Archives

Véndese rabaño de ovellas de raza dorper

A raza dorper, orixinaria de Suráfrica, é moi rústica e non precisa ser esquilada Véndese rabaño de ovellas de raza dorper, composto por 130 animais (3 machos e o resto reprodutoras, tanto brancas como de cabeza negra, de idades comprendidas entre o 2014 e o 2022). Atópase na parroquia dos Vilares, en Guitiriz, e as ovellas véndense por lotes ou individualmente. A explotación foi socia de OVICA e foi unha das pioneiras da introdución da raza dorper en España. O seu propietario, Juan Veres, faleceu fai un mes e a súa familia vese obrigada a vender o gando ao non dispoñer do tempo necesario para facerlle fronte ao traballo que require a granxa.  "O meu pai era quen levaba as ovellas e nós temos outros traballos e non podemos atendelas. Agora mesmo están cubertas porque entre os meses de xaneiro e marzo estiveron cos machos", explica a súa filla, Antía Veres. A raza dorper é unha raza de vocación cárnica de orixe surafricana que ten como característica principal que pela soa, polo que non é necesario ter que esquilar as ovellas, o que reduce os custos e a man de obra necesaria para este traballo anual. 
A raza dorper non precisa ser esquilada, o que reduce os custos na explotación
Neste rabaño hai presentes liñas xenéticas diferentes procedentes de Australia e de Suecia. "Son animais moi rústicos e cunha moi boa capacidade de adaptación ao medio galego", explica Antía.  Ademais, conta, "son moi prolíferas, a media na explotación é de 1,7 crías por ano, e son moi capaces de criar elas soas, sen supoñer un traballo engadido sacar os años adiante na época de parideira".  As persoas interesadas poden contactar con Antía no teléfono 628 822 397.

Cursos de prevención de danos da fauna ó gando en Carral e na Pontenova

A Organización de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia organiza unhas xornadas sobre prevención ante ataques ao gando por fauna silvestre. Estas xornadas celebraranse nos concellos de Carral, o 19 de abril, e A Pontenova o 26 de abril. Os obradoiros serán de balde e abertos ao público xeral. Este é o programa común ás dúas palestras: 09h-14h -"O lobo e outros depredadores do norte galego: coñecer máis para protexer mellor". Óscar Chao Penabad, Asociación Rebinxe. -"Sistemas eficaces de protección contra ataques". José Vicente López Bao, científico titular do CSIC. -"Tipos de peches para protección do gando". Tito de Trafogal. En ambas reunións haberá unha visita programada despois do xantar. Así, en Carral a comida será no 'Avelino Mesón do Vento' e na Pontenova será no hotel-restaurante "San Briz". Para inscribirse no curso e máis na comida: 669 12 89 46 - ovica@ovica.org As visitas serán ás 16:30 até as 19:30. -En Carral será á granxa Monte Xalo. -Na Pontenova será á granxa Alejandro Salvatierra.

Xornada técnica de ovino e caprino en Lugo

A Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galici (OVICA) e a ADSG ACIVO organizan o vindeiro 7 de outubro unha xornada técnica de ovino e caprino. A cita será o día 7 de outubro no Pazo de Feiras de Lugo, coincidindo coa feira A Rural. Velaquí o programa:

O futuro do sector cárnico en Galicia a debate este xoves na VII Reunión Casal de Armán

Expertos, académicos, empresarios e cooperativistas participarán o próximo xoves 8 de xuño na VII Reunión Casal de Armán para abordar o futuro do sector cárnico en Galicia. O encontro celebrarase, como ven sendo habitual, no Casal de Arman, en Ribadavia (Ourense). O encontro, organizado polo Foro Económico de Galicia, será inaugurado polo seu presidente, Emilio Pérez Nieto. O primeiro dos relatorios da mañá abordará a “Estratexia de dinamización do sector cárnico de Galicia 2022-2030. Contexto xeral e principais medidas e accións”. Correrá a cargo de José Manuel Andrade Calvo e Alfonso Ribas Álvarez, da Fundación Juana de Vega, que exercen tamén de coordinadores da xornada. A segunda mesa da mañá abordará os “Retos e perspectivas de futuro do sector cárnico” e participarán Alberto Herránz, Organización Interprofesional Agroalimentaria do Porcino de Capa Blanca (Interporc), Javier Lóper, da Organización Interprofesional de Carne de Vacún (Provacuno) e Tomás Rodríguez, da Interprofesional do ovino e caprino (Interovic). A última presentación da mañá centrarase na produción galega con distintos actores do sector galego como empresas ou organizacións. Nesta mesa intervirán Emilio Rial (Coren), José Manuel Núñez Torre (Torre de Núñez), José Ramón González (Unións Agrarias), Pablo Meijomín Fidalgo (Fegapor), Jesús González Vázquez (Ternera Gallega). Pola tarde, será quenda para os produtores de razas autóctonas e pequenas producións en Galicia. Abordarán os problemas actuais e retos de futuro que se lle presentan. Participarán Iván Rodríguez Paz (Asoporcel), Laura Arias González (Acruga), José Ramón Justo Feijóo (Boaga), Amaia Santamarta (Ovica) e Isabel Casariego Vierna (Puraga).

-Consulta aquí o programa en detalle.

 

