Hai dous años, en xaneiro de 2019, a cooperativa andaluza Covap (Cooperativa del Valle de Los Pedroches) aterraba en Galicia coa adquisición á portuguesa Lactogal da súa factoría de Meira (una fábrica que pertencera nas súas orixes a Vega de Oro e posteriormente a Leite Celta). Arrincaba así o proxecto de Naturleite.
Antonio Larrea Morales é o seu director xeral. Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais e con formación en Dirección Financeira e Internacionalización, ocupou desde 2013 a 2019 distintos postos de dirección en Covap, a cooperativa andaluza propietaria de Naturleite, ata que a adquisición da planta galega o trouxo a Meira.
Casado e con tres fillos, Antonio segue cun pé na súa Córdoba natal, onde está a súa familia, e con outro en Galicia. O mesmo lle ocorre á empresa que dirixe, pois aínda que o accionariado de Naturleite pertence ao 100% a Covap, a súa xestión é autónoma e independente e ten lugar desde Galicia. “O domicilio fiscal está aquí e os impostos páganse aquí”, destaca.
– Por que unha cooperativa como Covap toma a decisión de instalarse en Galicia?
– Cando en 2018 iniciamos as conversas para poñer en marcha este proxecto coa adquisición da planta de Meira fixémolo xuntando dous criterios claves: oportunidade e confianza. Tiñamos a oportunidade de achegar valor cunha iniciativa empresarial nova que garantía a continuidade de todos os postos de traballo, así como a actividade da fábrica e as relacións cos seus provedores. E a confianza de facelo da man e en colaboración con Mercadona e baixo a marca Hacendado, apostando pola calidade dunha materia prima exclusivamente galega.
– En xaneiro de 2019 empezabades xa a operar a planta de Meira. Cal é o balance que fas destes dous anos?
– Efectivamente, en xaneiro de 2019 concretábase o acordo. E en dous anos demostramos que a operación tiña sentido e que achegaba e achega valor a todos os elos. Non paramos de medrar e consolidar Naturleite desde entón, con todo o que iso implica: mantemento e creación de emprego directo e indirecto, investimentos para fortalecer a competitividade, apoio aos gandeiros da zona e produtos cunha materia prima galega de altísima calidade, envasados en Galicia para unha das empresas líderes da distribución, o que sen dúbida supón un fito importante para a nosa fábrica.
Pechamos o ano 2020 cunha produción de 110 millóns de litros de leite e a nosa previsión é alcanzar os 125 millóns durante este exercicio, un 30% máis que cando empezamos
– Cumpríronse entón os obxectivos que vos marcabades cando chegastes a Galicia?
– A maior parte dos obxectivos principais fóronse cumprindo, como pon de manifesto o feito de que durante estes pouco máis de dous anos lográsemos incrementar a nosa actividade dunha maneira sostida e sostible. Aínda que nos queda moito por facer e hai numerosos retos aos que como compañía nos estamos a enfrontar. Por exemplo, a diversificación, coa entrada de produtos innovadores; ou a aposta constante pola optimización de recursos, que nunha industria como a nosa é un factor clave de competitividade.
Un dos nosos retos é a diversificación, coa entrada de produtos innovadores, proxectando novas referencias de valor engadido que acheguen mellores marxes á industria e aos nosos produtores
– Cal era a produción en Meira cando vós chegastes e cal é nestes momentos? Traballades xa ao 100% da capacidade da planta ou poderiades aumentar as cifras actuais?
– Pechamos o ano 2020 cunha produción de 110 millóns de litros de leite e a nosa previsión é alcanzar os 125 millóns de litros durante este exercicio, cifra que supón un incremento do 30% respecto a 2018, ano previo á nosa chegada. O noso obxectivo, con todo, é consolidar estas cifras e seguir crecendo, pois cunha capacidade produtiva de 150 millóns de litros ao ano aínda temos marxe. Pero paso a paso e sen despistarnos do noso obxectivo principal: abastecer a Mercadona dun produto 100% galego e de altísima calidade.
A planta ten unha capacidade produtiva de 150 millóns de litros ao ano; aínda temos marxe para seguir medrando
– Fixestes unha serie de melloras importantes nas instalacións da fábrica nestes dous anos. En que consistiron?
