“O cemento e os ferros non é o que deixa beneficio nunha gandería”

Xosé García Freire é un mozo gandeiro de Pantón (Lugo) innovador en moitos aspectos: as súas vacas non teñen establo, só fai un muxido ao día cunha sala portátil e transforma o leite na propia explotación.

“O cemento e os ferros non é o que deixa beneficio nunha gandería”

Xosé García Freire co seu gando en Mañente (Pantón).

Os baixos prezos do leite, a falta de tempo libre ou os investimentos continuos en maquinaria e instalacións que endebedan ás ganderías son queixas recorrentes nas persoas que traballan no sector. Sen embargo, tal e como dixo Albert Einstein nunha das frases que se lle atribúen: “Non pretendamos que as cousas cambien se sempre facemos o mesmo”.

Esta reflexión tamén a debeu facer Xosé García Freire, un mozo gandeiro de 34 anos do concello lucense de Pantón. A súa gandería, a Casa da Fonte, non ten establo, conta con tempo libre e ademais con apenas 30 vacas en muxido consigue xerar 3 salarios. E aínda por riba, nótaselle moi satisfeito co traballo que fai. Cóntanos como o consegue. Unha pista: define as súas vacas como “segadoras autopropulsadas que traballan co mínimo custo e co máximo rendemento”. E algo moi importante, fala sempre de “nós”, incluíndo aos seus dous traballadores, aos que considera parte clave do éxito da súa empresa.

De onde ven a túa vinculación co sector gandeiro?
Os meus pais tiñan unha pequena granxa de vacún de leite e dende pequeno crieime no medio de animais e sempre me tirou isto. Por iso, fun estudar Enxeñería Agrónoma a Lugo, e non pensei xa en buscar traballo noutra cousa ao rematar os estudos. En febreiro de 2011 incorporeime e collín o relevo aos meus pais.

Daquela era raro que un mozo rematara unha carreira universitaria e decidise volver para a granxa familiar. Hoxe é certo que xa empeza a ser algo máis habitual, pero daquela as expectativas para os propios estudantes e para os pais eran outras: ser un comercial ou traballar como técnico nunha empresa, pero non ser gandeiro.

Que produces na Casa da Fonte?
O principal é a explotación de leite que herdei do meu pai, e partir do leite elaboramos e vendemos leite pasteurizado, iogures, queixos e manteiga.
Tamén facemos avicultura artesanal, unhas 90 galiñas, entre polas e pitas en produción, que alimentamos coa horta que temos, co que apañan na finca e con cereal ecolóxico. Vendemos os ovos e tamén os polos cebados.

E logo tamén criamos porcos ao aire libre, uns 10, que se alimentan tanto dos produtos da horta, como do soro da queixería e do que apañan no monte.

Non é común agora en Galicia este enfoque de facenda agrícola multifuncional. Por que optaches por este modelo?
A idea que temos é que haxa diversidade, aínda que algunhas das producións están en fase de proba. Creo que a diversificación debería ser fundamental nas granxas, e de feito se viaxas por outros países de Europa é habitual que unha gandería de vacún de leite tamén produza cereal e horta, por exemplo. Está claro que supón máis traballo, pero tamén é incuestionable que ao diversificar estás máis protexido fronte ás crises de prezos.

 “Ao diversificar estás máis protexido fronte ás crises de prezos”

No meu caso, este ano a miña intención é seguir diversificando introducindo outras especies que melloren o aproveitamento das pradeiras.

Tamén tes en mente que os teus porcos axuden a rexenerar pradeiras….
Estamos en fase de proba e este ano tiven 10 pero a idea é aumentar. O porco empregámolo sobre todo para fincas con arborado ou sen aproveitamento real para o gando. Permite limpar os montes e sacar rendibilidade. Tamén queremos facer uso deles para renovar fincas parcialmente para pradeiras, pois é un animal que deixa a terra removida e abonada, para posteriormente realizar a sementeira e non ter que arar. De momento é unha idea pero queremos probalo.

Aproveitamos tanto o soro dos queixos, así como os iogures e o leite que pasan a data de consumo preferente para alimento para os cochos, así como os restos da horta e cereal ecolóxico, máis o pastoreo que fan eles nas fincas e as landras que apañan.

E como comercializas os teus produtos?
Temos un posto de venda na propia granxa e despois vendemos en tendas e restaurantes dos pobos de arredor, así como en Monforte e na cidade de Ourense. O produto vai saíndo bastante ben, sobre todo porque neses establecementos o propietario sabe explicar ao consumidor como é o noso produto e como traballamos.

Ademais, neste tipo de tendas en case todas cobras no momento de deixar a mercadoría, e iso é moi importante tamén.

Recibimos tamén visitas de colexios e de grupos, ensinándolles como traballamos e facémoslle unha visita guiada. É unha experiencia que ten moi boa aceptación tanto por eles como pola nosa parte.

