantación de pradería de inverno e de mesturas de leguminosas?
-Semente con boa xenética.
-Bo criterio de selección da mestura mais adaptada
-Labores agrícolas ben executadas.
-Correcto abonado.
-Respectar época, dose e profundidade de sementeira.
-Bo manexo
-Respecto dos momentos ideais de corte/aproveitamento

E ante calquera dúbida, insistimos: consultar sempre cos técnicos de Fertiprado.

Que nos podes avanzar das novas liñas de investigación de Fertiprado para clima atlántico ou oceánico?
O noso foco está en aumentar dixestibilidade, palatabilidade e equilibrio entre calidade e cantidade, mellorando ano tras ano para contribuír á rendibilidade económica dos gandeiros.

Isto pasa pola mellora genetica continua, moitos ensaios e moitos datos. Neste momento non podo detallar moito, pero tambien temos unha linea forte de investigacion en microganismos beneficiosos e novos pellets. Nun futuro moi proximo isto nos permitira engadir un pouco mais de valor ás granxas.

Temos unha linea forte de investigacion en microganismos beneficiosos e novos pellets

En Galicia houbo unha onda de incendios. Que pode achegar Fertiprado á recuperación de praderías?
Podemos achegar:
-Xenética adaptada a praderías de longa duración con seca estival.
-Experiencia técnica en sementeiras de difícil acceso con drons.
-Colaboración en formación e charlas sobre manexo e recuperación de pastos.

Outra liña de traballo son as cubertas vexetais en viñedo e froiteiro. Que vantaxes achegan e como avanza a súa implantación?
As vantaxes son múltiples:
-mellora do solo,
-control de malas herbas
-abono verde,
-control de escorrentía, de erosion
-mesturas para control de nematodos,
-atracción de auxiliares,
-favorecer polinización,
-mellora do impacto visual.

En España aínda hai pouca tradición en cubertas, pero Fertiprado leva anos investigando e ensaiando. Hoxe xa vemos un interese crecente e sostido, e estamos satisfeitos coa evolución.

Algo máis que queiras engadir?
En Fertiprado somos apaixonados por este sector e por esta rexión. A nosa contribución é axudar aos gandeiros para mellorar os seus resultados, con ferramentas que engaden valor dunha forma constante e sostible. Gañan todos: o agricultor, os animais, o ambiente e a sociedade en xeral.

Sementes pratenses de RAGT: Unha mestura para cada necesidade

Pradeira na provincia da Coruña, con dominancia das leguminosas

A multinacional RAGT presentar o seu catálogo de variedades de pratenses 2025, no que destacan as súas fórmulas adaptadas ás condicións climáticas de Galicia, pero tamén de Asturias e de Cantabria.

RAGT ofrece unha ampla gama de fórmulas para pradeiras temporais de inverno, con variedades adaptadas a cada necesidade e terreo; ademáis de mesturas para pradeiras de duración intermedia e para pradeiras permanentes. A iso sumámoslle fórmulas para cubertas vexetais en viñedos, plantacións de maceiras…etc.

Consulta aquí o catálogo de forraxeiras de RAGT 2025

Para máis información:
Beatriz Vázquez, delegada de zona
bvazquez@ragt.es
Telf. 665720200

Recomendacións para sementar as pradeiras nun outono húmido

Efecto no mes de abril na lagoa de Antela do encharcamento invernal prolongado nun cultivo de raigrás híbrido con tres trevos anuais (encarnado, persa e migueliano). Nótese a pouca presenza de trevos nas zonas máis afectadas,  onde, pola contra, si que se e observa raigrás A climatoloxía alterou este ano os tempos habituais dos ciclos de cultivo do millo en Galicia. As chuvias do mes de maio retrasaron a época de labralo e as de outubro o momento de ensilalo, polo que moitas explotacións meteranse a sementar as pradeiras nas terras en pleno mes de novembro.  Juan Valladares Alonso, tecnólogo do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, dá algunhas recomendacións sobre laboreo, fertilización e escolla de variedades baseadas na información xarada polos ensaios de campo levados a cabo no propio CIAM.

1. PREPARACION DO TERREO

Labor de grada á esquerda e posterior sementeira con combinada de fresa rotativa e sementadora de pratenses nun terreo húmido do CIAM Despois da colleita do millo con maquinaria pesada entrando nas parcelas nas condicións de humidade alta (chuvia) prolongada no tempo que estamos a padecer éntendese necesario descompactar o terreo na profundidade de 15-20cm onde se van desenvolver as raíces das forraxeiras de inverno (pradeira anual), para o cal un pase de grada de discos ou dous cruzados adoitan ser suficientes. A actuación con grada de discos sobre o solo apenas degrada a materia orgánica e modifica o perfil do solo polo que se considera unha actuación de mínimo laboreo, recomendándose facelo perpendicular á pendente do terreo co fin último de evitar perdas de solo por lavado. Débese ter en conta que a compactación si que pode afectar ao cultivo do millo do ano seguinte, polo que habería que pensar, naqueles terreos que se compactaron en exceso neste outono, en descompactalos mediante labor profunda (subsolado) antes do cultivo do millo.
Pode haber un efecto residual do herbicida usado no millo sobre as leguminosas, polo que é recomendable mover a capa superficial do solo e agardar un tempo prudencial para facer a sementeira
Hai que considerar que no caso de empregar unha mestura de raigrás con leguminosas anuais é posible un efecto residual do herbicida empregado no millo sobre ditas leguminosas que tenden a ser sensibles, o que implicaría incluso a desaparición destas na mestura. Polo tanto, neste caso, débese facer unha boa labor de movemento da capa superficial do solo, como por exemplo o indicado de pase de grade, e esperar un tempo prudencial para facer a sementeira. A día de hoxe aínda non se levan feito estudos fehacientes dos efectos residuais das materias activas dos herbicidas utilizados no millo sobre as leguminosas forraxeiras anuais, polo que a experiencia de campo por parte dos agricultores é a mellor indicación de como actuar.

2. FERTILIZACIÓN

A fertilización irá en función do cultivo de inverno. Se se vai empregar raigrás é conveniente un aporte de nitróxeno como abonado de fondo da orde de 50 kg N/ha, pero se se van a empregar mesturas de raigrás con leguminosas anuais o aporte podería ser nulo ou, en todo caso, non debería ser maior de 25 kg N/ha para non afectar á simbiose co rizobium.
Se se sementan mesturas de raigrás con leguminosas o aporte de nitróxeno non debe superar os 25 kg por hectárea
En ambos cultivos pódese aplicar o nitróxeno como xurro en función da riqueza que teña este. A tal efecto, hai que lembrar que na páxina web do CIAM esta a aplicación RAX que nos pode axudar a determinar a dose de xurro a aplicar. Posteriormente en cobertoira, cando as temperaturas ascendan pasado o inverno, pódese aplicar outra dose de nitróxeno. Neste punto cabe indicar que en diversos ensaios levados a cabo polo CIAM comparando niveis de fertilización nitroxenada de cobertoira (até 100 kg N/ha) en dous cultivos de raigrás con e sen leguminosas anuais sementados en outono conclúese que o abonado de cobertoira de 50 kg N/ha en mesturas de leguminosas con raigrás provoca un rendemento en materia seca no momento da colleita similar a se se fertiliza con 100 kg N/ha en raigrás, coa condición obvia de que o cultivo de raigrás con leguminosas anuais presente na súa composición botánica no momento da colleita arredor dun 50% destas, non variando a súa composición proteica (por suposto, maior na mestura de raigrás con leguminosas anuais) nin a dixestibilidade da materia orgánica.
Se se vai fertilizar con xurro, recoméndase aplicar inmediatamente antes de facer os pases de grada para evitar as perdas de nitróxeno por volatilización
Se se vai fertilizar con xurro en fondo, este recoméndase aplicar inmediatamente antes de facer os pases de grada para evitar as perdas de nitróxeno por volatilización (eficiencia media do nitróxeno do 80-90% en función das condicións de aplicación se son malas ou óptimas). Se se enterra antes das 4 horas a eficiencia pasa a ser do 70-80% e se se fai o mesmo día pasan a ser do 60-70%. Recordar que no caso de parcelas con forte pendente e con previsión de alta precipitación, dado que o terreo esta espido, o Código de Boas Practicas Agrarias recomenda non aplicar xurro para evitar perdas por escorrentía.