– Cando chegamos xa anunciamos que tiñamos previsto realizar importantes investimentos porque, como dixen, sempre apostamos por achegar valor e por facelo a medio e longo prazo. Para iso era necesario acometer un programa de investimento que, durante estes dous anos, superou os 20 millóns de euros. Grazas a este esforzo incorporamos melloras fabrís, optimizado os procesos, introducido novas tecnoloxías que nos permitiron ampliar a familia de produtos, modernizado as liñas de envasado. En definitiva, investimos para ser máis competitivos, adaptando as nosas capacidades ás oportunidades que o mercado nos brinda.
Era necesario acometer un programa de investimento que, durante estes dous anos, superou os 20 millóns de euros
– Tendes programado algún outro investimento na planta?
– Claro: o esforzo investidor de Naturleite é recorrente. Aínda que o máis importante xa o acometemos e agora a prioridade é rendibilizalo e aproveitar ao cento por cento do noso potencial. Por tanto, os nosos esforzos centraranse nos próximos meses en aproveitar ao máximo as nosas capacidades para ser aínda máis eficientes. E investiremos, aínda que en menor medida, en melloras menores, pero de retorno máis inmediato.
Nunha industria como a nosa a optimización de recursos é un factor clave de competitividade
– Que plans tendes para os próximos anos?
– Seguir crecendo a través da nosa aposta pola calidade, que é a que nos ha de permitir manter a confianza dos consumidores nos nosos produtos. Queremos seguir liderando iniciativas que fortalezan ao noso sector, no seu conxunto, e que, ademais, nos permitan diferenciarnos. E, loxicamente, imos seguir enfocando cada paso que deamos cara ao cliente, ofrecendo produtos que dean resposta ás súas necesidades; proxectando novas referencias de valor engadido que acheguen mellores marxes á industria e aos nosos produtores.
Imos seguir enfocando cada paso que deamos cara ao cliente, ofrecendo produtos que dean resposta ás súas necesidades
– Tendes previsto seguir aumentando a vosa implantación na comunidade?
– Como dixen, Naturleite quere seguir medrando sostida e sosteniblemente. E isto é importante, porque o que proxectamos cando empezamos, en 2019, era un crecemento paulatino e unha aposta polo longo prazo. Durante estes dous anos, conseguímolo: crecemos e creceron tamén os nosos provedores gandeiros e colaboradores, logrando, entre todos, impulsar economicamente a nosa contorna. Este é o camiño que eliximos e polo que queremos seguir, iso si, paso a paso; sen présas. É para o que nos preparamos.
Naturleite é moito máis sólida hoxe que cando se creou, o que se ha de traducir nun crecemento en Galicia a medio e longo prazo
Naturleite é moito máis sólida que cando se creou: dispón dunhas instalacións, tralos investimentos realizados, moito máis eficientes e produtivas; conta cunha oferta de produtos máis ampla; consolidou a unha rede de provedores locais que comparten a súa aposta pola calidade; e ten un persoal de 90 persoas que están totalmente aliñadas e comprometidas co noso proxecto. É dicir, dispoñemos dos ingredientes necesarios para seguir contando coa confianza dos consumidores, o que se ha de traducir, se sabemos xestionar todos estes activos, nun crecemento en Galicia a medio e longo prazo.
– Ademais do leite UHT, o sen lactosa e o fresco pasteurizado, elaborades na actualidade en Meira algún outro produto ou tendes previsto ampliar ese catálogo con algunha outra referencia?
– De momento traballamos para consolidar e mellorar os produtos mencionados, que son os que actualmente elaboramos en Meira, aínda que non descartamos a medio prazo aproveitar oportunidades e ampliar a nosa actividade con outros novos.
– É o leite fresco pasteurizado unha das bases do proxecto de Naturleite? Cal é a produción actual e as perspectivas de crecemento?
– Aínda é pronto para valoralo. É un produto que acabamos de incorporar á nosa actividade e que, de momento, está a obter unha acollida moi favorable no mercado, cunha produción mensual que xa supera o millón de litros. E o noso obxectivo é seguir incrementando ese volume nun mercado cuxo dinamismo é evidente.
