Archives

Feira de gando, premio aos mellores exemplares de raza rubia galega e asturiana e subasta de Acruga o sábado 11 en Cervantes

Un momento da poxa de xovencas de ACRUGA durante a feira do ano pasado A localidade de San Román, en Cervantes, celebra o segundo sábado do mes de maio a súa Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña cun completo programa de actividades para dar visibilidade á labor de produción de carne de calidade e coidado do territorio que realizan os produtores desta zona da montaña de Lugo. A feira, que foi recuperada no ano 2019 por iniciativa da asociación Territorio Verde coa colaboración de gandeiros e de veciños da zona dos Ancares converteuse xa nunha referencia no calendario de feiras de ano da provincia de Lugo. Acudirán á cita gandeiros de Cervantes, Navia, A Fonsagrada, As Nogais e Becerrá e entre vacas, cabras, ovellas e cabalos agárdanse unhas 200 cabezas. O prazo de inscrición para participar segue aberto até o día 5 de maio nos teléfonos 636280102 e 690265895 e haberá axudas ao transporte dos animais e importantes premios para os mellores exemplares tanto de raza rubia gallega como de asturiana de los valles, moi utilizada tamén nesta zona da raia con Asturias e León.
Daranse axudas para o transporte aos produtores que acudan co seu gando e importantes premios aos mellores exemplares
O programa inclúe ademais da feira de gando, poxa de xovencas de ACRUGA, venda de produtos de alimentación e artesanía, exposición e venda de maquinaria e vehículos, pulpeiros e animación ao longo de toda a xornada, con inchables de balde para os cativos e exhibición en vivo dun ferreiro. A maiores, pola mañá actuarán os grupos de música tradicional Os Xardois e Os Gaioleros, ambos de Cervantes, e pola tarde tocará Tania y su acordeón, da Fonsagrada. Venda de animais para vida A previsión da organización é superar as cifras récord do ano pasado, tanto en afluencia de público como de venda de animais. Un dos obxectivos da asociación organizadora coa recuperación desta feira era precisamente dar aos gandeiros e gandeiras a posibilidade de, cando menos unha vez ao ano, ter un mercado gandeiro de proximidade onde poñer á venda os seus animais, así como os excedentes de colleita de outros produtores da zona.
A poxa de xovencas de Acruga comezará ás 12 do mediodía 
O feito de poder vender o gando para vida revaloriza os prezos e dá unha alternativa diferente aos produtores para dar saída aos seus animais, algo importante nun momento de prezos de venda dos xatos a matadoiro baixos.  Tradicionalmente, en Cervantes existían varias feiras de gando, como a de Seixas, a de Quindous e outras, pero dende principios dos anos 80 non se volvera celebrar no concello ningún tipo de feira gandeira. A que terá lugar este ano o día 11 de maio foi recuperada no 2019 con grande acollida por parte dos gandeiros da zona e de todos os habitantes da montaña.
Os organizadores queren reivindicar a labor de produción de carne de calidade e coidado do territorio que realizan os produtores desta zona da montaña de Lugo
Os organizadores queren reivindicar coa celebración desta feira as especiais características da gandería que se practica nesta zona de alta montaña, cun manexo do gando adaptado á climatoloxía e a uns desniveis que impiden moitas veces a mecanización das labores agrícolas.

Dezaoito restaurantes de nove concellos da montaña de Lugo únense para promocionar os alimentos de proximidade

Máis de 15 establecementos hostaleiros do Xeodestino Ancares Terras de Burón participarán durante este Entroido e o que resta de inverno nas Xornadas do Cocido de Montaña. Todos estes restaurantes e casas de comidas están certificados co selo Cociña de Ancares Terras de Burón, unha distinción que garante que a totalidade dos ingredientes que se empregaron na elaboración deste prato son de proximidade e de produción local. Esta certificación lévaa a cabo un equipo técnico, que é o que confirma que todos os compoñentes deste cocido de montaña teñen a súa orixe na zona. O Xeodestino busca con esta certificación dinamizar o consumo de produtos locais e de proximidade nos establecementos de restauración da zona. Na web do GDR Montes e Vales Orientais pódense consultar os locais adheridos a esta iniciativa e que xa recibiron a certificación de que ofrecen un verdadeiro cocido de montaña. Nos próximos días é posible que se engada aínda algún establecemento máis, xa que a iniciativa permanece aberta e pódense anotar chamando ao teléfono 659275743.
Todos os ingredientes son de proximidade e a súa elaboración ao estilo tradicional baixo o selo 'Cociña de Ancares Terras de Burón'
A día de hoxe son 18 os restaurantes e casas de comidas habilitados. En Baleira ofrecen este saboroso cocido de montaña A Marronda, o Recuncho D’Vane, O Neireo e os Apartamentos Sons do Eo. Aqueles que se acheguen durante este Entroido a Navia de Suarna poderán desfrutar deste manxar na Casa de Chao, o Caserío Meiroi, o café bar Xegunde, no restaurante A Escola e no Mesón Aarau. Na Fonsagrada participan O Piñeiral e o mesón Catro Ventos; en Becerreá os restaurantes Rivera e Boavista; mentres que completan as xornadas A Lareira (As Nogais), Casa Sidrón (Negueira de Muñiz), Fonda Zarralleiro (Baralla), o restaurante O Cebreiro (Pedrafita do Cebreiro) e a Casa Cazoleiro (Meira). Gran degustación en Baleira Ademais de comer o cocido de montaña nestes establecementos, o vindeiro martes 13 de febreiro levarase a cabo en Baleira a Feira do Cocido de Montaña, que será unha xornada dedicada a este prato típico e que contará tamén con música, sorteos e o desfile de disfraces do Entroido. Ás 10 da mañá abrirase a feira na praza do Concello e o pavillón Municipal acollerá, a partir das 13:45 horas, unha gran degustación de cocido de montaña.As entradas para a degustación de Baleira poden mercarse (15€) de xeito anticipado nos seguintes establecementos que forman parte da Asociación de Hostalaría de Baleira: A Marronda, O Moneda, O Neireo e O Recuncho D’Vane. A xornada completarase ás 17:30 horas cando, unha vez rematada a degustación e co acceso xa libre e gratuíto para todo o mundo ao pavillón, arrincará o desfile de disfraces. Haberá música e festa durante o resto da tarde, con inchables gratuítos incluídos e un sorteo de dúas caixas de produtos de Ancares Terras de Burón entre todos os participantes na comida.