Granxa A Ciruxana, a aposta dun mozo por darlle valor á ovella galega

Xoán, no medio das súas ovellas en Ardexarxe (Viana do Bolo) Xoán González Alonso é un mozo natural de Vilariño de Conso que enfocou o seu futuro cara á vida no rural. Cando acabou o Bacharelato no instituto de Viana do Bolo dicíanlle que estudara Historia, outra das súas grandes paixóns, pero preferiu formarse para incorporarse á actividade gandeira nunha comarca, a do Macizo Central ourensán, necesitada de relevo xeracional. Con 21 anos puxo en marcha Granxa A Ciruxana, unha explotación de ovino ubicada na aldea de Ardexarxe, en Viana do Bolo, e pouco a pouco foise decantando pola ovella galega por ser unha raza máis adaptada ás condicións desta zona. “É un gando que destaca pola rusticidade e por ser animais pequenos que son capaces de engordar con consumo de forraxe de peor calidade”, valora.
No Macizo Central ourensán abunda a terra abandonada e escasean os mozos que queiran adicarse á gandería
Xoán ten as ovellas fóra todo o ano, alimentadas a base do que elas mesmas pacen. “Ter outro tipo de raza con este sistema de manexo sería complicado, porque tería máis baixas e non podería ter o número de animais que teño hoxe porque necesitaría adicarlles máis tempo”, di. O verán pasado, que foi duro porque houbo moita seca, as súas ovellas de raza galega aguantáronse ben. "Se fora outra raza tería que ter dado moito penso e teríanseme disparado os gastos”, compara. O uso de concentrado nesta explotación limítase unicamente a suplementar a alimentación dalgún cordeiro que non engordou dabondo a pasto cando chega o final do verán ou nos partos de inverno. “Poden supoñer un 20% dos animais os que levan algo de suplemento con concentrados, o resto van exclusivamente a pasto e leite”, detalla.
Xoán aposta pola venda directa, sen intermediarios, como xeito de defender o seu produto e ver valorado o seu traballo
Este mozo, que se incorporou hai xa 9 anos, defínese como “gandeiro por vocación”. Xoán non tiña gando na casa, as últimas vacas vendéranse no ano 92, o mesmo ano que el naceu, pero aínda se lembra de cando de pequeno ía co seu avó a regar uns prados que tiña en Vilariño. “Xa os pacía outra xente, pero eu sempre lle ía axudar e sempre me gustou moito isto”, conta. Por iso, decidiu estudar o Ciclo Superior de Xestión de Empresa Agropecuaria en Sergude coa idea de adicarse a algo relacionado co sector agrogandeiro. “Non sabía moi ben o que quería facer pero funme metendo no mundo das ovellas por ser máis sinxelo e precisar de menos investimento que as vacas e foime gustando”, explica. Transición cara a ovella galega Xoán sempre contou co apoio da súa familia para retomar a actividade gandeira coa que non seguira o seu pai, que é administrativo, e comezou por mercar unhas ovellas de razas castellana e Inra 401 cando fixo a solicitude de incorporación. “A miña idea era acabar tendo todo Inra e unha produción super intensiva, con máis cordeiros por animal. Eu naquel momento non cría na ovella galega, pensaba que todo era produción e que había razas industriais mellores. Tamén era o que me inculcaban no ciclo”, di.
Primeiro apostei por razas máis industriais pero dinme de conta que estaba gastando moito e o retorno era pequeno
“Na metade do camiño funme atopando con xente que traballa con ovella galega e dinme de conta de que eu estaba gastando moito e que o retorno era pequeno e comecei a transformar todo o rabaño en ovella galega”, explica. Tamén variou o sistema de manexo e a organización do traballo. "Cando comecei seguía un modelo tradicional: tiña as ovellas na nave e sacábaas e metíaas todos os días, e tamén facía moito pastoreo dirixido, pero teño fincas moi lonxe. Cando cambiei para ovella galega comecei a deixalas durmir fóra e agora dormen todo o ano fóra. Ao final reducín moita carga de traballo e un montón de gastos e aumentei moito a calidade da carne. Fago venda directa e nótase moitísimo”, afirma. Demanda para vida A Asociación de Criadores de Raza Ovella Galega (Asoveega) conta hoxe con 70 socios e uns 4.000 animais inscritos no libro xenealóxico. “Está habendo moita demanda. Hai un rapaz aquí en Rubiá que se incorporou con ovella galega e outro en Vilaboa, en Pontevedra”, explica.
Asovega conta hoxe con 70 socios e 4.000 animais inscritos
Malia a demanda existente, Xoán non pode vender neste momento animais para vida porque vacinou contra paratuberculose. “Esa é outra faena moi grande que nos fai a Xunta. Eu estou nunha ADSG e sangamos para tuberculose. Teño unha incidencia dun 6%, que é moi pouco pero había dúas opcións: ou matar ese gando ou vacinar. Eu optei por vacinar e iso conleva 3 anos de bloqueo para vida”, conta.
É unha contradición, os que nos preocupamos de ter o gando ben e vacinar contra a paratuberculose somos os prexudicados porque non nos deixan mover o gando en 3 anos
Quéixase da contradición que iso supón. “Se me borrarse da ADSG, así desaparecía o problema. A maioría dos rabaños que hai non están en ADSG e non sangan, poden ter un 100% de paratuberculose que oficialmente o problema non existe e poden seguir vendendo para vida”, contrapón. “Tiña que ser ao contrario, que bloquearan aos que non están en ADSG e nos deixaran traballar aos que nos preocupamos de ter o gando ben. Que nos permitan mover os animais entre os que temos o gando vacinado”, pide.  Produción ecolóxica e pastoreo rexenerativo Os animais non están máis de tres días na mesma parcela para que non coman o rebrote do pasto A explotación de ovino de Xoán está certificada en ecolóxico e aposta polo pastoreo rexenerativo para fomentar o coidado do chan e o rebrote da herba. “Tentamos facer sempre pastoreo diario ou cada dous días como moito, con cargas instantáneas moi altas na mesma parcela para que elas vaian abonando. Ten moita importancia non ter o gando máis de tres días no mesmo sitio para que non coman o rebrote, sobre todo na primavera. A verdade é que desde que o empezamos a facer hai 2 ou 3 anos notamos que funciona”, di.
En función do pasto existente, a parcela mínima por día para as 500 ovellas é de media hectárea
A maior dificultade coa que el se atopa para levar á práctica esta técnica é o minifundio. “Temos algunhas parcelas moi pequenas e tes que andar cambiando moito de finca, en ocasións dúas veces no mesmo día. Se foran parcelas grandes, de 10 hectáreas, nas que puideras ir estendendo cercas sería máis doado, porque nun día fas cercas para toda a semana, pero en fincas costas, pegadas ao río, con curvas e malos accesos dáche moito máis traballo e lévache moito máis tempo”, explica. Recuperando fincas do abandono Queima controlada realizada este inverno para recuperar unha zona de matogueira para pasto para as ovellas Xoán naceu no veciño concello de Vilariño de Conso pero mercou uns terreos en Ardexarxe, en Viana do Bolo, onde ten a explotación. “Son sobre unhas 50 hectáreas e unha nave que eran dun gandeiro que tivera primeiro vacas de leite e despois de carne. Inicialmente alugueille e hai dous anos decidín hipotecarme e mercarlle”, explica.
Ardexarxe está nunha zona alta no límite entre Viana do Bolo e Vilariño de Conso
A maiores, en Ardexarxe Xoán está a recuperar terreos que estaban abandonados e que lle ceden os veciños, ao igual que na aldea do lado, Fornelos de Filloás. “Desta maneira vaise evitando que arda e que o lume se achegue a carón das casas”, di. Algunhas destas parcelas que están a recuperar levaban 20 ou 30 anos abandonadas. “Por aquí houbo moitísimo abandono. O que facemos nesas fincas é desbrozalas e ir facendo pradeiras. Resementamos con especies que aguantan ben a seca, como datilo, festuca e trevo”, detalla.
Botamos especies que funcionen ben en pastoreo e que aguanten a seca
Este inverno, axudado pola brigada de Laza, fixeron en Ardexarxe una queima controlada como unha maneira de eliminar o mato para poder comezar coa posterior rexeneración de pastos para as ovellas. “Por parte da administración debería promocionarse máis esta forma de xestión, xa que se queremos evitar os grandes lumes de nova xeración a única maneira de facelo e rompendo a continuidade do combustible”, defende Xoán. Centeo para pacer no inverno Granxa A Ciruxana declara unhas 70 hectáreas na PAC, das que 50 son en propiedade, tras mercalas hai dous anos. “A maiores aproveitamos outras fincas que pacemos pero que non se apuntan. Nós de terra estamos ben e tratamos de facer un aproveitamento eficiente”, asegura.
A base da alimentación é o que comen elas, pero o cambio climático estámolo notando moitísimo
“A base da alimentación é o que comen elas. Aquí o inverno non é duro porque non neva moito, como estamos tan ao sur cando chega unha nevarada chega xa moi desfeita, poden caer unhas folerpas e callar, pero ao día seguinte xa desapareceu. Aquí o problema máis grande son os veráns, porque aquí a seca aperta moito e o cambio climático estámolo a notar moitísimo, con períodos de moita seca e choivas moi intensas que marchan en escorrentía, con esas trombas a auga non infiltra no terreo e os mananciais non dan recuperado”, describe.  
Intentamos labrar a terra o mínimo posible para non danar a estrutura do chan e conservar o solo
“Este último ano pasámolo mal, igual que pasara no 2017. Os peores meses aquí son agosto e setembro. Eu como teño bastante base territorial vou salvando, pero os vellos de 90 anos non lembran unha situación igual nesta zona. Eu fago algo de herba seca, moi pouca, uns 40 ou 50 rolos, para un día que veña moi malo ou se hai que ir a algún sitio, pero o que intentamos é aproveitar todo a dente o máis posible”, explica. Xoán emprega tamén o mesmo sistema que outra explotación da zona, a de Nieves Fernández, de sementar centeo e pacelo de inverno. “Nós botámolo en 3 hectáreas e media. Procuramos labrar a terra o menos posible para non danar a estrutura do solo, por iso non aramos, senón que gradamos, e en vez de darlle 5 ou 6 voltas que é o habitual, nós dámoslle só dúas, buscando o mínimo laboreo, e despois sementamos por enriba coa abonadora, porque para facer sementeira directa teriamos que investir moito en maquinaria”.
O centeo primeiro pacémolo co gando nos meses de novembro e decembro e despois colleitámoslle o grao en xullo
Sementan no mes de setembro. “Bótase cedo para que coas primeiras choivas naza e ter felpa para pacer no inverno, nos meses de novembro e decembro, e logo xa se deixa para grao para no mes de xullo podelo colleitar. Ese grao usámolo para suplementar na explotación”, explica. “Este ano imos probar nesas terras, en canto se levanten, meterlles un altramuz para fixar nitróxeno. Xa probara un ano co altramuz amarelo, que despois dérallo ao gando e ten bastante proteína”, conta. Necesidade de parcelaria e accesos As terras onde labran o centeo levaban 20 anos sen sementarse. Están nun alto e eran unha zona onde tradicionalmente os veciños botaban cereal para pan. “Xuntamos tres hectáreas e media, pero igual son 40 parcelas que nos cederon os veciños, nas que fomos buscando os marcos para non tiralos co tractor”, di. O minifundio existente dificulta enormemente o seu traballo, polo que demanda actuacións de reestruturación da propiedade e mellora de accesos. “Hai fincas nas que teño que ir no Patrol en primeira curta e sufrindo avarías continuas porque vai saltando de pedra en pedra. Hoxe en día non é normal traballar así”, afirma.
Aquí temos moito minifundio; facer parcelarias de verdade tiña que ser algo urxente
Xoán mercou un tractor que tivo que estreitar, porque non collía por moitos dos camiños, que seguen a ser camiños de carro. “Viña a 2,30 metros de anchura e tiña máis estabilidade para traballar en pendente, pero non me entraba na metade dos sitios e deixeino a 2 metros”, conta. Non depender da compra de insumos Desde que empezou, Xoán leva investido “moito diñeiro” que “noutro sector tería que estar dando uns rendementos moi altos, pero que na agricultura non se conseguen”, di . “Calquera economista diríache que non é un bo negocio porque a rendibilidade é baixa, pero isto ten unha parte de romanticismo, de vocación e de amor pola terra”, asegura.
A perda da rendibilidade das explotacións hoxe son os insumos e a ovella galega permíteche sobrevivir sen eles
O investimento máis grande foi a compra hai dous anos das terras, o establo e unhas casas vellas, que foron en total 130.000€. A iso hai que engadirlle o gando e a maquinaria. En maquinaria dispón da precisa unicamente para o día a día da explotación. Mercou tractor, segadora rotativa, xuntador, desbrozadora e caldeirador para facer regos. Protección contra o lobo Granxa A Ciruxana ten 7 mastíns para defender o gando dos ataques do lobo Granxa A Ciruxana atópase nunha zona con presenza tradicional do lobo e Xoán defende a convivencia do gando coa fauna salvaxe. Ten as ovellas pechadas con cercados móbiles de malla electrificada e dispón dunha finca de 10 hectáreas pechada cun peche permanente que é onde cría os cordeiros xunto ás nais recén paridas. “Ten valado perimetral e está a carón da estrada”, explica.
Esta é unha zona lobeira pero eu aposto pola convivencia coa fauna salvaxe
Para protexer as ovellas Xoán ten 7 mastíns, para garantir un mínimo de 2 cans con cada lote de gando, e até agora non tivera moitos ataques do lobo. “Ata fai pouco dentro do pastor eléctrico nunca me entrara, tivera algún ataque a algunha ovella que quedaba estraviada do grupo no monte ou nalgún camiño á hora de facer os cambios de parcela, pero a última vez entroume e matoume tres ovellas e os cordeiros”, conta. Na actualidade os cordeiros están todo o tempo fóra coas nais. “Eu cando comecei facía o sistema tradicional de aquí: os cordeiros quedaban na corte e saían só as ovellas polo día e pola noite volvían e había que andar apartando para que mamaran as crías pero era moito traballo”, afirma. 
Os gastos dun mastín soben dos 1.500 euros ao ano
Por iso, decidiu cambiar de sistema. “Agora fago todo fóra. Teño 10 hectáreas nunha peza nunha finca moi boa e vou apartando para alí as ovellas que van parindo cos cordeiros. Vou facendo parcelas e como a maioría paren na primavera cando acaban de pacer por un lado xa hai comida polo outro e practicamente os cordeiros críoos todos nesa finca”, di. Peches fixos Xoán emprega malla ovelleira electrificada e pediu un Plan de Mellora para facer 7 km de peches fixos en 9 fincas Ademais de ter os mastíns, Xoán pediu no 2022 as axudas da Xunta para peches e sufriu o problema de prazos da última convocatoria. “Veu resolta en decembro, case sen tempo para mercar o material e executar os traballos. Fixemos dous peches fixos con malla de metro e medio de altura e con fíos de corrente por arriba e por abaixo. Eu para facer iso dependía de que me concederan a axuda, senón cos prezos que hai hoxe non podía meterme a ese investimento, pero non é normal que unha axuda que normalmente resolvían en agosto se retrasase ata final de ano, cando os días son pequenos e chove seguido. Non sei cal foi o motivo pero iso é falta de previsión, porque é unha subvención anual que podes planificar doutro xeito”, asegura. 
Cando teño parideira as ovellas están en 2 ou 3 grupos, pero o resto do ano están nun único lote
A Ciruxana non se veu afectada pola redución de explotacións beneficiarias das axudas agroambientais para produción ecolóxica da última convocatoria por estar en zona de montaña. “No meu caso se non me viñera aprobada tería que ter pedido outro crédito ou pedido os cartos a alguén para poder pagar as letras do crédito que pedín hai dous anos para mercar as 50 ha de superficie que comprei”, asegura.
Nos últimos anos merquei dereitos históricos para ter para todas as terras pero agora ao desaparecer o pago verde perden o 51% do seu valor
Coa nova PAC, quéixase da desaparición do pago verde. “Nós tiñamos moito investido en mercar dereitos de pago básico, pero ao desaparecer o pago verde, que era o 51% do valor do dereito, todos os dereitos que mercamos nos últimos anos, que xa perderan o 20% do seu valor pola peaxe, perden agora automaticamente a metade do seu valor”, explica. Calidade de vida O obxectivo de Xoán é vivir no rural pero poder ter calidade de vida. "É un dos factores que inflúen na miña toma de decisións", di. “Agora tería a posibilidade de coller unhas terras máis para ter vacas, pero non as collo porque a carga de traballo que me ía supoñer, ao tratarse de dous tipos de gando diferente e dous manexos distintos íame facer perder moita calidade de vida, por iso prefiro estar centrado só nas ovellas para optimizalo o máximo posible de maneira que me permita máis adiante poder diversificar, pero valorando sempre a calidade de vida, porque se por ter 20 vacas me vai supoñer 3 horas máis de traballo todos os días e non poder marchar unha fin de semana a ningún lado igual non me compensa”, indica.
Tería a posibilidade de coller máis fincas e meter 15 vacas, pero non o fago polo de agora porque me suporía máis carga de traballo
Pasar ao sistema extensivo supúxolle por exemplo reducir á metade as horas de traballo e a través dun Plan de Mellora quere acometer 7 km de lonxitude de peches en 9 das fincas que mercou. Estes cercados fixos permitiríanlle marchar de fin de semana ou de vacacións sabendo que as ovellas non lle van escapar. Xoán trata de aproveitar os saberes tradicionais pero modernizados e traídos aos tempos de hoxe.  “Antes nunha casa había 5, 6 ou 7 persoas. Agora estou eu só e se vou coas ovellas toda a mañá non teño quen me faga os traballos”, di.
A Xunta acaba de convocar axudas para contratar pastores, pero só dan para contratar a 5 persoas en toda Galicia
A súa compañeira, Sara, que é médica, axúdalle cando pode en certas tarefas pero a falta de man de obra é un dos problemas cos que Xoán se atopa. A Consellería de Medio Ambiente vén de sacar unha liña de axudas para a contratación de pastores durante un ano que cubre todos os gastos salariais, pero Xoán critica "a letra pequena": que o orzamento asignado tan só permita contratar a 5 persoas en toda Galicia. Formación e intercambio de experiencias Xoán, en Alerre (Huesca), xunto a Francisto Santolaria nunha explotación de 2.000 ovellas de raza aragonesa Xoán formouse con distintos cursos e libros sobre pastoreo rexenerativo e foi probando o sistema mediante a técnica do ensaio-erro. “Ás veces tes que dar pasos cara atrás e ir cambiando cousas”, recoñece. “Un ten que estar aberto a unha aprendizaxe continua”, di. Este ano participou tamén no programa Cultiva do Ministerio de Agricultura e estivo cinco días na granxa dos irmáns Santolaria en Alerre (Huesca) para aprender desta explotación con 2.000 ovellas de raza autóctona aragonesa. 
Granxa A Ciruxana forma parte da ADSG Acivo e conta co apoio e asesoramento de veterinarios especializados en gando ovino
Recentemente Granxa A Ciruxana tamén organizou xunto a outras explotacións ourensás, o primeiro encontro de ganderías de ovella galega, no que participaron produtores de toda Galicia, para tratar de fomentar o intercambio de experiencias entre as distintas granxas e mellorar aspectos de manexo do gando. Concentración dos partos Dentro da súa organización do traballo, Granxa A Ciruxana procura concentrar os partos en dúas épocas do ano. “A maioría das ovellas paren a finais do mes de abril, bótolles o macho para iso en novembro, e logo volvo soltarlles o macho en maio para tentar ter algúns partos para vender cordeiros en Nadal”, explica.
Ao non usar hormonas, ter cordeiros para o Nadal é difícil
“É unha época boa de vendas, sobre todo para facer venda directa, pero en ecolóxico é difícil ter moita produción para o Nadal porque non empregamos hormonas e para sincronizar celos é difícil. No último ano coa seca e o calor aínda foi peor”, asegura. Selección xenética Ao tratarse dunha raza en perigo de extinción, a selección xenética non se fai por rendemento cárnico, senón para tentar sentar as bases morfolóxicas da raza. Asovega ten en Fontefiz un rabaño de machos para cruzar coas ovellas existentes nas ganderías. "Todos os animais son xenotipados e os machos introducímolos evitando a consanguinidade", conta.
Teño todo o rabaño xenotipado e nos acoplamentos buscamos evitar a consanguinidade
“Estamos conservando un patrimonio xenético e cultural moi antigo, do tronco ovis aries celtibericus, polo que seguramente cando había aquí castrexos xa tiñamos ovella galega. É unha raza moi ben adaptada aquí e que che permite evitar a compra de insumos”, destaca. A suba dos custos de produción a consecuencia da guerra en Ucraína afectoulle menos á explotación de Xoán que a outras. “Notámolo como todos, porque o gasóleo subiu e o pouco penso que damos tamén, pero non é que digas vaime facer pechar ou vaime levar á ruína. Perdes rendibilidade pero podes sobrevivir”, razoa.  A decisión de mercar as terras foi tamén un pouco por iso, di, porque “a base territorial é un aspecto esencial para unha explotación e eu levo anos buscando un sistema que me permita resistir en caso dunha crise moi grande, como a motivada pola pandemia e a guerra, para poder producir sen que te coman os gastos”, argumenta. Aposta pola venda directa Fan os envíos de cordeiro a domicilio envasados ao baleiro e en transporte en frío Séguenlle dando saída á maior parte da produción a través de maioristas, pero a súa intención é seguir aumentando a venda directa, que neste momento representa para eles uns 100 cordeiros ao ano. “A venda directa dá moito traballo, porque hai que preparar os cordeiros, envasalos e envialos. A diferenza de prezo de vender a un tratante ou a un particular non é moita, poden ser uns 30€ en cordeiro e hai que pagar o matadoiro e o transporte, pero é o orgullo de ver recoñecido o teu traballo e valorado o teu produto”, di.
A venda directa dá moito traballo, pero serve para ver recoñecido o teu traballo e valorado o teu produto
Para promocionar a súa carne acoden a algunha feira, como Xantar en Ourense ou a Semana Verde en Silleda, e dispoñen de páxina web e redes sociais. Pero o que máis lles funciona segue a ser o boca a boca e o facebook, a través do cal comezaron a facer envíos refrixerados mediante mensaxería durante a pandemia. “O tratante que nos levaba os cordeiros chamáranos e dixéranos que non había saída para eles e que tiñamos que baixarlles o prezo, así que empezamos a movernos. Pero ao ter tanta produción é moi difícil colocar todo en venda directa”, recoñece.
Venden tamén castañas que apañan nos soutos que pastorean coas ovellas e nos que hai castiñeiros centenarios
É partidario de que se interveñan os prezos porque, di, “non pode ser que se estean a vender os cordeiros aos prezos de fai 30 anos”. “Se contas a inflación un cordeiro tiña que valer 150€ para que isto fose realmente rendible, pero estamos na metade”, indica. Conseguir valorizar a la Outra das intencións de Xoán é conseguir sacar rendemento á la das súas ovellas, que até hai pouco era un simple refugallo. Sen embargo, desde hai dous anos serve de materia prima para pezas de roupa e artesanía que elaboran deseñadoras como Lola García ou Teté Mareque, que co chamado proxecto Ardexarxe pretende aproveitar a la da explotación para que sexa empregada por artesáns galegos e de distintos países europeos.  Cada primavera, cando veñen os tosquiadores da montaña de León a rapar as ovellas, Xoán e Teté escollen as ovellas pola cor da súa la para unha vez rapada levala ao lavadoiro e darlle unha segunda vida.  