3. DATA DE SEMENTEIRA

3.1. Comparación de raigrás con e sen leguminosas anuais Este e un punto importante a ter en conta. De novo considérase, por ser o mais habitual no agro galego, o uso de raigrás con e sen leguminosas. Nun ensaio desenvolto no CIAM en 2014-2015 comparouse o rendemento de raigrás italiano alternativo (tipo westerwold) co dunha mestura de raigrás híbrido con tres trevos anuais (encarnado, migueliano e persa) en dúas datas de sementeira con un mes de diferenza (20 de outubro e 20 de novembro). Foron colleitadas no momento do encanado para o raigrás (déuselle un corte de limpeza en marzo) e floración no caso da mestura de raigrás con leguminosas, para un ano con unha precipitación en outubro de 53 mm (máis baixa que a do mes de outubro de 2024, xa que no que vai de mes ata o dia 21 choveron 225 mm) e en novembro de 219 mm pero que nos dá indicacións do comportamento destes dous cultivos forraxeiros.
As sementeiras de raigrás de outubro fronte ás de novembro melloran un 8% o rendemento en materia seca e enerxía, non véndose afectadas significativamente a proteína e a dixestibilidade
Observouse que a sementeira de outubro fronte a novembro mellorou nun 8% o rendemento en materia seca (6,7 vs 6,2 t MS/ha) e enerxía (6.196 vs 5.782 UFL/ha) non véndose afectado significativamente o rendemento en proteína bruta (625 vs 585 kg PB/ha), se ben o seu contido mellorou nun 23% (10,2 vs 8,3%), e tampouco se viu afectada significativamente a dixestibilidade da materia orgánica (77,8 vs 78,2%). Cando se analizou o comportamento dos dous cultivos nas dúas datas, o maior rendemento en materia seca e enerxía obtívoo o raigrás hibrido con tres trevos (7,7 t MS/ha e 6.915 UFL/ha respectivamente) na sementeira de outubro, mentres o maior rendemento de raigrás italiano westerwold resultou ser no mes de novembro con 6,3 t MS/ha e 6.148 UFL/ha respectivamente, pero non diferenciándose significativamente do obtido na mestura de raigrás hibrido con tres trevos anuais. O rendemento proteico dos cultivos non se viu afectado significativamente pola data sendo case tres veces superior na mestura de raigrás hibrido con tres trevos anuais. Tampouco se viu afectada a dixestibilidade da materia orgánica, se ben resultou entre 4 e 6 puntos porcentuais máis elevada no raigrás italiano westerwold. 3.2. Comportamento produtivo de trevos anuais sementados entre setembro e decembro Cando se analiza o comportamento de diversos trevos anuais (trevo encarnado, trevo migueliano, trevo persa resupinatum, trevo suaveolens e trevo vesiculoso) sementados en catro datas (sementeira o 15 de setembro e posteriormente cada mes ate o 15 de decembro) e colleitado no momento de plena floración obsérvouse como o índice produtivo (a produción por hectárea medida como índice relativo de produción respecto da obtida a mediados de setembro) foi similar estatísticamente ata a sementeira de mediados de decembro (IRP=1), cando baixa a algo mais de un terzo (IRP=0.37), manténdose a dixestibilidade da materia orgánica sobre todo nas tres ultimas datas entre o 73,9 e o 75,6%.
A maioría de trevos incrementan o seu rendemento sementados a mediados de outubro fronte ao mes de setembro
Na figura 1 amósase o comportamento dos cinco trevos analizados, onde se observa como na sementeira de mediados de outubro vense favorecidos respecto da de setembro o trevo encarnado, que incrementa o seu rendemento arredor dun 10%, e os trevos persa e suaveolens, que o incrementan nun 50%, mentres que na de novembro soamente o trevo suaveolens aumenta o seu rendemento outro 50%, mantendo o trevo encarnado e o trevo persa o rendemento de mediados de setembro, estando os demais por debaixo dese rendemento. Nas sementeiras de mediados de decembro todos os trevos mantivéronse por debaixo do rendemento de setembro, rondando en xeral unha baixada do 50%. 3.3. Comportamento produtivo de trevos anuais sementados no período de outono e inverno O comportamento produtivo expresado en materia seca por hectárea no momento da plena floración de seis trevos anuais sementados no outono (meses de setembro a novembro) foi comparado co sementado en inverno (decembro, febreiro, marzo e abril) nun ensaio levado a cabo no CIAM, observándose que no período de outono o rendemento foi de 7,8 t MS/ha, sen diferenzas significativas entre meses, mentres que o obtido no inverno foi un 53% inferior (3,7 t MS/ha), tamén sen diferenzas significativas a excepción do rendemento da sementeira do mes de febreiro, que resultou lixeiramente superior (5,8 t MS/ha). 
Os trevos sementados no inverno teñen un comportamento produtivo un 53% inferior aos sementados no outono
A data de plena floración aconteceu na primeira quincena de maio, sen variacións significativas para as especies sementadas no outono, mentres que as sementadas no inverno floreceron entre finais de maio e mediados de xullo con diferenzas significativas. Así, as sementadas en decembro floreceron a finais de maio, as sementadas en febreiro o 15 de xuño e as sementadas en marzo e abril o 2 e o 11 de xullo respectivamente. 3.4. Comportamento de leguminosas anuais fronte a encharcamento e temperatura Na táboa 1, baseado na bibliografía, amósase o comportamento de diversas leguminosas anuais fronte ao encharcamento e temperatura na súa etapa de crecemento, observándose como o trevo vesiculoso, trevo esquarroso, a veza villosa e os altramuces non soportan o encharcamento; mentres que o trevo suaveolens sopórtao pero non de forma prolongada. No caso do frío, non é soportado polo trevo suaveolens, vesiculoso e alexandrino, xunto coa serradela rosa, así como o altramuz tremosillo e azul. 3.5. Diferenzas de implantación dos diversos raigrases Respecto do raigrás, indicar que nun ensaio levado a cabo no CIAM (figura 2) comparando a evolución de dous raigrases italianos alternativos (A), dous non alternativos (NA) e dous híbridos (H) comprobouse que sementados na mesma data de outono o rendemento en materia seca a primeiros de marzo xa era superior nos raigrases alternativos, mentres que nos non alternativos e nos híbridos era inferior por esta orde, o que indica que a implantación e crecemento foi máis rápida nos raigrases alternativos, mentres que os raigrases híbridos foron os que se implantaron e medraron mais lentamente. En contrapartida, o contido proteico e a dixestibilidade funcionaron de forma inversa, sendo máis elevado no raigrás hibrido e menos no alternativo.

4. SEMENTEIRA

Unha vez preparado o terreo xa se pode proceder a sementar, procurando facelo con maquinaria pouco pesada, o que adoita ocorrer en moitas das explotacións galegas, nas que as sementeiras se fan cunha sementadora de pratenses en liña acoplada á fresa de xiro horizontal ou vertical, co cal nunha pasada realizan o refino da capa de sementeira, o alisado e lixeiro compactado, a sementeira e o tapado da semente. Outras opcións de sementeira con maquinaria máis pesada compactaría o terreo e dificultaría a emerxencia da pradeira anual.

5. LABORES CULTURAIS

O rulado posterior (a ser posible mediante rodillo acanalado e flotante) sempre é interesante despois de sementar, e no caso de empregar mesturas con leguminosas anuais é obrigado. Debe facerse inmediatamente despois de sementar para conseguir un íntimo contacto da semente co terreo para asegurar a emerxencia e evitar a posterior contaminación por terra e pedras cando se leva a cabo o ensilado.
As leguminosas anuais non soportan o pase de rulo unha vez nacidas
En xeral as leguminosas anuais non soportan o pase de rulo unha vez emerxidas, polo que debemos desbotar esta practica procurando facelo xusto despois da sementeira.

Principais conclusións: 

  • Empregar maquinaria pouco pesada nas labores de preparación do terreo e sementeira.
  • Laborear en sentido perpendicular á pendente do terreo.
  • En base ao rendemento de materia seca, proteína e enerxía, en outubro e novembro indícanse como máis adecuadas as mesturas de raigrás con leguminosas anuais ou raigrás italiano só, mentres que en decembro aconséllase sementar raigrás italiano.
  • Nas sementeiras de novembro con trevos anuais deberíanse empregar mesturas variadas de especies e, polo menos, con trevo suaveolens, trevo persa e trevo encarnado.
  • Empregar as leguminosas forraxeiras anuais en función da súa adaptación ás condicións climáticas.
  • Se se busca rápido establecemento, o raigrás alternativo e unha boa opción, pero presenta menor calidade que o non alternativo e o híbrido.
  • As sementeiras de leguminosas de setembro a novembro acadan a plena floración antes de mediados de maio, polo que se poden colleitar con alto rendemento na segunda quincena de abril, a tempo para rotar con millo. Non ocorre así coas sementeiras realizadas a partir de decembro até abril, onde o aproveitamento para forraxe, ademais de obter un rendemento en materia seca mediocre, non permitiría a rotación con millo.
 

Diferentes estratexias das ganderías galegas para rotar as terras do millo e cumprir coa PAC

Os cultivos de inverno ábrense paso en Galicia. Dúas son as razóns principais: por unha banda, a medida que as explotacións van medrando, as súas necesidades de forraxe aumentan; por outra, a PAC empurra cara a implantación de técnicas de mellora e conservación do solo, como o é non deixar os chans baleiros ou sementar especies mellorantes que fixan nitróxeno ambiental ao terreo. Á hora de deseñar a súa estratexia anual de cultivos e rotacións, cada explotación ten que tomar as súas decisións en función das súas características e de factores como a zona na que se atopa, a climatoloxía, a tipoloxía das parcelas ou o nivel de autosuficiencia forraxeira da gandería. A dispoñibilidade de semente, que está a ser limitada nalgúns casos este ano, e o seu prezo, que se incrementou notablemente debido á alta demanda, fixo subir os custos de sementeira nesta campaña, a primeira trala entrada en vigor da nova PAC, que aposta pola rotación dos cultivos.
A climatoloxía condiciona as sementeiras e tamén a produción final obtida coas leguminosas, que son sensibles ao encharcamento e precisan de calor para medrar
A climatoloxía condiciona en ocasións as sementeiras e tamén o rendemento obtido cando se labran leguminosas, pero especies como chícharos, altramuz, veza ou trevos anuais estanse a abrir camiño nas explotacións galegas polos beneficios agronómicos e nutricionais que aportan. Coñecemos algunhas experiencias concretas:   

“Este ano non imos botar raigrás; sementaremos en todas as fincas unha mestura de varias leguminosas para enterrar”

A Cooperativa Agraria Provincial da Coruña posúe dúas ganderías (Granxa o Cancelo en Miño e Granxa A Esperanza en San Sadurniño), ademais de asesorar a outras explotacións por toda Galicia. A maioría das explotacións leiteiras galegas intentan sacar o maior proveito á produción forraxeira, sendo unha das posibilidades a rotación anual de cultivo de inverno e verán con aproveitamento das dúas colleitas para ensilado, pero “non en todos os casos é posible, pois depende das condicións edafoclimáticas ou da superficie total da explotación”, indican desde o equipo técnico de CAP Coruña.
Non serve para todos o mesmo; as cousas hai que velas en directo na explotación e estudar cada caso
Por iso insisten en que “cada quen ten que optar polo mellor para a súa explotación, establecendo unha estratexia adaptada ás condicións que un ten”, sen que sirvan recomendacións xeralizadas. “O cultivo principal para nós é o millo, polo que este ano xa non imos sementar nada con raigrás, todo vai ir cunha mestura de leguminosas para enterrar. Este ano imos facer o mesmo ou moi parecido en Miño e en San Sadurniño”, contan.
CAP Coruña leva moito tempo traballando con leguminosas nas fincas que non teñen cultivo no inverno
CAP Coruña leva moito tempo traballando con leguminosas para abonado en verde as fincas que non teñen cultivo no inverno. “En anos anteriores levamos probado con chícharos, con vezas e con altramuces”, explican. A mestura escollida para esta campaña leva varias leguminosas, entre elas trevo e altramuz, non con vistas ao aproveitamento forraxeiro senón co obxectivo de fixar nitróxeno.
O abonado en verde ten un custo asociado, o de sementar, triturar e enterrar, pero fixas nitróxeno, evitas a escorrentía e melloras a estrutura do solo
“Estamos contentos e pensamos que é o mellor para a terra en comparación con deixar o solo desnudo, porque abonas e melloras a estrutura e fertilización do solo. Ten un custo asociado, o de sementar, triturar e enterrar, pero cremos que ten máis vantaxes que custos, sendo á súa vez unha práctica que encaixa nas novas medidas regulatorias en canto á condicionalidade e os ecorreximes da nova PAC”, argumentan.
Pradeira de raigrás con veza e trevo en SAT O Palomar na última campaña de ensilado da herba

“Sementamos unha mestura de raigrás, veza e trevo onde o 60% son leguminosas”

SAT O Palomar, de Láncara, ten unha superficie agraria de 206 hectáreas, 120 delas son de pradeira permanente e o resto están enfocadas ao cultivo de millo. “Facemos rotación en todas, non deixamos ningunha baleira”, destaca Odón Castro. Como cultivo de inverno, levan xa 9 anos apostando por unha mestura de gramíneas con leguminosas, onde o 60% son leguminosas. En concreto, empregan dous tipos de raigrás (un raigrás inglés e un raigrás híbrido moi tardío) e tres leguminosas (dous tipos de trevos e veza).
Quero ter máis elasticidade no momento da sega e non estar tan condicionado polo tempo
“Quero máis elasticidade no momento da sega e non estar tan condicionado polo tempo”, explica. Fan un só corte, entre a segunda quincena de abril e o 5 de maio, dependendo de como veña o tempo. “Imos sempre ao límite en produción, con colleitas de entre 16.000 e 18.000 quilos facendo un bo presecado e acadando unha media de entre o 14% e o 16% de proteína no silo”, detalla. Este ano, na campaña de ensilado de herba en primavera, unicamente fixeron dous cortes nas primeiras pradeiras sementadas, labradas a primeiros de setembro, para preservar a calidade da forraxe. “Fixemos un primeiro corte en marzo cun 18% de proteína e outro na primeira semana de maio”, conta. Foi unha excepción, xa que asegura que “non compensa facer dous cortes, porque estás ensilando todo o tempo e os gastos son maiores”.

