SAT O Palomar, unha explotación que busca na autosuficiencia a máxima rendibilidade

En 20 anos esta gandería pasou de 50 cabezas a case 700. O medre obrigounos a construír instalacións, gañar base territorial e contratar persoal. Traballan 140 hectáreas de terreo e teñen 8 empregados. A base de protocolizar os traballos lograron estabilidade e eficiencia

Odón Castro, xunto ás vacas en produción da gandería en Ronfe (Láncara)

Odón Castro, xunto ás vacas en produción da gandería en Ronfe (Láncara)

Na parroquia de Ronfe, no concello de Láncara, Odón Castro está á fronte da SAT O Palomar, que con 690 cabezas é unha das más grandes da zona, e que destaca pola organización do traballo na granxa e a autosuficiencia nos traballos agrarios das 140 hectáreas que manexan.

Os inicios da explotación remóntanse ao ano 1999 cando José Antonio e Berta, os pais de Odón, tomaron a decisión de empezar coa granxa. “O meu avó enfermou e tiña unhas 30 vacas de leite pero as instalacións eran antigas. Foi entón cando se fixo aquí unha primeira nave para 42 vacas”, conta Odón, que se incorporou á SAT familiar no ano 2004 despois de marchar estudar capataz agrícola.

SAT O Palomar moxe unhas 320 vacas tres veces ao día

Na SAT están hoxe Odón, a súa nai e a súa muller, Kiara, que se encarga das labores administrativas. Contan na actualidade con 8 empregados e con 2 técnicos externos con formación veterinaria, que se reparten a nutrición e a reprodución da explotación.

A intención de SAT O Palomar é seguir medrando tanto en número de vacas en produción como en base territorial, pero debido á alza actual dos custos de produción ese proxecto de ampliación está de momento parado.

Xestión do persoal

SAT O PALOMAR (Láncara) sala de muxido2Co volume que xa ten hoxe a explotación, a organización do traballo e a xestión da man de obra é un dos aspectos fundamentais para un bo funcionamento, recoñece Odón. “A clave está en protocolizar os traballos porque senón non se fan. Aquí somos moi meticulosos á hora de facer as cousas e por iso procuramos que os traballadores se centren en tarefas concretas e que a poder ser realicen esas mesmas labores os 365 días do ano”, di.

Un dos traballadores da explotación está integramente dedicado á maquinaria, dado que SAT O Palomar fai por si mesmo todos os traballos agrarios, e outro é o que se encarga de facer os carros unifeed para a alimentación do gando.

Procuramos que os traballadores se centren en tarefas concretas; aquí a xente realiza as mesmas labores os 365 días do ano

Outras tres persoas están adicadas a muxir, en cada un dos tres turnos diarios, cun empregado a maiores que fai de correturnos para as libranzas, cubrir baixas, etc. Por último, hai un empregado que leva 12 anos na explotación que exerce de comodín e que se encarga da alimentación dos becerros e a fabricación do penso, máis axuda ao resto de empregados en momentos puntuais.

O protocolo de postparto inclúe a medición diaria de temperatura durante os primeiros 10 días

O protocolo de postparto inclúe a medición diaria de temperatura durante os primeiros 10 días

Aínda que neste momento a estabilidade laboral e a organización do traballo é unha das claves na xestión da granxa, Odón recoñece ter pasado momentos de dificultades. “Pasei unha época moi complicada cando pasamos a tres muxiduras por falta de coñecemento e de experiencia. Ata entón tiñamos estabilizada a man de obra da explotación, pero de repente a granxa tivo un crecemento moi grande e tivemos que contratar a tres persoas de golpe. Nese momento había un problema de man de obra, porque non atopabas xente profesional, e tivemos que cambiar por completo o sistema de xestión do persoal que levabamos”, admite.  

Neste momento temos estabilidade. A última persoa que entrou na granxa foi hai dous anos e medio. Pero para iso hai que ofrecer condicións de traballo nas que os empregados estean cómodos

Para que atopar persoal para traballar no sector sexa máis doado é necesario facer investimentos en infraestruturas destinadas a vivenda dos empregados, considera Odón. Outro dos hándicaps é o idioma, dado que a maior parte da man de obra dispoñible é de orixe inmigrante. Neste caso, en SAT O Palomar optaron por “especializarse nunha procedencia concreta, de maneira que os que levan máis tempo son os que se encargan de explicar os traballos aos que acaban de chegar e o choque cultural é menor”, asegura.

