As esixencias da nova PAC para as terras do millo: rotación dentro do mesmo ano ou cambio de cultivo cada catro

As ganderías non poderán botar millo sobre millo se queren seguir cobrando as axudas da Política Agraria Común e poderán recibirán pagos extra se sementan especies mellorantes no inverno, pero o que se labre agora nas terras condicionará a solicitude da PAC do 2024

LISTE PICADO MILLO 5O actual período da Política Agraria Común, que entrou en vigor o pasado 1 de marzo, trae importantes cambios no que se refire ás terras do millo, que deberán ser tidos en conta polas ganderías para non perder axudas nin sufrir penalizacións. Analizamos algunhas cuestións importantes a ter en conta de cara á actual campaña de sementeira das pradeiras.

De primeiras, a rotación e diversificación de cultivos pasa a ser unha esixencia para poder cobrar a PAC, polo que deixar a maior parte das terras baleiras no inverno, unha práctica frecuente até o de agora en moitas explotacións, sobre todo nas que tiñan unha maior superficie agraria en comparación co número de cabezas, pasará a ter os días contados.

Se se bota na mesma parcela millo sobre millo durante tres anos no cuarto ano habería que sementar outro cultivo

Pero son varias as posibilidades para cumprir con esta esixencia da chamada condicionalidade reforzada, que obriga a que todas as terras cambien de cultivo cando menos unha vez cada catro anos, agás en explotacións que labren menos de 10 hectáreas ou adiquen máis do 75% da súa superficie a pradeira.

A outra das grandes novidades da PAC deste ano é o ecorrexime de rotación de cultivos con especies mellorantes, ao que se acolleron 57.428 hectáreas de terras de cultivo en Galicia. A alta demanda de sementes e as dificultades para conseguir algunhas delas, como a veza, fixo que se dispararan os prezos.

Non se poden deixar máis da metade das terras baleiras

A rotación de cultivos está incluída como unha obriga dentro das Boas Condicións Agrarias e Medioambientais (BCAM 7), aína que quedou en suspenso nesta campaña como consecuencia da guerra de Ucraína e só terán que cumprir aquelas explotacións que se acolleron ao ecorrexime de sementeira directa ou rotación con mellorantes.

Esta diversificación de cultivos é máis esixente a medida que aumenta a superficie cultivada (se se labran máis de 30 hectáreas son obrigatorios 3 cultivos diferentes, sen que o maioritario supere o 70% da superficie e os dous máis importantes o 90%).

Se unha explotación se decanta pola rotación dentro do mesmo ano debe manter esta práctica durante tres campañas

Outro xeito de cumprir a BCAM 7 é a rotación dentro do mesmo ano con dous cultivos diferentes, se ben se se opta por esta práctica, deberá manterse cando menos durante 3 campañas. É dicir, non se permite xustificar o uso de cultivo secundario intraanual como opción á rotación exclusivamente no terceiro ano se non se usou nos 2 anos anteriores.

O FOGGA comprobará no ano 2025 o cumprimento da esixencia de rotación de cultivos tendo en conta os declarados en cada parcela nos tres anos previos. Isto implica que se no 2022 se repetiu o cultivo de millo nas mesmas terras sen labrar despois nada nelas no inverno, ben este ano ou o ano que vén habería que sementar un cultivo diferente ao millo nesas fincas.

O que se labre agora no outono será o considerado cultivo principal de cara á solicitude da PAC do ano que vén

No caso de acollerse á opción de rotación dentro do mesmo ano miraranse só os dous anos anteriores. Isto implica que as explotacións que botaban ata agora millo sobre millo non poderán deixar as terras baleiras e este ano xa terán que botar algo nesas parcelas de cara ao inverno.

O incumprimento dos requisitos mínimos establecidos en cuanto a rotación e diversificación de cultivos castígase cunha rebaixa no monto de axudas da PAC dese ano de entre o 3% (incumprimento non intencionado) e o 20% (incumprimento intencionado). 

Usar especies mellorantes

Entre as principais novidades que introduce a Política Agraria Común para o período 2023-2027 están os novos reximes en favor do clima, o medio ambiente e o benestar animal (ecorreximes), unha serie de prácticas anuais de carácter voluntario primadas con pagos adicionais.

Son dous os principais ecorreximes aplicables nas terras de cultivo: rotación de cultivos con especies mellorantes e sementeira directa, unha práctica pouco habitual aínda en Galicia. Consiste en non arar para botar o seguinte cultivo e o importe final a percibir é o mesmo que no caso da rotación convencional con especie mellorante.

No caso de sementeira directa esíxese rotar o 40% das parcelas, non o 50%, como ocorre no ecorrexime de rotación con especie mellorante

Pódese facer sementeira directa sempre sobre a mesma parcela, algo  que se prima con 25€/ha adicionais, pero é necesario igualmente rotar os cultivos. A porcentaxe de rotación sobre o total das parcelas incluídas dentro do ecorrexime que se esixe neste caso é do 40%, no canto do 50% que se pide para o cobro por rotación con especie mellorante.