Navia de Suarna celebra o 11 de febreiro a Festa da Androlla

A praza de Navia ateigada de xente durante a Festa da Androlla nunha edición anterior O domingo de Entroido está marcado no calendario gastronómico galego como o día da androlla. Todos os anos nesta data o concello lucense de Navia de Suarna celebra a súa tradicional festa de exhaltación deste embutido, que este ano chega xa á súa 33 edición. Así pois, o vindeiro 11 de febreiro a praza da vila reunirá un ano máis ao numeroso público que acode a esta celebración que xira en torno a un dos produtos típicos deste concello da montaña luguesa. O programa de actividades dará comezo ás 10 da mañá cun pasarrúas a cargo dun grupo de gaitas e coa apertura a continuación dos 30 stands que acollerá a carpa ubicada na praza. Nela venderanse as androllas de numerosos produtores caseiros desta zona dos Ancares que as elaboran expresamente para esta cita e tamén as que fabrica a empresa Embutidos Suarna, unha firma local pioneira na comercialización deste protudo e que elabora ademais durante todo o ano todo tipo de embutidos. Entre os expositores tamén haberá vendedores de pan, doces, queixos, licores e todo tipo de produtos galegos, así como un amplo surtido de artesanía. Contra a unha do mediodía terá lugar un dos actos centrais do día, a tradicional degustación gratuita de androlla entre os asistentes. As androllas cocíñanse na propia praza, á vista dos asistentes, e repártense de balde acompañadas de viño, pan e mesmo de postre, unha torta de pasas tamén típica desta zona. A feira e a música continuarán até media tarde.
Navia conta con interesantes atractivos turísticos, como a Ponte Vella, de orixe romana, ou o castelo medieval dos Condes de Altamira, ademais de pallozas e numerosos castros
A celebración desta festa gastronómica, unha das primeiras de Galicia, que se comezou a facer no ano 1991, está organizada polo Concello de Navia de Suarna coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo e a Xunta de Galicia. O evento contribúe á dinamización local e a manter viva esta tradición naviega da elaboración deste embutido de porco que nos últimos anos estase a converter tamén nun recurso económico para esta zona dos Ancares. Elaborada ao xeito tradicional nas montañas de Lugo e Ourense Androllas nun dos postos de venda nunha edición anterior da festa A androlla é un produto cárnico elaborado de xeito artesanal resultante da mestura de costela (mínimo 90%) e coiros, que lle dá ao embutido graxa e xelatina que se traduce en sensación de xugosidade na boca. Convenientemente adobado o recheo durante uns tres días con allo, sal e pemento doce e picante é embutido en tripa natural procedente do intestino groso de porcino ou de vacún e posteriormente sométese a un proceso de curación e afumado con leña de carballo. O seu consumo realízase habitualmente cocida.  A zona xeográfica de elaboración da androlla en Galicia está formada por 12 concellos da provincia de Lugo e 17 da de Ourense, formando unha franxa que se estende de norte a sur pola parte máis oriental e montañosa de Galicia. Tamén se elaboran androllas en zonas limítrofes da vertente leonesa dos Ancares.
A androlla é un produto normalmente máis curado que o botelo, cun aroma intenso a embutido afumado
Aínda que semellantes, a androlla diferénciase do botelo (coñecido como butelo ou pigureiro nesta zona dos Ancares) en que só leva costela de porco e coiros, mentres que no botelo permítese ademais soá, carne magra de porco, ósos da cabeza e outros ósos con carne. Ademais, o botelo embútese en cegos, estómagos ou vexigas de porco, polo que o tamaño e o peso da peza é maior que o da androlla, que acostuma estar en torno ao medio quilo. De cor vermella intensa debido aos condimentos empregados, a androlla é un produto normalmente máis curado que o botelo, cun aroma intenso a embutido afumado. 

PROGRAMA COMPLETO: 

Os establecementos de turismo dos Ancares que non teñan cociña disporán dunha despensa de pratos tradicionais elaborados por produtores locais

O Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais, en colaboración co Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Montaña, continúa desenvolvendo o proxecto A Despensa de Ancares-Terras de Burón, unha iniciativa que pretende incorporar os alimentos que se producen no noso territorio aos establecementos turísticos da zona, tales como pratos xa cociñados, conservas, embutidos e bebidas, entre outros moitos. Esta iniciativa foi presentada o mes de xuño pasado en dúas xornadas celebradas na Fonsagrada e en Navia de Suarna. O seguinte paso é lanzar unha serie de proxectos piloto para os que se están buscando os primeiros establecementos interesados en contar cunha despensa de pratos e produtos locais nas súas instalacións. Tamén continúa a busca de novos produtores interesados en incorporarse como provedores desta despensa e ampliar as formas de darlle saída á súa produción. O obxectivo é tender pontes entre o sector turístico e o agroalimentario, para establecer circuítos curtos de comercialización que contribúan ao desenvolvemento da economía local en Ancares e Terras de Burón. Para conseguilo vanse realizar “tres sesións de traballo nas que produtores e establecementos interesados acabarán de definir os protocolos loxísticos e de traballo necesarios para implementar a rede local ‘A Despensa de Ancares-Terras de Burón”, explica Fe Álvarez, xerente do GDR Montes e Vales Orientais. Primeira sesión A primeira xornada de traballo desenvolverase este vindeiro xoves, día 28 de setembro, en Baleira, a partir das 18 horas. A participar nela están convidados “os xerentes de casas rurais, hoteis, albergues e outros establecementos turísticos que non contan cun servizo de restaurante propio, así como produtores e produtoras do territorio que busquen novas canles de comercializar os seus produtos alimentarios. Poden anotarse a través de whatsapp no número 659275743 ou cubrindo o formulario aloxado no seguinte enlace. Fe Álvarez lembra que son “varios os albergues e casas rurais que xa solicitaron incorporar os produtos desta despensa para ofrecerlle ás persoas que nos visitan un servizo complementario ao aloxamento”, ao tempo que se mostra moi confiada nunha iniciativa que “está espertando un grande interese entre estes establecementos turísticos do territorio, que eran moi conscientes desta necesidade”, apunta.
Sempre buscamos establecer redes colaborativas no territorio que impulsen o desenvolvemento local en todos os seus ámbitos
A xerente do GDR Montes e Vales Orientais está convencida da importancia que vai ter este proxecto, que encaixa á perfección na filosofía de traballo do colectivo. “Sempre buscamos establecer redes colaborativas no territorio que impulsen o desenvolvemento local en todos os seus ámbitos. O obxectivo principal con esta iniciativa é xuntar a diferentes sectores económicos que contan con necesidades, barreiras e problemáticas aparentemente diferentes e poñer en marcha solucións conxuntas que redunden nun beneficio para todos e, en consecuencia, colaborar no desenvolvemento do territorio”, comenta. Con esta unión na despensa entenden que se vai atallar “o desequilibrio entre a oferta de aloxamentos e a oferta de restauración, xa que neste territorio hai moitos máis aloxamentos que establecementos que sirvan comidas ou ceas aos visitantes; e pola outra banda, hai un sector agroalimentario que está poñendo no mercado produtos de gran calidade e que están buscando darlles saída e ampliar as súas canles de venda”, conclúe Fe Álvarez.

A veciñanza da Montaña luguesa recolle 700 sinaturas para a preservación dos banzados nos Ancares

A veciñanza dos Ancares fixo chegar á sede da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, en Oviedo, a súa preocupación sobre a ameaza de eliminar os banzados e presas tradicionais dos ríos dos Ancares. “Algúns destes banzados son infraestruturas de orixe medieval, fundamentais para a viabilidade das explotacións gandeiras da zona, xa que permiten a rega e que os prados sigan sendo produtivos no verán e nas épocas de seca coma as que estamos sufrindo na actualidade”, apuntan desde o Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) dos Ancares. Impacto medioambiental positivo Ademáis do seu impacto directo na actividade agrogandeira, os prados de regadío conforman unha paisaxe en mosaico, rompendo coas zonas de monte e evitando en gran medida a propagación dos incendios. Tamén contribúen a fixar máis CO2 no solo e forman parte do patrimonio tradicional e agrogandeiro deste territorio da montaña. Un membro do CDR Ancares e un gandeiro do territorio, achegáronse á cidade de Oviedo en representación da veciñanza da montaña, para reunirse co Comisario de Aguas Gonzalo Gutiérrez. Nesta xuntanza fíxose entrega das numerosas firmas que se recolleron no territorio reivindicando a defensa dos banzados tradicionais. A Confederación está inventariando os banzados Por parte da Confederación transmitiuse nesta xuntanza unha mensaxe de calma á veciñanza e manifestouse que se está facendo un inventario no territorio para ver cales banzados están en uso e cales non. A partir deste inventario, convocarase unha xuntanza aberta á cidadanía para confirmar se os banzados catalogados como en desuso realmente o están. Finalmente, os banzados en desuso que supoñan un problema para o ecosistema fluvial ou para a protección civil, serán derribados. Por outra parte, os banzados que están en uso e que non teñan a correspondente autorización legal, deberán ser legalizados. “Desde a Confederación Hidrográfica do Cantábrico comprometéronse a facer un acompañamento técnico para a tramitación de ditas autorizacións, de forma que se facilite a súa legalización”, sinalan desde o C.D.R. Ancares. https://www.campogalego.gal/compromiso-da-confederacion-hidrografica-cantabrico-para-manter-os-banzados-en-activo-na-montana-lucense/

“Para que Os Ancares manteña as paisaxes que ten hoxe ten que haber un bo prezo para a carne”

