As importacións lácteas a España dispáranse nun momento de mercado en fráxil equilibrio

As entradas de leite e nata do exterior dobráronse en xaneiro deste ano, en comparación co mesmo mes do 2022, en tanto as importacións de queixos foron as máis altas dun mes de xaneiro en toda a serie histórica. Analizamos a situación do sector lácteo

As importacións lácteas a España dispáranse nun momento de mercado en fráxil equilibrio

Queixos nunha cadea de 'hard discount'. / Imaxe de arquivo.

O mercado lácteo está nervioso, sen unha perspectiva clara do que pasará nos próximos meses. Logo de cinco meses consecutivos de aumento das entregas de leite a nivel da UE, os prezos comenzaron a descender a inicios de ano, tras tocar teito en decembro. O que suceda nos próximos meses dependerá de se o crecemento das entregas continúa sendo modesto e de se a demanda se mantén forte. É o escenario que debuxou estes días o Observatorio do Sector Lácteo europeo nunha das súas reunións plenarias.

O caso español comparte a incertidume xeral, pero con particularidades propias. En España, igual que nos países veciños, Portugal e Francia, as entregas de leite mantéñense en descenso. Cos datos de xaneiro e febreiro, a produción española sitúase un 2,1% por baixo da do mesmo periodo do 2022. Con menos oferta de leite no campo, o sector gandeiro razoaba estes días que non era comprensible o descenso do prezo do leite que propoñen as industrias lácteas para os novos contratos coas granxas.

O problema é que industrias lácteas e cadeas de distribución están compensando a menor produción de leite en España cun significativo aumento das importacións de lácteos. En xaneiro, entraron en España 25.300 toneladas de leite e nata (concentrado ou sen concentrar). Son máis do dobre das importadas en xaneiro do 2022. Desde o fin das cotas no 2015, só un mes de xaneiro, o do 2016, supera ese volume de importacións.

O aumento das compras de queixos ó exterior é un segundo factor a considerar, pois as importacións de queixos en xaneiro deste ano, 26.117 toneladas, son as maiores dun mes de xaneiro en toda a serie histórica, cun aumento de arredor de 4.500 toneladas en relación a xaneiro do pasado ano. O asunto é mesmo máis problemático que o aumento das compras ó exterior de leite e nata, se se teñen en conta os volumes en leite equivalente e outros aspectos, como a facilidade de transporte e distribución ós puntos de venda.

Escenario actual do sector e perspectivas

Así as cousas, as perspectivas do sector lácteo en España semellan ligadas ó que vaia sucedendo en Europa. Analizamos o escenario que se presenta para os próximos meses.

  • Aumento da produción mundial. En xaneiro, a produción aumentou un 1% na UE en relación ó mesmo mes do 2022. É o quinto mes de subas consecutivas de entregas de leite. Tamén está medrando a produción en Estados Unidos, outro dos grandes produtores mundiais, e Nova Zelanda semella igualmente na senda do crecemento, o que contrarresta as menores entregas de Australia e doutros países do Sur.
    Canto tempo continuará ese aumento da produción?. Pois é difícil de pronosticar. Hai que ter en conta que os prezos do leite no campo están baixando, cunha caída de 3,6 céntimos en Europa entre decembro e febreiro, o que previsiblemente levará a menores entregas.

    A maiores, é previsible que aumenten os sacrificios de vacas e a consecuente redución da cabana gandeira, pois hai sacrificios retrasados do 2022 e bos prezos da carne de vacún maior.

    No outro lado da balanza, este inverno houbo bo tempo para a produción de pastos en Europa e os custos de alimentación evolucionan á baixa.

    A previsión do Observartorio do Sector Lácteo europeo é que as entregas medren lixeiramente no primeiro semestre e baixen no segundo, en especial no último trimestre do ano.

  • Alimentación animal. Os prezos aliviáronse nos últimos 4 meses, pero seguen sendo un 75% máis altos que no 2020 e nos anos previos. A cebada, o trigo e as oleaxinosas semellan á baixa, en tanto a soia e o millo mantéñense aínda fortes.
  • Outros custos. O barril de petróleo abaratouse arredor dun 33% en relación ó verán pasado, o que permitiu controlar os custos enerxéticos. Parte dos fertilizantes, como a urea, están baixando tamén, en tanto outra parte mantense estable.
  • Exportacións. As perspectivas de exportación son boas este ano. Pénsase que a UE pode aumentar as vendas ó exterior de queixos, manteiga e, en especial, de leite en po.
    China no 2022 reduciu as súas compras, pero a previsión é que no segundo semestre do 2023 recupere peso, se ben haberá que ter en conta factores como a evolución da Covid en China e a situación económica do país.
  • Prezos dos produtos lácteos industriais. Os prezos do leite en po e da manteiga continuaron baixando este primeiro trimestre do ano, en ambos casos arredor dun 12%, pero mantéñense aínda nunha boa situación de prezos, entre un 7 e un 10% por riba da media dos últimos cinco anos.
    En queixos, a situación é mellor, con case tódolos queixos cotizando a prezos superiores ou case iguais ós de hai un ano e con valores entre un 28 e un 42% maiores ós da media dos últimos cinco anos.

    Os stocks europeos son normais en tódolos produtos lácteos industriais.

  • Inflación. A inflación en España non está tendo repercusión nunha menor compra de lácteos, pero si que se detecta que os consumidores se decantan máis por produtos máis baratos e marcas brancas.

    No 2022, houbo un menor consumo de lácteos no fogar, pero hai que ter en conta que o 2021 estivera marcado polos peches da hostelería e por un consumo anormalmente alto no fogar.

  • Leite ecolóxico. O prezo do leite ecolóxico sitúase en España en 64,1 céntimos (60,1 de media en Europa), polos 60,3 que acadou o leite convencional en febreiro. Iso supón unha prima de 3,8 céntimos adicionais, que é exactamente a diferenza media que hai en Europa no campo entre leite convencional e ecolóxico.
    Os catro maiores produtores de leite ecolóxico en Europa (Alemania, Francia, Austria e Dinamarca) copan un 81% da produción, cun diferencial importante de prezo entre países: dos 66 céntimos de Dinamarca ós 51 de Francia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información