Os excedentes de leite vendémosllos a Leche Celta, porque temos certificada a gandería para a produción ecolóxica, aínda que a parte da industria aínda está en fase de trámite no Craega.

No mercado hai moitas veces saturación de produtos. ¿Como intentas diferenciar a túa produción para atraer ao consumidor?
Creo que a principal diferencia ven da alimentación dos animais. Así, as nosas vacas están sempre no exterior e habitualmente andan pacendo todo o ano. Ademais, as nosas fincas son de pradeira natural, co cal teñen moita diversidade de especies e iso dálle moitos matices diferentes ao leite, de olor, sabor e color ao longo do ano porque as especies das pradeiras van cambiando con cada estación.

“As vacas pacen en pradeiras naturais e iso fai que o leite cambie ao longo do ano”

Á xente sorpréndelle eses cambios porque o cliente xa se habituou a un produto estandarizado que é o mesmo ao longo do ano. Hai que volver acostumar ao consumidor aos sabores naturais.

Sorprende que unha gandería pequena sexa capaz de xerar 3 postos de traballo…¿Cal é a clave?
Na granxa somos tres traballadores: eu, Tamar, que se encarga do obradoiro, e Héctor, que me axuda co muxido pola mañá e cos repartos pola tarde.

É certo que para unha granxa do noso tamaño sería impensable que en intensivo podas dar traballo a 3 persoas. Pero ao transformar dáslle máis valor engadido e xeras máis postos de traballo.

En total, procesamos uns 1.500 litros de leite á semana de media, dos que uns 800 van para para leite fresco e o resto para queixos, iogures e manteiga.

A Unión Europea parece que se decatou agora de que é urxente incorporar xente nova ao campo porque non hai relevo xeracional. No teu caso, ¿Con que obstáculos te atopaches?
Cada zona terá a súa problemática particular. Aquí, na comarca de Lemos, o principal problema que tiven foi o subministro de enerxía eléctrica para a queixería. As empresas, neste caso Fenosa, lávanse as mans se estás nunha zona rural e non hai potencia eléctrica suficiente.

No meu caso, tiven que empezar cun xerador de gasóleo, que entre aluguer e custo do gasóleo suponme un gasto moi elevado. Fenosa alega que o transformador do pobo non ten suficiente capacidade e que para cambialo tería que poñer eu do meu peto a metade, uns 10.000 euros. Esto para unha empresa que está empezando é un obstáculo moi grande. Estamos agora con estudos de enerxías renovables para ver se é viable e así sermos autosuficientes en enerxía.

Outro tema son as deficiencias nas vías de comunicación, que fai que ás veces aos camións lles sexa complicado acceder á granxa

E despois hai zonas no rural onde falla a conexión a internet, cando é imprescindible para negocios coma este nos que vendes tamén online.

Casa da Fonte en imaxes:

Leite, queixo, iogures e manteiga de Casa da Fonte

Nesta aldea os prados de arredor están limpos, o que non sucede en moitas en proceso de abandono. ¿Como é o manexo que facedes da vosa base territorial?
Estaremos utilizando unhas 65 hectáreas, unha boa parte fincas abandonadas que imos collendo. Nestes caso, primeiro facemos un pase coas xovencas e coas vacas secas, e logo rozamos. A continuación, deixamos que se rexenere para crear pasto natural e se é preciso facemos algunha sementeira superficial. Intentamos sempre non levantar os solos.

Nesta zona do sur de Lugo temos veráns bastante secos e invernos máis duros, polo que dispomos de menos pasto. Isto solucionámolo aumentando a base territorial e baixando a carga gandeira para ser autosuficientes en forraxes.

Na túa gandería fas un pastoreo intensivo día e noite. Poderíase dicir que es ante todo un produtor de herba que logo se transforma en leite e carne. ¿Como manexas o pasto?
Empezamos a entrar co gando no pasto a mediados de febreiro e vimos pacendo ata comezos de agosto, segundo veña o ano. Temos algunhas fincas que regamos co regadío do Val de Lemos, e iso permítenos ter algo de pasto que racionamos para os meses máis secos do verán. E nun ano normal volvemos arrancar en pastoreo a mediados de outubro e continuamos ata mediados de decembro. Estamos implantando novos métodos de manexo para prolongar eses tempos de pastoreo.

Para min o máis complicado nunha granxa como esta é precisamente o manexo do pasto. Sobre todo preocúpame facer uns manexos que permitan rexenerar o solo e manter o pasto en boas condicións para que cando volva o renovo arranque ben.

En canto ao abono das pradeiras, só é coa bosta e cos ouriños que directamente excretan as vacas.

Polo demais, facemos algo de ensilado de herba, pero pouca porque non me convence polos cheiros e sabores que deixa no leite. Traballamos sobre todo con herba seca para as épocas de falta de pasto. Suplementamos as forraxes e o pasto cunha media de 3 kilos de penso ecolóxico por animal e día.