Miguel González Vilela, de Doiras, é o presidente da Asociación Territorio Verde, que naceu hai 5 anos co obxectivo de dinamizar desde o punto de vista social e económico a comarca dos Ancares. Falamos con el da Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, que se celebra mañá en San Román e da situación dos produtores da zona.  “A asociación creouse co obxectivo de dar a coñecer a realidade e os problemas que hai en toda a montaña. Nós non nos centramos só en Cervantes, senón en toda a montaña. Imos todos no mesmo barco e temos que ir todos da man”, defende Miguel. Na directiva da asociación, explica, “somos todo xente nova e todos vivimos aquí”, polo que coñecen de primeira man as posibilidades que existen nas zonas de montaña e as necesidades que hai.
Non é o mesmo producir na Terra Chá que na montaña de Lugo
“É unha mágoa que cada día vaiamos perdendo servizos e que non se lle dea a importancia que ten a labor medioambiental que se fai nestas zonas. A todo o mundo que visita Os Ancares lle encantan as paisaxes, pero iso é mérito dos gandeiros e moitas veces non se lles recoñece esa labor. Para axudar a que se establezan familias e a xente nova se quede ten que haber servizos e comunicacións, pero tamén un bo prezo para a carne. Senón cando esa xente que nos visita volva dentro de 10 anos será todo toxos, xestas e silveiras”, afirma. Consolidar a feira, primeiro obxectivo Un dos primeiros obxectivos trala creación da asociación no ano 2018 foi recuperar unha feira de gando que este sábado celebra a súa terceira edición tralo parón obrigado pola pandemia. "É unha feira pensada por e para os gandeiros, pero sobre todo feita grazas a eles", destaca Miguel. Entre os obxectivos que Territorio Verde persegue con esta cita está o de dinamizar a comarca dos Ancares por medio da creación dun evento anual onde se dan cita gandeiros, tratantes, produtores e compradores e onde os habitantes da zona poden pasar un día de lecer.
A feira dá a oportunidade aos produtores da montaña de poñer á venda o seu gando ou os excedentes de colleitas nun entorno cercano
Esta cita converteuse xa en referencia obrigada para a poboación local e cumpre tamén unha función social, permitindo a xuntanza dos nenos que viven espallados nas distintas aldeas da montaña e dos máis maiores, que aínda lembran as feiras ao aire libre que se facían en lugares como Seixas ou Quindous e que tan bos recordos lles traen. Para as persoas de fóra da comarca, esta cita é tamén unha oportunidade para visitar a zona. De feito, a Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña forma parte do Pasaporte Gastronómico, unha iniciativa posta en marcha polo Xeodestino Ancares Terras de Burón para dar a coñecer o territorio a través das súas feiras.   Recoñecer a labor medioambiental dos gandeiros Os gandeiros son, sen dúbida, unha peza fundamental do éxito da feira. Así o di Miguel, que reivindica a labor que realizan os produtores e o seu gando no coidado do territorio. “Esta actividade permite que a montaña siga viva e fai que o gando e os gandeiros manteñan limpos os montes preto das aldeas, cumprindo así unha función de prevención de incendios”, destaca.
Ademais de producir carne de calidade, os gandeiros manteñen a paisaxe tradicional dos Ancares
En Cervantes, e na montaña de Lugo en xeral, a principal actividade económica é a gandeiría extensiva, en zonas orograficamente moi difíciles de traballar e ás veces con accesos complicados. “Esta feira é un pouco reivindicativa da labor que fan os gandeiros no día a día. Onde hai gandería e agricultura vese un rural vivo. A labor antiincendios que realizan é tremenda e non se lles recoñece. Nos últimos anos estamos vendo incendios voraces que poñen en perigo as nosas casas e as dos nosos veciños. Desbrozar todo con maquinaria é imposible, pero se os prados están verdes e coidados non arde”, argumenta.

“Son necesarios apoios reais aos produtores da montaña e non continuas trabas ao seu traballo”

Prados de rega en Fonlor, na parroquia de San Martiño de Zanfoga, en Pedrafita do Cebreiro Miguel reivindica as especiais características da gandería que se practica nesta zona de alta montaña, cun manexo tradicional do gando adaptado ás inclemencias invernais, que mantén prácticas como a da trashumancia, e a unha orografía que impide moitas veces a mecanización das labores agrícolas. “Hai que apoiar aos gandeiros de zonas coma os Ancares, porque non é o mesmo traballar na Terra Chá que na montaña de Lugo. E hai que facelo con medidas efectivas e non poñéndolles trabas, porque véndese moito fume de que se lles está axudando pero a realidade é que a normativa non están feita para eles”, afirma.
Quérennos tirar os banzados, que forman parte do sistema tradicional dos prados de rega que se mantén nesta zona
Pon como exemplo a problemática existente cos prados de rega. A Confederación Hidrográfica do Cantábrico, a través da empresa Tragsa, quere eliminar os banzados dos ríos da zona. “Hai unha normativa que quere que os ríos volvan ao seu cauce natural, pero, cal é o seu cauce natural", pregúntase Miguel, porque "hai banzados que aparecen xa en documentos do ano 1.400", di.  Trátase dun sistema de rega tradicional compatible co mantemento do caudal e a biodiversidade dos cauces fluviais, polo que desde a Asociación Territorio Verde non entenden por que a Confederación non quere que haxa banzados nos ríos da zona. "Os Ancares é un dos poucos sitios de España onde quedan este tipo de prados de rega. Este tipo de pequenas presas e infraestruturas son necesarias para poder regar. É un uso e costume secular e sen embargo estanse poñendo trabas por parte da Administración para o seu mantemento”, denuncia Miguel. 
Non todo pode ser facer pastizais no monte, porque as temperaturas son cada vez máis altas e para ter herba hai que ter prados tamén noutras zonas
Na súa opinión, “non todo pode ser facer pastizais nos montes" porque "cada vez as temperaturas son máis altas, non só no verán, senón tamén nos meses de maio ou xuño, e este tipo de prados permiten ter herba, aínda que requiren de moita man de obra para manter o sistema de rega”, indica. “Estamos en zona de Rede Natura e hai subvencións para recuperar estes usos tradicionais”, di, polo que considera contraditorio que “desde Europa están subvencionando a recuperación dos prados de rega e desde aquí querennos tirar os banzados. Hai que construír, non derrubar”, critica o presidente de Territorio Verde.

Cervantes celebra este sábado a súa feira reivindicativa en defensa dos gandeiros da montaña

A localidade de San Román, en Cervantes, celebra este sábado o a súa Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña cun completo programa de actividades para dar visibilidade á labor de produción de carne de calidade e coidado do territorio que realizan os produtores desta zona da montaña de Lugo. A feira, que foi recuperada no ano 2019 por iniciativa da asociación Territorio Verde coa colaboración de gandeiros e de veciños da zona dos Ancares pero tivo que ser suspendida despois por mor pandemia da covid-19. Volveu celebrarse no ano 2022 e converteuse xa nunha referencia no calendario de feiras de ano da provincia de Lugo. Participarán na cita gandeiros de Cervantes, Navia, A Fonsagrada, As Nogais e Becerrá e entre vacas, cabras, ovellas e cabalos agárdanse unhas 200 cabezas, con importantes premios para os mellores exemplares.
Os organizadores queren reivindicar a labor de produción de carne de calidade e coidado do territorio que realizan os produtores desta zona da montaña de Lugo
Os organizadores queren reivindicar coa celebración desta feira as especiais características da gandería que se practica nesta zona de alta montaña, cun manexo do gando adaptado á climatoloxía e a uns desniveis que impiden moitas veces a mecanización das labores agrícolas. Recuperar unha feira de gando no concello Tradicionalmente, en Cervantes existían varias feiras de gando, como a de Seixas, a de Quindous e outras, pero dende principios dos anos 80 non se volvera celebrar no concello ningún tipo de feira gandeira, polo que dende a Asociación Territorio Verde se propuxo recuperar esta tradición e, con ela, axudar a dinamizar a toda a montaña. A feira foi recuperada no 2019 despois de máis de máis de 30 anos sen celebrarse ningunha no concello, con grande acollida por parte dos gandeiros da zona e de todos os habitantes da montaña.
Desde o ano 1985 non se celebraba unha feira de gando no concello de Cervantes
Converteuse desde entón nunha cita obrigada para os máis maiores, que recibiron a iniciativa de moi bo grado polas boas lembranzas que lles trae e a añoranza daquelas feiras da súa nenez, e tamén polos produtores en activo, que teñen nela un escaparate para o seu traballo e un lugar de relación e intercambio de experiencias con outros produtores. Tras o parón por mor da covid, retomouse a celebración da feira en 2022, sendo un rotundo éxito de afluencia de público, de gando e de vendas de animais. Apoio aos produtores de carne Un dos obxectivos da asociación organizadora coa recuperación desta feira era precisamente dar aos gandeiros e gandeiras a posibilidade de, cando menos unha vez ao ano, ter un mercado gandeiro de proximidade onde poñer á venda os seus animais, así como os excedentes de colleita de outros produtores da zona.
O feito de poder vender os animais para vida revaloriza os prezos
O feito de poder vender o gando para vida revaloriza os prezos e dá unha alternativa diferente aos produtores para dar saída aos seus animais, algo importante nun momento de prezos de venda dos xatos a matadoiro por debaixo dos custos de produción.