“A Consellería de Medio Rural tiña que estar no rural”

As ovellas de Xoán pastoreando unha zona de soutos centenarios A acollida que os veciños tiveron con Xoán cando decidiu asentarse na zona e crear a súa explotación foi moi boa. Déronlle todo tipo de facilidades e cedéronlle as terras. “Nesta zona, aínda que hai moito abandono, a xente que queda sabe o valor do gando, porque son xente maior que até hai 15 ou 20 anos tiveron gando e valoran que as terras estean limpas e traballadas. Aquí non é coma noutras zonas máis pegadas ás cidades, onde hai unha desconexión da poboación local moito maior e a xente que empeza alí ten moitos máis problemas e conflitos”, di. “O sector ovino tanto en Galicia coma no Estado español está a punto de desaparecer e tiña que terse máis en conta porque fai unha función moi importante á hora de previr incendios, porque para que non haxa lumes o que fan falta realmente son ovellas e cabras, que son as que comen monte raso e superficies nas que as vacas non van ter aproveitamento”, defende.
A xente aquí sabe o traballo que dá e os beneficios que aporta o gando
“Tanto en Ardexarxe como en Fornelos de Filloás aínda que veña un incendio de cuarta xeración non van arder as casas, porque hai gando e hai ao redor moito terreo limpo. Os pobos do Barco de Valdeorras que arderon o ano pasado se chega a haber un rabaño coma o noso non ardían”, afirma.
Para que non haxa lumes o que fan falta realmente son ovellas e cabras e, sen embargo, o sector ovino en Galicia está a piques de desaparecer
Nas parcelas de prados e pastizais as ovellas pacen á feito, pero nas de monte e pasto arbustivo “ás veces cada segundo ano hai que repasar pasando o tractor coa desbrozadora”, recoñece Xoán, aínda que “con este sistema de pastoreo con cargas instantáneas altas seleccionan menos e o rexeitamento é moito menor, porque cando entran a unha parcela con uces novas practicamente as comen elas todas”, di. Complemento coa venda de castaña Entre as parcelas que coida Granxa A Ciruxana hai zonas de soutos con castiñeiros centenarios que pastorean co gando e despois no outono aproveitan a recollida da castaña, aínda que os últimos anos foron malos por mor da avispiña e a seca. “Nesta zona a castaña sempre foi un complemento moi importante”, di. Traballan variedades propias da zona, como rapada, inxerta ou porteliño e están a facer algunha plantación nova nas súas fincas. Están a recuperar tamén as fontes e as pozas de rega, que empregan ademais para beber o gando. Mediante un sistema de sifón invertido ou balancín, en función do terreo, fan que se abran soas cando están cheas e reguen por manta o terreo circundante. Necesidade de rexuvenecer o sector Xoán incorporouse á actividade agrogandeira hai xa case 9 anos, con 21, e bota en falta medidas para fomentar o relevo xeracional e a incorporación de xente moza. “Nesta comarca as contas que eu boto é que dentro de 10 anos, cando se xubilen os gandeiros que hoxe teñen 50 e pico anos, con gando imos quedar catro”. Propón seguir o exemplo de Escocia, “onde se fai un esforzo por dignificar o rural nos colexios, onde descentralizaron as universidades para levalas aos pobos e onde crearon unha especie de Erasmus agrario”, enumera.
Á xente nova hai que explicarlles as oportunidades que hai e dicirlles que existen fórmulas para ter calidade de vida no rural
“Aquí todo se leva para Santiago cando a Consellería de Medio Rural, por exemplo, tiña que estar no rural, pero no rural de verdade, non me vale Maceda, que está a media hora de Ourense, nin Ordes, que está a media hora de Santiago. Tiña que estar por exemplo aquí, para que os funcionarios tiveran que vivir aquí e ver os problemas que hai no rural”, di. Entre as medidas que propón están “fomentar as actividades agrogandeiras nos colexios e institutos e mobilizar a terra de verdade. Todas as parcelas abandonadas tiñan que ir por lei a un banco de terras e a quen se negara aplicarlle un imposto”, di. “Os estudos agrarios en Galicia están fatal” “No instituto de Viana, que para certas cousas funciona moi ben, cando son as charlas de orientación veñen militares e enxeñeiros de mil cousas, pero non vén un enxeñeiro agrario. Aquí nesta zona, que hai terreo abandonado e posibilidades para dedicarte a isto, non che traen un referente que te anime e che diga aposta por iso, que vas ter unha saída digna e boa”, propón. "A min sempre me gustou moito a historia e o orientador dicíame fai Historia e despois xa te dedicarás ao gando, pero eu dixen, non, eu vou estudar para isto e se teño tempo despois xa farei Historia. Eu tiña as cousas moi claras, senón o máis probable é que non acabara nisto, porque todos os elementos ao redor xogaban en contra”, asegura.
Ao instituto de Viana cando son as charlas de orientación veñen militares e enxeñeiros de todo tipo, pero ninguén te anima a adicarte á gandería
“Os estudos agrarios en Galicia están fatal”, di. "En Sergude só demos produción intensiva de leite e de mala maneira: o ciclo dura dous anos pero muxir muximos só unha vez e para inseminar fomos nunha ocasión cun papel ao lado dunha vaca e non lle puidemos nin meter a man, co tractor andivemos un par de veces nunha explanada chá, e así todo; moi mal. Non sei se hoxe melloraron, pero naquel momento era así. Ese tipo de estudos téñenche que servir para abrirche os ollos das distintas posibilidades que hai e se só se centran nun tipo de explotación intensiva de leite e te enfocan cara aí non ves máis aló", critica.
 

Medio Rural da Deputación de Lugo renova o apoio ás gandeirías de ovino e caprino a través de Ovica

A área de Medio Rural da Deputación de Lugo renovará a colaboración coa Asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia (OVICA), cunha achega de 10.000 euros destinada aos proxectos de formación, asesoramento, apoio técnico e promoción da comercialización que desenvolve a entidade. A deputada Mónica Freire sinalou que “a través desta achega queremos seguir contribuíndo a estabilidade e continuidade dunha labor que beneficia directamente as gandeiras e gandeiros asociados, atendendo necesidades relacionadas coa súa actividade cotiá, e que permite que encaren de xeito colectivo os retos dun sector fundamental para o mantemento do territorio”. Ovica presta diferentes servizos ás 160 gandeiras e gandeiros asociados en toda Galiza -76 na provincia de Lugo-, fundamentalmente servizos de carácter administrativo, como os relacionados coa recollida e certificación da lá, dos animais mortos nas explotacións, os seguros ou a tramitación das axudas de diferentes administracións. Tamén ofrece asesoramento en materias como a produción ecolóxica ou a xestión das razas autóctonas. Ademais, desenvolve unha ampla axenda de actividades formativas e demostrativas, desde xornadas para fomentar novas incorporacións a este tipo de gandeiría, ata cursos teórico prácticos de esquilado ou podoloxía e manexo de pequenos rumiantes. Desde 2016, ven apostando tamén na promoción da comercialización da carne a través da Marca de Garantía “Pastores de Galicia” que ten como finalidade distinguir no mercado a carne de cordeiro e cabrito producida en Galicia e asociada ao aproveitamento dos recursos naturais mediante o pastoreo das nais e a alimentación dos cordeiros e cabritos a base de leite materno e cereais, servindo ao consumidor como garantía de orixe, sistema de produción, seguridade alimentaria, benestar animal e calidade.