“Para facer abonado en verde, a semente de grelo sae máis barata porque leva menos quilos por hectárea”

Ganxabar, a cooperativa formada por 8 explotacións das comarcas do Xallas e A Barcala, botou este ano 850 hectáreas de millo para ensilar nas súas instalacións de xestión conxunta de forraxes. Unha vez levantado o millo, teñen previsto sementar a metade da superficie con pradeira para facer silo de herba na primavera e noutra metade das fincas sementarán unha cobertura vexetal para enterrar como abono en verde.  “Sempre se botou algo para enterrar, pero non tanto. Cada vez son menos as fincas que quedan baleiras”, recoñece Jesús Otero. “Antes sementabas millo e deixabas baleiro no inverno para volver botar millo, pero iso agora non se vai poder facer. Nesta zona estanse dando certos cambios nese sentido”, asegura. E insiste en que a nova PAC vai obrigar ás explotacións a cambiar algunhas prácticas. “Antes traballabas con mesturas pero non estabas pendente de que tiveran máis do 50% de leguminosa”, exemplifica.
O valor do ecorrexime non compensa o custo da sementeira, pero é unha práctica boa para o terreo
No seu caso, para as pradeiras, optaron polo raigrás e por introducir mesturas con leguminosa no 10% da superficie para cumprir co ecorrexime de rotación de cultivos da PAC.  No resto das fincas, nas que non teñen previsto facer corte de herba para ensilar, Ganxabar botaralles nabos á maioría das parcelas. “A semente de grelo sae máis barata porque leva moitos menos quilos por hectárea, entre 8 e 10 quilos, cando outras mesturas de leguminosas para enterrar poden andar entre 25 e 35 quilos”, compara. O valor do ecorrexime de rotación de cultivos con especies mellorantes, establecido finalmente en 68,64€ para as primeiras 30 hectáreas e en 48,05 para as seguintes, “non compensa o custo da sementeira”, di, pero “é unha práctica boa para o terreo, independentemente da PAC, porque estás abonando e mellorando o solo”, defende Jesús. “Se o queres facer ben e traballar ben a terra, teste que ir a unha hectárea por hora, polo que o custo do laboreo está entre 60 e 80€. A iso hai que engadir o custo da semente, que no caso do grelo son uns 30€. É dicir, por menos de 100€/ha non das feito a sementeira”, calcula.
Cultivo de cereal con leguminosa en Casa Barbeiro, que superou o metro de altura a pasada primavera

“Botamos cereal con veza porque o rendemento é altísimo e as calidades son boas”

Gandería Casa Barbeiro conta con dúas granxas na comarca da Mariña, ubicadas nos concellos de Alfoz e Ribadeo, e traballa unhas 190 hectáreas de terreo. Agás 30 hectáreas que labraron a comezos de setembro cunha mestura de wester con raigrás híbrido coa intención de facer un corte de forraxe a comezos de novembro, nas outras 160 hectáreas repetirán a mestura pola que levan anos apostando: a de veza con cereal. “O rendemento é altísimo e as calidades boas. Segámolo con cinta, coas mariposas, e vai o produto moi limpo, tamén porque non o collemos moi baixo. O ano pasado houbo parcelas de moitas toneladas, nas que a herba tiña máis dun metro de alto, con proteínas medias dun 15% e pasando do 17% nalgunha mostra puntual”, explica Juanjo Fraga.
Se se sega a principios de maio é cando se conseguen producións extraordinarias, porque o crecemento da veza prodúcese fundamentalmente despois de abril
Fan un só corte e procuran estiralo o máximo posible. “Colleitámolo o máis tarde posible, para conseguir cantidade de forraxe e que a veza estea moito máis desarrollada, porque o crecemento da veza prodúcese fundamentalmente despois de abril. Se se deixa a sega para finais de abril ou principios de maio é cando se conseguen producións extraordinarias”, indica. Sementeira directa Gandería Barbeiro está a apostar tamén polo mínimo laboreo, logo da compra este ano dunha máquina composta por cuba de purín e equipo de sementeira directa, o que lles permite nunha mesma pasada ir enterrando o purin e labrando con strep-till e con grada rotativa detrás. A mestura de sementes varía en función da parcela da que se trate e do tipo de veza, que combinan principalmente con trigo híbrido e algo con cebada híbrida. “Dependendo das vezas e do tipo de cereal imos adaptando a mestura e xogamos tamén coa humidade das parcelas, porque a veza coa humidade non se leva ben”, explica Juanjo.
A combinación habitual inclúe un 60% de veza sativa e un 40% de trigo híbrido
As combinacións van desde un 60% de veza e un 40% de cereal nas fincas máis enxoitas a unha mestura ao 50% nas máis molladas. O tipo de veza tampouco é sempre o mesmo. “Se hai sativa, botamos sativa, pero está sendo difícil de conseguir. A min gústame máis a variedade sativa porque ten máis dixestibilidade e aguántase mellor, aínda que o comportamento depende moito do ano”, recoñece. En anos climatoloxicamente adversos e parcelas moi húmidas acabaron usando o cultivo para abono en verde. “Algún ano moi húmido optamos por enterrar a leguminosa en vez de ensilala, pasándolle a grade de discos, e tamén vale, porque fixa moito nitróxeno e deixa a terra esponxosa para labrar o millo”, argumenta. “Non tivemos que cambiar nada para cumprir co ecorrexime” Gandería Barbeiro leva moitos anos apostando pola leguminosa con cereal no inverno fronte ás gramíneas. “O raigrás para o manexo da alternativa co millo é moito máis complicado, tes que facer varios cortes, require máis abonado e déixache a terra en moito peor estado, porque queda máis seca e máis dura”, relata. “Nós non tivemos que facer cambio ningún para cumprir coa PAC, porque xa estábamos traballando con leguminosas. E agora coa sementeira directa máis aínda”, di. Ás vantaxes ambientais engádense as económicas, cunha redución no gasto en abono químico, unha das estratexias que están a seguir nos últimos anos para mellorar a eficiencia das dúas granxas, xunto co incremento da produción de forraxes propias.
No inverno usamos o purín en coberteira en vez de abonos minerais
A compra da nova máquina para botar o purín persegue o obxectivo de adaptarse á inminente entrada en vigor do Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas no vindeiro mes de xaneiro e, ao mesmo tempo, lograr un mellor aproveitamento do poder fertilizante do xurro. “Nos momentos de sementeira, tanto agora como para botar o millo, enterrámolo, e despois en coberteira usamos un aplicador de tubo localizado con ballesta, que fai unha fendidura de 3 cm de fondo na terra e vaino deixando por ese canal como se fora co disco. É o único abono que lle metemos ao cultivo de inverno, non usamos abonos químicos”, conta.

