Naturleite, a empresa participada ao 100% pola cooperativa cordobesa COVAP e que envasa leite para a cadea de supermercados Mercadona na súa planta de Meira, manterá un prezo de 55 céntimos no mes de abril ás 210 ganderías ás que recolle o leite en Galicia.
Supón polo momento o prezo máis alto nos novos contratos de compra de leite que se están a asinar en Galicia, aínda que ese prezo manteríase só o mes que vén, cunha baixada prevista de 2 céntimos nos seguintes tres meses (maio, xuño e xullo), nos que o prezo base final quedaría en 53 céntimos.
O volume de recollida de Naturleite sitúase neste momento nos 115 millóns de litros anuais
Sería o prezo máximo a cobrar con certificación por bienestar animal e os parámetros máximos de calidade hixiénico sanitaria. A partir de aí, Naturleite desconta por mostra diaria en bacterioloxía cando se superan as 250.000 células e os 50.000 xermes.
En canto ao pago por sólidos no leite, a empresa remunera unicamente a primeira décima de proteína, desde 3,10% a 3,20%, con 0,3 céntimos e a grasa con 0,2 céntimos a partir de 3,70%.
Baixada gradual
Os 55 céntimos do contrato de Naturleite para abril representan unha baixada de 4 céntimos a respecto do prezo que están a cobrar neste momento as súas explotacións provedoras, 59 céntimos. A empresa decidiu non elevar o prezo no mes de decembro, como fixeron a maioría de industrias, que superaron mesmo os 60 céntimos, e busca compensalo agora cunha baixada menos brusca.
Naturleite non subiu en decembro e compénsao agora mantendo un prezo máis alto o mes que vén
Outras industrias, sen embargo, fixeron axustes máis drásticos, con descensos xeralizados por enriba dos 5 e 6 céntimos e que chegaron nalgúns casos aos 8 e 10 céntimos, caso de Danone nos contratos que asinou a comezos de marzo, que pasaron de 62 a 52 céntimos.
Movementos a 4 días da finalización dos contratos
O incumprimento por parte da maioría de empresas do prazo legal de 2 meses para a entrega das ofertas aos gandeiros está a limitar a capacidade de negociación das explotacións. Aínda así, estanse a producir algúns movementos entre industrias.
Existe descontento entre algunhas das granxas de maior volume que entregan a Lactalis
Inleit e Lactalis están a perder algunhas granxas, que están a marchar a empresas como Río ou Entrepinares. A última proposta de Lactalis é un contrato a 4 meses a un prezo fixo de entre 48,60 e 51,60 céntimos, en función do volume da gandería. Ese prezo inclúe xa as primas por dobre A e de certificación por benestar animal. En calidades, a multinacional francesa, que segue sendo a empresa que máis leite recolle en Galicia, paga 0,4 céntimos a décima de graxa que supere o 3,70% e 0,3 céntimos a décima de proteína por enriba de 3,20%.