Medio Rural da Deputación de Lugo apoia a gandeiría de ovino e cabrún cunha achega de 10.000 euros a Ovica

A área de Medio Rural da Deputación de Lugo renovará a colaboración coa Asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia (OVICA), cunha achega de 10.000 euros destinada aos proxectos de formación, asesoramento, apoio técnico e promoción da comercialización que desenvolve a entidade. A deputada Mónica Freire, que se achegou ata a gandeiría de Luis Miguel Rivera Otero, presidente da entidade en Feira do Monte, en Cospeito, anunciou “a continuidade deste apoio que a área de Medio Rural ven prestando a produtores e produtoras de gando ovino e caprino para encarar de xeito colectivo os retos que afronta un sector cun enorme potencial, que produce alimentos de calidade e colabora no mantemento do territorio e na fixación de poboación no rural”. “Somos conscientes das dificultades engadidas que xerou a pandemia, primeiro cunha caída da demanda especialmente na hostalería e na restauración e logo cun incremento de custes enerxéticos, acrecentado nos últimos días, que están a diminuír o beneficio das ganderías e que fai máis necesario o apoio institucional”, continuou a responsábel provincial. O sector ovino e cabrún é un sector estratéxico para a provincia de Lugo, tanto dende o punto de vista económico (complemento de rendas coas vendas de cordeiros e cabritos criados de xeito tradicional), social (fixación e mantemento de poboación en zonas de montaña e desfavorecidas) e ambiental (o aproveitamento silvopastoril do gando é a mellor labor de prevención nos montes para reducir a incidencia dos lumes. Ovica é a única asociación que reúne a todos os produtores de gando ovino e cabrún, tanto de carne como de leite, dispersos por toda a súa xeografía galega, porén coa sede na cidade de Lugo e con predominancia de ganderías na nosa provincia. Unha das principais liñas de traballo de OVICA é a valorización das producións agrarias de calidade e a comercialización da carne, que impulsan, desde 2016, a través da Marca de Garantía “Pastores de Galicia” que ten como finalidade distinguir no mercado a carne de cordeiro e cabrito producida en Galicia e asociada ao aproveitamento dos recursos naturais mediante o pastoreo das nais e a alimentación dos cordeiros e cabritos a base de leite materno e cereais de produción local, servindo ao consumidor como garantía de orixe, sistema de produción, seguridade alimentaria, benestar animal e calidade.

Comunicar o agro á sociedade urbán: o caso do mastín

A recente publicación do borrador do anteproxecto da lei de protección e dereitos dos animais fixo saltar a preocupación entre os gandeiros de extensivo, en especial os de ovino e caprino, polas implicacións que a nova norma pode traer para os cans que teñen nas súas ganderías para gardar e guiar o gando. A maioría destes cans son mastíns, polas aptitudes que teñen demostrado no coidado e protección do rabaño, en especial fronte ataques da fauna salvaxe, coma o lobo. O documento inicial presenta novidades que afectan directamente á actividade destes cans na gandería. A limitación na vida profesional dos animais, ó estipular unha idade de xubilación e atrasar o seu inicio é un dos maiores cambios que propón. A nova norma, aínda nas primeiras fases de tramitación, tampouco detalla que estes cans, tanto mastíns coma outras razas que se empregan para o manexo do gando, sexan recoñecidos nunha categoría máis específica e adaptada á súa realidade, polo labor que fan. Este é outro dos aspectos no que inciden os gandeiros, ó consideralo imprescindible, dadas as diferencias que poden existir con outros animais de compañía polo traballo que desempeñan.
A obrigatoriedade de xubilar os cans e a falta dunha regulación específica que ofreza un encaixe legal a estes animais polo seu traballo na gandería son as principais reclamacións entre os gandeiros
Dende distintos colectivos gandeiros xa se recolleron alegacións que trasladarlle ó Ministerio, dado que algúns dos cambios que propoñen poden supoñer un importante sobrecusto e mesmo facer inviable que se sigan a empregar os cans para o manexo do gando. “Estamos nas fases iniciais, aínda ten que ser aprobada no Congreso e Senado e agardamos que antes se atendan as alegacións que se presentaron e poida mellorarse”, apunta Joan Alibés, delegado en Galicia da Asociación para a Conservación do Mastín Español Tradicional (Acmet), un dos colectivos que presentou varias propostas ó Ministerio. Dende a Asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia (Ovica) tamén presentaron un paquete de propostas para mellorar este anteproxecto de lei. “Entendemos a necesidade e os aspectos positivos que o desenvolvemento dunha lei de protección dos animais pode reportar e esperamos que as nosas achegas, baseadas na realidade do noso traballo e do sector se teñan en conta”, apunta Luis Miguel Rivera Otero, presidente do colectivo.

Can protector do gando

Un dos temas fundamentais que destacan dende distintos colectivos gandeiros é a necesidade de que se recoñeza ós cans que teñen nas súas ganderías para o coidado do rabaño polo traballo que realizan. “O mastín ten que ter un encaixe real dentro desta normativa, estar recoñecido e definido como can protector do gando e como ferramenta de traballo das ganderías”, reivindica Alibés. De feito, houbo xa varios intentos frustrados para conseguir que a propia Administración galega recoñecese esta categoría e regulase sobre estes cans para legalizar o seu labor co gando. Con todo, como sinalan os gandeiros, estes cans seguen sen ter un amparo legal pese á promoción que se está a facer nos últimos anos para incorporalos ás ganderías como unha medida de protección fronte ó lobo, cunha liña de axudas específica da Consellería de Medio Rural.
Piden que a nova normativa recoñeza as particularidades deste tipo de cans polo traballo que realizan nas ganderías
Dende Ovica tamén coinciden en sinalar esta diferenciación como prioritaria. “Debería de existir unha clasificación e regulación diferenciada para os cans das nosas ganderías, como Cans de Protección do Rabaño, cunha definición propia e unha regulación separada”, reclaman. O colectivo de gandeiros apunta tamén a necesidade de que esta nova normativa regule as interaccións destes cans coas persoas alleas ó rabaño, para afrontar unha problemática que arrastran dende hai tempo e que se veu incrementada coa pandemia. De feito, noutros territorios as Administracións e diversas entidades están a emprender campañas para sensibilizar sobre a importancia destes cans para o rabaño e informar a distintos colectivos que se achegan a ese territorio, coma turistas, ciclistas ou montañistas. Procuran deste xeito dar a coñecer unhas pautas sobre o comportamento dos animais e informar de que eses cans están a cumprir un labor importante. Dende Ovica ven na nova normativa unha oportunidade para atallar estas situacións. Cartel informativo sobre o labor que desempeñan os cans do gando que inclúe recomendacións de comportamento con estes animais.

Limitacións e requisitos

Outra das novidades da normativa que máis lles afectaría ós gandeiros é a limitación do uso dos mastíns, ó fixar unha xubilación dos animais ós 7 anos e establecer unha prórroga mediante a obtención dun certificado veterinario. “Por sobreprotexer ós mastíns non pode ser que acaben cargando os gandeiros cos sobrecustos”, valoran na Acmet. A propia limitación xa suscitou dúbidas non só de gandeiros, senón tamén de profesionais veterinarios e criadores especializados en mastíns. “No noso sector, non se pode dicir que os cans de protección do rabaño estean realmente traballando, pois máis ben están respondendo a un instinto propio da súa natureza e sería contrario ó benestar e ás necesidades do animal non permitirlle realizar esta actividade”, defenden dende Ovica.
Reclaman que se elimine a limitación do uso dos cans ata os 18 meses, xa que pode condicionar a eficacia destes para o coidado do gando
O borrador tamén restrinxe o uso dos animais nas ganderías ata os 18 meses, o que para os gandeiros sería inviable. “No noso sector, os cans de protección están cos rabaños canto máis cedo mellor, para aprender e convivir con el e poder identificarse cos animais como parte da manda. Se se limita o uso dos cans ata os 18 meses, non sabemos moi ben en que situación quedarían os nosos cans”, apuntan dende Ovica. Os colectivos gandeiros coinciden en que deben recollerse unhas condicións de benestar e de traballo para este tipo de cans, pero reclaman que sexan compatibles co uso dos animais na prevención dos ataques da fauna salvaxe , como o lobo. “Estamos a incorporar mastíns nas nosas ganderías pola presencia do lobo, senón teríamos menos ou mesmo non teríamos estes cans”, valoran en Ovica. Ademais destes aspectos, os colectivos gandeiros reclaman que a nova norma tamén teña presente que os cans destas ganderías teñen un manexo e uns coidados que poden diferir doutros cans de compañía, mais por iso non significar que non gocen dun benestar e confort. Os gandeiros agardan que as súas propostas sexan tidas en conta para poder seguir contando con estes cans nas súas ganderías, xa que son fundamentais sobre todo para un manexo do gando en extensivo.

Oferta de posto de traballo en gandería ovina en Ribadeo

Finca O Costal conta cun rabaño de 150 ovellas e xestiona 24 hectáreas de terreo Finca O Costal, unha explotación de gando ovino adicada á produción cárnica e ubicada en Ribadeo, precisa incorporar persoal para as tarefas da granxa. Os traballos a levar a cabo consisten no coidado do gando e o mantemento da finca. O horario laboral é de 8 horas diarias en xornada partida e cunha fin de semana ao mes de garda non presencial.  A explotación conta con outros dous empregados máis e xestiona 150 cabezas e 24 hectáreas de superficie, das que 10 están plantadas con árbores autóctonas.  Recuperación paisaxística en Rede Natura O Costal é un proxecto de recuperación paisaxística e produtiva iniciado no ano 2014 a carón da ría de Ribadeo por un empresario privado e que mantén acordos de colaboración co Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias para a realización de prácticas por parte dos alumnos deste centro, dependente da Xunta. Desde a posta do proxecto no 2014 foi substituída a vexetación existente, sobre todo eucaliptos, por árbores autóctonas, coa plantación de máis de 5.000 pés, recuperando hábitats para aves neste entorno declarado zona ZEPA e Rede Natura 2000. No relativo á produción gandeira, a explotación forma parte de Ovica (Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia). As persoas interesadas no posto de traballo ofertado poden poñerse en contacto con Jose Antonio no teléfono 660 252 841.

“Os cordeiros e cabritos galegos están todo o tempo mamando da nai e iso marca a diferenza de calidade”