A suba das sementes e do gasóleo encarece até nun 30% a sementeira das pradeiras

O custo de sementeira de pradeiras está a incrementarse considerablemente este ano en Galicia, até nun 30% nalgún caso. Ao forte encarecemento das sementes e á pouca dispoñibilidade engádese o prezo do gasóleo, que escalou de novo nas últimas semanas até 1,4 euros o litro. A obriga de rotar cultivos e meter especies mellorantes para cumprir coa PAC disparou este ano a demanda de leguminosas e o seu prezo. Mesmo hai problemas de subministro dalgunhas sementes, como a veza, que está sendo moi difícil conseguir, sobre todo a da variedade sativa, a preferida en Galicia por ser máis rústica e adaptarse mellor ao chan e á climatoloxía da comunidade, e que escalou a súa cotización até situarse por enriba dos 2 euros o quilo.
Está habendo moitas dificultades para conseguir veza e está cara
As  empresas distribuidoras están a priorizar aos clientes habituais no reparto das poucas existencias que hai, e mesmo houbo ganderías que tiveron que retrasar a sementeira das pradeiras á espera de que chegase o pedido de leguminosas e outras que tiveron que variar as mesturas programadas para poder labrar. Con prezos por enriba de 2.000 euros a tonelada (cando hai dous anos podía estar a 600€), nin as empresas multiplicadoras nin as comercializadoras fixeron un acopio excesivo de semente, polo que non estaban preparadas para a avalancha de peticións.
As mesturas estanse a impoñer este ano fronte ás pradeiras monofitas
Aínda que é posible labrar unha única especie de leguminosa ou que as explotacións fagan as súas propias combinacións, algunhas casas comerciais reaccionaron á nova PAC facendo mesturas específicas ou modificando fórmulas xa existentes para engadir máis leguminosa, até lograr sobrepasar o 50% esixido no ecorrexime. Veza con avea, o máis caro A escolla das sementes varía de xeito importante o custo final de sementeira, que depende de varios factores, entre eles o tipo de variedade, as proporcións empregadas na mestura, as doses por hectárea utilizadas e o destino final do cultivo. A suba de prezo está a afectar sobre todo á veza dentro das leguminosas e á avea na parte dos cereais, pero dase un efecto contaxio que acaba por provocar un encarecemento xeralizado no resto de sementes, xa que a falta dunha produce unha sobredemanda noutra. Por exemplo, a escaseza de veza está a derivar en maior demanda tamén de chícharo como alternativa para as mesturas con cereal. O triticale e o centeo están a prezos equiparables e un pouco máis asequibles, pero a avea é máis cara este ano que noutras campañas. Cos prezos desta campaña, sementar unha hectárea de veza con avea como cultivo de inverno para ensilar, para o que serían necesarios uns 150 kg/ha (80 de veza e 70 de avea), pode chegar aos 300€ só de semente. 
Os cultivos de inverno con veza poden chegar nesta campaña aos 300€/ha sumándolle o cereal para acompañala
Para as explotacións que labran a veza non como cultivo forraxeiro, senón para non deixar a terra baleira, enterrando despois a leguminosa como abono en verde, as doses son máis baixas, pero como pouco hai que meter entre 40 e 50 quilos por hectárea, o que supón uns 110 €/ha. Se en vez de botar unha única especie (veza, chícharo ou altramuz só) se opta por unha mestura de varias leguminosas lógrase abaratar algo o custo, que pode situarse en 90€/ha con doses de 35 kg/ha.
Labrar unha pradeira de raigrás custaría uns 150€/ha en total entre semente e traballo. Se se mestura con trevo serían 40€ máis
A sementeira de pradeiras de herba só con gramíneas sae un 40% mais barata que mesturada con trevo, pero por menos de 90€/ha é difícil botar calquera raigrás. Se se lle mestura trevo e se quere que sirva para cumprir co ecorrexime, para o que a leguminosa ten que ser maioritaria, o importe sobe até os 120€. Neste caso unha mestura habitual podería consistir en 13 kg/ha de trevo violeta e 12 de raigrás italiano, por exemplo. Entre 60 e 80 euros por hectárea de laboreo A eses custos, só da semente, habería que engadir os de laboreo e sementeira. As empresas de servizos tamén subiron tarifas, uns 10€ con respecto ao ano pasado, polo que o custo do traballo de sementeira moveríase entre os 60 e os 80€/hectárea, que sería o custo dunha hora de grade rápida ou combinada.
As empresas de servizos están a repercutir tamén a suba do gasóleo e dos intereses dos préstamos para mercar a maquinaria
Se se paga por sacar o purín, habería que sumar tamén esas horas,  porque aínda que para labrar a leguminosa tralo cultivo de millo non sería necesario fertilizar, a maioría das ganderías non dispoñen de capacidade de almacenamento suficiente para o xurro para aguantar todo o ano sen sacalo, até volver labrar de novo o millo a primavera que vén, polo que aproveitan a sementeira das pradeiras en outono para baleirar as fosas de purín de cara ao inverno. Máis proteína nos silos para lograr un abaratamento da ración Alén dos beneficios agronómicos das leguminosas como cultivos mellorantes dos solos, unha consecuencia directa do incremento da superficie labrada con este tipo de especies vai ser un aumento do contido proteico dos ensilados dos que disporán as ganderías galegas o vindeiro ano, o que lles permitirá axustar a ración e reducir a compra de insumos como soia ou colza.
Canta máis leguminosa haxa na mestura, máis proteína pero menor cantidade de materia seca
A veza acada porcentaxes do 20% de proteína, ao igual que as mesturas de trevos, e o chícharo mesmo supera eses niveis. Ao mesturar cunha gramínea (o raigrás ten un 7%) ou cun cereal (a avea aporta un 8-9% e o triticale un 13%) redúcense as porcentaxes medias, que poden chegar ao 17-18%. Pero estas fórmulas para cumprir co ecorrexime da PAC, onde predomina a leguminosa, son mesturas difíciles de ensilar, xa que son combinacións forraxeiras moi altas en proteína e baixas en carbohidratos non exentas de riscos á hora da conservación (son recomendables inoculantes a base de bacterias). Leguminosas como os chícharos conteñen proteínas moi solubles, en ocasións difíciles de trasladar á ración, e que penalizan a cantidade de forraxe en términos de materia seca obtida.

Piden que, de modo excepcional, non se esixa este ano o requisito do 5% da superficie labrada con leguminosas

Ante a carestía e escaseza de sementes, en Cataluña a organización de produtores Unió de Pagesos, que está integrada a nivel estatal en Unión de Uniones, solicitou á Generalitat de Cataluña que faga unha excepción este ano dentro do ecorrexime de cultivos mellorantes e non esixa que o 5% da superficie se labre con leguminosas como semente principal, debido á caída da produción de semente certificada de leguminosas coincidindo cun ano de forte demanda. Sen embargo, desde a Asociación de Empresas Produtoras de Sementes Selectas (APROSE), rexeitan de plano esta petición e aseguran que tería importantes consecuencias negativas para as empresas multiplicadoras.
No conxunto de España, están acollidas ao ecorrexime de rotación case 7 millóns de hectáreas, o que obrigaría a labrar 350.0000 hectáreas con leguminosas
Os produtores de sementes din que para garantir o subministro nesta campaña, e ante a escasa colleita en España, tiveron que aprovisionarse a un custo elevado noutros países, polo que, de non dar saída agora a esta mercadoría, sufrirían perdas considerables. Colleita moi escasa e altísima demanda A situación de falta de semente de leguminosa vénse arrastrando desde a campaña pasada. A seca, e despois as xeadas, minguaron a anterior colleita de semente certificada de xeito moi considerable. Tanto, que os rendementos baixaron de 1.200 kg por hectárea a só 300, insuficientes para cubrir unha campaña de sementeira normal, e moito menos esta, onde a demanda se disparou.
Debido á falta de veza, moitas explotacións optaron polos chícharos para mesturar cos cereais de inverno
Á mala colleita engádese o feito de que case sete de cada 10 hectáreas adicadas a terras de cultivo en España se acolleron ao ecorrexime de rotación con especie mellorante, o que equivale a case sete millóns de hectáreas. Habería que botar leguminosas alomenos no 5% desa superficie, o que significa que unhas 350.000 hectáreas terán que ser sementadas con leguminosa nesta campaña no conxunto de España.   Debido á falta de veza, moitas explotacións optaron polos chícharos como substitutivo para mesturar cos cereais de inverno. A veza é un cultivo forraxeiro, polo que a cantidade de semente que se colleita é moito menor que no caso dos chícharos. Sementes importadas Para cumprir co fixado na PAC esíxese labrar semente certificada. O problema é que o proceso para a súa posta no mercado require dunha planificación a longo prazo, polo que non é doado incrementar a produción dun ano para outro. Por iso, Unión de Uniones tamén pide que se permita, excepcionalmente, o intercambio entre agricultores, aínda que non se trate de semente certificada, para poder cumprir coa PAC deste ano. A veza ou cereais como a avea, o centeo ou o trigo proceden maioritariamente de empresas multiplicadoras españolas, pero algunhas variedades do trevo utilizado nas sementeiras de pradeira en Galicia proceden de países tan alonxados como Australia. No caso de gramíneas como o raigrás, é frecuente que as sementes veñan dos EEUU.