A produción de leite fresco pasteurizado supera xa o millón de litros mensuais e o noso obxectivo é seguir incrementando ese volume nun mercado cuxo dinamismo é evidente
– Nestes momentos o leite fresco que se produce en Meira chega a boa parte da Península e a Canarias. Que retos supón distribuír ese produto a estas distancias?
– A loxística, en produtos como o leite fresco, cunha vida útil moi curta, é un factor clave. Pero un factor que non é novo e co que os nosos procesos loxísticos levan anos lidando. E por suposto, garantimos tanto a seguridade alimentaria como a calidade no noso leite fresco, asegurando a frescura e a cadea de frío, que máis que un reto, é unha responsabilidade que asumimos as dúas partes do proceso, tanto Naturleite como Mercadona, e á que sempre demos resposta.
– Como afectou o coronavirus ao consumo de leite e derivados en España? Que cambios ou que tendencias observades?
– A pandemia demostrou que, nos momentos excepcionais e cruciais, o que máis se valora é aquilo de rutina, é dicir: abastecemento, seguridade alimentaria, calidade e compromiso co territorio. E niso tivemos que centrarnos inicialmente: en ser capaces de adaptarnos a unha demanda de mercado que foi exponencial, sen restar un chisco de calidade nos nosos produtos.
Para iso, cando se iniciou o Estado de Alarma, no mes de marzo do ano pasado, en Meira adoptamos medidas extraordinarias para continuar producindo a pleno rendemento e dar cobertura á demanda do mercado, o que nos levou a incrementar a produción un 53% durante o primeiros sete días do Estado de Alarma, cun esforzo máis que considerable non só por parte do noso persoal, que traballaron con total dispoñibilidade e responsabilidade social, senón por parte de todos e cada un dos nosos gandeiros provedores, dos transportistas etc.
O principal cambio que introduciu a pandemia non foi tanto de consumo como de poñer de manifesto que o noso sector é un sector estratéxico
Ese foi o principal cambio que introduciu a pandemia. E non foi xa tanto de consumo como de poñer de manifesto que o noso sector é un sector estratéxico que, ademais, soubo demostrar o seu compromiso e eficiencia. Porque é unha realidade que o leite, os produtos lácteos, non faltaron nos lineais. E iso foi posible porque todos traballamos con normalidade, e cun esforzo extraordinario, a pesar da complexidade dunha situación tan anómala como a que estabamos e aínda estamos a vivir.
– Considerades que eses cambios son algo conxuntural e pasaxeiro ou que terán dalgún modo continuidade trala pandemia?
– O consumidor busca, en primeiro lugar, seguridade alimentaria e calidade no produto. Pero ademais, temos que dar resposta a un consumidor cada vez máis responsable e mellor informado, que demanda produtos máis sostibles medioambientalmente, que quere coñecer os procesos, as políticas de benestar animal, a aposta pola innovación, etc. Desta maneira, estamos diante dun mercado no que todo cambia a maior velocidade e no que a inmediatez é un elemento engadido.
– Durante o 2020 vimos en dúas ocasións leite con marca Naturleite destinada ao Banco de Alimentos e en Andalucía Covap elabora e comercializa produtos lácteos coa súa propia marca. Poderiamos chegar a ver leite Naturleite ou Covap nos lineais dos supermercados galegos?
– Naturleite é un proxecto galego que aposta pola gandería galega e por poñer en valor un produto galego de calidade, pero o noso camiño natural é seguir vendendo leite galego baixo marca Hacendado.
Naturleite é un proxecto galego que ten grandes oportunidades para mellorar e seguir crecendo
– A Xunta aprobou recentemente a súa Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo na que un dos seus obxectivos principais é incrementar a transformación en produtos de maior valor engadido. Plantéxase Naturleite facer algún outro tipo de produto máis aló de envasar leite?
– Por suposto. Valoraremos calquera oportunidade de crecemento e niso estamos, pero priorizando nestes momentos os produtos actuais. En calquera caso, apoiamos a estratexia da Xunta, que expón igualmente outros obxectivos que nós, desde Naturleite, subscribimos ao 100%. Cumprimos e impulsamos, por exemplo, o feito de que os nosos gandeiros son 100% galegos e de que transformemos o 100% do seu produto en Meira, en Galicia.
– Galicia segue incrementando a súa produción láctea de maneira importante desde o 2015, cun aumento do 4% o pasado ano. Existe capacidade de transformación e, sobre todo, de comercialización desa produción?