Feira de gando, premio aos mellores exemplares de raza rubia galega e asturiana e subasta de Acruga

O programa deste sábado en San Román inclúe ademais da feira de gando, venda de produtos de alimentación e artesanía, exposición e venda de maquinaria e vehículos, pulpeiros e animación ao longo de toda a xornada, con inchables de balde para os cativos e exposición de talla de madeira con motoserra. A maiores, pola mañá actuarán os grupos de música tradicional Os Xardois e Os Gaioleros, ambos de Cervantes, e pola tarde tocará Tania y su acordeón, da Fonsagrada. A previsión da organización é superar as cifras récord do ano pasado, tanto en afluencia de público como de venda de animais. Para animar á participación, haberá distintos premios e obsequios para os produtores que acudan co seu gando e daranse axudas para o transporte dos animais. Haberá tamén poxa de xovencas de Acruga ás 12 do mediodía. 
Haberá exposición e venda de animais de raza rubia galega e asturiana de los valles  e importantes premios para os mellores exemplares
Haberá venda tanto de animais de raza rubia gallega como de asturiana de los valles, moi utilizada tamén nesta zona da raia con Asturias e León, e premios aos mellores exemplares de cada unha das razas nas distintas categorías (xovencas, vacas, touros e conxunto de gando).
 

“O índice de apicultores alérxicos ás picaduras de abellas é menor que o da poboación xeral”

