Beneficios da introdución de especies mellorantes nas pradeiras

Analizamos coa axuda de Juan Valladares, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, as vantaxes agronómicas que se producen nos solos e as melloras nutricionais dos silos grazas ao uso de leguminosas nos cultivos de inverno

Pradeira mixta de raigrás e trevo na Finca de Cartelos, en Carballedo (Lugo), nun ensaio do CIAM.

Pradeira mixta de raigrás e trevo na Finca de Cartelos, en Carballedo (Lugo), nun ensaio do CIAM

O outono é o momento idóneo para sementar novas pradeiras ou renovar as existentes. Ben sexa para pacer ou para ensilar, as leguminosas son unha boa opción. A implantación acostuma ser mellor ca na primavera, ademais de coincidir coa rotación habitual en Galicia co cultivo do millo. 

Este ano, despois do ensilado do millo, moitas ganderías terán que variar a súa estratexia para cumprir co esixido na nova PAC, o que supón unha oportunidade para mellorar algunhas prácticas.

“Deixar a terra sen cultivar no inverno agronomicamente non é recomendable, polo que hai que sementar un cultivo de inverno cando se colleite o millo. O recomendable é introducir un cultivo rexenerador e mellorante do solo e cando te adicas á gandería o que hai que introducir son leguminosas”, insiste Juan Valladares, investigador do CIAM.

Cando te adicas á gandeiría hai que introducir leguminosas nas pradeiras

No Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo levan varios anos estudando distintas alternativas para os cultivos de inverno en Galicia e comparando os resultados das diferentes mesturas de gramíneas e leguminosas.

Juan enumera os beneficios de sementar especies mellorantes nas pradeiras desde o punto de vista agronómico (o terreo queda mellor preparado e é máis doado de traballar; saen menos malas herbas, polo que son necesarios menos herbicidas; e lógrase un aporte extra de nitróxeno para o seguinte cultivo, que redunda nunha maior produción); pero tamén desde o punto de vista nutricional, ao lograr maior contido en proteína na ración.

Dos trevos hai moito que estudar aínda e é necesario aprender a traballar con eles

Pero coas leguminosas, di, “é necesario aprender a traballar con elas”. Nos últimos anos o CIAM estivo realizando ensaios con leguminosas anuais en distintas zonas de Galicia, como na finca de Mabegondo ou na do Pazo de Cartelos (Carballedo), pertencente á Fundación José Luis Taboada, onde se probaron distintas mesturas de trevos para comprobar a súa implantación e rendemento: trevo migueliano, tamén chamado balansa; trevo resupinatum (persa); trevo maral (trifoliun suaveolens ou trevo resupinatum de folla grande) e trevo encarnado.

“Segundo en que zonas de Galicia, danse mellor uns trevos ca outros. O trevo maral, por exemplo, ten capacidade de rebrote, pero é tardío, polo que se implanta mellor en Mazaricos que en zonas do interior”, asegura Juan.

Mesturas de trevos e gramíneas

Pradeira mixta de raigrás e trevo na Finca de Cartelos, en Carballedo (Lugo), nun ensaio do CIAM

Independentemente da variedade escollida, o trevo funciona mellor mesturado cunha gramínea, que aporta o contido en azucres suficiente para unha boa conservación do silo. “Ademais, nos estudos que fixemos vimos que había que introducir un raigrás porque a implantación dos trevos é lenta; o que mellor funciona é o raigrás híbrido”, explica.

“Se despois do millo sementas só trevo, como tarda en implantarse, se veñen chuvias lávase o terreo. Mesturado co raigrás, sen embargo, evítase a escorrentía, porque o raigrás ao mes xa ten o desenvolvemento suficiente para frear o efecto de lavado do solo pola chuvia”, detalla.

Os trevos funcionan mellor mesturados con raigrás híbrido, porque se evita o lavado do solo cando chove

Ademais das diferenzas na implantación, a preparación do terreo debe ser tamén diferente cando se sementan só gramíneas que cando se aportan mesturadas con leguminosas. “O trevo obriga a preparar mellor o terreo para a sementeira e despois pasar sempre un rulo. O raigrás, cando se sementa só, vai creando unha especie de fieltro no chan que impide a contaminación por pedras e cinzas cando ensilas a herba, algo que non acontece no caso do trevo”, indica.  

