Oviganic impulsará a produción de leite de ovino e cabrún en Galicia

A industria monfortina asina un acordo coa Xunta para fomentar as explotacións de ovino e de cabrún orientadas en Galicia ó suministro ás industrias lácteas

Oviganic impulsará a produción de leite de ovino e cabrún en Galicia

Sinatura do acordo entre o conselleiro do Medio Rural e o director xeral da compañía.

Oviganic Ibérica proxecta impulsar o sector ovino e cabrún en Galicia coa sinatura dun acordo para a compra do leite que produza este gando en Galicia. A industria monfortina, que se abastece principalmente de leite de ovella e cabra procedente de Castela, xa anunciara no seu día a súa disposición a suministrarse tamén de ganderías galegas de ovino que puidesen estar interesadas en orientarse á produción de leite. O director xeral da empresa, Joaquín Garrido Martín, vén de plasmar agora ese compromiso por escrito nun acordo asinado co conselleiro do Medio Rural, José González.

Con este acordo, o goberno galego e a empresa con sede en Monforte de Lemos comprométense a traballar para incrementar o número de explotacións de ovino e de cabrún en Galicia. Nesa liña, o conselleiro destacou que estas gandarías permiten poñer en valor terreos de escaso valor agronómico pola súa pedregosidade, pendente, accesibilidade ou dificultade de mecanización, sendo así ademais os máis difíciles de xestionar en caso de lumes forestais.

Así, avogando por este tipo de produción -recalcou- non só se crea actividade económica coa incorporación de novos emprendedores e co incremento da sostibilidade, da competitividade e do desenvolvemento integral do rural, senón que se facilita a reorganización territorial e se avanza na anticipación aos incendios.

No marco do protocolo de colaboración, a Xunta e Oviganic Ibérica S.L. tamén perseguirán asegurar a viabilidade dos proxectos de industrialización que transformen e dean valor engadido ó leite procedente das explotacións galegas de ovino e de cabrún.

Na medida en que exista dispoñibilidade de leite de ovella ou de cabra nas explotacións galegas -tanto de produción ecolóxica como convencional-, as dúas partes colaborarán para que a transformación se produza en Galicia de xeito estable, favorecendo as canles curtas de comercialización para permitir unha maior repercusión do valor engadido nos produtores e colaboradores.

A empresa e a Xunta comprométense a difundir este tipo de gandarías entre as comunidades veciñais de montes

Por último, o Goberno galego e a empresa monfortina comprométense a difundir este tipo de gandarías entre as comunidades veciñais de montes en man común, as sociedades de fomento forestal e as empresas de produción e transformación de leite.

Finalmente, o conselleiro do Medio Rural aludíu ao papel clave que terá a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia no desenvolvemento destas gandarías, no marco da cal subliñou que xa están aprobadas 14 aldeas modelo e se están promovendo outras figuras, como os polígonos agroforestais, para poñer terra produtiva a disposición de quen a precise.

Sobre Oviganic Ibérica

Oviganic Ibérica S.L. leva 35 anos asentada no concello lucense de Monforte de Lemos e desde 2019 é propiedade da empresa chinesa Yeeper Dairy, que lle mercou a factoría á francesa Sodiaal. A compañía está a acometer un forte investimento para innovar na industrialización e comercialización de produtos lácteos de ovino e de cabrún, pero tamén de vacún. Nesa liña, a empresa ten prevista a ampliación da súa planta para a elaboración de produtos finais de alta especialización e valor engadido, como leite enteiro e desnatado en po, soro en po desmineralizado, manteiga e outras materias primas de produtos industriais.

Instalacións de Oviganic

Instalacións de Oviganic

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información