A seca deixa serias perdas no millo que xa non resolverán as inminentes choivas

A falta de precipitacións provoca que as plantas estean totalmente secas nalgunhas parcelas da Galicia central. No Deza e no sur de Lugo prevense perdas de máis do 40% da colleita. Hai preocupación pola falta de auga nos mananciais que abastecen as granxas e baixadas drásticas da produción de leite

A seca deixa serias perdas no millo que xa non resolverán as inminentes choivas

Plantacións de millo afectadas pola seca en Lalín (Pontevedra).

Ó incremento dos custos de produción, con subas na enerxía, os fertilizantes ou os pensos, que afectaron de xeito directo ás ganderías nos últimos meses, engádense os efectos das vagas de calor. A falta de choivas durante case todo o verán está a provocar problemas de seca, con consecuencias directas para os cultivos. Repasamos a situación, que deixou xa consecuencias que non solucionarán as inminentes chuvias.

As altas temperaturas afectan directamente á produción das granxas de vacún de leite. Nalgunhas zonas do centro de Galicia, que experimentaron importantes episodios de calor, a produción de leite reduciuse entre un 10 e un 15% e nos días con temperaturas máis extremas, a produción de leite chegou a caer case a metade.

Aínda que os efectos da seca se están a sentir en toda Galicia, a zona centro está a ser das máis afectadas, coa previsión de que a produción de forraxes, en especial o millo, se vexa moi reducida, o que repercutirá de novo nunha suba dos custos de produción, despois de que xa se incrementaran os custos da sementeira. Así, aínda que o prezo do leite está a rexistrar prezos históricos á alza, a situación das ganderías volve ser preocupante ante a falta de forraxe.

Ganderías do centro de Galicia, as máis afectadas

A zona central de Galicia está a ser das máis afectadas pola seca continuada. Aínda que nalgúns concellos xa se rexistraron chuvias coas tormentas dos últimos días, algúns levaban máis de dous meses sen precipitacións, o que, entre outras consecuencias, puxo en apuros ó millo, en especial ás sementeiras máis tardías e realizadas nos terreos de peor calidade. Polo xeral, toda a colleita estase a ver moi afectada nestas zonas.

“Hai moito millo que non chegou a enraizar ben e secou antes da floración” (Jesús Montes, presidente da Cooperativa O Rodo)

En cooperativas coma O Rodo, en Rodeiro (Pontevedra), as peores consecuencias estanas a sentir no millo, xa que nalgunhas fincas xa se dá por perdida a colleita, posto que as altas temperaturas fixeron secar a planta. Nesta zona, apenas se rexistraron chuvieiras dous días no que levamos de verán, e as fincas que se sementaron máis tarde son as que máis problemas están a ter. “Hai moito millo que non chegou a enraizar ben e secou antes da floración. Mesmo nas parcelas mellores, máis húmidas, tampouco se lograrán boas producións”, explica Jesús Montes, presidente da Cooperativa O Rodo.

Millo_seca Deza_Lalin_queimado

Tamén está a ser preocupante a situación na capital da comarca do Deza, con importantes danos en fincas de millo e preocupación polo abastecemento de auga nas granxas, cos mananciais baixo mínimos. “Hai moitas fincas nas que o millo está xa queimado pola calor que fixo e a falta de auga. Non recordo nada igual nos últimos anos. Agárdase que a colleita se reduza case á metade. No Deza a seca está a deixar perdas importantes”, explica Román Santalla, presidente da cooperativa Cobideza, con delegacións en Lalín, Silleda e Vila de Cruces.

No Deza, mesmo forraxes con menos esixencias hídricas, coma os xirasois, tamén acusan a falta de auga. “Agora están en plena floración e tamén lles está custando saír adiante pola falta de auga, así os rendementos tamén serán menos que noutras campañas”, apunta Santalla. 

Xirasol_Afectado pola seca_Lalín

Plantación de xirasol en Lalín cun crecemento condicionado polas secas. // Imaxe cedida.

Na zona sur de Lugo, concellos coma Chantada ou Carballedo, son tamén dos lugares máis afectados pola seca. “Este ano está a ser o peor dos últimos 15 anos e nesta zona pode que máis do 40% millo estea xa completamente seco. O resto está moi afectado, pero aínda podería salvar algo de produción se lle chove nos próximos días”, explica Jorge Meiriño, técnico da cooperativa Aira. Con todo, naquelas fincas que consigan produción, tanto a cantidade como a calidade vai se ver moi inferior ó que se viña colleitando.

“Este ano está a ser o peor dos últimos 15 e na zona de Chantada. Pode que máis do 40% do millo estea afectado pola seca”: Jorge Meiriño, técnico de Aira

As fincas que están resistindo son aquelas nas que o millo se sementou cedo, no caso de Chantada, xa a finais de abril. Trátase ademais de terreos húmidos, mentres que as sementeiras máis tardías non conseguiron que a planta comezase a medrar pola seca.

O norte de Lugo e A Coruña resiste a seca

As ganderías da costa de Lugo e A Coruña, están a rexistrar os efectos dun verán moi seco, pero experimentaron episodios puntuais de choivas e néboas húmidas, que resultaron de gran importancia para cultivos coma o millo. “A diferenza do que acontece noutras zonas de Galicia, na zona costeira de Lugo tivemos algunhas chuvieiras e néboas que lle axudaron moito ó millo”, explica José Ramón Loza, responsable da área de cultivos da cooperativa Os Irmandiños, de Ribadeo, integrada en Clun.

Así, aínda que nalgunhas fincas puntuais pode haber unha redución de rendementos con respecto doutras campañas, agárdase unha boa colleita, se o tempo na recta final o acompaña. Os mellores resultados contan obtelos naquelas parcelas que foron sementadas en maio.

Na zona costeira e do interior da Coruña algunhas fincas de millo están acusando tamén os efectos da seca e teñen importantes danos. A campaña agárdase cunha produción inferior á colleita do 2021, na que se lograran importantes cantidades. “As néboas axudan a reducir os efectos da seca, pero están deixando problemas de fungos nas follas, como a rolla”, explica Alejandro Mosquera, técnico de campo da cooperativa Aira para a zona de Mesía, Vilasantar, Santa Comba ou Mazaricos.

As altas temperaturas tamén están facendo que a campaña de ensilado se adiante en case toda Galicia, contando con case 2 semanas de adianto en boa parte das comarcas. Deste xeito, moitas ganderías e cooperativas prevén que a inicios de setembro comece xa a ensilarse millo, cando o habitual en moitas delas era facelo a finais dese mes.

Prácticas coas que paliar a seca no pasto

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información