Denuncian que Inleit trae leite de Portugal para forzar unha baixada de prezo aos gandeiros galegos


Unións Agrarias denuncia a entrada de leite procedente de Portugal na planta de Inleit en Teixeiro (Curtis-A Coruña) como estratexia para baixarlle o prezo aos gandeiros galegos na próxima renovación de contratos prevista para agosto.

A organización agraria asegura que na vixilancia periódica que fan da entrada de leite foráneo en Galicia detectaron que “dende hai semanas entran unha media diaria de tres camións procedentes de Portugal, con picos de 5 ao día, o que supón unha media de 80.000 litros diarios”.

A priori, a medida non se xustificaría por un importante diferencial de prezo neste momento -o leite en orixe en Portugal está arredor de 2 céntimos máis barato que en Galicia- “senón como unha estratexia para forzar unha baixada de prezo aos gandeiros galegos”, segundo advirten dende Unións.

Así, tras a baixada unilateral aplicada esta primavera, que supuxo un recorte do prezo do leite dun 10% para os gandeiros, Unións advirte de que “as industrias pretenden repetir de novo na próxima renovación de contratos prevista para agosto, para a que Inleit está a ofrecer tarifas ata cinco céntimos inferiores ás doutras firmas”.

Neste sentido, consideran “absolutamente inmoral o emprego de materia prima foránea por parte dunha industria punteira que publicamente se gaba do seu compromiso co sector produtor galego e que, ademais, se ten beneficiado de inxentes cantidades de cartos públicos, as últimas unha subvención de 14 millóns de euros da Xunta de Galicia”.

“A entrada de leite portugués na planta de Inleit súmase ao regueiro de incumprimentos, abusos e comportamentos moralmente reprobables por parte dunhas industrias lácteas que, cabe lembrar tamén, teñen recorrido no Tribunal Supremo a prohibición de compra a perdas introducida na Lei de Cadea Alimentaria”, conclúen dende Unións Agrarias.

Una idea sobre “Denuncian que Inleit trae leite de Portugal para forzar unha baixada de prezo aos gandeiros galegos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información