Beneficios da introdución de especies mellorantes nas pradeiras

Pradeira mixta de raigrás e trevo na Finca de Cartelos, en Carballedo (Lugo), nun ensaio do CIAM O outono é o momento idóneo para sementar novas pradeiras ou renovar as existentes. Ben sexa para pacer ou para ensilar, as leguminosas son unha boa opción. A implantación acostuma ser mellor ca na primavera, ademais de coincidir coa rotación habitual en Galicia co cultivo do millo.  Este ano, despois do ensilado do millo, moitas ganderías terán que variar a súa estratexia para cumprir co esixido na nova PAC, o que supón unha oportunidade para mellorar algunhas prácticas. “Deixar a terra sen cultivar no inverno agronomicamente non é recomendable, polo que hai que sementar un cultivo de inverno cando se colleite o millo. O recomendable é introducir un cultivo rexenerador e mellorante do solo e cando te adicas á gandería o que hai que introducir son leguminosas”, insiste Juan Valladares, investigador do CIAM.
Cando te adicas á gandeiría hai que introducir leguminosas nas pradeiras
No Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo levan varios anos estudando distintas alternativas para os cultivos de inverno en Galicia e comparando os resultados das diferentes mesturas de gramíneas e leguminosas. Juan enumera os beneficios de sementar especies mellorantes nas pradeiras desde o punto de vista agronómico (o terreo queda mellor preparado e é máis doado de traballar; saen menos malas herbas, polo que son necesarios menos herbicidas; e lógrase un aporte extra de nitróxeno para o seguinte cultivo, que redunda nunha maior produción); pero tamén desde o punto de vista nutricional, ao lograr maior contido en proteína na ración.
Dos trevos hai moito que estudar aínda e é necesario aprender a traballar con eles
Pero coas leguminosas, di, “é necesario aprender a traballar con elas”. Nos últimos anos o CIAM estivo realizando ensaios con leguminosas anuais en distintas zonas de Galicia, como na finca de Mabegondo ou na do Pazo de Cartelos (Carballedo), pertencente á Fundación José Luis Taboada, onde se probaron distintas mesturas de trevos para comprobar a súa implantación e rendemento: trevo migueliano, tamén chamado balansa; trevo resupinatum (persa); trevo maral (trifoliun suaveolens ou trevo resupinatum de folla grande) e trevo encarnado. “Segundo en que zonas de Galicia, danse mellor uns trevos ca outros. O trevo maral, por exemplo, ten capacidade de rebrote, pero é tardío, polo que se implanta mellor en Mazaricos que en zonas do interior”, asegura Juan. Mesturas de trevos e gramíneas Independentemente da variedade escollida, o trevo funciona mellor mesturado cunha gramínea, que aporta o contido en azucres suficiente para unha boa conservación do silo. “Ademais, nos estudos que fixemos vimos que había que introducir un raigrás porque a implantación dos trevos é lenta; o que mellor funciona é o raigrás híbrido”, explica. “Se despois do millo sementas só trevo, como tarda en implantarse, se veñen chuvias lávase o terreo. Mesturado co raigrás, sen embargo, evítase a escorrentía, porque o raigrás ao mes xa ten o desenvolvemento suficiente para frear o efecto de lavado do solo pola chuvia”, detalla.
Os trevos funcionan mellor mesturados con raigrás híbrido, porque se evita o lavado do solo cando chove
Ademais das diferenzas na implantación, a preparación do terreo debe ser tamén diferente cando se sementan só gramíneas que cando se aportan mesturadas con leguminosas. “O trevo obriga a preparar mellor o terreo para a sementeira e despois pasar sempre un rulo. O raigrás, cando se sementa só, vai creando unha especie de fieltro no chan que impide a contaminación por pedras e cinzas cando ensilas a herba, algo que non acontece no caso do trevo”, indica.   Cereal con leguminosa Mestura de veza, raigrás e avea O CIAM tamén fixo ensaios con veza, unha leguminosa cada vez máis frecuente en Galicia tralo millo en combinación con cereal de inverno. “Probáronse mesturas de veza villosa con trevos e raigrás. A veza villosa é menos dixestible que a sativa, pero a sativa tende a tumbarse e necesita un cereal (triticale, cebada ou avea) como titor”, indica Juan.  
A veza sativa é máis dixerible que a villosa pero tende a tumbarse e necesita un cereal (triticale, cebada, avea) como titor
Xunto coa veza, outra das leguminosas empregadas nas mesturas con cereal é o chícharo. “A clave está na proteína. Póñense estes cultivos porque vas a un só corte e logras un contido proteico máis elevado. No raigrás se vas a dous cortes podes igualar a cantidade de proteína, pero os custos duplícanse”, razoa. Labrar sen abonar De cara á sementeira do cultivo de inverno non é imprescindible abonar as terras. É máis, pode ser mesmo contraproducente. “Nos ensaios que realizamos fixemos laboreo e sementamos sen abonar en fondo, aproveitando unicamente os excedentes da fertilización con xurro no cultivo do millo (entre 50 e 60 metros cúbicos por hectárea). No purín unha cuarta parte do nitróxeno que aporta quedaría para o ano seguinte, porque se corresponde coa mineralización da materia orgánica. Pola composición habitual do xurro en Galicia, uns 25 kg de nitróxeno por hectárea quedan para o seguinte ano, que é o que se necesita para o arranque das leguminosas. E non hai que pasarse de 25 kg/ha de nitróxeno porque senón prexudícase o desenvolvemento do rizobium”, advirte o investigador do CIAM.
O momento de abonar en coberteira está determinado en función da temperatura do chan (entre 8 e 10 grados)
Sería convinte, iso si, aplicar unha fertilización despois en coberteira, duns 50 kg de nitróxeno por hectárea. “Cando o cultivo empeza a desenvolverse sería o momento de aplicar esta fertilización con abono químico convencional ou incluso purín, pero depositado no terreo. A leguminosa tende a medrar cando a temperatura do chan está entre 8 e 10 grados. Segundo as zonas, isto prodúcese a finais do inverno ou comezos da primavera; no interior de Galicia acostuma cadrar a primeiros ou mediados de marzo”, exemplifica. A data de abonado marca tamén o momento de segar, pois habería que cortar dentro dos 40 días posteriores. Sementar en outubro ou en xaneiro? Hai ganderías que optan por retrasar a sementeira do cultivo de inverno ao mes de xaneiro, para evitar a presenza de malas herbas, algo que Juan só recomenda en determinados casos. “A implantación das leguminosas é lenta e iso fai que se temos no chan un banco de malas herbas saian e se desenvolvan antes. Sementando o cultivo de inverno en xaneiro evitariamos esta competencia, pero hai que ter en conta que as leguminosas en xeral son bastantes sensibles ao frío. O chícharo, por exemplo, é sensible á humidade excesiva e ao frío, daí que debamos consideralo”, alerta.
As leguminosas son bastante sensibles ao frío, polo que se na zona hai xiadas é preferible non agardar
Por iso, se na zona hai xeadas en xaneiro e febreiro, recomenda sementar o cultivo antes, no outono, sen agardar aos meses de inverno. “En zonas onde non hai xeadas, podes sementalo máis tarde, pero en zonas onde xea é preferible sementar en outono, para que cando veñan as xeadas xa estea implantado. A leguminosa cando nace é extremadamente sensible, a medida que xa ten 3 follas aguanta mellor as xiadas”, explica.   Un único corte en abril As mesturas con leguminosa tardan máis en desenvolverse que cando se sembra só raigrás. O punto de crecemento márcao a temperatura do chan (por enriba de 8-10 grados), que é cando se activan as bacterias (rizobium) e a planta aproveita o nitróxeno atmosférico e medra máis. “As leguminosas quédanse paradas á espera do bo tempo. Os trevos se hai chuvias, frío ou encharcamento non medran. Co chícharo pasa algo parecido. Son cultivos de implantación lenta e que dependen da temperatura do chan para medrar e desenvolver todo o seu potencial”, indica Juan.
As leguminosas quédanse paradas á espera do bo tempo. Son de implantación lenta e dependen da temperatura do chan para medrar
O ensilado, mediante un só corte, depende da zona e de como viñera o tempo. “O momento de segar é cando comeza a floración das leguminosas, que nun ano normal podería estar en torno ao 15-20 de abril en zonas como Mazaricos, pero en zonas interiores vén un pouco máis tarde”, explica. “Se vén mal tempo e non dá medrado tes que meter nitróxeno extra, mediante abono químico, pero nese caso non estaríamos aproveitando a función das leguminosas como fixadoras de nitróxeno ambiental”, di. Rendementos Nos ensaios realizados en Cartelos no 2021 cunha mestura de raigrás híbrido e tres trevos anuais e unha fertilización de 60 metros cúbicos de xurro por hectárea previos no cultivo do millo máis un abonado en coberteira con tres doses diferentes de abono químico no mes de marzo, lográronse os seguintes rendementos:
  • Sen abonado en coberteira = 4,7 toneladas de materia seca por hectárea
  • Con 50 kg de nitróxeno por hectárea = 5,8 toneladas de materia seca por hectárea
  • Con 100 kg de nitróxeno por hectárea = 6,3 toneladas de materia seca por hectárea
“Canto máis abonas máis se incrementa o rendemento, pero habería que ver se compensa desde o punto de vista económico pasar dunha determinada cantidade, porque con 50 kg de nitróxeno por hectárea temos uns rendementos superiores a se metes 0 kg pero similares estatisticamente a se metes 100”, argumenta Juan.
Introducindo trevo mesturado co raigrás obtés un 40% máis de proteína por hectárea na forraxe e incrementas un 5% a proteína bruta na ración
Pero ademais da cantidade de forraxe obtida, o investigador do CIAM pon o énfase na calidade do ensilado. “Nunha pradeira de raigrás só, cos mesmos 50 kg de nitróxeno por hectárea sacas 400 kg de proteína por hectárea, mentres que coa mestura con leguminosas obtés 577 kg por hectárea de proteína, un 40% máis”, compara. A porcentaxe de incremento depende do nivel de implantación das leguminosas. “Canto mellor se implanten máis proteína vas ter despois no silo, pero hai que ter en conta que o raigrás ten un 6% de proteína fronte ao 11% dos trevos. Se vas a máis dun corte no raigrás incrementaríase a proteína, pero os custos de sega, recollida e ensilaxe tamén son maiores”, razoa. Mellora no seguinte cultivo A vantaxe de introducir unha leguminosa de inverno é que o solo queda máis abonado e en mellores condicións para recibir o seguinte cultivo. “As raíces e a parte aérea non segada quedan no terreo, descompóñense e aportan nitróxeno. A cantidade cuantifícase entre 40-100 kg de nitróxeno por hectárea dependendo da implantación de leguminosa”, explica Juan.
As leguminosas poden chegar a fixar no solo a metade do nitróxeno que precisa o millo
Esa fixación dese nitróxeno supón un aforro considerable en fertilizante, ou ben un extra de colleita, debido ao plus de abonado. “O millo é vicioso en nitróxeno, canto máis lle aportas máis medra, e ter ese nitróxeno almacenado no chan supón unha gran vantaxe a nivel de toma de decisións”, considera. Por iso, en función da estratexia que adopte o gandeiro (aforrar en abono ou recoller máis forraxe) pódese variar ou non a fertilización do millo tralo cultivo de inverno con leguminosa.
Co raigrás só o terreo queda máis compacto e é máis difícil de traballar
Segundo o tipo de terreo, a dispoñibilidade de nitróxeno pode ser maior ou menor, pero a dose recomendada para o millo pode ser establecida en función dos rendementos agardados. “En base ao rendemento (proteína) téñense unhas extraccións de nitróxeno ou outras. Se espero un rendemento para o ciclo que labrei de 15 toneladas de materia seca por hectárea (7% de proteína), as extraccións serán de 170 kg de nitróxeno por hectárea, polo que o nitróxeno dispoñible (no chan máis o aportado) debe ser superior a esa cantidade”, exemplifica Juan. En base a iso, para facer unha correcta fertilización sería preciso coñecer o nitróxeno mineral presente no chan ao inicio do cultivo e o que se xera por mineralización da materia orgánica. Este nitróxeno mineral pode ser importante cando se cultiva previamente unha leguminosa ou cando se incorpora ao terreo un cultivo como abonado en verde. “Ademais, agronomicamente, de cara ao laboreo, ao introducir leguminosas o terreo queda máis mullido, polo que é máis doado de traballar”, conclúe o investigador do CIAM.

A veciñanza da Montaña luguesa recolle 700 sinaturas para a preservación dos banzados nos Ancares

A veciñanza dos Ancares fixo chegar á sede da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, en Oviedo, a súa preocupación sobre a ameaza de eliminar os banzados e presas tradicionais dos ríos dos Ancares. “Algúns destes banzados son infraestruturas de orixe medieval, fundamentais para a viabilidade das explotacións gandeiras da zona, xa que permiten a rega e que os prados sigan sendo produtivos no verán e nas épocas de seca coma as que estamos sufrindo na actualidade”, apuntan desde o Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) dos Ancares. Impacto medioambiental positivo Ademáis do seu impacto directo na actividade agrogandeira, os prados de regadío conforman unha paisaxe en mosaico, rompendo coas zonas de monte e evitando en gran medida a propagación dos incendios. Tamén contribúen a fixar máis CO2 no solo e forman parte do patrimonio tradicional e agrogandeiro deste territorio da montaña. Un membro do CDR Ancares e un gandeiro do territorio, achegáronse á cidade de Oviedo en representación da veciñanza da montaña, para reunirse co Comisario de Aguas Gonzalo Gutiérrez. Nesta xuntanza fíxose entrega das numerosas firmas que se recolleron no territorio reivindicando a defensa dos banzados tradicionais. A Confederación está inventariando os banzados Por parte da Confederación transmitiuse nesta xuntanza unha mensaxe de calma á veciñanza e manifestouse que se está facendo un inventario no territorio para ver cales banzados están en uso e cales non. A partir deste inventario, convocarase unha xuntanza aberta á cidadanía para confirmar se os banzados catalogados como en desuso realmente o están. Finalmente, os banzados en desuso que supoñan un problema para o ecosistema fluvial ou para a protección civil, serán derribados. Por outra parte, os banzados que están en uso e que non teñan a correspondente autorización legal, deberán ser legalizados. “Desde a Confederación Hidrográfica do Cantábrico comprometéronse a facer un acompañamento técnico para a tramitación de ditas autorizacións, de forma que se facilite a súa legalización”, sinalan desde o C.D.R. Ancares. https://www.campogalego.gal/compromiso-da-confederacion-hidrografica-cantabrico-para-manter-os-banzados-en-activo-na-montana-lucense/