Coa chegada da primavera, a actividade multiplícase nos colmenares. Apicultores profesionais e afeccionados revisan o estado das colonias, repiten os tratamentos contra a varroa, alimentan para estimular a cría e desdobran as colmeas máis fortes. Estes traballos incrementan as probabilidades de sufrir unha picadura, un dos riscos máis frecuentes da apicultura. De como actuar diante de reaccións alérxicas a himenópteros (abellas e avespas) falou recentemente Francisco Carballada, xefe do servizo de Alergoloxía no HULA, nunha charla organizada pola Asociación Provincial Lucense de Apicultores (APLA). “A porcentaxe de alérxicos a veleno de abella é moi baixo. Os apicultores teñen menos reaccións alérxicas que a poboación xeral. Esas picaduras esporádicas que sofre un apicultor posiblemente lle axude a regular a súa reacción inmunolóxica. Se che pica unha abella e baleira o seu saco, equivale a 57 microgramos e ese veleno das picaduras, se son distantes no tempo, non é acumulativo”, afirma.
Galicia conta cuns 5.000 apicultores e unhas 200.000 colmeas
Segundo os datos da Sociedade Española de Alergoloxía e Inmunoloxía Clínica (SEAIC), entre o 2,3% e o 2,8% da poboación rural española sofre alérxicas xeneralizadas polo veleno de avespas e abellas, pero na última década os casos de reaccións alérxicas graves (graos III e IV da clasificación de Müller) aumentaron un 20%. Aínda que só entre un 5 e un 10% dos pacientes que pasan pola consulta do doutor Carballada no Hospital de Lugo con reaccións locais extensas a picaduras de abella acaban sendo alérxicos no futuro, o xefe do servizo de Alergoloxía indica que é “imposible de predicir con ningún tipo de proba, nin mediante un test na pel nin mediante unha análise de sangue, quen pode desencadear unha reacción grave” e advirte que “se un é alérxico, cunha soa picadura de abella pode producirse desde unha urticaria a un shock anafiláctico mortal”, explica.
Nun estudo realizado mediante probas cutáneas e determinación de IgE específica en sangue detectouse unha prevalencia de entre o 2,3% e o 2,8% na poboación rural española
A taxa de mortalidade anual estímase nun 0,08 por millón de habitantes, o que implicaría que entre 3 e 4 persoas poderían falecer cada ano por esta causa en España, aínda que a mortandade por estas reaccións alérxicas está infraestimada, debido a que algunhas mortes súbitas poderían deberse a esta causa sen seren diagnosticadas. A maioría de falecementos prodúcense na primeira media hora trala picadura. Condicionante xenético Apicultores asistentes á charla impartida por Francisco Carballada na sede de APLA en Lugo “Aínda que non existe base científica que indique que existe un condicionante xenético, a miña percepción é que inflúe. Temos pacientes alérxicos da mesma familia de apicultores”, explica o xefe de Alergoloxía do HULA, pero non se pode predicir cando unha persoa vai desencadear unha reacción alérxica grave. “Temos casos de apicultores que estiveron en contacto con abellas durante toda a súa vida e fanse alérxicos con 80 anos”, conta. Para desencadear unha reacción alérxica primeiro ten que haber sensibilización, é dicir, “antes tes que ser picado”. “Ninguén pode ser alérxico a algo ao que non se expuxo”, indica Francisco.
Non se pode predicir, mediante ningún tipo de proba, que persoas van ser alérxicas nin cando se vai a producir esta reacción
Estas reaccións alérxicas poden desencadearse a calquera idade e non se coñecen os motivos que provocan esta hipersensibilización. Por iso, non está indicado o estudo preditivo en pacientes con familiares alérxicos, xa que é frecuente a positividade de probas cutáneas e en sangue en persoas non alérxicas. Un factor que si que está demostrado que está relacionado coa alerxia a veleno de himenópteros é a mastocitosis sistémica, unha enfermidade considerada rara que padecen o 8% dos pacientes alérxicos a picaduras de abellas e avespas. Trátase dunha patoloxía do sangue na que se produce unha proliferación anómala de mastocitos que favorece que estas persoas sufran reaccións alérxicas graves cando lles pica un himenóptero. Estes pacientes teñen que recibir inmunoterapia con velenos durante toda a súa vida porque se se suspende o tratamento, recaen. Gravidade das picaduras A picadura dunha abella produce habitualmente unha inflamación local transitoria nesa zona que remite espontaneamente en 24-48 horas. Non está considerada reacción alérxica, senón unha reacción propia do veleno inoculado coa picadura. Esa reacción local pode ser extensa (maior de 10 cm de diámetro), alcanzando o seu máximo entre as 24 e as 48 horas posteriores e abarcando articulacións contiguas. O risco a desenvolver unha reacción alérxica cunha nova picadura é baixo. Só entre un 5 e o 10% dos pacientes que pasan pola consulta do doutor Carballada con reaccións locais extensas acaban sendo alérxicos no futuro, explica.
Unha pequena proporción das persoas expostas ao veleno de himenópteros produce anticorpos da inmunoglobulina E, que desencadea a alerxia
Nestes casos, despois dunha picadura prodúcense anticorpos da inmunoglobulina E (IgE), e se a persoa é picada nunha ocasión posterior pola mesma clase de insecto, o veleno interacciona con este anticorpo específico, desencadeando a liberación de substancias que causan a reacción alérxica. “Hai que diferenciar entre reacción local e unha alerxia. A alerxia produce unha reacción en todo o corpo. As reaccións locais extensas son as que producen hinchazón e maior reacción ao día seguinte na zona da picadura, pero non é unha alerxia, para o que se require unha afectación sistémica”, aclara.
A prevalencia de reaccións sistémicas alcanza o 42% entre apicultores
A prevalencia de reaccións alérxicas en Europa sitúase entre o 0,4 e o 0,8% en nenos e entre o 0,3 e o 8,9% en adultos, aumentando ata o 42% entre apicultores. As reaccións alérxicas sistémicas poden ser exclusivamente cutáneas (urticaria) ou afectar a varios órganos (anafilaxia). Síntomas de alerxia Os síntomas presentados trala picadura permiten coñecer o risco de reaccións con futuras picaduras. “Se a unha persoa que inmediatamente despois da picadura dunha abella ou unha avespa empézanlle a picar as palmas das mans e os pés, iso é un síntoma claro de alerxia”, indica Francisco Carballada.
As reaccións alérxicas poden ir desde urticaria ata un shock anafiláctico
No caso de apicultores, o feito de traballar con luvas dificulta a identificación do prurito palmoplantar e pode levar a confusión. Outro síntoma de alerxia sería a hinchazón fóra da zona de picadura (hinchazón facial, ocular ou dos beizos, por exemplo), así como dificultade respiratoria. A alerxia á picadura provoca tamén ás veces vómitos, náuseas e diarreas e urticaria ou ronchas en distintas partes do corpo en cuestión de media hora trala picadura. Tratamento de picaduras en persoas non alérxicas O primeiro consello que o xefe de Alergoloxía do HULA dá aos apicultores é a prevención, evitando as picaduras mediante a utilización de traxes de protección adecuados. “Cando hai un defecto no traxe, as abellas por feromonas detectan onde está ese buraco ou esa rotura e entran por aí a picar”, explica. Cando se produce unha picadura, as abellas inxectan un veleno, rico en encimas e outras proteínas que, na maioría de casos, produce unha reacción tóxica non inmunolóxica, local e máis ou menos intensa.
Tras sufrir unha picadura o primeiro é extraer o aguillón e aplicar xeo. As reaccións locais extensas trátanse con antihistamínicos orais e corticoides por vía tópica
O primeiro que hai que facer é extraer o aguillón sen espremelo e afastarse da área onde se produciu a picadura para evitar un ataque masivo, xa que cando unha abella ou avespa pica libera unha feromona que incita a outros individuos da colonia para picar. As reaccións locais trátanse mediante a aplicación de frío local, antihistamínicos orais e corticoides por vía tópica. “O primeiro é aplicar xeo de maneira inmediata e para reaccións locais extensas utilízanse cremas de corticoides. Os antihistamínicos en crema ás veces empeoran a reacción; os antihistamínicos mellor tomalos vía oral”, recomenda o xefe da unidade de Alergoloxía do Hospital de Lugo. Adrenalina autoinxectable Se unha persoa padeceu xa algunha reacción sistémica por picaduras é conveniente que leve consigo adrenalina autoinxectable para a súa aplicación intramuscular só en caso de desencadear unha reacción de tipo alérxico. “Nas reaccións locais, aínda que sexan extensas, aplicamos xeo e antihistamínicos orais, non require adrenalina. A adrenalina ten unha chea de contraindicacións a nivel cardíaco, con efectos secundarios como palpitacións e aumento do ritmo cardíaco. Existen riscos en caso de poñela a unha persoa maior ou con problemas cardíacos, xa que pode provocar unha cardiopatía”, explica o doutor Carballada.
A adrenalina ten moitas contraindicacións a nivel cardíaco
O tratamento das reaccións sistémicas con afectación de órganos (anafilaxia) require a aplicación inmediata de adrenalina ao 1:1000 (1 mg/ml) en dispositivos inxectables. A dose establecida é de 0,01 ml/kg de peso ata un máximo de 0,5 ml. Aplícase vía intramuscular na parte externa da perna e pode repetirse aos 15 minutos dúas ou máis veces para facilitar o traslado a un centro médico. En caso de picadura nunha extremidade é útil tamén aplicar un torniquete por enriba do lugar da picadura. Curación mediante inmunoterapia A alerxia a picaduras de abellas ou avespas é a día de hoxe “una das poucas enfermidades potencialmente mortais que se curan de verdade”, afirma o doutor Carballada. Os tratamentos con inmunoterapia, a base de inxectar pequenas doses de veleno baixo a pel, teñen unha efectividade superior ao 95%.
A alerxia ás picaduras de abellas e avespas é unha enfermidade potencialmente mortal que logramos curar
A duración convencional do tratamento é de 3 a 5 anos e está indicado para persoas de calquera idade que sufrisen unha reacción sistémica con afectación de varios órganos ou exclusivamente cutánea no caso de persoas altamente expostas, como é o caso dos apicultores. A dose habitual é de 100 microgramos, que se incrementa a 200 microgramos no caso de apicultores profesionais. O intervalo inicial é dun mes durante o primeiro ano, que se alonga a 6 semanas o segundo ano e a 8 semanas do terceiro ao quinto ano.
A dose de mantemento é de 100 microgramos, que equivale á picadura de 2 abellas, 7 avespas comúns ou 1 velutina
“A eficacia da vacina é moi alta. Trátase dunha vacina curativa. As alerxias ao pole, por exemplo, contrólanse; estas cúranse. Actuamos sobre o mecanismo que regula a resposta inmunolóxica”, detalla o doutor Carballada. Velutinas A vacina mediante inmunoterapia está dispoñible para abella, avespa común e velutina. “A composición dos velenos de abellas e véspidos é similar desde o punto de vista farmacolóxico, pero claramente diferente alergoloxicamente. É dicir, producen os mesmos efectos, pero a estrutura química é suficientemente diferente como para que o sistema inmunolóxico recoñeza que se trata de substancias distintas. Desta forma as persoas alérxicas a veleno de abellas habitualmente toleran as picaduras de avespas”, explica.
Pódese ser alérxico a abellas e avespas, aínda que o habitual é selo só a unha das dúas
Tamén hai diferenzas entre as picaduras de avespa e as das velutinas. “Son as mesmas proteínas pero a concentración é diferente. Ata hai un ano vacinabamos coa vacina de avespa común, agora dispoñemos dunha específica de velutina”, conta. No caso de picaduras de velutina, prodúcense en ocasións reaccións tóxicas por exceso de veleno. “Adoita ocorrer ao romper accidentalmente un niño, mentres facemos labores de roza, por exemplo. Prodúcese unha picadura múltiple. Por enriba de 50 picaduras prodúcese shock tóxico, que pode ser letal. Non é necesario ser alérxico, porque se produce por exceso de veleno”, indica o xefe de Alergoloxía do HULA.
A partir de novembro a maioría das velutinas morren ao abandonar a raíña o niño e o risco é menor
O 70% do territorio francés está ocupado nestes momentos por velutina, que en España esténdese sobre todo pola cornixa cantábrica, dado que se trata dunha especie que require calor e humidade para a súa proliferación. Francisco Carballada recomenda extremar as precaucións e non manipular nunca os niños. “A maioría dos problemas coa velutina prodúcense por roturas accidentais de niños”, recoñece. Por iso, recomenda rozar nos meses de decembro e xaneiro e inspeccionar a leira antes de realizar estes traballos. Máis información sobre alerxias a picaduras de abellas e avispas neste folleto da Sociedade Española de Alergoloxía e do seu Comité de Velenos, do que Francisco Carballada forma parte.