Cereal con leguminosa

Mestura de veza, raigrás e avea

Mestura de veza, raigrás e avea

O CIAM tamén fixo ensaios con veza, unha leguminosa cada vez máis frecuente en Galicia tralo millo en combinación con cereal de inverno. “Probáronse mesturas de veza villosa con trevos e raigrás. A veza villosa é menos dixestible que a sativa, pero a sativa tende a tumbarse e necesita un cereal (triticale, cebada ou avea) como titor”, indica Juan.  

A veza sativa é máis dixerible que a villosa pero tende a tumbarse e necesita un cereal (triticale, cebada, avea) como titor

Xunto coa veza, outra das leguminosas empregadas nas mesturas con cereal é o chícharo. “A clave está na proteína. Póñense estes cultivos porque vas a un só corte e logras un contido proteico máis elevado. No raigrás se vas a dous cortes podes igualar a cantidade de proteína, pero os custos duplícanse”, razoa.

Labrar sen abonar

De cara á sementeira do cultivo de inverno non é imprescindible abonar as terras. É máis, pode ser mesmo contraproducente. “Nos ensaios que realizamos fixemos laboreo e sementamos sen abonar en fondo, aproveitando unicamente os excedentes da fertilización con xurro no cultivo do millo (entre 50 e 60 metros cúbicos por hectárea). No purín unha cuarta parte do nitróxeno que aporta quedaría para o ano seguinte, porque se corresponde coa mineralización da materia orgánica. Pola composición habitual do xurro en Galicia, uns 25 kg de nitróxeno por hectárea quedan para o seguinte ano, que é o que se necesita para o arranque das leguminosas. E non hai que pasarse de 25 kg/ha de nitróxeno porque senón prexudícase o desenvolvemento do rizobium”, advirte o investigador do CIAM.

O momento de abonar en coberteira está determinado en función da temperatura do chan (entre 8 e 10 grados)

Sería convinte, iso si, aplicar unha fertilización despois en coberteira, duns 50 kg de nitróxeno por hectárea. “Cando o cultivo empeza a desenvolverse sería o momento de aplicar esta fertilización con abono químico convencional ou incluso purín, pero depositado no terreo. A leguminosa tende a medrar cando a temperatura do chan está entre 8 e 10 grados. Segundo as zonas, isto prodúcese a finais do inverno ou comezos da primavera; no interior de Galicia acostuma cadrar a primeiros ou mediados de marzo”, exemplifica. A data de abonado marca tamén o momento de segar, pois habería que cortar dentro dos 40 días posteriores.

Sementar en outubro ou en xaneiro?

Hai ganderías que optan por retrasar a sementeira do cultivo de inverno ao mes de xaneiro, para evitar a presenza de malas herbas, algo que Juan só recomenda en determinados casos. “A implantación das leguminosas é lenta e iso fai que se temos no chan un banco de malas herbas saian e se desenvolvan antes. Sementando o cultivo de inverno en xaneiro evitariamos esta competencia, pero hai que ter en conta que as leguminosas en xeral son bastantes sensibles ao frío. O chícharo, por exemplo, é sensible á humidade excesiva e ao frío, daí que debamos consideralo”, alerta.

As leguminosas son bastante sensibles ao frío, polo que se na zona hai xiadas é preferible non agardar

Por iso, se na zona hai xeadas en xaneiro e febreiro, recomenda sementar o cultivo antes, no outono, sen agardar aos meses de inverno. “En zonas onde non hai xeadas, podes sementalo máis tarde, pero en zonas onde xea é preferible sementar en outono, para que cando veñan as xeadas xa estea implantado. A leguminosa cando nace é extremadamente sensible, a medida que xa ten 3 follas aguanta mellor as xiadas”, explica.  

Un único corte en abril

As mesturas con leguminosa tardan máis en desenvolverse que cando se sembra só raigrás. O punto de crecemento márcao a temperatura do chan (por enriba de 8-10 grados), que é cando se activan as bacterias (rizobium) e a planta aproveita o nitróxeno atmosférico e medra máis.

“As leguminosas quédanse paradas á espera do bo tempo. Os trevos se hai chuvias, frío ou encharcamento non medran. Co chícharo pasa algo parecido. Son cultivos de implantación lenta e que dependen da temperatura do chan para medrar e desenvolver todo o seu potencial”, indica Juan.

As leguminosas quédanse paradas á espera do bo tempo. Son de implantación lenta e dependen da temperatura do chan para medrar

O ensilado, mediante un só corte, depende da zona e de como viñera o tempo. “O momento de segar é cando comeza a floración das leguminosas, que nun ano normal podería estar en torno ao 15-20 de abril en zonas como Mazaricos, pero en zonas interiores vén un pouco máis tarde”, explica.