Estratexias de fertilización de pradeiras en ecolóxico

Galicia caracterízase por solos ácido e con gran humidade, pero non son as únicas características que influencian a fertilización en ecolóxico das pradeiras. Darlle ao solo o que necesita é unha das bases fundamentais para mellorar a súa produtividade, así como para incrementar a rendibilidade e competitividade das explotación de gando vacún con este tipo de certificación. Isto, xunto a unhas boas prácticas na fertilización, aumenta a eficiencia na utilización dos nutrientes, e deste xeito, mellora a fertilidade dos solos, pero, ¿con que se pode abonar e cales son as bases a ter en conta para facelo de xeito óptimo? Para responder a estas preguntas o enxeñeiro agrónomo e asesor técnico Joan Alibés da algunhas recomendacións. Tipos de fertilizantes autorizados A pradeiras en ecolóxico poden utilizar fertilizantes orgánicos con aportes de nitróxeno, fósforo ou potasio (NPK) como xurros, estercos -moi variables dependendo das súas orixes, pero con especial atención aos de pitos e galiñas-, e aqueloutros comerciais, aínda que cuns custes moi elevados. Tamén existe outra variante que son materias primas minerais que non sufriran ningún proceso de síntese ou tratamento químico; as máis interesantes son a rocha fosfórica para o aporte de fósforo, e a sal potásica para o potasio. “A sal potásica está extraída en Cataluña, bastante cerca e dispoñible en cantidade, aínda que o principal problema para o ecolóxico é conseguila sen ningún tratamento químico. Tanto unha como a outra, ao ser materias primas non necesitan unha certificación en ecolóxico, isto é, que veñan cun selo de ecolóxico. En canto á rocha fosfórica, unha das reservas máis importantes do mundo está no Sáhara Occidental, polo que tamén interveñen cuestións de política internacional”, comenta Joal Alibés. A rocha fosfórica é unha materia prima que, ao ser mineral, contén outros elementos aínda que a “dispoñibilidade de fósforo para as plantas é relativa porque ven en dentro dun composto complexo”, afirma Alibés. Así mesmo, contén outras vantaxes moi interesantes, como o aporte de calcio e a redución da saturación de aluminio -efecto encalante-. “En Nova Zelanda, no 2003, o 10% dos fertilizantes fosfóricos son rocha fosfórica de aplicación directa nos pastos”, amplía. Outro punto positivo deste material é que, ao ser unha materia prima, “esperase un custe menor”, concreta.
“A rocha fosfórica aporta calcio e contribúe á redución da saturación de aluminio, polo que actúa coma un encalante” (Joan Alibés)
Algunhas limitacións da rocha fosfórica non só están vencelladas á súa dispoñibilidade comercial, senón tamén ás súas orixes, posto que, dependendo do tipo de terreo de extracción ten unha solubilidade determinada. Ademais, cabe ter en conta que a súa absorción tamén depende das características do solo: “necesitamos unha humidade determinada, recomendan utilizala en climas por riba dos 850 litros por m2 -que é a maior parte de Galicia, en solos ácidos e ricos en materia orgánica para unha maior solubilización do produto, e en solos cunha presencia de xofre”, enumera o enxeñeiro agrónomo. Neste sentido, para comprobar a utilidade da rocha fosfórica como fertilizante ecolóxico nas condicións de solo e clima de Galicia, desde o CIAM realizaron un ensaio de campo nunha pradeira composta de raigrases e trevos. Con esta investigación, tamén se pretendía “axustar as doses de fósforo para obter un bo rendemento e calidade da forraxe, así como para mellorar a produtividade das pradeiras”, detalla a investigadora do CIAM María Isabel García. “O ensaio consistía en usar tres fertilizantes fosfóricos a dúas doses; os fertilizantes utilizados eran superfosfato do 18%, unha rocha fosfórica comercial cunha riqueza total de fósforo do 27% e unha rocha fosfórica importada cunha riqueza do 32%. As doses de 90 kg/ha de P2O5 e 150 kg/ha de P2O5 axustáronse en función da riqueza do fertilizante fosfórico soluble en ácidos minerais (18, 27 e 32%, respectivamente) para poder facer unha comparativa entre eles”, especifica María Isabel García. Tamén se incluíu un tratamento control sen fertilización fosfórica. As aplicacións dos fertilizantes realizáronse durante 3 anos, antes da implantación da pradeira e cada outono. Previamente ás aplicacións analizouse o contido en fósforo do solo. Nos cortes realizados fixéronse controis de produción, calidade e da extracción de fósforo pola planta. Aplicación de roca fosfórica nos campos de ensaio do CIAM. Fonte: CIAM Polo momento, en canto aos resultados obtidos tras tres anos de aplicación de rocha fosfórica en pradeira, “o contido en fósforo na capa de 0 a 10 centímetros do solo descendeu nos tratamentos con rocha fosfórica e no tratamento control sen fósforo dun xeito semellante, mentres que nos tratamentos con superfosfato incrementouse”, avanza García. “Os contidos de fósforo na planta presentaron uns valores lixeiramente máis altos nos tratamentos con superfosfato, sendo menor nos tratamentos con rocha fosfórica e no control que tiveron valores similares. As producións foron maiores para os tratamentos con superfosfato. Por tanto, como a rocha fosfórica non amosou o seu efecto nos 3 primeiros anos, renovouse a pradeira para ver se se precisa un período máis longo para que sexa efectiva”, conclúe a investigadora do CIAM. Bases para a fertilización en ecolóxico por tipos de pradeira “Necesitamos análises para ter información de referencia do solo, concretamente eu o que me atopo en moitas ocasións son solos moi ácidos, con moita saturación de aluminio, e en certas partes de Galicia hai moita dificultade para encalar. Despois, tamén hai que ter en conta que nos vindeiros anos vai ser necesario, por lei, realizar analíticas periódicas”, recalca o asesor técnico. Ao respecto, Alibés insiste en “analizar os solos e calcular, cos programas do Ciam, as necesidades nutricionais de cada pradeira en concreto”.
“Necesitamos análises para ter información de referencia do solo, concretamente eu o que me atopo en moitas ocasións son solos moi ácidos, con moita saturación de aluminio” (Joan Alibés)
“O pH e saturación do aluminio non só afecta á dispoñibilidade dos nutrientes no solo, senón que tamén afecta á súa microbioloxía”. Nun caso práctico dunha terreo abandonada presentado polo enxeñeiro agrónomo, “o primeiro análise de terra feito rexistraba unha saturación por acidez de máis dun 80% -polo que, independentemente do que lle botemos quedará aí bloqueado- un pH baixo, e unha inmensa cantidade de materia orgánica sen mineralizar”. En canto ás pradeiras en ecolóxico, sóense diferenciar tres tipos, aquelas que son de sega e dente, parcelas a dente, que son máis dificilmente mecanizables, e pequenas superficies convertidas tras unha recuperación de terreo. “No caso dos prados de sega e dente, as necesidades totais para unha produción de 10 toneladas por hectárea son 160kg/ha de nitróxeno, 100kg/ha de fósforo, e 120kg/ha de potasio, aínda que son cantidades difíciles ás que chegar”, afirma Joan Alibés. Como se poden satisfacer esas necesidades? “Se se establece un valor medio de 3,7 de nitróxeno, 0,7 de fósforo e 3,6 de potasio para un xurro, serían necesarios entre 40 e 50.000 litros por hectárea, ademais dun bo manexo do xurro para evitar perdas de nitróxeno, así como facer varias aplicacións”, explica o técnico. Nos prados a dente as necesidades para a produción de herba cambian reducíndose á metade os nutrientes NPK, e polo tanto, cubrindo a cantidade necesaria de xurro cuns 25 ou 30.000 litros. De non ter suficientes, “cómpre valorar o aporte doutros estercos, principalmente de pitos e galiñas, aínda que tamén é necesario analizalos porque hai unha forte variación entre uns e outros”, sinala Joan Alibés. Ante a maior esixencia de recuperación de terras agrarias, a transformación de parcelas de monte raso a pradeira representa nunha converxencia de gran potencial debido á súa dispoñibilidade no territorio e á produción de futuros aproveitamentos. Este terceiro tipo de terras de pasto parten dun proceso de mecanización completa e un posterior cultivo no que Alibés reivindica “a importancia das especies autóctonas adaptadas, que nestes momentos están no Banco de Xermoplasma do CIAM á falta de patentes e rexistros”, ao que engade que “ata que teñamos acceso á súa multiplicación cómpre seguir apostando polas mesturas biodiversas”. Cómpre sinalar que as pradeiras biodiversas representan outro instrumento para reducir os requisitos de fertilización, así como para prolongar o tempo de produción forraxeira. “Como son campos moi ricos en leguminosas xa contamos cun aporte de nitróxeno dunhas 40 ou 50 unidades. Aínda así, as necesidades de fósforo son imprescindibles porque, se non se cobren, no caso das parcelas de recuperación é difícil competir coa flora anterior”, amplía o enxeñeiro agrónomo.

