Entrepinares renova contratos por 4 meses a 53 céntimos

Supón unha baixada de 5 céntimos con respecto ao que estaban cobrando neste momento as 170 ganderías que subministran á planta de Vilalba, que segue marcando o nivel máis alto do prezo do leite en Galicia

FINCA CABREIRA (Irixoa) sala de muxido2A renovación de contratos do leite avanza en Galicia. Até esta semana practicamente ningunha empresa moverá ficha, pero nos últimos días todas as industrias están a apurar a sinatura de acordos de subministro coas súas granxas provedoras.

As ofertas da maior parte das industrias inclúen baixadas de entre 6 e 8 céntimos, o que está a facer que o prezo medio en Galicia pase de estar próximo aos 60 céntimos a finais de 2022 a practicamente non superar os 50 neste momento na maioría dos novos contratos.

Na parte alta sitúase unha vez máis Entrepinares (a queixería subministradora de Mercadona está a asinar estes días ofertas cun prezo base de 53 céntimos e unha vixencia de 4 meses) e Pascual, que está a renovar contratos por dous meses que se moven entre os 51 e 53,5 céntimos en función do volume de entregas. 

A estratexia que segue Entrepinares, sen embargo, é a de igualar o prezo base a todos os seus gandeiros, unhas 170 explotacións en Galicia, independentemente do seu volume de produción, de maneira que a única diferenza entre o prezo final a cobrar por uns e outros estaría nos niveis de sólidos, que se endureceron no anterior contrato até un mínimo do 3,80% de graxa e do 3,20% de proteína.

Entrepinares segue apostando polos sólidos, pagando a décima de graxa a partir de 3,80% a 0,5 céntimos e a de proteína a partir de 3,20% a 0,8 céntimos

Unha décima por enriba ou por debaixo dese baremo supón 5 euros máis ou menos en tonelada no caso da graxa e 8 no caso da proteína. Esa é outra das novidades nos novos contratos asinados pola queixería de Vilalba, que segue apostando polos sólidos e incrementa de 0,7 céntimos en litro a 0,8 o valor da décima de proteína.

Crecemento en Galicia nos vindeiros anos

Entrepinares proxecta ampliar nos vindeiros meses a súa planta de Vilalba, que incrementará nun terzo a súa capacidade produtiva. As obras comezarán de xeito inminente, unha vez foron declaradas iniciativa empresarial prioritaria por parte da Xunta, e a nova instalación estará operativa no 2024.

É a terceira ampliación da factoría desde a súa creación no ano 2010, coa que a empresa busca poder fabricar a maior escala en Vilalba queixo con mestura de leite de vaca, ovella e cabra. Entrepinares produce actualmente na súa planta, ubicada no Polígono de Sete Pontes, 40 millóns de quilos de queixo, fundamentalmente de vaca, e 10 millóns de quilos de derivados lácteos  trala construción dunha planta de tratamento de soro, unha torre de secado que permite facer tamén leite en po.

O aumento da produción de queixo da empresa de Valladolid en Galicia nos últimos anos levouna a ampliar tamén o número de ganderías provedoras, chegando a recoller o pasado ano 192 millóns de litros de leite. De cara á actual renovación de contratos esa tendencia mantense, prevendo chegar neste 2023 aos 200 millóns de litros de leite, froito tanto da captación dalgunha granxa máis como do aumento de produción das xa existentes. A ampliación da factoría auguraría un incremento deste volumen de recollida nos vindeiros anos.

Baixada de entre 5 e 6 céntimos do Grupo Lence

Outra das industrias que comezou este venres a asinar contratos de renovación é o Grupo Lence, propietario de marcas como Río de Galicia e Leyma. As ofertas da empresa lucense inclúen unha baixada do 10%, entre 5 e 6 céntimos, o que deixa o prezo final por debaixo dos 50 céntimos, agás algún caso puntual de explotacións de gran volume de entregas.

O Grupo Lence, que recolle uns 850.000 litros ao día (310 millóns de litros ao ano) conta con tres escalas de prezos en función do tamaño das súas 350 ganderías, o que deixa diferenzas de prezo de até 4 e 5 céntimos entre unhas e outras. A maiores destas primas por volume, estarían as de calidade hixiénico-sanitaria (a super A págase por baixo das 250.000 células somáticas e 30.000 xermes) e a de composición físico-química (0,3 céntimos a décima de graxa e proteína a partir de 3,70% de graxa e 3,20% de proteína).

Non se coñece aínda a oferta de Naturleite, que finaliza contratos o 31 deste mes

Non se coñece de momento cal vai ser a oferta de Naturleite, que finaliza contratos o 31 deste mes, nin tampouco a de Leche Celta, que remata o 30 de abril. Pascual, pola súa banda, ten granxas que acaban en marzo e outras que o fan o mes que vén.

As primeiras están xa tamén a renovar estes días cun prezo que se move entre os 51 e os 53,5 céntimos, en función das primas por volume, certificación de benestar animal e dobre A, pero cunha duración de contrato de tan só dous meses. A empresa con sede en Aranda de Duero, que recolle o leite a unhas 80 explotacións en Galicia, é nese momento das que se atopan pagando máis o leite, con prezos próximos aos 60 céntimos nas granxas que finalizan, por exemplo, os seus contratos en abril. 

2 ideas sobre “Entrepinares renova contratos por 4 meses a 53 céntimos

  1. María

    Falta saber canto vos pagan as industrias para que lle metades medo á xente. O prezo do leite estámolo baixando os propios gandeiros e vós axudando.

    Contestar
    • David González Iglesias

      María, a nós as industrias lácteas non nos pagan nada, simplemente informamos con independencia, tanto de cando soben os prezos -o oxalá fóra así sempre- como de cando baixan. Ocultando a información e publicando soamente o que lle gustaria ler á nosa audiencia -a maior parte gandeiros e gandeiras, aos que nos debemos informativamente- sería autoengarnarse e facer un fraco favor aos produtores. Canta máis información teñan mellor poderán tomar os produtores as súas decisións. Saúdos

      Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información