“No meu caso a vacina foi eficaz e permitiume seguir coa apicultura”

Hugo Santín é un mozo natural de Cervantes, aínda que se mudou cos seus pais a Becerreá cando tiña 6 anos. Estudou enxeñería e non se adica profesionalmente á apicultura, pero no ano 2018 decidiu recuperar o cortín tradicional que a familia tiña no lugar de Trabado (parroquia de Cereixedo) e retomar a produción de mel. Empezou con 6 colmeas e cando tiña 25 creou unha marca, Mel Melosa, e unha páxina web. Pero pouco a pouco as picaduras que ao principio non lle facían nada comezaron a provocarlle hinchazón e outros síntomas. “Cando empecei non tiña nada de alerxia nin notaba ningún tipo de reacción, pero a cousa foi empeorando ao ano seguinte, esa evolución foi rápida e un día pinchoume unha abella nun nocelo e empecei a notar que me picaba todo o corpo e que tiña dificultade para tragar”, describe.
A Seguridade Social financia unha parte do custo do tratamento, que rolda os 40€ por dose para traballadores en activo e 7€ para xubilados
Acudiu a urxencias, puxéronlle corticoides e derivárono ao servizo que dirixe o doutor Carballada, onde o someteron ao proceso de desensibilización con inmunoterapia. A súa melloría foi rápida. “Cando levaba un ano vacinándome xa case non tiña reacción e hoxe pícame unha abella e non me fai nada, igual ca se fose un mosquito. Levo 3 anos e medio co tratamento e nas probas cutáneas xa dou negativo, aínda que na analítica do sangue aínda me segue dando algún parámetro positivo”, explica, polo que completará as doses de mantemento até os 5 anos. Convivir co oso A eficacia da vacina a Hugo permitiulle seguir coa actividade. Ten hoxe 150 colmeas, repartidas en tres localizacións a máis de 1.000 metros de altitude, en plena serra dos Ancares. A ubicación dos colmeares fai que polo momento a velutina non sexa un problema, pero que teñan que convivir co oso, que comeza a visitar os montes da parte oriental de Galicia. “Nós defendemos a figura o oso e por iso o puxemos na etiqueta. É un valor adicional pero tamén é un traballo adicional. A Administración dache un pastor e logo enténdete, porque na primavera hay que limpalo todas as semanas”, di Hugo. A través das redes sociais (facebook e instagram), Hugo dá a coñecer o seu traballo e chega a un cliente que valora esa labor. “Chegar a esa xente que recoñece ese valor extra que ten o noso produto permíteche obter un prezo maior”, di. Ademais da venda a coñecidos, e en varias tendas da zona da Coruña, a venda online é unha das ferramentas fundamentais para dar saída á súa produción.
Mel Melosa ten moitos clientes entre a comunidade galega de Barcelona
O ano pasado obtiveron uns 1.800 quilos de mel, máis ou menos a mesma cifra que o ano anterior, porque aínda que baixou a produción por colmea por mor da seca compensárono cun incremento no número de unidades de produción. Con todo, non ten pensado seguir medrando. “O meu obxectivo non é vivir disto, senón obter uns ingresos que me permitan coidar as fincas e rehabilitar a casa familiar”, explica.

A cooperativa A Carqueixa presenta unha liña de pratos cociñados con tenreira das súas ganderías

O presidente da Carqueixa, Antonio Delpueblo, xunto cos cociñeiros Pedro Sánchez e Mari Carmen Fernández O Sabor dos Ancares, o selo de comercialización da Cooperativa A Carqueixa, vén de lanzar ao mercado un novo produto que segue a filosofía de calidade, proximidade e sostibilidade que a caracteriza: os pratos cociñados. Estas receitas elabóranse en dous restaurantes dos Ancares e comercialízanse a través do sitio web O Sabor dos Ancares. A cooperativa presentou a nova liña de pratos esta mañá no Bar Xegunde de Navia de Suarna, coa presenza dos cociñeiros que os elaboran, Pedro Sánchez e Mari Carmen Fernández, do presidente da Cooperativa, Antonio Delpueblo, e de cooperativistas da Carqueixa. O acto rematou cunha degustación de produto, logo da proxección dunha peza audiovisual promocional do novo produto. Os pratos cociñados son callos con garavanzos, caldo galego, tenreira con salsa de figos, xarrete con castañas, carne ao caldeiro e xarrete á pementa. O mesón Campa da Braña (Cervantes) e o Bar Xegunde (Navia de Suarna) son os locais de hostalaría que están detrás destas propostas gastronómicas que capturan a auténtica esencia dos Ancares para trasladala á mesa de todos os clientes. Todos os pratos elabóranse con carne de vacas criadas en liberdade e alimentadas con herba nos pastos dos Ancares.
Pedro Sánchez (Campa da Braña, Cervantes) e Mari Carmen Fernández (Bar Xegunde, Navia de Suarna) son os cociñeiros responsables da nova iniciativa da cooperativa
A Carqueixa aposta novamente polo territorio e confía esta nova liña de produtos a dous establecementos de longa historia nos Ancares con senllos cociñeiros veciños da comarca. Pedro Sánchez (Campa da Braña) e Mari Carmen Fernández (Xegunde) son os encargados de sorprender con pratos de toda a vida, preparados coa calma, o agarimo e o bo facer pasado de pais a fillos durante centos de anos. Pedro Sánchez, nado en Navarra, chegou aos Ancares e namorouse das montañas de Lugo. Hoxe en día, o Mesón Campa da Braña é un referente do bo comer nos Ancares. Esta casa de comidas (que ten tamén aloxamento) está situada a 1.200 metros de altitude, nun lugar moi axeitado para coñecer os cumios da serra.  A súa carta está baseada na cociña caseira, elaborada con produtos de proximidade e de gran calidade, pero cun toque persoal. Un xeito de entender a cociña que Pedro quixo trasladar aos pratos cociñados que comercializa A Carqueixa. Pola súa banda, no Bar Xegunde comanda os fogóns Mari Carmen, unha verdadeira experta na cociña tradicional ancaresa. Cada prato que sae da súa cociña é unha mostra da gastronomía local e tamén a proba de que foron as mulleres da comarca as que conservaron e enriqueceron a cultura culinaria da zona durante décadas. Os callos con garavanzos de Mari Carmen son un clásico das feiras de Navia de Suarna.  Envíos a toda a península A través dunha nova sección da páxina web de O Sabor dos Ancares, os clientes poden adquirir calquera destes pratos, xa que se envían a calquera punto da península ibérica. Todos os produtos son transportados envasados ao baleiro, de forma que poden conservarse ata unha semana sen abrir. Listos para consumir, abonda con quentalos no microondas ou en pota, sinalándose en cada caso o tempo recomendado. O transporte é refrixerado e os envíos elabóranse a comezos de semana, de forma que as e os clientes poidan ter o pedido na casa os mércores. Os pratos cociñados tamén se comercializan na carnicería de O Sabor dos Ancares na cidade de Lugo. O local atópase no número 25 da Praza de Abastos da cidade. Os clientes poden adquirir estes novos produtos sen necesidade de encargo previo.

Pasaporte Gastronómico, unha iniciativa para coñecer os Ancares e Terras de Burón a través das súas feiras

Utilizar a gastronomía e os produtos locais para atraer visitantes e que se acheguen dese xeito a coñecer o territorio. Ese é o obxectivo do Pasaporte Gastronómico, a nova iniciativa posta en marcha polo Xeodestino Ancares Terras de Burón, xestionado polo GDR Montes e Vales Orientais. Este novo produto turístico utiliza as feiras como reclamo. Son un total de 14 citas ao longo do ano, unha por cada un dos concellos que integran o Xeodestino:
  • Feira do Butelo (A Fonsagrada) o 11-12 de febreiro
  • Festa da Androlla (Navia de Suarna) 19 de febreiro
  • Festa do Queixo do Cebreiro (Pedrafita do Cebreiro) 7 de abril
  • Festa do Viño (Negueira de Muñiz) 15 de abril
  • Festa da Troita (A Pontenova) 1 de maio
  • Festa da Tenreira (Láncara) 1 de maio
  • Festa da Troita (Ribeira de Piquín) 13 de maio
  • Feira da Empanada e Produtos dos Ancares (As Nogais) 21 de maio
  • Feira en defensa do Gandeiro da Montaña (Cervantes) mes de maio
  • Festa do Emigrante (Pol) 24 de agosto
  • Festa da Malla (Meira) 27 de agosto
  • San Vitorio (Baralla) 27 e 28 de agosto
  • Feira do Mel (Baleira) mes de setembro
  • Festa do Mar e a Montaña (Becerreá) 7 de decembro
Entre as 14 citas hai 5 feiras declaradas Festa de Interese Turístico Galego e con esta iniciativa de promoción conxunta  a través do Pasaporte Gastronómico do Xeodestino Ancares Terras de Burón preténdese apoiar ás menos coñecidas para lograr un desenvolvemento en conxunto do territorio. Como funciona o pasaporte? Os visitantes terán que facerse co Pasaporte, ben de xeito presencial en calquera das 14 feiras e festas ou ben descargándoo da web do Xeodestino e imprimíndoo. Unha vez o teñan no seu poder, deberán rexistrarse cubrindo un pequeno formulario na mesma páxina web e recibirán un correo electrónico de confirmación que xa lles servirá para entrar no primeiro sorteo. A partir dese momento xa poderán usalo no resto de feiras e festas.
Os visitantes poderán recoller o Pasaporte en calquera das 14 feiras e festas ou descargalo na web do Xeodestino e imprimilo
En cada celebración haberá un lugar perfectamente identificado para poder selar o Pasaporte Gastronómico e alí os participantes recibirán un número para o sorteo que se celebrará na propia feira entre todas as persoas que selen o pasaporte nesa xornada. Entre os premios terán protagonismo os lotes de saborosos produtos locais das distintas zonas.

