Inleit comunica aos gandeiros unha baixada de 4 céntimos no prezo do leite deste mes de marzo

A industria afincada en Teixeiro deu liberdade aos produtores para cambiar de empresa e algúns xa se marcharon a Río. Larsa e Entrepinares non moven ficha polo momento de cara á renovación de contratos

Inleit estandar

Camións descargando na planta de Teixeiro, que procesa o leite procedente de 200 explotacións e de outras industrias

Achégase o momento de renovación da maioría dos contratos de entrega do leite en Galicia con todo no aire e coas empresas mirándose de reollo. Agárdanse movimentos nos vindeiros días pero a primeira en tirar a pedra foi Inleit, que comunicou ás 200 granxas que subministran á planta de Teixeiro unha baixada de 4 céntimos para o mes de marzo.

A industria aplicara unha subida no mes de decembro que durou pouco. En xaneiro xa baixou dous céntimos, deixando o prezo base en 57,50 céntimos, máis prima por volume máis dobre A en calidade hixiénico-sanitaria, o que incrementaría o prezo ás explotacións máis grandes até os 59 céntimos. Ese mesmo prezo mantense para febreiro pero coa baixada de 4 céntimos para marzo o prezo base quedaría en 53,50 céntimos, chegando a 55 céntimos no mellor dos casos.

Os prezos de Inleit nas granxas de máis produción situábanse até agora no nivel de Entrepinares, Lactalis ou Celta

Eses valores quedarían sensiblemente por debaixo do que están a pagar o resto de industrias a día de hoxe en Galicia. Entrepinares, por exemplo, pagou en xaneiro a 58 céntimos máis calidades (5 euros por tonelada a partir de 3,80% de graxa e 7 euros a partir de 3,20% de proteína). Non se sabe aínda cal será o prezo de febreiro da queixería de Vilalba, mais non se agardan grandes diferenzas con xaneiro. É un prezo similar ao que están a pagar tamén Lactalis ou Celta.

Río recupera o terreo perdido

O anuncio de baixada de prezo de Inleit provocou xa a marcha de produtores cara a outras empresas, como Celta, Reny Picot ou Río, favorecido pola actitude da propia empresa de Teixeiro, que deu certa liberdade aos gandeiros para cambiar de industria.

Desde Leite Río prefiren non confirmar estes movementos, que se circunscribirían unicamente a unhas poucas granxas para completar algunha das rutas de recollida, e insisten en que a intención da empresa é seguir na mesma liña de traballo mantida desde a chegada de Carmen Lence, tentando manter e fidelizar ás súas granxas provedoras de leite.

Leite Río fora a industria máis prexudicada pola chegada de Inleit a Galicia no ano 2020, cunha perda dun cento de ganderías

A aterraxe de Inleit en Galicia no ano 2020 provocara unha fuga masiva de gandeiros de Leite Río cara a nova industria, comprometendo o subministro ás plantas do Grupo Lence en Lugo e Arteixo e obrigando á empresa galega a buscar novas granxas subministradoras. Por iso, o movemento de Inleit cara a Río ten unha parte de devolución do golpe recibido no seu día. 

De bos prezos a unha certa decepción

Non é a primeira vez que Inleit aplica unha baixada unilateral no prezo do leite aos seus gandeiros. O pasado 29 de xaneiro comunicaba unha baixada de dous céntimos no prezo a pagar para o leite xa recollido nese mes e en xuño do ano 2020 enviaban unha comunicación aos 146 gandeiros que lles entregaban o leite naquel momento cun descenso de entre 2 e 3 céntimos por mor dos efectos da covid-19 e os retrasos na entrada en funcionamento da planta de Teixeiro.

Aquela decisión provocou que algúns dos gandeiros prexudicados levaran á empresa aos tribunais, que deron a razón aos produtores que recurriron no xulgado o incumprimento de contrato por parte da industria.

A AICA multou a Inleit con 9.000 euros por prácticas abusivas fronte aos gandeiros

Sen embargo, nesta ocasión a situación é diferente, xa que Inleit segue co contrato en vigor de abril de 2022, aplicando as subas dos últimos meses en primas fóra das establecidas no contrato, o que segundo a empresa lexitimaría unha baixada unilateral.

