O custo de sementeira de pradeiras está a incrementarse considerablemente este ano en Galicia, até nun 30% nalgún caso. Ao forte encarecemento das sementes e á pouca dispoñibilidade engádese o prezo do gasóleo, que escalou de novo nas últimas semanas até 1,4 euros o litro.
A obriga de rotar cultivos e meter especies mellorantes para cumprir coa PAC disparou este ano a demanda de leguminosas e o seu prezo. Mesmo hai problemas de subministro dalgunhas sementes, como a veza, que está sendo moi difícil conseguir, sobre todo a da variedade sativa, a preferida en Galicia por ser máis rústica e adaptarse mellor ao chan e á climatoloxía da comunidade, e que escalou a súa cotización até situarse por enriba dos 2 euros o quilo.
Está habendo moitas dificultades para conseguir veza e está cara
As empresas distribuidoras están a priorizar aos clientes habituais no reparto das poucas existencias que hai, e mesmo houbo ganderías que tiveron que retrasar a sementeira das pradeiras á espera de que chegase o pedido de leguminosas e outras que tiveron que variar as mesturas programadas para poder labrar.
Con prezos por enriba de 2.000 euros a tonelada (cando hai dous anos podía estar a 600€), nin as empresas multiplicadoras nin as comercializadoras fixeron un acopio excesivo de semente, polo que non estaban preparadas para a avalancha de peticións.
As mesturas estanse a impoñer este ano fronte ás pradeiras monofitas
Aínda que é posible labrar unha única especie de leguminosa ou que as explotacións fagan as súas propias combinacións, algunhas casas comerciais reaccionaron á nova PAC facendo mesturas específicas ou modificando fórmulas xa existentes para engadir máis leguminosa, até lograr sobrepasar o 50% esixido no ecorrexime.
Veza con avea, o máis caro
A escolla das sementes varía de xeito importante o custo final de sementeira, que depende de varios factores, entre eles o tipo de variedade, as proporcións empregadas na mestura, as doses por hectárea utilizadas e o destino final do cultivo.
A suba de prezo está a afectar sobre todo á veza dentro das leguminosas e á avea na parte dos cereais, pero dase un efecto contaxio que acaba por provocar un encarecemento xeralizado no resto de sementes, xa que a falta dunha produce unha sobredemanda noutra. Por exemplo, a escaseza de veza está a derivar en maior demanda tamén de chícharo como alternativa para as mesturas con cereal.
O triticale e o centeo están a prezos equiparables e un pouco máis asequibles, pero a avea é máis cara este ano que noutras campañas. Cos prezos desta campaña, sementar unha hectárea de veza con avea como cultivo de inverno para ensilar, para o que serían necesarios uns 150 kg/ha (80 de veza e 70 de avea), pode chegar aos 300€ só de semente.
Os cultivos de inverno con veza poden chegar nesta campaña aos 300€/ha sumándolle o cereal para acompañala
Para as explotacións que labran a veza non como cultivo forraxeiro, senón para non deixar a terra baleira, enterrando despois a leguminosa como abono en verde, as doses son máis baixas, pero como pouco hai que meter entre 40 e 50 quilos por hectárea, o que supón uns 110 €/ha. Se en vez de botar unha única especie (veza, chícharo ou altramuz só) se opta por unha mestura de varias leguminosas lógrase abaratar algo o custo, que pode situarse en 90€/ha con doses de 35 kg/ha.
Labrar unha pradeira de raigrás custaría uns 150€/ha en total entre semente e traballo. Se se mestura con trevo serían 40€ máis
A sementeira de pradeiras de herba só con gramíneas sae un 40% mais barata que mesturada con trevo, pero por menos de 90€/ha é difícil botar calquera raigrás. Se se lle mestura trevo e se quere que sirva para cumprir co ecorrexime, para o que a leguminosa ten que ser maioritaria, o importe sobe até os 120€. Neste caso unha mestura habitual podería consistir en 13 kg/ha de trevo violeta e 12 de raigrás italiano, por exemplo.
Entre 60 e 80 euros por hectárea de laboreo
A eses custos, só da semente, habería que engadir os de laboreo e sementeira. As empresas de servizos tamén subiron tarifas, uns 10€ con respecto ao ano pasado, polo que o custo do traballo de sementeira moveríase entre os 60 e os 80€/hectárea, que sería o custo dunha hora de grade rápida ou combinada.
As empresas de servizos están a repercutir tamén a suba do gasóleo e dos intereses dos préstamos para mercar a maquinaria
Se se paga por sacar o purín, habería que sumar tamén esas horas, porque aínda que para labrar a leguminosa tralo cultivo de millo non sería necesario fertilizar, a maioría das ganderías non dispoñen de capacidade de almacenamento suficiente para o xurro para aguantar todo o ano sen sacalo, até volver labrar de novo o millo a primavera que vén, polo que aproveitan a sementeira das pradeiras en outono para baleirar as fosas de purín de cara ao inverno.