Traballo en conxunto de 14 concellos

O alcalde da Fonsagrada e presidente do GDR, Carlos López (no centro) trala presentación da iniciativa O Pasaporte Gastronómico Ancares Terras de Burón é a gran aposta do Xeodestino para este ano 2023 e responde ao traballo en conxunto dos 14 concellos que o conforman, pertencentes ás comarcas de Meira, Os Ancares e A Fonsagrada. O alcalde da Fonsagrada e presidente do GDR Montes e Vales Orientais, Carlos López, agradeceu durante a presentación da iniciativa, que tivo lugar na Casa do Concello da localidade, “a implicación dos 14 concellos do Xeodestino para poder levar a cabo este proxecto conxunto”.
A iniciativa arrinca esta fin de semana coa celebración da Feira do Butelo na Fonsagrada
A Feira do Butelo, que se celebra precisamente esta fin de semana na Fonsagrada, é a primeira das citas incluídas no Pasaporte Gastronómico do Xeodestino Ancares Terras de Burón. As persoas que se acheguen á feira poderán selar o Pasaporte no stand do grupo operativo Gayas, coordinado pola Asociación de Gandeiros da Fonsagrada e integrado tamén por outros produtores da zona. Guía de micropaisaxes Acudir ás feiras é tamén unha desculpa para visitar, ao longo do ano, os 14 concellos onde se celebran. “Buscamos impulsar 14 feiras e festas gastronómicas que se celebran no noso territorio pero é tamén unha maneira de coñecer a nosa cultura, o noso patrimonio e a nosa gastronomía”, destacou o presidente do GDR. “Comezamos este pasaporte gastronómico cunha das festas máis recoñecidas do inverno galego e convidamos a todo o mundo a achegarse ao noso concello para desfrutar con nós dela”, afirmou o tamén alcalde da Fonsagrada. Ademais de mercar produtos de alimentación e artesanía nos distintos postos, a visita á Feira do Butelo é unha oportunidade para descubrir outros atrativos da Fonsagrada, como o Castro de Castañoso, onde se pode ver unha sauna castrexa; a Seimeira de Vilagocende, que loce espectacular logo das últimas nevaradas; ou pasear polo entorno do Muíño da Allonquiña. O GDR Montes e Vales Orientais ten elaborado unha Guía da Rede de Micropaisaxes do Xeodestino Ancares Terras de Buron onde se pode atopar toda a información sobre estes puntos de interese localizados nos 14 concellos que o integran.
Actuación cofinanciada dentro do “Grupo Operativo Gayas – Comida de origen desde la aldea a casa” ao 80% pola Unión Europea co «Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural: Europa inviste nas zonas rurais» (FEADER) e ao 20% polo Programa Nacional de Desarrollo Rural do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación a través da Dirección General de Desarrollo Rural, Innovación y Formación Agroalimentaria (DGDRIFA). Custo: 454.802,75€.

Embutidos Suarna, a empresa que popularizou a androlla de Navia

“Empezamos no ano 1998. Fixérase a primeira Festa da Androlla e resulta que non había androllas para vender porque facíanse tradicionalmente nas casas, para autoconsumo, pero non había ningunha industria que as fixera para comercializar”, lembra Maricarmen Sánchez, xerente de Embutidos Suarna. “Ao ano seguinte decidimos tomar a iniciativa de facer unhas poucas para vender na festa para que polo menos a xente tivera a oportunidade de comprar unha androlla ese día. Lembro que fixeramos unha pequena cantidade, igual medio cento ou así, e que xa as tiñamos vendidas antes da festa, aínda que as gardaramos para ese día. Ao ano seguinte xa fixeramos 300. A xente dicíanos que estábamos tolos, pero venderámolas todas tamén. Despois xa dixemos, isto hai que montalo en serio”, conta case 25 anos despois. 
Se non fora por ter montado nós a fábrica, a elaboración da androlla quizais se tivese perdido
 “Naquel momento tiñamos a tenda de alimentación e tres nenos pequenos, pero xa viamos que o pobo ía a menos porque ía perdendo poboación, así que vimos niso unha oportunidade, sobre todo para complementar a tenda no inverno. Foi entón cando fixemos un pequeno obrador para facer androllas, porque inicialmente a nosa idea era facer só androllas, que era un produto moi específico desta zona. Pero aquela cousa pequeniña foi medrando”, di, “porque as androllas vendíanse todas”. Dar a coñecer o produto fóra de Navia A iniciativa de Maricarmen e o seu home, Hortensio, serviu para abrir fronteiras a un produto de tradición local. “Empezamos a mandalas sobre todo para Barcelona, porque a xente de aquí emigrou a Barcelona e teñen alí moitos restaurantes. Durante moitos anos facíase en Barcelona a Festa da Androlla e a do Galego do Ano, que xuntaba nunha cea a máis de 1.000 persoas, e os produtos levabámolos todos de aquí”, lembra.  
En moitos sitios cando empezamos a vender non sabían o que era unha androlla
Hoxe o obrador quédaselles xa pequeno. Ademais de androllas fan tamén chourizos (picantes e normais), salchichón, lombo, chicharróns e salazóns de touciño, cachola e minilacón. A empresa dá traballo a un mínimo de seis persoas e elaboran uns 1.000 quilos de embutido á semana.
A empresa dá traballo a 6 persoas e elaboran uns 1.000 quilos de embutido á semana
Embutidos Suarna chega hoxe cos seus produtos a tendas de distintas vilas e cidades e é habitual a súa presenza en feiras coma a de Monterroso, As San Lucas de Mondoñedo, o San Froilán ou o Mercado dos Domingos de Ribadeo. “Con case todos os meus clientes seguimos mantendo o contacto directo con eles”, asegura Maricarmen. Un produto estacional que agora se vende todo o ano Aínda que nas casas de Navia se seguen a facer androllas, Embutidos Suarna é hoxe a única empresa que as fai para comercializar todo o ano. “O butelo é un produto que empezamos a facer en outubro e paramos despois de Semana Santa, pero a androlla facémola todo o ano porque é o noso sinal de identidade, é un produto que nos identifica”, recoñece. A diferenza co butelo, a androlla faise na tripa gorda, mentres que para o butelo emprégase o pigureiro. Os ingredientes son costela picada á man e coiros e adobado todo con sal, pementón e allo. “É un proceso manual, porque temos que embutir na tripa e atar á man”, explica Maricarmen. Logo duns días no fumeiro pasa ao secadoiro, onde permanece un mínimo de dúas semanas.
A androlla faise na tripa gorda, mentres que para o butelo emprégase o pigureiro
A nivel culinario, a androlla serve para facer cocida, como se fixo tradicionalmente, pero tamén serve para innovar. “Hai xente que fai un arroz con ela, coa auga de cocela e a androlla desmenuzada”, explica. Para Maricarmen “é un orgullo” que agora a androlla sexa coñecida en toda Galicia e haxa empresas cárnicas doutras zonas que tamén a elaboren. “Se non fora pola nosa iniciativa, a medida que se fora deixando de facer nas casas, a androlla podía ter sido un produto que se perdera, porque se facía unicamente para autoconsumo”, lembra. Á espera dunha IXP A Xunta de Galicia iniciou o camiño da protección deste produto elaborado de xeito tradicional nas montañas de Lugo e Ourense en setembro de 2008 e, unha vez superada a fase galega, falta a aprobación dos organismos comunitarios e a inscrición da IXP no rexistro de denominación de orixe e indicacións xeográficas protexidas. A zona xeográfica de elaboración da IXP Androlla de Galicia está formada por 12 concellos da provincia de Lugo e 17 da de Ourense, que constitúen unha estreita franxa que se estende, de norte a sur, na parte máis oriental de Galicia, abarcando a área máis montañosa da comunidade. Tamén se elaboran androllas en zonas limítrofes da vertente leonesa dos Ancares.