– Está claro que si. Dos máis de 2.800 millóns de litros que se producen en Galicia, a metade transfórmanse fóra desta comunidade cando a realidade é que Galicia tería actualmente a capacidade industrial de asumir toda esa cantidade de leite que sae das súas fronteiras. E en canto á comercialización, non temos unha balanza nacional produtiva negativa? Pois o que temos que facer é fixar esa produción e comercialización ao territorio.
A metade do leite que se produce en Galicia transfórmase fóra, cando a realidade é que a comunidade tería actualmente capacidade industrial para asumir toda esa produción
– Outras empresas iniciaron o camiño da exportación a países como China ou os países do norte de África. Hai un mercado interesante para o leite galego neses países?
– Calquera oportunidade de crecemento rendible é interesante. Nós xa o comprobamos, ao iniciar tamén o ano pasado exportacións tanto a China como a países do norte de África. E aínda que o noso negocio principal é, e seguirá sendo, o mercado español, para seguir medrando estamos obrigados como empresa a valorar todas as opcións existentes, polo que seguiremos ampliando mercados na medida das nosas posibilidades.
“Impresiónanme os excelentes ensilados que logran os gandeiros en Galicia”
Antonio leva só dous anos en Galicia pero este andaluz empeza a considerarse “un galego máis”, tanto, que xa case se atreve co idioma e, di, empeza a saber o que é a morriña cando está fóra de Galicia.
– Cando chegaches a Galicia, que foi o que máis che sorprendeu do sector lácteo galego?
– O importante peso que ten na economía e sociedade galega, a transformación que sufriu nestes últimos anos e, sen dúbida, o extraordinario potencial que aínda ten.
– Cal é a diferenza entre producir leite en Andalucía e en Galicia?
– A auga, e por tanto, a base alimentaria, impresiónanme as excelentes ensilaxes que teñen os gandeiros. Hai magníficos profesionais gandeiros en Galicia e en Andalucía, pero a climatoloxía xera a diferenza.
– Cal é o volume actual de recollida e número de explotacións de Naturleite? Incrementouse con respecto a cando chegastes? Tedes intención de seguir aumentando a recollida?
– Actualmente traballamos con 118 ganderías, que nos abastecen de 330.000 litros de leite diarios á nosa planta. Este volume supón un incremento do 30% desde o inicio da nosa actividade, en xaneiro de 2019, e confirma que o proxecto que iniciamos coa colaboración do sector primario galego. De feito, o noso obxectivo é seguir crecendo en paralelo cos nosos provedores e seguir construíndo, xunto a eles, un sector lácteo máis moderno e rendible para todos os seus elos, traballando para construír unha cadea láctea sostible para todos.
Queremos seguir construíndo, xunto aos nosos provedores, un sector lácteo máis moderno e rendible para todos
– Consideras que está a funcionar ben a Lei da Cadea no caso do sector lácteo? Hai unha distribución xusta de marxes nos distintos elos?
– O problema da Lei da Cadea é, seguramente, que non achegou a claridade necesaria, aínda que o espírito da lei teña moi boas intencións. Pero quizais falte claridade nun sector no que, como en calquera outro, a transparencia e a estabilidade son dous piares fundamentais.
Todos temos que saír gañando porque se unha da partes perde diñeiro, non hai nada que estabilizar. Aínda que a ecuación da estabilidade pasa por despexar dúas incógnitas: a primeira, un prezo razoable; e a segunda, unha eficiencia produtiva acorde ao negocio. Pretender solucionar esta ecuación sen ter as dúas variables en conta está fóra de toda lóxica.
A Lei da Cadea non achegou a claridade necesaria, aínda que o espírito da lei teña moi boas intencións
E existe unha evidencia clara: é o consumidor final quen ten a última palabra, e demanda calidade ao mellor prezo posible. Por tanto, a nosa obriga é tratar de combinar uns bos prezos de venda coa eficiencia produtiva e non socializar perdas, que é a destrución do negocio a medio ou longo prazo.
– Estamos nun momento de incremento importante dos custos de produción no campo debido á suba nos pensos e nas materias primas. Debería subir tamén o prezo que cobran os gandeiros polo seu leite?