Sucesivas ampliacións

SAT O PALOMAR (Láncara) vista aérea instalaciónsSAT O Palomar non deixou de medrar nos últimos anos e moxe hoxe unhas 320 vacas, polo que estes 23 anos foron un proceso de crecemento constante e de sucesivas obras de ampliación para acoller os animais sen perder eficiencia no traballo e benestar no gando.

A primeira ampliación das instalacións foi no 2006, para construír unha nave de recría que máis adiante se adaptou para vacas en produción. No ano 2011 fixeron outro investimento importante nunha nova ampliación para vacas en produción e a construción de silos na zona onde teñen a fábrica de penso coa que elaboran as súas propias mesturas e concentrados.

Estes 20 anos foron un proceso constante de construción e de ampliación

A última das ampliacións das instalacións tivo lugar no ano 2016, con 80 cubículos máis para vacas en produción e a construción dun edificio para a leitería e para a instalación dunha nova sala de muxido.

Neste momento as instalacións están “sobrecargadas” cun 15% máis de gando, pero o proxecto que tiñan para seguir ampliando está de momento parado debido á actual situación de alza nos custos de produción e nos materiais. As marxes pola venda do leite “son mínimas neste momento”, asegura Odón, que estima o custo de produción actual entre os 39 e os 40 céntimos por litro.

Ao encarecemento das materias primas hai que sumar a alza de combustibles e fertilizantes sufrida este ano. “Para a campaña do millo deste ano merquei o abono a 725€ a tonelada, cando o ano pasado o mesmo produto veu a 245€ e o gasóleo mercámolo a 1,03€ o litro, cando na anterior campaña estaba a 0,68”, exemplifica.

Cambio de palla por area nos cubículos

SAT O PALOMAR (Láncara) camas de areaÁ hora de facer as naves, non son necesarios “luxos”, considera Odón, pero si unha serie de cuestións esenciais para a comodidade e o benestar do gando. “Os aspectos fundamentales que deben ter unhas boas instalacións son camas dimensionadas e en bo estado e unha anchura de pasillos que facilite unha boa xestión do gando, con iso é suficiente”, defende.

Cando dependes de man de obra contratada, a area é máis segura e sinxela de manexar por parte dos empregados

Nos cubículos empregan desde hai 5 anos area. Antes usaban palla e carbonato. O cambio debeuse a que co aumento da dimensión da granxa os custos do material de recheo tamén se disparaban, e a que ao depender de man de obra, o mantemento dun material inerte como é a area é máis doado e seguro.

Para evitar os problemas agronómicos que a area provoca nas terras, o que fan é separala por decantación. “Despois botámola en determinadas fincas que temos que son moi barrentas e deste xeito logramos mesmo melloralas”, explica.

Estrés por calor

A area ten ademáis outra vantaxe. “Estamos metidos nun val e desde o mes de maio até outubro sufrimos episodios de calor extremo. Ao contar con sistemas de ventilación os patios sécanse e coa palla convertíanse en pistas de patinaxe para as vacas. Tiñamos problemas de accidentes que coa area se resolveron”, conta Odón.

Renovamos o sistema de ventilación porque tiñamos problemas severos no verán, tanto en baixada de produción como na reprodución

Malia contar con ventiladores, os efectos do estrés por calor sobre o gando deixábanse notar con claridade nesta gandería, ata que este ano fixeron un importante investimento, duns 37.000 euros, na renovación dos sistemas de enfriamento do gando. “Tiñamos problemas severos co calor, que provocaban unha caída nos niveis de produción e nos índices reprodutivos. Pero este ano, coa instalación de 18 novos ventiladores e de duchas en todas as naves a baixada foi mínima porque as vacas non reduciron a inxesta”, asegura. 