“As mulleres podemos facer todo o que nos propoñamos”

Maricarmen forma parte da federación de mulleres rurais FADEMUR e defende o papel feminino na fixación de poboación e o desenvolvemento das zonas rurais. “As mulleres podemos facer todo o que nos propoñamos, é só unha cuestión de actitude, e cada vez estamos collendo máis protagonismo neste tipo de iniciativas. Estou moi orgullosa de ser muller e de terlle botado moito valor á vida”, di.   No 2015, cando faleceu o seu home, Maricarmen decidiu seguir para adiante coa empresa ela soa, aínda que algúns dos proxectos que tiñan en mente quedaron estancados. “Temos unha finca moi grande e tiñamos pensado meter alí cochos para producir para nós. Iso quedou parado e o que fago é mercar a outros produtores da provincia de Lugo”, explica.
Eu boteille moito valor á vida e sempre me sentín apoiada
Maricarmen ten un fillo que é veterinario e dúas fillas enxeñeiras. Priorizou a súa formación antes que o negocio familiar e hoxe ningún deles está directamente vinculado á actividade da empresa. “Veñen moito, pero teñen a vida montada fóra”, recoñece. Abandono e repoboamento O núcleo de Navia de Suarna non chega a 300 habitantes; no conxunto do municipio, algo menos de 1.000. O despoboamento fai mella neste concello da montaña de Lugo, igual que noutros moitos do interior de Galicia. Pero Maricarmen ve futuro nestes pobos. “Nos últimos anos vexo máis alegría, a xente amaña as casas e vén nas fins de semana ou nas vacacións. Hai un orgullo que antes non había”, asegura.
Maricarmen naceu en Baralla, pero leva 33 anos en Navia
Ao ter a tenda en pleno centro da vila, ela é un bo termómetro da temperatura vital deste concello da montaña. “Son máis optimista sobre o futuro dos pobos pequenos neste momento que fai uns anos”, di. Manter servizos Ten claro que manter os servizos é fundamental para manter con vida os pobos do rural. “Sigo coa tenda porque teño claro que nun sitio coma Navia un establecemento deste tipo é moito máis ca un establecemento de alimentación, é case un centro social, un lugar de referencia. É moi importante para os pobos que este tipo de negocios se manteñan porque cando un establecemento se pecha non volve abrir”, asegura.
Hai que abrir portas nos pobos, non pechalas, porque un negocio que cerra non volve abrir
Foi o que lle pasou á Ferretería Robledo, a de Tito, que permanece conxelada no tempo desde hai 30 anos. Pertencía a un tío do seu home e de vez en cando sempre hai quen lle pide poder vela polos recordos que lles trae. “A min non me custa abrila e é un aliciente máis para vir a Navia, hai que buscar solucións imaxinativas para que veña a xente”, afirma. Maricarmen fai tamén visitas para grupos á fábrica de embutidos e usa a tenda, que está na mesma praza de Navia, para vender os seus produtos e, de paso, a vila de Navia. “Cando vou polas feiras vendo tanto Os Ancares coma o embutido”, di. Todas as iniciativas axudan, asegura. “A película de Óliver Laxe O que arde foi un revulsivo. Serviu para que aquí se valorase o que se ten e para que a xente de fóra quixera coñecer Navia”, exemplifica.

Feira en defensa dos gandeiros dos Ancares mañá en San Román

A feira, que non se celebraba desde o ano 1985, foi recuperada no 2019 A localidade de San Román, en Cervantes, celebra este sábado a II edición da Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña cun completo programa de actividades para dar visibilidade á labor de produción de carne de calidade e coidado do territorio que realizan os produtores desta zona da montaña de Lugo.  A feira, que foi recuperada no ano 2019 por iniciativa dun grupo de gandeiros e de veciños desta zona dos Ancares, reunidos en torno á asociación Territorio Verde, tivo que ser suspendida os dous últimos anos pola pandemia da covid-19, pero os organizadores quixeron retomar de novo a súa celebración como un xeito de reivindicar as especiais características da gandería que se practica nesta zona de alta montaña, cun manexo do gando adaptado á climatoloxía e unha orografía que impide moitas veces a mecanización das labores agrícolas. 
Os organizadores queren reivindicar a labor de produción de carne de calidade e coidado do territorio que realizan os produtores desta zona da montaña de Lugo
Os traballos no campo da feira, para habilitar espazos seguros tanto para o gando como para os visitantes, xa comezaron. Haberá exposición e venda tanto de animais de raza rubia gallega como de asturiana de los valles, moi utilizada tamén nesta zona da raia con Asturias e León, e premios aos mellores exemplares de cada unha das razas nas distintas categorías (xovencas, vacas e touros).  O programa da xornada complétase con exposición e venda de vehículos e maquinaria agrícola, produtos de alimentación e artesanía, actuacións de música tradicional e polbeiros para o xantar.    

Curso de apicultura en Navia de Suarna

O Sindicato Labrego Galego organiza durante este mes de marzo e comezos de abril un corso sobre apicultura sustentable en Navia de Suarna. Cunha duración de 20 horas, a acción formativa está enfocada a ensinar como realizar un manexo agroecolóxico das colmeas e desenvolverase na escola de Barcia. As clases serán impartidas en horario de mañá, de 10 a 14 horas, as dúas últimas fins de semana de marzo e a primeira do mes de abril, en concreto, os días 19, 20, 26 e 27 de marzo e o sábado 2 de abril. Para anotarse pode chamarse ao número de teléfono 722 180 038 ou enviar un email ao enderezo electrónico lugo@sindicatolabrego.gal.

Feira do mel esta fin de semana en Baleira

Imaxe dunha edición anterior da feira antes da covid-19 Cita esta fin de semana co mel da montaña de Lugo. O vindeiro domingo 31 de outubro celebrarase a IV Feira do Mel no concello de Baleira. O encontro de abelleiros e clientes terá lugar na capital municipal, o Cádavo, durante todo o día. A apertura da carpa onde se situarán os produtores da comarca terá lugar ás 10 da mañá. Desde as 11 até a 1 do mediodía celebraránse tamén obradoiros de degustación e cata de mel e ás 12 será o espectáculo de Mamá Cabra dirixido a público infantil e familiar.  Pero as actividades relacionadas coa apicultura e a produción de mel comezarán xa o día antes. En concreto, o sábado 30 celebrarase unha charla técnica sobre As novas enfermidades das abellas, impartida por Alberto Uría de El país del Abeyeiro. É a cuarta edición desta feira do mel impulsada desde o GDR Montes e Vales Orientais para fomentar e apoiar a produción de mel na montaña lucense, coa incorporación ao sector de novos produtores que apostan pola profesionalización, o mel de calidade e pola diversificación da súa produción.

Primeira Xornada de Degustación da Tenreira dos Ancares

Na primeira fin de semana de novembro celébrase un ano máis, no polideportivo do Colexio de San Román, en Cervantes, a IX Feira de Artesanía. Esta cita, xa consolidada, vén desta volta cunha novidade, xa que coincidindo coa feira terá lugar a I Xornada de Degustación de Tenreira dos Ancares, en colaboración coa cooperativa de produtores de vacún A Carqueixa. Durante todo o día haberá tamén obradoiros de distinto tipo e actuacións musicais. Para poder participar nas distintas actividades é necesario inscribirte previamente chamando ao teléfono 618590273.