Luis Miguel Rivera Otero, é gandeiro de ovino en Cospeito (Lugo), e acaba de ser escollido como novo presidente da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), que agrupa a 143 gandeiros socios e outros case 40 socios colaboradores. Con Rivera coñecemos algúns dos proxectos que están a impulsar a curto prazo, así como as preocupacións e retos que afronta o sector, entre os que se inclúe a convivencia co lobo ou a xestión da la das ovellas. - Cal é a situación na que se atopa na actualidade o sector ovino e cabrún en Galicia? - Nas ganderías de ovino e cabrún a rendibilidade está a ser mínima, máis agora coas subas tan importantes que está habendo de insumos como os pensos ou o gasóleo. Do mesmo xeito que acontece co vacún de carne, as granxas están a ter moitas dificultades para seguir producindo mentres non se lle compense cos prezos que se paga a carne. - Que liñas de traballo queredes priorizar dende Ovica a curto prazo? - Un dos temas que máis nos preocupa é a comercialización. Por un lado estamos traballando coa nosa marca Pastores de Galicia e tamén estamos pendentes de impulsar proxectos de man da Consellería de Medio Rural como o matadoiro móbil ou a Estratexia da carne, coa que tentar mellorar os prezos que industria e distribución pagan. Tamén queremos impulsar un plan de formación e encontros cos socios, para fomentar o intercambio de experiencias entre os asociados e visitas a ganderías que poidan axudar a mellorar e seguir a profesionalizar o sector. Ademais, aínda que o Covid-19 paralizou un pouco o tema, queremos abrir as nosas granxas a visitas de escolares coas que amosarlle ás novas xeracións as oportunidades destas ganderías e estes sabores. Buscamos un achegamento ó mundo urbano e novas oportunidades ofrecendo a carne galega para comedores escolares. - Segue sen valorarse como debera o cordeiro ou o cabrito galego? - O cordeiro galego segue sen ser valorado e a carne que se vende nos supermercados non se reflexa que sexa galega. Escúsanse dicindo que se indican que é cabrito ou cordeiro galego non se vende igual de ben que se ten outra orixe. Aínda que xa hai xente que comeza a apreciar a calidade da carne de cordeiro ou cabrito galego, segue moi estendida a crenza de que o cordeiro de Galicia non é tan bo como o de outros puntos de España. Tanto os tratantes como comerciantes aseguran que a industria e a distribución seguen sen marcar un prezo acorde ó valor da calidade que ten a carne galega. - A marca Pastores de Galicia, impulsada por vós, é unha vía para poder abrir mercado para a carne galega? -Coa marca buscamos precisamente iso, poñer en valor a carne que producimos en Galicia. Estamos a producir unha carne de calidade. As nosas ovellas e cabras pacen en pradeiras verdes e as crías maman das nais, a diferenza de moitos dos cordeiros doutras zonas onde os crían a base de amamantadeira, e adoitan destetalos ó mes, para logo pasalos ós cebadeiros. Os cordeiros e cabritos galegos están todo o tempo mamando da nai, aínda que na última fase se complemente a alimentación con aportes de cereal e penso; e iso marca unha diferencia, tanto no benestar do animal que permanece todo o tempo coa nai, como na carne que se obtén. - Que presenza ten esta marca actualmente en Galicia? - Antes da pandemia estabamos empezando a traballar no relanzamento da marca para conseguir un posicionamento da carne galega no mercado, pero coas restricións viuse todo paralizado. Dende a pandemia non comercializamos ningunha carne con este selo. Ademais na asociación tamén pasamos de ter varios técnicos a só ter unha técnica, que está a traballar moi intensamente, pero esta redución de persoal tamén dificultou sacar adiante todo o que queriamos. Agora estamos volvendo a retomar os traballos para impulsar a marca, xa que é moi importante para nós, é unha demanda dos socios. - O Nadal é un dos momentos de auxe das vendas da carne de cordeiro e cabrito, como está a ser a campaña? - En Galicia os produtores seguen a centrarse máis nas vendas do verán que nas do Nadal. Agora mesmo hai moita demanda desta carne, o que fai que tamén melloren minimamente os prezos, con todo o prezo aínda segue por baixo do que se precisa. - Falta produción galega para abastecer a demanda do Nadal? - Hai moitos socios que prefiren ter os partos noutras épocas do ano, xa que agora contra o inverno é máis difícil ter pasto, polo que as parideiras que se fan para esta época supoñen un maior custo de alimentación. Dende Ovica cremos que sería importante que máis socios programasen os partos para ter maior produción nesta época e poder atender a demanda. Non todos os produtores o poderían facer polas propias características e xestión das súas ganderías, pero hai moitos gandeiros de semiextensivo ós que non lles resultaría difícil e para os que sería interesante e rendible. Tampouco podemos darlle as costas ó mercado e se nesta época hai demanda, temos que axustar a nosa produción para poder satisfacelas peticións dos consumidores. - Estades abordando xa este cambio de manexo das parideiras cos gandeiros? - Estamos traballando xa coa ADS para proporcionarlle asesoramento ós socios sobre a programación dos partos, para que vexan que é posible e se lle pode sacar rendibilidade. É un paso máis cara a profesionalización do sector, xa que a programación dos partos tamén axuda a que os gandeiros non só teñan máis oportunidades para a súa produción, senón que pode mellorar a súa calidade de vida. Ademais de para as parideiras, tamén queremos traballar estreitamente coa ADS noutras cuestións para seguir mellorando o sector. - No sector galego é habitual a variabilidade das canais fronte a outros territorios, ten sido un lastre para a comercialización? - Dende logo. Téñensenos pechado portas por non ter canais uniformes. Isto en gran medida débese a non ter nas ganderías unha raza que propicie ter crías boas e iguais. - Valorades impulsar medidas para fomentar a homoxeneización entre os produtores socios? - É un dos temas nos que queremos traballar de man da ADS. Queremos prestarlle asesoramento ós gandeiros en cuestións como a elección dos sementais das súas ganderías con mellores aptitudes cárnicas, para que se logren cordeiros uniformes, xa que é fundamental para a rendibilidade económica da gandería. Se consegues sacar tódolos cordeiros ou cabritos no prazo previsto, sen que ningún deles teña que quedar máis tempo porque non alcanzou o peso preciso afórranse gastos extras. A rendibilidade nas granxas é mínima, polo que é preciso ter en conta estes detalles.
"A dispersión dos nosos socios pódese converter nunha oportunidade para ofrecer produto de proximidade ós nosos compradores"
- Outro dos desafíos para o sector galego é a dispersión das granxas, como valoras esta cuestión? Que dificultades vos supón? - É certo que é un sector moi disperso. En Ovica temos ganderías nas catro provincias, aínda que a maioría dos nosos socios están en Ourense e Lugo. Con todo, hai moita distancia entre os socios, o que dificulta cuestións como as visitas ás granxas. Pero máis alá desas dificultades, a dispersión dos nosos socios tamén se pode converter nunha oportunidade, xa que ó ter ganderías en tódalas provincias podemos ofrecer produto de proximidade ós nosos compradores. Para Ovica tamén é satisfactorio ter socios en toda Galicia, oxalá houbera máis! - O matadoiro móbil impulsado pola Consellería de Medio Rural pode ser unha solución fronte esta dispersión? - Temos moitos socios ós que lle quedan lonxe os matadoiros, algúns a máis de 100 quilómetros, por iso vemos que esta pode ser unha alternativa para estas ganderías. Aínda que o matadoiro non vaia directamente á granxa, se os teñen que achegar a un punto que lles quede preto xa pode resultar unha gran mellora. Redúcense os gastos de transporte e increméntase a rendibilidade para a gandería. Ademais, esta solución tamén mellora o benestar dos animais, xa que os cordeiros e cabritos pasan menos tempo no transporte. Polo momento non está operativo e estamos á espera dunha reunión con Medio Rural para seguir tratando o tema e conseguir que vaia para adiante.
"Os gandeiros temos os mastíns porque hai lobo e para defender o rabaño dos seus ataques, se non houbese lobo non teríamos tantos"
-Con referencia á xestión do lobo, como valoras a situación actual? -Estamos a ter bastantes ataques do lobo nas ganderías. Hai que ter en conta que as ovellas e cabras son as máis vulnerables e cando estes animais entran sempre causan grandes estragos, non só polos animais que mata ou deixa feridos, senón polo estrés que provoca en todo o rabaño, co que se hai animais preñados é moi habitual que terminen abortando. -Que medidas contribuirían a mellorar a situación actual? -Xa tivemos unha reunión coa Consellería de Medio Rural para transmitirlle a necesidade de facer melloras nas axudas que teñen activas. No caso da liña destinada á prevención dos ataques precísase máis tempo á hora de xustificar as obras de peches fixos, xa que moitas axudas estanse a perder por non poder aportar a documentación en prazo, ó estar moitas veces pendentes de licenzas. Tamén vemos preciso que se incrementen as axudas para ter mastíns nas ganderías para previr os ataques. Máis que as axudas para a adquisición dos animais cremos que é máis importante proporcionar unha axuda para mantelos, xa que é aí o que realmente supón un desembolso. Hai que ter presente que os gandeiros temos os mastíns porque hai lobo e para defender o rabaño dos seus ataques, se non houbese lobo non teríamos tantos. Entre vacinas, desparasitación e alimentación supoñen importantes gastos para as ganderías. En rabaños de 300 ovellas tes que ter catro ou cinco mastíns, co que pode estar gastándose uns 5.000 euros, o que supón un gasto importante na gandería.
"Estamos procurando revalorizar a la da ovella con artesáns galegos que a poidan empregala nas súas confeccións de xeito que tamén poida ser un recurso para os gandeiros"
- Outro dos retos para o sector parece estar na xestión da la das ovellas ante a falta de mercado para ela. Que saídas ten agora a la da rapa? -O ano pasado xa tivemos dificultades para sacala adiante. Aquí xa non hai quen recolla a la, viña xente doutras zonas de Galicia por ela. Levábana case sen pagar nada por ela. Este ano, despois de tentalo con moitos xestores xa non houbo quen viñera recollela e moitos témola gardada aínda na granxa. Agora temos o problema de que para a PAC precisamos un certificado de ter entregada esta la a un xestor. Se non hai outra alternativa imos ter que pagar por desfacernos da la cando se podería empregar noutros usos no canto de tratala como un residuo. Por iso estamos procurando revalorizar a la da ovella con artesáns galegos que poidan empregala nas súas confeccións de xeito que tamén poida ser un recurso para os gandeiros e non un residuo do que desfacerse. -A curto prazo tedes xa actividades previstas cos socios? -A intención é fomentar as xuntanzas cos socios aínda que polo momento, polas restricións do Covid-19, tampouco puidemos xuntarnos moito. Tamén queremos ofrecer xornadas formativas para seguir a profesionalizar o sector. Con esta formación buscamos fomentar o relevo xeracional nas granxas, formando a persoas mozas que poidan poñerse ó fronte de granxas que vaian pechar por xubilación, así como asesorar ós mozos que queiran crear a súa propia gandería. Ademais, queremos seguir sumando socios en Ovica, xa que hai moitos gandeiros de ovino e caprino en Galicia que aínda non están no colectivo e cremos que sumando forza entre todos é máis viable buscar oportunidades para o sector. Tamén estamos colaborando en rede con outras asociacións e colectivos do resto de España para afrontar problemáticas que temos en común e tratar entre todos de fortalecer o sector.

Proxecto piloto no sur de Lugo para impulsar a creación de granxas de leite e de carne de ovino e caprino

Acto de presentación do proxecto piloto para o peche de ciclos produtivos en ovino e caprino impulsado por FAGA O Parador de Monforte de Lemos acolleu a presentación dun proxecto piloto para acadar o peche de ciclos produtivos en Galicia a través do aproveitamento de produtos cárnicos e lácteos de ovino e caprino, denominado Proxecto Rumiantes ou PRALEITE. O proxecto foi presentado no foro Nacer e Medrar, organizado pola Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA) co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración de Santander Agro para promover o networking e o intercambio de iniciativas emprendedoras entre empresarios e outros axentes do sector agroalimentario. Jaime López, como secretario da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e de FAGA, e José Tomé, como presidente da Deputación de Lugo, foron os encargados de presentar o Foro. Ambos coincidiron na necesidade de pechar ciclos produtivos no sector agroalimentario galego e no impacto que esto pode ter na loita contra a despoboación. En palabras de Jaime López, “non nos queda máis remedio ca mirar cara o rural”, e de José Tomé, “producimos pero non transformamos, e eso é unha pena; temos unas materias primas e uns produtos boísimos, pero temos que traballar para que o valor engadido se quede en Galicia”.
Estúdase a ubicación da primeira granxa deste tipo na zona sur de Lugo de cara a comprobar os resultados do estudo previo realizado antes de tratar de expandir o modelo por toda Galicia
Os veterinarios e diplomados europeos en pequenos rumiantes, hoxe exercendo na Universidade de Zaragoza, José María González Sainz e Teresa Navarro Rodríguez, foron os encargados de realizar o estudo de campo en Galicia e de desenvolver o proxecto Rumiantes ou PRALEITE (Proxecto piloto para a implantación de granxas de pequenos rumiantes de aptitude leiteira en zonas rurais do sur da provincia de Lugo). Interese da industria González Sainz presentou o proxecto a veterinarios, produtores integrados en OVICA e empresas transformadoras con interese na producción da tipoloxía de explotacións prevista no proxecto. Entroutros, estiveron presentes representantes de Naturleite, Suministros Megaro Foods, Entrepinares ou Galacteum. O proxecto xorde precisamente “por iniciativa da propia industria”, segundo destacou o presidente de FAGA e CEO de Megaro Foods, Carlos Cebrián. “Non nace coma un proxecto subvencionado, senón que somos as propias industrias as que temos interese na producción cárnica e láctea de explotacións de ovino e caprino, e eso garante a súa viabilidade”. “Este interese é o que nos leva a buscar ferramentas como a constitución dunha Fundación e o estudo especializado dun modelo de explotación que sexa viable e sostible en Galicia”, subraiou.
Somos as propias industrias as que temos interese na producción cárnica e láctea de explotacións de ovino e caprino, e eso garante a súa viabilidade
A realización do estudo técnico supuxo a visita a explotacións gandeiras por toda Galicia, e especialmente no sur de Lugo pola dispoñibilidade de hectáreas desaproveitadas, e a posterior definición dun modelo de explotación de ovino e caprino, alternativa ás de gando vacuno, enfocadas especialmente para producción de leite, aínda que se aproveitaría tamén a carne, un tipo de explotación que nestes momentos practicamente non existe en Galicia. A fin de garantir a súa implantación a futuro, con viabilidade e a longo prazo, para o modelo de explotación definido no proxecto PRALEITE estudáronse a fondo distintas vertentes: as necesidades de inversión e financiamento, número máximo de animais que se poidan atender para garantir a conciliación laboral e familiar e evitar o abandono das novas xeracións destas explotacións, así como investigación e innovación, ratios de rendabilidade e xeración de emprego, entre outros aspectos. Estúdase agora a ubicación da primeira granxa deste tipo de cara a comprobar os resultados do estudo e expandir o modelo por toda Galicia. Importación de leite de Castela e animais de desvelle de Extremadura No Foro tamén interviron, tras a presentación do proxecto, Luis Rivera e Miguel Viña, presidente e veterinario da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA) respectivamente, e representantes de Naturleite, Entrepinares, Suministros Megaro Foods S.L., Santander Agro e a consultora de innovación Medrar. Dende OVICA resaltaron que PRALEITE é un “proxecto ilusionante” porque “nace cunha base inicial moi forte, tanto polas posibilidades de financiamento e o interese da industria como por ter perfectamente estudiadas cuestións relacionadas coa sanidade, a alimentación dos animais ou a propia conciliación dos gandeiros”.
Na actualidade en Galicia hai moi poucas ganderías adicadas á produción de leite de cabra e ovella
Por parte das empresas destacouse, en todos os casos, o gran interese que existe na producción deste tipo de explotacións de poñérense en marcha, pois compañías como Entrepinares, Queserías Sarrianas ou Megaro Foods están traendo para transformar leite e carne de ovino de fóra de Galicia, tanto para a fabricación de queixo como para a exportación de carne de cordeiro. Pola súa banda, Naturleite, pertencente á cooperativa Covap e con planta en Meira, envasa leite de cabra e no polígono industrial de Reboredo, en Monforte, ubícase tamén Oviganic Ibérica, propiedade da compañía chinesa Yeeper Dairy, que procesa leite de cabra procedente de explotacións de Castela para fabricar produtos derivados destinados a alimentación infantil. Precisamente este interese da industria, que garantizaría a compra de toda a producción deste tipo de explotacións que se ubicasen en Galicia, “é unha garantía de éxito para o proxecto”, destacan dende FAGA.