“Se vén mal tempo e non dá medrado tes que meter nitróxeno extra, mediante abono químico, pero nese caso non estaríamos aproveitando a función das leguminosas como fixadoras de nitróxeno ambiental”, di.

Rendementos

Nos ensaios realizados en Cartelos no 2021 cunha mestura de raigrás híbrido e tres trevos anuais e unha fertilización de 60 metros cúbicos de xurro por hectárea previos no cultivo do millo máis un abonado en coberteira con tres doses diferentes de abono químico no mes de marzo, lográronse os seguintes rendementos:

  • Sen abonado en coberteira = 4,7 toneladas de materia seca por hectárea
  • Con 50 kg de nitróxeno por hectárea = 5,8 toneladas de materia seca por hectárea
  • Con 100 kg de nitróxeno por hectárea = 6,3 toneladas de materia seca por hectárea

“Canto máis abonas máis se incrementa o rendemento, pero habería que ver se compensa desde o punto de vista económico pasar dunha determinada cantidade, porque con 50 kg de nitróxeno por hectárea temos uns rendementos superiores a se metes 0 kg pero similares estatisticamente a se metes 100”, argumenta Juan.

Introducindo trevo mesturado co raigrás obtés un 40% máis de proteína por hectárea na forraxe e incrementas un 5% a proteína bruta na ración

Pero ademais da cantidade de forraxe obtida, o investigador do CIAM pon o énfase na calidade do ensilado. “Nunha pradeira de raigrás só, cos mesmos 50 kg de nitróxeno por hectárea sacas 400 kg de proteína por hectárea, mentres que coa mestura con leguminosas obtés 577 kg por hectárea de proteína, un 40% máis”, compara.

A porcentaxe de incremento depende do nivel de implantación das leguminosas. “Canto mellor se implanten máis proteína vas ter despois no silo, pero hai que ter en conta que o raigrás ten un 6% de proteína fronte ao 11% dos trevos. Se vas a máis dun corte no raigrás incrementaríase a proteína, pero os custos de sega, recollida e ensilaxe tamén son maiores”, razoa.

Mellora no seguinte cultivo

A vantaxe de introducir unha leguminosa de inverno é que o solo queda máis abonado e en mellores condicións para recibir o seguinte cultivo. “As raíces e a parte aérea non segada quedan no terreo, descompóñense e aportan nitróxeno. A cantidade cuantifícase entre 40-100 kg de nitróxeno por hectárea dependendo da implantación de leguminosa”, explica Juan.

As leguminosas poden chegar a fixar no solo a metade do nitróxeno que precisa o millo

Esa fixación dese nitróxeno supón un aforro considerable en fertilizante, ou ben un extra de colleita, debido ao plus de abonado. “O millo é vicioso en nitróxeno, canto máis lle aportas máis medra, e ter ese nitróxeno almacenado no chan supón unha gran vantaxe a nivel de toma de decisións”, considera.

Por iso, en función da estratexia que adopte o gandeiro (aforrar en abono ou recoller máis forraxe) pódese variar ou non a fertilización do millo tralo cultivo de inverno con leguminosa.

Co raigrás só o terreo queda máis compacto e é máis difícil de traballar

Segundo o tipo de terreo, a dispoñibilidade de nitróxeno pode ser maior ou menor, pero a dose recomendada para o millo pode ser establecida en función dos rendementos agardados. “En base ao rendemento (proteína) téñense unhas extraccións de nitróxeno ou outras. Se espero un rendemento para o ciclo que labrei de 15 toneladas de materia seca por hectárea (7% de proteína), as extraccións serán de 170 kg de nitróxeno por hectárea, polo que o nitróxeno dispoñible (no chan máis o aportado) debe ser superior a esa cantidade”, exemplifica Juan.

En base a iso, para facer unha correcta fertilización sería preciso coñecer o nitróxeno mineral presente no chan ao inicio do cultivo e o que se xera por mineralización da materia orgánica. Este nitróxeno mineral pode ser importante cando se cultiva previamente unha leguminosa ou cando se incorpora ao terreo un cultivo como abonado en verde. “Ademais, agronomicamente, de cara ao laboreo, ao introducir leguminosas o terreo queda máis mullido, polo que é máis doado de traballar”, conclúe o investigador do CIAM.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información