Se se opta por botar especies mellorantes do solo, esíxese que como mínimo se labren o 50% das terras de cultivo polas que se solicita o ecorrexime, aínda que se cobraría polo 100% da superficie. Admítese tamén neste caso como rotación a introdución dun cultivo secundario dentro do mesmo ano.

Unha explotación con 100 hectáreas de cultivo deberá rotar como mínimo 50 e labrar cando menos 10 con especies mellorantes, entre elas 5 de leguminosas

Polo tanto, as explotacións que queiran solicitar o ecorrexime o ano que vén deberán sementar as porcentaxes mínimas esixidas de especies mellorantes e leguminosas xa neste outono, dado que será considerado o cultivo principal de cara á vindeira solicitude da PAC. Na normativa aprobada ten consideración de cultivo principal aquel que ocupe máis tempo na parcela entre o 1 de xaneiro e o 30 de abril de cada ano, de maneira que en Galicia o millo está considerado o cultivo secundario.

Como mínimo o 10% da totalidade das terras de cultivo polas que se solicita o ecorrexime deben ser sementadas con especies mellorantes, das cales polo menos a metade serán leguminosas, que se permiten tamén como abonado en verde.

No 5% da superficie total de cultivo as sementes de leguminosas deberán ser maioritarias na mestura

A rotación raigrás-millo cumpriría para a BCAM 7 de rotación de cultivos, sempre que se faga todos os anos, pero non serviría para cobrar o ecorrexime de rotación con especie mellorante, nin sequera cando o que se sementa é unha mestura de raigrás con trevo anual, dado que se esixe que nun 10% da superficie a especie considerada mellorante, neste caso o trevo, sexa maioritaria na mestura (cando menos o 51% da semente).

O trevo só cumpriría, ao igual que distintas mesturas de leguminosas con cereais de inverno, como por exemplo chícharo con triticale ou veza con avea, sempre que a leguminosa sexa a predominante na mestura.

Case a metade das terras de cultivo non pediron o ecorrexime

Ao ecorrexime de rotación de cultivos con especie mellorante acolléronse nesta campaña 57.428 hectáreas de terras de cultivo en Galicia. É unha boa práctica que se acomoda ben ao sistema habitual de cultivo do millo na cornixa cantábrica, aínda que o descoñecemento e as obligas que conleva desincentivaron a súa adopción por parte dos produtores. 

Unha das principais novidades da nova PAC son as primas por sementar especies mellorantes, que quedan reducidas nun 20% para esta campaña

O importe final co que se primará ás ganderías que labren especies mellorantes nas súas parcelas é de 68,64 euros por hectárea (48,05€ despois das primeiras 30 ha), trala redución do 20% no importe previsto inicialmente.

As explotacións galegas declararon este ano como cultivo principal na PAC un total de 50.485 hectáreas de forraxes herbáceas e 21.837 de millo. Pouco máis da metade (o 56%) do total das terras de cultivo declaradas na comunidade (102.345 hectáreas) solicitaron acollerse ao ecorrexime de rotación de cultivos con especies mellorantes ou mediante a sementeira directa. En concreto, foron 55.745 hectáreas en secaño húmido e 1.676 en regadío.

Permítense as leguminosas para abonado en verde

SAT Castro Buxía leva tres anos botando nabos en máis de 30 hectáreas de terreo unha vez sacada a colleita de millo

O novo ecorrexime da PAC permite tamén botar especies mellorantes para abonado en verde, unha práctica que seguen desde fai anos as explotacións en Galicia e que permite unha mellora agronómica e unha redución de herbicidas

Na listaxe de sementes admitidas para enterrar como abono en verde están leguminosas como chícharo, faba, altramuz, feixón, veza ou trevo; crucíferas ou brassicas como colza, nabo ou camelina e outras especies como o xirasol ou o cártamo.

Este tipo de plantas actúan como cultivo rexenerador e mellorante do solo, de maneira que favorecen unha mellora no rendemento do seguinte cultivo pola fixación de nitróxeno e o aporte de materia orgánica.

Ao enterrar os cultivos mellorantes na profundidade do millo (20-25 cm) apórtanse nutrintes e materia orgánica

A maiores do nitróxeno atmosférico almacenado grazas á acción do rizobium, e do resultante da mineralización da materia orgánica tralo enterrado, boa parte destas especies mellorantes teñen unha raíz pivotante que explora unha profundidade maior, captando os nutrintes que o solo almacena e traéndoos cara a capas superiores, onde poden ser aproveitados polos demais cultivos.

A raíz pivotante do nabo ou a colza explora superficies máis profundas, traendo nitróxeno e potasio e facendo dispoñibles estes nutrintes para o seguinte cultivo

Ocorre no caso das brassicas, por exemplo, que son ricas en nitróxeno e potasio, pois especies como o nabo ou a colza teñen unha raíz pivotante que se vai a máis profundidade ca outros cultivos coma o millo, con raíces máis superficiais (20-25 cm), facendo emerxer nutrintes que se van a zonas máis profundas, como potasio ou nitróxeno.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información