A xestión da granxa sofre lixeiras modificacións para adaptarse ao periodo de máis calor. “No verán temos uns protocolos reprodutivos máis agresivos e atrasamos unha hora os muxidos, que pasan a facerse ás 6 da mañá, ás 2 da tarde e ás 10 da noite en vez de ás 5 da mañá, á 1 da tarde e ás 9 da noite. Facemos tamén cambios na alimentación, cunha ración máis fresca”, explica Odón.

Manga de manexo á saída da sala

SAT O PALOMAR (Láncara) manga de manexo sala muxidoPara facilitar o muxido das 320 vacas, téñenas divididas en 4 lotes. Nun deles están as primeirizas e vacas de segundo parto; noutro están as vacas adultas, e no lote intermedio atópanse vacas de segundo e terceiro parto. O último dos grupos é o de postparto e enfermería.

 A nova sala, posta en marcha hai tres anos, está preparada para muxir lotes de 120 animais. Os que están máis sobrecargados múxense primeiro. “É moi importante que as vacas estean o menor tempo posible agardando para muxirse”, afirma. Nas novas instalacións, con 20 puntos, logran muxir uns 84 animais á hora. Con todo, finalizar cada unha das tres muxiduras diarias aproxímase ás 4 horas.

O protocolo de postparto inclúe a medición diaria de temperatura e acetona en tira de leite cando menos durante 10 días ou ata que a vaca é dada de alta

Unha das novidades que Odón quixo incorporar é unha zona de separación á saída da sala, con trabadizas con capacidade para 70 vacas a un tempo, que é moi práctica para a revisión de animais, a aplicación de tratamentos, o control reprodutivo ou a podoloxía. “Evítanos ter que andar buscando vacas polo medio do establo ou prender un lote enteiro de 100 vacas para inseminar tres ou catro”, indica.

SAT O PALOMAR (Láncara) escaleira baixada sala de muxidoPara salvar o desnivel existente desde o establo á sala de espera da sala de muxido idearon un sistema de escaleiras polas que accede o gando. “Non queriamos unha rampa para evitar accidentes, porque as vacas esvararían. O das escaleiras foi un invento que funciona moi ben”, asegura.

A manga de manexo permítenos reducir os tempos e o estrés da vaca. Antes pasabamos 10 horas facendo reprodución; agora en menos de catro horas, ao mesmo tempo que se moxe, temos rematado

A sala de muxido é o lugar no que se detectan a meirande parte dos problemas do gando, máis aínda cando as vacas pasan por ela tres veces ao día. Para avisar das incidencias detectadas dispoñen dun grupo de whatsapp no que están todos os traballadores. “É unha maneira de que non se nos pase nada, porque doutro xeito hai turnos que non se ven”, explica Odón. En base a eses avisos pódese actuar moito antes, xa que cando se detecta unha vaca coxa, en celo ou enferma, é apartada inmediatamente, nada máis acabar de muxirse, á zona de separación que hai á saída da sala.      

Separación e descontaminación do purín

SAT O Palomar está a preparar tamén un cambio no sistema de tratamento do xurro. “Hai un problema severo nas explotacións co purín e non se trata de ter máis ou menos terras onde botalo. A lexislación non vai permitir empregar máis dunha cantidade de metros cúbicos por hectárea e iso vai obrigar ás explotacións a reducir o número de cabezas, como xa está a pasar noutros países europeos”, asegura.

“Nós queremos separar a parte sólida da líquida e despois aplicarlle á parte líquida un tratamento químico e mecánico descontaminante semellante ao que se fai nas depuradoras para poder usalo no rego do millo. Hai unha planta xa montada en Zaragoza e nós estamos xa mirando equipos. O proxecto está bastante avanzado”, indica.

Hai un problema severo nas explotacións co purín e non se trata de ter máis ou menos terras onde botalo

Unha parte da instalación, o que sería o proceso de decantación necesario, xa o teñen montado, posto que dispoñen de tres fosas de xurro máis unha balsa en cascada que lles permite separar a parte sólida da líquida. “No seu día, xa no ano 2011, cando usabamos palla, estiveramos mirando xa de montar unha planta similar” e unha parte desa infraestrutura xa se aproveitaría”, detalla.  