Recomendacións de fertilización en pradeiras: o uso do programa RAX e a aplicación de xurros

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo desenvolveu a aplicación RAX, a partir da cal se poden calcular as doses de xurro necesarias para utilizar como fertilizante orgánico en pradeiras. O uso do xurro ofrece amplas vantaxes, como son unha mellor xestión dos residuos das ganderías e unha fertilización menos dependente de abonos minerais. Ademais, cómpre ter en conta que ten uns efectos positivos a longo prazo para o solo e o cultivo. As cantidades resultades recomendadas polas aplicacións RAX varían en función da composición dos xurros (contidos de nitróxeno, fósforo e potasio ou NPK) e dos contidos de fósforo e potasio dos solos. Aplicación RAX para a fertilización de pradeiras. Fonte: CIAM Estas e outras cuestións abordáronse no CIAM, na última xornada técnica sobre mellora na fertilización das pradeiras. Durante a cita, tamén se amosaron as claves para lograr a eficiencia da utilización do nitróxeno do xurro, as técnicas máis axeitadas para a aplicación dos xurros, así como os resultados en diferentes campos de ensaio. Esta actividade foi realizada no marco do Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego 2022, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

Xestión eficiente na incorporación do xurro e os programa RAX de pradeiras

“As pradeiras constitúen un gran sumidoiro de carbono por unha menor labranza do terreo, o que permite a estabilización da materia orgánica aportada ao solo cos xurros e estercos, debido a un gran desenvolvemento radicular e unha gran biomasa residual; isto contribúe á sustentabilidade ambiental dos sistemas de produción de vacún e, así mesmo, o maior contido en materia orgánica nos solos das pradeiras ten outros beneficios engadidos, como o incremento da fertilidade e da biodiversidade do solo”, afirma a investigadora do CIAM María Isabel García Pomar. O nitróxeno aplicado nas pradeiras pódese diminuír coa presenza de especies de leguminosas que contribúen á fixación de nitróxeno atmosférico. Ademais disto, “é necesario incrementar a eficiencia de utilización do nitróxeno do xurro evitando a volatilización do nitróxeno amoniacal, onde inflúe desde a técnica de aplicación, ao momento e ás condicións meteorolóxicas nas que se realiza”, amplía a investigadora. Estas circunstancias son consideradas polos programas RAX para calcular a eficiencia no uso do nitróxeno, ben mediante unha táboa ou dun xeito máis preciso, a través do modelo de simulación Alfam. As eficiencias son maiores co soterrado, o ideal sería facelo no momento da aplicación, e se non é posible, en menos de catro horas; nas aplicacións de coberteira o momento máis adecuado é a finais de inverno. En canto ás condicións meteorolóxicas para a súa aplicación o óptimo sería facelo cunha elevada humidade relativa do aire -con orballo, ao amencer ou incluso ao atardecer-, vento en calma, e baixas temperaturas. Tractor con cisterna con inxectores de purín
“As condicións meteorolóxicas óptimas de aplicación do xurro serían cunha elevada humidade relativa do aire -con orballo, ao amencer ou mesmo ao atardecer-, vento en calma, e baixas temperaturas”
En condicións adversas, con tempo seco, altas temperaturas e forte vento non é recomendada a aplicación. Así, “facendo unha simulación de aplicación de xurro co modelo Alfam, para un xurro aplicado sen soterrar, a súa aplicación con malas condicións en comparación cunha realizada en boas condicións, supón que a perda de nitróxeno amoniacal redúcese dun 100% a un 58%, o que nos permite lograr unha maior dispoñibilidade deste nutriente polo cultivo”, explica María Isabel García. Reducción de 100% ao 58% en función da aplicación do xurro. Fonte: CIAM O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo introduciu recentemente unha nova mellora na aplicación RAX dispoñible na súa web: o cálculo da eficiencia do nitróxeno aplicado cos xurros a partir do modelo Alfam. As aplicacións RAX de fertilización de establecemento e de fertilización anual en pradeiras , a partir de certos parámetros, fan unha recomendación das cantidades necesarias para unha correcta fertilización. As doses varían en función do solo, do tipo de xurro -de vacún ou porcino-, e do seu contido en nutrientes. Por este motivo “é necesario facer unha análise de laboratorio do solo, e coñecer a composición química do xurro”, afirma María Isabel García. Os programas RAX , “permiten varias opcións para introducir os valores de nutrientes dos xurros: da pé a poñer uns valores medios tanto para porcino -permitíndonos diferenciar se é de cebo ou de xestación lactación- como para vacún; pódense engadir os valores resultantes dunha analítica de laboratorio, ou ben, facer unha estimación a partir da medida da súa densidade e condutividade”, especifica a investigadora do CIAM. Unha vez introducidos todos os parámetros necesarios e premendo sobre ‘obter recomendación’ da unha saída. “Neste punto danos, por unha banda, cantas unidades fertilizantes de nitróxeno, fósforo, potasio e nitróxeno amoniacal hai nun metro cúbico de zurro; logo dinos a canto equivalen os nutrientes de 10m3 a prezo de fertilizantes simples, e despois, danos un resumo dos datos que metemos sobre analítica de solo”, sinala María Isabel García. “O uso do modelo Alfam indícanos a eficiencia de utilización dese zurro baixo as condicións aplicadas. Esa cifra será mellor canto máis se aproxime a 1. Por último, o programa móstranos unha saída que son os metros cúbicos necesarios de xurro por hectárea que teríamos que aplicar para satisfacer as necesidades de nitróxeno, fósforo e potasio da pradeira”, afirma a investigadora.
“O programa móstranos unha saída que son os metros cúbicos necesario de zurro por hectárea que teríamos que aplicar para satisfacer as necesidades de nitróxeno, fósforo e potasio da pradeira” (María Isabel García)
Unha vez seleccionado a dose de xurro (m3/ha) o programa indica as unidades fertilizantes de nitróxeno (kg/ha de N), de fósforo (kg/ha de P2O5) e de potasio (kg/ha de K2O) que faltarían por aportar á pradeira, cantidades que poden ser subministradas seleccionando un fertilizante mineral da listaxe que se amosa. A fertilización de establecemento ten como obxectivo xerar un contido base de nitróxeno, fósforo e potasio para a pradeira, e así mesmo, achegar estes nutrientes a capas máis profundas do solo. Cómpre ter en conta que as necesidades das pradeiras varían en función da produción e da fertilidade do solo, “nun solo cun nivel medio en fósforo e potasio, en establecemento o que se recomenda é aplicar unhas 40 unidades fertilizantes, 100 de fósforo e 150 de potasio por hectárea, para unha produción estimada de 10 toneladas de materia seca por hectárea e ano”, detalla María Isabel García. A fertilización anual das pradeiras ten que aportar o que a pradeira extrae nos anos sucesivos á implantación, as necesidades anuais variarán segundo o tipo de manexo: pastoreo, ensilado (1 corte), ensilado (2 cortes), a composición da pradeira (% de leguminosas), a produción esperada e o nivel de fertilidade do solo. “Sempre se recomenda ter os solos cun nivel de fertilidade medio”, aclara María Isabel García. Para niveis de fertilidade medios en fósforo e/ou potasio o programa RAX da unhas recomendacións e, se existen uns niveis baixos nun dos nutrientes, o programa recomenda unha cantidade lixeiramente maior “para evitar inmobilizacións, de tal forma que se alcance un solo medio de forma progresiva”. Polo contrario, se existen niveis altos nun dos nutrientes, o programa recomenda cantidades menores para utilizar os nutrientes que xa temos dispoñibles no solo.

Efectos a longo prazo da aplicación de xurro no solo e o cultivo

O uso de xurros ten un gran valor fertilizante nas terras de cultivo, principalmente no caso do de vacún. Este último, respecto á fertilización mineral con NAC, “mellora as propiedades químicas do solo provocando un aumento nos contidos de materia orgánica, carbono e nitróxeno na capa de 0 a 10 centímetros no solo, e cunha tendencia a incrementar os stocks de carbono sobre capas máis fondas, comprendidas entre os 0 e os 90 centímetros”, destaca a investigadora do CIAM María Dolóres Báez. Do mesmo xeito, Báez expón que “con ambos tipos de xurro obsérvase un incremento do pH respecto á fertilización mineral con NAC, ademais dun aumento nas bases do complexo de cambio e unha diminución da saturación por acidez co conseguinte aforro en aplicación de encalantes”. Ademais, en medicións feitas en Mabegondo, obsérvase que considerando períodos longos, como pode ser tres anos “as producións de materia seca e extracción de nitróxeno poden ser semellantes ou superiores a aquelas resultantes da utilización de fertilizante mineral”.
“En períodos longos, as producións de materia seca e extracción de nitróxeno poden ser semellantes ou superiores a aquelas resultantes da utilización de fertilizante mineral” (María Dolóres Báez)
A evolución de materia orgánica presente no solo, ao longo do tempo, varía coa aplicación de xurros con respecto ao uso de abonos minerais, principalmente na capa de 0 a 10 centímetros do solo, manifestando un maior crecemento naqueles campos abonados con xurros. Igualmente, é necesario levar a cabo “técnicas para reducir a volatilización de amoníaco, como pode ser unha correcta aplicación dos xurros mediante cisternas con inxectores”, afirma a María Dolóres Báez.

Xornada técnica este martes no CIAM sobre mellora na fertilización das pradeiras

O vindeiro martes, 29 de novembro, celebrarase no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) unha xornada técnica sobre "A Fertilización das pradeiras". A xornada está dirixida a gandeiros de vacún ou persoas con expectativas de incorporación interesados en mellorar a produtividade das pradeiras para a alimentación de gando.  O programa da xornada é o seguinte: 10:00-10:15 horas. Presentación da xornada. 10:15-10:45. As aplicacións web RAX de recomendación de abonado con xurro nas pradeiras. Mª Isabel García Pomar. Investigadora CIAM-AGACAL. 10:45-11:15 horas. Fertilización de pradeiras con xurros. Resultados do campo de ensaio (TT2022/075). Dolores Báez Bernal. Investigadora CIAM-AGACAL. 11:15-11:45 horas. Descanso. 11:45-12:15 horas. Estratexias de fertilización de pradeiras en ecolóxico. Joan Alibés Biosca. Técnico de Beealia Asesoramento e Xestión de Ganderías. 12:15-12:45 horas. O uso da roca fosfórica como fertilizante ecolóxico nas pradeiras. Resultados do campo de ensaio (TT2022/076). Mª Isabel García Pomar. Investigadora CIAM-AGACAL. 12:45-14:00 horas: Demostración de aplicacións de xurros na finca do CIAM. Mª Isabel García Pomar, Dolores Báez Bernal, Juan Valladares Alonso As solicitudes de inscrición pódense descargar da páxina web www.ciam.gal e deberanse remitir por correo electrónico a ciam.cmr@xunta.gal  Admitiranse solicitudes ata as 12:00 h do día 14 de novembro.   Xornada realizada no marco do Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego 2022, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de galicia 2014-2020. 