E con esta ración atípica hoxe en día en Galicia en vacún de leite, incluso en ecolóxico, ¿Como son as medias de produción?
Temos un total de 64 cabezas de vacún das que 25 están agora en muxido, 14 secas, e o resto son becerras, xovencas e o touro. Temos bastante recría neste momento, arredor dun 25%, porque estivemos cambiando da raza da que partíamos, a Holstein, e porque queremos aumentar algo o rabaño. Estando estables en número, o noso obxectivo é ter un 10% de recría, entre 5 e 6 xovencas ao ano.

Facemos agrupamento de partos: a metade na primavera e a outra metade no outono, para garantir o subministro de leite ao cliente durante todo o ano. Nun mes e medio metemos o touro no lote e intentamos que queden preñadas.

En canto á produción, nesta época están en torno aos 15 litros por vaca e día nun só muxido e alimentado as crías con leite. Polo tipo de manexo son vacas de baixa produción, e a nosa idea é ter animais que produzan en torno a 4.000 litros. É algo que queremos conseguir en base a bo manexo e mellora de pastos e non con concentrado.

“Estamos nunha media de 15 litros ao día por vaca nun só muxido e alimentando as becerras con leite”

As calidades nas que nos movemos son 4,20 de graxa e 3,60 de proteína. Muximos ás 8 da mañá, cunha sala de muxido portátil que engancho ao tractor e que levo ata as fincas. Este muxido único permite que as vacas duren máis, que aumenten as calidades e que nós tamén teñamos máis calidade de vida, porque por exemplo as fins de semana o que lle toca a quenda ten a tarde libre.

Estades a ser tamén pioneiros na utilización de cruces. ¿Como o fas e que vantaxes lle ves a este sistema?
Intentamos facer un cruce con 4 razas: Frisón, Montbeliarde, Jersey e Roxa Sueca. Buscamos animais que se adapten moi ben á produción en base a pastos, a vivir fóra, que teñan moi boa fertilidade, que duren moitos anos e con boas calidades do leite. En definitiva, unha vaca moi funcional que aproveite ben os pastos e que non dea problemas.

Os cruces F1 funcionáronnos moi ben e temos algún animal xa coas 4 razas producindo e para o noso tipo de explotación funcionan moi ben.

Utilizamos touro, para as adultas un de Montbeliarde e para as xovencas touros de Roxo Sueco e de Jersey. Cando toque volveremos meter touro de Holstein.

Os touros a maioría criámolos na granxa e aos 2,5 ou 3 anos vendémolos porque a partir desa idade empezan a dar problemas de agresividade.

As vacas non teñen problema de parto, normalmente cando chegas xa están paridas. O veterinario aquí practicamente non ven a nada, agás que haxa algún problema con algún parto, que, como digo, tampouco é habitual.

Estás tamén a facer a recría dunha forma diferente. Cóntanos como a fas…
De momento levo un ano e o obxectivo é reducir ao máximo os gastos de recría e que os animais estean saudables. Así, as becerras están coas nais ata os 5 meses, alimentándose só en base a leite da nai e a pasto, e logo pasan ao grupo de xovencas, onde se alimentan só en base a pastos e a herba. O resultado provisional é que mesmo nun ano moi seco coma este pasado, con pouco pasto, criáronse sen ningún tipo de problema. Entran en celo a partir dos 15 meses e outras esperan ata os 18 meses. O gasto é mínimo: só pasto e herba seca.

¿E cales foron as referencias que tomaches para montar a túa gandería?
Aquí en Galicia para min unha granxa que foi referente, non só como profesional senón sobre todo como persoa, foi José Luis García, de Arqueixal, pero tamén teño visto granxas en Navarra e noutras partes. Sempre recomendo á xente que visite granxas, tanto en Galicia como fóra, porque de todas elas vas collendo ideas.

“Con este tipo de granxa a idea era ter tempo libre, controlar o prezo de venda e respectar o medio”

O obxectivo que me planteei con este tipo de granxa era poder ter tempo libre, porque o problema para os gandeiros é que non solemos ter o ritmo de vida normal doutros traballos. E tamén quería ter o control sobre os meus produtos, o prezo ao que os vendo e a quen llos vendo. Un terceiro obxectivo, e non por iso menos importante, era manter as condicións do medioambiente do entorno en bo estado, de forma que isto fora sustentable.

E o cuarto era endebedarme o menos posible. Así, non temos establo e contamos con maquinaria de recollida de herba porque nesta zona non hai empresas que dean servizos deste tipo, senón igual non a teríamos. O parque de maquinaria complétase cunha sementadora de herba, unha desbrozadora e dous tractores vellos. Intentamos ter o mínimo ferro e cemento posibles porque o único que che xeran son amortizacións e gastos e non é o que che deixa beneficios na granxa.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información