O proxecto de Inleit, que recibiu o apoio explícito da Xunta para a súa implantación en Galicia, foi acollido no seu momento con esperanza por parte do sector produtor. Sen embargo, moitos dos gandeiros que se pasaron á nova industria síntense agora “decepcionados”, sobre todo “polas formas e a pouca seriedade”. De feito, a AICA vén de sancionar recentemente á empresa por estas prácticas cunha multa de 9.000 euros, tras unha denuncia do sindicato Unións Agrarias.

Gran dependencia dos mercados internacionais

Inleit é o resultado da unión en 2017 de Lácteos Industriales Agrupados (LIASA), con planta en Guadalajara, y Richs Products Corporation, multinacional norteamericana con sede en Búfalo (Nueva York).

O grupo investiu en Teixeiro 130 millóns de euros nunha moderna factoría de 12.700 metros cadrados que ten capacidade para procesar 700.000 litros diarios cos que obter distintos produtos derivados en base á proteína láctea.

A planta de Teixeiro foi dimensionada para máis volume do que está traballando neste momento

A planta ten capacidade para tratar o 9% da produción láctea total de Galicia. Con todo, funciona na actualidade a menos do 50% da súa capacidade, cunha previsión para o ano 2022 de procesar 320 millóns de litros de leite.

Ademais do leite que recolle directamente en máis de 200 granxas, en certa medida Inleit funciona tamén como regulador do mercado interno do leite en Galicia, absorbendo os excedentes de outras empresas e cooperativas.

Inleit perdeu clientes en China e mantén un importante stock de produto almacenado na súa planta de Teixeiro

Inleit está centrada na elaboración de produtos industriais e tamén por iso está máis exposta á volatilidade dos mercados internacionais, con prezos do leite en po ou a manteiga que chegaron a máximos históricos na primavera pasada pero que comezaron a baixar desde entón, mantendo nestes momentos niveis máis moderados.

A empresa de capital español e americano exporta os seus produtos a 40 países. Dous terzos das vendas realízanse tanto na UE como en Asia, África, América e Oriente Medio. A situación de mercado sería delicada nestes momentos para Inleit, debido a que á baixada das cotizacións internacionais engadiríase a perda de clientes en mercados clave como o chinés, o que tería provocado un importante stock de produto.

Punta de lanza dunha baixada xeralizada?

Entre o sector produtor de leite en Galicia preocupa notablemente o movemento efectuado por Inleit, ante o temor a que arrastre a outras industrias que estaban agardando algún tipo de movemento entre as empresas que compran leite na comunidade para levar a cabo unha corrección xeralizada dos prezos á baixa.

Ao igual que a decisión de Entrepinares no mes de setembro de subir 6 céntimos o prezo do leite en orixe desencadeou a escalada de prezos que se viviu ata decembro, témese agora que a decisión de baixada por parte de Inleit abra unha fase de descensos cando os custos de produción por parte das granxas continúan a ser elevados.

As industrias queren baixar o prezo e estaban agardando a que algunha dera o primeiro paso

A palabra máis repetida neste momento desde o ámbito industrial é “incertidume” a respecto xa non só do que vai acontecer a medio e longo prazo, senón mesmo no máis inmediato, a un ou dous meses vista. Isto está a provocar que a estas alturas, a menos dun mes para a renovación da maioría dos contratos, non haxa aínda ofertas en firme nin se teña iniciado formalmente a negociación entre industrias e gandeiros.

Os prezos de febreiro, aínda no aire

Ningunha empresa quere falar do mes de abril e as ofertas de última hora, con contratos a moi curto prazo, están a ser a tónica xeral para a renovación da compra de leite en Galicia esta primavera.

Nesta situación de máxima incerteza e logo de prezos históricos pagados no campo nos últimos meses, a día de hoxe moitos gandeiros non saben nin sequera a que prezo van cobrar o leite entregado no mes de febreiro.

As ofertas de última hora con contratos a moi curto prazo están a ser a tónica xeral para a renovación da compra de leite en Galicia esta primavera

As granxas que entregan a Larsa, Lactalis ou Entrepinares finalizan contrato a finais de marzo, mentres que as de Celta fano a finais de abril. Lactalis fixo unha primeira oferta a 57,50 céntimos pero no caso de Larsa, Celta, Entrepinares ou Leite Río nada se sabe.