Máis proteína nos silos para lograr un abaratamento da ración
Alén dos beneficios agronómicos das leguminosas como cultivos mellorantes dos solos, unha consecuencia directa do incremento da superficie labrada con este tipo de especies vai ser un aumento do contido proteico dos ensilados dos que disporán as ganderías galegas o vindeiro ano, o que lles permitirá axustar a ración e reducir a compra de insumos como soia ou colza.
Canta máis leguminosa haxa na mestura, máis proteína pero menor cantidade de materia seca
A veza acada porcentaxes do 20% de proteína, ao igual que as mesturas de trevos, e o chícharo mesmo supera eses niveis. Ao mesturar cunha gramínea (o raigrás ten un 7%) ou cun cereal (a avea aporta un 8-9% e o triticale un 13%) redúcense as porcentaxes medias, que poden chegar ao 17-18%.
Pero estas fórmulas para cumprir co ecorrexime da PAC, onde predomina a leguminosa, son mesturas difíciles de ensilar, xa que son combinacións forraxeiras moi altas en proteína e baixas en carbohidratos non exentas de riscos á hora da conservación (son recomendables inoculantes a base de bacterias). Leguminosas como os chícharos conteñen proteínas moi solubles, en ocasións difíciles de trasladar á ración, e que penalizan a cantidade de forraxe en términos de materia seca obtida.
Piden que, de modo excepcional, non se esixa este ano o requisito do 5% da superficie labrada con leguminosas
Ante a carestía e escaseza de sementes, en Cataluña a organización de produtores Unió de Pagesos, que está integrada a nivel estatal en Unión de Uniones, solicitou á Generalitat de Cataluña que faga unha excepción este ano dentro do ecorrexime de cultivos mellorantes e non esixa que o 5% da superficie se labre con leguminosas como semente principal, debido á caída da produción de semente certificada de leguminosas coincidindo cun ano de forte demanda.
Sen embargo, desde a Asociación de Empresas Produtoras de Sementes Selectas (APROSE), rexeitan de plano esta petición e aseguran que tería importantes consecuencias negativas para as empresas multiplicadoras.
No conxunto de España, están acollidas ao ecorrexime de rotación case 7 millóns de hectáreas, o que obrigaría a labrar 350.0000 hectáreas con leguminosas
Os produtores de sementes din que para garantir o subministro nesta campaña, e ante a escasa colleita en España, tiveron que aprovisionarse a un custo elevado noutros países, polo que, de non dar saída agora a esta mercadoría, sufrirían perdas considerables.
Colleita moi escasa e altísima demanda
A situación de falta de semente de leguminosa vénse arrastrando desde a campaña pasada. A seca, e despois as xeadas, minguaron a anterior colleita de semente certificada de xeito moi considerable.
Tanto, que os rendementos baixaron de 1.200 kg por hectárea a só 300, insuficientes para cubrir unha campaña de sementeira normal, e moito menos esta, onde a demanda se disparou.
Debido á falta de veza, moitas explotacións optaron polos chícharos para mesturar cos cereais de inverno
Á mala colleita engádese o feito de que case sete de cada 10 hectáreas adicadas a terras de cultivo en España se acolleron ao ecorrexime de rotación con especie mellorante, o que equivale a case sete millóns de hectáreas. Habería que botar leguminosas alomenos no 5% desa superficie, o que significa que unhas 350.000 hectáreas terán que ser sementadas con leguminosa nesta campaña no conxunto de España.
Debido á falta de veza, moitas explotacións optaron polos chícharos como substitutivo para mesturar cos cereais de inverno. A veza é un cultivo forraxeiro, polo que a cantidade de semente que se colleita é moito menor que no caso dos chícharos.
Sementes importadas
Para cumprir co fixado na PAC esíxese labrar semente certificada. O problema é que o proceso para a súa posta no mercado require dunha planificación a longo prazo, polo que non é doado incrementar a produción dun ano para outro.
Por iso, Unión de Uniones tamén pide que se permita, excepcionalmente, o intercambio entre agricultores, aínda que non se trate de semente certificada, para poder cumprir coa PAC deste ano.
A veza ou cereais como a avea, o centeo ou o trigo proceden maioritariamente de empresas multiplicadoras españolas, pero algunhas variedades do trevo utilizado nas sementeiras de pradeira en Galicia proceden de países tan alonxados como Australia. No caso de gramíneas como o raigrás, é frecuente que as sementes veñan dos EEUU.