Recría centralizada

SAT O PALOMAR (Láncara) nave xovencasPara poder medrar, a primeira das necesidades da granxa tiña que ver coa recría. No 2009 alugaron unha finca a 11 quilómetros, en Maside, para centralizar alí todo o proceso das becerras e xovencas. “A nave está nunha propiedade de 28 hectáreas todas concentradas e adaptábase moi ben para iso naquel momento, porque a carga gandeira era menor, estariamos muxindo unhas 150 vacas naquel intre”, explica Odón.

A finca de Maside séguena traballando e na primavera e no outono moven entre 50 e 60 xovencas xestantes para ela para facer pastoreo  

Cando o establo de Maside quedou pequeno, atoparon unha alternativa na antiga SAT A Veiga, que teñen alugada desde o ano 2017 e onde centralizan na actualidade o proceso de recría. Teñen alí neste momento unhas 250 xovencas que cubren as necesidades de reemprazo da granxa e mesmo lles permite vender animais en momentos puntuais. “Grazas á mellora das instalacións e ao bo manexo da granxa, a taxa de reposición é baixa e atopámonos con que nos sobraban 70 xovencas cada ano”, explica Odón. Por iso, hai ano e medio cambiaron de estratexia.

Cruces con angus

“Antes inseminabamos todo con frisón e con seme sexado, porque tiñamos pensado seguir medrando, pero desde marzo do ano pasado estamos poñendo cruces cárnicos con angus. Temos un contrato cunha empresa catalana para a venda deses xatos”, explica.

Levamos 7 anos usando unicamente seme de touros americanos e cando algunha vaca non se dá quedado preñada empregamos embrións terapéuticos de carne

Deste xeito, nas xovencas e nas mellores vacas seguen empregando seme sexado de touros americanos, mentres que o resto das vacas insemínanas con angus para obter un maior rendemento á venda de becerros.

Entre 21 e 30 días eses xatos angus saen da explotación con destino un cebadeiro dunha empresa catalana. “Estanos funcionando moi ben, porque non estamos tendo problemas nos partos nin nos retrasa nada a xestación, e os becerros saen con moita vitalidade e teñen un prezo máis elevado”, conta Odón.

Homoxeneidade no rabaño

SAT O PALOMAR (Láncara) zona boxes recríaConsidera que para unha explotación como a súa é máis interesante poñer cruces cárnicos ás vacas que vender xovencas próximas ao parto, xa que é difícil recuperar o custo dos dous anos de recría. “A recría hai moitas maneiras de facela, pero facendo as cousas ben os custos son importantes”, recoñece.

Á calidade do seme hai que engadir o correcto encalostrado e amamantado, o coidado das becerras, así como o control de enfermidades no conxunto do rabaño. “Somos unha granxa con case 700 cabezas libre de calquera tipo de enfermidade infecciosa e por iso non facemos ningún tipo de vacinación”, destaca.

Somos unha granxa libre de enfermidades infecciosas e cun nivel xenético medio importante no rabaño

As xovencas paren antes dos dous anos de idade. Despois do destete están con herba seca e penso, ata que son trasladadas á nave de SAT A Veiga, onde completan o proceso até o momento próximo ao parto.

SAT O Palomar aposta “por vacas que non dan problemas”. “A min gustábame ir aos concursos e cando tiñamos 60 vacas tiñamos mellores animais ca hoxe desde o punto de vista estrictamente morfolóxico, pero muxindo 320 vacas temos que irnos a outro tipo de vacas, aínda que seguimos mantendo un nivel xenético medio importante”, destaca Odón.    

Estabilidade nos custos

Zona de almacenaxe de cereais e fabricación de penso da explotación

Zona de almacenaxe de cereais e fabricación de penso da explotación

Para a alimentación do gando dispoñen dun carro autopropulsado propio co que fan a ración varias veces ao día para as vacas de leite buscando unha maior inxesta. Na ración de produción meten 32 quilos de silo de millo, 9 quilos de silo de herba, 13,2 quilos de cereais e 2,2 quilos de morea. A maiores fan unha ración para as vacas secas e tres distintas para a recría, en función da idade dos lotes.

Elaboran racións frescas pola mañá e pola noite para as vacas de leite para incrementar a inxesta

As materias primas que empregan nas distintas racións son as básicas: millo, soia, colza e pulpa de remolacha en gran. En función da situación do mercado e dos prezos poden variar nalgún momento, botando man tamén de xirasol ou cebada. “Miramos que as materias primas que mercamos sexan de calidade e veñan nas condicións óptimas. Cada camión que nos chega á granxa mostréase”, explica.