Cooperativas como Aira ou Clun van a rebufo nas subidas, pero tamén nas baixadas. O compromiso da cooperativa xurdida da unión de Feiraco, Clun e Melisanto cos seus socios é pagar por riba da media do Observatorio Lácteo de Galicia, con estratos diferentes en función do consumo de produtos e servizos á cooperativa.  

As industrias buscan efectuar baixadas sen perder provedores para asegurarse o aprovisionamento

A intención xeralizada das industrias de cara á renovación de contratos en abril é aplicar unha corrección á baixa nos prezos mais buscan facelo sen correr o risco de perder aprovisionamento nun momento no que a produción non logrou aínda recuperarse.

Ofertas no último día de contrato

Malia que o Paquete Lácteo e a Lei da Cadea Alimentaria, coas sucesivas reformas aprobadas para protexer os intereses dos produtores, fixan un mínimo de dous meses para a presentación das ofertas de renovación por parte das industrias, este prazo non está a ser cumprido por practicamente ningunha das empresas que recollen leite en Galicia.

Algunhas, como Reny Picot, mesmo fan chegar o prezo de renovación aos produtores o mesmo día que vence o contrato. Foi o que aconteceu onte a granxas da provincia de Lugo que subministran á empresa asturiana.

A regulación aprobada nos últimos anos non está a servir para protexer de xeito efectivo os intereses dos produtores

“Hoxe era o último día de contrato e foi cando nos comunicaron a oferta de renovación. Antes enterábaste do prezo cando che chegaba o talón para cobrar o leite do mes, agora entéraste un pouco antes, o primeiro día que che levan o leite”, queixábase onte o gandeiro.

 A oferta de renovación de Reny Picot é só por un mes e baixa un céntimo o prezo do leite para marzo (60 céntimos) a respecto de febreiro (61 céntimos). No caso de contratos a tres meses, a rebaixa é de dous céntimos (prezo base de 59 céntimos).

A alimentación do gando, máis cara no 2023 ca no 2022

Na negociación que está a piques de abrirse, a intención dos gandeiros é manter no posible os prezos de finais de ano, que incrementaron notablemente a rendibilidade das granxas, co argumento de que os custos de produción seguen altos.

Os gandeiros argumentan que posto que os custos de produción non baixaron, tampouco o debe facer o leite. A soia e o millo, os dous produtos de referencia que marcan a tendencia do resto de oleaxinosas e cereais empregados na fabricación de pensos, móvense neste momento por enriba dos 600 euros a tonelada no caso da soia e dos 350€ no caso do millo. Nas forraxes, a alfalfa está en 400€.

A isto, habería que engadir os custos da propia alimentación producida polas explotacións. As ganderías están a consumir neste momento os silos de herba e millo recollidos o ano pasado, cando a suba dos combustibles e os fertilizantes supuxo un incremento de 5 a 6 céntimos no quilo de forraxe, un sobrecusto que as granxas non notaron no 2022 na alimentación do gando, pois esa parte da ración procedía das ensilaxes do ano 2021.

O que parecía unha recuperación da produción en países como Francia está a ser un espellismo

Por iso, desde as organizacións agrarias insisten en que “non hai razóns para baixar o prezo do leite neste momento”, debido entre outros factores a que a produción aínda non acabou de recuperarse tralo descenso do ano pasado.

Ademais, móstranse críticos coa actitude que está a manter a Xunta, á que acusan de estar a facer “o traballo suxo ás industrias” con declaracións como as que este martes realizou en Lugo o director xeral de Gandería, José Balseiros, nas xornadas organizadas por Africor.

“A Xunta insiste en que o 2022 foi un ano histórico para o sector, botando man dos datos dun informe que di que os prezos do leite subiron un 65% e os custos un 11% pero que non ten en conta o incremento de custos do ano anterior. O triunfalismo da Xunta non está a axudar e está a ser utilizado pola industria”, insisten desde as organizacións que aglutinan aos produtores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información