– O noso ADN é gandeiro e, por tanto, sempre buscamos o mellor prezo ao que poidamos chegar. Ademais de practicalo, esforzámonos en mellorar a rendibilidade dos nosos subministradores e en colaborar con eles, o que nos permite xerar esas relacións estables tan necesarias no noso sector. Pero baixo un compromiso conxunto, que é garantir unha calidade elevada.
Estamos a valorar se ofrecer o servizo de compra conxunta de penso aos nosos gandeiros para sufrir o menos posible as especulacións do mercado
Somos conscientes da dificultade de repercutir os incrementos de custos cara adiante, por iso unha forma de minimizar ese problema é concentrar a compra e evitar compras spot (compras con entrega inmediata a prezo de mercado), para ter estabilidade e sufrir esas especulacións o menos posible. En Naturleite estamos a valorar se ofrecer ese servizo aos nosos gandeiros.
– O que facedes en Meira é marca de distribución. Por parte dos gandeiros acúsase frecuentemente ás grandes cadeas de usar o leite como produto reclamo. Ti crees que é así? Hai algunha correlación entre marca branca e prezo baixo ao gandeiro?
– Naturleite fai un produto de calidade e baixo unha marca, Hacendado. Investimos, innovamos, contribuímos a transformar e modernizar o sector e apostamos pola rendibilidade en todos os elos. Esa é a realidade de Naturleite. No noso caso, non se trata dun produto reclamo.
No noso caso, o leite non é un produto reclamo
– Entendo que unha das claves das industrias de envasado de leite é estar preto dos puntos de produción, non sei se esta circunstancia é máis importante se cabe ao enfocar unha das vosas liñas de actividade ao leite fresco e se por iso tendes fixado algún tipo de límite en canto ao radio de quilómetros de recollida desde a factoría?
– Recollemos leite no ámbito territorial da provincia de Lugo, a incorporación de ganderías doutras zonas de Galicia é unha posibilidade que non descartamos, pero que vai depender do noso propio desenvolvemento e das necesidades de materia prima que teñamos a medio e longo prazo. Efectivamente, a proximidade dos gandeiros aos puntos de produción é un factor relevante. Pero non o máis relevante para Naturleite, cuxa esixencia principal é a calidade.
Meira ten unha vantaxe estratéxica, pois está situada nunha das zonas máis produtoras de leite de España, o que nos permite recoller leite da calidade que esiximos nun reducido radio de quilómetros
E Meira ten unha vantaxe estratéxica neste sentido, pois está situada nunha das zonas máis produtoras de leite de España, o que nos permite dar resposta aos dous vectores anteriores: recoller leite nun reducido radio de quilómetros, percorrendo varios concellos de norte a sur da provincia; e garantir que o produto que recollemos ten a calidade que esiximos. Así que, neste contexto, e con recollida diaria, a loxística para a fabricación dos nosos produtos, incluído o leite fresco, cumpre sobradamente cos criterios que nos marcamos.
– Cal é o perfil dos vosos gandeiros provedores?
– Para Naturleite o principal é o compromiso dos gandeiros que forman parte do noso proxecto. Hai que ter en conta que nós somos tamén gandeiros en orixe, de maneira que entendemos perfectamente o contexto e os retos aos que se enfrontan. O noso modelo está baseado nunha relación estreita con eles que non se cingue exclusivamente ao pago dun prezo xusto, senón que vai moito máis aló compartindo o noso coñecemento do sector, froito de décadas de traballo, para mellorar a súa rendibilidade e produtividade, sobre a base dunha colaboración e implicación moi estreitas. Porque estamos convencidos de que Naturleite non pode ter futuro se non o teñen os seus gandeiros provedores. E ese é o compromiso conxunto ao que me refería: ser capaces, entre todos, de transformar e modernizar o sector lácteo por medio da calidade, eficiencia e sustentabilidade.
Nós somos unha industria atípica, porque tamén somos gandeiros en orixe, polo que o noso modelo está baseado nunha relación estreita que non se cingue exclusivamente ao pago dun prezo xusto senón a compartir o noso coñecemento con eles
– Unha das primeiras decisións de Naturleite foi a de suprimir a prima por cantidade, algo habitual noutras empresas A que se debe?
