A Cooperativa Agraria Provincial da Coruña presenta o proxecto da granxa A Esperanza

A explotación, ubicada no concello de San Sadurniño, operará previsiblemente cun rabaño de vacas jersey, na busca dun leite con máis graxa e proteína orientado á produción de xeados

A Cooperativa Agraria Provincial da Coruña presenta o proxecto da granxa A Esperanza

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, visitou hoxe as instalacións da granxa A Esperanza.

A Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, que xestiona desde o 2009 a granxa O Cancelo, no concello de Miño, está a ampliar o seu proxecto gandeiro cunha nova instalación propia en San Sadurniño, a granxa A Esperanza, que se remodelará esta primavera e volverá á actividade previsiblemente antes de fin de ano. O obxectivo da cooperativa na nova explotación consiste en producir un leite con máis graxa e proteína, orientado a abastecer a súa marca de xeados, Bico de Xeado.

O presidente da Cooperativa Agraria Provincial, José María Calo, incide en que a produción de xeados esixe de nata galega de calidade, que escaseou no mercado nos últimos meses: “A nosa idea é traballar con vacas de raza Jersey ou similar para obter un leite con máis cantidade de sólidos, que é algo que nos interesa para a produción de xeados”, subliña.

“O camiño de producir sólidos que emprendemos nós na nova granxa penso que será tamén o futuro do sector en Galicia” (José María Calo)

“Penso que ese camiño que emprendemos nós na granxa A Esperanza tamén vai ser un camiño que terá que seguir o conxunto do sector lácteo en Galicia. Tendo en conta que somos exportadores de leite, é máis sinxelo vender sólidos que exportar líquidos. Se hai vontade na industria de chegar a acordos estables cos gandeiros para producir máis graxa e proteína, en lugar de cantidade de litros, ese debería ser a liña de futuro”, valora José María Calo.

Proxecto
O proxecto de granxa que se presentou hoxe en San Sadurniño, con presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, aséntase sobre una antiga explotación comunitaria que adquiriu a Cooperativa Agraria Provincial no 2016. “Hai 40 anos, estas instalacións eran modélicas, pero agora precisan dunha remodelación, pois os cubículos son pequenos e hai que eliminar o actual emparrillado”, sinala Calo.

Desde o 2016, a Cooperativa xestionou provisionalmente as instalacións co rabaño de vacas frisonas que xa tiña a granxa, pero a súa idea é aproveitar a reforma da explotación para sustituír os actuais animais por un rabaño de arredor de 250 vacas Jersey, se ben a decisión final sobre a raza a introducir non é aínda definitiva. Na actualidade, a granxa conta con arredor de 120 animais en muxido e uns 100 de recría.

Valoracións da Xunta
Durante a súa visita ás instalacións, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, incidiu na necesidade de que o sector lácteo se siga diversificando, desenvolvendo novos produtos que permitan responder á evolución do mercado lácteo e satisfacer as novas demandas dos consumidores.

Feijoo, que lembrou a achega de 800.000 euros da Xunta para este proxecto, destacou asimesmo que a Administración autonómica ten destinados arredor de 50 millóns de euros a apoiar proxectos de transformación láctea, con casos como o de Goodleit (Curtis), unha nova liña de queixos de Entrepinares (Vilalba) ou a liña de leite pasteurizado de Celta.

Bico de Xeado duplica as súas vendas no 2017

A marca de xeados da Cooperativa Agraria Provincial (CAP), Bico de Xeado, está a experimentar un crecemento exponencial. Se no 2016, a Cooperativa comercializou 100.000 litros de xeado, no 2017 foron 200.000. A CAP conta con sete tendas propias en Galicia e con outra en Madrid, a parte de acordos de colaboración con xeaderías de Galicia e doutros puntos de España, como Andalucía.

A Cooperativa, que ten 41 socios, produce nas dúas granxas que xestiona en propiedade algo máis de 2 millóns de litros de leite. Parte desa produción destínaa ós xeados e a venda de leite pasteurizado para hostelería, en tanto outra parte véndeselle a unha industria láctea.

Imaxe 'de familia' tras a visita do presidente da Xunta á granxa.

Imaxe ‘de familia’ tras a visita do presidente da Xunta á granxa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información