Obxectivo: poñer a producir terreos en abandono e obter materia prima para a industria

Detras deste proxecto piloto para o desenvolvemento do sector ovino e caprino galego está a Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA), constituida en xaneiro desde ano co impulso da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), a Escola Galega de Carniceiros, Suministros Megaro Foods e Embutidos Montepicato.  Entre os seus obxectivos fundacionais atópase o fomento da cooperación entre os distintos estamentos da sociedade co fin de reactivar e relanzar o sector agroalimentario galego ou a promoción da innovación e a tecnoloxía para a consolidación do sector agroalimentario da comunidade e o impulso de novos produtos, canles de distribución, procesos e comercialización dos produtos agroalimentarios galegos.
A Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA) está impulsada pola Confederación de Empresarios de Lugo
Asemade, FAGA busca aglutinar e apoiar accións para facer fronte aos retos da industria agroalimentaria galega, promover iniciativas empresariais e transformadoras que redunden na promoción, a transformación, a modernización e a recuperación do sector agroalimentario da comunidade e a mellora do rendemento das explotacións e potenciar ou colaborar con estratexias que redunden en beneficio do sector agroalimentario galego. Do mesmo xeito, a Fundación Agroalimentaria Galega persegue captar e atraer investimentos nacionais ou internacionais e potenciar a peme agroalimentaria galega e o desenvolvemento do emprendimiento nas zonas rurais de Galicia. Tamén colaborar coas Administracións públicas e empresas agroalimentarias co fin de conseguir selos e denominacións de calidade diferenciada nas producións agroalimentarias galegas, así como para recuperar e pór a producir terreos en estado de abandono en Galicia, entre outros obxectivos. Tendo en conta estes obxectivos, a propia Xunta, a través da Consellería de Medio Rural, declarou a FAGA Fundación de interese galego e de interese para o desenvolvemento do rural de Galicia.

Os cans ceibos convértense nun foco de danos para a gandería de ovino e caprino

A Asociación de Criadores de Gando de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) advirte sobre os problemas que está a causar a presenza de cans ceibos ós rabaños de ovellas e cabras. Nos últimos tempos detectaron un incremento das incidencias, que nos casos máis graves acaban por supoñer a perda das crías máis novas. Os ataques tamén xeran outros problemas como lesións ou episodios de estrés para o gando e mesmo a morte de exemplares adultos por complicacións derivadas dos ataques ou ó ser atacados en momentos como o parto. “É un problema que está a afectar a boa parte dos nosos socios de moi distintas zonas de Galicia, tanto en áreas próximas a núcleos rurais como en lugares máis afastados, pero ós que a xente acude a pasear cos seus cans e estes van ceibos”, apuntan dende a asociación. Así, estes ataques estanse a producir en parcelas pechadas onde o gando permanece pacendo e nas que os cans irrompen ou asustan ós animais. A presenza de cans ceibos tamén está a supoñer, en ocasións, enfrontamentos cos cans de protección de moitas ganderías de ovino e caprino. “Moitas veces a xente descoñece o importantes que poden chegar a ser os cans da gandería para a xestión dos animais e para previr ataques da fauna salvaxe”, apuntan dende a asociación de criadores. Neste senso, para lograr un maior entendemento, noutras comunidades autónomas, tanto a Administración como diferentes colectivos mesmo impulsaron campañas con carteis informativos que avisan da presenza destes cans e do seu papel no coidado das ganderías de ovino e caprino. Dende Ovica sinalan que este tipo de estratexias pode axudar a favorecer a convivencia entre as ganderías de ovino e caprino e os propietarios dos cans. Un dos carteis empregados en zonas gandeiras dotras comunidades para informar da presenza de cans nas ganderías de ovino e caprino.

Documentar o ataque

Xunto cos ataques, os gandeiros tamén teñen que facer fronte á complexidade que supón en moitos casos documentar e acreditar as incursións na parcela. Incluso naqueles casos nos que os cans causan baixas entre as crías, resulta difícil ó tratarse de animais de tan pequeno tamaño, en moitas ocasións é moi difícil ou mesmo imposible, conseguir localizar restos do animal na parcela. Esta situación súmase ás dificultades que os gandeiros están a ter para documentar os ataques da fauna salvaxe, como o lobo ou o raposo, nos que é imprescindible unha localización dos restos para lograr optar a unha compensación por parte da Administración. “Os gandeiros están tendo que afrontar procedementos moi estritos para documentar os ataques e logo perciben axudas que non son suficientes para afrontar as perdas”, detallan dende Ovica, á par que solicitan procedementos que se axusten máis á realidade deste tipo de ganderías.

Eurolemos, un santuario das razas autóctonas galegas

Mari Carmen e Ramón, na súa tenda, ubicada en Monforte de Lemos, cos produtos que eles mesmos producen Se no sur da provincia de Lugo hai un lugar de referencia para as razas autóctonas galegas, ese espazo atópase no número 15 da rúa Chantada de Monforte. Alí é onde Ramón e a súa muller Mari Carmen teñen unha tenda de alimentación na que dan saída a todo canto producen, que non é pouco, desde carne de vaca cachena, porco celta ou galo de Mos a ovos, embutidos, produtos da horta, marmelo ou mel das súas propias colmeas. O nome do establecemento xa é toda unha declaración de intencións: chámase Eurolemos Autóctono. E nada máis entrar queda clara a filosofía do local e dos seus propietarios, a de apostar pola calidade. Cartelería e folletos explicativos sobre as bondades e a forma de cría de ovellas, porcos, vacas e galiñas galegas e que informan sobre as características diferenciais da carne destes animais reciben ao cliente (e aos peregrinos que pasan por diante camiño a Santiago) anticipándolle o que van atopar no interior.
A min o que me gusta é facer cousas diferentes e ter o que non ten todo o mundo. Hoxe en día hai que especializarse
Ramón recoñece que vende tamén outro tipo de carne de tenreira ou de porco porque hai que ter para todos os gustos (e petos) pero sempre que ten oportunidade convida á súa clientela a levar as razas que el mesmo cría, convencido de que quen probe repetirá. Dubido que haxa mellor comercial para as razas autóctonas que unha persoa coma el, que leva 20 anos de carniceiro, desde nada máis cumprir os 18. "Levo 15 anos nas asociacións de razas autóctonas galegas integradas en Boaga, como Avimós, Asoporcel ou Cachega e participando nas súas actividades", destaca. Importante labor de promoción No 2014 comezaron a criar vacas cachenas "Hoxe en día hai que especializarse", asegura, a mesma recomendación que fai aos negocios de hostalaría para superar a actual crise xerada pola pandemia sanitaria. Ramón sempre que pode é dos que está disposto a organizar degustacións en feiras, bares ou restaurantes para dar a coñecer a calidade dos seus produtos e decantar ao consumidor cara as razas propias de Galicia para apuntalar un proceso de recuperación que pouco a pouco vai gañando espazo timidamente no mercado. "Son produtos todos en perigo de extinción, algo máis caros, pero a xente que economicamente pode optar está decantándose por produtos de máis calidade. Notamos algo iso a raíz do coronavirus", indica.
As feiras téñense que recuperar porque se ti queres un produto local non podes ir a unha grande cadea de supermercados a buscalos porque alí non están
Él é dos que outorga neste camiño unha importancia vital á promoción. "Fixen unha neveira pequena portátil específica para levar ás feiras", conta. É habitual velo tanto con animais como con produtos na Semana Verde de Silleda, en Expolougo, en Xantar de Ourense ou noutras citas locais como a Feira de Santos de Monterroso. Moitas delas non se celebraron este ano por mor do coronavirus, pero Ramón defende a utilidade destes mercados de proximidade. "Todo este tipo de mercados pegou un golpe grande con isto da pandemia. Levamos un ano parados, coa desculpa do coronavirus estanse facendo moitas cousas sen sentido, pero eu penso que as feiras téñense que recuperar porque se ti queres un produto local non podes ir a unha grande cadea de supermercados a buscalos porque alí non están", evidencia. Dar saída ao que eles mesmos producen Elaboran distintos produtos, como chourizos, salchichóns ou marmelo caseiro Moitos dos produtos que un se pode atopar en Eurolemos son de produción propia. "Nós vendemos moitos produtos nosos ademais da carne, como ovos, grelos, verzas, castañas, cabazas, mel, marmelo caseiro, chicharróns, manteca de porco celta, chourizo, salchichón. Moitas cousas son limitadas e puntuais. Por exemplo, fai dous meses matei unha vaca de 5 anos e fixen cecina e chourizo con ela engadíndolle un 20% de graxa de porco celta", explica Ramón.
Son produtos algo máis caros, pero a xente que economicamente pode optar está decantándose por produtos de máis calidade. Notamos algo iso a raíz do coronavirus
Pero ademais dos produtos propios, na súa tenda hai tamén mercadoría doutros produtores da zona, como os lácteos de Casa da Fonte, a gandería que elabora queixos e iogures no veciño concello de Pantón, onde eles teñen tamén as súas cachenas. "Hai outros criadores de razas autóctonas aos que tamén lles damos saída nós ao produto que eles producen", conta Ramón. Diversificar a produción Ademais de cachenas teñen ovella galega e galiña de Mos e están a aumentar con reprodutoras de porco celta "Matamos entre 3 e 4 xatos ao mes entre os nosos e o de outros produtores. Sacrificamos os animais cando teñen entre 10 e 12 meses, con entre 110 e 130 quilos a canal. Cando foi do confinamento pola covid-19 xente que antes levaba medio becerro levouno enteiro. O que temos dámolo vendido e máis non damos feito porque atendemos nós os dous sós tanto a carnicería como a explotación e non se pode estirar máis os pés do que dá a manta", engade. Por iso, máis que ampliar en volume ou número de cabezas o que queren é diversificar a produción. "Queremos seguir vendendo un pouco de todo coma sempre, pero o que nos interesa é sobre todo vender o noso e ter variedade, porque ao ter variedade de produtos pechas moito máis o círculo da produción. Así que ademáis das cachenas queremos ampliar con porco celta e outras cousas", avanza.
Ao ter variedade de produtos pechas moito máis o círculo da produción
Ramón ten tamén seis exemplares de ovella galega e 10 nais reprodutoras de porco celta que quere ir aumentando até chegar ás 20. Contan tamén con 16 colmeas nun colmear ubicado a 20 quilómetros de Monforte, enriba dos Peares. "Tiñamos máis de 20 colmeas, pero o ano pasado despois de sacar o mel metíanse dentro as velutinas e atacáronas moito", conta. Do medio cento de galiñas de Mos que teñen comercializan os ovos, que venden a 4 euros. Malia a diferenza de calidade, na súa zona moita xente aínda ten galiñas na casa para autoconsumo e consideran que é por iso que non hai moita demanda e son pouco valorados ovos como os que eles teñen á venda na súa tenda, pero en entornos máis urbanos ou mesmo fóra de Galicia son moi aprezados. Agora están preparando o obrador que teñen en Monforte para poder etiquetar alí os ovos e non ter que levalos a envasar a Fontefiz,  en Ourense, onde se atopa a sede de Avimós, a asociación que reúne aos criadores da única raza recoñecida de galiña autóctona gallega. "A produción destas galiñas é menor, pero a calidade é moito maior. Para facer un polo de Mos de dous quilos e medio fai falta un ano, catro veces máis tempo que para criar un polo industrial, igual que un xato de cachena pesa ao ano menos da metade que un xato de cebadeiro. Son produtos de baixo rendemento pero de gran calidade", destacan. 