 

DESCARGAR SOLICITUDE DE INSCRICIÓN

DESCARGA DÍPTICO DA XORNADA

SAT Sabadelle, unha gandería que moxe en robot e non dá silo de millo ás vacas

Na parroquia de Sabadelle, en Chantada, atópase unha gandería inusual en Galicia, onde o 80% do leite é producido en base ao cultivo de millo, sobre todo nas explotacións de maior tamaño. Na SAT Sabadelle están a muxir na actualidade arredor de 120 vacas en dous robots, pero prescinden por completo do silo de millo na ración. Son dúas decisións, a de automatizar a granxa e a de deixar de cultivar millo, que tomaron en base ás características propias da explotación. “A adaptación que nós fixemos está motivada por dous factores: por un lado, temos xa máis de 50 anos e un dos traballos nos que máis se sofre fisicamente é na sala de muxido, por iso puxemos os robots; e por outro lado, debido á ubicación e ás condicións de clima e solo nas que nós estamos, cultivar millo era problemático. Pero cada granxa ten que facer a súa propia evolución, porque as circunstancias en cada unha non son as mesmas, e evidentemente se estiveramos no norte de Lugo a estratexia tería que ser distinta”, razoa Lois Lareu, un dos tres socios actuais da SAT. A piques de cumprir 20 anos A granxa comezou a funcionar en 2002, polo que está a piques de cumprir 20 anos. É o resultado da fusión de tres explotacións familiares. “Naquel momento houbo un boom das SATs, pero eu vexo que despois, co paso dos anos, deixaron de producirse fusións deste tipo. Non sei se é porque as explotacións familiares medraron e non se ve necesario xuntarse co veciño ou porque as ganderías foron desaparecendo e non queda con quen xuntarse”, argumenta Lois.
José Manuel Fernández, María Suárez e Lois Lareu son os tres socios actuais da SAT
Das tres familias iniciais, a día de hoxe quedan dúas. “Na actualidade somos tres socios e un empregado. No inicio traballabamos entre 7 e 8 persoas, pero cando un dos socios fundadores tivo que abandonar a SAT (fíxoo por enfermidade hai 12 anos), produciuse unha redución tanto no número de traballadores como de animais”, explica. 2 robot desde marzo deste ano Malia teren pasado xa dúas décadas desde a súa construción, o establo está en boas condicións e simplemente fixeron nestes anos investimentos en eficiencia enerxética e obras de adaptación para a instalación do novo sistema de muxido con robot. “A nave que se fixo no 2002 practicamente é a mesma que temos na actualidade. Houbo un esforzo económico importante no inicio para ter unhas instalacións novas e modernas para aquel momento e que están aínda en bo uso a día de hoxe”, conta Lois.
Nos últimos anos fixeron investimentos en aforro enerxético, tanto placas solares como intercambiador de calor
Pero con miras a enfrontar os vindeiros anos tomaron a decisión de investir na automatización do muxido. “Este ano substituímos a sala, que era rápida e estaba ben, por 2 robots. O motivo principal foi que un dos socios ten 60 anos, e os outros dous temos 54 anos e comezabamos a notar os achaques típicos da idade á hora de muxir, posto que as pernas e ombreiros resíntense tendo que pasar tres horas na sala á mañá e tres á tarde. E outra das razóns é a dificultade de atopar man de obra cualificada”, recoñece. A adaptación dos animais ao robot foi “rápida e doada”, di. Para iso, antes de comezar a muxirse no robot as vacas fóronse afacendo a comer nel o penso durante dúas semanas.
A ración de produción leva 30 kg de silo de herba, 1,5 de palla, 1,5 de alfalfa e 9,5 de penso, máis o punteo do robot (6 kg máximo)
O paso ao robot supúxolles un incremento duns 8 litros de leite por vaca e día. “Antes estabamos nuns 32 litros de media e desde a instalación do robot acadamos os 40 litros”, di. A composición media do leite é dun 3,6% de graxa e un 3,1% de proteína. “A graxa e proteína descendeunos moitísimo coa implantación do robot”, admite Lois. Lote de gando en pastoreo para reducir custos Lote de vacas secas e xovencas, con saída ao pasto A robotización da granxa levounos a modificar algunha rutina de manexo do gando, sobre todo no relativo ao secado. “Co robot hai un incremento de gasto en concentrado, polo que nós se vemos que unha vaca que está no robot non ten a produción axeitada e non nos compensa tela no lote de produción o que facemos é secala e pasala ao lote de pastoreo, onde o custo de alimentación é baixo”, di.
Para minimizar o gasto en concentrado adiantan o secado nas vacas que perden produción
Dispoñen dunhas 20 hectáreas arredor da granxa que pastorean coas vacas secas e xovencas. “Iso axúdanos a reducir de  xeito significativo o custo de alimentación dese gasto”, afirma Lois. “Facemos un carro para xovencas e secas, que levan a mesma alimentación. E se no mes de agosto, cando non hai pasto, temos que facer un carro diario, cando hai pasto ese mesmo carro dura tres días”, exemplifica. Non é un carro estritamente seco, porque bótanlle herba seca da que eles colleitan, máis uns quilos de silo de herba de segundo corte, máis o concentrado. Beneficios na recuperación das vacas As vacas recén paridas ou con algún tipo de problema están tamén fóra Lois considera que os períodos de pastoreo, ademais de aforrar custos, melloran a saúde dos animais e alongan a súa vida útil. Antes de muxir co robot as vacas en produción saían a fóra e neste momento seguen mantendo esta práctica para determinados animais.
Cando hai unha vaca con problemas, ao botala fóra mellora moito máis rápido
“Temos un pequeno grupo de vacas adultas que saen fóra, ben sexa por problemas de pés ou porque están recén paridas e vemos que deste xeito melloran máis rapidamente o seu estado sanitario e podal”, asegura.
O inverno aquí non é extremo, pero o verán si que é duro para o pastoreo nesta zona
Na zona de Chantada os invernos non son extremos, pero é habitual que a seca afecte de cheo no verán. “Os nosos solos son areosos e secan moito nos meses de xullo, agosto e setembro”, explica Lois. Por iso, a alimentación do gando en SAT Sabadelle susténtase a base de ensilados de herba, unha vez que foron deixando paulatinamente de botar millo. Abandono do cultivo de millo Desde hai 13 anos apostan exclusivamente polas pradeiras para a produción de forraxe para a ración “O cultivo de millo para nós era un sufrimento. Obtiñamos unas producións moi baixas e cando había boa colleita tiñamos problemas co xabarín, ademais do traballo que nos supuña. Eu non discuto que o millo sexa interesante para a produción leiteira, pero cada quen ten que analizalo nas súas circunstancias”, argumenta Lois.   “Na zona na que nós estamos, cando durante varios días a temperatura pasa de 30 grados, que foi o caso deste ano, o millo xa non era capaz de recuperarse viñera despois o tempo como viñera”, di.
O millo para nós era un sufrimento, cando non era a seca era o xabarín, os corvos ou a rosquilla
Hai 13 anos que deixaron definitivamente de botar millo e apostaron polas pradeiras permanentes.  Son basicamente de raigrás italiano e trevos que pouco a pouco se van introducindo e colonizando de forma espontánea as parcelas de pastoreo. Xestión do minifundio As fincas son de pequeno tamaño e o solo é areoso e seca no verán SAT Sabadelle bate cunha das dificultades habituais en Galicia, a do minifundio. “Xestionamos unha superficie de 120 hectáreas distribuídas catastralmente en 427 parcelas, o que supón un esforzo non só físico, senón tamén mental para poder xestionar todas esas leiras”, di Lois.  
Traballamos 427 parcelas en tres concellos: Chantada, Taboada e Carballedo. Supón un esforzo físico e mental importante
O tamaño real das parcelas de traballo foise incrementando a base de apezar fincas. “Co paso do tempo foron pechando explotacións no noso entorno e iso permitiunos ter pezas de 5 ou 6 hectáreas, pero cunha salvedade, polo medio está cheo de marcos que temos que respectar no laboreo para non modificar a estrutura de propiedade da terra”, indica. A superficie en propiedade é dunhas 40 hectáreas e o resto, unhas 80, son alugadas e están moi dispersas, o que dificulta a súa xestión. “Manexamos fincas en varios concellos e tiñamos xente que nos pastoreaba esas fincas no inverno e que nos servía para facer o corte de limpeza e telas dispoñibles para o abonado de xaneiro. Pero hoxe esas explotacións están pechando e vémonos xa obrigados a triturar unha parte delas”, admite.

Manexo das pradeiras de sega para lograr a resementeira sen laboreo

SAT Sabadelle fai unha xestión forraxeira das pradeiras enfocada a lograr un corte para silo a finais de abril ou principios de maio e un segundo corte para silo ou herba seca a partir do 15 de xullo. Para iso, a estratexia de abonado consiste na aplicación de xurro no mes de xaneiro en toda a superficie, logo do corte de limpeza do inverno, e unha fertilización con NAC do 27% a mediados de marzo.  “Abonamos con xurro en xaneiro e nitróxeno en marzo. Habitualmente botabamos uns 250 kg/ha de abono químico, pero este ano reducimos a 150 kg/ha polo custo do fertilizante e notouse, a produción das pradeiras non foi a mesma”, admite Lois.
Co abono de xaneiro-febreiro de xurro e o nitróxeno de marzo chega para a produción de herba de todo o ano
“No segundo corte, se o tempo é propicio, ás veces volvemos a fertilizar con xurro. Pero se sobe a temperatura, como pasou este ano, deixamos de botar purín, porque consideramos que facemos máis dano á pradeira que beneficio”, razoa. Silo en pacas Fan rolos de herba seca e pacas para silo co segundo corte O primeiro corte coincide normalmente a finais de abril ou comezos de maio, en función de como veña a climatoloxía. “Ensilamos todo a un tempo a través dunha empresa de servizos, de maneira que en 3 días temos toda a forraxe ensilada, o que nos permite que non haxa variacións na composición do silo e na ración durante todo o ano”, destaca. O segundo corte repártese entre herba seca e silo empacado. “Empezamos a facelo en pacas porque ese segundo corte para ensilalo en trincheira tiñamos problemas de conservación polas bolsas de aire, porque era herba que era difícil de pisar. Así, ao ensilalo en pacas non temos ningún problema”, di. Con ese método fan unhas 200 pacas de silo de herba, que empregan para o carro das xovencas e secas. Colleita de semente Collen a semente de raigrás cunha colleitadora para resementar con ela unhas 20 hectáreas cada ano Pero no segundo corte a protagonista é a herba seca, tanto polo tipo de forraxe como método de resementeira natural das pradeiras. “Collemos rolos de herba seca nunhas 100 hectáreas, pero delas eleximos sempre un par de hectáreas, as que teñen máis calidade, que as collemos cunha colleitadora de cereal para aproveitar a semente. Con esa semente resementamos fincas que o necesitan, ben por estaren en boas condicións ou nas que ensilamos o segundo corte, porque nas que collemos herba seca non fai falla, coa semente que cae xa chega”, di.
Facemos o corte de herba seca cunha colleitadora de cereal nunhas dúas hectáreas e coa semente que collemos resementamos o resto de parcelas
Cada ano, a principios de setembro reparten esa semente que recolleron nunhas 20 hectáreas, para ir renovando deste xeito de maneira natural e sen laboreo as pradeiras. “Botamos a semente cando o terreo está seco, para que non teña competencia á hora de saír. Non pasamos rulo nin botamos xurro ata que a planta está ben implantada para non pisar nin machacar, unicamente depositamos a semente na superficie cunha sementadora Amazon pero sen facer laboreo e cando veñen as primeiras chuvias xa se encargan de facer que a semente entre en contacto co terreo. É un método barato que nos está dando bos resultados”, explica Lois.