Condicionalidade reforzada da PAC, estes serán os requisitos ambientais para cobrar as axudas

O novo periodo da PAC, que se iniciará no 2023, elevará o listón das boas prácticas agrarias que deben cumprir as explotacións para percibir os apoios europeos. Repasamos as liñas da normativa que se aveciña

Publicidade
Condicionalidade reforzada da PAC, estes serán os requisitos ambientais para cobrar as axudas

O trevo contará como cultivo fixador de nitróxeno a efectos da condicionalidade da PAC.

A nova PAC virá marcada por unha arquitectura verde que fixa maiores obxectivos ambientais e de loita contra o cambio climático. A base da arquitectura verde da PAC será unha condicionalidade reforzada, que ós requisitos da actual condicionalidade suma ós do pago verde (greening) e outros novos. Todos estes requisitos serán obrigatorios a partir do 2023 para percibir as axudas europeas. De non cumprilos, o produtor exporase a penalizacións económicas.

A maiores da condicionalidade reforzada, cada país deseñará compromisos adicionais en materia ambiental para abonarlle pagos adicionais ás explotacións. Serán os pagos agroambientais e os chamados ecoesquemas, que en España xa contan cun primeiro borrador, sobre o que o sector fixo alegacións e propostas.

Normas da condicionalidade reforzada
Repasamos a continuación os requisitos xerais de boas prácticas ambientais e agrarias, así como os requisitos legais de xestión, que terán que seguir as explotacións para cumprir coa condicionalidade reforzada. Esta condicionalide reforzada esixiráselle a tódalas explotacións, incluídas as que agora estaban exentas por figurar no réxime de pequenos agricultores.

A norma concretarase no primeiro semestre do 2021, cando estarán listos os regulamentos europeos da nova PAC e o Plan Estratéxico Nacional de España, agora en fase de negociación e elaboración. Unha das cuestións pendentes de definir é a normativa de condicionalidade referida ó uso de puríns, que tamén dependerá das esixencias do futuro decreto de nutrición sostible dos cultivos.

  • Mantemento de pastos permanentes
  • O obxectivo principal é evitar a conversión de pastos permanentes a outros usos agrícolas, de xeito que se preserven así as reservas de carbono do solo. Usarase a campaña 2015 como periodo de referencia e cada ano verificarase que, a nivel estatal, non se produciu unha conversión superior ó 5% de pastos permanentes a outros usos.

    De superarse esa cifra, obrigaráselle ós produtores afectados a restaurar pastos permanentes.

  • Protección de humidais e turbeiras
  • Definirase unha nova capa no Sigpac na que se incluirán os humidais e turbeiras a protexer pola súa función de sumidoiro de carbono. Tamén figurarán as parcelas agrícolas afectadas por esa zonificación. Posteriormente definiranse os niveis de protección e as prácticas agrícolas permitidas.

  • Prohibición de queima de restrollos de cultivos herbáceos
  • O obxectivo principal da norma é aumentar os contidos de materia orgánica no solo.

  • Rotación ou diversificación de cultivos para preservar o potencial do solo
  • O potencial do solo depende de diversos factores, como a estrutura, a materia orgánica, o contido químico, os microorganismos ou a presenza de pragas e enfermidades. A rotación enténdese que é beneficiosa para todos estes factores e que aumenta a biodiversidade. Poderanse valorar excepcións á rotación en determinados cultivos, como a alfalfa.

  • Porcentaxe de terras de cultivo para superficies non produtivas
  • A actual superficie de interese ecolóxico (Sie) da PAC terá continuuidade con esta norma. O obxectivo é mellorar a biodiversidade, para o que se esixirá unha porcentaxe mínima de terras en barbeito; superficies con cultivos fixadores de nitróxeno, como o trevo; elementos da paisaxe (árbores illadas, charcas, muretes de pedra seca) e/ou franxas de protección dos cauces fluviais, etc.

    Prevese que no 2021 conclúa á incorporación ó Sixpac dos elementos da paisaxe, pois actualmente estanse facendo traballos de detección dos mesmos por fotointerpretación.

  • Creación de marxes de protección á beira dos ríos
  • En zonas designadas como vulnerables a nitratos -que non existen polo de agora en Galicia-, respetaranse as franxas de protección establecidas para os cursos fluviais, sen aplicar fertilizantes e sen ter produción agrícola nelas. A aplicación de fitosanitarios respetará unha marxe de 5 metros.

  • Xestión do laboreo para evitar a degradación do solo
  • Non se labrará a terra na dirección da máxima pendente cando este pendente sexa igual ou superior ó 15%, salvo que existan bancais. Esta norma non será de aplicación en parcelas menores a 1 hectárea ou en fincas alongadas e estreitas no sentido transversal á pendente.

  • Mínima cobertura do solo en periodos e áreas sensibles
  • En terras de cultivo, non se poderá labrar a terra trala colleita e antes da presementeira. En cultivos leñosos, sempre que haxa rúas nas liñas de máxima pendente, terá que haber cobertura vexetal cun mínimo dun metro de ancho. Non se aplica en fincas de menos dunha hectárea.

Requisitos legais de xestión

Xunto cos compromisos de boas prácticas, a condicionalidade reforzada establece unha serie de requisitos legais de xestión. Entre eles, figuran os seguintes:

– Evitar a contaminación das augas por nitratos. As explotacións deberán contar cun caderno no que anoten para cada finca as datas de aplicación de fertilizantes e abonos orgánicos, así como as cantidades.

– Uso sostible de praguicidas. Verificarase que o produtor cumpre coa obriga de inspección de equipos de aplicación de fitosanitarios e que conta co carné pertinente de aplicador.

– Benestar dos animais. Establécense unha serie de directrices para garantir o benestar de xatos de recría e do resto de animais das granxas.

– Normas para garantir a seguridade alimentaria dos produtos destinados a alimentación animal e humana.

– Conservación de aves: non abandonar residuos como plásticos, cordas ou aceites nos terreos da explotación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información