Das avestruces ás cachenas de Pantón

A Ramón véselle destreza como vendedor e como carniceiro, pero onde realmente disfruta é como gandeiro. "Cando empezou o coronavirus para non estar tanto tempo expostos empezamos a abrir só polas mañás a carnicería e así temos as tardes para atender o gando. Na explotación é onde mellor se está sen pelexar coa xente", di medio en broma medio en serio. A súa filla Romina cun ovo de avestruz "Sempre me gustaron moito os animais e ir probando cousas diferentes. Houbera unha época hai 15 anos na que houbera un boom das avestruces e probei con tres e logo fun aumentando. Daquela cada exemplar podía custar case un millón de pesetas. Aínda teño algunha e véndolles tanto os ovos como as crías pero cebar para carne non compensa moito porque aínda que un zanco de avestruz pode dar tranquilamente 15 quilos de carne e ten un sabor totalmente distinto ao polo ou ao pavo, non hai moitos matadoiros autorizadas onde sacrificalas e non compensa moito o gasto de cebalas durante un ano e os portes e custos de matanza. Ás avestruces saqueilles cartos durante uns anos, pero houbo outra xente que investiu moito nelas e acabou arruinándose. Eu despois o que fixen foi cambiar as avestruces polas galiñas de Mos. Incubadora xa tiña, antes collíanme 50 ovos de avestruz e agora 1.000 de pita", conta.
Cada ovo de avestruz, que se pode comer frito, asado, en revolto ou en tortilla, equivale a dúas ducias de ovos de galiña
Pero a súa verdadeira paixón son neste momento as vacas cachenas. Ten unhas 40 cabezas repartidas en distintas fincas tanto a carón da casa en Monforte como en Ferreira de Pantón. "En Monforte teño 9 e en Pantón dous lotes con 18 cabezas en cada grupo. Están sempre fóra en fincas de 7 e 8 hectáreas con auga nas fincas e o único que lles damos é herba seca. Pero eu non empecei coas cachenas porque fora unha raza máis doada de manexar, senón por convencemento", matiza. "No ano 2014, cando comecei coas cachenas, tiñamos unha vaca para limpar arredor da casa e para muxir o leite para autoconsumo. Cando decidín ampliar, de todas as carnes de vacún galego que eu probei noteille diferenza á cachena, as outras razas son máis parecidas no sabor á rubia galega, pero nesta o sabor é diferente, máis forte, estaría entre a carne de tenreira e a de boi, cunha textura tamén diferente porque é unha carne máis compacta que non merma nin solta auga. E como a min sempre me gustou ir a contracorrente e un pouco ao revés para non ter o mesmo que teñen os demais apostei por meter cachenas, que é unha raza anana, máis pequena e que produce menos quilos, por iso quizais haxa menos, aínda que está en proceso de recuperación", razoa. A aquel primeiro exemplar, de nome Cartera, sumáronse enseguida outras femias e un touro, chamado Curro, e a gandería medrou axiña en poucos anos. 
O que hai véndese ben, tanto para vida como para carne, vendo os meus xatos e os de 2 ou 3 produtores máis
"A primeira que touxen merqueina no Faro, en Chantada, a un criador do que hoxe son moi amigo e ao que lle compro os becerros da súa explotación para comercializar aquí na carnicería. Vendo os meus xatos e os de 2 ou 3 produtores máis. Nós sacrificamos só os nosos machos, pero as femias van para vida todas. Vendémolas a 400 euros. Dache pena sacrificar esa xeración e tamén serve para seguir extendendo a raza, que segue en perigo de extinción. Nós temos todo certificado e dado de alta, polo que a nosa recría vai con todas as garantías, procuramos facer as cousas sempre o mellor posible. O que hai véndese ben, tanto para vida como para carne", asegura. Con todo, coa carne de cachena pásalles un pouco como cos ovos de galiña de Mos e case venden máis para fóra, con envíos a toda España, que para a zona de Lemos. 40 reprodutoras en 60 hectáreas de terreo Moitos veciños cédenlles as fincas para que llelas limpen A explotación de Ramón e Mari Carmen, coñecida co nome de Cachenas de Pantón, ten hoxe unhas 40 vacas reprodutoras en pastoreo extensivo en distintas fincas que suman unhas 30 hectáreas de superficie. A maiores a gandería conta con outras 30 hectáreas de terreo destinadas a facer herba seca para o inverno e para outras épocas do ano nas que escasea o pasto, como pode ser, nesta zona do sur da provincia de Lugo, o mes de agosto e setembro se vén seco. "Se o tempo é bo e hai que comer botas dous meses sen darlles herba e se non hai pasto gastamos dous rolos cada día", explican.
En seis anos pasamos de ter unha vaca a ter 40 porque o terreo a xente dacho para que llo limpes. Pero hoxe xa temos o cupo cuberto. Non precisamos máis traballo, precisamos máis cartos e máis rendabilidade
Este ano Ramón fixo uns 700 rolos de herba seca. "Facemos nós todo, temos maquinaria e non dependemos de ninguén para facer os traballos". "O terreo a xente dacho para que llo limpes pero hoxe temos o cupo cuberto, chéganos moito atender a todo. E preferimos ter menos dunha cousa e ter máis variedade. Non precisamos máis traballo, precisamos máis cartos e máis rendabilidade", engade. Animais moi agradecidos Fan uns 700 rolos de herba seca para suplementar o pasto nas épocas nas que escasea A única forraxe que empregan na actualidade é herba seca, aínda que algún ano ten feito silo de herba tamén. "Probei a ensilar algún ano, pero non lle vin moito resultado e o custo engadido que ten o silo sobre a herba seca é duns 6 euros por rolo porque eu non teño máquina de encintar. Eu penso que o silo é bo para o leite pero as pradeiras desta zona son un luxo para elas, porque o seu hábitat natural son zonas de montaña con moita pedra e pouco alimento", afirma.
Non empecei coas cachenas porque fora unha raza máis doada de manexar, senón por convencemento, porque o sabor da carne é distinto a das demais
"Estes son uns animais moi agradecidos, que están acostumados a criarse fóra, á auga e ao frío, á intemperie, e a defenderse doutros animais como os lobos. Pero tamén teñen boa memoria, á persoa que un día lles faga algún dano fíchano para toda a vida", asegura. Ademais do sabor da súa carne, a Ramón gústalle a conformación estética da raza cachena e tamén o seu carácter. "Son unhas vacas ás que a xente lles ten medo polos seus cornos grandes, pero son uns animais moi nobles, de feito era un gando co que se facían os traballos agrícolas. Se te fixas, as casas de Entrimo, Olelas e esa zona da que son orixinarias tiñan as cortes cos dinteis das portas baixos, porque eran animais pequenos, pero anchos, polos cornos", describe. El hoxe exhíbeos con fachenda na súa carnicería.

Baroña, a comunidade de montes que implica ós seus veciños

Na parroquia de Baroña, en Porto do Son (A Coruña), a Comunidade de Montes xestiona unhas 875 hectáreas de terreos veciñais. Nos últimos anos están impulsando un aproveitamento multifuncional do monte, onde os rendementos desta masa forestal vaian máis alá da madeira. Na actualidade é unha das comunidades de montes de Galicia que se mantén máis activas, promovendo tamén actividades sociais, comerciais e culturais nos seus bosques. “Buscamos a implicación de tódolos veciños no monte e para iso non abondaba con que mantivéramos un aproveitamento forestal, precisabamos buscar outros usos e beneficios para que os comuneiros se sentiran vinculados co seu monte”, explica Ovidio Queiruga, que leva como presidente da comunidade de montes case 11 anos.
“Precisabamos buscar outros usos, a parte do forestal, para que os comuneiros se sentiran vinculados co seu monte”
Aproveitamento resineiro dos piñeiros, diverso gando no monte, un coto micolóxico ou un apiario son algúns dos proxectos que están a impulsar e que comezan a traducirse tamén en rendementos económicos para os 184 comuneiros que conforman a entidade veciñal. Ademais, o seu traballo no monte deixa tamén beneficios intanxibles ós visitantes e veciños da zona que se achegan a estes espazos naturais. Os traballos de silvicultura son un dos labores que afrontan dende a comunidade de montes.

Crear emprego no monte

Cun orzamento anual que se sitúa entre os 250.000 e os 280.000 euros, derivados tamén da instalación de dous parques eólicos e dun posto de vixilancia de Salvamento Marítimo, que supoñen un 35% dos ingresos;  a comunidade de montes leva anos apostando pola creación de emprego vinculado ó monte. “Investimos os beneficios no monte e en crear emprego, como xa fixeron as anteriores directivas. Sempre foi unha prioridade”, detalla Queiruga.
A comunidade de montes emprega a 10 persoas durante todo o ano
Comezaron empregando a dous traballadores e hoxe contan cunha cuadrilla de 10 persoas que se centran tanto en traballos de silvicultura como no coidado do gando. Ademais, as perspectivas son seguir contratando máis persoal en canto vaian incrementando o número de cabezas de gando caprino e vacún. “É certo que nós temos unha importante fonte de ingresos no monte cos parques eólicos e co posto de vixilancia, pero aínda así estamos tentando que o monte tamén produza outros beneficios ós veciños”, indica.