– Débese ao noso modelo de relación, cuxas características son diferenciais respecto á industria láctea convencional. E dentro do noso modelo, á responsabilidade que temos, tanto cara ao noso cliente, como cara ao consumidor final, de ofrecer produtos cunha seguridade alimentaria garantida e dunha calidade moi elevada. E iso é o que facemos en Naturleite, valorar a calidade do leite por encima de calquera outro criterio, incluído o da cantidade. Por iso, porque o que perseguimos é a excelencia, todos e cada un dos litros que recollemos diariamente han de cumprir cos criterios establecidos.
– Insistides en que a vosa aposta é pola calidade e esixistes tamén aos vosos gandeiros maiores niveis neste sentido. Tendo en conta que a vosa actividade céntrase no envasado de leite líquido, que aspectos cobran maior relevancia para Naturleite: as porcentaxes de sólidos ou os parámetros hixiénico-sanitarios?
– Calidade, calidade e calidade. Esa en a nosa aposta e, con esa premisa, establecemos unha serie de condicións no contrato. E traballamos con gandeiros provedores que as aceptan porque nos coñecen e están totalmente involucrados no noso proxecto, dado que comparten os nosos criterios e saben, coma nós, que máis aló dos novos produtos que poidamos introducir no mercado, a mellor forma de diferenciarse coa produción e venda dunha commodity como o leite é por medio da calidade. Neste sentido, e respecto á calidade do leite, os parámetros hixiénico-sanitarios e as porcentaxes de sólidos van da man: só se poden obter sólidos de calidade do mellor leite.
– A nivel de granxa, contades cun programa de asesoramento técnico para axudar aos gandeiros a mellorar a calidade do leite. En que consiste e cantos gandeiros participan?
– A nosa proposta de negocio está baseada no crecemento conxunto e na optimización dos recursos por medio da colaboración constante. Para iso, asumimos un importante intercambio de coñecementos entre cantos formamos parte da cadea, o que se traduce, por parte do departamento de Campo de Naturleite, nunha asesoría constante aos provedores que o necesitan. Igualmente, contamos coa colaboración de veterinarios e doutros servizos técnicos da zona, que nos apoian e traballan directamente nas granxas e xogaron un papel importantísimo neste traballo en equipo. En total, falamos dun proxecto no que participan moitos provedores que, coma nós, creceron durante estes dous anos grazas á mellora da calidade da súa materia prima, que é o mellor exemplo dos resultados obtidos.
– Buscades a calidade tamén no transporte. Naturleite implementou tamén un sistema para controlar a temperatura nos tanques dos camións. Como funciona?
– En Naturleite apostamos pola trazabilidade da calidade, o que implica poder garantila desde a orixe ata a mesa do consumidor final. Isto obriga a poñer en marcha medidas de control en todo o proceso. Unha delas é a vixiancia constante de temperatura do leite, que é un dos puntos críticos que controlamos en tempo real.
A temperatura do leite é un dos puntos críticos que controlamos en tempo real durante o transporte desde a granxa ata a planta
– Outro dos puntos nos que poñedes a énfase nas vosas granxas ten que ver co benestar animal. É unha cuestión máis de márketing comercial, porque así o demanda o consumidor, ou porque está relacionado tamén con outros aspectos produtivos e de calidade de produto?
– É unha cuestión de compromiso e de transparencia que nada ten que ver co márketing comercial e si con dar respostas a preocupacións reais dos consumidores. E que teñen todo o sentido porque na sociedade actual non podemos dar as costas a esta realidade cando, por outra banda, ademais está constatado que o benestar animal promove a mellora continua na produción e repercute positivamente na eficiencia.
– Establecestes unha prima específica por este concepto, pódese cuantificar numericamente de maneira obxectiva algo como o benestar animal?
– Como digo, o benestar animal é un compromiso real, que desde Naturleite abordamos por medio do protocolo Welfare Quality. Este protocolo de certificación e avaliación do benestar animal é un documento de consenso científico deseñado por varios equipos de investigación de toda Europa especializados nesta materia, despois de máis de 15 anos de traballo. Está baseado nunha auditoría na que, auditores acreditados e independentes, avalían unha serie de indicadores específicos dos animais. O resultado desta auditoría clasifica ás granxas en función dun baremo establecido polo propio sistema Welfare Quality, polo que a obxectividade está garantida.