Mercan as materias primas coas que logo elaboran os concentrados ben directamente en porto ou a través de almacenistas, en función do prezo e as condicións ofrecidas, pero buscando sempre a calidade e a estabilidade nos prezos, con contratos a varios meses.

Estamos gastando diariamente neste momento só en alimentación por enriba de 7 euros por vaca

“É moi importante nunha granxa, cando chega ao volume da nosa, ter un custo fixo e estable para poder xestionar a explotación e saber que nun ano ou en 8 meses o custo da alimentación non vai aumentar”, asegura. Este ano o encarecemento foi xeralizado. Na renovación dos contratos de subministro a suba foi, dependendo da materia prima, dun 20 ou un 30% en relación aos prezos pechados para o ano anterior, admite. 

Búsqueda de eficiencia e rendibilidade

Por iso, afirma Odón, “queremos producir leite sobre a base das forraxes que producimos nós, sen ter que saír a mercar iso fóra, e con esa premisa non podemos dar máis leite do que damos, porque sería a base de perder diñeiro”.

A media de produción é neste momento de 42,8 litros, calculada en cómputo semanal, pero a granxa chegou noutros momentos a picos de 44 litros. A porcentaxe de graxa sitúase entre 3,70 e 3,80%, a proteína en 3,30% e as células por debaixo de 200.000.

Poderiamos subir a 45 litros, pero non me interesa porque sería a costa de perder cartos

“Buscamos ter producións altas, as máximas posibles, pero é certo que desde hai dous anos para aquí buscamos sobre todo rendibilidade, o chamado índice de eficiencia, que é intentar producir o máis barato posible pero sen descoidar os principios básicos do que é unha granxa de produción de leite”, indica Odón.   

“Eu sei que se aceleramos, podemos subir a 45 litros, pero non me interesa, porque me costa máis producir eses 45 litros que os 42. Nós estamos neste momento nese punto de equilibrio no que máis rendemento lle sacamos á produción que temos”, asegura.

 “O 100% do traballo de campo facémolo nós mesmos”

SAT O PALOMAR (Láncara) parque maquinariaUnha das premisas de SAT O Palomar é buscar a máxima estabilidade nos custos de produción. “Decidimos ampliar a base forraxeira que tiñamos e optamos por ter un parque de maquinaria propio por ese motivo, para poder facer unha xestión de custos propia. Todos os pasos que demos foron encamiñados a iso”, afirma Odón.

Para iso, a súa estratexia baséase en ser autosuficientes en materia agrícola. Este ano colleron 8 hectáreas de terreo máis, pero o gran salto produciuse no ano 2011 cando incrementaron a base territorial en 50 hectáreas de golpe. 

A explotación dispón dunha superficie total de 140 hectáreas, das que este ano botaron a millo case 70. Foron case 20 hectáreas menos das que sementaban outros anos. “Este ano, aquelas parcelas que cumprían moi xustas as espectativas que nós temos para o millo decidimos non sementalas e acertamos tendo en conta como veu despois a climatoloxía”, di. 

Unha finca que non chega aos 40.000 quilos por hectárea e que non mantén o stay green e a dixestibilidade non serve para botar millo

Debido á seca este foi “un ano moi complicado para o millo”, di. “Nós adiantamos a sementeira case un mes para poder botar ciclos máis longos, ciclos 700, 600 e 500. Pero nalgunha finca non chegou nin a botar a espiga e empezamos a picalo xa nos últimos días de agosto”, explica. 

Odón é moi esixente coa calidade das forraxes que recolle. “Para min unha finca que non chega aos 40.000 kilos por hectárea e que non mantén o stay green e a dixestibilidade do millo non cumpre para botalo. Nestes casos é máis rendible telas a herba. Nas 20 hectáreas que non sementamos a millo este ano sacamos dous cortes bos para ensilar e un para herba seca”, detalla. 

