O Sindicato Labrego acusa ás industrias lácteas de querer aumentar beneficios baixando o prezo do leite no campo

A organización agraria, que considera "inxustificadas" as propostas de baixadas, valora accións informativas cos consumidores

Acción de protesta do SLG polos baixos prezos do leite no ano 2015

Acción de protesta do SLG polos baixos prezos do leite no ano 2015. / Arquivo.

O Sindicato Labrego Galego rexeita as ofertas de renovación de contratos que están chegando ás granxas de leite, con propostas de prezo con baixadas importantes respecto ao que están a cobrar neste momento e iniciará accións de denuncia pública que poñan o foco nas industrias que abandeiran esta baixada, sinalando as súas marcas comerciais e informando ás persoas consumidoras para visibilizar que parte da distribución está a quedar coas marxes de beneficios.

“Unha vez máis, a estratexia da industria é engordar os seus beneficios a costa de estrangular o elo máis desprotexido da cadea: as granxas. Estamos a comprobar que, independentemente do produto que transformen ou do segmento de mercado diferente no que traballen, o que hai é unha baixada orquestrada dos prezos por parte das empresas”, denuncia Xulio Fernández, coordinador do sector leiteiro no SLG. 

Unha vez máis, a estratexia da industria é engordar os seus beneficios a costa de estrangular o elo máis desprotexido da cadea: as granxas

“Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas estamos a facer un seguimento polo miúdo desta estratexia de presión operada polas industrias lácteas, a través da cal procuran aumentar inxustificadamente a súa marxe de beneficios nun contexto comercial no que non se produciron baixadas de prezo ás persoas consumidoras, nin unha baixada do consumo, nin existe un aumento da produción suficiente para influír na demanda”, considera. 

“Coaccións” ás granxas para que acepten a oferta presentada

“Esta situación de coacción ás gandeiras e gandeiros estase agravando coa chantaxe que algunhas industrias están a realizar cos propios contratos. Lonxe de respectar a obriga vixente dende o 30 de xuño de inscribilos no rexistro de contratos na Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) antes da súa entrada en vigor, están a comunicalles por escrito ás granxas que no caso de non asinar os contratos e entregar o leite asumen a aceptación automática da proposta de contrato ofertada pola industria”, denuncian.

O Sindicato Labrego Galego xa procedeu a denunciar esta práctica ante a AICA, dependente do Ministerio de Agricultura, xa que considera que non é un método válido para dar por aceptada a relación contractual entre produtores e industrias. 

Xuntanzas cos grupos políticos ás portas das eleccións

Ao longo desta semana o SLG manterá xuntanzas con representantes dos grupos políticos a fin de trasladarlles que o “desequilibrio de forzas na cadea de produción láctea está impactando unha vez máis no elo máis débil: as granxas”.

A prórroga da supresión do IVE do leite está a privar de certa liquidez ás granxas

“Dende o SLG defendemos o establecemento de prezos de abaixo cara arriba, que tomen como punto de partida os custos de produción e a remuneración do traballo da base da cadea produtiva, as gandeiras e gandeiros, e que os beneficios ao longo da cadea sexan articulados, como en calquera eido profesional, en base ao respecto da normativa a aplicar. Neste caso, canto menos, a Lei da Cadea Alimentaria, que de contar coa vontade da Xunta de Galicia e o Ministerio para a súa aplicación, debería ter impedido estratexias colectivas de baixada de prezo como as que as industrias lácteas nos están a impoñer arestora”, conclúe Xulio Fernández. 

“A Xunta é cómplice dos abusos das industrias lácteas”

O Sindicato Labrego Galego acusa á Xunta de “actuar como cómplice necesaria nos abusos das industrias lácteas”. “A Xunta failles un grande favor incumprindo o seu compromiso de publicar a evolución dos custos de produción, dificultando con iso o cálculo dun prezo final por litro que cubra custos e remunere o traballo”, argumentan. 

“Logo de décadas denunciando a posición de superioridade coa que as industrias lácteas impoñen o prezo ás granxas, coas que negocian de unha en unha, a Xunta segue sen proporcionar as ferramentas e o escenario axeitado para poder desenvolver unha estratexia de negociación colectiva, como está perfectamente normalizado na práctica totalidade dos sectores laborais”, insisten.

“As actuais ameazas de baixadas de prezos prodúcense nun momento no que os custos de produción mantéñense altos, sen que de momento se noten baixas importantes en insumos principais como a alimentación, e nalgunhas zonas a seca condiciona a produción de forraxes”, explica Xulio Rodríguez. 

As industrias están a impor unilateralmente os prezos que lles peta

“Cada vez vemos máis incumprimentos da Lei da Cadea: empresas que tratan de impoñer unilateralmente prezos abusivos mesmo por debaixo de custos de produción, empresas que non fan as ofertas no prazo que indica a Lei, contratos a curto prazo, etc”, denuncia o Sindicato Labrego.

Ademais, engade, “nos últimos tempos estase a ver novamente a entrada de leite e derivados lácteos de fóra, sen que a Administración sexa transparente e aclare esta situación, nin tome medidas ao respecto, no que supón outra ameaza para a supervivencia do sector”. 

O conselleiro, “calado e desaparecido”

Xulio Rodríguez lembra que “até o de agora, nas puntuais ocasións nas que houbo subas de prezos do leite, ao conselleiro faltoulle o tempo para saír de contado afirmando que era mérito do traballo da Consellaría. Agora, na que a imposición de prezos á baixa, a entrada de leite de fóra e os flagrantes incumprimentos da Lei da Cadea condicionan o escenario a favor das Industrias, o conselleiro e a Xunta están desaparecidos, mentres a sangría de peche de granxas de leite continúa agravándose: das 6.251 que había fai un ano, xa só quedamos 5.892”, detalla.

“O que necesita o sector é transparencia e unha Administración que pare as baixadas de prezo e cumpra coa súa responsabilidade de facer respectar a Lei da Cadea. Pero a Xunta, lonxe de cumprir coa súa responsabilidade de velar por unha aplicación real da Lei, vai na contra do obxectivo propio da mesma, introducindo modificacións para que poidan acceder ás axudas empresas sancionadas en firme por incumprir a Lei da Cadea Alimentaria. É o caso, por exemplo, de Inleit, que incumpriu os contratos asinados coas explotacións e agora a Xunta vai premiala con axudas públicas”, critica o SLG. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información