Alternativas á corta das masas forestais

Nos terreos veciñais contan cunha importante masa forestal, case o 60% está repoboado con piñeiro, da variedade pinus pinaster, ós que se suman tamén un pequeno eucaliptal, situados ambos nas zonas de maior altitude, onde outras especies teñen dificultades para saír adiante. “Nas zonas altas, os solos son moi acedos e rochosos, co que estamos moi limitados para introducir outras especies, polo que continuaremos co piñeiro”, explica Queiruga.
“Os plans forestais están moi enfocados a unha produción forestal e case van en contra dun monte multifuncional”
O ano pasado aprobaron o terceiro Plan Forestal da comunidade, unha ferramenta que non está a resultar moi operativa para a comunidade. “Os plans forestais están moi enfocados a unha produción forestal e case van en contra dun monte multifuncional como o que nós queremos”, explica. Tampouco están a seguir as recomendacións das quendas de corta previstas polo prezo que lle ofrecen da madeira de piñeiro. “Tralo peche da industria transformadora na comarca, xa case non quedan serradoiros no Barbanza; e o prezo da madeira de piñeiro depreciouse moito na zona”, detalla, ó tempo que recorda o gran potencial que tiñan na área costeira coa fabricación de caixas para o peixe. Este baixo prezo motivou que nos últimos 5 anos só fixeran as cortas de obrigado cumprimento nas franxas de seguridade ou aquelas que son necesarias para a mellora da masa forestal, coma podas ou claras. Prefiren pospoñer as cortas finais agardando que a cotización da madeira se recupere. “Non podes rematar vendendo unha masa de 30 anos por uns prezos que nin se quere compensan os gastos que ocasiona volvela plantar”, critica. Na masa forestal contan, ademais, co selo de certificación PEFC e agardan acadar proximamente o FSC. Agardan que o prezo da madeira de piñeiro se recupere para realizar as cortas finais. No canto das cortas, nos últimos anos procuraron un aproveitamento resineiro para a masa forestal de piñeiro e convertéronse nos primeiros produtores de resina de Galicia. Este é o terceiro ano que levan a cabo esta práctica nuns 16.000 piñeiros, cos que agardan acadar unhas 50 toneladas de resina, superando ás máis de 40 toneladas que o ano pasado enviaron para a planta de Resinas Naturales, situada en Segovia. “Ó terceiro ano é cando o piñeiro comeza a producir en gran cantidade, xa que nos primeiros anos as árbores retráense”, concreta.
Son o primeiro produtor de resina de Galicia. Este ano agardan recoller unhas 50 toneladas de resina en 16.000 piñeiros
Á par do aproveitamento resineiro, tanto nas masas de piñeiro coma en zonas de frondosas habilitaron un couto micolóxico. “Delimitamos e rexistramos unhas 100 hectáreas de monte para fomentar a produción micolóxica”, apunta Ovidio. Mentres que para os comuneiros o seu acceso é gratuíto, o resto de persoas que queiran recoller cogomelos neste espazo deben contar cun carné de apañador de cogomelos, que ten un custo anual de 10 euros e que permite acceder na tempada. “O recadado con esta cota reinvístese tanto no propio coto como na reparación do peche ou en tratamentos de micorrizado para favorecer o crecemento de cogomelos”, detalla. Nestes montes abondan os boletus e o níscalo, pero tamén hai outras especies como a lingua de vaca ou a cantarela. A delimitación do coto micolóxico encádrase dentro dun proxecto máis ambicioso que pretende a comercialización dos cogomelos de xeito deshidratado, que aínda está pendente de desenvolver nos vindeiros anos. Á par, xa levaron a cabo roteiros micolóxicos para divulgar o coñecemento das especies con maior presenza. A comunidade conta cun rabaño de máis dun cento de cabalos que viven nos montes.

O gando no monte

A comunidade de montes tamén leva anos contando cunha manda de cabalos que contribúe ó mantemento do monte. Os primeiros animais de pura raza galega chegaron a Baroña no 2008. “A vexetación que máis abondaba nos nosos montes eran os toxos, por iso nos decidimos a inicialmente meter cabalos”, apunta Ovidio. Neste anos foron sumando ó rabaño cabalos de veciños que xa non podían seguir a coidalos e hoxe en día a maior parte dos 120 animais que teñen son mestizos, aínda que a Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) acreditou que contan con 35 cabalos de pura raza.
“Na Serra do Barbanza sempre houbo lobo, temos que convivir con el”
Para facilitar o manexo do gando teñen peches electrificados e van cambiando os animais de zona para asegurarlles alimento durante todo o ano e que se manteñan só co que produce o monte. Así, optimizan o aproveitamento da vexetación que os cabalos fan, conseguindo que limpen máis. Ademais, con este sistema de rotación tentan reducir os riscos de ataques da fauna salvaxe. “Na Serra do Barbanza sempre houbo lobo, temos que convivir con el”, indica. Por este motivo cando hai cría traen os cabalos para zonas máis baixas para tentar reducir os ataques ós poldros. “Temos sempre algunhas baixas, pero polo momento son asumibles”, detalla. Este sistema, que non supuxo unha gran inversión, permítelles reducir o risco de accidentes en estradas cos cabalos así como que estes causen danos con incursións en leiras. “Polo momento nunca tivemos accidentes cos nosos cabalos, pero de pasar contan cun seguro, ademais de estar identificados cunha chapa para que todo o mundo saiba que son da comunidade de montes”, detalla.
Contan cuns 120 cabalos no monte e este ano comezarán a comercializar chourizos de carne de poldro
Mentres que as femias as empregan para recría, os machos comercialízanos. Nos últimos anos tamén comezaron a sacrificar algún exemplar para degustar en xuntanzas dos comuneiros. “Ó principio había moitas reticencias ó consumo desta carne, pero agora vai gañando aceptación”, explica. Tamén comezaron a elaborar chourizos de carne de poldro que este ano comercializarán. Agardan tamén elaborar outros embutidos, mais a tramitación das licenzas está a ser dificultosa. “A Xunta non fai diferenzas para pequenas industrias, tanto lle dá que só vaias poder elaborar 1.000 chourizos ca que fagas 3.000 ó día, co que a tramitación burocrática é moi complicada para os pequenos”, indica. Xunto cos cabalos, no monte teñen tamén, dende o ano pasado, un rabaño de 75 cabras e agardan chegar a contar con preto de 150 animais. Polo día, o gando está custodiado por cans mastíns, mentres que á noite permanece estabulado en cortes que foron acondicionadas polo persoal da mancomunidade utilizando edificacións abandonadas ou en desuso. “Aproveitamos antigas instalacións que xa estaban no monte dándolle unha nova utilidade”, detalla. Para complementar a alimentación do gando sementaron millo do país ecolóxico. “Procuramos unha crianza tradicional e ecolóxica, sen químicos, para conseguir unha carne de calidade”, apunta. A comunidade forma parte tamén da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia.
Introduciron cabras para conseguir reducir a vexetación nalgunhas zonas e este ano tamén incorporaron vacas cachenas
Esta primavera tamén incorporaron un pequeno rabaño de vacas cachenas doadas por unha comunidade de montes de Ribadeo, que evidencia a colaboración que existe entre estas entidades. “Eles están agora comezando con outro aproveitamento dos montes centrado na cría de porco celta polo que xa non precisan ese gando vacún polo tipo de vexetación que teñen e déronnos 6 vacas e 1 boi”, explica. Están a preparar novas zonas de pastizais para o gando vacún. No plan silvopastoral desenvolvido pola comunidade de montes de Baroña xa programaran a introdución de diferente gando en función de como fora mudando a vexetación. “Agora temos máis zonas de pastizais, polo que xa podemos ir introducindo gando vacún”, argumenta. Hai dous anos tamén incorporaron un apiario, logo de realizar unhas xornadas divulgativas para achegar a apicultura ós veciños. Comezaron cunhas 15 colmeas e agora sitúanse nas 30. Polo momento, o apiario ten como finalidade potenciar a polinización no canto de estar orientado a unha produción melífera, polo que o mel que recollen repárteno entre os comuneiros, aínda que non descartan facelo nun futuro.

A loita contra o lume no monte: silvicultura e vixilancia

Un dos aspectos que máis preocupa na xestión das comunidades de monte é a prevención de lumes forestais e, no seu caso, están a facer importantes esforzos en varias liñas de traballo que buscan non só protexer as masas forestais senón os núcleos de vivendas. Así, a parroquia conta cunha zona produtora, situada nas zonas de maior altitude, e un espazo de conservación da vexetación autóctona nas proximidade das aldeas. Ademais, están a traballar para incrementar as devasas para conseguir mellorar a protección que ofrecen en caso de lumes. “Nos montes do Barbanza, coa incidencia do vento do nordés, as franxas de protección de 20-25 metros non son efectivos para frear o avance do lume, só para protexer os equipos de extinción”, explica Queiruga. Por este motivo están traballando para contar con dous grandes cortalumes naturais de entre 50 e 100 metros de ancho, proxectando unha discontinuidade horizontal que sexa máis efectiva.
Preparan 2 grandes devasas naturais que contribúan contra o avance dos lumes e contan cunha patrulla veciñal de vixilancia
Un destes cortalumes serán pastizais que prepararán este mesmo ano para incrementar o alimento para o gando e mediante un convenio coa Xunta, polo que será a empresa Tragsa a que se encargue de preparalo. A outra devasa natural está situada seguindo o trazado da liña de alta tensión que transcorre pola parroquia. “Aproveitamos a franxa de seguridade que hai nestas liñas e chegamos ós 50 metros coa plantación de frondosas”, detallan dende a comunidade de montes. Contan con diversa maquinaria pesada para afrontar os traballos de silvicultura nas masas forestais. Na prevención do lume, contan tamén cunha ampla rede de puntos de auga para afrontar a extinción. Ademais, nos últimos anos activaron unha vixilancia veciñal dos montes no período estival. Coordinados co Distrito IV do Barbanza e coas Forzas de Seguridade do Estado, organizan quendas de patrullas polo monte que se prolongan ata o outono, xa que nos meses finais do verán increméntase o risco de lumes. “É unha ferramenta disuasoria, xa que canta máis xente haxa polo monte menos probabilidade hai de que os inimigos do monte veñan prenderlle lume”, apunta. Os traballos de silvicultura do monte que realizan dende a comunidade tamén son fundamentais nestas tarefas de prevención. Contan con maquinaria como tractor, guindastre, desbrozadoras ou retroescavadora que lle facilitan a xestión do monte. Entre os traballos de silvicultura e as vixilancias conseguiron que os incendios estean a ter unha baixa incidencia nos seus montes nos últimos anos. Un dos últimos lumes que se produciu na zona foi o que se iniciou no Castro de Baroña no 2017 e que arrasou unhas 1.000 hectáreas en Porto do Son, pero que nos montes de Baroña só se queimaron uns 2.000 metros cadrados. “Nese caso, os ventos do nordés levaron as lapas cara os montes limítrofes, por iso non ardeu máis aquí”, detalla.
Propoñen actividades lúdicas no propio monte para achegar ós veciños a estes espazos.

O valor cultural e social do monte

Os montes de Baroña son ademais un espazo onde se localizan numerosos restos arqueolóxicos. Á marxe do propio Castro de Baroña, contabilízase un gran número de petroglifos, un atractivo que tamén están a fomentar dende a comunidade de montes. “Hai anos os restos arqueolóxicos víanses como algo negativo por parte de moitos dos comuneiros, polas limitacións que provocan no uso do monte, porén estamos traballando na súa posta en valor e xa se están vendo como algo positivo pola maioría”, concreta Queiruga. Este cambio conseguírono achegando o coñecemento sobre estes restos ós veciños tanto con roteiros arqueolóxicos como coa publicación dun libro-guía sobre os petróglifos da parroquia editado pola comunidade de montes e que contribúe a difundir este patrimonio. “Moitos comuneiros pasaron de non saber da existencia destes restos e non valoralos a querer amosarllos ós seus netos”, explican dende a comunidade de montes.
“Moitos comuneiros pasaron de non saber da existencia destes restos arqueolóxicos e non valoralos a querer amosarllos ós seus netos”
Así, esta transformación sobre o papel da conservación dos restos arqueolóxicos propiciou tamén unha estreita colaboración con Patrimonio para a catalogación dos novos achados que se van producindo. Con todo, na zona aínda se producen episodios puntuais onde se pon en risco este patrimonio, como unha saca de madeira con vehículos pesados nun dos acceso do Castro de Baroña que se denunciaba en días pasados. “Non se trata de que a xente que ten madeira nesa zona non poida cortala, nin vendela, só é preciso facelo do xeito adecuado para evitar os danos no patrimonio”, explica Queiruga. Os roteiros nocturnos para coñecer os petróglifos son algunhas das actividades que organizaron nos últimos anos para difundir o patrimonio da parroquia. Ademais da conservación dos restos arqueolóxicos, dende a comunidade de montes tamén afrontaron a escavación dos restos dunha antiga capela e a restauración de 7 muíños de agua no río Santomé. “O ano pasado celebramos alí a primeira feira de artesanía e oficios tradicionais, coa intención de achegar a xente a esta zona do monte e que se lembraran as historias vividas noutros tempos, cando os muíños estaban en funcionamento”, apunta. Á marxe destas iniciativas, a comunidade converteuse nun dinamizador da vida social e cultural da parroquia de modo que se organizan un amplo abano de actividades solicitadas polos comuneiros. Ademais, levan a cabo accións de colaboración co Concello de Porto do Son e con diferentes colectivos como os cazadores do Tecor de Porto do Son, para fomentar a mellora cinexética coa creación de biotopos de coellos e faisáns, así como con clubs de ciclismo e sendeirismo da zona ou coa comunidade educativa e entidades de coidado de persoas con discapacidade. “Para nós é moi importante que todo o mundo estea implicado cos nosos montes”, conclúe Queiruga.