Non deixamos nada baleiro, nas 70 hectáreas nas que botamos millo facemos rotación con herba

“Non deixamos nada baleiro, en todas as fincas de millo facemos rotación herba-millo”, aclara. Ademais do empregado que se encargada durante todo o ano da maquinaria, é Odón o que lle axuda nos traballos de campo e durante as campañas contratan unha persoa máis de reforzo.

Fincas a 30 km de distancia

A superficie está moi dispersa, con fincas que están a 30 quilómetros de distancia da nave principal de Ronfe. Polo tanto, di, “hai moita diferencia de altitude, de tipo de solo e mesmo de pluviometría”, polo que empregan distintos tipos de variedades de millo e de pradeira en función da zona.

Nas fincas nas que fan rotación con millo, por exemplo, nas que fan un único corte de herba, sementan unha mestura personalizada que leva trevo branco, trevo ladino, raigrás inglés tardío e veza. “Durante anos fixemos probas en distintas parcelas ata que chegamos á mestura que mellor nos funciona”, indica Odón. No resto, a mestura é de pradeira permanente.

Rego con aspersores para o millo

SAT O PALOMAR (Láncara) rego aspersores milloAs variedades de millo tamén as adaptan ao tipo de finca. Este ano chegaron a empregar desde un ciclo 700 a un 400 largo. Dispoñen tamén de superficie de regadío. Son 18 hectáreas. Unha parte da superficie de regadío é de hai 15 anos, pero a outra é recente, incorporada nos dous últimos anos á explotación. “Aí aseguramos unha produción de 70.000 quilos por hectárea”, destaca Odón. “O sistema de manexo desas terras é totalmente diferente”, afirma.

No regadío aseguramos unha produción de 70.000 quilos por hectárea

Empezaron usando canóns de rego porque o custo económico da instalación é menor, pero “nunha fase do ciclo de crecemento do millo é un sistema que maltrata bastante a planta, polo que fomos cambiando e agora temos todo con aspersores”, explica.

Non usan o sistema de rega para a fertilización, xa que empregan un abonado de fondo inicial de liberación lenta que cubre as necesidades do millo durante todo o ciclo de cultivo.

Queremos producir o leite co que somos capaces de producir nós

SAT O PALOMAR (Láncara) sementadora milloA estratexia desta gandería de cara ao futuro é seguir mantendo o maior grao de autosuficiencia posible, tanto na alimentación do gando como no traballo de campo. É certo que precisan dun parque de maquinaria importante (o investimento en maquinaria supera o millón e medio de euros), pero non dependen da dispoñibilidade de empresas de servizos ou cooperativas para a recollida das forraxes. “Planificamos as sementeiras e as recollidas en función das nosas necesidades e no momento óptimo”, asegura Odón.

Planificamos as sementeiras e as recollidas en función das nosas necesidades e no momento óptimo

A colleitadora que teñen agora mercárona para a campaña de recollida do millo o ano 2020 e supuxo un cambio importante na calidade do ensilado. “É un investimento importante e hai que dispoñer do diñeiro, pero é super rendible porque inflúe no que come o gando ao longo de todo o ano”, destaca.  

Una idea sobre “SAT O Palomar, unha explotación que busca na autosuficiencia a máxima rendibilidade

  1. Xoan Castro Insua

    “Hai un problema severo nas explotacións co purín e non se trata de ter máis ou menos terras onde botalo. A lexislación non vai permitir empregar máis dunha cantidade de metros cúbicos por hectárea e iso vai obrigar ás explotacións a reducir o número de cabezas, como xa está a pasar noutros países europeos”,

    Isto non é correcto, polo menos en Galicia, onde non temos declaradas zonas vulnerables, pero si en Aragón desde onde o asesoraron para facer o separador da fase orgánica de xurro. En Galicia pódese botar a cantidade de xurro que sexa necesaria para abonar os cultivos, non hai limites desde o punto de vista legal Estas falsas afirmacións, estes “medos” que se infunden no rural, van en contra da continuidade da actividade agraria, é moi grave en Galicia a falta de asesoramento “independente” ou público, que é responsabilidade da Xunta, como ven remarcado por Euopa na nova PAC 2023-2027, iso si que é verdade que “impón Europa” e non o de impedir ou limitar que se bote xurro no campo como abono, que é falso.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información